20060726

Onte vin chorar no Auditorio Hernán Naval, Ribadeo

O director da a entrada para o comezo do primeiro concerto no auditorio Hernán NavalXente saíndo do auditorio recén nomeadopalabras de M.Luz, concelleira de CulturaCoido que si foi emocionante para moita xente. Un recoñecemento a Hernán, que levou a batuta guiando os pasos musicais de moitos dos que estaban presentes e de outros ausentes. Palabras emotivas primeiro de Mari Luz, no exterior, logo de Suso, no interior. Fotos e a reproducción da letra do díptico coido que ilustran xa non o acto, senón o sentemento. O resto, pouco a pouco no 'Arquivo dixital Hernán Naval'
--
Concerto da Patria galega
Andrés Gaos foi violinista, compositor, director de orquestra e pedagogo musical. Entre as súas obras máis destacadas atópanse a Sinfonía n°2 "Nas Montañas de Galicia" ou Rosa de Abril así como ducias de concertos para violín solista e varias pezas para grupos de corda. Unha mañá de marzo de 1959 finaba no Bos Aires que o acollera como emigrante. A poucos anos de cumprirse o medio século do seu pasamento tanto a súa obra musical coma pedagóxica fican aínda sen un recoñecemento público en Galicia, país que está presente en todos e cada un dos traballos que levan o seu nome e ao que adicou cantos premios recibiu ao longo da súa carreira.
Hernán Naval garda un certo parecido con Andrés Gaos. Ademáis de sentir fonda admiración polo compositor coruñés, Naval foi trompetista, compositor, director da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) e pedagogo musical, alen de conferenciante, articulista, dramaturgo e promotor de ducias de iniciativas culturáis, tanto no seu Viveiro natal coma no Ribadeo que He deu acubillo durante anos. Unha das súas obras, Lonxe do Mar, vai soar esta noite no Auditorio Municipal "Hernán Naval Parapar" de Ribadeo e outra delas, Port - Bou Sarajevo, está recollida no primeiro CD da BMR. Mar por Medio ou Il Nome Della Rosa son pezas tamén asinadas por Hernán xunto con centos de arranxos de pezas diversas que leva feito tanto para a banda que criou como para a Escola que pariu. Até fai quince días a figura de Hernán Naval e todo o seu legado ficaban orfos dunha homenaxe pública na vila de Ribadeo que fose máis aló do carácter efímero das palabras. Cinco anos despois da súa morte, no Día da Patria Galega de 2006, Ribadeo cumpre unha das súas obrigas coa persoa de Hernán Naval en sinal de agradecemento póstumo por todo canto fixo musical e educativamente ao longo dos seus anos de traballo na vila ribadense. O que está chamado a converterse nun dos epicentros culturais da comarca, o Auditorio Municipal de Ribadeo, vai levar dende hoxe o nome de "Hernán Naval". A outra obriga que aínda ten Ribadeo coa persoa e co traballo de Hernán é manter vivo o seu espirito no tempo, tanto a través da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo coma da banda, consolidando dous proxectos educativos e musicais de referenza non só na comarca senón en todo o país.
Recoñecendo a laboura de Hernán axudamos tamén a manter viva a obra do
seu benquerido Andrés Gaos con quen a bo seguro comparte nalgures a batuta
do coro de voces ao que un día deu forma Castelao na súa Alba de Glória. Tan
so, grazas.
"Miña avoa cambiaría de opinión se hoxe poidese estar aquí..." (Hernán Naval o día 08/01/99)
S. López, trompeta da Banda Municipal de Ribadeo

Programa
Ponteareas.................... R. Soutullo
A little concert suite........ Alfreed Reed
I Intrata
II Siciliana
III Scherzo
IVGigue
Festa paesana................. Jacob de Haan
Lonxe do mar.................. Hernán Naval
Don't cry for me Argentina.... Andrew L Webber
Abba Gold..................... Ron Sebregts
Let's make music.............. Jan Ceulemans
Director: Lourenço Cruz


--
Unhas notas: Antes de ter lugar a interpretación da obra de Ceulemans, de título moi apropiado para a ocasión, o presidente de Amadores saíu ó esceário para cambiala e tocar de novo 'Lonxe do Mar' como homenaxe ó 'Maestro de sempre' da banda.
Para mellor coller as fotos:
O director da a entrada para o comezo do primeiro concerto no auditorio Hernán Naval.
Xente saíndo do auditorio recén nomeado, da primeira actuación co nome de Hernán.
Palabras de M.Luz, concelleira de Cultura.
Comentando con outra xente, notouse algunha ausencia. Algún, por despiste, outros, porque non se enteraron, outros por imposibilidade, pero tamén algunha que costa comprender e outras, confirmación do xa esperado.

2 comentarios:

Agremon dixo...

Están sendo recollidos. A partir do 16/12/2006 teñen sido publicados máis de 50, e agora xa vai algún documento no "Arquivo dixital Hernán Naval". Hai dificultades para a publicación de artigos seus, pero hai recollidos xa unha boa morea del e de outros e relación a el e o seu traballo.

Fer Trombón dixo...

Os datos estan a recollerse dende a morte de hernán e hai un arquivo en papel bastante interesante e amplo. O proceso de dixitalización e lento e feito por xente con mais ganas que medios, até vai pouco todo proxecto relacionado con hernan naval, (mesmo o intento de facerlle unha paxina web) non foi moi apoiado e añadironselle atrancos. Alguns esperamos que iso cambie en Ribadeo. Mentras tanto seguemos a traballar paseniño.