20070430

Imaginarium




Mira ti por onde, onte, lendo o xornal, atópome con que 'Ricardo Fernández' e 'Charo López', de Ribadeo, fixeron unha viaxe a Finlandia cos seus dous fillos con Imaginarium. ¿? Pois que ambos son de Ribadeo, segundo a nova que trae a sección de economía/negocios do El País de onte, p.9. É dicir, o dereito á intimidade (non os coñezo, pero agora xa comprobei que existe o número de teléfono correspondente ou o seu enderezo, por exemplo) violado por unha comunicación empresarial.
Non embargantes, veño insistindo dende hai tempo no blog que en Ribadeo máis ben ó que falla é o dereito á información, como o mesmo xornal ten dito non hai moito que pasa en moitos concellos en España. Dereito que ó verse en dificultades para facelo valer, os veciños tenden a perder pouco a pouco... e con el, a posibilidade de defenderse contra a administración e quen saia favorecido por ela.
Por certo, que relacionado coa entrada anterior do blog, está por saír a nova 'lei de responsabildiade ambiental', que aprece que insiste, máis que en que 'quen contamina, paga', en que 'quen contamina, restitúe'. Eso din, aínda que eu véxoo difícil de cumprir, pois aínda como está agora, moito máis suave, o seu cumprimento é dificultoso. Entre outras razóns, polo que dicía no párrafo anterior. E con esto, aproveito para meter as fotos que tomei previas ó visionado do depósito de lixiviados da entrada anterior. Amosan como están as beiras do camiño, con auga contaminada, que cruza o camiño tamén por varios sitios, e nunha pódese ver un enumático, unha traseira un asiento de coche, outro asiento, un quentador eléctrico, ...

O pobo de Ribadeo

"A pouco que un se despiste, ós veciños súbense ás barbas". Foi unha frase pronunciada onte por Don Román, o alcalde da serie 'Libro de familia'. E xa estamos noutro século. Segue habendo moito pasotismo, pero teóricamente é unha democracia: non se trata de subrise ás barbas, senón de exercer ós dereitos, e día a día, non (só) nas eleccións.
Lémbrame o anterior a un comentario deixado en 'unha nova entrada' facendo unha pregunta en plan enquisa sobre o plan de dinamización turística. Pero podería ser sobre a manifestación protestando sobre o recheo que deixou ó porto sen 100m de atraque que agora quixéranse recuperar ou sobre outras moitas cousas: ó mellor non se da feito forza abondo como para facer cambiar, pero a longo prazo, os alcaldes van pasando e os veciños quedan con máis experiencia para facer valer os seus dereitos fronte a outros intereses que tamén se poden ir facendo máis fortes e variando.
As fotos, da ocupación dunha rúa peonil en Ribadeo, feita por mesas e sillas, co que xa deixa de ser só peonil (é de supoñer que procurando un pago de ocupación), e do recentemente denunciado depósito de lixiviados, do clausurado vertedoiro de Ribadeo, á beira do río de Vilaselán, que se ve de lonxe que está descoidado totalmente dende fai tempo. Á beira del (mellor dito, no seu camiño), parece que se tomou a costumbre de deixar algunhas cousas tiradas (esas fotos, apra outro momento...) Por certo, que o vertedoiro do faro segue sendo un pequeno vertedoiro en perfil, capaz de soportar visitas escolares para ver a estratificación dun antigo depósito de lixo.



20070429

De emolumentos ribadenses

Que hoxe saia na prensa de novo o tema da retirada de soldo de alcalde e tenente de alcalde de Ribadeo tomando datos dunha 'enquisa minimal' feita polo mesmo reporteiro da Voz, dame pé a poñer por escrito algo sobre o tema que se ocorreu ó día seguinte. Se se espera que o bipartito ribadense volte a sacar a maioría (co BNG poñendo alcalde), entón, cómo se repartirán os soldos de novo?: seguirá gañando máis o actual alcalde que o actual tenente de alcalde cando se se intercambian os postos? Rebaixará ós seus molumentos o actual alcalde? subiráos o actual tenente de alcalde? pasarán a gañar igual? Creín que xa o tiña dito no blog, pero tentando a súa procura, non o atopei, por eso agora vai, nun tempo que os actos dos políticos fan tamén lembrar o argumento da novela de José Saramago sobre a lucidez, algo que tamén xa teño mencionado no blog.

Sons na noite (de Ribadeo)

Remato de enterarme que a eso das 5 da mañá dos domingos hai un programa da galega que se chama 'sons na noite'. é dicir, para toda Galicia. Mágoa que sexa de música clásica; en Ribadeo, na 'vijo Pancho' ou na 'Pasarón y Lastra' a estas horas, tiñan recollida de sons gratis con potencia abondo para a retransmisión.
Repasando as novas de onte, vexo que se me pasou a licitación do terceiro acceso á circunvalación... cousa rara que se faiga en época electoral. Mentras, o mesmo Fernando Suárez repite algo xa sabido: que quen queira entrar en Ribadeo dende a autovía, vindo de Galicia, terá que facelo saíndose no entronque da circunvalación, non podendo facelo en Vilaselán. é de esperar que a situación se amañe a curto prazo, pero ...
O anterior lémbrame o que puxen do 'sal no zapato': "A autovía traerá o desenvolvemento a Ribadeo, di Caride. Ben, en boa parte é así. A cambio de que? como quedará a ponte para o paso de peóns, por exemplo? É certo, pero non é un absoluto. Polo demáis, o do sal no zapato ía de algo diferente: Cando un zapato se molla moito, arrastra o sal do coiro, quedando unha marca. É certo que o sal acumúlase nos novos lugares, pero eso non quere dicir (máis ben ó contrario) que o zapato en conxunto vaia mellor así nin que o punto onde se acumulou o sal o esteña... En fin, filosofías que sei que non están moi en boga nestes momentos pero que coido que o estarán cada vez máis e que poñen no punto de mira o que é o progreso (co que se di que é progresar) e o que debera ser o progreso (o que é progresar, considerando a sustentabilidade, a distribución de bens, ...)." Todo modelo pode completarse máis e máis para adaptarse mellor á realidade, se non está abondo adaptada. Agora parece que ese modelo debera ser un pouco máis complexo para explicar de xeito adecuado situacións como esta, na que Asturias queda favorecida fronte a Galicia, quedando o de 'Terras de Ribadeo' en entredito para pasar no futuro a ser a 'marca asturiana', ó estilo da antiga 'marca hispánica', é dicir, esta beira da ría de Ribadeo un territorio con tintes de colonia Asturiana en troques de ser a outra beira da ría in territorio con historia conxunta con Galicia en tempos. Aínda a 'Comarca' desta semana traía un artigo de F.J.Campos (o mariño, non o ex-técnico do concello) sobre o tema, abondo ilustrativo. Pero na ría, non só está o nome para coidar, tamén o está a propia ría, como lembrou esta mesma semana na prensa a 'Plataforma para a defensa da ría de Ribadeo', que lle volta a pedir ós políticos que inclúan nos seus programas electorais diversos puntos sobre o coidado da ría. E que despois cumpran, craro.
Por certo, hoxe tiven oportunidade de fixarme nun aspecto derivado de cómo se fan algúns quites de area na ría: o dragado produce que as correntes varíen; en concreto, o último realizado, na canle de Gondán, fai que cando sube a marea, se a auga entre nel dende zonas alonxadas, que corresponde á outra beira do tesón, e que entón, con area de alí, producen de novo o recheo da mesma canle que se limpou. Cando pasa o tempo, xa a distribución de corentes vai variando e normalizándose.

20070428

O derradeiro atraso?

... ó final, non puido ser. Nin autovía nin circunvalación están aínda hoxe en servizo, despois de ser posta data para a súa inauguración. É dicir, aínda están a tempo de facer as correccións oportunas que sinalaba onte.
Ó tempo, o novo partido, a UPRi, leva a 100 mulleres de excursión á planta de vidro de Verín. Isto é, comezan a circular os cartos, aínda que neste caso, sendo novo do paquete, sorprende que teña cartos para eso. Pode ser que o interese da xente de recuperación de vidro faiga milagres. O tren do alcalde parece non ter ese carácter milagreiro, cobrando (pouco, pero cobrando) e coido que con subvención municipal.
En fin, seguiremos ... posiblemente, hoxe mesmo.

20070427

O dito



DOG en man, Mirasol con desdoble de vía pública, porque unha xa non será tan pública. Aparecen 1,4M€ para facer o desdoble que nos prive de Mirasol. De calquer xeito, a presión logrou que as verbas do alcalde por esta vez non foran tortas, pois aínda non se cerraron as portas de Mirasol e en 9 meses estará en marcha o novo vial, se os prazos se cumpren.
E, se non lembro mal, hoxe tería que inaugurarse algún dos novos viales de Ribadeo, circunvalación ou autovía. Estes últimos días estou un pouco apartado do tema, pero coido que fora anunciado para hoxe, venres último de mes, algo de eso, con visita institucional incluída de xefe de consellería ou ministerio. Aproveito para poñer algo que espero que saia mañá na Comarca e que se non saiu antes foi porque por falta de tempo non se deu rematado antes (vamos, parello pero algo menor ó retraso que sofre a circunvalación, por exemplo)
Antes do escrito, dicir que hoxe a nova de Ribadeo está en Burela, por unha folga de afecta ó funcionamento da saúde pública de Ribadeo.
As fotos, de dúas obras, unha en marcha, a da autovía na ponte dos Santos, e outra, en marcha aparente, pero dende hai case ano e medio igual, no vial que leva ó faro.
--
Sobre a estrada de circunvalación
É de esperar que non tarde en ser posta en uso a estrada de circunvalación a Ribadeo. Non embargantes, a pouco que se teña feito un paseo por ela, atópanse pequenas e non tan pequenas cousas que poderían ser amañadas de xeito rápido antes de poñela a funcionar e que despois serán máis difíciles de amañar.
Entre elas, podemos citar unhas cantas. Comezando na zona da Vila Vella, atopámonos que os derradeiros metros da canalización do rego que baixa de Obe ten sen rexuntar a pedra. Non é difícil chegar á conclusión de que así pouco van durar en bó estado. Os últimos metros do leito sen facer son outro exemplo de que un pouco máis de traballo pode evitar que en pouco tempo haxa que amañar cun custe abondo superior. É semellante ó que pasa coa beira cascada da cuneta de formigón que vai da ponte en dirección a Ribadeo, fronte á antiga fábrica de alxinatos
O recheo dos taludes que xa sufriron derrumbes fíxose on pedra pero está sen rematar. A súa zona superior pode dar problemas en pouco tempo se non se remata como é debido.
As pontes están feitas con tubos de formigón, pero as cabezas dos mesmos quedaron mal encofradas, véndose furados e irregularidades que para ben ser, deberan ser corrixidas, non desprezando tampouco algún tubo que está roto na cabeza e co ferro á vista, punta de lanza para a corrosión que pode levar a estalar o tubo ó aumentar de volume o ferro oxidado.
Caso aparte merece o camiño que vai a Ove, mal acondicionado na rampa de saída a parte da súa estreitez, ou o camiño que sae á beira da ponte para Ove, renchido con terra arxilosa e non zahorra ou macadán, en firme. A ponte á súa beira estimamos que tampouco queda abondo protexida.
Por outra banda, a ponte sobre a via do tren da carretera a Santa Cruz ten unha zona de aglomerado afundida, cunha profundidade de ata uns 15cm nalgún punto do trazado, variando o ancho afectado dun punto a outro.
Quedarían outras cousas pequenas por dicir, como unha farola no entronque próximo á Vila Vella, que queda tapada por unha grande rama de eucalipto, a que a parte de tapala está próxima e con vento e co tempo tocará á farola.
Cavilamos que agora é o momento de poñer a solución a estes pequenos problemas e outros ós que non chegamos ou non se nos fixeron patentes, tanto porque é de supoñer que a solución a todos eles esteña prevista no orzamento (fronte a novos orzamentos necesarios para o seu arranxo máis adiante) como pola súa facilidade ó facelo agora, cando se ven como máis pequenos e doados de solventar que se se deixa pasar o tempo.
Ó tempo que esperamos que algún dos problemas anteditos sexa solventado antes de que salla publicado este escrito, coidamos que as expostas son razóns abondas para animar ás autoridades e ó director de obra a poñerse mans á masa, facer unha revisión e darlles solución antes da súa inauguración, algo que ademáis lles corresponde como traballo.
José Angel Salvatierra e Antonio Gregorio

20070426

Chove a cántaros

Amence chovendo a cántaros. Din que o ruído da auga atempera, calma, e bó compañeiro. Asemade, oculta outros ruídos. E pode ter outros efectos beneficiosos secundarios. E xa se sabe, tra-la tempestade, ven a calma.
Facía falta que chovera en Ribadeo, para ver se logo, o escampar, o Sol locía como debe e deixamos de ser noticia da perralleira en política.
Mentras aquí chove, por Bruxelas rematan de aprobar unha nova norma que limita as liberdades, neste caso, no uso de internet e os ordenadores, a chamada IPRED2. Claro que como a burocracia dea UE é exemplar no seu enrevesamento, aínda non pasou todos os filtros e pódese seguir a 'loita' a través de páxinas como http://www.copycrime.eu/. é algo equivalente ó que polo momento non prosperou en España este mesmo mes porque só a apoiou o PSOE. A Española trataba de colar que as entidades de xestión de dereitos (por exemplo, a SGAE) poidera ser algo así como xuíz e causa sobre o que se pon en internet. Ben, son aspectos técnicos da liberdade de coñecemento e innovación, Algo así como si neste blog, abaixo, non aparecera o de 'licenza creative commons' e poidera facer direitamente que pecharan outro lugar que, con posterioridade a agora mesmo, puxera nun título 'chove a cántaros', tendo a xente rastrexando na rede para que esas verbas xuntas ou outras calquera, ou as fotos, ou as imaxes que saen nas fotos, non poideran ser reproducidas sen previo pago.
Por certo, que as licenzas tipo 'creative commos', se as leis non cambian, permitirán reconstruír unha base de coñecementos que sexan de todos e non propiedade duns poucos, que é o que se tende agora. Por exemplo, se fas un libro e non avisas, xa te poñen por defecto que está prohibido reproducir total ou parcialmente ... etc, etc, non correspondéndose coa realidade, pois para certos usos si se pode. Así, por exemplo, resulta raro ver o que pon nas primeiras páxinas de 'Ribadeando' ou de 'Ribadeo no tempo, a través das imaxes. (outro Ribadeo foi posible)', aínda que, se non é prohibido dalgún xeito, é previsible que tenda a xeralizarse. Por exemplo, o que pon abaixo sobre a licenza do blog só obriga á cita do autor e a reproduccións non comerciais.
En fin, foron unhas verbas sobre tecnoloxía e dereito, fóra de Ribadeo, os seus plenos e demáis porque chovía. Por eso mesmo tampouco vai foto...

20070425

Portugal

A pesar das dúas densas entradas anteriores, referidas a temas máis locais de Ribadeo, non podo deixar pasar o día sen meter outra máis hoxe. Hoxe é o cabodano da revolución dos caraveis... aquí deixo 'Grândola', a canción que marcou o inicio da revoluçao (pode baixarse o mp3 aquí):
Grândola, vila morena
Terra da fraternidade,
O povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade.

Dentro de ti, ó cidade
O povo é quem mais ordena,
Terra da fraternidade
Grândola, vila morena.

Em cada esquina um amigo
Em cada rosto igualdade,
Grândola, vila morena
Terra da fraternidade.

Terra da fraternidade
Grândola, vila morena
Em cada rosto igualdade
O povo é quem mais ordena.

À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade
Jurei ter por companheira
Grândola a tua vontade.

Grândola a tua vontade
Jurei ter por companheira,
À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade.
(collida de http://www.zonalibre.org/blog/Carpanta/archives/034711.html)

Ribadeo, Ribadeo

Hoxe a prensa trae un artigo dicindo que as preguntas condicionan as respostas. Non é nada novo, como sabe a xente de propaganda e os que convocan os referendos. Tamén trae que foi descubverto un planeta habitable (mágoa, moi lonxe de nós). Xuntando ambas novas, e despois da entrada sobre o pleno de onte, poderiase preguntar se será posible a medio prazo que os ribadenses poidamos procurar aloxamento noutro lugar...
Ben, baixemos á Terra, e vexamos as novas de hoxe sobre Mª José Caride, Conselleira do territorio: resulta que portos estuda como ampliar a liña de atraque de Mirasol. En plena confrontación sobre o último recheo de Mirasol, saiu neste blog por varias veces que non se comprendía como se reducía 100m esa liña de atraque, deixando ademáis un resto inutilizable para algúns usos práticos (total, uns 150m). Pois agora, a fastidiarse. Quererán facer novas obras, gastando máis cartos, etc. O que si parece que queren é, antes das elecións, licitar a obra para non ter que entrar por Mirasol cando se ven do Vila vella ó centro polo paseo marítimo... deixei dito nun post anterior que eleccións mandan.
O dragado da ría, o 'integral', parece estar en mans do Principado (porque alí deixan botar a area do dragado máis achegada á costa, entendo). Aínda lembro nas xornadas sobre a ría celebradas na Veiga (nas 1as), cando se lle botaba á Xunta a culpa de que non houbera unha protección medioambiental adecuada da ría por parte do Principado... si, as verbas eran abondo máis longas e rimbombantes,pero a idea era esa. Vamos, o típico de botarlle a culpa ó veciño.
Tamén sae un novo anuncio de amaño da estrada Reme-Vilamar, con dúas curiosidades: non se concede cando se fixo máis forza para o tratamento 'total' da estrada, senón agora que case non se fala do tema, antes das eleccións, e ademáis será só no termo municipal de Ribadeo (alcalde PSOE) e non no de Barreiros (alcalde PP), como se a terra entendera de enfrontamentos políticos.
A autovía traerá o desenvolvemento a Ribadeo, di Caride. Ben, en boa parte é así. A cambio de que? como quedará a ponte para o paso de peóns, por exemplo? É certo, pero non é un absoluto. De feito, tamén nunha entrada moi anterior a esta aparece unha teoría que chamaba coido, do sal no zapato: Cando un zapato se molla moito, arrastra o sal do coiro, quedando unha marca. É certo que o sal acumúlase nos novos lugares, pero eso non quere dicir (máis ben ó contrario) que o zapato en conxunto vaia mellor así nin que o punto onde se acumulou o sal o esteña... En fin, filosofías que sei que non están moi en boga nestes momentos pero que coido que o estarán cada vez máis e que poñen no punto de mira o que é o progreso (co que se di que é progresar) e o que debera ser o progreso (o que é progresar, considerando a sustentabilidade, a distribución de bens, ...).
Tamén, 454000€ (máis de 75Mpts) son anunciados para a Pza. de España, contando ademáis da obra, unha fonte luminosa, rego automático, novos bancos, e algo que non entendo, 'instalación de novos servizos'. Pode que esto final sexa que van poñer servizos públicos no parque, pero non chego a máis e non sei se nalgún sitio está exposto o plan ou non.
Para rematar en clave de humor, crítica dunha foto cun sorriso. Na Voz de hoxe, edición papel (mágoa, non na web), aparece unha foto no parque que se pode sintetizar como: o alcalde, centrado e sinalando indicando un lugar á beira, a conselleira á beira non sinalda, consultando un papel allea á indicación, e na outra beira o secretario coas mans nos petos e un sorriso nos beizos. Aparece outra persoa, mirando ó alcalde, pero non a identifico.
... e unha consideración sobre o pleno de onte. Voltarán a cobrar os soldos do seu traballo ordinario alcalde e tenente de alcalde ata que en xuño haxa renovación no concello?

20070424

Escola de música Hernán Naval e futuro

Onte, pleno obrigado polo PP. Punto 1, sobre o conservatorio e a escola.
Comezou con algo incomprensible. Dicindo o alcalde que era irregular e pedindo información. A resposta lóxica de Andina: Por que o convocou entón? e, a parte, que a información debida estaba entregada.
O punto foi el só a metade do pleno en tempo, e tratarei de resumir o dito por Mari Luz e Andina, os dou sprotagonistas:
Hai un acordo coa Consellería de 3 de maio de 2003 para un conservatorio en Ribadeo. O acordo esixe obras para a 'transformación' da escola en conservatorio. A proposta díse que é conservando a escola. M.L., que eso é agora, pero non o que se acordou de aquela.
Veñen diferencias de interpretación, aínda que para min, a tenor do dito a cousa está clara. Intentarei resumir o que foi dando de novo cada intervención:
M.Luz fixo a defensa da conservacón da escola pola función social, a posibilidade de asistir a menores de 8 anos, o non ter que pasar acceso, o seu custe (di que en Viveiro no grao elemental costa arredor dos 400€ mes) por ter taxas estipuladas pola consellería, a existencia de máis posibilidades de poñer materias fronte á constricción dos conservatorios, e non ter Ribadeo capacidade para ter conservatorio e escola ó esixir os conservatorios 180 alumnos.
A resposta de J.Carlos: conservación da escola, no mesmo espazo que o conservatorio, coida que non saturarán o espazo adicado á EM, que ademáis, se o conservatorio é algo profesional, terá outro horario, co que non habería problema, e que o conservatorio implicaría máis subvencións e máis e mellor profesorado.
M Luz: habería que usar o auditorio, que xa está saturado, a lei implica separación de espazo físico, o custe da EM de Ribadeo son 23Mpts por 50Mpts do conservatorio de viveiro (enténdese que o tamaño é semellante)
JC: non se queren cargar a EM.
M Luz: faltan estudos económicos, por exemplo, e é cousa de saber se é viable.
Santiago Fdez.: a zona de influenza é maior que Ribadeo, o que xustifica o conservatorio. É cuestión de prioridades: cano costou o convenio laboral do concello?
M Luz: hai unha cuestión de filosofía sobre o que é unha escola e o que é o conservatorio.
Resultado: aprobado por 7 (PP+Santiago) contra 6 (PSOE+BNG)
En boa parte do tempo estiven pensando nas ideas de Hernán, por eso lembrei e recuperei para o título o nome...
2º punto: exposición do PXOM
José Carlos: que se ensine, xa que está todo.
Balbino: está feito o avance, o 9 de abril chegou a avaliación ambiental, 154 páxinas que hai que dixerir e adoitar. Logo, a facer a conformidade legal interna, ...
Fernando Suárez: a exposición non se adapta á lei 9/2002
Reinante: ó alcalde, algo así como que dixo vde que adiante co plan, que urbanismo xa o autorizaría.
J Carlos: a lei non impide a exposición, se o pleno o acorda, e que se expoña 'o que se teña', a día de hoxe.
De novo, 7 a favor e 6 en contra.
3º: Relación exhaustiva da obra pública contratada, o que se votou por unanimidade.
4º: Adopción de medidas a raíz do pleno de 21 de marzo.
O pp quería amaños en pistas e rúas, e polo que parece non se fixo moito. Fernando Suárez negou a oportunide de diversas obras pedidas, e entre acusación de demagoxia de J Carlos a F Suárez, afirmou que era o votado, e non había disculpa algunha, acuasicón de reinante de non crer nada a Balbino, outras menudencias, foi proposta a retirada de emolumentos a alcalde e tenente de alcalde, o que foi aprobado 7-6. A guinda foi que Balbino acusou á votación de irregular, pois tiña que ser proposta antes do pleno. O caso é que se votou e houbo pleno, a pesar de que o mesmo alcalde o convocou dicindo que era irregular (pero que se non o convocava, sería convocado de xeito altgernativo legal)...
En fin, pleno dixit. Por certo, o salón, cos asientos collidos.

Día do libro en Ribadeo



A pregunta é, hóuboo? É dicir, celebrouse? A única cousa polo que alguén sería capaz de detectalo era por un anuncio do desconto do 10% en libro na Casa do Libro. Se houbo máis celebracións, pasaron totalmente desapercibidas fóra dos centros de ensino, e aínda ás veces, dentro.
As fotos, dunha rúa semi-automobilizada e unha paisaxe campestre no medio de Ribadeo, apartan un pouco das novas que traen estes días os xornais, coido que todas en clave eleitoral: Agora, ante as eleccións, pódese plantexar que o alcalde se quede sen soldo, ou facer un pleno para a exposición do PXOM, pero o traballo día a día e ano a ano, ese xa non hai quen o traia de volta, nin que se faga unha fonte luminosa no parque (... ó mellor era mellor destinar eses cartos a outras cousas).
E, para rematar, unha ligazón a unha nova que non trata de ruído nouturno, pero que coido que ten moito que ver á pesar da aparente lonxanía.

20070423

De viaxes e tranquilidade


Onte un grupo de mulleres debeu de ir ás termas a Guitiriz. E Barreiro, o xefe nominal do PP na provincia, veu 'arroupar' como se di agora, a presentación do equipo do PP e de paso cargar contra o bipartito no goberno municipal.
O día estivo magnífico para quedarse en Ribadeo, ó aire libre e disfrutar do entorno: non sei cánta xente iría a cada cousa, pero houbo moita que disfrutou do día, sinxelamente.
Aproveito para citar o espectáculo 'Frautasía', que esquecín polo tema da primeira cita para ensaio da banda e que coido que estivo moi ben, ou, cando menos, diferente e curioso para ver.
E unha mellora: segundo cita Marsop, Google Earth mellorou moito as imaxes sobre Ribadeo. Haberá que pensar en instalalo, aínda que polo momento non creo que chegue á do sixpac (versión Galicia) ou sigpac (versión estatal), que por certo seguen a ter atrancos con algunha versión do navegador Firefox, cada vez máis usado e con ventaxas sobre o Explorer.
A imaxe, cereixos novos en fror, certificando o tempo primaveral.

20070422

Suso Peña

Despois de cargar algunhas experiencias da feira da ciencia en fq Ribadeo, paso a vista por unha nota: Miguel Anxo Prado, un exponente do cómica galego, foi galardoado no salón de Barcelona. Non foi o único galego que sobresaíu. E pregúntome, e se vivira Suso? (xa sei que non estaba no mundo do cómic últimamente, pero...)

Onte

Onte foi o primeiro ensaio das vellas grórias da banda. A cousa coido que está a saír ben, aínda que de aquí ó último sábado de xullo vai moito. Moito tempo que en principio debera redundar en que saíra mellor.
Mentras, parece que Ribadeo é un 'pobo musical': onte, 12:30 da noite, e máis, un músico nas catro calles con altoparlantes postos. Hoxe, aínda non as 11, soa de novo a música con altoparlantes. Á noite, unha patrulla da Policía Local pasou por diante e seguiu adiante. Que se oíra máis aínda que o Pasillo, naquel momento coas portas abertas (aínda que coa música con abondo menos intensidade que noutros momentos), diante do que pasei tamén daquela, tampouco importou. Tería permiso... Que facer? A resposta pode estar en tolear: algo de música está ben, pero... e veñen as eleccións, supoño que de novo coa súa música.

20070421

un vello artigo, 'O Ribadeo que queremos'


Como segunda de hoxe, para a noite do sábado, un vello artigo, pero publicado neste mandato do concello. A conto das eleccións.
Lémbrase de premer co botón esquerdo do rato sobre el para facelo de maior tamaño e lexible.

Transcrición:
Se queres lograr algo neste mundo, o idealismo non é abondo -necesitas escoller un método que funcione para conseguir o teu obxectivo. Noutras palabras, necesitas ser «pragmático»(*)
O futuro, antes de vivilo, e se queremos ter algún poder sobre el, hai que imaxinalo. E logo de imaxinalo, darlle un repaso para contrastalo coa súa posibilidade. Logo aínda, traballar para estender a idea para poder levalo á práctica. Tendo en conta o anterior, parto con estas liñas para unha materializar unha proposta ambiciosa e concreta: tratar de afrontar un Ribadeo futuro mellor que o actual, intercambiando opinións con tempo antes que o futuro nos alcance.
En certa forma, é o que fan os partidos políticos antes das eleccións coa proclamación dun programa electoral, pero só en certa forma: os programas electorais están feitos en xeral de xeito rápido e buscando non tanto a mellora do conxunto senón máis ben facer anuncio dunha mellora de cara a contar con máis votos, así como dende unha única visión e ideoloxía, sen deixar entrar na discusión outras posibilidades.
Co anterior e a comparación, creo que queda claro o que pretendo con este artigo máis outros que lle seguirán (meus, doutra xente ou mesmo facendo un ataque á pretenciosidade, amplitude, ideas ou liña seguida nos anteriores):
- Un estado de contrastación de ideas e proxectos cara o futuro, que ilumine as decisións a tomar sobre todos nós, que faga imposible cousas como as variacións repentinas de opinión, como algunha tristemente perpetrada hai non tanto tempo, ou proxectos que se indicou que van crear unha morea de postos de traballo e crearon só unha diminución de ría, ou o aumento do chamado 'feismo' que se suma ó acogotamento na construción, ou ... pon ti nos puntos suspensivos todas esas cousas que estás a pensar.
- Un Ribadeo máis informado que poda controlar o seu futuro, que se vexa máis involucrado nel. Din que a información é poder. Aomenos, da unha visión para tratar de influír no poder. E de aí, ó ceo. Depende de todos os cidadáns. Depende, por exemplo, que os políticos queiran asociarse dalgún xeito a este movemento para levar avantaxe en recoller o contacto coa xente, simpatizar cos votantes posibles nas próximas eleccións ou para tratar de conducilo.
- Pero sobre todo, un pobo que pense no seu futuro. Pensar... pode que alguén vexa como un perigo para algúns o que é unha oportunidade para todos.
En caso contrario, e como sucede moitas veces dun xeito ou doutro, remataremos dando paos de cego ou tendenciosos boa parte do tempo. Dun xeito ou doutro, a nós mesmos.
(*) Collido de "Software libre para una sociedad libre", editorial Traficantes de sueños, 2004

Canto antes


Ésa é a consigna: 'Canto antes'. É dicir, antes das eleccións. Se alguén opina o contrario, que lea a prensa de hoxe, por exemplo, na que o alcalde anima a presentar a solicitude para prazas laborais do centro de día 'canto antes', porque... remata o prazo. O 3 de maio, e isto sí é 'paxaro en man ou cento voando', non promesas, ou sexa que ... rápido!
Comentario diferente ofrécese para a oferta do concello á xunta de sitio para un xeriátrico... nun lugar desafectado da cesión a educación para construír vivendas, e a unha Xunta á que se lle oferta metendo no mesmo paquete a posibilidade de cambiar o PXOM para permitir a obra nun momento no que xa a propia Xunta devolveu o mesmo PXOM dicindo que tiña excesivas concesións. É dicir: pediuse a súa devolución a educación para facer unha cousa e agora preténdese, cara ás eleccións, cambiar, meténdolle gato por lebre a unha Xunta que parece que non está moi de acordo co urbanismo estilo Ribadeo.
Así as cousas, o congreso de viúvas que se celebra hoxe máis ben parecería ós que non estamos acudindo unha xuntanza das viúvas do final do antroido que o que debe ser e é na realidade, unha asamblea para tratar os problemas dese grupo social.
Mentras, seguen as denuncias da oposición. Onte tocoulle ós muros antirruído da autovía, que xa saíron con antelación no blog (Ver Novas en Ribadeo nun día sen novas en España) e hoxe, ó descuido da praia do cargadoiro, o que conecto non só coa limpeza, senón co retraso no amaño do vial que aló leva (ver 'Unha primicia en visual', de decembro do 2005). Pola súa parte, a nova oposición, o UPRi, denuncia o estado do antigo vertedoiro de lixo, que considera que está producindo unha catástrofe medioambiental no río de Vilaselán nunha parcela da que se encarga o alcalde direitamente, aínda que coido que, en relación ó que vexo na prensa, ten algunha inexactitude respecto do pasado.
Neste panorama, un asalto para roubo no 'Rei das Tartas' e a posterior detención de catro persoas vóltanme a facer pensar, neste final de mandato e comezo de campaña, nos xa case 14 anos de ruído nouturno en Ribadeo que veño soportando... e é que onte comezou nese sentido a fin de semana, sen autoridade que atendera nin siquiera para testemuñar que o ruído se está producindo.
A foto, coa compaña dunha pregunta: quen controla o ruído? É un ambulante, pero o mesmo sería cando o concello contrata ó coche cos altafalantes ambulantes ou por suposto, a música da multitude de locais, incluída esa algo lonxana para min que estou a escoitar nestes momentos, en plena mañá de sábado.

20070420

Unha nova entrada (e II)

(continuación da entrada anterior e 4ª de hoxe)

Unha nova entrada


Paso en .jpg a documentación que me fixeron chegar os da asociación Vigo contra o ruído (AVCOR), a publicación da declaración de Zona Acústicamente Saturada en vairos lugares de Vigo. Lembro que en Ribadeo unha medida semellante foi pedida hai case un ano. Asemade, estáme a chegar algún anuncio de programas de partidos que concorren as municipais e presentan o seu apoio contra o ruído con iniciativas nos seus programas.
Unha nota: como non caben os ficheiros nunha soa entrada, engado outra cuarta hoxe.



Unha nota de O Tesón en apoio da conservación do noso espazo natural

Poño esta segunda hoxe para dar a coñecer o apoio manifestado:
--
Ante a imposibilidade de asistencia á manifestacion convocada en Santiago para o día 6 de maio por ter cursada unha convocatoria interna anterior, e unha vez en xunta directiva da Asociación de Veciños "O Tesón" de Ribadeo,
Declaramos
A nosa adhesión ós fins da convocatoria, amosando a repulsa pola degradación do territorio, en particular a traverso da urbanización descontrolada. Sentimos que estes últimos anos o noso entorno está cada vez máis expoliado nun movemento que é preciso parar para conservar non só os nosos máis prezados lugares naturais senón tamén o propio sentido de supervivencia como persoas.
En Ribadeo, a 18 de abril de 2007.

A intelixencia colectiva e Ribadeo

Puido chamar a atención no último pleno que máis ou menos todos os líderes politicos fixeran gala da intelixencia popular, como querendo flirtear con ela e levar o gato a auga. En momento como ese penso que non existe tal intelixencia popular en abstrato, senón marcada pola estrutura desa 'intelixencia'. Casos para asustarse cando se fai fincapé nela hai abondos. A ascensión de Hitler ó poder, por exemplo (non tivo maioría absoluta, pero chegou arriba por un sistema democrático), a destrucción do ecosistema e radical empobrecemento absoluto e vital da comunidade de habitantes na illa de Pascua (outro día poñerei un vello artigo sobre o tema), ou o actual desequilibrio ecolóxico serían tres exemplos. Hai máis de medio século que se escribiu 'Masa e poder' ou aínda 'A rebelión das masas' para saber que esa intelixencia colectiva, con determinadas estruturas subxacentes, é irracional, e polo tanto non aproveitable en xeral a non ser para considerar a súa condución por intereses capaces de lograr o poder de antemán. Coa nova ascensión das redes en internet estánse a manifestar outras estruturas intelixentes que si serían máis autónomas, construtivas e colaborativas (polo momento, e cos seus erros, aí están a wikipedia e a súa versión galega, a galipedia, para amosar frutos deste tipo de intelixencia colectiva) pero ás que, co retraso en sumarse o noso estado ás novas formas da tecnoloxía, Ribadeo non se pode chamar polo momento. E tampouco é bó exemplo ou ensinanza a que da a miúdo a corporación tomando o adversario como inimigo, ou tomando literalmente como certo o chiste de 'el Roto' no 'El País' do pasado luns 16, e cito a frase vertebral do mesmo: 'El que no haya derecha ni izquierda no significa que no haya arriba y abajo', o que dito por unha persoa manifestamente máis opulenta que o adversario na viñeta pode ilustrar un pouco máis o que citei antes da 'estrutura da intelixencia colectiva' que se trata de engatusar, dirixir e engaiolar.

20070419

E detrás da tempestade, chegou a calma para Ribadeo?

    Case ó tempo que se estaba a producir o pleno de anteonte, saía o Beza da ría pola que se chegou a temer ó quedar varado. Deixa no porto ó Edda From, encago noruegués para Gondán, ó futuro servizo de plataformas petrolíferas, así como un barco guerra coido que para Kenia e xa está outro cargueiro descargando... conferencias na casa das letras, noites activas para a fin de semana, Horacio Cupeiro pretende crear unha asociación de cultivadores de Bonsáis, ... todo normal.
Pero non na política, onde para comezar seguen o pleno. E dun xeito que estou tentado a rectificar o que puxen no post dicindo que se voltaría a retomar co novo mandato. Como polo momento non se dixo nada de tirar, non o fago, pero as declaracións de Fernando Suárez a Localia parece que van na boa dirección, e as do alcalde turrando para levar o gato a auga, pero coido que cun ánimo que non lembra os seus mellores tempos, nin cando acusa de deslealdade ó BNG. E o PP saca de novo a casa do Prelo, na Atalaia, unha das que saen en 'Ribadeo falls' e di que levará o tema ó xulgado.
    E mentras, a cuarta forza, ou UPRi que chegou tarde á expansión mediática do outro día do pleno, tenta o seu sitio nos medios, pedindo que no Costal se faga unha zona ó estilo dun parque (haberá que esperar a proposta real para non ter en conta o da prensa, onde moitas veces as propostas saen irrecoñecibles)

20070418

Unha nova oportunidade para Ribadeo

Onte, o pleno, dende o primeiro momento, pareceu unha partida de xadrez. De feito, diría que, ó contrario que a xeralidade, o resultado deste decidiuse sobre o taboleiro, é dicir, sobre a propia marcha dun pleno no que había abonda xente, pero non tantos dos veciños 'invitados' do alcalde. E na partida, dende unha posición inicial que xulgaba desfavorable, Fernando Suárez levou a estratexia mellor e gañou, e con el, polo momento, coido que Ribadeo. Só os votos do PSOE en apoio dunha proposta do alcalde de legalizar o ilegal, como alí se dixo,; en contra, BNG e PP. Polo medio, dúas propostas, unha do BNG, de enviar á xunta o tema e logo decidir, e logo, avanzada a xuntanza, outra do PP de deixar a cousa con compromiso dos aprtidos para tratalo o primeiro pleno da nova corporación, foron rexeitadas. E un cambio de voto, o de Santiago, que pasou de dicir si aínda que non lle gustara o xeito, a absterse cando veu que o PP tamén tomaba un rumbo negativo a partir dunha incógnita inicial (e cando el xa tivera algunha discusión e acusacións ó alcalde, que, polo alí dito, é de supoñer que rematen tamén no xulgado, pois son abondo graves).
Polo medio, enfrontamentos a múltiples bandas, por exemplo co PP e o PSOE botándolle en cara ó BNG que pola mañá eran goberno e pola tarde oposición. O caso é que o tema, tratado de xeito político, quedou para outra volta, pero non solucionado de xeito práctico, pois todos os grupos tentaban de salvar a cara diante dos veciños, polo que haberá seguramente unha segunda parte, pero dubido que sexa no inicio do próximo mandato. O tema non remata aquí, pero polo pronto os constructores tampouco poden telas todas consigo.
Decátome que non falei da argumentación, só da estratexia. E é que a argumentación coido que foi só unha arma da estratexia, pero, básicamente, dun xeito rápido e comendo polo medio outras cousas secundarias, o alcade alegou a posibilidade técnica, o Bloque que era un engano non ter antes a autorización escrita da Xunta e o PP que había que distinguir entre altura de máis e pisos de máis. Repito, non foron as únicas argumentacións, pero coido que si as que representan o fí condutor para cada grupo.
Por certo, antes do pleno fíxenme a idea de que se o tema saía adiante, sería capitalizable de xeito eleitoral polo PSOE, e se non, que se repartirtiría o posible rédito electoral. Sígoo pensando.

20070417

A propósito dunha cita de Maquiavelo

No post anterior citaba a Maquiavelo. Aínda que habería máis que dicir, que sirva esto como comezo:
Nunha introducción-comentario a 'O Príncipe' de Maquiavelo, cítase a Aristóteles decindo: "...na análise das tres formas clásicas de goberno (monarquía, aristocracia, democracia) que poden dexerar en tiranía, oligarquía, demagoxia,..."
E no diccionario da Real Academia Galega define 'demagoxia-s.f. Política baseada en agradar ó pobo satisfacendo as súas aspiracións e intereses e fomentando as súas paixóns para manexalo mellor.'

Hoxe non tocaba pleno en Ribadeo



Pero váino a haber. Nunha situación de forza do alcalde, que se debe ter ben lido a Maquiavelo, e á que invitou expresamente (como se para ir ós plenos fora necesaria a invitación, e como se de outros non procurara sinxelamente a ausencia de xente, como teño referido) á xente que ten pisos nos edificios que se quere legalizar. Votos son votos e os outros dous partidos (diría que Reinante non conta neste caso, a pesar de que se pronuncióu xa en contra) se queren ser legais terán que arriscarse a perder votos deses votantes para ter unha hipotética ganancia dos outros por facer un Ribadeo mellor. Xa veremos: eu teríao claro. Por certo que, para facilitar a asistencia dos propietarios, a xuntanza fáise ás oito da tarde; en outros casos, tentando que a xente non fora, facíase pola mañá. A ver cánta xente hai dos propietarios e cánta do resto de implicados, que somos todos.
Mentras Greenpeace coloca a Galicia como campeona da destrucción na costa, e o PsOE galego acusa ó PP de airear o urbanismo para ocultar o 'seu' urbanismo, que pasará en Ribadeo?
As fotos poderían ser tituladas 'Marcando o norte' e 'vello alcalde marchando do concello'

20070416

Exemplos de que gobernar pode facer perder a cabeza


Multiplícanse os exemplos. Onte atopei a frase de cabeceira nun xornal de difusión estatal, e o primeiro que pensei foi a primeira frase do corpo do post. Sen que veña a conto (ou si), veume tamén á cabeza que o venres, de paso polo concello, había varios inmigrantes facendo os papeis para empadronamento, sendo esperados alí para axudalos por persoal do concello, e eso o día antes de que unha reportaxe avaliara que a Mariña perdía poboación pero gañaba votantes no exterior (emigrados, vaia). E Ribadeo, un dos puntos que máis votantes no exterior ganaba, 146, sumando xa preto de 1000. É dicir, abondos como para inclinar a votación a favor dun partido ou outro. En que sentido votarán os emigrados, que non coñecen a realidade de primeira man (e que son procurados 'ó lazo' segundo as novas que están a saír na prensa)? E os inmigrados que son empuxados ó empadroamento para recibir axuda social? (que tamén aumentan mentras a poboación en xeral da zona non o fai) Coido que o hemos saber.
A foto, un plano que aparece no parque anunciando a rehabilitación de máis de 300 vivendas no casco vello. Débese entender no pasado, presente e futuro. O plano é de boa calidade e debe de durar. Ó fondo, tódalos enderezos parecen indicar cara ó concello.

20070415

Complemento da entrada anterior...

Como por razóns descoñecidas non entraba a foto do cartel, aí vai unha segunda entrada, correspondendo coa anterior

Unha entrada de domingo sobre os blog de Ribadeo




Facendo unha pequena revisión sobre os blog que teño enlazados relacionados dun ou outro xeito con Ribadeo, comezo por unha entrada graciosa: a que representa unha estatística de mortos debidos a Deus e ó diaño segundo a biblia. Outra entrada, esta de aviso sobre o que será un acontecemento cultural en Ribadeo, a primicia dunha novela de Farruco Graña.
Remato co blog sobre a vida política e social de Ribadeo. Ten uns cantos post que non teño referidos aínda, entre os que están a serie sobre o incumprimento das promesas eleitorais do PSOE (vai na nº 8 do decálogo), pero hai outros títulos: 'Cuando la vergüenza se pierde', ou 'Las trampas y los tramposos'. Calquera deles, para ler y comentar.
En 'Ribadeo historia' xa está completa a documentación de propaganda eleitoral para as eleccións municipais do ano 2003.
As fotos, para ilustrar do estado actual da obra cantón/parque, incluído a propaganda, que é o máis importante segundo que criterios. Por certo, en relación ó cartel, e considerando o tamaño das 'colaboracións' que se anuncian, como será a distribución de cartos e os intereses xerais?

20070414

Ribadeo en obras de preparación






Ribadeo está preparándose para as municipais. Non só no sentido de prepararse para un reemprazo no mando (algo que moita xente, coido que a maioría, considera a opción con máis posibilidades), senón tamén para amosar toda a cantidade de obras que se poden facer. Hoxe van nas fotos varias da obra do cantón/parque, nas que se amosa algo que coido que está ben feito: poñer o plano. Claro que esa explicación é escasa (non ven acompañada de texto), chega tarde e non é unha consulta, senón só unha explicación; a carta anexa é só unha carta para pedir paciencia, está en castelán nun concello que se di galeguista, etc. Pero aínda así, é un paso adiante no que hai que insistir. No que os veciños temos que insistir porque é algo que nos atinxe polo seu resultado e polo seu custe (aínda que poda facerse con cartos da UE, por exemplo, pois tamén eses saen dos nosos petos)
Por certo, que non entendo o por que se desfixo parte do muro do parque para logo refacelo tal cual. Parece como se houbera problemas de permisos, se metera o cazo ou algo polo estilo.
As outras fotos son un acompañamento do anterior: o polígrafo Dionisio Gamallo rodeado para salvagardar a herba ó seu arredor, tendo como fondo tanto un escudo heráldico como unha casa en estado ruinoso adecentada con sábana para facer de pantalla de cine ó aire libre (e van xa meses dende o seu uso), seguido de un novo 'mobiliario urbano' na rúa Rosalía de Castro (bancos e xardineiras sen usar aínda). A primeira imaxe tamén é de preparación, neste caso da celebración dun congreso de asociacións de viúvas.
Aproveito esto das obras para comentar outra obra: teño entendido que o non cerrar aínda o porto é unha consigna política que posiblemente poda seguir aínda despois das eleccións (naturalmente, se cambia moito a cousa, calquera sabe) por mor do temor á resposta veciñal. Pois mentras, o caso é que o porto 'esté preparado para o peche' se se considera convinte. É dicir, algo máis do que xa se ten comentado noutros casos no blog, de que 'o poder' pode comportarse axeitadamente se os cidadáns actuamos para dicir que somos quen ten o dereito ó poder..
Hoxe, dentro das cousas das que me enterei, está tamén o incremento das queixas polo ruído nouturno nalgúns lugares de Ribadeo, e algún novo métodos que se pode comprobar: o concello segue a informar con preferencia ós locais e a denegar información ós veciños, algo aproveitado por un local para facer público o escrito recibido do concello, nomeando a un particular denunciante. Pode facelo? Esa é a pregunta que me fago. O que está claro é que cada vez a xente toma mais conciencia de que está a sufrir ruídos e non ten por que, nin por que calarse, nin apandar sen protestar. Isto é, de novo, actuación veciñal.

20070413

O Beza pasou por Ribadeo






    Pasou o pequeno susto do encalle do Beza fronte á confraría de pescadores, recheo vello. Agora, unha vez levado a porto coa axuda dun remolcador, tocará analizar se se poden facer as cousas mellor, ou poñer máis medios, ou facer o porto exterior, ou... esperemos que non se convirta en loita política, que xa hai abondas. E como mostra, un botón: á oposición non lle saen as contas do plan de dinamización turística. É dicir, parece que alguén se embolsara unha boa cantidade. É unha acusación que pode dar moito pé a ataques diversos, pero que debera rematar no xulgado se ten base (... se se lee máis abaixo, a mesma nova se rebaixa por si soa). Igual que, por outra parte, rematou no xulgado a construcción en Barreiros e é previsible que tamén rematará a de Ribadeo se se pretende facer unha legalización de ilegalidades puntuais. En ningún dos tres casos estou dicindo nada que non saia na prensa hoxe... e hai máis cousas menores pululando polo pobo, como o reclamo a Fomento por parte do primeiro tenente de alcalde do amaño dun vial 'desamañado' nas obras da circunvalación. Son 'emocionantes' estes períodos preeleitorais...
    A todo esto, a conta do Beza temos máis datos sobre a ría na actualidade: o Beza necesitaba 5,8m e a canle non estaba exactamente onde quedou varado en marea abondo alta, pero a diferenza era pouca... co pouco vento que había, din que o logrou desviar esa pequena diferenza. Tamén sabemos da descarga de fertilizantes e a carga de pasta de papel, dando máis orientación á xente da rúa da actividade portuaria que se cerrará calquera día destes ó paso do público ribadense.
    E dúas novas de fóra que se poden interpretar como o das barbas do veciño remollando: unifícanse nun único centro as ensinanzas de infantil e primaria en Monterroso (lembrámonos de movementos unificadores na Mariña non hai moito, aínda que sen consumarse polo momento), e en Foz a alcaldía conta coas asociacións para a presentación do futuro auditorio (xa veremos en Ribadeo que pasa en temas de semellante interese veciñal).
    A parte gráfica, o Beza co remolcador á beira, e o programa de noites activas que comeza esta fin de semana.

20070412

"Obeso" está preto de "Ria de Ribambo" e ambos en Ribadeo



    Mentras un barco está encallado na ría (ver noticia na Voz de Galicia, preto do recheo dos noventa, un pouco de gargalladas para suavizar, coa páxina de google maps como fondo e como imaxe final, a da ría sen a Liñeira e cos nomes mencionados no título.
    Do encalle, só dúas fotos do 'Beza', unha de noite amosando o escore. Parece que foi debido a que había vento que botaba a auga fóra da ría e polo tanto a marea era máis morta do normal. A lembrar que a draga está traballando na ría de Ribadeo. A estas horas é de supoñer que xa esté fora do encallamento, despois de ter un barco a tirar del onte pola noite (máis fotos mañá).
    E é que por novas non queda hoxe: queren (quere o alcalde) facer unha regularización puntual dalgúns edificios. Vamos, Foz en pequeno.
    E logo, mentras se está a esperar que pasen as eleccións para pechar o peirao comercial ben pechado, segue sen haber nin asomo de obra ou movemento para comezala para bordear o peirao, e resulta que non está previsto vixiancia... Para que o pechan, coa disculpa de que fai falta máis vixiancia, para adecuarse ás normas se non van logo vixiar o peche e polo tanto non vai haber máis vixiancia? Outra cousa sen sentido. Pero que perxudica ó pobo.

20070411

A voltas coas obras de Ribadeo


Hai cousa de dúas semanas apareceu na prensa que o alcalde chamaba a atención pola tardanza nas obras da estrada do monte antes de saír do pobo. A este paso, en épocas preelectorais non imos saír de obras, pois xa comezaron na rúa San Roque obras de substitución de cañerías, sen rematar esas outras citadas, e xa comezaron como dixen onte as do Cantón/parque... Noutra orde de cousas, como nas obras anteriores quen 'saca a foto' é o BNG, hoxe sacan fotos no camposanto para dicir que se sae o equipo actual do PSOE, vai haber máis nichos, mentras que, sen foto, anúnciase que o segundo de a bordo do PP non cobraría dedicación, ... Ben, son preferibles eses 'anuncios' e as obras apelotonadas antes que escoitar como se sacan a pel en tiras e se acusan mutamente de calquera cousa (ía dicir parvada, pero de parvos, nada), como o de hoxe de non teridea de como se convocan os plenos co que é acusado o PP polo alcalde. Por suposto que tamén sería preferible non apelotonar as obras, pero... é o que hai, e nese sentido, este mandato non é dos peores, pois tivemos tamén obras polo medio.
En fin, mentras, para ir facendo boca para as eleccións, poden irse repasando os dípticos dos tres partidos para as municipais de Ribadeo no 2003. Queda, do 2003, un programa máis extenso do BNG que taménpasará á web en breve, e, de ter máis docuemntos, tamén aparecerán polo blog.
A foto, dunha casa que se pode ver na atalaia por mor do muro de madeira levantado e caído ó non executarse a obra (a deus grazas). Bonita. O muro que a mantén semi illada, curioso coa súa caída, seguro que rematará en foto tamén aquí.

20070410

Máis obras en Ribadeo



Xusto detrás da Semana santa, para non incomodar ós visitantes, comezan as obras no Cantón. Desmontando pedra pedra o muro de separación do parque coa rúa, como se ve nas fotos. Máis adiante, ó longo do día, foi posta unha verxa de separación. Cando as fotos, aínda non estaba.
Mentras, e para non variar, nova trifulca política pola convocatoria dun pleno extraordinario pedido poo PP, e que o alcalde polo momento non convoca. A cousa vai de urbanismo, e a fibra é abondo mái sensible que nos casos anteriores, polo que o tratamento parece ser diferente: o alcalde pide máis datos,é dicir, en interpretación persoal, se non lle interesa, a ver se se saca a convocatoria para antes dunhas eleccións xa próximas.
Ou sexa, teremos un tempo para mirar as obras e ver como van quedando e outro para escoitar de trifulcas, mentras se segue a desviar o día a día, ou as promesas eleitoriais anteriores (xa van contando máis as próximas e aínda non escritas pero xa publicitadas naulgún caso ...) ou segue sen haber transparencia, por exemplo. Por eso paso a continuación a subir un folleto eleitoral das eleccións pasadas en Ribadeo historia.

20070409

Resaca da fin de semana



As dúas fotos de hoxe están sacadas do mesmo lugar e de xeito sucesivo con pouca diferencia de tempo. Só é unha mostra do bonito que pode ser un sitio e como se pode estragar. Neste caso, as fotos, só amosan un efecto de tipo visual, de lixo, un dos múltiples posibles despois dunha troula incontrolada.
O do lixo lémbrame un xa vello artigo sobre Sogama (12/6/1996) que reproduzo a continuación unha vez corrixidas unha serie de faltas.
==
¿Que vas facer con este papel?

Imaxino que pasarás un rato leéndoo e logo o destinarás ó lixo, onde o máis probable e que quede por moito tempo. As cousas son así, e o xornal é efímero. Se pensamos na cantidade de lixo que producimos e a comparamos, por exemplo, co noso propio peso, veremos que producimos e que levamos producido en xeral moito máis desperdicio que o que somos na actualidade. Compréndese facil o problema das lixos: Non hai sitio para tanto.

A realidade pode verse nembargantes como moito máis complexa. Noutros tempos non se producían lixos en grandes cantidades. Hoxe estamos nunha época na que a producción de bens materiais creceu moito, pero tamén, ano a a no, a cantidade de lixo. Aínda é grande a porcentaxe de personas que lembra, por exemplo, o comprar o azucre a granel. O prestixio do envase, e a posibilidade dunha ganancia maior fixeron que eso xa non se vexa. Por suposto, houbo outras causas como os alegatos á hixiene/sanidade, pero creo que non había moita mortandade por inxerir azucre en mal estado. Así as cousas, ¿cántos anos fai que non ves ofrecido azucre dese xeito?.

Por unha banda, fóronse impoñendo os envases, ate chegar ás veces a situacións esperpénticas, como a do perfume nun frasco pequeno, metido nunha bolsa de deseño, envasado nunha caixa, envolta en papel de regalo, metida nunha bolsa para transportalo. Pola outra, o afastamento dun modo de vida achegado á natureza fai que cada vez poidamos aproveitar menos cousas. É dicir, aumentamos o problema e diminuímos a posibilidade de solución. Con elo xorde unha dificultade engadida cara á procura de solucións: o aproveitamento dos nosos propios residuos cada vez se vai máis da nosa esfera personal para pasar a ser de solución comunitaria e allea (ler "societaria" ou, tamén, "empresarial"). E iste comentario é a nivel privado, familiar, sen metérmonos no mundo da empresa, onde se consideran outros aspectos en diferente grao, como a primacía do compoñente económico.

Nestas estamos, tentando de solucionar o problema con regulacións diversas que normalmente non son moi ben acatadas, ou son "ponteadas" de diversos xeitos polas empresas. No caso dos particulares altérnanse momentos de acatamento pleno con outros de auto-disculpa plena. Aplicando o principio de "a grandes problemas, grandes remedios", téntanse buscar solucións globais, como no caso de Galicia. Chócame, dende o meu punto de vista de inexperto en lixos e/ou merda que se procure unha solución na que a base é incinerar para producir enerxía, e ademais dun xeito centralizado, a través dunha empresa participada por unha eléctrica.

¿Por que? Queimar destrúe recursos que costou aproveitar, centralizar implica transportar e algo patrocinado (=> subvencionado) por unha institución pública váise a destinar para ... ¿solucionar un problema?

Pode que sexa algo lonxe da realidade pensar nesas obxeccións, ou noutras como a contaminación na mesma Cerceda (por certo, ¿cándo parará de "chover das Pontes" esa auga que deixa queimadas as plantas?). Eu mesmo penso que hai que deixar como boa a solución que os técnicos den por mellor. Pero hai veces que non me fío moito do resultado, como cando hai mistura de política e economía. Ollo. Non estou a dicir que cheire mal esa unión, pero as cousas, claras, e, polo momento, eu non as vexo así. Ademais, cando o problema é complexo, como no tema do lixo, técnicamente pode haber ideas contrapostas nas que prime unha ou outra característica do proxecto, estando unhas e outras ben fundamentadas pero suplindo subxectivamente lagoas no coñecemento profundo, científico do tema. Evidentemente, isto embrolla máis as cousas e afástaas da comprensión/decisión popular. Así, a xente non contamos con máis apoios nos que fundar a nosa decisión de rexeitar ou apoiar o proxecto que os que dan os sentimentos ou, en todo caso de xeito posterior, o olfato, dando lugar a demagoxias de todo tipo, a máis do debate serio e consciente.

Mentras, ¿hai unha campaña seria para reducir o problema, para reducir a cantidade de lixo?. Non a vexo. Eso me fai dudar aínda un pouquiño máis da liña que se pretende seguir para procurar unha solución.

20070408

De novo, Ribadeo para os ribadenses

Hoxe remata oficialmente a Semana Santa, e onte xa comezou a marcharse xente, a evacuar un Ribadeo pleno 'ata a bandeira', no que se pode aplicar o título da nova da Voz de hoxe:
Carteristas, protestas por ruido y un coche de bebé quemado. O do coche do bebé, ¿?. O dos carteristas, de actuación pola comarca, e o do ruído, xa, parafraseando a Antonio Machado, "monotonía do ruído tras os cristais..."
Xa está presentada a candidatura que faltaba, do UPRi: Francisco Rivas Álvarez, Agustín Reimóndez Gancedo, María Josefa Pulpeiro, Marta María Saiz, Secundino Oural, Antonio Álvarez, María Teresa Rodríguez, Ramón Peña, Celia Pacio, Diana Fernández, Francisco Javier Díaz, Sara Torviso, Tania Freije, Pablo Rodríguez e Juan Carlos Rodríguez.
E tamén comeza, de pronto sen contidos, só en 'prácticas' un blog de documentación sobre Ribadeo: Ribadeo historia. Espero que esteña xa totalmente operativo ó longo da semana próxima, e como pretende ser só de documentación e non de comentario diario, máis ou menos irei dando novas sobre el de xeito perodico.

20070407

Xuntanza de antigos músicos da banda de música de Ribadeo (2ª de hoxe)

Algo máis de 70 ex-músicos asistiron á xuntanza que se mantivo hoxe a partires das 8 da tarde. Tentei de procurar a silla número 12, pero a saber onde está agora. Bo clima, bo rollito (as cordas máis ou menos estaban xuntas, por exemplo) e varias cousas: farase un concerto o sábado antes do día da patria, non se sabe aínda se sós, parte do concerto e a outra parte a banda actual, misturados, ... As partituras aínda están por decidir, acéptasense suxerencias segundo se dixo, pero Lourenço, o actual director, dixo aue quería meter unha nova. A grande maioría parece que vai a probar coller de novo os instrumentos, aínda que xa se sabe como son estas cousas para terminar. Para eso, ensairase un sábado de cada dous a partires do 21 de abril e os tres últimos días. Rematará cunha cea, claro, á que poderá asistir calquera, pero se non toca, pagando.
Ese é un resumo rápido dunha xuntanza que a cuarta parte rematamos no Rolle.
Máis novas, o día 21.

Novas en Ribadeo nun día sen novas en España






Hoxe parece ser que non hai periódicos, do mesmo xeito que no día de Nadal, por exemplo. Nembargantes, hai novas, pequenas ou grandes, pero hainas.
As que poño hoxe son se base gráfica. E non son tan novas,pero si no blog e coido que nos medios se apareceron, foi a medias.
A primeira e segunda foto son dun dos muros centrais que hai na actualidade na Ponte dos Santos, tomando a foto cara a bocana da ría de Ribadeo. Non é unha grande nova que a ponte estea en obras, pero aínda que o sabe moita xente, ese muro central que separa os dous carrís en uso para comezo da obra polo centro parece ser un gran ignorado a cousa dun mes de cobrar vida facendo máis dificultosa a pasaxe pola ponte por mor da súa estreitez.
A foto central é diferente, pois é unha novidade cíclica: xa está de novo a draga na ría. Con esa información abonda. Para ver máis sobre a draga en Ribadeo, ou nunha versión de fai abondo menos tempo
O terceiro conxunto, dúas fotos, son ó tempo unha alegría e un pequeno desencanto: parece que para sorte da xente que vive próxima á autovía, vaise a tomar en serio o tema dos ruídos producidos polo tráfego, poñendo muros para dificultar o paso do son. Así, nembargantes, levántase un muro que dificulta a vista e afea a nosa vila, amén de separar de xeito máis integral dúas zonas antes sen discontinuidade (Ribadeo e a súa parte norte, Vilaselán). As fotos amosan máis ou menos centrada a torre dos Moreno, un caso nunha zona onde aínda queda abertura e no outro, como un pequeno pico por riba da muro, á beira mesmo dun poste da luz. E é que será deste último xeito como será observado o monumento dende a zona indicada... (aconsello ampliala premendo co rato sobre ela para poder ver algo...)