20070308

Novas vellas no día da muller en Ribadeo


Faltábame de poñer a nota de O Tesón votada na asamblea. Aí vai:

“A Asociación de Veciños O Tesón de Ribadeo, reunida en Asamblea Xeral o 23 de febreiro de 2007, e en relación ó problema do ruído pola movida nouturna en Ribadeo, solicita a tódalas entidades con responsabilidades na materia a súa acción conxunta para atallar o mesmo, e en concreto:
a diminución no horario nouturno permitido ós diferentes tipos de establecementos, conforme ós horarios noutras autonomías,
a declaración de zonas acústicamente contaminadas de aquelas que teñen grande densidade de establecementos nouturnos, con medidas limitantes efectivas para as mesmas e a prohibición e apertura de novos establecementos,
facer cumprir as normativas sobre ruídos e illamento de locais, coa revisión de licencias para a súa adecuación á realidade do local,
a maior vixiancia nouturna,
a existencia de medidas e campañas para diminuír o impacto da movida no exterior dos locais,
a contundencia no emprego de correccións legais,
a claridade e transparencia no tratamento dado pola administración ó tema,
peticións máis salientables despois de ver que o ruído segue un ano máis, e despois de ver que a algunhas delas se lles prometeu solución e non se cumpriu.
Estas solicitudes serán enviadas polos representantes da asociación ós organismos e entidades en xeral implicadas, facéndose públicas despois do seu envío.”

En fin, esto foi o que houbo. Estáse no proceso, e xa se recibiu algunha confirmación de envío e de traslado a instancias superiores.
A outra nova xa vella neste día de conmemoración/exaltación de base sexual, é unha pequena ofrenda que xa foi feita hai algún tempo: o cargar na rede, no blog Física e Química en Ribadeo a exposición 'A ciencia ten nome de muller', hoxe disposta para a súa visita en Cangas do Morrazo.
Polo demáis, as loitas políticas xa aburren, e quedaría a nova de máis cultura en Ribadeo (hoxe, á noite, no Hernán Naval, 'Corpos disidentes', que promete sobre a relación coa muller) . Pero hai unha de interferencia política do tenente de alcalde que merece reseñarse: a variación do que era previsto inicialmente unha venda dun solar para convertila en cesión e a edificación de vivendas sociais pola Xunta. Lugar? Preto do colexio das monxas. Esperemos que se logre, pois fan falta.
A foto, no estreitamento da peonil, unha casa en restauración cun cartel roto polo vento.

Ningún comentario: