20070320

A perda de servizos en Ribadeo


Todos sabemos que Ribadeo ten perdido servizos en favor doutras poboacións da Mariña ou aínda de Lugo. O caso do xulgado é só o máis coñecido, pero o carácter de extremo xeográfico ten levado á vila a outras perdas. No ámbito educativo, dende que o Instituto fóra hai máis de medio século un referente en toda a costa dende unhas a outras grandes vilas, ten pasado moito tempo e moita política. Foi neste ámbito no que, o mesmo ano no que chamaban aínda denda a Rioxa para ver as prazas de Sanitaria que había libres no IES Porta da Auga (daquela aínda non se chamaba así), unha manobra dende a capital fixo que se perdera esa rama polo seu traslado a Burela. Pode considerarse lóxico: alí había hospital para facer prácticas. Pero, por que entón viu poucos anos antes para o centro ribadense, se o hospital xa estaba en Burela, e por que se foi despois se aquí se enviaba a xente para facer prácticas non só a Burela senón tamén a Jarrio? que as prácticas se poieran facer en Burela facía necesario que os estudantes do noso oriente tiveran que ir ás aulas perto do hospital, ó noso occidente? Dende aquela, hai agora máis de dez anos, outras perdas de posibilidades se sumaron á anterior, e aparece no horizonte unha racionalización de servizos de Formación Profesional que ameaza á rama de administrativo no mesmo Porta da Auga. Despois de poñer por política IES ata nas aldeas, despois de variar varias veces as normas sobre FP, causa inmediata da partición do centro Porta da Auga en dous na actualidade, despois de malgastar as axudas da Unión Europea que xa se remataron, agora veñen e din que hai que racionalizar, e Ribadeo queda de novo ameazado. Onte o Departamento de Administrativo do IES pasou unha carta para a súa aprobación a Claustro e Consello Escolar, pero o caso é a sociedade ribadense. Viveiro e Burela, os outros dous centros conxuntamente cos que habería que 'racionalizar', xa levan avantaxe na movida. Veremos en que remata todo este afán racionalizador dos poucos recursos existentes na actualidade, e cales son os criterios que se impoñen para facer algo ben feito. Esperemos que na zona educativa, dibuxada agora entre as tres Mariñas, é dicir, a Mariña que nunca debeu de partirse a ese nivel político, non fagan ir a estudantes de administravio da Pontenova a Viveiro, o que podería ocorrer 'legalmente' pero sería inviable e impensable na práctica, elixindo Lugo con toda naturalidade. Máis argumentos sairán mañá na prensa, a raíz da carta que se enviará hoxe ós medios, pero todos sabemos que a decisión, aínda que se poda dicir o contrario, é política por unha tradición que non se cambia dun día para outro, polo que a resposta, ademáis de ser racional, ten que ser tamén política.
A notar que hoxe hai outra entrada anterior cun artigo xa vello sobre educación e o seu sentido...
A imaxe, dun abandono menor: unha grúa que leva moito tempo en Obe abandoada perto da vía do ferrocarril (a foto é do 2005 e sigue alí)

Ningún comentario: