20070421

Canto antes


Ésa é a consigna: 'Canto antes'. É dicir, antes das eleccións. Se alguén opina o contrario, que lea a prensa de hoxe, por exemplo, na que o alcalde anima a presentar a solicitude para prazas laborais do centro de día 'canto antes', porque... remata o prazo. O 3 de maio, e isto sí é 'paxaro en man ou cento voando', non promesas, ou sexa que ... rápido!
Comentario diferente ofrécese para a oferta do concello á xunta de sitio para un xeriátrico... nun lugar desafectado da cesión a educación para construír vivendas, e a unha Xunta á que se lle oferta metendo no mesmo paquete a posibilidade de cambiar o PXOM para permitir a obra nun momento no que xa a propia Xunta devolveu o mesmo PXOM dicindo que tiña excesivas concesións. É dicir: pediuse a súa devolución a educación para facer unha cousa e agora preténdese, cara ás eleccións, cambiar, meténdolle gato por lebre a unha Xunta que parece que non está moi de acordo co urbanismo estilo Ribadeo.
Así as cousas, o congreso de viúvas que se celebra hoxe máis ben parecería ós que non estamos acudindo unha xuntanza das viúvas do final do antroido que o que debe ser e é na realidade, unha asamblea para tratar os problemas dese grupo social.
Mentras, seguen as denuncias da oposición. Onte tocoulle ós muros antirruído da autovía, que xa saíron con antelación no blog (Ver Novas en Ribadeo nun día sen novas en España) e hoxe, ó descuido da praia do cargadoiro, o que conecto non só coa limpeza, senón co retraso no amaño do vial que aló leva (ver 'Unha primicia en visual', de decembro do 2005). Pola súa parte, a nova oposición, o UPRi, denuncia o estado do antigo vertedoiro de lixo, que considera que está producindo unha catástrofe medioambiental no río de Vilaselán nunha parcela da que se encarga o alcalde direitamente, aínda que coido que, en relación ó que vexo na prensa, ten algunha inexactitude respecto do pasado.
Neste panorama, un asalto para roubo no 'Rei das Tartas' e a posterior detención de catro persoas vóltanme a facer pensar, neste final de mandato e comezo de campaña, nos xa case 14 anos de ruído nouturno en Ribadeo que veño soportando... e é que onte comezou nese sentido a fin de semana, sen autoridade que atendera nin siquiera para testemuñar que o ruído se está producindo.
A foto, coa compaña dunha pregunta: quen controla o ruído? É un ambulante, pero o mesmo sería cando o concello contrata ó coche cos altafalantes ambulantes ou por suposto, a música da multitude de locais, incluída esa algo lonxana para min que estou a escoitar nestes momentos, en plena mañá de sábado.

1 comentario:

jmrd_ribadeo dixo...

Con desvergonza e caradura éstán abusando do vergonzoso pasotismo do pobo. Un pobo carente de mentalidade urbana e que arrastra o individualismo da aldea. É vergonzoso ver como o enganan e como se deixa enganar. Puro tercermundismo. Da vergoña pertencer a esta comunidade.