20051101

Defuntos

Dúas imaxes para o día: dúas vistas do cemiterio ribadense no día de defuntos.
Da que pensar este día, non polo tempo de choiva nin pola pouca afluencia de xente a primeira hora da mañá, senón polo seu significado e a arquitectrua funeraria. O cemiterio de Ribadeo, en Cruz as súas vias principais, ten unha vista especial, fronte á ría (pode que mañá poña unha vista tomada xusto na porta, cara á ría), pero cousas como salgueiro chorón que se ve nunha das fotos, totalmente inclinado e cheo de follas o día de hoxe son definitorias aínda que por si soas non signifiquen nada. A posta por esta vez non aparece nin a capela central nin a morgue, e si nunha un campo de cruces e noutra un campo cos nichos ó fondo, e contrastando, só, un túmulo funerario en negro.
--
Para dar outra visión, a entrada de novembro do ano pasado no vello blog
En novembro, de cumpreanos / No english version
Tódolos meses ocorren moitas cousas. Unha morea de xente cumpre anos, por exemplo. Este mes, tamén o nunca máis esquecido Prestige.
Pero neste caso, en Ribadeo, o que cumpre anos foi a Casa da Ría sen amañar, sen usar, sen un futuro mentres se piden cartos para comezar cousas novas en outros lugares, poñamos As Catedrais, non se sabe se para despois deixalo co mesmo trato que neste caso: esquecido. E non será porque non se lle lembrara ó Concello.
Algo parello sucede con algo completamente distinto: houbo aniversario tamén nos ruídos, pois hai xa un ano que o Concello fixo a primeira reunión para anunciar un proceso que tiña que rematar hai máis de medio e segue sen facelo, nin contestarse ás cartas dirixidas como queixa e protesta, nin.... O ruido acompaña as noites dos fins de semana nas que tanto público teñen as actividades alternativas, rematadas a tempo para que non falte a xente na movida. As rúas están ocupadas. Mentras non se levantou parte da 'pasarela catro calles' ata o penúltimo día do mes, as obras cortaban rúas enteiras dende antes e ata despois de rematar novembro: por derrumbe, a Avda. de Galicia, causando máis trastornos no tráfico e a pesares dos avisos de apertura xa nas primeiras semanas do mes. Por ocupación na construcción dunha vivenda, un vial xusto á carón do corte anterior. Por obras no piso, a futura semipeonal, ... sen contar as invasións das beirarúas ou as rúas por obras, algo aumenta como fungos. Máis lento, con obras do que se podería chamar “menor calado”, seguen as obras na zona portuaria, comezando un novo frente de obra na antiga cruz vermella do mar e cetárea.
En espera da posibilidade de intervención dos veciños nos plenos, o Concello amosou unha nova cara: a casa pintada de cor rechiscante segundo algúns, pode que para acompasar ca estatua do Marqués. No interior, seguen as mesmas cuitas que en meses pasados, amosando un Ribadeo polémico que tanta falta faría noutros menesteres, para compensar agrias confrontacións na prensa ou os anuncios de cousas que ... algún día poida que se faigan. Ó tempo parece anunciarse e desmentirse a volta do xulgado a Ribadeo, a reclamación dunha ligazón na circunvalación coa carretera de Vilela, dúas cousas nas que, cos seus máis e os seus menos, os grupos políticos están de acordo en bloque, entre outras propostas nas que se discrepa. E dúas cousas que se nomeraron como causantes da variación do Concello en relación ó recheo.
Novembro, por mor de Santa Cecilia, é o mes da música. Aínda que houbo moitas outras actividades (aí queda por exempo o mariñeiro que lembraba o Prestige no teatro), os actos en honra da patroa da música colleron protagonismo. Comezaron cunha homenaxe a Carlos Cid a cargo da coral polifónica e remataron ca actuación dunha revitalizada Banda de Música lembrando a Hernán Naval.
Ribadeo europeízase. En novembro comezaron a rexir varios novos proxectoes europeos relacionados con servicios internet, que se suman ós xa moitos que mantén o IES Porta da Auga dende a pasada década. Noutros sentidos, globalízase: non se sabe xa o número de relixións que teñen crentes no povo; aínda que non pareza o motivo de que o Opus Dei comezara tamén a moverse na vila.
Case cerrando o mes, unha manifestación protestando pola violencia contra as mulleres uniu as dúas beiras da Ponte dos Santos, entre outras actividades co mesmo fin.
Eso e moitas outras pequenas cousas ocorrían en Ribadeo mentras os marines asaltaban Faluia e as eleccións iraquís levan camiño de retrasarse. Mentras por mor doutras eleccións o povo ucraíno está a ter unha revolución pacífica nun primeiro momento. Mentras o euro bate ó dólar e a economía europea se resinte. Mentras por enésima vez volta a subir o petróleo tras unha guerra para baixalo. Mentras a China xa se recoñece como potencia económica. Mentras se quere reformar a ONU, ...

Ningún comentario: