20060712

Comentarios despois dunha primeira ollada á Ordenanza Municipal de protección contra a contaminación acústica de Ribadeo (OMPCCA)

Son 27 páxinas e por fin puiden botarlles unha ollada. Non se me vai que foi feita copiando e sen fixarse moito, como o indican determinadas faltas de lingua e outras lagoas. Segundo o alcalde, fai meses o dixo, querían facer algo pouco restrictivo, que se houbera posibilidade de que normas xerais foran menos esixentes, deixar a porta aberta para aplicalas cando conviñera, pero que se aplicaría como non se fixo co RAMINP nesta parte correspondente. No pleno mesmo dixo que non querían machacar ningún local. E de aí a 'operación acordeón', deixando sen efecto unha parte do RAMINP unha tempada e logo aplicando nova norma.
Ben, pois se se aproba, coido que ou machacan varios locais tendo que facer fortes inversións, en algún dos casos non rendibles, ou terán que pasar polo xulgado pola súa non aplicación, que será comisión de delicto. Chegados a este punto cabe pensar nos prazos e outras cousas, e na súa aplicación no seguinte mandato, do que pode que se libre o actual alcalde, pero alguén o terá que facer. É un pensamento lóxico, pois na norma non está previsto como facela cumprir, do mesmo xeito que saiu un informe positivo para a ampliación de horario dos locais nouturnos (verán, festas, Nadal, ...) dicindo só eso, que era positivo, sen máis explicación e contradicindo que hoxe en día, a pesares das promesas electorais realizadas, non haxa policía municipal que garante a noite a maioría dos días.
É dicir, o de pensar en aplicalo, polo momento, non o podo creer moito, e visto como funcionan as cousas, dubídoo. Quédame a dúbida da calidade en referencia ós mecanismos do concello, e xa fixen antes mención de que agora pode xerar casos xudiciais en relación coa responsabilidade da súa aplicación.
A ordenanza parece non prestar especial atención no seu art. 4 ós principais motivos de queixa acústica ata o momento, a pesares de adicarlle despois un capítulo enteiro que coido incompleto nas súas referencias.
No art. 5, menciona zonas de sensibilidade acústica e refíreas posteriormente á súa definición no PXOM... coido que sobran explicacións, pero aquí é necesario aclarar que houbo unha chea de veciños que presentaron no seu momento un escrito pedindo declaracións de zonas acústicamente contaminadas.
O art. 6 fai mención á normativa anterior e á vixencia dela mentras tanto, co que se esquecan os 6 meses que aparecen ó final (transitoria 1ª) para adecuación dos locais, pois en parte tiña que estar feita agora.
No art. 8.1 fai referencia ó proceso de avaliación de incidencia ambiental, que non aparece despois sinalado e que terán que referirse a outras normas de rango superior, cando o que se trata con este regulamento é de facer algo específico de Ribadeo (ou non? porque alquera sabe cal é o obxectivo). O 8.4 implica que os locales que xeren un minimo de ruído terán que ter un illamento de 50dB mínimo, e teño visto xa máis de un proxecto no que se contemplaba abondo menos (e non falo do que se facía despois). Paréceme ben, pero logo hai que cumprilo e facelo cumprir.
E referente a facelo cumprir, no 12.2 fáise notar, en conxunto cos prazos do final, que o concello non ten prazo de adaptación (coido que non o pode poñer). Aí mesmo aparece unha frase contradictoria ó meu ver: "adoptado nun procedemento contradictivo" Cando o vexa de segundas mirarei un pouco máis o sentido posible.
No mesmo art. 12 libera ás terrazas de todo control, ó non estar sometidas a illamento acústico. Pero son dúas cousas diferentes: está claro que unha terraza non pode ter illamento acústico, pero non se pode deixar sen limitar as súas emisións, sen asociar terraza cunha tipoloxía de local, etc.
O art. 13 permite ós locais pasar de 90dB interiores só con poñer un cartel dicindo que pode facer dano...
O 15 e o 19.2 fala dunhas placas identificativas que están por deseñar, mentras en noutros lugares levan décadas facéndoas. Supoño que eso non será dificultade, pero visto que as cousas do Pazo van despacio, convén lembralo.
O art. 30 non contempla cousas como tirar vidro ós contenedores ás 6 ou 7 da mañá, xa prohibido noutro lugar porque non son os contedores adecuados, pero...
Aparece noutro lado que o concelo poderá rebaixar os niveis permitidos ós locais cando por acumulación se sobrepase o límite en 3 dB no exterior. Eso, para quen coñeza as medidas acústicas, significa só que cando hai dous locais semellantes pegados (xa que 30dB + 30db = 33dB) hai que rebaixar o ruído permitido para cada un deles. Benvido!
No art. 46 non se determina ningún programa municipal...
É só unha primeira lectura, pero xa me deu abondo que considerar. Estaría peor feito e sería menos restrictivo (por moito que diga o alcalde que se permitirá ós locais), pero preferiría que se tivera cumprido o outro.
Continuará.

Ningún comentario: