20071010

Parte do problema está en creer que co activismo conseguense resultados inmediatos

Trátase sempre dunha loita moi longa, de toda a vida. Título e primeira frase están recollidos dunha entrevista á activista canadiense Naomi Klein, e coido que veñen ben para centrar o manifesto da AVV O Tesón:

Asociación de Veciños O Tesón de Ribadeo
Nota de prensa da Xunta Directiva

Cando no mes de xullo foi elixida a nova Xunta Directiva da Asociación de Veciños O Tesón, constituída por Fco. José Campos Dorado como Presidente, José María Rodríguez Díaz, Vicepresidente, Antonio Gregorio Montes, Secretario, Soledad Rodríguez Díaz, Vicesecretaria, José Mª Bao Fariña, Tesoureiro, e José Fco. Alonso Quelle e Rocío Botana García como vocais, tamen se acordou facer un paréntese nas actividades sociais ata o novo curso.
Unha vez comezadas a finais de agosto as actividades da nova Xunta Directiva, vemos convinte manifestar cales serán nun futuro próximo as nosas preocupacións máis inmediatas, e polo tanto, informar tanto ós asociados como ós veciños en xeral sobre os eixes que marcarán a nosa actuación.
En primeiro lugar, seguimos abogando por ampliar a participación cidadá nos asuntos locais, segundo o permite e mesmo aconsella a lexislación vixente. Hai que resaltar que estamos á espera de ser recibidos polo alcalde, co que esperamos compartir inquedanzas e ter colaboración. Por outra banda, pero no mesmo sentido, pídese a colaboración cidadá (non só dos socios), e en particular daquela xente que non utiliza ningún cauce para falar dos problemas que ve ou sufre.
A dinamización do Castro das Grobas é outra das nosas teimas. Coidamos que no estado actual, pequenas actuacións (e de baixo custe) poden rendir moito beneficio. Máxime cando se poden aproveitar axudas da Xunta de Galicia para acometelas. Asemade, impulsaremos as xestións para a consecución de obxectivos máis ambiciosos, entre os que se atopan a determinación de todo o potencial que ten o castro, antes de levar a cabo accións de maior envergadura.
Non podemos tampouco deixar de lado o tema do urbanismo, no que se multiplican o que poderiamos chamar puntos quentes en torno á legalización de edificacións e irregularidades, ó tempo que está presente na mente de todos o próximo Plan Xeral que tanto necesita Ribadeo. Procúpannos temas da rúa como a ocupación de espazos públicos que representa unha privatización do chan (como acontece con certas terrazas), o que poderiamos chamar a privatización do ceo encerrando as rúas con auténticos muros ata o ceo nalgúns puntos, os ruídos que se deben contemplar nas zonas acústicamente saturadas, pero que deben encararse tamén dun xeito máis xeral no Plan, etc. Non só son necesidades, senón tamén propostas, das que se poden adiantar, a petición da creación dunha comisión de seguimento (sen precisar polo momento cousas como o seu funcionamento) en temas urbanísticos ou a necesidade de que, se fora o caso, antes de poder contemplar ningunha legalización de ilegalidades actuais, sexan reverquidas ó concello as plusvalías que xeraron.
Xunto cos anteriores, outros temas recaban a nosa atención e serán tratados dentro das nosas posibilidades. Entre estes, están os relacionados coa atención ós maiores: o seguemento de funcionamento do Centro de Día, Hospital Asilo, Asistencia no Fogar, Piso Tutelado, Centro de Servicios Sociais... procurando a protección dos dereitos dos usuarios segundo a aplicación da Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia. Sen esquecer outros relacionados coa ría, a súa conservación, o seu disfrute, o seu aproveitamento, ... ou coas antenas de telefonía móbil, como foi tratado no seu momento na Asamblea da sociedade.
Asemade, faremos constar onde sexa necesario o noso apoio a temas de interese xeral, como pode ser a recuperación do xulgado.
En Ribadeo, a 8 de outubro de 2007

Ningún comentario: