20081011

Progresos






    Hoxe a prensa trae progresos da humanidade: o premio Nobel para Martti Ahtisaari, ó tempo que Videla ingresa no cárcere. Por suposto, tamén atentados ó longo do mundo, que deixaron de ser novidade hai moito tempo, en particular por Afghanistán-Paquistán-Iraq, e a nova emerxente dende hai meses, as últimas desgrazas económicas motivadas dende a crise financieira, destacando entre estas a nivel España a maior caída das que se ten noticia da bolsa de Madrid nun día.    Respecto á última, a ver, se a bolsa está insegura e o goberno garante ata 50 000€ nos bancos para beneficiar que non se queden sen liquidez, pois parece lóxico que as inversións da xente con aforros 'medios' que se podan mover o fagan con esa dirección, distribuídas nominalmente para que a protección abranga o máis aló posible.
    En Ribadeo tamén progresos: repítese a 'nova' de que vivenda restaurará dúas casas para poñer pisos de alquiler a disposición de xente nova, mentras Patrimonio vai intervir para mellorar a restauración da fonte dos catro canos e tamén 'fará suxerencicas' na correspondente á balconada da Aduana vella. Haberá que sacar fotos de ambas.
    E tamén progresos noutros eidos: un que sae na prensa, a reclamación dun camioneiro por un accidente contra a Deputación. Se por andar mal polas estradas poñen multas, por facer mal as estradas o lóxico é que tamén se esixa responsabilidades á administración, aínda que sexan polo momento casos atípicos tanto pola falta de concienciación como pola inclinación xudicial cara ás institucións fronte ós individuos.
    E un novo blog ribadense en galego. Remacho o de en galego porque ata o momento a Atalaia tiña un blog moi activo en castelán, que se vai ver así complementado.
    As fotos, tentando tamén recoller progresos ... máis ou menos. Unha, do comezo das obras de 'humanización' da Avenida de Calvo Sotelo (enténdese entre a peonil Rodríguez Murias e a costa de Conchita, polo momento, de xeito provisional, sen nome 'oficial' que eu saiba). Outras dúas corresponden a unha obra con frente a Ramón González, pero que se pode ver moito mellor dende o calexón que da a Doutor Moreda (no mesmo caso que o de Conchita), e a vista dende o fondo dese calexón cara ó mercado de abastos doado por D. Ramón González Fernández en 1925, como se pode ver na outra foto, da súa fachada leste, terminando pola fachada norte, onde se pode ver, despexadas as árbores de follas polas últimas cortas da semana, á esquera a rúa Doutor Moreda e á dereita a José Vicente Pérez Martínez (Avenida de Galicia/Avenida de Asturias).

Ningún comentario: