20070425

Ribadeo, Ribadeo

Hoxe a prensa trae un artigo dicindo que as preguntas condicionan as respostas. Non é nada novo, como sabe a xente de propaganda e os que convocan os referendos. Tamén trae que foi descubverto un planeta habitable (mágoa, moi lonxe de nós). Xuntando ambas novas, e despois da entrada sobre o pleno de onte, poderiase preguntar se será posible a medio prazo que os ribadenses poidamos procurar aloxamento noutro lugar...
Ben, baixemos á Terra, e vexamos as novas de hoxe sobre Mª José Caride, Conselleira do territorio: resulta que portos estuda como ampliar a liña de atraque de Mirasol. En plena confrontación sobre o último recheo de Mirasol, saiu neste blog por varias veces que non se comprendía como se reducía 100m esa liña de atraque, deixando ademáis un resto inutilizable para algúns usos práticos (total, uns 150m). Pois agora, a fastidiarse. Quererán facer novas obras, gastando máis cartos, etc. O que si parece que queren é, antes das elecións, licitar a obra para non ter que entrar por Mirasol cando se ven do Vila vella ó centro polo paseo marítimo... deixei dito nun post anterior que eleccións mandan.
O dragado da ría, o 'integral', parece estar en mans do Principado (porque alí deixan botar a area do dragado máis achegada á costa, entendo). Aínda lembro nas xornadas sobre a ría celebradas na Veiga (nas 1as), cando se lle botaba á Xunta a culpa de que non houbera unha protección medioambiental adecuada da ría por parte do Principado... si, as verbas eran abondo máis longas e rimbombantes,pero a idea era esa. Vamos, o típico de botarlle a culpa ó veciño.
Tamén sae un novo anuncio de amaño da estrada Reme-Vilamar, con dúas curiosidades: non se concede cando se fixo máis forza para o tratamento 'total' da estrada, senón agora que case non se fala do tema, antes das eleccións, e ademáis será só no termo municipal de Ribadeo (alcalde PSOE) e non no de Barreiros (alcalde PP), como se a terra entendera de enfrontamentos políticos.
A autovía traerá o desenvolvemento a Ribadeo, di Caride. Ben, en boa parte é así. A cambio de que? como quedará a ponte para o paso de peóns, por exemplo? É certo, pero non é un absoluto. De feito, tamén nunha entrada moi anterior a esta aparece unha teoría que chamaba coido, do sal no zapato: Cando un zapato se molla moito, arrastra o sal do coiro, quedando unha marca. É certo que o sal acumúlase nos novos lugares, pero eso non quere dicir (máis ben ó contrario) que o zapato en conxunto vaia mellor así nin que o punto onde se acumulou o sal o esteña... En fin, filosofías que sei que non están moi en boga nestes momentos pero que coido que o estarán cada vez máis e que poñen no punto de mira o que é o progreso (co que se di que é progresar) e o que debera ser o progreso (o que é progresar, considerando a sustentabilidade, a distribución de bens, ...).
Tamén, 454000€ (máis de 75Mpts) son anunciados para a Pza. de España, contando ademáis da obra, unha fonte luminosa, rego automático, novos bancos, e algo que non entendo, 'instalación de novos servizos'. Pode que esto final sexa que van poñer servizos públicos no parque, pero non chego a máis e non sei se nalgún sitio está exposto o plan ou non.
Para rematar en clave de humor, crítica dunha foto cun sorriso. Na Voz de hoxe, edición papel (mágoa, non na web), aparece unha foto no parque que se pode sintetizar como: o alcalde, centrado e sinalando indicando un lugar á beira, a conselleira á beira non sinalda, consultando un papel allea á indicación, e na outra beira o secretario coas mans nos petos e un sorriso nos beizos. Aparece outra persoa, mirando ó alcalde, pero non a identifico.
... e unha consideración sobre o pleno de onte. Voltarán a cobrar os soldos do seu traballo ordinario alcalde e tenente de alcalde ata que en xuño haxa renovación no concello?

Ningún comentario: