20061224

Longo día, longa noite: crónica dende a noite

Tamén en inverno pódese dar o caso dun longo día a máis dunha longa noite. Invertindo os termos por estar máis achegado no tempo, a longa noite manifesta ás claras aquelo de que non tódalas noites son iguais, nin toda noite igual a si mesma. Hai un cacho, foi a música de enfronte a que me espertou e me fixo levantar, e agora sumouse o ruído da rúa: a intensidade de un a outro varía dunha noite a outra e dun momento a outro, e o concello non actúa sobre ningún dos dous, nin sobre os baixos que se meten no cerebro nin sobre o da rúa do que todo o mundo quere desentenderse como se non estiveran relacionados. Como a noite é aínda nova supoño que despois do blog dará para comezar un pequeno escrito de avaliación do ruído durante o ano. Eso si, ambos non demasiado ben feitos, que a estas horas sería cousa de poder durmir e o corpo non está para escribir. /As 5 e 10. Sigue soando música nun local que tiña que ter cerrado xa, despois de media hora de silencio musical. O ruído da rúa amainou algo e ó da música xa lle queda pouco./
Onte sorpendeu Fernando Suárez nun pequeniño recuncho dun periódico secundando en parte a miña petición do outro día de que se indemnizara á xente de Ribadeo polo apagón para que a compañía puxera máis xeito e non se voltara repetir: fronte á explicación do alcalde, pide que Industria inspeccione a rede de Begasa para evitar outro. Coido que, como Industria debera telo feito, non procurou antes un apoio do pobo, só é un tenente de alcalde e non un alcalde, e aínda por riba a importancia que se lle da é a da boca pequena ó final do apartado exclusivo para a Mariña dun periódico, quedará todo en nada...
Máis repercusión parece que vai ter, polo lugar que ocupa a nova noutro periódico galego (aínda que tamén en páxina par, non moi extenso e na parte de abaixo, o de que 'Cultura rescata 5 grandes castros', entre os que conta o Castro das Grobas para seguir actuando nel o próximo ano, que coido debe entenderse como algo así como 'cando se dispoña dunha partida orzamentaria'. De calquera xeito, parece que prospera que o castro saia da súa invisibilidade, no que algo tivo que ver o Tesón (ver nota de prensa da asociación ó final, algo que espero que esta mañá que se aproxima reflexen os xornais) aínda qu o BNG o levara no seu programa eleitoral, en palabras de Fernando Suárez.
Xa está aberta a exposición sobre Guillermo Schulz, subtitulada 'un inquedo innovador na España do século XIX'. Só unha pequena reseña para unha exposición que espero aproveitar para sumar información á Galipedia.
Ben, a anterior é un dos moitos actos culturais que xalonan Ribadeo e dos que literalmente se queixou a directiva saínte/entrante de Amadores por non deixar espazo á banda. Sendo máis precisos, queixáronse de que en troques de ter preferencia pala reserva de día de actuación, tiveran que pregarse e cambiar datas xa previstas por vir xente de fóra e teren ocupado o espazo. Non sei se é así ou non, pero así se dixo, claro que o espazo de competencia non era a oficina de turismo onde está o de Shulz. Non me deixou bo sabor de boca a asemblea. Se non contei mal, 18 socios en total para unha sociedade que debe sobrepasar os 700. Non estaba nin toda a directiva (entrante ou saínte), se ben neste caso, nunha directiva de 11 é normal que falte alguén por un ou outro motivo. Pódense dar moitos datos, e tentei recabar algún máis porque penso que quedaron moitos tamén no tinteiro, pero había (tiña eu) demasiadas preguntas e parei despois dunhas poucas. Así, por exemplo, entereime de que ás reunións coa xente do concello vai o alcalde e a concelleira, porque queren coller ós dous ó tempo e que quede corroborado o que se di. O resultado non parece ser moi bo, pois din que pérdense non só as notas tomadas nas xuntanzas anteriores, senón mesmo revistas ilustrativas deixadas para que no concello se vexan algunhas cousas que se queren. Tampouco parece haber un protocolo (escrito ou non) sobre o que facer para as montaxes das actuacións, algo que en tempos houbo de xeito implícito, pero que funcionaba, e que ó que se ve da evidentes problemas de coordinación. 10000€ de superavit e os músicos sen cobrar un can este ano é algo que se me fai difícil de dixerir e así tentei deixalo claro. Pode que o premio dos músicos sexa ir un fin de semana a un festival, e non me parece ben aínda que alí non o dixen. Díxose que se lles dixera ós músicos para que decidiran eles que facer, e coñecendo o que é unha banda por dentro, estranaríame que funcionara. Non me deixou indiferente a cifra gastada en teléfono e correo (se mal non lembro anda polos 90 euros mensuais) así como que non se presente orzamento para o próximo ano nin proxecto ou plan de actuacións ou como que se teña considerado o recurso a músicos foráneos como algo sistemático e non ocasional, o que coido pode traer algún problema a longo prazo. Sorprendéronme máis cousas, pero non me presento á directiva nin a promovo porque non teño tempo. De feito, ó comezo fun alí para por si necesitaban xente, propor a algunha persoa que falara comigo para tal caso. Por eso tampouco me gustou (e esto xa é algo de percepción persoal) que unha vez presentados os novos membros da directiva se dixera, indicando á zona na que estabamos un grupo (incluído algún membro da nova directiva), que non sabían se había outra proposta alternativa.
Onte tamén houbo carreira, a das 12 pontes, na Veiga. Ten como fin promover a vida saudable e é unha carreira que ten o seu punto de curiosidade, coa subida e baixada, unha e outra volta, das pontes sobre Monxardín e Suarón. A miña forma física só me permitiu rematar a carreira...
---

Asociación de veciños O Tesón
Nota de Prensa

A Asociación de veciños O Tesón continúa na procura dun futuro para o castro das Grobas (Vilaselán, Ribadeo). Neste sentido, comezou a deseñar unha serie de actuacións en conxunto con outras entidades públicas, das que a primeira ten día e hora: a conferencia 'Posta en valor dun elemento arqueolóxico”, por Abel Vigo, arqueólogo municipal de Mondoñedo, terá lugar no salón de actos da Casa do Mar o 29 de decembro de 2006. Esta actuación, que conta coa colaboración da Fundación Comarcal da Mariña Central, está prevista coa finalidade de aproveitar o exemplo do castro de Zoñan, en Mondoñedo, para a posta en valor do Castro das Grobas.
Espérase continuar estas actuacións con outra conferencia cara a finais de febreiro sobre os castros de Ribadeo e outra cara a finais de febreiro que se centre no castro das Grobas. Asemade, haberá outro tipo de actuacións, incluíndo a presentación da carpeta divulgativa sobre Zoñán (que se fará o mesmo día 29 xunto coa conferencia e que pretende ser asemade unha homenaxe á persoa que a concebiu, Suso Peña), unha exposición sobre este castro (prevista para a segunda parte de xaneiro) e un novo paseo ó castro, unha volta finalizado o desbroce iniciado a instancias da Delegación Provincial da Consellería de Cultura e presentado polo primeiro tenente de alcalde hai poucas datas. deste xeito, aglutinando actividades en relación co castro coa Fundación Comarcal da Mariña Central e a Mariña Oriental, co propio Concello e coa Delegación Provincial da Consellería de Cultura, esperamos dar un impulso ó coñecemento sobre o castro, ó interese dos veciños e en consecuencia, a un futuro mellor para o xacemento arqueolóxico.
Ribadeo, decembro 2006

3 comentarios:

discriminados dixo...

Fernando Suárez non é un teniente de alcalde, e o alcalde2. Ten tanto poder como Balbino e existe un pacto de goberno entre ambo-los dous.

Fer Trombón dixo...

Hay seis formas de escoger a las personas para ejercer el mando:

enriquecerlos y observar si se refrenan de la mala conducta para probar su humanidad.

Ennoblecerlos y ver si se contienen de la altanería, para probar su sentido de justicia.

Darles responsabilidades para ver si se contienen del comportamiento despótico, para probar su lealtad.

Tentarlos para probar su confianza. Ponerlos en peligro y ver si no se asustan, para probar su valor.

Abrumarlos y ver si permanecen incansables, para probar como abordan estratégicamente los problemas.

Tsun Zu (ano 500 a.C. aprox.)

Fer Trombón dixo...

Amadores deberia deixar de facerse a victima das situacions creadas por eles mesmos