20080510

Xuntanza

Deixoume mal sabor de boca a xuntanza de onte sobre a nave do porto. Haberá abondo máis, pero de pronto, só unha nota de prensa:
-- Nota de prensa da AVV O Tesón de Ribadeo --
En relación coa actual nova de inicio de tramitación para a concesión administrativa dunha terminal cuberta no porto de Ribadeo, e ante a evidencia de que, segundo o DOG, se trata xa da tramitación e non de movementos preliminares como un encargo de anteproxecto, por exemplo, a AVV O Tesón de Ribadeo solicita de todos os grupos políticos que constitúen o consistorio ribadense unha definición sobre o tema, para o cal ten plantexado para o próximo pleno, previsto para o luns 19 dos presentes, a seguinte pregunta, encadrada nun documento entregado hoxe mesmo no concello:
"
Ante a nova da licitación de terreo no porto para construír unha nave no peirao de Mirasol, solicitamos coñecer oralmente e por escrito as posturas neste momento de cada un dos grupos sobre a construcción dunha nave das características que se barallan.

"
Esperamos que á luz do que xa se sabe e lles explicará ós propios grupos, e a ninguén máis que a eles, o Presidente de Portos de Galicia o próximo martes 13, os representantes políticos deixen claro o que pensan para a defensa dos intereses dos cidadáns que representan.
Queremos claridade e posturas documentadas: dende a asociación lembramos que, por exemplo, o 18 de novembro de 2003 aparecía na prensa que o Presidente de Portos de Galicia declaraba que na zona a rechear en Mirasol non se construirían naves industriais. O mesmo Portos de Galicia que agora quere meter unha nave moito máis grande que as actuais.
Igualmente, o 20 de outubro de 2003 o daquela alcalde e hoxe portavoz socialista aparecía na prensa lembrando o seu programa, que levaba o non permitir unha actuación a ría. Algo máis dun mes despois, cambiou segundo dixo o recheo no porto por varias cousas, por exemplo un polígono industrial que aínda non se comezou a construír.
Por outra banda, aparecían na prensa do 25 de novembro de 2003 unhas declaracións do actual alcalde ribadense e daquela tenente de alcalde, nas que deixaba patente que todo o volume inversor debera canalizarse nun porto exterior, ó que se apuntaba tamén o grupo socialista.
Mentras, as asociacións veciñais lembran que a maior manifestación que tivera lugar en Ribadeo foi contra o recheo, e lembran tamén o que no seu momento dixeron (prensa do 30 de decembro de 2003):
"A ría non é algo negociable, a ría ten que ser un espacio que se defende, como algo que ten valor en si mesmo".
Poderíase engadir agora: a ría non se vende, algo que parece que Portos de Galicia quere facer despois de apropiarse dela.
Ribadeo, 09/05/2008
... unha última cousa: tódalas citas están dispoñibles na prensa en internet. En 24 horas, unha relación máis completa de ligazóns.

Ningún comentario: