20060331

Funcionamento municipal

Ás veces as novas chaman a atención máis polo que non din que polo que din. A que aparece hoxe no xornal sobre a crítica dun partido ó goberno viveirense por ampararse na Xunta para a suspensión de licenzas en relación co PXOM daquela vila é dese tipo: augura unha crise económica no concello debido a esa suspensión de licenzas pedida. É dicir, na liña que levo mantido tempo, a concesión de licenzas te apsado de convertirse nun acto acministrativo de xestión do territorio a un mero acto recaudatorio necesario. De novo, a política convertida en supletoria dunha mala economía. En Ribadeo segue sen se saber a débeda municipal, pero aínda co xulgado ocupado nunha suposta filtración, o PXOM segue adiante, despois de ser enviado á Xunta sen coñecer as variacións do mesmo en reposta ás suxerencias dos veciños, despois dunha discusión sobre urbanizacións que non se sabe ónde conduxo, despois de case rachar o pacto municipal polo tema urbanístico, etc.
Noutra orde de cousas, parece que esta tempada o tema do ruído estase a coller como nova polos medios. O último que vin sobre o tema, ontes en El País, que lle adica una editorial que titula 'impunidade ruidosa', e no que critica a pasividade das autoridades locais en relación ó tema e a súa atención preferente ós intereses dos locais en relación ó tratamento debido ós veciños.
E ontes tamén foi anunciada a 'Feira da Ciencia e Tecnoloxía' deste ano no IES Porta da Auga, que entre outras novas ten a da integración do centro na rede europea de 'Hands on Science', sendo difundida, por exemplo, en setembro nun congreso en Braga. A feira, do 4 (inauguración pola tarde) ó 7 de abril pola mañá.

20060330

Un eclipse, dous centros e unha nova de Le Monde

Onde houbo eclipse de sol. Entre o recente eclipse, moito máis impactante que este, e o tempo, que non permitiu velo dun xeito adeucado, pasou sen pena nin groria.
Moito máis importante para Ribadeo é que se vai confirmando a división do IES Porta da Auga. E digo que se vai confirmando porque leva xa algún tempo a cousa con novas contradictorias cada pouco tempo. De calquera xeito, pasou semi-desapercibida polos xornais, pode que a causa da división de opinións sobre o que se debera facer co centro no futuro, mesmo no interior do claustro. Ese tamén foi o motivo de que neste blog non se falara máis do tema. Nembargantes, agora que xa parece definitiva a cousa, a falta de perfilar detalles, coido que é unha decisiónque afectará ó futuro de Ribadeo máis do que no momento se pensa. Estou a falar da división do centro nuna área 'de FP' que formaría un Centro de ensinanzas integradas, e outra área 'de comúns' que pasaría a ser un IES. As dificultades para levar o proxecto a bó porto con dous novos centros non son poucas dende o meu punto de vista, e pode resultar aínda unha oportunidade para que Ribadeo potencie a súa presencia na zona, pero hai moito que traballar para evitar que saian dous enxendros con dificultades de espazo vital para ambos. Seguro que de eso voltamos falar.
De Le Monde, collo un párrafo da nova sobre o efecto do ruído dos xeradores eólicos sobre a saúde e tradúzoo: ..."Polo contrario, o efecto do ruído sobre a saúde - ou 'traumatismo sonoro crónico' - é coñecido de vai tempo. 'A intensidades moderadas, estiman os expertos, o ruído pode conlevar reaccións de tensión, perturbar o sono e repercutir no estado xeral'. (...) O sono queda perturbado se o ruído ambiente sobrepasa os 45 dB (decibelios), aceptando a Organización Mundial da saúde esa perturbación a partir de só 35 dB." Unha vez máis, queda dito. E en Ribadeo, por exemplo, na zona vella, sobrepásanse esos niveis sábados, festas diversas e o verán, máis algún extra.
--
Un artigo vello... (010597)
Feiras e inventiva

A historia das feiras na nosa terra está a sufrir grandes cambios. Dende as antigas (aínda existentes) e tradicionais feiras, mercados, feiróns, pasando polas feiras "de mostras" ou as temáticas (do mar, do queixo, do viño ... ), vanse configurando novos tipos de feiras. A derradeira, a feira de ciencia, aínda en mantiñas. Neste proceso manifestase unha evolución social e cultural.

Un pouco máis polo miúdo, pódese observar que os mercados que se fan certos días (á semana, ó mes, ó ano ... ) ó longo da nosa xeografla, nacen da necesidade de abastecemento, de intercambio, de comunicación.

Hai lugares tamén onde certas festas se denominan feiras. Lembremos a feira de abril de Sevilla. Chámanse tamén así en Valladolid, e en lugares máis achegados, aínda que menos chamativos. Os intercambios e movemento de cartos deron lugar á animación, e polo tanto, á festa. As nosas feiras, en xeral moito máis modestas que as citadas, fóra das grandes vías de comercio de hai tempo (e da actualidade), tamén tiñan e aínda teñen algo de festivo, de día extraordinario, polos mesmos motivos.

0 aumento, a mellora, a actual rapidez nas comunicacións, fan máis fácil o intercambio, e as feiras caen. Feiras grandes, que duraban dende o mencer ata o atardecer ou a noitiña, resólvense agora "de nove a unha ou dúas". 0 traslado de xente a pé ou carro é agora sustituido con ventaxa polo uso do coche particular. Aumenta a comodidade e redúcese o tempo de viaxe fortemente, tantas veces (ou aínda menos) como pode aumentar o número de viaxes ó pobo que acollía a feira ou a outros máis importantes e lonxanos.

0 desparramarse as novidades das feiras ó diario, algunhas novidades que requiren moita xente por ser de pouca venda, ou por buscar mercados, ou outros motivos, fan que nazcan as feiras de mostras. Na nosa terra, lembro como primeira feira deste tipo a Feria de Muestras del Noroeste, no Ferrol.

Tamén foi esmorecendo esta clase de feira, deixando sitio ás de tipo temático, máis pequenas pero máis especializadas. A súa especialización as fai máis interesantes para os novos profesionais, menos xeralistas a medida que pasa o tempo, e tamén ós aleccionados. Son feiras que atenden as novas necesidades de mercado, pero tamén de coñecementos novos, cada un no seu interese.

0 intercambio xa se acabou coas de mostras: as feiras prodúcense cunha dirección preferente, de quen amosa a quen mira. Ademais, as ventas no propio lugar da feira van sendo menos interesantes relativamente. Polo contrario, gaña importancia a mera exposición do producto, o chamar a atención dos posibles clientes / interesados / curiosos que difundan o producto e a súa necesidade cara ó futuro. Os bens xa non se trocan ó instante, xa non son agrícolas, gandeiros ou útiles de primeira necesidade. Son cousas que necesitan ser coñecidas para crear a súa propia necesidade. As ventas, o comercio, veñen máis tarde.

Nas feiras séguense así os pasos da propia evolución da producción e a comunicación: de productos agrícolas a industriais; logo, os servicios, e dentro destos, os propios do coñecemento ou comunicación. Nestos pasos, as formas cambiaron. 0 mesmo pasa nas feiras, e é de esperar que siga pasando, transformándose cada vez máis. Por eso non deixa de ser bo indicio respecto ó futuro da comarca que aquí xurda un novo tipo de feira que xa non ten que ver coa venta, senon co coñecemento, co saber facer cousas, coa preparación da nosa xente nova para o futuro que lles ven encima.

As feiras de ciencia pouco teñen que ver cos antigos mercados. Están volcadas non cara ó inmediato, ás necesidades máis perentorias, senon cara ó futuro, buscándoo antes de que chegue para estar preparados. Aínda así, penso que comparten coa vella idea de feira algunhas cousas que agora as tradicionais xa non ofrecen. A posibilidade de comunicación, de ver novidades, de prepararse para o mañá (ou menor, neste caso, pasado mañá), cúmprenas. Tampouco se venden productos tanxibles, senon que se amosan as propias obras e coñecementos: véndese imaxe.

O feito de levar a dianteira respecto a outras zonas viciñas ou non tan viciñas da unha ventaxa clara, a da orixinalidade. E que son un éxito está á vista: calquera que vexa a pioneira deste tipo de feiras nesta terra, a que ten lugar nestas datas primaverais no Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo, pode estar seguro de que a idea está feita para perdurar. Para ser a primeira de outras que virán despois, que xa están vindo. Unha transformación cara ó futuro, para aproveitalo e non ir tras del.

20060329

Cabreo


Cabreado, non se pode ou cando menos é dificultoso opinar con ecuanimidade. Ese é un dos motivos que provoca que algunha vez o blog non apareza con novas ou que o comentario sexa reducido.
Hoxe é un deses días. E nada máis poño a miña extrañeza nunha nova sobre os nenos saharianos: aparece na prensa que todos os concellos mariñanos recibirán algún neno sahariano e tamén que en Ribadeo buscan dúas familias para traelos. Por suposto que é unha iniciativa que vexo ben. Pero antóxaseme que nos titulares aparece como un agasallo que se da por festa, e coido que non é ese o sentido: se fora así, xa non o vería ben.
A foto? As Burgas de Ourense: ben administradas, augas medicinais, balnearias. Pero coidado, queiman. Se un se fixa, pode aprendelo antes de escaldarse.

20060328

Tres reunións pedindo o mesmo

A ambigüidade do título paréceme clara: Os xefes mariñanos 'pedindo' a apertura do parque de bombeiros, e o parque inhábil con cinco incendios pullando. Os pubeiros pedindo unha xuntanza mentras (segundo a prensa) califican o ruído de puntual e 'presuntas molestias'. O caso é que na primeira das situacións, teñen eles a posibilidade de abrilo, sen que ninguén interveña, e na segunda, o mesmo. Os alcaldes botan a culpa 'ós outros', e os puberos non o sei moi ben, despois de anos quitándose a culpa, se pretenden que a culpa sexa de quen sufre o ruído.
O certo é que aínda que o título se me ocorreu polo tema dos incendios, coñezo abondo mellor o dos ruídos, e por eso me decato das 'pequenas cousas' que se me escapan co do parque, como que agora leven varias reunións seguidas, cando hai a presión da sentencia. Pero sen acordar nada, só saíndo na prensa, despois de dicir que teño afán de protagonismo e da ducía de anos anteriores estar case parados. En fin, parece que non leen moito este blog, aínda que algún si o faga de cando en vez como quedou demostrado polo comentario que fixo.
En positivo, remarcar que esta fin de semana está pensada a creación da plataforma de defensa litoral, loitando contra a destrución do entorno na nosa cosata e literalmente contra o tempo. anímate a ir a Foz sábado.
--
... Que vaia logo pola nova plataforma que se pretende, publicado o 19/08/2003:
O ecoloxista

Nos tempos que corren, todos pretendemos defender a "nosa natureza", por moi afastados dela que esteñamos, pretendendo pripiedade ou aínda que non conozamos que é unha miñoca ou unha bidueira. Cada un o fai ó seu xeito, cada un na súa "parcela". Tras ver o tratamento que se fai dalgúns problemas ecolóxicos grandes (como o Prestige, pero tamén pequenos como dexar limpo un campo tras unha merenda) é necesario clarificar que se entende por ecoloxista, separando deste grupo aqueles outros que se din a si mesmos defensores da natureza, pero que teñen un concepto de natureza, así como de defensa, cando menos, particular ou de propiedade. Aquí vai o meu gran de area.

O ecoloxista debe ser consciente de que o mundo enteiro non se pode comprender, pero debe intentalo. Ninguén pode comprender todo o mundo, pero está en xeral máis cerca de facelo quen o intenta. E ese é o primeiro paso para a posterior actuación en favor do equilibrio planetario(*).

O ecoloxista non ten adxectivos pre-fixados. Aproveitará os adxectivos cando poda, voltando positivos algúns que poden ser adxudicados como denigrantes. A primeira idea deste artigo xurdiu de que nun semanario local se fixo referencia reiterada ó "ecoloxista coñazo". Un adxetivo así non é prato de gusto, pero ben mirado, se alguén quere conseguir algo debe loitar por logralo, aínda que a outra xente lle poda parecer "coñazo"; nese sentido, pode ser un orgullo ser chamado "coñazo", e xa sabemos aquelo de que "quen non chora, non mama"

O ecoloxista ten que selo día a día, momento a momento, aínda que non sempre faiga todo de xeito adecuado. Ninguén é perfecto pode ser unha frase recorrida, pero é unha verdade. Mais, se voltamos ler os párrafos anteriores, xuntos, dan unha idea clara de que unha vez que alguén asume unha postura ecoloxista, non pode selo a tempo parcial, aínda que por necesidade (mesmo estratéxica) non se poda adicar ó ecoloxismo como profesión (... mesmo profesión de fe) ou en primeiro lugar en relación a outras actividades.

O ecoloxista sabe do longo do seu obxectivo. Por eso non se cansa con facilidade na súa actividade como tal. O ecoloxismo busca o equilibrio ecolóxico, e nun sistema en cambio e adaptación constantes, non é algo que se poda conseguir dunha vez por todas, aínda que estivéramos no mellor dos supostos. É evidente polo tanto que a acción ecoloxista non ten límites temporais marcados.

Os ecoloxistas saben que non teñen toda a verdade, pero tamén que teñen ganas de coñecela toda, e que en caso de dúbida, o refrán "máis vale previr que curar" debe ser considerado con moita atención. En calquera situación medianamente complexa pódense aplicar diversas solucións a un mesmo problema. Unhas serán mellores que outras, pero ningunha resolverá tódolos aspectos do mellor xeito posible: hai que buscar un compromiso adecuado, e eso implica tratar de coñecer a natureza e á demais xente que ten relación coa situación problema.

Non hai "proba do algodón“ do ecoloxismo. Hai xente que busca. E todos nós somos ecoloxistas en menor ou maior medida. A diferencia está en que, nalgúns, non é abondo. Os por que desa insuficiencia... sería mellor que cada un descubrise os seus.

Unha nota final: Parece que o dicir "non é abondo" é relativo a algo. E en certo sentido, si, podemos falar de que non é abondo para asegurar que a terra poda seguir a soportar a nosa especie en termos semellantes a como o fixo ata o momento.


(*) Termo usado en sentido amplio a posta: non se pode cinguir o ecoloxismo a plantas e outros animais sen facelo extensivo ó ambiente onde se atopan ditas especies ou á mesma especie humana, e tendo en conta cousas como que tan malo pode ser ter moitos individuos dunha especie como ter moi poucos ou meter a tódalas especies no mesmo caixón de sastre e consideralas como exactamente iguais en tódolos sentidos.

20060327

A pasarela será tratada

O mirador do cargadeiro será tratado para evitar que se deteriore. Leva anos pedíndoo a berros, xa está deteriorada. Pero falan en futuro. Pode ser mañá, pode ser ... despois de que se repare o desprendimento de terras, que aínda non se sabe a quen corresponde amañalo.
Os de Viveiro andan ás voltas co 'botellón ecolóxico'. Xa comezou o baile político, da man dun partido pequeno, como oposición a algo. Neste caso, a que se manipule o botellón polos intereses económicos de consumo de alcohool. Como normalmente, a nova do periódico deixa máis dúbidas das que resolve, pero parece que vai na liña do que puxen o outro día no blog: o botellón non se diferencia tanto en consecuencias sociais da bebida en pub, pero si en a ónde van parar os cartos. E eso o fai máis pernicioso ós ollos de intereses económicos determinados.
O cambio de hora, traerá esta vez algo novo? De pronto, madrugar máis: ó mal tempo, boa cara.

20060326

Ribadeo, 06:00 horas

Os domingos soen ter pouco que contar, pero dalgún xeito, moitas veces hai auténticas novidades. Esta noite, ás 6 da mañá decateime de que nun local de enfrente estaban (cando xa tiñan que ter pechado, claro) dando vasos de pástico ós que saían. Ós meus ollos, resultado: 1. a xente non tira vidros pola rúa. 2. aforro de cartos polo local ó non perder os vasos. 3. maior equivalencia entre a xente que sae dos locais e a xente dos botellóns.
É só un detalle, pero que fixo que non chamara á Guardia Civil, pois é nestes días de cambio de hora cando máis se nota que segue sen ter unha revisión de horario de peche sistemática como teño pedido unhas cantas veces. Probablemente, a falta de dotación que xa teño comentado algunha vez no libro...
Un detalle que un pouco máis tarde fíxome recapacitar sobre o doado de tomar algunhas medidas que ademáis favorecen ós propios locais. Tamén, sobre a rotación da ocupación de xente no seu interior, que apostaría que nese momento sobrepasaba os límites establecidos en abondo número de persoas (e eso que, ó tempo que estaba entrando e saíndo xente fóra de hora, estaban botando a verxa...)
E sobre a cantidade de xente sentada nas viciñanzas do bar, nunha noite agradabel polo demáis como a pasada. Xente que coido que non era botellón de xeito 'oficial', pero unha vez fóra dos locais, exercía como se o fora.
E tamén, reflexionar sobre o por que se vai a xente a fora coa bebida cando poden facelo dentro. Que parte do botellón é producida non xa polo precio das bebidas nos locais, senón polo abarrote de xente dos mesmos, pola presión sonora, pola calor que a mesma xente produce?
Lembroume ademáis algunhas cousas que se dixeron ontes nas xornadas de sendeirismo en Santalla de Oscos, referido a outros aspectos da valorización turística: 'o mal é de todos', 'é un modelo de desenvolvemento que nos leva a (...)', 'pérdida de patrimonio social e cultural', 'é necesario facer visibles alternativas (...)'

20060325

Un par de cousas (ou tres)

Unha: apoio á non patentabilidade de ideas sobre software:
Speak up on Software Patents
Ata cándo estaremos amezados non noso futuro a raíz de que as ideas poidan ser propiedade excluínte?
Dúas: di Balbino que el non insulta (hoxe saíu na prensa). E eu lémbrome de cando me chamou mentiroso.
Tres: unhas xornadas en Santalla de Oscos sobre os roteiros a pé. E pregúntome, para cándo unha guía de roteiros da nosa zona?
Podes escoller unha delas e pensar un pouco. De calquera delas odo dar explicacións, se se desexa. Claro que hai moitas máis cousas nas que pensar. Se queres, podo seguir a dar máis ideas (sen propiedade sobre elas). Un saúdo.

20060324

Escomezando

Remata hoxe en Cedofeita o ciclo de presentacións musicais pola parroquias a cargo dos alumnos da escola de música. 'Máis perto de ti' era o título. Os resultados, só visibles a longo prazo, e a cousa está (alomenos así coido que debera ser) comezando. Os pícaros xa están pensando en actuacións máis lonxe, pola zona de Pontevedra, a onde está invitada a Banda infantil para maio. O público polo momento é exiguo, descontados os pais. A vida cultural das parroquias arrastra un longo vacío e non é doado enchelo.
Esta semana houbo, xa dixen, intervencións no xulgado de Mondoñedo sobre o PXOM e as súas filtracións. Eso vai continuar, e dubido (sei que non son o único) de a onde se poda chegar. Pero serviu xa para atacar máis ó alcalde por parte dos imputados do PP. Mentras, a construción segue inmutable, digan ou non que hai falla de chan edificable. Segue a construírse cunhas alturas inadecuadas e que non sei quen as permitiu (refírome a que alcalde) pero que están achantando a Ribadeo para que sexa unha típica cidade horrenda e de baixa calidade de vida no que en relación á vivenda se refire.
Tamén ontes tiven novas dunha sentencia de cárcere por razóns de ruídos. Non me aledo, pero pregúntome como seguirá o tema por Ribadeo. E a fin de semana está xa aquí.
De calquera xeito, o que parece escomezar estes días en España é a paz: se ETA abandoara a loita armada... Parece que leva camiño, que se está máis encamiñado que outras voltas. Rebaixaría a tensión nacional a moitos niveis, e pouco a pouco outros problemas colaterais como se soen chamar agora iríanse solucionando case por si sós. Benvido ese comezo: hai comezos que traen a esperanza nas súas entranas.
--

Data: 15/02/1992

Fonte: folleto

Título: concerto

Autor: Hernán Naval (texto); composición, descoñecido

Descrición: Díptico do concerto celebrado en Viveiro

Comentarios: 2 ficheiros .jpg



20060323

Espéranse fortes ventos

Para hoxe e mañá esperanse fortes ventos na zona, e lémbrome de aquelo de 'aqueles ventos traen estas tempestades' cando leo que onte houbo unha nova rolda de declaracións pola filtración do plan xeral de ordenación municipal (preúntome cántas habería), hoxe hai unha vista pola filtración de datos de soldos no concello (eu cría que os soldos dos funcionarios eran públicos), o parque de bombeiros segue sen porse en marcha (e a mesma protección civil, en nome dos mariñanos, protestando e esixindo medidas), e Ribadeo aparentemente está en calma. Cando a vida dun concello se xudicializa é porque dentro del non hai acordo nin esperanza de habelo, e polo tanto, a tendencia non é boa. Non se usa a conciliación. Non se da información. Non se facilita a comprensión, e a vida tórnase máis dificultosa no terreo persoal.
Ando a repetir o mesmo dende vai tempo, de diversos xeitos, con diversos matices, e non lle vexo síntomas de cambio. Así, cando o alcalde esta mesma semana da información á prensa sobre o novo auditorio de Cabanela, xa tiña posto no blog dende vai qince días as obras, e amosaba a miña extrañeza. Dúas semanas despois, entérome de que o auditorio sen uso vai ser substituído... por outro auditorio semellante, pode que cun esceario maior e gradas un pouquiño diferentes. Cun uso semellante? Eso si, as obras son anunciadas para dignificar unha zona bonita... que ten diante o primeiro recheo e a nave do mesmo e por eso xa vai tempo deixou parte da súa beleza a dignificar.
Cánto costa? Nin idea. Aínda que só sexa curiosidade, vai a cargo do concello ou non? Hai algún plan secredo (polo momento, se entende) para dinamizalo ou só é unha preparación para o ascensor que vai quedar na viciñanza?
Estou a convertirme nun mal pensado respecto das actuacións do concello, pero non podo evitalo ó ver a historia de cartos tirados en fume e sen unha planificación, un sentido de Ribadeo, sen a definición do 'Ribadeo que queremos' que pedín no seu momento. De novo, ogallá sexa algo bó para Ribadeo e o próximo ano por estas datas pensemos 'con esta obra Ribadeo deu un paso adiante' sen querer dicir on elo que lle comeu outro bocado á ría.
--
O Ribadeo que queremos, publicado no blog anterior o 14/4/05 e na prensa en datas semellantes.
Se queres lograr algo neste mundo, o idealismo non é abondo -necesitas escoller un método que funcione para conseguir o teu obxectivo. Noutras palabras, necesitas ser «pragmático»(*)
O futuro, antes de vivilo, e se queremos ter algún poder sobre el, hai que imaxinalo. E logo de imaxinalo, darlle un repaso para contrastalo coa súa posibilidade. Logo aínda, traballar para extender a idea para poder levalo á práctica. Tendo en conta o anterior, parto con estas liñas para unha aterializar unha proposta ambiciosa e concreta: tratar de afrontar un Ribadeo futuro mellor que o actual, intercambiando opinións con tempo antes que o futuro nos alcance.
En certa forma, é o que fan os partidos políticos antes das eleccións coa proclamación dun programa electoral, pero só en certa forma: os programas electorais están feitos en xeral de xeito rápido e buscando non tanto a mellora do conxunto senón máis ben facer anuncio dunha mellora de cara a contar con máis votos, así como dende unha única visión e ideoloxía, sen deixar entrar na discusión outras posibilidades.
Co anteror e a comparación, creo que queda craro o que pretendo con este artigo máis outros que lle seguirán (meus, doutra xente ou mesmo facendo un ataque á pretenciosidade, amplitude, ideas ou liña seguida nos anterioriores):
- Un estado de contrastación de ideas e proxectos cara o futuro, que ilumine as decisións a tomar sobre todos nós, que faiga imposible cousas como as variacións repentinas de opinión, como algunha tristemente perpetrada hai non tanto tempo, ou proxectos que se indicou que van crear unha morea de postos de traballo e crearon só unha diminución de ría, ou o aumento do chamado 'feísmo' que se suma ó acogotamento na construcción, ou ... pon ti nos puntos suspensivos todas esas cousas que estás a pensar.
- Un Ribadeo máis informado que poda controlar o seu futuro, que se vexa máis involucrado nel. Din que a información é poder. Alomenos, da unha visión para tratar de influír no poder. E de aí, ó ceo. Depende de todos os cidadáns. Depende, por exemplo, que os políticos queiran asociarse dalgún xeito a este movemento para levar ventaxa en recoller o contacto coa xente, simpatizar cos votantes posibles na spróximas eleccións ou para tratar de conducilo.
- Pero sobre todo, un pobo que pense no seu futuro. Pensar... pode que alguén vexa como un perigo para algúns que é unha oportunidade para todos.
En caso contrario, e como sucede moitas veces dun xeito ou outro, remataremos dando paos de cego ou tendenciosos boa parte do tempo. Dun xeito ou outro, a nós mesmos.
(*) Collido de “Software libre para una sociedad libre”, editorial Traficantes de sueños, 2004

20060322

Reciclaxe = propaganda


'El CRA Ría del Eo gana una campaña de reciclaje'. Felicidades para o CRA. Con ese premio obtiveron tamén unha propaganda para a denominación da ría maior que moita parte da polémica suscitada dende vai anos polo nome da ría de Ribadeo. coido que xa foi dito no blog con anterioridade: se queremos unha denominación, non chega con discutila, sobre todo hai que traballar por ela. E mentras que leva o nome de 'ría del Eo' unhas cantas entidades, de 'ría de Ribadeo' non coñezo ningunha, a parte da propia ría. É dicir, cada vez resultará máis dificultoso e asimétrico o atopar o nome de ría de Ribadeo fronte ó de 'del Eo'.
Un segundo comentario: Remato de atopar nun periódico da semana pasada un conxunto de gráficos sobre o botellón. En eles amósase que a xente entre 14 e 18 anos consume un 75% máis alcohol en pub que non botellón, e entre 15 e 29 vai 6 veces máis de pub que de botellón. Pero a culpa lévaa o botellón: non ten un sector económico organizado detrás que esteña a facer propaganda del para aumentar o consumo e sobre todo o gasto, un sector económico que non quere competencia. Tamén na mesma folla un sociólogo explicaba "Los jóvenes no aceptan que se les meta en un polideportivo a hacer deporte" (o da negriña é meu), en consoancia co que me preguntaba o outro día sobre se as actividades 'alternativas' non servirían sinxelamente para aumentar a hora de saída.

20060321

Discriminación positiva

Nunca o vira así, pero agora a Consellería de Sanidade pretende favorecer os médicos que traballen na comarca, e eso é a discriminación positiva. En principio, favorece a comarca (enténdase, a Mariña completa, non as tres partes politicas da mesma) pero se non me equivoco e a cousa segue, a nivel xeral pode desencadear un sistema de pluses, compensacións e penalizacións que non creo que favorezan os servicios públicos. De calquera xeito, de entrada, e mentras se experimenta, benvida esta discriminación que pretende permitir un servicio mellor na zona.
A cruz do anterior estaría na posta en marcha do Parque de Bombeiros, que achegándose o verán segue sen marchar, e achácase ó que ten que pagar Ribadeo e á parte da Deputación. Estaremos neste caso ante unha discriminación negativa por cuestións diferentes á eficiencia?
O malo do uso das discriminación é que ou se controlan moi ben, con moita consciencia de servizo, ou aparece toda a súa carga negativa como uso do poder en interese non social, senón puramente de exercicio interesado de poder. E saímos todos perxudicados; os pretendidos beneficiarios tamén, aínda que só sexa moralmente: diminúen o seu nivel como persoa aínda que saian beneficiados noutros aspectos.
--
Aí queda un artigo publicado o 05/02/99 que ten certa relación co anterior:
A sociedade malcriada

Levamos xa tempo dicindo que a xente nova está sendo malcriada. Corriximos despois (ó fin, son os nosos fillos e fillas) dicindo que son máis listos que nunca, que sempre pasou o mesmo e que o mundo segue adiante, que... pero non se chega a negar o dito: a xuventude está malcriada. Que esa malcrianza sexa máis ou menos tradicional non oculta que se perda un potencial tremendo na educación (pola mala educación) dos sucesores. E esto continúa a pasar precisamente no momento da historia en que máis voces están a xurdir afirmando que o futuro da humanidade en conxunto e de cada pobo en particular pasa pola educación.

O dito ata aquí é coñecido. Pero se collemos, por exemplo, uns cantos periódicos destas semanas pasadas, e lemos as noticias a conto da bioética e a súa relación coa clonación de células humanas, ou temas semellantes (que os hai por exemplo en política, con Pinochet ou Saddam), ímonos ir afacéndonos á idea de que é o conxunto da sociedade, e non só a xente nova ou individuos, a que está malcriándose.

¿En que se manifesta o anterior?. En que as normas van cambiando a gusto e a momento dos intereses. Dito así, sona a algo moi vello. As normas foron cambiando desde que a humanidade é consciente. É certo, é un vello tema, pero que cada vez vai tomando uns síntomas máis parellos ós dos rapaces e rapazas malcriadas, que adaptan o mundo ó seu capricho só porque é o seu capricho e lles está permitido facelo, sobrando outras consideracións, pensamentos ou sentimentos máis xerais.

Se se relee a Ortega na súa rebelión das masas, aínda seguindo a ser discutible algunha que outra interpretación e o tempo pasado dende a súa publicación, as liñas xerais de diagnóstico do século XX son diáfanas. A sociedade fai tempo que avanza no sentido do desarraigo do propio individuo por forza da masa, que ó tempo o rodea e na que se ve inmerso. E cada vez máis, a xente que tenta dirixir as masas ten intereses particulares.

Políticamente, as tribus primitivas elixían xefe por intereses particulares dos individuos, pero logo sabían que dependían uns dos outros. tamén os xefes eran conscientes deste feito. Co poder de raíz divina, reis e demais eran algo así como pastores dun rebano que lles daba de comer. Co advenimento da democracia, comezaron a mirarse os votos, que seguían sendo opinión da xente e representan algo entre contrato instantáneo en base a promesas e delegación por confianza de criterio. Agora que o poder é maís que nunca económico e da información, o que se busca é o beneficio. Particular ou do propio grupo de mando, por suposto. E isto, que se centra particularmente no mundo da empresa, invade outras esferas sociais.

Nembargantes, o cuestionado, retomando o dito ó principio, é a actuación social en conxunto, hoxe, e non a tendencia expresada no párrafo anterior. Porque a dirección da sociedade é algo que cada vez se intenta con máis forza e cada vez ten maior dificultade. Inténtase con máis forza porque vese a necesidade de medios para levala a cabo, medios que a tecnoloxía proporciona de xeito crecente. Ten maior dificultade non pola maior cultura que acada por termo medio e polo tanto maior crítica potencial sobre a dirección, senon polo abandono da disciplina social e maior libertade individual. E maior libertade individual significa un maior solapamento entre as esferas da libertade de cada un, máis conflictos e menor posibilidade de obter unha visión xeral fiable do estado da sociedade.

Ainda que da a impresión moitas veces de que cada vez se parecen máis os individuos pola confusión reinante, tamén cada vez máis adoita un xeito máis caprichoso a toma de decisións e o xeito de levala a cabo. O capricho é xeral. E en certa forma somos todos os que facemos o cambio de normas, sen darnos conta, abanderados do "¿e por que non?" en troques dunha resposta máis traballada: porque...

20060320

Volve a semana. Cada día ten o seu afán.

Os luns non son moi propicios a nada por mor do cambio de actividade. No meu caso, e vou insistir unha volta máis, menos aínda polo tema do descanso finsemanal. Nembargantes, a semana pasada deixou algunhas cousas por rematar no blog, e aínda que pouco, a algunha dela me queria adicar.
Así, sorpresivamente atopeime coa petición de diálogo por parte dos propietarios de pub, se me apunto á interpretación dalgún periodista.
Diálogo, si. Pero... Deixando a parte que non recibín ningunha convocatoria nese sentido nin de concello nin de pubs, pregúntome, diálogo? con quen? cándo? cómo? sobre que? ... E é que tras trece anos de protestas un non ten só a pel máis correosa e máis mala uva aínda que loite contra eso, senón que tamén ten máis prevención.
Cos puberos ou co concello? O lóxico sería co concello, aínda que invitara tamén á xente dos pub. Nembargantes, xa comentei que os reunira a eles (por n volta) sós. E se os dos pub consideran 80 ou 90 locais e se xuntan 30, quen vai facer a convocatoria? Aqueles que actúan pola zona ou todos? os que fixeron xa algunha reforma ou os que non fixeron ningunha? Os que xa me teñen amezado ou os que non? En fin, é luns e a redación non se me da ben despois do día de san Patricio celebrado a noite anterior polo de enfrente e o sábado (a noite de) celebrada ó día seguinte.
Cándo? Despois dasentencia que apreta e tenta de restituír unha situación que nos trece anos non deixou de empeorar a pesar dalgunha conquista legal sobre o papel e algunha dobre porta? sóname a eso de acorrala primeiro e fai o que queiras, que cando o outro non poda facer nada podes ser bó con el impoñendo a túa vontade: cando comecei era un local. Hoxe xa non sei cántos contar...
Sobre que? xa teño dito que se é sobre a sentencia, sería perda de tempo. Sobre a legalidade? non, sería unha tontería. Sobre a adecuación á legalidade? despois de anos dicindo dende diversas consellerías que as competencias son municipais e o propio concello que é a rúa quen fai ruído, o galimatías que teñen montado é seu.
Cómo? Aínda que foran só trinta, coido que sería non digo desequilibrado, senón un maremágnum á hora de falar.
O dito, diálogo si, pero non é 'veña, xa, que temos présa' despois de 13 anos e sen ver outro xesto que dicir 'queremos diálogo' mentras se di que protesta pouca xente ou que se teñen trescentos empregos. Por certo, aínda non sei o 'censo' de afilidados á seguridade social; ó mellor esto tamén lles ven ben ós empregados.
Mágoa de non ter tempo. O estudo do tema do diálogo requiriría moito máis do que aquí lle adico.
--
Ó mellor non ven a conto, pero... (publicado o 24/04/97, unha parte está referida a Fraga, por unhas declaracións daquela época)
¿A quen insulta? ou “TINA ataca de novo”

Non sallo do meu asombro. Resulta que un home intelixente, emprendedor, moi preparado, ... pode estar maleducado, podéndose converter en paradigma de que educación non é só ensino ou formación, non é só coñecementos e aptitudes senón tamén actitudes, eso que tanto traballo costa corrixir. Eso non é tan asombroso, dende logo, o asombroso é que con todas esas virtudes, se lance a insultar por ... boeno, as causas as saberá el, pero o caso é que se lanza a insultar en público (amplificado a través dos medios de comunicación) a xente que está pedindo contas e axudando a reconstruir algo que estiman contribuiu a estragar, ou a quen pretende que o ensino público sexa crítico e prepare a xente que poda decidir (como está escrito nos documentos básicos que a correspondente Consellería pretende que se cumpran), ou, sinxelamente, a quen pensa de xeito diferente.

¿E que pinta Tina en todo esto? TINA non é muller. É o acrónimo de There Is Not Alternative, “non hai alternativa”, un dito repetido por moita xente con poder para xustificar as súas decisións. Repítese nos máis diversos asuntos, dende o desencadeamento da guerra con Iraq a decisións sobre medio ambiente a nivel mundial, e así a ONU queda como algo obsoleto dentro do futuro que se pretende que nos caia enrriba. E o protocolo de Kioto, en papel mollado pola chuvia aceda de quen é o máximo contaminante e non quere responsabilidades porque tamén ten o máximo poder: é o mundo do revés que se pretende futuro, onde as propias decisións de xente poderosa xustifican a planificación do porvir de todos nós en vez de ser un mellor porvir a causa das decisións.

Nembargantes, hai xa varios anos, en particular a partir das protestas de Seattle e logo do Foro Social de Porto Alegre (antítese da reunión de poderosos e “contubernio” político económico que é o Foro Económico Mundial de Davos), está habendo unha toma de conciencia: o mundo do futuro está nas nosas máns hoxe, e nós somos quen ten que planificalo. Se hoxe por hoxe temos unha organización política, somos nós quen temos que facela funcionar. Somos quen ten a responsabilidade esencial: a de pedir contas a aquelas persoas que puxemos nos postos de decisión. Naturalmente, nun estado democrático tamén en teoría temos o poder de votar a outra xente para así castigar. Pero non se trata de castigar, trátase de facer que as cousas funcionen para ben de todos, como pola outra banda non se trata de facer unha caza de bruxas contínua a calquer nivel, como o estatal, autonómico ou local, senón de valorar opinións que a todos poden axudar. Para eso, tanto votantes como elexidos temos que ter a cabeza a unha temperatura adecuada, evitando saídas de tono, e uns presionando e dando a opinión e os outros atendendo, que a sabiduría popular por algo se chama sabiduría aínda que tamén se poda equivocar.

Aínda lembro a célebre carga sobre unha igrexa en Vitoria noutros tempos moi diferentes.Ó día seguinte estaba poñendo un cartel na facultade chamando a ter a cabeza fría. É un cartel que conservo para lembrarmo a mín mesmo. A mesma persoa responsable que me induxo naquel intre me induce agora a escribir estas palabras.

E así voltamos ó título: hai alternativa, sempre hai alternativa, ou, para dicilo tamén cun acrónimo en inglés, HAINA, (“Here Always There Is Alternative”), pero hai que traballala. Entre todos. E Don Manuel, insultando ós seus, a unha boa parte desta familia que somos en Galicia, consigue non insultar a ninguén, agás en tal caso á idea que algunha xente segue a ter dunha persoa asombrosa en máis dun sentido. Un modesto consello, sr. Presidente: considere tamén que Galicia existe fóra da súa cabeza, entre outras cousas porque hai moitas máis cabezas en Galicia que a súa.

20060319

San Xosé


Hoxe é San Xosé. Día do pai. Santo con maior porcentaxe de representatividade na nosa terra. Santo do presi do goberno. E máis.
Hoxe culmina unha semana. O autobús violeta pola igualdade de xénero en Ribadeo. No parque de san Francisco, vino desanxelado ó longo de todo o día, sen parroquianos. Daban como agasallo un pañuelo con palabras alusivas. Non sei se verei algún posto.
Esta semana abriu a piscina de novo, aínda que comece a funcionar como é debido a principios do próximo mes e aínda non esteñan rematadas todas as obras. O caso é que cumpriron: mediados de marzo dixeron, mediados de marzo abriron.
Un novo (xa non tanto) aparcamento. Terreos privados (creo), con sinal pública dicindo que non se pode saír cara á esquerda, e suavización do bordillo municipais. Os charcos son obra de Deus, o seu coidado...
A estatística de hoxe: o blog leva máis de 5000 entradas, cunha media dende o seu inicio de 23,05 visitas/día e de 34,32 visitas diarias as últimas catro semanas (sempre incluíndo días festivos). Non somos moitos os que compartimos esta páxina tódolos días, pero imos crecendo. A ver se en pouco tempo artello unha solución para que se podan poñer comentarios sen ter que soportar insultos.

20060318

Cen mil pesetas diarias (600€)

Unha nova sobre a débeda de Vilalba fai que me interrogue de novo sobre a de Ribadeo. Estimando dun xeito coido que conservador, e á falla dos datos que debera facer públicos o concello e non fai, aló polo outono estabamos de acordo varias persoas en que o monto da débeda do concello ribadense debe andar por uns 5 millóns de euros (máis de 800 millóns de pesetas) e de aí para arriba.
Se botamos contas a un interese normal dun 4,5%, saen só de intereses ó ano 225000 euros, é dicir, 37500000 pts. Contando que en Ribadeo somos algo menos de 10000 habitantes, tocamos a máis de 600 euros ó día (100000 pts), ou máis de 2 euros ó mes por habitante, bebé ou adulto, empregado ou non, muller ou home...
Se fixera as contas como as fixeron segundo a nova de Vilalba de onte, sairía máis do doble, pero considéroo esaxerado e cruzo os dedos como fan os cativos para que se cumpran os seus desexos. Claro que a débeda, a parte de pagarlle os intereses, hai que amortizala.
Mentras, que se perde de facer en Ribadeo por ter que pagar eses 37 millóns de pesetas anuais? (esperando que non sexa o dobre...)
--
Un artigo meu publicado o 17/05/1999...
O prezo da cultura ... e outras cousas.

Actuación da banda de Valladares en Ribadeo. Está considerada entre as mellores de Galicia, e o son certamente correspondeu a esa consideración. Espectadores, botando polo alto, e incluíndo ós que entraron ou saíron perante a actuación, 100. O concerto é gratuíto para o público asistente. O custe estimado da un prezo por persoa dunhas 4.000 pesetas (24 euros).

¿Cobran moito? Se se fan os cálculos, cada músico debeu desprazarse dende Vigo a Ribadeo (250km) nunha viaxe de tres horas longas máis outras tantas de volta. Prepararse para o concerto, tocar e recoller. Antes de voltar á casa deben cear... e todo esto, sen contar os ensaios e a preparación anterior ou a amortización de instrumentos, claro. E viñeron poucos músicos menos que persoas entraron na igrexa a velos. Pódese interpretar que non cobran moito.

Seguindo con música, por exemplo, actuación do coro de nenas cantoras de Kiev. Entrada gratuíta. ¿Cánto cobraron? En xira, en pleno curso... voces educadas de 45 rapazas con algunha persoa maior acompañante para organizar e coidar delas. Terían que cobrar demasiado por cada actuación se o prezo correspondera co que se percibe como realidade.

Un libro. Caro para edición de peto: 1500 pesetas. Lectura para oito horas, e pensamento para abondo máis. ¿Caro en realidade? Claro que hai moitos que non teñen calidade, pero van todos nun mesmo paquete, e os que se quedan na revenda dos descontos nos supermercados ou en postos na rúa non son malos por definición, nin de temática estraña, senón pouco vendidos, simplemente.

Unha exposición sobre pintura, para aprender a mirala. Necesita un salón, unha persoa atendéndoa perante moitos días... asemade, tamén é gratuíta para o público. Resultado: espléndida e vacía boa parte do tempo.

¿Resulta rentable a cultura?

Estamos inmersos nunha cultura, pero temos que facer unha elección por ela: boa parte da culturización na nosa sociedade necesita de unha contribución pola nosa banda, e parte do feito de querela. ¿O prezo? A cultura non debera ter prezo, pero, xa que ten custe, será cara ou barata segundo o uso que se faga. E hai diferencias grandes, dende o abuso sobre feitos culturais á falta de uso.

Nestas, atopámonos cun novo día das letras galegas. "Competindo co castelán", podería ser a frase incluída no cartel un ano tras outro. En Galicia cáptanse moitas emisións de radio, poucas en galego. Moitos diarios, menos na lingua na que estou a escribir. Moitos libros, pero a pesar de estar pasando as letras galegas na actualidade por un momento bo en canto a que as creacións dos nosos escritores son recoñecidas, de novo, poucos en galego. Estamos ante unha sustitución cultural na lingua.

¿Por que? As causas históricas son coñecidas. Na actualidade, é a práctica: se a porcentaxe de xente que "elixe" unha determinada cultura é baixo, dita cultura remata aceptando, no intercambio con outras, máis novidades alleas que as que produce no seu interior, a parte de ser cada vez menos usada e, entrando en consideracións puramente económicas ó vello estilo, máis "cara". A nivel mundial, esa tendencia de influencias entre culturas da lugar á uniformización. No noso pobo, danse dun xeito abrumador, o que quere dicir uniformización, pero pola súa cantidade, podemos dicir que se da baixo patróns alleos, tomando o aire dunha sustitución. No caso da lingua, perda de palabras e estructuras lingüísticas en favor de outras estrañas, ou de novo a mera sustitución no seu uso.

¿Debemos prescindir entón, por exemplo, de Cervantes? Difícil será facelo cando hoxe por hoxe unha porcentaxe alta de xente en Galicia ten o castelán por lingua propia. ¿Debemos impoñer o galego? Debo de estar soñando. Nestas mesmas páxinas, mirando a unha e outra beira calquera pode desenganarse desa posibilidade. Pero non preguntei se podiamos, senón se deberíamos. E moito me temo que a pregunta non ten unha resposta, senón moitas, segundo os presupostos e condicións que tomemos, que varía de lugar a lugar, de persoa a persoa, de intransixencia a intransixencia pasando pola convivencia dun ou outro xeito.

Un dos custes a pagar polo mantemento dunha lingua ou polo bilingüismo non é económico, é social. Situacións nas que persoas actuais teñen que enfrontarse / asimilar situacións históricas contra as que non poden facer nada xa. Situacións nas que se confunde o favorecer unha lingua con entorpecer outra. Un día como o das letras galegas debe facer reflexionar sobre os fins da cultura, o custe do seu desenvolvemento e a situación social que hai que, dalgún xeito, solucionar. Tamén, debe propiciar o que cada un de nós interiorice que a cultura é cousa de todos, elección particular, e que depende do uso, do traballo, do desenvolvemento de todos nós para poder vivir. É dicir, dar resposta a unha pregunta: ¿Qué fas ti pola túa cultura?

20060317

Achégase o macrobotellón


Era cuestión de tempo que cundira a moda dos minimacrobotellóns. Despois das vilas grandes, as máis pequenas tiñan que emulalas debido ó doado da 'organización'. Parece que está convocado un para hoxe en Viveiro. De seguro que non reúne a tanta xente como o de Sevilla, pero o principio sociolóxico é o mesmo: unha identidade de grupo a rebufo dalgunha causa, no caso dos pequenos pobos posiblemente só a emulación xunto coa costume permitida de facer botellón en pequeno grupo. Parce que dende o concello o achacan ó éxito das noites alternativas. Se é así, a min non me parece precisamente un éxito e irían no mesmo senso que me temía cando falei dunha posibilidade das de Ribadeo do outro ano: acostumar á xente a saír de noite e máis tarde. É dicir, promocionar a movida, o que non sería un 'dano colateral', senón máis ben 'o tiro pola culata'.
Por sorte, que se chame á xente para vinte diferentes lugares ó ancho de España (en cidades) parece que alonxa un pouco a posibilidade de que en viveiro (ou noutro sitio calquera da zona) o botellón aumente desorbitadamente frotne a outra fin de semana calquera. E chama a atención dun fenómeno que se cita a favor deste tipo de organización por parte da xente nova: a parte das posibilidades económicas, o reunirse charlando sen o ruído infernal de discotecas e pub. Estaremos ante un cambio de fondo en relación ó ruído?
Sitos para organizalo? En Ribadeo non faltan, e a futura fonte, marcada xa no chan na foto (sei que se ve mal...) pode ser un deles. De calquera xeito, e á vista dos trazos marcados no chan, pregúntome se comezará a obra antes de ter rematada a de San Francisco e Pasarón y Lastra.
--
Un texto en relación a Hernán (coido que xa rematei os que tiña preparados de Hernán, haberá que ir premarando máis):

Data: 5/8/00

Fonte: La Comarca del Eo

Título: O CONCELLO PERDEU A SUBVENCIÓN DA XUNTA PARA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

Autor: BNG Ribadeo (nota informativa)

Descrición: nota informativa no semanario local sobor do seu interese cara a escola de música. Da que pensar que fora o mesmo ano que Hernán se apresentou coma candidato ao Senado pola provincia de Lugo

Comentarios:

O BNG acusa ao governo municipal do PP de irresponsábel e desleixado

O CONCELLO PERDEU A SUBVENCIÓN DA XUNTA PARA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

O pasado sábado, os concellais do Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistraron nas oficinas do Concello un escrito cunha serie de preguntas dirixidas á Alcaldía para que ésta explique no próximo pleno ordinario da Corporación por qué o Concello de Ribadeo non realizou dentro de prazo os trámites para obter un ano máis á subvención que a Consellaria de Educación e Ordenación Universitaria viña outorgando á Escola Municipal de Música de Ribadeo. O Grupo Municipal do BNG considera que se debe “a absoluta incúria do governo municipal” do PP e ao seu desinterese polo presente e futuro deste centro educativo, posto en funcionamento a finais de 1993, antes de que o PP governase en Ribadeo. O texto asinado por Eduardo Gutierrez, MariLuz Alvarez Lastra e Fernando Suárez di literalmente o seguinte:

“O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Ribadeo, ao abeiro do Regulamento de organización, Funcionamento e Réxime xurídico das Corporacions Locais, formula á alcaldía, para a súa resposta en pleno, a seguinte pregunta:

No Diário Oficial de Galiza (D.O.G.) do 21 de xullo pasado publícase unha Orde da Consellaria de Educación e Ordenación Universitaria pola que se conceden subvencións a escolas de música públicas. No anexo II á citada orde relaciónanse ás escolas ás que a Consellaria denega a axuda con indicación da causa da denegación, aparecendo a de Ribadeo porque “a solicitude foi presentada fóra de prazo”.

A Escola Municipal de Música de Ribadeo, en funcionamento desde 1993, foi unha das primeiras escolas criadas e a primeira en entrar en funcionamento ao abeiro do desenvolvimento autonómico do artigo 39.5 da Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), que contempla legalmente a criación destes centros delegando nas administracións autonómicas a específica regulación das condicións da súa posta en funcionamento (Orde da Consellaria de Educación do 11 de marzo de 1993).

Pésie a funcionaren desde 1993, até o curso 95-96 non convocou a Consellaria subvencións para estes centros. Desde entón, a Escola Municipal de Música de Ribadeo veu obtendo discretas axudas anuais. O pasado ano concedeuselle unha de arredor de 1.200.000 pts, que, pésie a súa cativeza, era das máis cuantiosas concedidas a concellos de menos de 50.000 habitantes.

Ao noso grupo municipal solprendeu que este ano a subvención sexa denegada por un aparente erro administrativo, extremo do que se fixo eco a prensa diaria. Por todo isto é polo que formulamos á Alcaldía as seguintes preguntas:

- ¿Foi elaborado en tempo e forma o correspondente expedente para solicitar a subvención e simplemente foi enviado fóra de prazo ou o non cumprimento do prazo sinalado debeuse a demoras na elaboración do expedente?

- ¿Qué documentación esixe aportar a Consellaria para optar as axudas?

- ¿Realizou a Alcaldía ou algún membro da equipa de governo municipal algunha xestión directa perante responsabeis da Consellaria de Educación con posterioridade ao envío fóra de prazo da solicitude da subvención a fin de intentar solventar o aparente erro administrativo?

- ¿Por algunha razón non tiña a Alcaldía e o Governo Municipal interese en obter a axuda para a Escola Municipal de Música este ano, daí o desleixamento á hora de tramitala?

O alcalde Andina e máis o Concelleiro Delegado de Educación Manuel Valín deberán dar conta na próxima sesión plenária da súa actuación, que o BNG califica de “irresponsábel e desleixada”.

20060316

Dar que falar


Hai momentos nos que as acusacións choven por todos os lados, sexan ou non certas. A última é que me ofreceron instalar dobre ventá na miña casa e o rexeitei porque non quero solucionar o problema. Como é un artigo na prensa e teño experiencia que non son reflexo fiel dos feitos, non comento máis que que a miña casa vése abondo ben dende a rúa, e calquera pode observar como son as cousas, os elementos estructurais, etc. E que me refresquen a memoria para ver cándo a min se me ofreceu algo. Noutra orde de cousas, resulta curioso que digan que non hai ruído e que asemade digan que me teñen ofertado illamento...
--
Aí vai un artigo meu publicado o 10/06/03; coido que ás veces cambiar de tema non é nada malo... :

Unha de títulos.

Ás veces, acumúlanse os posibles artigos a escribir, porque tamén se acumulan os desexos, ante a falta de tempo e a velocidade que leva este endiablado mundo en globalización dalgunhas cousas e particularización asimétrica de outras (ás veces, e sen contrasentido, das mesmas). En substitución, aquí van algúns títulos que me gustaría ter escrito, acompañados cun pequeno comentario de que vai (de que iría) cada un deles

“De 'quen se mova non sae na foto' a 'a letra con sangue entra'”: título para sintetizar dez anos, o paso dunha época que xa cadra lonxe na nosa política á actual, na que se segue ese vello lema que algunha vez se usou na nosa educación, pero a nivel bestial: o das bombas, con sangue a raudais.

“Despois de”: un título que nos levaría a contemplar as cousas a auga pasada. Así, non xa o “non á guerra” senón unha pregunta , ¿pero que estades a facer en Iraq? Ocupación, violación da Convención de Xenebra, control do petróleo, dar unha “lección ó mundo ... ou tódalas cousas anteriores ó tempo. Tampouco sería “estamos furiosos polo Prestige” senón “queremos ter as responsabilidades claras sobre o Prestige” e “¿que fixechedes para evitar un novo desastre no futuro? Porque é agora cando hai que facer o nunca máis.

“Ciencia e conciencia: balance desequilibrado”. Sobre a orientación social que se pretende no futuro da humanidade e a guerra de Iraq; gran desenvolvemento técnico e moral acomodaticia.

“L'etat, c'est moi”: Coa prevalencia hoxe por hoxe do inglés fronte ó francés como idioma de relacións diplomáticas, estamos a esquecer algúns retacos de historia aproveitable en francés. Por exemplo, aquela na que o Rei Sol dicía que o estado era el, símbolo absolutista, ou aquel outro “todo para o pobo pero sen o pobo”, que tiveron vixencia ata que o pobo se rebelou, e que parecen o traslado a outra época do que está a suceder hoxe por hoxe en España e boa parte do mundo.

“Yo creo en la esperanza” é o título dun libro sobre a fe escrito xa fai tempo por José María Díaz-Alegría. Neste caso o artigo trasmutaríase na esperanza dun mundo mellor, en momentos nos que parece que se derruba non o mundo, senón o futuro do mesmo.

“Entre Sun-Tzu e Clausewitz”. Un repaso ó arte da guerra á vista da invasión “dos vinte días” (como xa se lle comeza a chamar) en Iraq, reparando tanto nas causas como no desenvolvemento á vista dos dous teóricos desta “arte”.

Parece que todos os títulos irían enfocados a un tema, pero non. Hai para outros, como por exemplo a educación:

“Currás, ¿que nos fas?”, resposta a unha carta do Conselleiro de Educación, contradictoria co deseño educativo teórico da súa propia Consellería, que defende a educación para a paz.

“Galicia calidade e a lei de Calidade Educativa”, sobre o significado da palabra calidade.

Ou sobre outros temas variados:

“Entre a praia das Catedrais e as catedrais en primeira liña de praia”. Creo que o título é abondo indicativo para calquera que viva cerca dos desastres urbanísticos costeiros.

“Unha noticia. Éxito e ampliación da pasarela catro calles”, sobre a ampliación dun xa non tan recente desenvolvemento urbanístico en Ribadeo.

“Algúns silencios contra o Papa e declaracións a favor do Pepe”. Desviacións e desvariacións na xerarquía eclesiástica mindoniense sobre política.

“Por reducir el ruido, la luna”, crítica á nova campaña do Ministerio de Medio Ambiente a través do lema, cecais dirixida ós que loitamos contra o ruído e quereríannos enviar á lúa.

...

En fin, pode que baixo algún deses títulos aínda escriba algún artigo. Aínda que pensándoo ben, sobre eles, non me apetece facelo senón para dar saída a sentimentos como rabia ou tristura.

20060315

As rúas de Ribadeo

Poñer o ollo no mal que fan os demáis as cousas e non ver o mal que fai un non é algo de agora, é xa un dito de vai moito tempo atrás que recolle unha realidade.
Coido que algo deso pasou onte na xuntanza de 'hostaleiros'. Parece que de 87 convocados asistiron uns 30, pero o caso é que se lles segue a chamar hostaleiros, confundindo propietarios de pub con propietarios de hoteis, por exemplo, cando os seus intereses son abondo diferentes e aínda contrapostos como me deixou ver claramente un destes últimos vai poucos días.
Seguen dicindo que o ruído se orixina na rúa e que eso está probado (sigo a facer caso da prensa) porque os días de mal tempo hai menos ruído. Coinciden coa idea, non co argumento para defendela, co concello. Entidade que por certo, sendo a máis afectada pola sentencia, parece que prefire crear xaleo e logo enfrontamento entre cidadáns e seguir ó pairo.
Pois mira, non sei de ónde sacan o tema, pero resulta que nas poucas medicións que estou a facer, as que saen con valores máis altos están en días de inverno... e cun ruído mil veces maior do permitido, o que de seguro implica que algunha influenza o ruído da rúa, que digo que hai que suprimir. Pero... tendo en conta que os locais xeneran ruído na rúa tamén, e cando vai bó tempo a xente sae coas copas á rúa, non se cambiaron os vasos por materiais plásticos, etc. Ou os vidros na rúa ó día seguinte prodúcenos os do botellón?. Nembargantes, o concello segue a dar licenzas, e lóxicamente a xente aumenta na rúa.
Din que dan para 300 postos de traballo. Non sei se o dan ou se non, pero tratarei de sabelo en Foz para ter unha idea máis aproximada.
Protestas dun grupo minoritario? dous viciños? O que pasa é que non andamos facendo xuntanzas (pode que deberamos) para defendérmonos. E aínda só con denuncias, non aglutinando as protestas, poden preguntar o número no concello. Se os propietarios de locais de copas non están organizados, nós moito menos.
E vaia, unha coincidencia: tamén os veciños pedimos máis vixiancia, en particular nas horas de apertura de locais que non están cubertas na actualidade. A ver se a eles lles fan caso, porque a promesa electoral de vixiancia nouturna diaria e extendida ó horario completo de apertura non leva camiño de cumprirse.
Falan do perigo de desprazamento en coche da xuventude a outros lugares... curiosamente, non falan do mesmo pero dos que veñen en coche a Ribadeo, (ou é que non veñen?) e que creo que son un número superior os hipotéticos desprazados nouturnos de Ribadeo.
O dito, parece que os pub, segundo os propios pub, non son culpables: o concello vai ter que procurar outro culpable, é a solución que entendo pola prensa que ofertan.
Mentras, algúns tratarán de seguir intimidándome con insultos e amezas, razón pola que o blog está sen posibilidade de comentarios polo momento. Moi probablemente algúns dos que non tomaron medidas para illar o local, por exemplo. E é que dentro dos ruídos, tamén hai clases, diferentes niveis de contaminación e hai xente que cambiou para ben e outra que foi ó contrario.

20060314

Pleno no Pazo de Ibañez: Non aparece a documentación

Hoxe teño inflación de cousas a tratar, pero gardarei para outros días e centrareime nunha que non ha saír hoxe na prensa: o pleno de onte en Ribadeo.
'Non aparece a documentación' e 'alguén se vai responsabilizar desta tomadura de pelo que é a ocultación de documentación?' foron dúas frases (non aseguro que literais, pero si con moita aproximación) ditas por Valín e ideas que antes foron plasmadas de xeito máis suave nalgún documento presentado por min.
Como sempre, secretario e subsecretario (chamo así ó acompañante que aínda non sei ben a súa función) e un novo concelleiro. Total, na mesa, 13+3 persoas, e no momento de máxima audiencia (menos de medio pleno), 5 no público, incluíndo a un periodista e dous do Tesón... con entretido que é algunhas veces...
Puntos: só algúns, taxas ós caixeiros, e sobre todo colector Rinlo-Vilaselán. A parte do diálogo que chamaría de besugos e o feito de que aínda lle quedan 20 días hábiles de exposición para quen quera enterarse (no pleno é moi difícil facelo), este último punto levou máis da metade do pleno en base a ver qen se apuntaba as medallas dunha obra que é considerada necesaria pero que non remata o tema do tratamento de residuos deste tipo e non deixa clara o cumprimento da normativa. Opinión persoal, que non tratada alí, é que coido que sería mellor ampliar a planta EDAR de Rinlo que traer todo a Ribadeo, por un par de razóns alomenos, pero como nos enteramos onte, e pode que só porque trouxo discusión de outro tipo, pois así quedará. Eso si, pagará a Consellería no que segundo o alcalde é a 'primeira grande inversión', co engadido da oposición 'en tres anos'. Este punto xerou entre outras cousas unha perla por parte do alcalde: 'ningún ayuntamiento que se precie incumple ningunha normativa (...)" Naturalmente, rinme de xeito irónico pensando no tema dos ruídos.
Outro punto foron as normas de circulación para a zona peatonal, que se aprobaron pero que para min e coido que para a oposición e cantos alí estabamos quedou nun 'xa veremos' incomprensible.
Tamén en palabras do alcalde, no tema da piscifactoría a modificación despois das esixencias da Xunta non necesita de cambio de licencia por ser medidas correctoras, non de modificaicón do proxecto.
'Será por dinero?' foi outra das contestacións do alcalde. A lembrar que a mesa de asociacións aínda non sabe cánto debe o Concello (que é unha cantidade respectable con seguridade)
En fin, unha recomendación: o pleno, para quen quera divertirse, soe estar OK, a parte de aprender a interpretar algo así como chino (eso, tras moito tempo) e ver unha obra de teatro gratis.
As preguntas do Tesón? a ver se teño tempo de tratalas mañá.
--
Coido que hoxe é día de lembar un artigo particular (publicado o 29/7/03):

O privilexio dos zares

Velaí van máis ou menos tres historias e algún comentario. Preséntanse como pequenos contos para desenmascarar outro conto moito maior en extensión, duración e importancia, a modo de fábulas que son reais.

I- Contan os historiadores que se deu o feito seguinte: un emperador ruso, un zar, decideu visitar os seus vastos territorios, e mandou preparar a viaxe. O aviso serviu para facerlle máis cómoda a viaxe, pero tamén para que a xente que mandaba, gobernaba ou tiña o poder real no país, o que aquí teriamos chamado o valido, se puxera mans á obra e, nos lugares achegados ó paso da comitiva, construíra unha morea de falsas fachadas de mansións. Así, o teóricamente, sen achegarse á auténtica realidade (parecería unha redundancia, pero non o é) o xefe da nación e director nominal do governo do pobo quedou satisfeito tra-la viaxe e enganado sobre a miseria da vida dos seus súbditos e sobre o bó governo que dispensaba el mesmo (a través dos validos, claro).

Os autoenganos son os mellores enganos, por eso cando se trata de enganar o que se pretende sobre todo é de convencer para que non pareza engano. Na anterior frase van en catro lugares diferentes palabras idénticas: está claro de que estamos a falar, sen erro de ningún tipo.

II- Nas películas, todo parece real porque se trata de reproducir unha certa realidade, traspasando a ilusión á vivencia persoal e integrándoa. Co advenimento do cine fíxose evidente a súa potencialidade para a suplantación desa realidade. E tódolos que viramos, por exemplo, o NO-DO, e coa perspectiva que dan os anos, podemos xulgar a capacidade do cine de presentar a ficción como realidade, en particular en tempos con comunicacións difíciles.

Non sei cando se acuñou o de "estou vivindo unha película" para sinalar aua a realidade na que se está inmerso parece ficción e causa confusión por ese parecer. Sería unha manifestación dese equívoco entre o mundo e a imaxinación: verse vivindo algo imaxinado en troques de algo real.

III- Nos tempos que corren, os chamadaos medios de comunicación invaden o espacio da realidade de tal xeito que películas como Matrix parecen posibles (=representar cousas realizables) segundo a opinión dos expertos. E así, atopamos por exemplo que nas películas (a maioría, americanas), a riqueza sae polos poros dos personaxes, senón como disponible alomenos como obtenible polos máis diversos métodos, as máis das veces á marxe da lei. O importante é o consumo e a condición que se pretende que teña sempre, o fluxo de cartos. A xente que pon a lei aparece corrupta, pero mesmo os que tratan de correxir esa corrupción, para solucionala, sáltanse a mesma lei que queren protexer, quedando o argumento da peli como un armazón onde se manifesta un estilo de vida onde o importante non son as persoas, alomenos tanto como o que manifestan ser capaces de facer. E poderiamos continuar ... De tódolos xeitos, centremos o tema relacionándoo co párrafo inicial.

Sabemos que estamos a ser convencidos pola publicidade (mirar calquera anuncio para comprobación). Sabemos que nalgúns casos somos ou fumos enganados porque remátase por descubrir (aí está Iraq como testimonio das trolas que nos intentan meter) ... pero non sabemos ata que punto estamos vivindo unha ilusión de vida mezclando os nosos sentimentos coas sensacións, non só as que nos proporciona a realidade, senón tamén as que nos pre-fabrican e pasan a formar parte desa realidade.

Hoxe por hoxe, non chega co célebre "coñécete a ti mesmo" se non está enganchado e ampliado o outro "eu son eu e a miña circunstancia" Non dar importancia a comprender o mundo en que vivimos, centrándonos nunha parcela próxima de realidade implica cousas como o engano do zar, tragarse o que contaba o NO-DO ou creer que a economía vai ben para todos porque as empresas ganan máis, a pesares da reducción da emprego desas mesmas entidades. Por certo, todo bó engano recolle algo de realidade: os validos governaban ben para si, o NO-DO presentaba unha realidade de inauguracións e actos diversos que si se fixeron e o Prestige puido supoñer para algunha zona unha entrada extra de cartos durante algún tempo, do mesmo xeito que os maiores accionistas da empresa non van ser despedidos e si van ganar máis. E non vale ó recurrir ó estar "feliz e inocente": ir a morrer a Iraq, voltar para casa cheo de chapapote ou rematar no paro son cousas que están á orde do día.

20060313

O Quixote (mellor, Pancho) en Ribadeo


Pasóuseme pola cabeza a definición de tipo do ribadense medio. Collendo o Quixote como algo que todo o mundo entende, coido que o ribadense medio sería máis ben Pancho, pois na vida local está totalmente desequilibrada a balanza entre os dous personaxes. Cánta xente se implica en accións que inclúan á comunidade? (xa non pregunto cánta o fai en cuestións que a ela particularmente lle tocan só de soslaio)
Aínda estiven falando onte un pouco sobre a falta de pulo da xente nova e con ela, da xente en xeral, para o asociacionismo. Recapacitando, non é exactamente falta de pulo, senón variación de intereses. Algo así como 'se me podo facer eu o meu entorno, por exemplo, de xeito tecnolóxico, xa me estou asociando, multiplicándome a min mesmo, e plo tanto, socio da persoa que mellor me cae'. Algo así como a asociación con clons tecnolóxicos dun mesmo, via ordenador, tele ou outras posibilidades da realidade virtual. Mentras, a realidade queda despoboada e ó albur de só algunha xente con poder e fronte á que aglutinarse non é nada doado por falta de masa crítica. Por suposto, podería profundizarse máis. Ti xa o es testás a facer.
E unha cuestion: dado como está redactada a sentencia no xuízo dos ruídos, se a miña casa valera catro veces máis, parece que recibiría catro veces máis cartos. É dicir, se tivera catro veces máis posibilidades en cartos para marchar, sería catro veces máis recompensado pola mesma agresión...
--
Mellor terminar cun texto te Hernán:

-->
Data: 92 Fonte: La Voz de Galicia
Título:RIBADEO YA TIENE BANDA DE MÚSICA
Autor: Redacción de Viveiro.
Descrición: NOTA DE PRENSA sobor da presentación da banda
Comentarios:

-->
RIBADEO YA TIENE BANDA DE MÚSICA

Non hai nervios, a laboura dos dous últimos anos garantiza a presentación en público”, aseguraba ayer Hernán Naval, director de la banda de música de Ribadeo, que actuará por primera vez el próximo día 25 de enero, en la iglesia parroquial de la villa. Con diez meses de adelanto sobre la fecha prevista, cuarenta y un músicos de edades comprendidas entre los 10 y los 50 años protagonizarán el concierto que ofrecerá al público ribadense la primera banda formada en la localidad durante los últimos treinta años. Bajo el patrocinio de la sociedad Amadores da Música, los artistas estan “acabando de batir o cobre, na recta final do pulimento do repertorio dun concerto no cal conxugaremos tradición e modernidade”, según Hernán Naval.

En declaraciones efectuadas ayer a la emisora Antena 3 de A Mariña, el director de la formación musical, Hernán Naval indicaba que será una banda de música con una plantilla inusual en un conjunto que actúa por primera vez, ya que serán cuarenta y un músicos, cuando habitualmente el grupo se reduce a treinta.
Según el director, “os instrumentistas cubren a formación dunha banda mediana completa, non falta ningún dos instrumentos propios dunha banda municipal”. Las edades de los integrantes oscilan entre los diez años que tienen un trompetista y un percusionista, y los cincuenta y pocos años de quien toca una tuba.

Tal y como precisó Hernán Naval, en Ribadeo no ha funcionado ninguna banda de música desde hace treinta años y agregó: “Sin ofender a ningunha poboación da comarca, quizáis Ribadeo sexa o pobo con máis tradición musical na comarca durante os dos últimos séculos”. Debido a ello, y siempre a juicio del director de la formación, “as expectativas da súa recuperación están por riba do que poidera parecer normal”.
El programa del concierto que la banda de música de Ribadeo ofrecerá el próximo día 25 de enero ya fue diseñado desde el momento en el que se constituyó la formación. Quien lleva la batuta en los ensayos lo ha calificado de “propio dos tempos que corren, tanto na concepción da formación como na música a interpretar, xa que imos conxugar tradición e modernidade”.
La primera parte de la actuación, que tendrá lugar a las ocho y media de la tarde en la iglesia parroquial de Ribadeo, comenzará con una pieza tradicional de las bandas de música, la “Marcha militar número uno”, de Schubert; acto seguido, interpretarán la rapsodia gallega “Airiños, aires” de Gustavo Freire; a continuación, la balada “Negra Sombra”, pieza compuesta por Juan Montes; y , finalmente, el pasodoble “Lugo-Ferrol”, creación de Gregorio Baudot.
Tras un breve descanso, los músicos de Ribadeo seguirán con una pieza que, según Hernán Naval, “somos a única banda de música en Galicia que a ten en repertorio”, se refiere a la “Sinfonía simple para banda académica”, del compositor holandés Kees Vlack; acto seguido, “como homenaxe ó tenor Manuel Cortés, oriundo de Ribadeo que vive retirado na vila e que estivo non estreno da obra”,, “Katiuska”, de Sorozábal; luego, “Coro de peregrinos”, de Wagner; una selección de “West Side Story”, de Bernstein; y , el concierto finalizará con el pasodoble “Amparito Roca”.

La misión es suplir a las orquestas sinfónicas

Así de explícito era Hernán Naval, cuando abordó la función que, a su juicio, deben desempeñar las bandas de música “nun país ó que lle falta cultura musical e normalización en canto a orquestas que poidan ofrecer música clásica en estado orixinal”. Según explicó el director de la nueva formación musical ribadense, “as bandas suplen ás orquestas e interpretan a trancripción para bandas das pezas sinfónicas, de ahí o programa do concerto”.
Respecto a la expectación que ha generado la presentación en público de la banda de música de Ribadeo, formación constituida bajo el amparo de la sociedad Amadores da Música, quien lleva la batuta de la formación refirió que incluso podría sobrepasar el ámbito local. Y Hernán Naval también aseguró que después de dos años de trabajo con los miembros de la banda los nervios ante la actuación del próximo día 25 no eran admisibles; y recordó los primeros ensayos individuales durante tres días a la semana, luego mencionó que, desde hace menos de un año, practicaban conjuntamente tres veces a la semana, pero desde el 1 de noviembre, lo hacen diariamente.

20060312

Francisco Ayala

Póñome a escribir por un sentimento rápido: Estaba leendo un artigo sobre Francisco Ayala (escritor, por exemplo) e atópome ó pasar áxina, no medio do artigo un anuncio dunha colonia para homes cunha imaxe que non se se claificar de metrosexual, modelo masculino ou non se ben que. O caso é que impactoume polo contraste entre a lectura e a expresiópn de algo tan lonxano dela así, sen vir a conto, polo medio...despois deso, deixarei outras reflexións (de Ribadeo, por exemplo) para outro momento diferente do domingo que remata.

20060310

Xuntanza en Foz

Foi Foz o pobo elixido para facer unha xuntanza (mañá 11, 11:30, casa do mar de Foz) para tratar de crear unha fornte común e evitar o arrase da costa por parte dos 'urbanizadores'. Lograrase algo? Hai que intentalo; os resultados, máis adiante.
En Ribadeo estáse a organizar una competición de tapeo, mentras colea o tema do ruído. E, en relación con este tema, sae unha nova curiosa: un xuízo por un enfrotnamento entre un que quería durmir e un dun pub. O título que leva, 'Los curritos quieren dormir' non me parece moi adecuado, pero...
--
Xa vello (publicado o 13/2/97), pero de actualidade a conta da xente que quere mercar a costa:

Bill Gates mercará A Mariña

Non me estou referindo a estas páxinas, se non á comarca enteira.
Nembargantes, teño que desmentirme: Non é certo. Polo momento, non.
Aínda estou tratando de decidir se debo pensar en varias mariñas
ou non, xa que por cousas de administración pode que teñamos que chamar
á comarca "As tres mariñas". Ou si debo considerar A Mariña "das dúas
velocidades", pois parte sae no mapa con prerogativa a nome e parte non. É
o mesmo, esos pensamentos quedan relegados, pois unha noticia sobre a
fortuna de Bill (para os amigos, supoño) me fai preguntarme se debo pensar
na Mariña como "territorio conquistado". O fin é o cabo, as películas que
están poñendo na tele sobre a terra de fantasía remachan que tamén as terras
máxicas por natureza se poden conquistar.
Botei os meus cálculos sobre o valor en pesetas da Mariña e dame
que o pobre multibillonario (penso que tres billóns de pesetas son moitos
billóns) non podería mercala aínda. Non é que sexa unha idea que non se lle
poda pasar pola cabeza, pero non pode acometela só polo momento.
Aínda así quedei inquedo. Por varias razóns. A primeira: Sei do
paro que temos. Nembargantes, este fabricante-mercader non vende
productos da terra, nin fabrica cousas que se podan manexar coas máns:
fabrica e vende ideas. A súa é a maior empresa de programas para
ordenador do mundo, e a súa fortuna, feita a base de ideas, parece que o ano
pasado medrou un oitenta por cento sobre o que xa era o anterior. Ideas,
mentras que aquí non temos idea de cómo acadar un emprego, e non moita
xente se chega a prantear unha soa idea para crear o seu propio posto de
traballo.
Outra razón: Bill non poderá mercar "con título de propiedade" A
Mariña, pero ¿fáille falta telo para poseela?. Supoño que lle sería moito máis
rentable vir, facer uso dela e marchar cando lle petase. Non estou falando de
vir como sinxelo turista, que para eso fan falta moitos menos cartos, senon
en plan mangoneo, se quixera facelo. E para eso si que lle sobrarían cartos.
Alomenos, eso penso ó botar unha ollada por aí.
Aínda hai máis: non pode mercar A Mariña, pero hai outras zonas
do globo, máis extensas, máis poboadas, incluíndo algún país teóricamente
independente que a precios de mercado se venden por moito menos. Así se
pode comprender que as modernas multinacionais teñan un poder dictatorial,
ou se se quere, feudal, moito maior que esos dictadorzuelos que atemorizan
á súa poboación. maior tamén que os representante elixidos polo pobo nos
países democráticos. E non me atrevo a imaxinar que futuro nos espera se
ese poder se segue a facer amior e máis efectivo, como todo parece indicar.
Outra cousa que se me ocurriu: a empresa de Gates parece que
segue a contratar xente a todo trapo. Pero o perfil do traballador tipo de
Microsoft, a empresa de Gates, non casa ben coa imaxen media que teñen
os nosos estudiantes de sí mesmos: intelixencia, pero sobre todo boa
preparación, capacidade de traballo e ánimo para acometer novas metas
parecen ser os requisitos previos para a maioría desos postos (e para moitos
outros que están esperando ser cubertos).

20060309

Ribadeo transitable


Parece que en poucos días desbrozáronse e están transitables varios quilómetros da antiga vía do ferrocarril no termo municipal de Ribadeo. Santirso de Abres e a Pontenova xa o fixeron vai moito, e entre ambos, é transitable de xeito completo. Aquí tamén se podería seguir, se ben é certo que hai tramos que están cortados pola actual estrada e é máis dificultoso, pois lévase falando do tema un decenio alomenos. Da gusto pasear polos tramos recuperados por alí arriba; é unha invitación ó sifrute da calma na natureza.
Potenciar rotas como a do tren viría ben nun momento no que os hostaleiros se teñen reunido (martes) interpreto para algo así como 'recuperar credibilidade', voltando a mencionar os positivos (segundo eles) aspectos económicos que trae a movida. De outros aspectos, é necesario unha sentencia para que se recoñezan, e de outros máis, aínda falla o recoñecemento. Dos beneficios veño oíndo falar vai moito. Se alguén non os coñece, podo explicarllos.
A mimosa caída o pasado fin de semana, parece máis bonita así, pero en poucos días, caso de non ser retirada, morrerá.
--
Unha de Hernán:
Data: 14/11/98 Fonte: la comarca del eo
Título: APRACEN A VERBENA: QUÉDOME
Autor: Hernán Naval
Descrición: artigo escrito como reacción a decisión de non concederlle a compatibilidade laboral para que poidera simultanear a subdirección da escola de música da Coruña, no que se manifesta a voluntade de continuidade da súa labor pola música en Ribadeo.
Comentarios:
APRACEN A VERBENA: QUÉDOME
Hernán Naval
Na tarde do pasado martes comuniquei aos responsabeis do Consórcio para a Promoción da Música (Orquestra Sinfónica de Galiza) e do Concello da Coruña, promotores da Escola Municipal de Música da Coruña, a miña decisión de non me incorporar ao centro como docente e Sub-Director, como me tiñan proposto. A Escola coruñesa, un magno proxecto educativo e de divulgación musical de orzamento millonario, entrará en funcionamento inmediamente, en canto rematen as probas públicas de seleición de profesorado e máis a s importantes obras de remodelación dun grande edificio ubicado no casco vello da Coruña. Coñezo de perto todo, tanto o proxecto educativo, plasmación prática do discurso que nos últimos anos veño defendendo sobre ensinanza musical e promoción da música, como os pormenores práticos da súa realización: mantiña conversas cos responsabeis do Concello coruñes e da O.S.G. desde hai semanas. Debo agradecer públicamente a comprensión amosada polos representantes municipais coruñeses e do ente sinfónico ao coñecer a miña decisión final de non ocupar finalmente a Sub-Dirección da Escola Municipal de Música da Coruña, toda vez que o Pleno da Corporación Municipal de Ribadeo, mercede aos votos dos membros do Partido Popular e do concellal “independente”, e a inintelixíbel abstención dun concelleiro do PSOE, non me concedeu a compatibilidade do meu posto de traballo que solicitaba, pois tal era a miña pretensión: continuar á fronte da Banda Municipal de Ribadeo e da Escola Municipal de Música, a tempo parcial, e aceitar a proposta coruñesa. Naturalmente, renunciando a unha redución salarial en Ribadeo de case o cincuenta por cento (renuncia ao plus de incompatibilidade, pérdida de varios niveis no plus de dedicación, redución salarial global proporcional á redución de xornada laboral, etc), e contando co informe de Secretaria avaliando a legalidade e a viabilidade da miña pretensión. Folga mostrar a miña gratitude aos concellais do BNG, os únicos que votaron a prol da compatibilidade laboral que solicitaba.
2º Non podo obviar unha reflexión pública, sequer breve, sobre o dito no Pleno do pasado luns, 9 de novembro, por parte do alcalde de Ribadeo, don José Carlos Rodriguez Andina, e sobre a atitude dos concelleiros do seu partido. Lamento non poder conter a afirmación vehemente pola miña parte de que o Alcalde comportouse cinicamente. Primeiro aludiu á posta en funcionamento da Escola no anterior mandato municipal, mesmo querendo expresar unha certa conformidade coa súa criación, cando o certo é que el e os membros do seu partido combateron na sombra a posta en marcha do centro; Andina, daquela na oposición (outono do 93), mesmo realizou comentarios despectivos de cara a Escola en médios de comunicación. Máis logo falou da actual Relación de Postos de Traballo municipais e das consideracións obxectivas que deben primar na descripción dos mesmos; faltoulle lembrar que a descripción do posto 0601, de Director da Banda, foi o instrumento seu, hai dous anos, para me obrigar autoritariamente a permanecer na Dirección da Escola Municipal de Música, cando eu tiña apresentada a dimisión polo desinterese, a desatención e mesmo o desprécio á Escola amosado polo actual Alcalde. En definitiva, cando quixo mostrar recoñecimento á miña dedicación á Escola e á Banda, ás “moitas horas que fai Naval, máis das que debe”, e cando dixo con ironía chulesca que se eu era “un luxo” mellor non prescindir de min nen por unhas horas, trataba de rirse de min; non importa.
3º. O grave é que o señor alcalde, no Pleno do pasado luns, ríuse de todo Ribadeo cando afirmou que el, como Director do Instituto de Bacharelato, a pesar de Alcalde, estaba no centro todos os días. O martes, entre as dez e as once da mañan, chamei ao Instituto coa intención de felicitalo por ter o sangue tan frio: non estaba. Que o Alcalde me desprecie e se ria de min non ten a maior importáncia, que se ria de todos é cuestión máis séria.
4º. Teño dito que o Alcalde non ten a menor confianza en min. Por suposto, nengunha no ámbito personal, pero tampouco no plano profisional. Díxeno até esgotarme cando en xuño do 96 apresenteille a dimisión como Director da Escola, perante o seu deseinterese pola mesma, e o Alcalde botou case tres meses sen abrir a boca ao respeito, até que por decreto, sen mediar diálogo, me obrigou a seguer dirixindo a Escola dos seus tormentos. Segue igoal. En nengún intre, no transcurso do debate plenário, estimou as consideracións profisionais por min argúidas –contidas no documento aportado como argumentación miña para obter a compatibilidade-, moitas delas apresentadas pensando no mantenimento e mesmo mellora dos servizos da Escola, e desde logo no benefício da Banda. Se así for, non tería acusado ao portavoz da oposición, e xa que logo a min, pois o portavoz do BNG apoiou os meus argumentos, de subxectivo, apresentándose el, Andina, como o defensor do interese público. O interese público, señor Alcalde, no referido á Escola Municipal de Música, tería pasado por que as xestións mínimas para un normal comezo do curso que lles prantexei en agosto e que a vostés correspondían, estivesen realizadas en tempo e forma antes de outubro, cousa que non ocorriu; en atención ao interese público, a estas alturas os profesores da Escola terian que ter asinado o correspondente contrato para comezaren a perceber as súas remuneracións, sobre todo despois de teren feito vostés, no seu día, bandeira da regularización da situación deste personal, por non falar das constantes mostras de incompetencia, xa non desinterese, que, verbo da Escola e da Banda, mostra de cotío o concelleiro que ten para istos menesteres menores; se o interese fose de vostés, e non só meu e do público, quizáis eu non tivese que escreber este comunicado.
5º. En todo o tempo que, en virtude do meu posto de Director musical, me tiven que relacionar con Rodríguez Andina como Alcalde e con Valín Valdés como concelleiro de Educación e de Cultura, mantiven sempre unha atitude de escrupuloso respeito institucional, antepoñendo a isto únicamente, cando foi necesário, a dignidade da Banda e da Escola como entidades públicas, por min promovidas, ao servizo dos cidadáns. Ninguén poderá dicer que politicei nunca o meu traballo. Serei un profisional regular ou mesmamente malo, pero son un profisional íntegro. Nen Andina nen Valín poderán negar que, pola miña parte, sempre houbo entrega, colaboración, xenerosidade. Habíaa, institucionalmente, cando eles eran oposición; hóuboa cando foron governo. Observadas as súas mans e as dos concelleiros do PP no Pleno do pasado luns, votando en contra de que pudera compatibilizar un traballo artístico en Ribadeo con outro semellante na Coruña deixando de perceber unha parte moi sustancial do meu sálario en Ribadeo, non podo dicer que, por parte deles, houbese nengunha correspondéncia. Pola contra, actuaron con critérios políticos...contra min, coñecida e nunca ocultada a miña militáncia política na beira contrária a súa. Non votaron en beneficio do interese público, non: votaron para agredirme políticamente.
6º. Como dixen, quédome. Pésie a Andina. Teño un labor que rematar aquí. Coa Banda, á que teño ilusionado con novos e máis importantes proxectos. E coa Escola, para facer dela a mellor Escola de Galiza despois da da Coruña. Así pois, señor Alcalde, señores do PP, garden en seco os foguetes e apracen a verbena. “Ao enemigo que fuxe, ponte de prata”, pensaron. Pero non vai desta. Terei, seguramente, outras oportunidades de promoción profisional na miña carreira.
E se non, vostés non bailan no meu enterro.