20061107

A vida das formigas


Xa hai tempo que Maurice Maeterlink escribira 'A vida das formigas' e 'A vida das abellas', dúas fermosas descricións do desenvoltarse destes dous animais sociais. Ven a conto de que en ambos casos a sociabilidade e estabilidade das súas sociedades tense logrado a base de dúas cousas básicamente, un longo tempo de adapatación ós cambios e unha ríxida estructura social que divide os quefaceres e especializa ós individuos de xeito que o formigueiro (ou a colmea) máis que un corpo social son un supraindividuo. Se entramos en comparación cos humanos, atopamos unha morea de diferencias, entre as que posiblemente a principal sexa o libre albedrío que consideramos nos humanos, o que dificulta o encadre maquinal nunha sociedade e ademáis promove o avance dos cambios rápidos na mesma e o deficiente funcionamento. Non embargantes, as sociedades humanas tenden a ser ríxidas, a perpetuarse a si mesmas aumentando a definición dos seus rasgos máis característicos, seguindo unha evolución na que a cúpula que se considera en cada momento ten máis poder de intervención e de deseño da estrutura que os demáis e tenta impoñer a súa concepción de sociedade esaxerando os rasgos da mesma no sentido indicado. É algo curioso, observable dende o conxunto da sociedade a nivel global ás pequenas sociedades como Ribadeo ou a niveis aínda máis pequeno. Algo curioso que non é unha predestinación, pero que para cambiar de rumbo necesita mecanismos como novos descubrimentos científicos ou revolucións, cousas ambas que aínda poden (e soen) estar mediatizadas en parte por un grupo de poder e que necesitan do exercicio da voluntade dos individuos para poderse levar a cabo.
De xeito complementario, é curioso asemade que o tal Maurice teña pouca presenza hoxe como escritor e Premio Nobel. Sen entrar na súa valía (de calquera xeito, o Nobel levouno) as referencias que se poden atopar hoxe sobre a súa biografía están mais ben dispersas, motivo polo que non poño ningunha ligazón a un sitio onde se fale del dun xeito máis ou menos compresivo. De seguro que se escribira sobre a sociedade humana, ou sobre particularidades da mesma, tería sido recoñecido hoxe doutro xeito. E, nembargantes, formigas e abellas aparentan sociedades tan perfectas e que ó tempo producen tanto medo como posibilidade...
De aí que a creatividade, segundo as épocas sexa máis ou menos valorada, e/ou que a xente creativa poda desenvolverse de xeito libre e influír nos grupos sociais ou viceversa, grupos sociais tendan a fagocitar as súas ideas. De aí tamén a importancia da xente creativa e da creatividade na xente...
E pensar que este post xurdiu en parte ó saber que van facer unha oficina de turismo ó pé do ascensor da atalaia... feito por Portos! É dicir, o de 'zapateiro, ós teus zapatos' quedou arrumbado en Ribadeo fai tempo.
A foto de hoxe, unha vista unha zona da ría de Ribadeo que se poderá contemplar (sempre que non haxa cambios imprevisibles hoxe) dende o célebre ascensor ou a súa oficina de turismo.
---
Nota moi posterior: A oficina de Turismo, case dez anos despois, segue sen ver a luz.

2 comentarios:

Fer Trombón dixo...

na vida das formigas a piramide está invertida... o poder xurde de abaixo.. e sosten ó pico. Nós temola o outro sentido para ben ou para mal... Logo das loitas entre nós cando rematemos por arrasarnos só quedaran as formigas...

agremon dixo...

Non é tan así, Fuji...