20080322

Nota de prensa recibida da Banda de Múscia

a pesares de ter publicado xa unha entrada o mesmo día da actuación, remato de recibir unha nota de prensa que poño á vosa consideración:
Ribadeo e Mirandela selan un irmanamento musical

Ribadeo e Mirandela selan un irmanamento musical


Ribadeo, marzo de 2008. A Banda Municipal de Ribadeo (BMR), xunto coa Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, e máis a Escola Profesional de Música de Mirandela (Portugal) selaron un irmanamento musical co gallo do concerto de Semana Santa da municipal ribadense no que actuou como formación convidada a Brass Band Esproarte, do centro luso. Agora tócalle, en datas aínda por confirmar, a unha formación musical ribadense viaxar até Mirandela para completar a segunda parte dun intercambio cuxos responsábeis sinalaron que “se vai manter no tempo”.

Tanto o director da formación ribadense, Lourenço Cruz, coma o da Brass Band Esproarte, Nuno Machado, calificaron o concerto coma “éxito tanto pola participación do público como polas sensacións que este intercambio deixou nos mozos e mozas que forman ambas e dúas agrupacións. Para eles foi unha experiencia moi positiva poder ensaiar e tocar con músicos aos que non coñecen así como ter que preparar un repertorio para ofrecer en público”.

Tanto a Brass Band Esproarte como a Banda Municipal de Ribadeo ofreceron o seu repertorio en solitario pero como remate final do concerto ambas e dúas formacións, de xeito conxunto, interpretaron o Aleluia de Haendel e máis un arranxo do musical Highlights from Chess de Ulvaeus e Andersson. Como unha interpretación “espectacular e moi coidada”, así calificaba ao remate do concerto Lourenço Cruz, o director da BMR, a actuación da formación lusa. Pouco ou nada difiren as súas palabras da opinión dun público que despediu á Brass Band Esproarte cunha prolongada e pechada ovación.

Pero se espectaculares foron as actuacións por separado, máis aínda o foi a actuación conxunta, onde segundo sinalaron os seus responsábeis, as dúas formacións “ofreceron o mellor de si, demostrando que son dous modelos de centro educativo – musicais moi semellantes cuxos resultados están sendo enormemente positivos”.

O director pedagóxico da Escola Profesional de Música de Mirandela, Jose Francisco Dias, sinalou no seu discurso de agradecemento que este intercambio é “un xeito de estreitar lazos entre dous países, Galicia e Portugal, con enormes semellanzas a nivel lingüístico, cultural e paisaxístico”. Dias reafirmou o seu compromiso de “levar adiante máis intercambios destas características con Ribadeo e brindou o seu mellor recibimento para cando a formación ribadense viaxe a Mirandela”.

Pola súa banda o director da municipal ribadense, Lourenço Cruz, calificou como “extraordinaria” a experiencia e convidou, tanto aos músicos como aos responsábeis dos centros, a “mantelo vivo no tempo e a afondar máis aínda nestes lazos musicais que unen dende xa a Ribadeo e máis a Mirandela”.


NOTA DESCRITIVA DA BRASS BAND ESPROARTE

A Brass Band Esproarte xorde no marco da Escoal Profissional de Música de Mirandela, un centro educativo-musical que nace a comezos dos anos 90. Conta co apoio do goberno portugués así como da Câmara Municipal Mirandela e a asociación de comerciantes e industriais desta localidade portuguesa sita na rexión Norte, no Alto de Trâs – os – Montes. Este centro veu encher un oco para todas e todos aqueles que na zona querían adicar a súa vida á música, un proxecto innovador que rachou todas as barreiras na rexión e axiña se converteu nun referente do ensino musical no país luso.
Grazas á súa calidade e á solidez do seu proxecto a Escola de Mirandela non só vai ser o centro no que recalen os mozos e mozas da rexión norte, tamén outros chegados do resto de Portugal van dar ao cabo cos seus estudos musicais neste centro.

Un dos eixes centrais do seu traballo pedagóxico é a celebración de actuacións pública en diferentes escenarios do país e tamén do estranxeiro. Formacións xurdidas no marco da Escola Profissional de Música de Mirandela, como é o caso da Brass Band que hoxe nos visita, teñen ofrecido concertos en Ávila, Salamanca, Zamora, Canadá, Escocia, arquipélago de Madeira ou Angola.

Todo elo baixo á dirección de José Francisco Días, responsábel do centro, e un dos encargados de convertela nun referente en todo o país luso.


Ningún comentario: