20060731

Importando esperma

Pouco de novo por Ribadeo hoxe, polo que me paso a fóra do territorio normal, botar unha ollada...
Polo que parece, o Reino Unido importará esperma español. A nova da pé a chirigotas, lembrando aquelo de 'macho ibérico' ou os collós ós que se chaman algúns.
Rematou a campus Party 2006, desenvolta en Valencia, que parece que foi un éxito no mundo informático.
Israel suspende bombardeos. Por fin! Polo que aprece, non lles á tan ben como querían, e a presión estaba comezando a medrar. Tiñan un estudo para aguantar a presión diplomática de orden de 18 días... mentres, os mortos non falan
Gardo un exemplar atrasado (sen ler ata onte) do domingo 18 de xuño, un extra de El País. Algunha cita máis: 'El calentamiento global se ha convertido en un factor económico clave'. 'La hipoteca energética crece a ritmos del 40%'. 'Es casi una certeza que el nivel del mar va a subir este siglo por encima de los 50cm'. 'Los españoles generan cada año más basura, hasta 600kg por vecino'. O extra, en papel salmón, o da economía, pretendía ser algo así como un alicerce para que as empresas se metan no mercado medioambiental, mentras son as mesmas empresas as que din unha cousa e fan outra. Claro que estoume lembrando de cando o alcalde se puxo ó frente dunha manifestación para a semana seguinte tirar en sentido contrario, e aí está o recheo.
Boa semana!

20060730

Hoxe en Rinlo (2ª)

Antes de nada, corrixir un erro. como me fixo notar Angel Aranha nun comentario, Mr. Misto si ten páxina web (ningunha das dúas se ve de xeito correcto no Firefox).
Hoxe domingo foi a festa do percebe en Rinlo. As catro fotos presentan diferentes olladas: dende a ponte ó peirao, dende o muro cara á ponte, a trastenda da cociña e o ceo por riba de todo esto, cara ó oesta na posta de sol.
Aínda non comezaran a tocar, pero pouca xente había xa comendo.
Esto pasou un día despois da celebración do aniversario da Ponte dos Santos, que data xa de 1987, e o mesmo día que sae a volta a Galicia de vela dende Ribadeo.
Unha foto me lembrou unha nova atrasada: alguén, o fin de semana pasado, botou deterxente na nova fonte preto do Parador. Ninguén o limpou, pero pouco a pouco foi perdendo a escume... hoxe xa son restos. Mágoa non terlle sacado unhas fotos.
Achegado, en viveiro comezou o torneo de Xadrez... mágoa non ir.
E, moito máis lonxe, hoxe morreron varias deceas de eprsoas nun bombardeo israelí, a paz tambaléase en Darfur, onde se está a violar de xeito sistemático a trégua no medio dun xenocidio, ... O noso non é o mellor dos mundos, pero a nosa zona, con todo, non é do peor deste mundo. Compre traballar para que sexa mellor (a zona e o mundo, se é posible, e non ten por que selo...)

Ribadeo, música de novo

banda de Sarria no festival de Bandas Ribadeo 2006Banda de Ribadeo no festival de Bandas Ribadeo 2006
Onte foi o festival de bandas 2006. As fotos o atestiguan.A banda de Pevidém (pedanía de Guimaraes, Portugal, preto de Braga, a uns 41ºN 8ºO) cambiou a súa última obra por 'Highlines from Chess' (non estou seguro da primeira parte do título...), e a banda ribadense deixou de tocar as dúas partes centrais da segunda obra por mor do tempo: o desenvolvemento ía moi atrasado. No medio, a banda sarriana desenvolveu o seu programa tal cual. Non hai fotos da banda de Pevidém, a de día é a de Sarria e a de noite, de Ribadeo.
Lembro de novo que clicando nas imaxes pódese ver unha versión a maior tamaño, e ver por exemplo as letras...
O festival rematou, pero antes a entrega de agasallos, que neste casos pode converterse en cómica: do concello (M. Luz), ás bandas. De Amadores ás asociacións, da banda portuguesa a uns e outros, ... O público ocupou a praza, duns 475m2 (27x18) ata o final, con poucas desercións, o que daba para facer unha lembfranza do primeiro festival de bandas, no que choveu a máis non poder, de xeito que ata hobo que vaciar a auga que se acumulo na cuberta do palco en pleno medio da actuación da banda murciana, que por certo viña dunha terra na que (dicían) non tiña chovido nos dous últimos anos: levaron unha lembranza inesquecíbel.
Unha pequena transcrición:
Maciel Matos
Nace en Caldas de Taipas (Guimaraes) en 1962 iniciando estudos musicales os 10 anos da man de seu pai e seu irmán.
Estudou na escola do Conservatorio de Música Calouste Gulbenkin de Braga acadando o título de trompeta. Con 18 anos ingresa na banda Sinfónica da Guarda Nacional Republicana de Lisboa sendo aluno de Joaquín Teixeira e de José Augusto Carneiro no conservatorio Nacional.
Segué a estudar en Francia e participa en masters con prestixiosos profesores.
Actuou como solista nos Teatro Nacional do S. Carlos, Teatro S. Luis, Teatro da Trinidade, etc. Foi convidado polas orquestras da R.D.R de Lisboa, Porto, Nova Filarmonía entre outras.
Na área da música de cámara, fundou o grupo de metáis Seixas, co que ofreceu numerosos concertos ademáis actuou como instrumentista en Madeira, Azores, Francia, Holanda, Belxica, Luxemburgo, España.
Na actualidade, e profesor de trompeta e dirixe a Banda de Música de Pevidém,
Banda da Sociedade Musical de Pevidém
Foi fundada en octubre de 1894 na rexión de Pevidém por Manuel Martins Coelho que ao fronte de 16 músicos fundadores e con escasos medios e múltiples atrancos mais con moita dedicación e esforzo, son capaces de seguir adiante para ser hoxe unha prestigiosa banda no medio artístico.
Ao longo dos anos, a Banda entusiasmando cada vez a masi xente e comeza a ter colaboración de mestres coma Capitao Romano, Ribeiro Dantas e outros. En 1929 toma o relevo de seu pai como director, Albano Martins Coelho Lima e logo e dirixida por Amale libeiro, etc
Ferreira do Vale, Antonio Ribeiro de Casíro, Joaquín Martins Coelho Lima, e logo dirixida por Arnaldo Ferreira do vale, Antonio Ribeiro de castro, Joaquín Martins Coelho Lima, Francisco Ribeiro, etc.
Co gallo do 80 cabodano, edita un disco que brindan os seus socios e amigos.
A Sociedad e Musical de Pevidém, ten sede propia con auditorio para 200 persoas, arquito musical e gabinete de apoio os músicos. Foi distinguida pola Cámara Municipal de Guimaraes con medalla de ouro ao mérito asociativo.
No ano2001 e ata o momento pasa a ser dirixida polo mestre Maciel Matos.
Programa: Antonio Nogueira.......Ilidio Costa
Quo vadis.............A. Scassola
Uvas do Douro (non tocada)

20060729

La Comarca de Ribadeo (e 3ª de hoxe...)

Cartel festival RQR en Ribadeo 2006
O semanario de Ribadeo ven esta semana con 'novidades'. Non o digo pola carta que aparece asinada por min, senón por outras moitas novas, como a irrupción da campaña de todos os grupos políticos (que xa comezar a facerse ver noutras edicións anteriores), con títulos como 'As gaivotas en Ribadeo' e 'Candidatura nacionalista independente'. Dígoo polo artigo 'La construcción en la costa' de José Mª Rodríguez (da que podes ver a versión ixital, ou noutra verquente moi diferente 'CCA preto de ti', a cargo do Depto. de comunicación do propio CCA, a 'Historia callejera' de Marino García, relatando un Ribadeo presente en pasado xa consumido e unha visión pesimista, e 'Lo español y lo castellano' de Xosé Carlos Rodríguez Rañón, que defende o galego cunha historia esta volta en castelán. Esquecíame do artigo titulado 'Los constructores ribadenses se desmarcan de la marbellización de la costa', que aparece na portada xunto dunha foto sobre a ría e no que só faltaría que non tentaran desmarcarse, que é copia do que xa saiu no 'El Progreso' o martes e foi contestado xa pola Asociación de veciños O Tesón. Queda a parte algo que non é da Comarca, as declaracións do alcalde sobre as bondades da piscifactoría que Pescanova pretende na costa Ribadense, e que dará moito que falar, previsiblemente moito.
Aproveito para reproducir aquí a miña carta desta edición da Comarca de Ribadeleo como diría outro amigo meu:
--
De amizade
Que hai Amigos e amigos sábeo calquera dende a infancia. Igual que que pode haber Inimigos e inimigos. E covardes e Covardes.
Por eso me chamou a atención que nunha carta aparecida o sábado 22 de xullo na Comarca alguén covarde e suposto inimigo (ambas con minúsculas, coido que non chega a máis) de alguén outro que non menciona máis que con indirectas e a quen se lle imputa (máis ben vaticina) unha suposta soidade. E por eso a miña pequena reflexión: pode ter Amigos ou chegar a ser Inimigo alguén que non dá a cara nin para facer unha 'parábola'? Pode saber moito do tema, intereses non confesados a parte? Ou é que tentou facer unha obra literaria?
En fin, non merece máis comentario: o sistema de anónimos da Comarca pode dar lugar a moitas situacións, como ás veces facer rir polo que se pon, e outras facer esbozar un sorriso irónico pensando en quen o pon.

Turismo industrial en Ribadeo (2ª de hoxe)

Cartel de Mar por Medio, no díptico
E se alguén non cre o título, vaia iste, obtido hoxe de 'La Voz de Galicia': "Vacas: «A maior planta de rodaballo do mundo será compatible co turismo»".
Hai unha exposición que promete na Pedro Murias sobre Pedro Murias. Pero eso xa é historia, non compatibilidade industria/turismo. Está Ribadeo á deriva, podendo aterrar en calquera sitio, como a botella alegórica da imaxe?

Algo de física: experiencias en Ribadeo

Onde se pode atopar eco en Ribadeo? Antes, o mellor sitio era Mirasol. Dende que se cubriu a zona norte, xa non. Pero se nos situamos no mirador cabo do faro da illa Pancha (ou na zona próxima, segundo o vento que haxa varía a zona idónea), entón poderemos obter unha resposta ós 2 s nas instalacións de Aromar. Os dous segundos saen de que ambos lugares atópanse aproximadamente á distancia que recorre o son no aire nun segundo.
Se se vai a esa zona pola noite, verase un espectáculo ó ver avanzar a proxección da luz do faro, por exemplo na costa cara á insua de Vilaselán. É curioso ver como avanza máisa apresa canto maís distante estea o sitio onde se proxecta a luz. Un fenómeno parello a escala moito maior fai que nalgunhas situacións pareza que a luz se propaga a unha velocidade maior que a chamada constante de propagación da luz no vacío, a máxima velocidade que se pode acadar.
Por que me poño agora con esto? Ben, comecei xa vai máis dunha hora e cambiei de actividade. Pero o caso é que son as dúas menos cuarto, rematan de romper o primeiro vaso da noite e por un sonómetro sen calibrar mido máis de 60dB (unidade que tamén entra no campo da física), é dicir, máis de 1000 veces a presión sonora que debería haber como límite máximo. Mentras, non vexo que o concello faga nada máis que tentar de marear a perdiz.
En fin, outra cousa máis que vin hoxe en Ribadeo relativa á física: os avións que pasaban hoxe deixaban pouca traza, unha traza pouco persistente. Iso é debido a que o ambiente estaba seco e polo tanto, en vez de condensarse a auga explusada polo funcionamento do reactor, o que facía era difundirse máis ata desaparecer o rastro. É dicir, a máis sequedade en altura, menor rastro por haber menor condensación.
Para rematar, o gráfico de mareas destes días previsto apra Ribadeo, obtido con wxtides, un programa gratuíto (licencia GNU, é dicir, algo así como 'fetén', libre, gratuíto e no que se pode argallar; pódese descargar en http://www.wxtide32.com/index.html) que da unha información abondo adecuada. A observar que no pantallazo, a hora é a hora legal española -horario de verán, e pódese usar en linux (Xtide) ou windows (o que aparece na imaxe neste caso), e como non se ve moi ben, que as bandas oscuras é a noite e as brancas, o día; as horas están marcadas de 0 a 23 e o centro do gráfico é esta noite.
... continuará.

20060728

Loraela, ondes estás? En Ribadeo, cecais...(... e 3ª de hoxe)

Ia para Loraela, jazz, e vin con Mister Misto, curtas. Coido que era hoxe, ás 20, no auditorio, pero media hora máis tarde, alí non había máis que o equipo de Mister Misto (poñería o enderezo da súa web, pero non o atopo...) preparando o On/Off que está a piques de comezar. Chamoume a atención o cartel co fondo da Torre dos Moreno, e aí vai, xunto co equipo traballando a traverso dun vidro, como nas súas curtas.
Por certo, como alguén me dixo hoxe que non era quen de ver o libro "Ribadeo no tempo, a través das imaxes (outro Ribadeo foi posible)", aí vai de novo o seu enderezo: http://ribadeo.webcindario.com/O_Teson/RibadeonoTempo/. Espero que agora non teña problemas.

Fotos da autovía (2ª de hoxe)

Só unhas fotos para deixar constancia das obras da autovía nas proximidades do pobo... nalgún tempo, a paisaxe será historia, aínda que o avance das obras en Vilaframil xa case indican a imaxe final.


Cultura, obras, festas... en Ribadeo pobo e campo

un cocnerto RQR na praia dos Bloques ribadenseNon remataron aínda as xornadas mar por medio e xa están aí dúas actuacións musicais hoxe. Mañá, o festival de bandas e a festa do percebe en Rinlo. Na Xunta, concesión de cartos para os desaugües entre Rinlo e a EDAR de Vilaselán, que por certo debérase de completar (non está á altura de outras como a de Mondoñedo, por exemplo) En fin, en agosto, movemento en Ribadeo, como o amosa que o comercio ribadense vaia abrir os luns de agosto e a mañá de San Roque. Continuando co de onte, a marca de Ribadeo podería vir simbolizada por algo así como Ribadeoenvenda? ou Ribadeo é Jauja? Bo, din que é mellor rir que chorar.Pai e fillo subindo tranquilos Ribadeo arriba
As fotos, unha do festival RQR luns desta semana na praia dos Bloques e outra unha imaxe apacible do anoitecer ribadense: un pai e un fillo subindo por unha rúa, co edificio dos Moreno ó fondo.
Adxunto unha nota de prensa que rematan de recibir os medios hoxe mesmo:
--
Asociación de veciños O Tesón
Ribadeo
Nota de prensa 27/07/2006

A Asociación de Veciños O Tesón, á vista das sucesivas declaracións realizadas nas xornadas de patrimonio descalificando o urbanismo ribadense, á vista do desenvolvemento da tramitación ata o momento do plan xeral de ordenamento municipal e tamén da réplica da comisión de promotores insistindo en que deberan ter voz na redacción dos planes urbanos, considera oportuno declarar que están de acordo cos promotores en que os desastres urbanísticos se poderían evitar cunha correcta planificación e sobre todo un control municipal adecuado.
Nembargantes, non ven lugar á insistencia dos promotores para ter voz na redacción das planes urbanísticos, e menos por riba doutros sectores. Considérase que en tal caso, dito colectivo tería unha posición equivalente a ser xuíz e parte litigante nun xuízo.
O que si que está clara é a necesidade de que o Concello preste ouvidos ás indicacións de quenes van a sufrir ou disfrutar dos resultados, sexan viciños ou promotores, para logo levar a diante o deseño do plan e o seu posterior desenvolvemento. Neste sentido, temos que lembrar que a asociación de veciños O Tesón presentou alegacións o PXOM, nas que se indicaban diversos puntos débiles e inconsistencias, comezando porque non marcaba uns obxectivos de planificación e non definía que orientación de futuro se pretende para Ribadeo. Dende que foron presentadas, nada sabemos delas, aínda que outros colectivos se reuniron con posterioridade co alcalde para tratar temas relacionados, e mentras a mesa de asociacións (que tamén abordou o tema) leva sen ser recibida pola alcaldía dende antes do pleno de novembro pasado, a pesares de serlle lembrado ó alcalde repetidas voltas o compromiso que asumiu de recibir ós compoñentes da mesa cunha perioricidade de dous meses. Ademáis, a tramitación polo Concello doutras normas que inciden dalgún xeito no plan xeral, comezada con posterioridade ó envío do PXOM á Xunta pero tamén con atraso considerable respecto ós prazos a cumprir nesa tramitación, fan evidente que a redacción do mesmo PXOM non foi tan coidadosa como era necesario, e careceu da participación popular necesaria a hora de fixar as bases no período da sua elaboración.
Por último, respecto ás declaracións da comisión de promotores sobre 'que no ha habido, como tampoco hay ni habrá un solo caso de corrupción, ni siquiera indicios de ello', consideramos que é un desexo expresado en voz alta, desexo que compartimos pero que non abonda con expresalo, senón que hai que poñer os medios para que sexa realidade: que non haxa nestes momentos un caso xudicial aberto non implica que o urbanismo ribadense non teña pasado polos xulgados dun ou outro xeito.

20060727

... e continuación de Mar por Medio en Ribadeo (2ª de hoxe)

Presentación da primeira charla de Mar por Medio 2006Na mesma charla que dicía antes falouse da multi identidade simultánea, un termo que oculta algo tan vello como as persoas: non temos unha soa faceta, e polo tanto posicionámonos fronte a diversos temas de xeito diferente, podendo incluír nas nosas preferencias varios ó tempo, aínda que poda haber un solapamento contraditorio entre eles. Por exemplo, non ten por que haber unha contradición entre a consideración dunha persoa como galego e, ó tempo, como cidadán do mundo, a pesares que son dúas inclusións que se solapan.
Houbo varios momentos en que pensei se a construción sociocultural é algo de todos ou da xente que ten poder. Cheguei á conclusión (que agora vexo lóxica totalmente) que se se fai deixación de cultura, entón será unha ou outra elite quen a constrúa á súa imaxe ou segundo os seus intereses.
Logo a charla deume pulo para pensar en que pode estar baseada unha marca 'Ribadeo'. Augas Santas, Hernán Naval, o Cantón dos Moreno, o Marqués de Sargadelos, as casas de indianos, o camiño de Santiago, os hórreos, ... sen esquecer os que agora mesmo estamos a facer o Ribadeo actual. Todo para rematar en que se temos 'marca' é para poñerlla a un 'produto', e aí, considerar Ribadeo como produto, pois vai ser que non.
Considerar cousas separadas como produto, eso xa pode ser outra cousa, pero antes do termo 'produto', deben ser identidade cultural, sen prefabricar. O dito, as xornadas (o pouco que vin delas) son diferentes. E bo, o diferente sempre da ideas.

Mar por Medio (1ª de hoxe)

Hoxe aviso de que é a primeira: pouco tempo e sei que logo terei máis e seguramente aumentarei o posto agora. De calquera xeito, a lo menos un tema, téñoo claro: Mar por medio, xornadas que comezaron ontes, desenvólvense no Parador e coido que este ano teñen un enfoque chusco. O tema xeral, cultura e identidade nun mundo globalizado, na charla feita por por Antoni Laporte ("Estratexias para a cultura"), foi unha especide de introducción a termos de mercadotecnia coa base cultural. Moito que falar (opino) do mesmo en relación á nosa cultura, e moito que aproveitar e tamén que escapar de conceptos de mercadotecnia (marketing, que é o que empregan escapando dunha palabra máis amigable). Comezou citando a Manuel Castells e John Naisbitt, dous gurús de globalización e prospectiva, e dixo cousas que o orientaron moito máis ó mundo econ`´omico que ó cultural. E é que mistura de ambos mundos non é doada, e unha empresa é unha empresa, é dicir, terá sempre a orientación do seu primeiro obxectivo, ganar cartos. A distinguir doutro tipo de entidades que en principio teñen fins sociais, por exemplo, culturais. En fin, a charla foi amena e tentando en parte provocar rebelión. Non máis de 30 persoas o escoitaro, desaproveitando unha oportunidade de ver outros aspectos de Galiza/Galicia.
Por certo, deume un pouco de ... (póñase aquí unha sensación rara) ver onte na prensa que unhas conselelrías asinaban o seu anuncio como Galicia e outras como Galiza. Na diversidade está a oportunidade, pero coido que sería cousa de amañalo a favor dun termo ou de outro. Que conste que teño pasado por períodos a favor de unha e da outra denominación, e falado con xente entendida sobre o tema, que por certo, se decata en xeral, segundo a miña experiencia, por usar Galicia. Cal sería a 'marca' a vender, Galicia ou Galiza?

20060726

Onte vin chorar no Auditorio Hernán Naval, Ribadeo

O director da a entrada para o comezo do primeiro concerto no auditorio Hernán NavalXente saíndo do auditorio recén nomeadopalabras de M.Luz, concelleira de CulturaCoido que si foi emocionante para moita xente. Un recoñecemento a Hernán, que levou a batuta guiando os pasos musicais de moitos dos que estaban presentes e de outros ausentes. Palabras emotivas primeiro de Mari Luz, no exterior, logo de Suso, no interior. Fotos e a reproducción da letra do díptico coido que ilustran xa non o acto, senón o sentemento. O resto, pouco a pouco no 'Arquivo dixital Hernán Naval'
--
Concerto da Patria galega
Andrés Gaos foi violinista, compositor, director de orquestra e pedagogo musical. Entre as súas obras máis destacadas atópanse a Sinfonía n°2 "Nas Montañas de Galicia" ou Rosa de Abril así como ducias de concertos para violín solista e varias pezas para grupos de corda. Unha mañá de marzo de 1959 finaba no Bos Aires que o acollera como emigrante. A poucos anos de cumprirse o medio século do seu pasamento tanto a súa obra musical coma pedagóxica fican aínda sen un recoñecemento público en Galicia, país que está presente en todos e cada un dos traballos que levan o seu nome e ao que adicou cantos premios recibiu ao longo da súa carreira.
Hernán Naval garda un certo parecido con Andrés Gaos. Ademáis de sentir fonda admiración polo compositor coruñés, Naval foi trompetista, compositor, director da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) e pedagogo musical, alen de conferenciante, articulista, dramaturgo e promotor de ducias de iniciativas culturáis, tanto no seu Viveiro natal coma no Ribadeo que He deu acubillo durante anos. Unha das súas obras, Lonxe do Mar, vai soar esta noite no Auditorio Municipal "Hernán Naval Parapar" de Ribadeo e outra delas, Port - Bou Sarajevo, está recollida no primeiro CD da BMR. Mar por Medio ou Il Nome Della Rosa son pezas tamén asinadas por Hernán xunto con centos de arranxos de pezas diversas que leva feito tanto para a banda que criou como para a Escola que pariu. Até fai quince días a figura de Hernán Naval e todo o seu legado ficaban orfos dunha homenaxe pública na vila de Ribadeo que fose máis aló do carácter efímero das palabras. Cinco anos despois da súa morte, no Día da Patria Galega de 2006, Ribadeo cumpre unha das súas obrigas coa persoa de Hernán Naval en sinal de agradecemento póstumo por todo canto fixo musical e educativamente ao longo dos seus anos de traballo na vila ribadense. O que está chamado a converterse nun dos epicentros culturais da comarca, o Auditorio Municipal de Ribadeo, vai levar dende hoxe o nome de "Hernán Naval". A outra obriga que aínda ten Ribadeo coa persoa e co traballo de Hernán é manter vivo o seu espirito no tempo, tanto a través da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo coma da banda, consolidando dous proxectos educativos e musicais de referenza non só na comarca senón en todo o país.
Recoñecendo a laboura de Hernán axudamos tamén a manter viva a obra do
seu benquerido Andrés Gaos con quen a bo seguro comparte nalgures a batuta
do coro de voces ao que un día deu forma Castelao na súa Alba de Glória. Tan
so, grazas.
"Miña avoa cambiaría de opinión se hoxe poidese estar aquí..." (Hernán Naval o día 08/01/99)
S. López, trompeta da Banda Municipal de Ribadeo

Programa
Ponteareas.................... R. Soutullo
A little concert suite........ Alfreed Reed
I Intrata
II Siciliana
III Scherzo
IVGigue
Festa paesana................. Jacob de Haan
Lonxe do mar.................. Hernán Naval
Don't cry for me Argentina.... Andrew L Webber
Abba Gold..................... Ron Sebregts
Let's make music.............. Jan Ceulemans
Director: Lourenço Cruz


--
Unhas notas: Antes de ter lugar a interpretación da obra de Ceulemans, de título moi apropiado para a ocasión, o presidente de Amadores saíu ó esceário para cambiala e tocar de novo 'Lonxe do Mar' como homenaxe ó 'Maestro de sempre' da banda.
Para mellor coller as fotos:
O director da a entrada para o comezo do primeiro concerto no auditorio Hernán Naval.
Xente saíndo do auditorio recén nomeado, da primeira actuación co nome de Hernán.
Palabras de M.Luz, concelleira de Cultura.
Comentando con outra xente, notouse algunha ausencia. Algún, por despiste, outros, porque non se enteraron, outros por imposibilidade, pero tamén algunha que costa comprender e outras, confirmación do xa esperado.

20060725

De onde ven isto? (2ª de hoxe)

'Os problemas do medio ambiente teñen causas complexas, explica, pero pódense atribuír ó feito que crimos, de xeito erróneo, que o desenvolvemento económico era a solución a todos os nosos problemas. A persecución de ganancias materiais parece ter devido o único obxectivo da sociedade, e esto tivo por resultado o declinar dos nosos estándares morais. a nosa cultura tradicional, que pon o acento sobre a harmonía entre home e natureza, foi percibida como unha camisa de forza que limitaba o crecemento económico'.
De onde ven? Pois dunhas declaracións dun ministro chino... o país que se di máis contaminado da Terra. Cando vexas as barbas do teu viciño cortar, pon as túas a remollar...

Cándido ou o optimismo

Un día coma hoxe, de festa en Galicia, falar algo do optimismo parece que presta. Rematei de ler "Cándido ou o optimismo", de Voltaire. Non me gustou moito, pero quedeime co conto final: van resultando as cousas se non se lle pide moito a vida, trabállase e hai unha compensación entre o que se pensa e o que se fai. Despois de todo, Voltaire era Voltaire...

20060724

25 de xullo (cun pouco de antelación)

Hoxe é un día de festa. O 25 de xullo, Santiago, patrón de Galicia e día adicado a Galicia en si mesma, á Patria Galega.
En Ribadeo, un concerto, xa avisado no blog, será a continuación dun acto entrañable para moitos, o recoñecemento de Hernán Naval pola adicación do auditorio.
Coido que a significación de Ribadeo e de Galicia, a súa personalidade, a súa cultura, veríanse melloradas con máis xente como Hernán.
Por eso, son ncesarias iniciativas como o sitio web de Hernán Naval, con pouco movemento ultimamente, ou a proposta dun Arquivo Dixital Hernán Naval, complementario ou provisional respecto da idea anterior, moito máis modestas que a asignación do seu nome a un edificio como o auditorio: porque Ribadeo, Galicia, é algo máis que o territorio: é a xente que vive nela, a súa cultura, a súa lingua, a súa música...
E ti, como colaboras coa comunidade?

Nota de prensa de O Tesón (2ª de hoxe)

AAVV O Tesón
Ribadeo
Nota de prensa

Como é sabido, a AAVV o Tesón de Ribadeo ten publicado vai un mes escaso o libro 'Ribadeo no tempo, a través das imaxes (outro Ribadeo foi posible)'. Dende aquel entón, ten distribuído o mesmo entre os seus socios, de xeito que só dispón duns poucos exemplares para a súa distribución entre as persoas que próximamente se unan á sociedade.
Notando a boa acollida deparada a dita publicación, que levou consigo un aumento do número de socios e un interese de diversas persoas por acceder ó contido do libro, e dada a festividade do 25 de xullo, a AAVV O Tesón remata de colgar na rede unha versión dixital para facilitar o acceso ó libro, no enderezo “http://ribadeo.webcindario.com/O_Teson/RibadeonoTempo/”. Con esta posta na rede, a AAVV tenta de achegar o volume ó maior número de persoas posible dentro dos seus recursos, do mesmo xeito que se fixo cando se depositaron exemplares na biblioteca pública municipal 'Viejo Pancho'.
En relación con esta novidade, lémbrase que o contido escrito ten unha licenza 'creative commons' que permite a súa reproducción, mentras que as fotografías están reproducidas cunha calidade inferior ás do libro.

Orde e desorde

cochambre en Pasarón y Lastra
A orde é un conceito físico relacionado coa enerxía, e a desorde, o conceito oposto, tamén físico polo tanto. Non me vou agora a meter na explicación física, senón nalgo máis achegado ó día a día, a explicación humana dalgunha desorde. Na foto vése unha cochambre rueira nunha das rúas (semi)humanizadas de Ribadeo. Entre a foto e esto que escribo, dous aparellos de limpeza mecánica pasaron pola rúa viciña (distancia nula) e a rúa segue igual. Vai para unha semana que preguntei ós operarios por que non limpaban cun deles, a manguera, e dixéronme que porque tiñan orde de non pasarlle a manguera máis que os domingos. Despois, o Tenente de Alcalde recibiu a miña suxerencia (o Alcalde non estaba, unha viaxe o mantiña lonxe) e dixo que falaría con eles. Hoxe non é domingo, é luns, e a situación pode verse que segue igual: os devoltos, os verquidos, a perda de aceite dun coche seguen acompañando ós restos de vidro e os mexos na porta do garaxe. Por certo, que a última aprte foi denunciada diante do concello e diante de sanidade (que di que é o concello quen ten competencia). É dicir, explicación física do concepto a parte, neste caso a desorde ven dada polas atribucións do concello e o seu desuso (ó mellor debera empregar por exemplo, mal uso). O anterior non quita, claro está, que o son dos parellos sobrepase decibelios e decibelios o permitido polo mesmo concello (pódense medir uns 60dB na miña casa, o mesmo que as medidas máis fortes tomadas na movida). Outro desorde que considero é que non se queixe a xente... Metido noutras guerras, polo momento non vou por aí, a pesares de que intente que as cousas vaian mellor. É dicir, seguiremos co tema.
Unha nota: algún tempo despois, pasou a manguera os primeiros metros de rúa, non abarcando nin a foto completa...

20060723

Discutir e provocar

Atópome nunha revista xa vella sobre internet unha idea sobre os blog. 'Debe haber un tempo (unhas liñas) para compartir ideas, para "bo rollo", pero tamén para discutir e provocar (Fernando Garrido, Observatorio da Cibersociedade, en EnBlogs06). Parece que me leeran o pensamento cando decidín ir adiante con este blog...
Aproveito para un par de citas, unha de hoxe e outra de hai un mes, ambas no 'País Semanal', ambas reacionadas aínda que os temas das entrevsitas correspondentes non teñen moito que ver. A de hoxe, 'Los ciudadanos votan cada cuatro años, los poderosos, cada día', corresponde a Zapatero, pero podería corresponder a calquera con dous dedos de fronte. A segunda, de Al Gore (ex-vicepresidente dos EEUU) é máis complexa: 'Los que contaminan tienen demasiado poder en el sistema político. Pero sólo son capaces de usar ese enorme poder cuando la gran masa de la población no sabe lo que sucede y no se involucra'. Contra a primeira, parece que se manifesta repetidamente o actual alcalde de ribadeo, coa súa manía cíclica de dicir que os cidadáns xa elixirán cando toquen votacións. A segunda é unha realidade tamén en Ribadeo, e por eso coido que hai que facer que a xente se entere das cousas para que opine e vote día a día.

20060722

Ribadeo, máis do mesmo

Si, máis do mesmo. Do mesmo que noutros lugares: hoxe celébrase o Carme, outra vez desprazado, e outra volta cun desprazamento contrario ó de Tapia e As Figueiras para non competir con elas na celebración. Hai que lembrar que as festas agora non son tanto celebracións, senón motivos de atracción e negocio (ou eso parece moitas delas). Ademáis, a comisión de festas patronais ribadense alerta de xente que vai pedindo no seu nome e non (é dicir, é un apaño de cartos para algunha xente)
Pero sobre todo, máis do mesmo que estes días pasados: advertencia do avance dos feísmo. A relación coa economía e a política foi manifestada, aínda que a expresión de que non hai alternativa, en certo xeito tamén dito, non é certa. Vai xa moito tempo que escribín un artigo sobre TINA (There Is Not Alternative; o artigo non vai só sobre eso, pero é a parte principal) e sigoo a manter: outro mundo é posible... e hai moita xente na mesma liña, de amosar esa posibilidade. Mentras, en España xa hai unha vivenda por cada dous habitantes, o que indica que o parque de segundas vivendas segue a crecer pero chega a unas proporcións considerables, coa advertencia continuada dende hai xa tempo de que a burbulla inmobiliaria pode pinchar en calquera momento, con máis perigo canto maior endebedamento teñan as familias, e este segue a aumentar.
Un último comentario fóra de Ribadeo: aconsello a lectura dos articulistas Juan Goytisolo e Manuel Rivas, hoxe en El País
--
O artigo referido arriba, publicado o 24 do 4 do 1997 en A Mariña de El Progreso:
¿A quen insulta? ou “TINA ataca de novo”

Non sallo do meu asombro. Resulta que un home intelixente, emprendedor, moi preparado, ... pode estar maleducado, podéndose converter en paradigma de que educación non é só ensino ou formación, non é só coñecementos e aptitudes senón tamén actitudes, eso que tanto traballo costa corrixir. Eso non é tan asombroso, dende logo, o asombroso é que con todas esas virtudes, se lance a insultar por ... boeno, as causas as saberá el, pero o caso é que se lanza a insultar en público (amplificado a través dos medios de comunicación) a xente que está pedindo contas e axudando a reconstruir algo que estiman contribuiu a estragar, ou a quen pretende que o ensino público sexa crítico e prepare a xente que poda decidir (como está escrito nos documentos básicos que a correspondente Consellería pretende que se cumpran), ou, sinxelamente, a quen pensa de xeito diferente.

¿E que pinta Tina en todo esto? TINA non é muller. É o acrónimo de There Is Not Alternative, “non hai alternativa”, un dito repetido por moita xente con poder para xustificar as súas decisións. Repítese nos máis diversos asuntos, dende o desencadeamento da guerra con Iraq a decisións sobre medio ambiente a nivel mundial, e así a ONU queda como algo obsoleto dentro do futuro que se pretende que nos caia enrriba. E o protocolo de Kioto, en papel mollado pola chuvia aceda de quen é o máximo contaminante e non quere responsabilidades porque tamén ten o máximo poder: é o mundo do revés que se pretende futuro, onde as propias decisións de xente poderosa xustifican a planificación do porvir de todos nós en vez de ser un mellor porvir a causa das decisións.

Nembargantes, hai xa varios anos, en particular a partir das protestas de Seattle e logo do Foro Social de Porto Alegre (antítese da reunión de poderosos e “contubernio” político económico que é o Foro Económico Mundial de Davos), está habendo unha toma de conciencia: o mundo do futuro está nas nosas máns hoxe, e nós somos quen ten que planificalo. Se hoxe por hoxe temos unha organización política, somos nós quen temos que facela funcionar. Somos quen ten a responsabilidade esencial: a de pedir contas a aquelas persoas que puxemos nos postos de decisión. Naturalmente, nun estado democrático tamén en teoría temos o poder de votar a outra xente para así castigar. Pero non se trata de castigar, trátase de facer que as cousas funcionen para ben de todos, como pola outra banda non se trata de facer unha caza de bruxas contínua a calquer nivel, como o estatal, autonómico ou local, senón de valorar opinións que a todos poden axudar. Para eso, tanto votantes como elexidos temos que ter a cabeza a unha temperatura adecuada, evitando saídas de tono, e uns presionando e dando a opinión e os outros atendendo, que a sabiduría popular por algo se chama sabiduría aínda que tamén se poda equivocar.

Aínda lembro a célebre carga sobre unha igrexa en Vitoria noutros tempos moi diferentes.Ó día seguinte estaba poñendo un cartel na facultade chamando a ter a cabeza fría. É un cartel que conservo para lembrarmo a mín mesmo. A mesma persoa responsable que me induxo naquel intre me induce agora a escribir estas palabras.

E así voltamos ó título: hai alternativa, sempre hai alternativa, ou, para dicilo tamén cun acrónimo en inglés, HAINA, (“Here Always There Is Alternative”), pero hai que traballala. Entre todos. E Don Manuel, insultando ós seus, a unha boa parte desta familia que somos en Galicia, consigue non insultar a ninguén, agás en tal caso á idea que algunha xente segue a ter dunha persoa asombrosa en máis dun sentido. Un modesto consello, sr. Presidente: considere tamén que Galicia existe fóra da súa cabeza, entre outras cousas porque hai moitas máis cabezas en Galicia que a súa.

Antonio Gregorio Montes

20060721

Ribadeo, Terra e liberdade

Era lóxico. A primeira resposta de Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros, ó dito o día antes polo alcalde ribadense: 'Si se refire a Barreiros téñolle que dicir que cada un de nós ten bastante que facer no seu concello para adicarse ao veciño'. E é que as comparacións sempre son perigosas: fai ben as túas cousas, e así as comparacións serán sempre pouco perigosas. Se é o revés, comparar e non facer, a resposta está cantada.
En cambio, o arquitecto estrela de onte, Pedro de Llano, instou ó concello a paralizar o plan de urbanismo, e de paso responsabilizou ós concellos dos disparates, o de Ribadeo incluído. Unha cita tomada do xornal:"Muy crítico con la situación actual, desde el hotel en donde se aloja se preguntaba horas antes de leer su ponencia, Casas na Galicia para o século XXI, cómo se podía permitir un edificio al lado de la casa de indianos donde se encontraba" "un pobo tan fermoso como Ribadeo estáse sistemáticamente destruíndo". Coido que a entrevista con el non ten desperdicio no que a Ribadeo atinxe, comezando pola edificación e rematando polo paseo marítimo.
Terra e liberdade podería titularse, como a película de Ken Loach, aínda que adoitando outro significado lixeiramente diferente: para ter liberdade é necesario ter un anaco onde exercela...
Coido que é o momento para cambiar de tema (aparentemente) e pasar a un artigo de Jorge Cortell nun medio ben diferente: unha revista de informática. Pon como exemplo os EEUU, e compara as penas por suplantación de personalidade, atentado contra as persoas (un ano de cadea como castigo), venta de copias ilegais de programas, atentado de menor entidade contra as empresas (6 anos) e aceso non autorizado a unha rede informática do goberno, se cause ou non dano (ata cadea perpetua) É dicir, primeiro, protección do propio goberno, despois, das empresas, e por último das persoas. A dicir verdade, estaba lendo o artigo e estaba lembrándome de Ribadeo e eu mesmo, se ben coido que neste caso as cousas poden estar un pouco cambiadas, tanto porque a influenza posible do concello é menor como pola importancia relativa das empresas respecto ó monto total do concello ou a cultura democrática; naturalmente, nuns puntos para ben e noutros para mal. Optimismo despois de todo: ata o sistema xudicial dos EEUU, baixo presión popular logrou que o goberno tivera que rematar cedendo en Guantánamo, é dicir, aplicando as propias leis do país.

20060720

A interpretación do espacio habitado: do feísmo á sostenibilidade

Onte comezaron as oitavas xornadas de patrimonio. Das palabras da conselleira, 'o territorio fáinos como pobo' , 'É necesario o cumprimento da legalidade. Sempre digo que neste campo non se trata de que haxa moitas leis, senón de que se cumpran', ou cando se pregunta como van aceder á vivenda os propios mariñanos co boom urbaqnístico, ou quen vai manter os servizos... pasando polas do alcalde, que reclamou unha acción vigorosa contra a corrupción, 'é necesario que este concello non teña que sufrir comparacións odiosas do tipo de que aquí non se permite o que é moeda de cambio normal en concellos non distantes' (quen te viu e quen te ve!) ás do primeiro ponente, rui Ramos Loza, un portugués do Porto que falou dos problemas da cidade patrimonial, quédome con este, por ser menos político: 'Non hai cidade forte con organizacións fracas' dixo no seu portugués que empregou durante toda a charla. 'Non abonda sitio e xente, é necesaria organziación' foi outra sentecia que se me quedou gravada. E, onservando as escalas, non puiden menos que comparar a presentación sobre Porto, a súa parte histórica, con Ribadeo, pois alí saíu o seu nacemento, a venida do porto nas súas diferentes fases, ata a actualidade, onde o porto xa é irrelevante, o crecemento de pequena vila a vila amurallada, o crecemento por fór ada muralla, a industrialización, a comunicación con ponte artística con Vila Nova de gaia, nome retórico (máis administrativo) da outra parte de Porto, e así ata dúas perspectivas diferentes de futuro. Unha, chea de edificios abigarrados, grndes, sen xeito de cidade estructurada senón máis ben de macrocidade e outra alternativa, coa rehabilitación de edificios e cidade, con límite de crecemento.
E é que (aínda que non rematei de escoirtar a charla) coido que o autor da mesma e eu somos de ideas parellas neste sentido: non pode haber un crecemento ilimitado e sostible ó tempo.
Novamente o folleto das xornadas foi moi ben deseñado, co anagrama do concello e un pano de Ribadeo vello que a min deparoume algunha cousa curiosa ó velo. A ver se mañá aparece no blog.
Por certo, mentras, o fiscal pide prisón para o ex alcalde de Cervo por temas de urbanismo. E en Ribadeo, mentras vai adiante o campus de baloncesto, o comercio di que a falta de aparcamentos (é dicir, máis urbanismo) estáos a fastidiar.

20060719

Primicia: cartel para o Día da Patria Galega en Ribadeo (2ª de hoxe)


Remato de recibir o cartel correspondente (envío direito de Chenchu, o autor) á celebración do Día da Patria Galega en Ribadeo. Polo que parece, é ese o día no que se vai a poñer a placa ó auditorio, polo tanto, a figura de Hernán vai estar presente...
Como ó subilo ó blog non se lle ven moi ben as letras, a descuberta da praca, ás 20:30, o concerto, ás 21, todo o día 25, claro.

Sobre unha xuntanza (non en Ribadeo), un batiburrillo no pobo

Os alcaldes reuníronse co subdelegado do goberno... como resultado, pretenden que no verán se usen zonas de costas (dominio público) para aparcamento ou que a G.C. realice os atestados que lle corresponde á P.L. é dicir, os alcaldes piden axuda saltándose o espazo pública e botando balóns fóra. Ó tempo, queren traer máis turismo (pode que para que invadan máis o territorio público que están pedindo que se use en funcións inadecuadas) e pretenden ampliar horario de pubs (cando saben as súas propias limitacións para gardar o orden e o descanso dos veciños). Algo así como nenos pequenos que primeiro queren xogar e logo cambiar as reglas do xogo ó seu favor. A xente grande, trata de prever e facer unhas reglas do xogo estables e manexables, e úsaas. Un exemplo en contra? O RAMINP/ordenanza municipal contra a contaminación acústica de Ribadeo prové dun bon exemplo.
Hoxe é mércores, e hai que ver como están os aparcamentos, incluído o provisional da Rosalía de Castro. Os cartos para solucionalo tamén se pretende que veñan de fóra, pero o importante parece ser que veña máis xente: ó fin, Ribadeo é un 'municipio sostible'.
Ademáis, ACISA 'aclara' o horario de verano de pubs e bares, e esta tarde comezan as xornadas de patrimonio.
E eu comecei a poñer en http://ribadeo.webcindario.com/ máis cousas sobre Hernán, neste caso, escritos sobre a atribución do nome ó auditorio. Dificultades técnicas fan que aínda non esteñan OK, pero para comezar... (a lembrar que no outono/inverno, tras unha longa listaxe de varias entradas consecutivas, puxen un 50 documentos no blog)

20060718

Ribadeo, pequenas cousas

Quen vexa hoxe o periódico e as novas de Ribadeo verá algo así como un conxunto de correvaiedilles. Resulta que o servizo de socorristas váise normalizando: xa están, que non é pouco, recobraron unha zodiac (pregúntome que fixeron para recobrala, porque máis ben parece que sexa nova) fáltalles material, teñen material prestado dunha tenda, etc. esto estouno escribindo pasado medio xullo, o que da que pensar.
Craig Patterson será o pregoeiro este ano: un 'mozo' de 33 anos que está a traducir ó inglés 'Sempre en Galiza', e que coñece Ribadeo Mar por Medio. As xornadas pouco a pouco van dando o seu froito, aínda que din algúns poideran dalo moito maior.
Roubo de 150€ e un móbil nunha tenda de Ribadeo: é certo que este ano non se están prodigando feitos semellantes, a Deus grazas.
O 'movibus' (oficialmente, 'noitebús'), o bus da movida, tivo 285 usuarios esta fin de semana en toda a Mariña. Significará o 3% do que move a movida? Non creo. Respecto ó movibus quedan moits cousas por dicir. Xa irán saíndo.
Dispárase a demanda de abanos... e é que as temperaturas non son para menos, a pesar das néboas persistentes nas tardes ribadenses.
Comézanse a limpar os contedores de lixo. A boas horas, se ben neste e noutros moitos casos, máis vale tarde que nunca.
O Concello pide á Deputación que limpe ás estradas que lle corresponden. Outra volta, o mesmo comentario que antes.
Mentras, a ofensiva israelita sobre o Líbano sobrepasa as 200 mortes e aquí non pasa nada, pero seguirase a chamar terroristas a uns e soldados a outros. Coido que lévanse verquidos ríos de tinta sobre o tema, e seguirán, pero resultados... claro que polo momento, e desta volta, son menos mortos que os do 'pequeno' tsunami que asolou Xava esta semana, e fai lembrar que o 99% de mortos por catástrofes o fan en países 'pouco desenvoltos': sábese ben o por que, e amén que polo momento a cousa seguirá igual, aínda que se atallen os 855000€ gastados polo que parece por Roca en champán en Marbella. Cousas que de tan noxentas, xa non se pensa nelas.

20060717

Necesito publicar unha segunda hoxe: o 17 ás 17

O 17 ás 17. Son unhas palabras que teño almacenadas na miña memoria como a consigna para o 'grorioso alzamento nacional'. foi hoxe fai 70 anos, cousa que me acaba de lembrar un artigo no País sobre o xeral Rojo. Moitas veces teño pensado como tería sido a historia de España sen a rebelión franquista. E seguirei a pensalo. Pero, mentras, tiña necesidade de facer esta segunda entrada.

Ribadeo musical

Onte finalizou o campamento musical de Amadores da Música. Un concerto deu conta dos progresos entre os asistentes, que non foron poucos. Os primeiros sons foron do piano, Cando ti crees e os Simpson. A Sonata de primaveira e Manteliño branco (W A Mozart confrontado ás tradicións chilenas) continuaron, deixándose ouvir coas guitarras. Á turca, tamén de Mozart, e a coñecida Ei, querida (Hello, Dolly!) de Jerry Herman foron interpretadas pola orquestra do campamento, para finalizar co grupo de percusión cunha tradicional Zulú, Thu, Thu, e Corazón de coco, de Ramiro Couce.
Non era tanto a asistencia a un concerto, senón o comprobar o resultado didáctico dun campamento. Os asistentes, maioría de familiares dos músicos, pode que non sexamos de fiar na avaliación, pero a satisfacción, non polo avance de cada pequeno en particular, senón polo xeral, era evidente.
Nestes casos hai que dicir que porfiar no avance de cada un individualmente sería un desastre, pois implicaría que se oe de xeito diferente ó conxunto, ou sexa, que pode ser moi bó pero que vai pola súa beira e polo tanto a música producida en conxunto non é de calidade. Dende logo, a música de grupo, como neste caso no que todos tocaron en conxuntos de diversos tamaños, da unha idea do funcionamento do corpo social, unha explicación de aquelo de 'onde foras, fai como vexas' (entendendo de que en cada sitio hai que facer segundo os xeitos do lugar) incluíndo comentarios como os que leín unha vez en relación ó século de ouro español, que era unha sociedade ben bizarra para o que é o patrón de hoxe, que parece imposible que funcionara, pero que nembargantes tivo unha longa decadencia e non un corte abrupto (supoño que o ouro americano foi ó tempo un cancro e un sostén). E é que as sociedades son difíciles de corrixir nos seus comportamentos, as revolucións non son máis que episódicas e inestables unha volta que se producen. Pero... necesitan corrección, entre outras cousas porque non son estáticas, senón que cambian de xeito imperceptible, pouco a pouco, como o son nunha banda de música. E aquí, en Ribadeo, temos experiencia de que o son da banda pode cambiar para ben e para mal, e que as medidas correctoras custa aplicalas (tanto pola desafección social unhas veces como polo que custa convencer de xeito definitivo ó alcalde e compaña as outras) Pois se custa nunha agrupación por baixo dos cen membros, calculemos o seu custe a nivel cen voltas maior, o municipal. Pensando así, certamente hai que ter un trato dolce cos alcaldes cando tratan de facer as cousas ben... : merécenno. Pero antes, hai que tentar de que as faigan.
Unha nota final: ó poñer os títulos das obras interpretadas polas diversas agrupacións, fixen unha traducción ó galego: non me parece oportuno o que se fai moitas veces, de deixar o título dunhas obras no idioma orixinal, aínda que non sexa o do autor (caso de Alla Turca de Mozart, en italiano porque era o chic do momento, e non o seu alemán), deixar outros en lingua orixinal e vernácula dos autores (When you believe), coller un nome traducido dunha partitura cando non é o orixinal, que se lle puxo noutra lingua, nin a traducción ó galego ou castelán (Spring song), etc. E iso aínda en casos no que está tan afeito o ouvido a escoitalo dun determinado xeito que se di un mesmo: é unha barbaridade (caso Hello, Dolly!). Evidentemente, non ten que ver coa calidade musical, pero a min gústame máis así e paréceme máis coherente.

20060715

Ribadeo, menos ruído?

Presento o comunicado da A. de veciños O Tesón :
A asoc. de veciños O Tesón de Ribadeo, por este comunicado, da conta de que recibiu escrito da Delegación Provincial de Presidencia, Adm. Públicas e Xustiza polo que se denega o aumento de horario de apertura de locais nouturnos unha hora máis no veran, a excepción do 16 de agosto (san Roque) e 8 de setembro (sta. María do Campo). Facendo unha pequena sinopse, lémbrase que ACISA presentou un escrito coa petición, e posteriormente foi tramitado un informe do concello positivo para dita pretensión. Comoquera que xa o pasado ano e a comezos deste foran enviadas peticións da asociación de veciños en contra de tales medidas, foi trasladado o expediente a dita asociación como parte interesada, e presentado o recurso correspondente no portelo único. En dito escrito presentado por O Tesón repetíanse cousas xa sabidas en Ribadeo e que son repetidas ano tras ano, como o aumento do número de locais ou o feito de que facía pouco aínda que o concello anulara os puntos do RAMINP correspondentes a ruídos.
O problema dos ruídos non está resolto na nosa vila, a pesares de que tras a recente sentencia condenatoria do Concello parece que a xente se atreve a protestar máis, como manifesta a recollida de sinaturas recabadas no mes de abril para declaración de zonas acústicamente contaminadas, peticións e protestas que creemos que se incrementará máis e non só en Ribadeo, como parece indicar a aínda máis recente sentencia condenatoria por ruído en Burela.
Repetimos que dende o Concello non se pode actuar de xeito sesgado, e que non se pode deixar a dirección das decisións tomadas ó abeiro de quen en cada momento resulte máis forte. Así, por exemplo, non se pode facer un informe dicindo sinxelamente que algo é positivo sen máis, pola autoridade de quen asina, como pasou neste caso. Ribadeo é de todos e a todos hai que atender.
En Ribadeo, a 15 de xullo de 2006

20060714

Miscelánea ribadense



As dúas fotos de hoxe presentan dous aspectos de Ribadeo achegados á súa ría. O primeiro, un campamento musical no forte de San Damián: onte foi o día da visita familiar e a gallaroufa deixouse sentir toda a tarde nos arredores.
A segunda, xa na mesma ría de Ribadeo, unha imaxe xa típica: a draga pasando por baixo a ponte nun camiño de retorno que parece o do mito grego de Sísifo, castigado a subir sempre a mesma pedra e voltala a recoller tra-la súa caída.
O primeiro, un aproveitamento lúdico á beira dun ben natural; o segundo, un ir e voltar loitando contra a natureza por non dar o brazo a torcer e desenvoltar unha actividade económica sen sentido, mentras o porto exterior segue adiado. Por certo, que na segunda foto pode verse como as olas rompen no Tesón das Figueiras, que será mermado unha volta volta máis pola draga para voltar a crecer entre viaxe e viaxe.
Mentras, en outra parte do mundo, Israel xa está en pé de guerra non só cos palestinos, senón tamén co Líbano: parece esta outra versión do eterno retorno.
Algo así como a obra de Pasarón y Lastra: agora parece que teñen que abrir para destapar un rexistro que quedaría tapado na obra. É dicir, fai-desfai-refai. Está visto que hoxe no blog sale o mito grego ou a súa versión relixiosa oriental da vida como un ciclo, contrapoñéndose a algo que vertebrou a cultura occidental, a historia concebida como lineal e en contínuo avance. Como sempre, mirando a Ribadeo, que toca?, revolver ós mesmos camiños traídos, ás mesmas pedras no camiño na toma de decisións ou avanzar claramente cun proxecto de vila?
Por certo, dixéronme do mal funcionamento dos 'comentarios'. Fixen algún cambio, e coido que agora, premendo en onde pon 'comentarios' debaixo de cada entrada, pódese editar o comentario correspondente. Espero que funcione a todos.

20060713

Ribadeo, cultura


Cada estrela, un libro. así aparece na portada do tríptico editado xa hai por a ANPA do Colexio Público Gregorio Sanz. Del saco un enderezo, http://www.opacmeiga.rbgalicia.org que me leva despois a ver os fondos das dúas bibliotecas de Ribadeo reseñadas: a do IES Porta da Auga e a Pública Municipal Viejo Pancho, onde se pode hasta facer reserva de libros por internet.
Probar e ver... Aproveito para indicar como proba 'Ribadeando (o libro)' e facerme algo de propaganda, se ben antes hai que pasar por un listado e comprobar que non aparece como Ribadeando 'a secas', senon como 'Ribadeando 2004'. Se buscas en autor por Gregorio, o primeiro libro que aparece é o de Primi (no que só teño o prólogo), e logo os outros. En fin, basta de autobomobo: a web pode ser interesante, ó igual que a de atopar libros mediante o ISBN.
O que aparece nas imaxes no é o tríptico, senón o folleto informativo da concellería de Cultura sobre as actividades no verán. Nel, chamoume a atención a pequena lectura e que apareza unha referencia da xente que se ocupa de cada cousa na concellería. Por certo, que hai dende tempo tamén un 'servizo' de avisos culturais por correo electrónico que funciona para todo. Por exemplo, por aí te podees enterar da actuación deste fin de semana (que agora non me lembro cal é...)
Falando de outras cousas: Por unha volta parece que Ribadeo vai por diante, pois mentras que xa vin hai uns días os reforzos da policía municipal, aparece no xornal quie en Viveiro rematan de contratalos. Poderemos eviar así o que pasou en Ferreira, que andan tentando localizar unha papeleira do parque? Coido que eso aquí xa é 'peccata minuta', é dicir, unha falta menor.

20060712

Comentarios despois dunha primeira ollada á Ordenanza Municipal de protección contra a contaminación acústica de Ribadeo (OMPCCA)

Son 27 páxinas e por fin puiden botarlles unha ollada. Non se me vai que foi feita copiando e sen fixarse moito, como o indican determinadas faltas de lingua e outras lagoas. Segundo o alcalde, fai meses o dixo, querían facer algo pouco restrictivo, que se houbera posibilidade de que normas xerais foran menos esixentes, deixar a porta aberta para aplicalas cando conviñera, pero que se aplicaría como non se fixo co RAMINP nesta parte correspondente. No pleno mesmo dixo que non querían machacar ningún local. E de aí a 'operación acordeón', deixando sen efecto unha parte do RAMINP unha tempada e logo aplicando nova norma.
Ben, pois se se aproba, coido que ou machacan varios locais tendo que facer fortes inversións, en algún dos casos non rendibles, ou terán que pasar polo xulgado pola súa non aplicación, que será comisión de delicto. Chegados a este punto cabe pensar nos prazos e outras cousas, e na súa aplicación no seguinte mandato, do que pode que se libre o actual alcalde, pero alguén o terá que facer. É un pensamento lóxico, pois na norma non está previsto como facela cumprir, do mesmo xeito que saiu un informe positivo para a ampliación de horario dos locais nouturnos (verán, festas, Nadal, ...) dicindo só eso, que era positivo, sen máis explicación e contradicindo que hoxe en día, a pesares das promesas electorais realizadas, non haxa policía municipal que garante a noite a maioría dos días.
É dicir, o de pensar en aplicalo, polo momento, non o podo creer moito, e visto como funcionan as cousas, dubídoo. Quédame a dúbida da calidade en referencia ós mecanismos do concello, e xa fixen antes mención de que agora pode xerar casos xudiciais en relación coa responsabilidade da súa aplicación.
A ordenanza parece non prestar especial atención no seu art. 4 ós principais motivos de queixa acústica ata o momento, a pesares de adicarlle despois un capítulo enteiro que coido incompleto nas súas referencias.
No art. 5, menciona zonas de sensibilidade acústica e refíreas posteriormente á súa definición no PXOM... coido que sobran explicacións, pero aquí é necesario aclarar que houbo unha chea de veciños que presentaron no seu momento un escrito pedindo declaracións de zonas acústicamente contaminadas.
O art. 6 fai mención á normativa anterior e á vixencia dela mentras tanto, co que se esquecan os 6 meses que aparecen ó final (transitoria 1ª) para adecuación dos locais, pois en parte tiña que estar feita agora.
No art. 8.1 fai referencia ó proceso de avaliación de incidencia ambiental, que non aparece despois sinalado e que terán que referirse a outras normas de rango superior, cando o que se trata con este regulamento é de facer algo específico de Ribadeo (ou non? porque alquera sabe cal é o obxectivo). O 8.4 implica que os locales que xeren un minimo de ruído terán que ter un illamento de 50dB mínimo, e teño visto xa máis de un proxecto no que se contemplaba abondo menos (e non falo do que se facía despois). Paréceme ben, pero logo hai que cumprilo e facelo cumprir.
E referente a facelo cumprir, no 12.2 fáise notar, en conxunto cos prazos do final, que o concello non ten prazo de adaptación (coido que non o pode poñer). Aí mesmo aparece unha frase contradictoria ó meu ver: "adoptado nun procedemento contradictivo" Cando o vexa de segundas mirarei un pouco máis o sentido posible.
No mesmo art. 12 libera ás terrazas de todo control, ó non estar sometidas a illamento acústico. Pero son dúas cousas diferentes: está claro que unha terraza non pode ter illamento acústico, pero non se pode deixar sen limitar as súas emisións, sen asociar terraza cunha tipoloxía de local, etc.
O art. 13 permite ós locais pasar de 90dB interiores só con poñer un cartel dicindo que pode facer dano...
O 15 e o 19.2 fala dunhas placas identificativas que están por deseñar, mentras en noutros lugares levan décadas facéndoas. Supoño que eso non será dificultade, pero visto que as cousas do Pazo van despacio, convén lembralo.
O art. 30 non contempla cousas como tirar vidro ós contenedores ás 6 ou 7 da mañá, xa prohibido noutro lugar porque non son os contedores adecuados, pero...
Aparece noutro lado que o concelo poderá rebaixar os niveis permitidos ós locais cando por acumulación se sobrepase o límite en 3 dB no exterior. Eso, para quen coñeza as medidas acústicas, significa só que cando hai dous locais semellantes pegados (xa que 30dB + 30db = 33dB) hai que rebaixar o ruído permitido para cada un deles. Benvido!
No art. 46 non se determina ningún programa municipal...
É só unha primeira lectura, pero xa me deu abondo que considerar. Estaría peor feito e sería menos restrictivo (por moito que diga o alcalde que se permitirá ós locais), pero preferiría que se tivera cumprido o outro.
Continuará.

20060711

Ribadeo no tempo, a través das imaxes (outro Ribadeo foi posible) / 2ª entrada de hoxe

Parece que se perfila como un dos libros clave para este ano en Ribadeo. Chegarase á segunda edición? Douscentos cincoenta exemplares da primeira parece que se quedan insuficientes, se ben polo momento hainos porque só se reparten a socios de O Tesón. Se alguén quere un, que se poña en contacto... ser socio da asociación ten un custe de 10€
Datos:
ISBN 84-6110861-2
D.L. LU 281-2006
Edita: AAVV O Tesón, Aptdo.92, 27700 Ribadeo
Contidos: textos lic. Creative Commons c.i. 2.1.
Autores:
Antonio Gregorio
Gilberto Suárez
José María Rodríguez

Ribadeo, un pleno.


No pleno de onte, 10/07/06, non había tal pleno de xente observando nin de opinións entre os concelleiros. Poucas cousas se votaron por unanimidade, e si moitas por 7/6. Entre as cousas das que deu tempo a entender algo estaba o convenio para formar un consorcio na área de benestar e igualdade de xénero, na que se manifestaron diferencias de interpretación sobre a autonomía municipal e comenzouse a falar sobre os interesese electorais das próximas locais, o que se repetiría varias voltas máis. Foi o primeiro dos 7/6 que houbo, pero só o 4º punto.
Algo parello, pero con máis discusión foi o convenio con Aquagest, no que se reformou o sistema de tarifas e se ampliou o convenio entre 2018 (para o que xa estaba) e 2023, a cambio de 300.000€ e se manifestaron cousas como que un informe técnico do secretario leve unha valoración do propio acordo en termos subxectivos ou se reiterou que os cartos acordados non saían de ningures (de ningún cálculo) máis que de necesidade de cubrir un furado nos orzamentos para o próximo ano. Naturalmente, estas cousas dicíaas a oposición, mentras o equipo de goberno negábaas parcialmente e noutra parte dicía que era un método semellante ó usado pola oposición cando era goberno, pero o sistema de tarifas, mellor así. A min quedoume unha dúbida sobre atar a tarifa ó IPC, cambio que se fixo, pois considero que son os servizos públicos os que deberan tentar manexar o IPC e non ó revés. Pero o certo é que o de ligar subas ó IPC, é dicir, fundamentalmente ós manexos empresariais, cada volta se usa máis. E é que a importancia empresarial en relación á da xestión pública segue a crecer, tamén en Ribadeo.
O tema anterior ligouse ó orzamento deste ano, que en pleno xullo foi presentado, o que deu lugar a discusións e comparacións, que pasaron logo ós números e a súa interpretación. Os 7.982k€ deste orzamento representan 81k€ máis que os do ano pasado, o que deu lugar a que se falara dos maiores orzamentos da historia de Ribadeo cando en realidade son un 1% máis que os do ano pasado e polo tanto, relativamente, inferiores se consideramos o IPC e o lixeiro aumento de poboación. Falouse de que representaban un aforro neto negativo (é dicir, un aumento de débeda) máis pequeno que outros anos, e de feito non se esperaba ter que pedir ningún creto... Hubo momentos en que botei moito en falta non poder dispoñer dos orzamentos en internet, cousa que sería totalmente factible e coido que desexable para que os cidadáns nos enteráramos un pouco máis: a oposición queixouse de falta de tempo de estudo dos orzamentos, cando sabe de que vai o tema porque no seu momento preparounos ela, ou sexa que os de fóra da política ... Deume tempo a pensar que 1€ de cada 10.000 vai ir parar á compensación xudicial polo ruido establecida no xuízo que me due a razón (se as cousas non cambian, o que no leva camiño) ou fixarme no 72% de gastos correntes, dos que 38% de gastos de persoal, fronte ó 28% de inversión (todas, cifras redondeadas, claro) mentras hai un incremento de taxas e decremento de aporte doutras administracións (di a oposición). Ou nos 47.000€ de gratificacións que representan 8.000.000 de pts. en aumentos de soldo máis ou menos a dedo, e o aumento do apartado de gastos diversos nas concellalías fronte ós 3000€ de inversión en medio ambiente. Cun profe de matemáticas como xefe de oposición, a interpretación de números tivo arrastrado ó goberno (na miña opinión), comaprando un 2002-2006 e outros lixeiramente 2005-2006 pero como ó final mandaron os número de votos, pois así quedou a cousa, 7/6. Tampouco un bó manexo de números quere dicir que o orzamento que se presentaría fronte a ese fora mellor, aínda que este sexa malo (ou bó). Os da grada, debido ó descoñecemento do conxunto, debemos ser moi cautelosos e opinar moi concretiño. Así, este ano non se vai pedir creto: pois moi ben (haberá que pagar o de anos anteriores), por poñer un exemplo. A antiga interventora mantívose atenta en todo momento; non sei que conclusións sacaría.
A terminal de carga e descarga no polígono non xerou controversia, e logo pasouse á proposta de denominar ó auditorio como Auditorio Municipal Hernán Naval. Sigo opinando que o nome da escola era o propio para Hernán,e o de Carlos Cid poidera ser para o auditorio, pero que algo é algo, aínda que ó final pense que vai ser exactamente ó contrario de como penso eu. Houbo un panexírico de Mari Luz (que tentarei conseguir apra a súa publicación no blog na liña de amosar cousas sobre Hernán como teño feito a finalis de ano) para rematar sendo votado 7/6. A votación tomou visos políticos, declarando o PP que se presentaba por ser Hernán representante do BNG, e que había outros ribadenses que o merecía e non se lles daba, aínda que non eran funcionarios (pregunto, ser funcionario implica minusvalía?) saíu o nome de Pancho Maseda, concedido á praza á beira do concello, asociado a 'alcalde franquista', etc, incluíndo nomes que non me esperaba que saíran nun pleno para o seu recoñecemento na actualidade. Ben, si son partidario dun recoñecemento a Hernán, a pesares de que non me satisfaza a forma. Por outra parte, non esperaba que non houbera acusacións políticas. Da xente que esperaba que acudira ó pleno por este punto, só Chenchu, Fernando, Suso e Rula foron para apoio á votación dende o público, aínda que algún, descontento polo que alí se estaba a dicir, marchou antes de se cambiara de punto.
Entre os outros asuntos, a ordenanza de contaminación acústica manifestou a abstención inicial do PP e irá a pleno tras un mes de información. Haberá que leela e facer o informe correspondente. O alcalde reiterou que non era cousa de pechar locais ... como se alguén llo tivera pedido ou tivera pasado pola súa cabeza (cousa diferente pode ser por exemplo dicir que está concedendo licenzas ilegais e polo tanto, abrindo locais que non deberan). Co cansancio de tódolos grupos tras máis de dúas horas de pleno, comezou a marchar xente, aínda que o pleno aínda durou máis, contestando as preguntas de Valín (algunhas) e non o vin rematar.
Pero o pleno non foi a única nova de hoxe. a conclusión do traslado da fábrica de avións a Zaragoza ou o que sexa o único municipio da zona sen limpeza de praias polo momento chama a atención. A outra nova foi o noitebús, pero xa é esto moi longo hoxe.

20060710

Remato de enterarme (3ª de hoxe)

Remato de enterarme de que hoxe se vota para a súa aprobación inicial a nova ordenanza de contaminación acústica. Foi enviada para a súa vista á asoc. de veciños o mesmo día que pasaba pola comisión... así se fan as cousas (neste concello) Aínda non a vin, pero teño ganas de botarlle unha ollada.

Un repaso (2ª de hoxe)

Levaba varios días sen ler a prensa local, e atópome con varias novas que casi me obrigan a referirme a elas: Augasantas non é que non teña bandeira azul, é que hai que prohibir o baño por non ter nin vixiancia... (algo xa falara a semana pasada...) así, non creo que prospere a petición en Ejuropa da bandeira, como pretendía o alcalde.
Hoxe comeza o campamento de Amadores da Música coa temática musical. De seguro falaremos máis del: é unha expereiencia este a no que ten moi boa pinta.
Os xulgados provinciais, a tope. Non é de extrañar; só de Ribadeo, de xeito público, saen casos a montón.
E mentras volve xa Mar por Medio, como toca verán, toca a potenciación turística e non os criadeiros de peixe... é algo curioso. a ver se no inverno no cambia de novoa cousa.

Un éxito (de reparto)

Polo que parece, o libro sobre o Ribadeo posible realizado polo Tesón ten moita xente que o quere, tanta que hai que poñer cota para telo para os socios. E pregúntome, quererán telo como lembranza, porque trata de Ribadeo, como un obxecto turístico, ou porque é diferente e induce a pensar noutras posibles diferencias que poderiamos ter en Ribadeo hoxe? Moi posiblemente será algo do primeiro, pero, ó mellor, o libro ó velo fai pensar un pouco sobre o segundo. Sería algo así como 'obxectivo conseguido'.
En fin, a ver se agora ven unha tempada de escritura diaria do blog, aínda que non sexa antes das oito da mañá.

20060703

De amaños e consideración

Onte vin algo que non sae normalmente nos periódicos: a máquina de limpeza deixou un rego de pingas de aceite polas rúas (véxase esta mañá, por exemplo a r. San Francisco). Tamén, no mesmo parque, observei que o seto vai parecendo mortecino e asoballado.
Agora, veñen os pensamentos: a máquina non é a primeira volta que es estropea, e eso de ir deixando pingas que manchan dun xeito abondo duradeiro a nova calzada, é normal?
En canto ó seto, hai uns meses querían quitalo para ampliar o aparcamento por aí, e a protesta veciñal parou o tema (xunto cunha oficina de Lugo, o parecer, que se non, xa veriamos). O telo abandonado, sen renovar, con furados, e con árbores crecendo polo seu medio, algún de algura superior á miña e outros moitos dunha altura inferior, non será voltar a intentar que o seto desapareza por outros medios?
Mentras, o parque de bombeiros segue a estar pechado / bloqueado / sen acordo. Teremos incendios e lamentarémolo, pero seguiremos a botar a culpo ó do lado, igual que ven sendo. Habería que preguntarllo a alcaldes, Deputación e demáis, pero non fai moita falta, cando se tiran os trastos por esto e outras cousas nos periódicos.
Por certo, que parece que nos EEUU xa entrou de pleno a era dos blog nas primarias para a elección do Presidente. Aquí é de supoñer que nos iremos sumando pouco a pouco, pero o caso é que esa irrupción sexa positiva, e para selo, coido que necesita ir acompañada de concienciación cidadá, e de participación da cidadanía. Verémolo.

20060701

Música e músicos, e outras artes


Onte foi o concerto de fin de curso da escola municipal de música e danza Hernán Naval no auditorio Carlos Álvarez, ambos de Ribadeo (resño de novo que ningunha das dúas entidades ten o nome oficial polo momento...). Pachelbel con Tachaikovski, Jo Vlies, Abba, Mozart, conxunto da Un. de Berkeley... arranxados en algúns casos, como no de Martín Bucki ou Prisco. O auditorio foi outra volta o 'auditorio de Playmóbil' do pequeno que se quedou. Nese auditorio sobrecargado e sobrequencido desenvolveuse un acto no que participaou todo o mundo que alí estaba, porque a escola quere saír de si para chegar ó pobo, e háo de conseguir. de pronto, nunha semana comeza o campamento feito en conxunto con Amadores da Música, para comezar o verán sen esquecer o que se fixo musicalmente polo inverno. Como dicía a estrofa entoada polo público e coro na última parte do festival de ont: "... quitarse los miedos, sacarlos afuera,pintarse la cara color esperanza, tentar al futuro con el corazón". Pois en esa liña, ánimo!
E hoxe, presentación de dous libros. O primeiro, o de O Tesón, esta mañá, e ó que correspodne a imaxe, que xa se comezou a repartir entre os socios no mesmo acto de presentación (non estará las librerías á venda). Os autores falamos un pouco da nosa idea do libro, do título e da foto de portada: un Ribadeo en transformación no que cada decisión conta, polo que hai que tentar tomalas con serenidade e coa vista no futuro. tamén se leeron unhas verbas de Pepe para o acto. O segundo, esta tarde, a cargo de Gonzalo Moure, na Casa das Letras.
E polo demáis, como se dí na rúa, 'xa estamos todos', Ribadeo a tope. Ti estás a tope?