20070403

Información (nota de prensa) da Banda Municipal de Ribadeo referida ó mércores 4. (2ª de hoxe)

== Reproducción exacta da nota de prensa ==
A Banda Municipal de Ribadeo ofrece esta noite o seu tradicional concerto de Semana Santa
A actuación quere ser tamén un xeito de agradecemento a todas e todos os que fixeron posíbel que a BMR actuase en La Sénia
A BMR presenta para este concerto un programa totalmente renovado

Ribadeo. 3 de abril de 2007. A Banda Municipal de Ribadeo (BMR) baixo a dirección do mestre portugués Lourenço Cruz ofrece hoxe mércores, ás oito e media do serán, no auditorio municipal Hernán Naval de Ribadeo, o seu tradicional concerto de Semana Santa mais nesta ocasión e segundo palabras do propio director da formación “non ha de ser un concerto coma os outros, ten algo de especial”.
Pouco máis dun mes despois de participar no I Certame de Bandas de Música Vila de la Sénia este vai ser o primeiro concerto que a municipal ribadense ofreza na súa vila, de aí que se vaia aproveitar para interpretar perante o público de Ribadeo as tres obras coas que a BMR participou no certame. Trátase do pasodobre Ponteareas do mestre galego Reveriano Soutullo, Manhattan Pictures obra obrigada polo xurado do certame composta polo holandés Jan van der Roost e o musical Highlights from Chess de Ulvaeus e Andersson. Xunto con estas pezas a BMR vai estrear tamén unha obra para bombardino e banda, co músico Diego Bermúdez como solista, e volta ao seu repertorio a obra Festa Paesana.
Lourenço Cruz sinalou que alén de ser o concerto de Semana Santa esta actuación quere ser “unha homenaxe a todas e todos aqueles que confiaron e confían no traballo dos mozos e mozas que forman a BMR por apoiarnos na nosa viaxe a La Sénia”. O director da municipal ribadense mostrouse convencido de que “o desta noite vai ser un dos grandes concertos da BMR en moito tempo, sobre todo se conseguimos que banda e público disfruten, uns tocando e os outros escoitando, se deixen levar ao son da música”.
Lourenço Cruz quixo agradecer moi especialmente o traballo de todas e todos os que forman a BMR así como o alento que en todo momento sentiu a BMR por parte de institucións, medios de comunicación e público en xeral, o que contribuíu a deixar ben alto o pavillón de Ribadeo en Catalunya.
O concerto conta co patrocinio da delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo, da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, da S. A. De Promoción do Xacobeo e da construtora local José Pulpeiro Doval “Os Gallopiños”, que tamén apoiaron a viaxe da BMR a La Sénia.

Ningún comentario: