20070321

Unha casualidade: 15 anos de xuízos posibles para Ribadeo


Onte, por casualidade, entereime dunha lei de hai máis de 30 anos, é dicir, da época de Franco pero que rexe aínda, na que se da protección ós castelos e murallas (considerando falta grave perseguible ata quince anos despois da súa realización), o ataque a calquera destes bens. O ano pasado xurdiu en Ribadeo (e foi denunciado no blog varias veces, por exemplo, en 'Noite de eclipse en Ribadeo' ou en 'O día despois' a parte de ser preguntado polo Tesón en pleno e non respondido de xeito adecuado) o tema da realización dunha porta de garaxe na muralla (na rúa que leva o seu nome) e agora mesmo está tirada unha parte un pouco máis abaixo (... a teoría que que practica moito en Ribadeo: se ves que deixan ó veciño, por que non podes facelo ti?). Coincide que esta época pasada foi de abondo traballo e a asociación non da feito máis, pero así sabemos que temos quince anos para perseguir ó culpable: aínda que eventualmente non se restableza a muralla a como estaba (cousa difícil a toro pasado), a súa consecuencia pode exemplificar para que non se sigan a facer falcatruadas. O sexa que, pouco a pouco, con tesón, iremos adiante, que non só polo tesón da ría se chamou así a asociación.
A foto, esquecerame poñela días atras: as casas do instituto que parece que van ser cedidas de novo polo concello, esta volta para a construcción de vivendas sociais, segundo se aprobou no pleno da pasada semana. Estas casas xa saíran en 'Ribadeo falls'. Por certo, que esto me lembra que hoxe volta a haber dous plenos máis, extraordinarios, pedidos pola oposición, e en horario de mañá, co que non haberá tanta afluencia de xente como o outro día.

Ningún comentario: