20070517

17 de maio, día das letras galegas adicado a María Mariño




O día das letras en Ribadeo dende hai anos ten xa un persoeiro na sombra da adicación, Hernán Naval. Nembargantes, polo paso do tempo, non é de estranar que esteña cada volta máis ausente das novas diarias deste día, e máis en época de eleccións. Día no que por outra parte, a súa adicatoria a María Mariño me leva a lembrar unha escritora ribadense viva en lingua castelá na súa meirande parte e á que coido que se lle podería dar mais estima da que lle concede, Primi Nécega. Non me vou poñer a ponderar agora a súa obra, pero chámame a atención que os seus contos, precisamente, non chamen máis a atención. E xa digo, salvando as distancias que as circunstancias impoñen, a figura dunha lémbrame a da outra.
Pero non só de letras galegas vive o home e as novas... parece que está a traer algo de cola que o alcalde fora a facer unha pseudoinauguración da autovía sen ter pagadas as expropiacións ó completo. Non puiden ir onte ó mítin do PP, pero de seguro que algo deso saiu. Nese mítin non houbo equilibrio entre homes e mulleres falando, como no caso do BNG, pode que porque tiveran que substituír o non ter a ningén na Xunta por dous altos cargos do partido en Galicia: Barreiro, Presidente Provincial, e Feijóo, Presidente a nivel galego. Para compensar esa falta de novas sobre o acto, as fotos dos carteis. Outro día irei polos lemas (coido que o do PSOE xa o comentei) e mesmo por algún comentario sobre estas fotos.
Mentras, din que a autovía xa se deixa notar. Seguro que si, pero será máis no verán, con tráfego máis nutrido, que agora: esta noite, véspera dun festivo non houbo tanto movemento nouturno como un sábado calquera; máis ben se poido asemellar a un venres (o barómetro do barullo dos locais de copas é infalible)...
Ribadeo ensaia nestes días outra porta, a marítima: polo que parece, touroperadores franceses van promocionar esa porta de entrada a Ribadeo. Así non é de estranar que a UPRi quera facer outro porto deportivo na Vila vella como foi anunciado o outro día nunha das roldas de prensa sucesivas nas que se apoia a campaña dese grupo. en parte xa quedaría cuberto o servizo de acceso polo paseo ata as aceas proposto por este goberno municipal actual.
Para ser o día das letras, non hai grande movemento cultural en Ribadeo. Anunciouse un movemento de animación á lectura antonte por parte da ANPA A Faxarda do CEIP Gregorio Sanz, están polas tendas postos carteis con 'cousas' de Castelao (ver foto e contraste nela), as xornadas de patrimonio deste ano serán sobre o patrimonio literario... pero, en troques, non parece que vaia ter lugar hoxe un concerto da banda ou algún acto oficial. Será porque estamos en campaña?

Hai tamén unha exposición de carteis ribadenses deste medio século pasado, pero non sei se cabe na categoría 'celebración do día das letras galegas'. Certamente, este acto da Concordia tenta ser de calquera xeito, un acto cultural.
En fin, non descarto voltar ó teclado un día como hoxe no que o sol brila en Ribadeo, mentras me lembro do 'PARES', no que co tempo haberá máis documentos sobre, por exemplo, a guerra civil e os 'axusticiados' nela. Polo momento, pouco hai.

Ningún comentario: