20080430

Nota de prensa do concello en relación á nova nave do porto

Despois do primeiro e segundo post de hoxe, a nota de prensa correspondente do concello:

nota de prensa

O ALCALDE DE RIBADEO TILDA DE DISCUTIBLE O PROXECTO DE CONSTRUCCIÓN DUNHA NAVE DE GRANDES DIMENSIONS NO PORTO DE MIRASOL

Ribadeo, 30 de abril de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, non quere facer valoracións precipitadas sobre a posible construcción dunha nave de grandes dimensións para buques no porto de Mirasol. Lembra que hai tempo que ten coñecemento verbal sobre esta posibilidade, pero non a través de papéis oficiais. O rexedor recalca “falei co presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, para convídalo a vir a Ribadeo a explicarlles a todos os voceiros municipais cal será a magnitude dese proxecto”.

Fernando Suárez di que “significaría que por parte dunha empresa privada se fixera en réxime de concesión administrativa unha nave moi grande que ocuparía 6.000 metros cadrados de superficie, o mesmo que un campo de fútbol regulamentario e tería unha altura de 27 metros, que é o que máis impactaría. Sería coma un edificio de baixo e oito alturas, e todo iso na zona portuaria de Ribadeo que está prácticamente apegada ao noso casco vello, de feito forma parte do conxunto histórico de Ribadeo”. O alcalde engade que “eu debo dicir que Ribadeo debe escoller o modelo de desenvolvemento económico que quere ter i eu coma alcalde e moitos vecinos escollerán un modelo de crecemento económico que xenere riquexa e postos de traballo, pero non podemos crer nun modelo que quizáis por dar un pasiño nos faga retroceder cincoenta cara atrás”.

Chamada á reflexión

O rexedor ribadense aboga por un “crecemento ordenado, queremos que haxa riqueza e movimento económico pero non pode ir contra outro tipo de valores que están a xenerar moita riqueza, coma é o noso patrimonio histórico ou a mesma conformación da vila de Ribadeo”. Fernando Suárez considera que Ribadeo “debe reflexionar se a creación dunha inmensa superficie de prácticamente un campo de fútbol cunha parte moi importante metida na ría e cunha altura de 27 metros é conveniente para Ribadeo. Eu creo que a priori cando menos é discutible”. O alcalde engade que “desde o Concello estaremos expectantes diante da visita que cursará o vindeiro 13 de maio a Ribadeo o presidente de Portos de Galicia. Queremos que nos explique con detalle as súas intencións, se avala ou non o proxecto, se o promove ou non, se simplemente está expectante ou si adopta a postura de tirar a pedra e esconder a man pasándolle a pataca quente ao Concello de Ribadeo para que resolva esta sítuación”.

Un pouco de relaxo despois do post anterior


A modo de relaxo do post anterior sobre a construcción da nave en Mirasol, tentando de sorrir, cargo unha imaxe do plan, sobre o planeamento dos concellos limítrofes, di. Trátase da zona límite con Barreiros; está sinalado o Comado cun punto vermello, e, en pleno concello de Barreiros, na parte superor da imaxe, un pequeno "Concello de Ribadeo" aparece de xeito tímido. Será unha colonización do concello limítrofe compensatoria, xa que o rego de límite que se achega ó Comado parece estar só con zona de protección no concello veciño?...

Alarma! chegou o momento da verdade sobre a nave

Entérome do novo paso dado por portos en relación ó porto ribadense. Elixido o momento, xusto cando están as augas municipais máis movidas polo tema do PXOM, construtores multados, etc, xusto agora, é a presentación de portos sobre a nave no peirao de Mirasol. Xusto despois de non dar información durante meses. Xusto ó xeito a que nos ten afeitos. Falábase de algo máis de 5000m2. Son 3700 en terra e 2200 sobre a auga, case 1000 máis. O anuncio está publicado no DOG (a ligazón, a Ribadeo Historia, onde se pode ampliar clicando sobre a imaxe). E trátase dunha apertura de prazos para que haxa competencia na concesioón. Que quede claro: non é algo previo, senón algo xa decidido. Algo do que se lle pediu conta ó alcalde e deu largas coa idea de que mentras non había nada oficial escrito, non existía posibilidad. Agora hai algo oficial escrito. E, hai posibilidade? Mentras, dende a xunta seguen o mesmo razonamento: o proxecto non está definido e polo tanto non se abre prazo para alegacións.
... Coido que tamén é convinte comparar unha nova complementaria dos xornais hoxe.

20080429

Para coñecer Ribadeo: se non te entenden, confúndeos

Se non te entende, confúndeos. Unha frase que escoitei como consello dun terceiro ó meu interlocutor hai cousa dunha semana. Parece escollida para tratar algunha cousa do PXOM, que por outra parte ten apartados que son ilustrativos, parecendo aqueles vellos cadernos de hai unhas dúas décadas, coido que titulados 'Para coñecer Ribadeo: A Vila' e 'Para coñecer Ribadeo: O Campo'. Claro que, moito máis pequenos e didácticos, coido que tamén estaban abondo máis coidados na súa revisión de erros, se ben esta parte que poño hoxe ten erros menores en relación ás primeiras páxinas, pode que tamén porque trata de cousas relativamente menos importantes.
Así, seguindo coa memoria, iniciada coas 'Primeiras páxinas do PXOM', podemos continuar por exemplo na páxina 40, onde se recoñece que habería que estudar un reforzo do sistema de captacion de auga, por ser abondo pero non dar lugar a extras ou gardado de auga para avarías. É dicir, hai xa unhas cantas xestións municipais que levan descuidado o mantemento e ampliacón de servizos, e non só de luz.
Chama a atención que na mesma páxina 40 o saneamento non contemple a traída Rinlo-Ribadeo, xa realizada e xa reclamada polo concello para que quede como é debido, despois de repisar nalgunhas zonas.
Unha ollada ás páxinas 40 e 41 é ilustrativa pola necesidade expresa de determinación da capacidade de subministros ... antes de facer o estudo de medre poboacional.
Como outra curiosidade, a p.42 atribúe a SOGAMA a ubicación en Barreiros, sé da planta de transferencia
Tres páxinas máis adiante resulta dificultoso entender as zonas axardinadas. Resulta, por exemplo, que hai unha na r/Rosalía de Castro, de 359m2 (08-DE-AJ4). Estívena procurando nos planos sen éxito, a non ser a que está prevista para o futuro como unha beira dunha rotonda ó final do primeiro bloque de casas de pescadores. Pero conta como existente (así se titula a táboa: 'inventario de espacios libres existentes')
Na 47 fáise un pouco de equilibrio a conta dos espazos libres: di que a parroquia que máis espazos libres ten é a de Ribadeo, pero en m2, con moito é a de Vilaselán, debido ó parque do cargadorio, que se estipula como auténtico pulmón de Ribadeo. Vése na 48 continuado, onde se ve a descompensación de espazos libres interparroquias, ademáis de que (p.47): "A nivel municipal no se superan los estándares establecidos por ley, por ello habrá que reservar suelo para espacios libres y zonas verdes." (se ben o núcleo urbano, xunto con Vilaselán e Ove - Cargadoiro e Sta. Cruz respectivamente - está equilibrado)
Nas 50 e ss vese que os equipamentos das parroquias son en parte considerable, eclesiais-privados, quedando os públicos reducidos a pistas polideportivas e construccións de albergaría (antigas escolas).
Outra curiosidade aparece na p.53: "Nueva Piscina Municipal (Ribadeo, c/ Alfredo Deaño)" aparece a máis de "Piscina Municipal (Ribadeo, c/ Pintor Fierros)". Algo que se manifesta tamén noutras páxinas, como na 58 ou na 63.
Tamén na p.54 aparece "Local social (Ribadeo, c/ Leopoldo Calvo Sotelo)" de 425m2 e titularidade pública. E a AVV O Tesón sen sé... Pode referirse ó Cine-Teatro?
Na p.56 resume o desequilibrio nos equipamentos. Non embargantes, vexo que só no caso de Santalla de Vilaosende non chega á porcentaxe de 5%, norma sobre a superficie construíble.
Asinalar dúas páxinas máis adiante: "a) EQUIPAMIENTO EDUCATIVO.
Comprende todos los centros existentes en el municipio vinculados con actividades formativas o de enseñanza.
Tres cuartas partes de las parroquias disponen de escuelas. Además existen en el núcleo urbano de RIBADEO, dos Institutos de enseñanza secundaria, dos Colegios, una Guardería y una Escuela de Idiomas." Tres cuartas partes das parroquias teñen escolas! Non hai unha soa que esteña actuando como tal, se descontamos a Pedro Murias e as do casco urbano (p.61). Dous IES. Dende o verán do 2006 son 3... claro que próximamente, nun par de anos, voltarán a ser 2, segundo novas deste mesmo abril. Non aparece a escola de música.
Na p.58 da máis de 5000m2 de superficie de equipamento sociosanitario en Ribadeo. Inclúe, claro, "Hospital de San Sebastián (Ribadeo, c/ Clemente Martínez Pasarón)". E aínda así, non me saen as contas, repaso, e na p.62 atopo que máis do 50% da superficie corresponde a "Residencia para Mayores “Mirador del Eo” (O Outeiro)", co que xa cadran, se incluímos ademáis o local da "Cruz Roxa do Eo" como tal equipamento sociosanitario.
Dicía o da ilustración que representa a memoria ó principio por cousas como a das p.67 e ss, onde da a lista de equipamento relixioso. Así, no casco urbano de Ribadeo:
I.P. de San Francisco (Ribadeo, c/Rinconada de San Francisco)
Monasterio de Santa Clara (Ribadeo, c/ Clemente Martínez Pasarón)
Capilla de San Miguel (Ribadeo, c/ Estrada do Faro)
Capilla de la Virgen del Camino (Ribadeo, c/ Virxen do Camiño)
Capilla de San Roque (Ribadeo, c/ San Roque nº10)
Capilla de la 3ª Orden de San Francisco (Ribadeo, c/ José A. Primo de Rivera)
Capilla de la Atalaya o de la Santísima Trinidad (Ribadeo, c/ Atalaya)
Capilla de San Francisco (Ribadeo, c/ Obispo Veres)
Capilla de San Lázaro (Ribadeo, c/ San Lázaro)
Claro que a ilustración hai que revisala, pois resulta curioso o nome da rúa da Orden Terceira e que non inclúan algunha capela privada-privada (as capelas aparecen como privadas pola súa titularidade eclesial, aínda que eu cría que algunha era de titularidade municipal) que existe, a parte de que a Capilla de la Virgen del Camino esteña na c/Virxen do Camiño.
A próxima sección que aparece na memoria é a de poboación e actividades económicas.

20080428

a democracia e os seus valores tamén se aprenden


Falta fai. E necesidade.
O título corresponde ás verbas dunha teóloga autora dun libro de Educación para a cidadanía. O feito de que sexa teóloga dálle un pouco mías de glamour a un tema que ven enfrontando igrexa (e defensores políticos das posturas expresadas pola igrexa como estrutura de mando) co goberno do estado dende hai unha tempada. Pero sobre todo, coido que expresa unha realidade máis da ductilidade e posibilidades de aprendizaxe do ser humano. Ductilidade e posibilidades que son necesarias no noso mundo apra poder vivir e non só sobrevivir.
Contra eso, o mesmo periódico (La Voz de Galicia de onte) pon nun recuncho pouco visible unha nova preocupante: E.On, empresa enerxética líder de ventas en Alemaña (e polo tanto, das maiores do mundo) iniciará un grande proxecto educativo que afecta ó 10% das escoals de Alemaña. Parece que quere sumar forzas para difundir a cultura do medio ambiente e enerxía. Pero é de desconfiar calquera iniciativa de empresas privadas que tenten entrometerse na instrucción pública, pois as tendencias a facer proselitismo consumista son moi grandes. Aconsello, sobre o tema, botarlle una ollada a 'No logo', un libro da autora Naomi Klein que saiu case co século, e que analiza o significado das marcas para o consumidor; ten un capítulo sobre a súa introducción nas institucións educativas. E neste caso, como en xeral, o consumo sería precisamente o que habería que evitar en pro de beneficiar o medio ambiente planetario e a súa conservación. Unha nota final sobre esto: non sería o primeiro proxecto loable que vexo de empresas en institucións educativas, mesmo algún desenvolto tambén en Ribadeo.
E sobre medio ambiente e cidadanía, outro titular: 'O noso desafío é o ruído e os efectos sobre o entorno'. Non vai de movida nouturna (aínda que podería), senón de enerxía eólica, e son verbas ditas pola ministra danesa de clima e medio ambiente, que anima a Galicia a contar coa cidadanía para desenvoltar os porxectos ambientais, que tamén dan problemas (aínda que sexan poucos comparados con outras industrias) como calquera outra decisión política, base de partida para que a ministra anime a contar coa participación cidadá.
A imaxe, coa praza de San Roque ó fondo, ó anoitecer, dende Julio de Lazúrtegui.

20080426

25 de abril


Si, xa sei, hoxe é 26 de abril. Pero as celebracións desta semana foron o 23, día do libro (algo así como o día da ilustración, ben que interesada pola economía), e o 25 de abril cabodano da revolución dos caraveis en Portugal (revolución incruenta, e como revolución que foi, autoritaria, pero con fins democráticos). Ese día, o 25, foi tamén o día laborable que culminou unha semana con novos cortes de luz en Ribadeo. Moi pequenos, pero cortes. Mentras, a carta de protesta do concello xa foi enviada hai moito, e a das asociacións está a sufrir diversos retrasos que fan que esteña no período de recollida de sinaturas.
Onte, claro, ocorreron máis cousas. Cinco alumnos de centros ribadenses (2 do IES Dionisio Gamallo e 3 do IES Porta da Auga) competiron nunha miniolimpiada de Química en Foz. Unha pelexa no centro de Ribadeo comparte plana coa xornada de estudo en relación á violencia de xénero. E, a protesta dos gandeiros (a preparación da protesta) pola situación que están a sufrir coincide coa rescisión do contrato da xunta á empresa que remodelaba san Lázaro, obra parada e protestada por elo dende hai meses. Pero a nova de onte en Ribadeo coido que non foi ningunha das anteriores, senón que volta a estar relacionada co urbanismo: o xulgado autoriza a entrar no edificio afectado pola sentencia de derribo da zona de rochos (o edificio que nos baixos ten o Consum, S. Francisco 25, Irmáns Moreno Ulloa 14-16). A finalidade, redactar o estudo para cumprir a primeira sentencia. É evidente que o retraso no cumprimento da sentencia non se debe só á negativa á deixar entrar dos veciños afectados, senón tamén a cuestións políticas municipais que o presente alcalde, dun xeito ou outro (é dicir, por convencemento como creo ou forzado como insinúa algunha prensa) tivo que deixar a unha beira do camiño. Que implica? que se deu un paso máis en cumprimento do que é unha subsanación dunha ilegalidade (non me meto agora en temas de se é unha legalidade 'xusta' ou 'inxusta'). Algo que, aínda que sexa tarde, ten os seus efectos na mentalidade xeral, pois ninguén merca un piso para estar a batallar anos sen saber se se vai quedar sen unha parte do que mercou, e mentras, estar na corda frouxa sen saber ben a que aterse.
A ilustración de hoxe é do PXOM, pero suave para entroncar despois de varios días referíndomea el e xeito só indirecto. Así, no plano correspondente ás comunicacións do concello, vése algo que xa teño dito, que nalgúns planos nin aparece o último recheo en Mirasol (como é o caso deste), mentras que contradí a memoria poñendo, esta vez si, a autovía e a circunvalación xa feitas (en contra tamén doutros planos que as poñen para realizar). E unha curiosidade: as rotas de sendeirismo (cor malva, raia/ponto/raia/ponto...), que non se ven limitadas a Santa Cruz, senón que baixan dende alí por un par de sitios (dun deles e a súa visión panorámica actual xa falei outro día) ata a ría, onde habería unha rota que non se quedaría nas Aceñas e o muíño de marea que se pretende restaurar, senón que continuaría cara ó sur ata a altura do posto de observación de aves (fóra de imaxe).

20080425

Botando contas

Remato de ler que as multas a construtores en Ribadeo foron acollidas con 'sorpresa e recelo'. Non podía ser doutro xeito cando, a máis de ser a quen se lle impoñen, están afeitos a que non pase nada e non dan crido que agora si poda pasar.
O ver unha multa de 57.000€ (nove millóns e medio de pesetas), xunto cunha nova atrasada, 'Cien promotores venden 2.000 pisos a precio de coste', e o ter escoitado onte que as multas non ían facer moito, que eran como o 'chocolate do loro' para os construtores, que lles pagaba a pena o vulnerar a legalidade, etc, fíxome botar algunha conta que xa aviso que pode estar moi errada (dependerá en cada caso, é evidente que as ganancias non sempre son as mesmas.
Así, pois, un exercicio de ficción:
Datos: un construtor pode gañar ata o 40% na venta dun piso (referencia: artigo de El País). Collamos unha ganancia metade, 20%, aínda que lembremos a época na que se deixaban os pisos 'en barbecho' esperando a que subira na práctica ese 20% nun só ano).
As multas típicas establecen sancións moi variadas, pero a 'horquilla' que se manexa soe estar por riba dun factor 5 en relación coa 'ganancia' lograda porlo precepto infrinxido. Collamos un factor inferior, un factor 4.
Os pisos en Ribadeo estábanse a vender en calquera caso por riba dos 150000€. Aínda que sería difícil que alguén me dixera agora mesmo un piso novo vendido o ano pasado por esa cantidade, collámola.
Iso danos que, en calquera caso (salvo moi contadas excepcións), a ganancia da venda dun piso está por riba dos 30000€. É dicir, aplicando o 'factor 4', daría unha multa de 120000€ por piso afectado. Ou sexa, máis do doble da mínima multa imposta, que equivalería á venda de medio piso. Asemade, en relación á cantidade maior imposta, 400000€, sería menor que a multa a impoñer por estar afectados catro pisos.
Ainda que xa deixei claro que é un exercicio de ficción e que habería que presentar números reais, que non teño, parece que as multas terían quedado abondo por baixo do que sería típico, achegándose máis ben á posición de reclamar ós construtores o revertir a ganancia no pobo que ó ser unha auténtica multa. Como doutores ten a Igrexa e hoxe aparece na prensa a intención dos construtores de ir por vía xudicial, xa veremos no que remata o conto.

20080424

Documentos

Cargo a nota de prensa do concello de Ribadeo correspondente á nova de hoxe nos xornais: a multa a varios construtores por infracción urbanística (a lembrar que clicando sobre a imaxe pode verse soa e logo, ampliada). Non a comento, pois coido que se comenta ela soa despois de ter feito varias entradas sobre o tema (por exemplo as recentes 1 e 2 sobre o forzamento dun pleno pola oposición en relación á legalización das mesmas cumbreiras).
E aproveito para dicir que en Ribadeo Historia están as copias do '
Informe sobre la decisión adoptada por la comisión especializadas de nombres geográficos (sobre o nome da ría de Ribadeo) e da 'Carta da alcaldía contra os cortes de luz '.
En relación a este último tema, tamén hai novas na prensa de hoxe, na que o alcalde reclama tamén a auga. Eu engadiría un internet decente, e metería por algún sitio que o concello como entidade ten tamén responsabilidade, e non só aqueles outros entes ós que se lle pide colaboración, por exemplo, pero parece que el, como político (e dito pola prensa), prefire facer as cousas doutro xeito. Polo demáis, na mesma nova vése que o conflito sobre a falta de datos do PXOM leva camiño de converterse noutra 'cousa entre políticos' (e nin siquiera entre todos os grupos políticos), co cual o pobo seguiremos coa dúbida de se pasou algo máis ou non. É dicir, para que tanto xaleo?. Só para enturbiar o ambiente?
Mentras, parece que as verdadeiras novas sobre o futuro de Ribadeo aparecen sen posibilidade de discusión, impostas. Vamos, estilo Portos de Galicia: licitación de 77 prazas máis en Porcillán (algún día haberá que escribir un artigo titulado 'sobredensidade de prazas de amarre no porto deportivo de Ribadeo') e unha pasarela de dous metros de ancho toda a beira de Porcillán que permita facer de beirarúa para separar o tráfico rodado do peonil. Onte mesmo, un día espléndido, miraba para a auga da rada e pensaba que non ten absolutamente nada que ver a súa limpeza e claridade coa de hai non moitos anos. Con 77 prazas máis emponzoñarase cousa dun 20% máis na súa superficie (15% máis de residuos no seu volume máis obstrucción de circulación en superficie). Mentras, o alcalde, que decida sobre a traída de auga xa vella, o subministro de luz insuficiente ... cousas todas necesarias, pero iso, quizais insuficientes.

Nota de prensa sobre as multas a constructores

Nota de prensa


O CONCELLO DE RIBADEO MULTA A CINO CONSTRUCTORES POR INFRACCIÓNS URBANÍSTICAS. A CONTÍA TOTAL DAS SANCIÓNS ACHÉGASE AO MILLÓN DE EUROS.


Ribadeo, 23 de abril de 2008. O Concello de Ribadeo ven de enviarlles a cinco constructores outras tantas propostas de resolución coas multas que lles impón por cometer diferentes infraccións urbanísticas. A contía total das sancións achégase ao millón de euros. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou esta situación na xunta de voceiros que se celebrou este mediodía na casa Consistorial “tras o escrito que firmaron os grupos da oposición demandando a conclusión dos expedientes administrativos abertos a eses inmobles e pedindo a convocatoria dun pleno extraordinario para darlles licencia de primeira ocupación ás partes deses edificios que cumpliran coa legalidade vixente”. Os voceiros acordaron que esa sesión plenaria se celebre inmediatamente despois de que se peche o expediente administrativo, algo que podería ocorrer amediados do mes de xuño” cando remate o prazo de pago voluntario destas sancións impostas por non adaptarse á licencia de obra concedida”, engade o alcalde.


Período de alegacións


Os instructores dos expedentes presentaron as propostas de resolución que están sendo trasladadas aos promotores que contarán cun prazo de dez días para presentar alegacións, segue a explicar Fernando Suárez “e a partires de aí analizaránse e coñeceremos a resolución definitiva coa que rematará esta vía administrativa”. O rexedor de Ribadeo manifesta que “Para dar unha idea do que significa entre os cinco constructores o monto total da sanción ronda o millón de euros, segundo os informes técnicos sobre aqueles excesos de volume que deron lugar a baixo cubertas con aproveitamentos vivideiros onde o metro cadrado se pondera con moito máis valor e outros aproveitamentos para rochos e trasteiros, e onde o beneficio obtido foi menor”. Fernando Suárez engade que “os expedentes son todos diferentes, e os constructores poderán alegar o que queiran sempre e cando se axuste á legalidade. Agardamos que este proceso sancionador remate canto antes. Se eles nono queren demorar demasiado xa saben o que teñen que facer, e así dentro de pouco tempo poderemos convocar ese pleno extraordinario”. O rexidor di que se trata “de situacións complexas, pero confiamos en que en breve podamos resolver se cadra parcialmente o que está ben feito e ao que estea mal seguiráselle aplicando a normativa vixente”.

Os inmobles afectados por estas sancións están ubicados na vía Transversal, na rúa Rosalía de castro, na zona da Lodeira e na rúa Picarolas. E o importe das sancións ascende por separado a 400.601 euros nun caso e a 387128 nas de maior cuantía,e a 87.360 uros, 53.000 e 37.440 euros respectivamente para as de menor importe.

20080423

Prestar atención e paying attention, dous xeitos de ver o mundo (2ª de hoxe)

Un artigo, http://lamediahostia.blogspot.com/2008/03/seth-godin-sobre-el-futuro-del-negocio.html lévame a pensar sobre o diferente que é falar un idioma de falar outro, algo que ten que influír sobre os campos de ideas que son a base do noso pensamento.
A versión galega ou castelá do termo, 'prestar atención', parece indicar unha espera de que, a continuación ou próximamente, haxa unha devolución desa atención, unha correspondencia de atencións.
A versión inglesa, 'paying attention', parece indicar polo contrario unha débeda de quen está prestando esa atención respecto de quen está sendoo foco dela: non hai contraprestación, intercambio, hai débeda.
No artigo de onde tomei a idea, había referenca a negocio, e polo tanto, sería lóxico que a sexa diferente nuns e outros parlantes a mentalidade referente ós negocios que requiren un certo 'prestar atención' ó outro.
E tamén respecto a outras cousas como o esperar que os cargos públicos nos escoiten despois de que nós os escoitemos a eles. Sería a reciprocidade. Aínda que moitas veces parece que actuaran ó estilo do que suxire o xiro en inglés: pedíndonos (ou esixíndonos) que lles paguemos dalgún xeito polo mero feito de teren falado...
Cousa de pensalo. Non só polo tema dos pagos, senón polo que significa ter unha lingua.

Interrupción do embarazo? A xestación do plan urbanístico de Ribadeo, lista para interrupción


Onte xurdiu, de mans de UPRi, unha nova dúbida sobre o proceder do goberno municipal, como estaba anunciado e coas salvagardas que expresei no anterior post.
Di Francisco Rivas que non se entregou toda a documentación, en concreto, os planos de detalle dos núcleos rurais, escamoteándoos ó longo de todo o proceso, incluída aprobación inicial, e que iso trufa todo o procedemento administrativo, de xeito que habería que voltar a aprobar de xeito inicial o plan.
Vaiamos por partes. É certo que unha parte dos planos do PXOM, os que el di, foron colgados máis tarde na rede e incorporados máis tarde ó CD. Trátase da parte rural, aínda non tratada no blog, por falta de tempo e descoñecemento da maioría dos núcleos que recolle. É evidente que unha cousa así pode manexarse con dúas solucións que pide: o dar gratis novos discos a cambio dos vellos e unha ampliación suplementaria do prazo. Trataríase fundamentalmente dun novo erro máis de Eptisa, entre os moitos cometidos no tratamento do plan. Diso xa falei na 'introducción ó plan'.
Outra cousa ben diferente é que faltara ese conxunto de planos ós encargados da aprobación inicial, despois de ter ido Á Coruña varias veces a consultalo de man da empresa e un proceso de estudo no que se supón que tiveron a posibilidade (e aproveitárona) de consultar a especialistas, incluído o persoal técnico do concello. De faltar aí, coido que hai unha responsabilidade de tódolos membros da corporación (en particular do alcalde, por suposto) pois aparte da posibilidade de neglixencia de Eptisa estaría a neglixencia dos edís na revisión de algo sobre o que non teñen por que ser especialistas pero si deben procurar asesoramento. É dicir, estariase ante algo que podería ir ó xulgado para dilucidar que pasou e dirimir responsabilidades. Incluído o tema do envío da documentación á Xunta de Galicia: foi enviada toda a documentación á Xunta para o seu plácet? Pide Francisco a renovación da aprobación inicial e volta a comezar o proceso. Entendo que para eso tería que darse un paso antes, a non aprobación final do plan no consistorio. Se non, entendo que a interrupción do camiño administrativo só se podería dar no xulgado.
O plano que ilustra hoxe a entrada non está posto porque falte unha casa feita dende hai anos xusto no centro da beira inferior, na parte exterior da curva que fai a estrada, senón porque foi moi aproximadamente un dos que empregou Francisco para amosar o perxuízo ós veciños: este plano (1:2000), que non ía no CD vendido de xeito inicial, tiña a zona cuberta por outro con menos detalle (1:10000), no que por exemplo, non se ve que a estrada ten unha zona adicada de 16 m, o que inflúe no futuro das construccións aledañas.
A polémica está servida, pero unha acusación así, de ocultación de información, non debera de quedar en sinxela comidilla de prensa, tanto se 'hai algo' como se 'non hai nada' (máis ou menos, a postura dende a alcaldía, que non teño tempo de expoñer agora). Non estamos ante 'acusacións de tinte político', senón ante a interferencia nun proceso de decisión que condicionará a vida de Ribadeo en décadas.

20080422

20080421

UPRi, música e ruído fóra de Ribadeo

Hoxe está anunciada unha intervención pública de UPRi. A posta en escea será co motivo anunciado de irregularidades no PXOM, que segundo parece non coincide co aprobado. Despois de anteriores citas da UPRi, pódese supoñer que algo hai, pero non tanto como a espectativa creada. De calquera xeito, hoxe non publico máis relacionado co PXOM...
Así pois, música ou ruído? Para ilustrar a diferencia, aí está o concerto didáctico do outro día, que segundo parece motivou a petición de varios máis (ata un total de cinco, mesmo varios fóra de Ribadeo, e o campamento do verán de Amadores, que vai pola súa terceira edición este ano (abaixo, o díptico de inscrición).
Por contra, no El País pódese ver outra volta a consecuencia legal do ruído: outra sentencia condenatoria a un concello (esta volta, no tribuna supremo, cun montante total de indemnización superior ós 132000€ a 11 veciños), a pesares de que o ruído só se estendeu catro anos, menos da terceira parte do que leva nalgunha zona de Ribadeo. Algo que voltará a dar que falar.
Voltando ó tema, despois da entrada introductoria sobre o PXOM de Ribadeo, quedei emprazado por min mesmo para continuar, aínda que sexa só para denunciar cousas mal. Pero paga a pena esperar un anaco a ver se o de hoxe vai ser algo máis que fogos de artificio, e vai polo tanto significar a morte automática do plan tal como está agora (algo que se dixo). Polo demáis, que en circunstancias de menor necesidade para Ribadeo o plan debera revisarse de xeito íntegro, eso hai pouca xente que o dubide.

Itinerario paisaxístico

Esa é a atribución nos planos do PXOM dos triángulos negros: Santa Cruz aparece con 3. Aquí preto do 'Kostal' (algo que xa saía no plano a vez pasada, como foi alegado no seu momento para ver o pouco que se fixara a xente que o fixera) aparece unha longa fila de triángulos, sinal dunha beleza paisaxística moito maior que Santa Cruz. corresponde a un camiño literalmente abandonado que non é a primeira volta que se trata no blog e que vai (case mellor, ía, como pode comprobar quen o intente) dende a zona alta e alonxada de Palmeira ata a actual rotonda de entronque da estrada de circunvalación. Así pois, non fai falta alonxarse moito de Ribadeo 'capital' para comprobar o estado dese camiño e a súa vista, coido que bonita se fora posible mirar nalgunha zona, pero coido que algo peor que a posible dende a Santa Cruz. Iso si, queda claro entre unhas e outras zonas, incluída a 'zona ZEPAS', que a urbanización do Costal difícilmente poderá ir aí, algo polo que Mahía (que no seu día asinara un convenio na época Balbino) dixo que iría ó xulgado contra o concello. Por certo, segundo o plano, a zona ZEPA polo Costal abrangue por riba da estrada á Veiga, algo a ter en conta no futuro.

20080420

Separador de follas con motivo de Hernán Naval

Hai xa máis de dous anos que, xunto con outras iniciativas dun grupo de amigos (1, 2, 3, 4, 5, ... ) comecei a cargar cousas sobre Hernán Naval no blog. Hoxe atopei un separador de follas que a A.C. Paco Lanza fixo para o día das letras no ano 2002. Hai moito que non aparecen no blog cousas direitamente relacionadas con Hernán, pero esta éo.

As primeiras páxinas do PXOM

Cando comezo a escribir, levan pasadas dúas semanas dende que iniciou o prazo de alegacións, e non vin moitas alusións na prensa.
A empresa supoño que xa cobrou parte do terceiro tempo do PXOM (é dicir, a terceira vez que a mesma empresa fai o proxecto para a mesma validación do PXOM en Ribadeo). E sería cousa que non fora así. 'Así' vai polo cobro repetido por facer algo que só debera ter sido feito unha volta, pero ben. Claro que os políticos tamén inflúen en que non se dera feito polo momento. Pero 'así' vai tamén porque esa falta de movemento implica que o plan estase a levar como algo de particulares, cada un defendendo os seus propios intereses, pasando ó final, e por dicilo dun xeito suave con verbas de Kipling, que as árbores non deixen ver o bosque. É dicir, que os intereses de cada un non deixen saír a flote os intereses comunitarios que deben de estar por riba e que en xeral influirán en que os intereses particulares tamén sexan atendidos en forma convinte.
O plan que está en período de alegacións (ata o 2 de xuño) é moita información especializada para abordala en solitario e cuns coñecementos moi reducidos. Por iso un grupo de xente estamos mans á obras para abranguelo algo mellor. Pero mentres chega e non chega, e como dous meses non son moito tempo (os especialistas que fixeron o plan tardaron máis, non si? E os políticos que lle deron a aprobación inicial, tamén) vaian algunhas verbas para comezar, sen pretender nun par de cuartillas dar unha estrutura xeral alternativa, senón chamar a atención sobre algúns puntos indicativos que se poden ver dunha ollada curta e profana na materia.
Na miña opinión, o documento presenta síntomas de chapuza nalgúns aspectos. Teño deixado no meu blog imaxes con zonas de Ribadeo que non se corresponden coa realidade, o que, para o terceiro intento da mesma empresa non di moito de bo. É certo que a complexidade dun plano como o PXOM vai deixar sempre erros, pero de seguir coa mesma tónica, un plano correspondente a unha cidade, poñamos Vigo, sería sinxelamente ilexible, e non pola dificultade técnica, senón polos erros.
Calquera pode ver cousas como que obras xa realizadas non aparecen (pode tentar procurarse a fonte do Parador, coa súa rotonda), obras que levan xa tempo previstas e apunto de comezar, tampouco (que se mire polo ascensor da atalaia), outras aparecen de xeito diferente en planos diferentes (e aínda mal en todos eles, como o último recheo, que ou ben non aparece ou ben aparece con medidas que non corresponden, como se fora algo do que se avergoña o concello, por citar ata o momento só obra pública). Aparecen zonas de planta baixa compartindo parede con outras zonas de sete alturas, rúas sen o ancho adecuado, pero tampouco co ancho real, e así sucesivamente. Exemplos, sobran. E estrana que non saíran á palestra ata o momento.
De calquera xeito, por algún sitio hai que comezar se se quere ollar o plano xeral. Por exemplo, pola memoria que o acompaña.
Bótolle a ollada ás primeiras páxinas e... sorprende que cun goberno do BNG a memoria vaia en castelán con nomes en galego polo medio, misturados, pero esa é a tónica non só da memoria, senón tamén dos planos en relación ós 112,3km2 declarados como extensión do concello.
Entrando en materia, non parece que os redactores do plan 'entraran moito en materia' dándose uns paseos por Ribadeo antes ou ó momento de coller e poñerse a traballar cos planos. Parece máis ben unha obra de estudo, deixando a realidade fóra. E non me refiro só polos gazapos nos planos, xa citados.
Na memoria, páxina 12, obsérvase que non existe a autovía como estrutura de comunicación, citando unha conxestionada estrada costeira sen máis. Outras referencias noutros lugares da memoria indican o mesmo, mentres nos planos se mantén como un futurible o que xa estaba realizado cando se deu a aprobación inicial. Por suposto, a evolución posible do tráfico á luz de segundas residencias ou dos prezos e esgotamento do petróleo é algo que lle queda grande ó plano.
Unha páxina máis adiante recolle o de Vilaframil como o 'único aeródromo da provincia'. Non afecta ó de Vilaframil que o de Rozas sexa máis coñecido e abondo máis antigo, pero di algo sobre como se fixo a recollida de datos.
Os datos demográficos que usa na páxina 14 son os do censo 2001, nos que Ribadeo aparece con 9163 habitantes, e non cos 10000 que pretendía o alcalde o pasado ano e que estaban pendentes de comprobación (ou os 9704 que aparecen no cómputo de xaneiro de 2007). O caso é que hai entre ambas cifras unha diferencia de perto do 10%, e 7 anos nos que Ribadeo evolucionou: o plan preténdese para 30 anos, pero esa diferencia implica que se parte xa cunha incertidume inicial correspondente a un cuarto de dita cifra, o que se ve apoiado e incrementado porque na p.15 realiza unha recompilación de datos sobre a demografía anterior de Ribadeo e non os proxecta sobre a futura. É dicir, contan máis os habitantes de Ribadeo no 1991 que a día de hoxe, como se corrobora asemade na p.22 onde se toma como base última os datos das vivendas no 1991. Cambiou Ribadeo dende entón? Coido que si, e máis aínda se introducimos que a tendencia de datos de poboación que se consideran non é a actual. Por outra banda, os datos, chantados sen máis, necesitarían dunha mínima análise para saber como se van a interpretar e de xeito consecuente que se vai a facer con eles.
Nas páxinas 20 ou 25 aparecen algunhas curiosidades, que hai que ver á luz dos bailes de datas delatados no parágrafo anterior: dous de cada cinco empregos de Ribadeo están no sector servizos (eu diría que máis...), e no termo de Ribadeo existen ... 371 segundas vivendas! (eu diría que máis!)
Facendo un inciso, e despois dunha ollada moi rápida sobre o documento, coido que segue a faltar un desideratum sobre o que se pretende para Ribadeo no futuro, pedido polo Tesón e por min como alegación e tamén na comarca e no blog con anterioridade.
Causa estrañeza (alomenos a min) que, ó coller un criterio de entidades de poboación de 500 habitantes, Rinlo non sexa en consecuencia considerado como núcleo urbano para cómputos poboacionais (p.27) na memoria. En contradición co anterior, nos planos de núcleos urbanos si aparece Rinlo diferenciado.
A memoria ten dez veces máis extensión que a que levo comentado, e os planos son moitos máis. Polo momento, punto.
(publicado onte na Comarca e onte e hoxe no El Progreso/ A Mariña)

20080419

Nota pequena


Deixando algunhas cousas xa pasadas que quería comentar, atópome hoxe coa nova de que un xuíz para a instalación dun parque con varios centos de xeradores eólicos que tiñas estudos de impacto como varios parque sillados de pouco máis de dez xeradores cada un. Paréceme moi interesante a nova, pois dalle un sopapo a quenes pretenden saltarse o impacto ambiental dicindo que son cousas pequenas, cando todos sabemos que un gran non fai graneiro, pero axuda ó compañeiro... sexa para ben ou para mal. E a ría de Ribadeo, impacto 'pequeno' tras impacto 'non tan pequeno', tras...

Pleno forzado



Onte xa puxen 'todos contra o alcalde', e hoxe a prensa póno ben claro: a oposición forza o pleno de legalización das 140 vivendas. Se o alcalde esgota os prazos legais, pode tardar aínda un mes, convocado polo segredario.
Cónstame que o alcalde vai na liña de legalización das vivendas ("a todas aquelas viviendas dos mencionados edificios, que conten cun informe favorable dos técnicos correspondentes e cumplan coa legalidade vixente", como pide a oposición), pero previo pago dos construtores polo mal feito. Alguén dubida que logo será difícil cobrar ós construtores/promotores e que o problema quedará aí para os baixocubertas, máis enquistado aínda do que está agora? pero... o expediente aínda está sen finalizar, e iso tamén o pide a oposición. Por certo, nunha foto na Voz sallo eu: a dicir que cando vin o barullo con fotógrafos e videógrafos non me apartei, pois entrego abondos máis documentos de protesta que os portavoces da oposición, e considérome un visitante asiduo do concello, con máis dunha visita semanal de media.
O urbanismo e cousas relacionadas é unha fonte de novas dende hai tempo en Ribadeo. Agora, meses despois de que o alcalde emitira varios decretos para instar a propietarios de inmuebles en estado lamentable/perigosos a atallar o seu estado, da prazos concretos para dous deles: 48 horas e unha semana. en caso contario, o concello executa e logo cobra. A notar que esas 48 horas inclúen a fin de semana... e que en xeral, as xentes que teñen as casas en estado lamentable non é porque sufran de indixencia.


Tamén se tata de competir. Tras comezar UPRi, sumáronse PSOE e PP ás charlas e consello á cidadanía sobre o PXOM. Agora vai o concello, encarnado polo BNG (pode mirarse ó revés) coas charlas que xa tiña anunciadas, e que citei nun post anterior.
As fotos representa un pouco a transición que debera darse en Ribadeo co PXOM (ogallá...) Un calexón na rúa doutor Moreda queda entre dous edificios altos, permitindo ver unha franxa do mercado. O calexón da a unhas obras, e podía aproveitarse para permitir a entrada a unha zona verde interior dende o mercado ou a peonil. Con obras pode amañarse o urbanismo (... ou rematar de destrozalo): a fonte que se está a construír no parque así o manifesta. E por último, unha imaxe que tamén é debida ó urbanismo: unha árbore en fror na rúa peonil

20080418

Todos contra o alcalde


Só unha foto. Comentarase noutro momento.

Xuntanza co alcalde


Onte tivo lugar a esperada xuntanza de membros da mesa de asociacións co alcalde. Foi ás oito, no concello. Non se pode dicir que fose moi numerosa polo número de asocións representadas, pero foi a primeira en varios anos. E un método xa caducado coa anterior administración non se improvisa, nin tan só contando co número.
O dito. Só acudimos representantes de O Cantal de Rinlo (2), Obe (1), A Atalaia (2) e O Tesón (2). Se todo sae como é debido, iráse estendendo o número, como xa foi previsto na xuntanza preparatoria.
Comecei eu tentando de facer un pequeno resume da xuntanza previa mantida no Parador, máis pequeno que o posto no blog. Despois de diversas discusións, internas entre os representantes, o alcalde tomou nota de cinco temas (os dous que orixinaron a xuntanza previa, o corte da luz e o PXOM, e de tres máis)
Os temas tratados:
A protesta polo corte de luz. A postura do alcalde foi enviar unha carta reclamando que non voltara a suceder (A carta da mesa de asociacións de protesta está aínda por enviar). Hai necesidade dunha nova subestación para subministro de Ribadeo. Esa subestación estará financiada por diversas aprtes, entre as que se atoparán BEGASA, a xunta, SEPES e o Concello, estando en negociacións aínda sobre cotas de aprticipación. A presencia de SEPES no grupo débese a que a subestación é fundamental para o novo polígono industrial, parado na súa xestación debido a non poder garantir na actualidade a potencia eléctrica necesaria. A colaboración de SEPES implica o aumento de prezo do solo no polígono.
PXOM. Admitiu que non se nos preguntara. O próximo paso en relación co movemento asociativo será unha xuntanza cos representantes que queiran enviar as asociacións, prevista en principio para o día 29 ás 17:30, con asistencia de presoal representativo de EPTISA, empresa redactora do plan. Esta xuntanza contémplase como unha das tres reunións grandes no auditorio, estando as outras dúas adicadas ó rural (o mesmo día, 20:00h) e ó núcleo urbano (día 6, 20:00h). A lembrar que está previsto algunha xuntanza de discusión por parte de asociacións.
Accesibilidade. Hai un proxecto da adoptado, con fondos do Plan de Dinamización Turística, ó que lle faltan detalles para a súa licitación, que estánse es espera de solventar, espera relacionada co sobretraballo que ten esta tempada o arquitecto municipal, algo que tamén está retrasando a concesión de licenzas de ocupación e apertura.
Depuradora. O tramo Rinlo-Ribadeo ten xa repisado e está comunicado para que non se reciba a obra mentras que non se amañe. Xa houbo contactos para a compra de terreos da depuradora, pegada á actual, nos que tras un primeiro momento no que parecía que estaba solucionado, houbo retrocesos e irase á expropiación, estando á espera de consignar cartos para realizala. A nova depuradora contará cos tres ciclos de tratamento (a actual ten só un), que irán nunha superficie aproximada duns 20.000m2.
Galpón do porto. Polo momento, aínda que o alcalde sabe do tema, non hai unha proposta en firme sobre da mesa. Ten recibido unha carta da Plataforma para a Defensa da Ría para abrir un debate (o que motivou a súa inclusión na orde do día), pero estima que non debe facelo sen ter papeis: facelo doutro xeito sería comer el o marrón do malo que houbera sen poder asegurar unha alternativa.
O alcalde, a proposta do Tesón (seguindo o que era común na anterior época da Mesa de asociacións de realizar unha nota de prensa) comprométese a enviar á prensa un naota informativa da xuntanza.
Tiña algún tema máis que tratar (mesmo citado, como a situación actual da traída de augas a traverso dunha tubería de fibrocemento e sen capacidade efectiva de almacenamento en relación co consumo actual nos depósitos dos que se dispón), pero coido que xa foron abondos. Outra vez será, tendo en conta que esperamos voltar a xuntarnos co alcalde en catro meses, cada catro meses, a non ser cuestións estraordinarias. Así quedamos: a convocatoria faráa o alcalde, estendida ás asociacións de veciños máis a asociación COGAMI, que comunicou a Soledad Rodríguez, participante na xuntanza previa, que estaba interesada no tema. Será feita a convocatoria cunha antelación ós plenos e con antelación tamén para que a alcaldía poda estar prevenida dos temas que convén tratar por parte das asociacións, que deberán ter unha xuntanza previa para acordalos.
Hora e cuarto de xuntanza deu para moitas cousas, se ben cabería apuntar que despois dun inicio no que parecía que a xntanza non ía co alcalde, este deu mostras dun bo manexo da situación, pero non se logrou pasar da información á discusión. Quizáis era moito pedir para unha primeira xuntanza en anos.
Aquí, outra versión.

20080417

Elixir colexio libremente favorece a eficiencia educativa e económica

O título corresponde a un artigo, lido por min o mesmo día que coñecín asemade os entresixos da nova estrutura dos centros de ensino medio en Ribadeo, algo que parecería ir en contra da liña marcada no título. En resume:
Desaparecen os IES Porta da Auga e Dionisio Gamallo.
Créase un novo IES, único en Ribadeo, técnicamente, 'integración' dos dous anteriores.
Ocupará os espazo do actual Gamallo, xunto cun novo edificio a construír o próximo ano nos terreos dos actuais talleres. A redacción do proxecto xa está en marcha, e, se se seguen os prazos (redactado para o verán, comezo das obras no outono), estaría disposto para que o curso 2009/2010 comezara a funcionar o novo centro.
O novo centro asumirá o profesorado actual de ambos centros (personal con destino definitivo), dando oportunidade para que se poda desprazar xente interesada en facelo (pechada a entrada, aberta a saída). O catálogo de prazas do novo conxunto será presentado próximamente. O personal non docente do IES Porta da Auga pasará o CIFP. O proceso será guiado polo Decreto 140/2006, DOG de 1/9/2006, esperando que a plantilla se estabilice sen desprazamentos forzosos, e aproveitando as xubilacións, aló polo 2015.
Terá unha soa direción, cesando as dúas anteriores. (Nos centros novos, a direción é nomeada 'de arriba' de xeito provisional para poñer en marcha o centro)
Aglutinará o material didáctico dos centros previos.
Suporá unha optimización de recursos, xa de entrada un aforro en cartos e unha solución á falta de espazo no CIFP Porta da Auga, atenazado entre un edificio a medio construír sen licenza e outro a medio construír por empresa en suspensión de pagos.
O CIFP faráse cargo dos ciclos formativos do IES Porta da Auga (Administrativo) e IES Gamallo Fierros (Infantil), podendo crearse algún máis. O CIFP seguirá a ser o único 'centro integrado' da provincia.
Mentras, o novo IES de Ribadeo aglutinará toda a ESO do ensino público en Ribadeo e os bacharelatos (seguirá a contradición de apostar pola 'optimización' e manter un centro concertado). Terá 3 liñas de ESO (3 grupos por curso).
Espérase que, ó ser un centro dun certo tamaño, teña todas as optativas posibles despois da reforma, así como que poda acceder a programas que necesitan un mínimo de estudantes para poñerse en marcha, como as aulas europeas.
Lóxicamente, haberá necesidade dunha adaptación mutua entre plantillas, por exemplo, pero en xeral xa hai un certo coñecemento previo entre departamentos análogos dos dous IES. Non hai un protocolo de actuación (a Xunta non o ten) para estes casos.
Parece unha cousa lóxica, que xa comentei que fora suxerida polo Instituto Porta da Auga aló polo ano 1993 (e rexeitada polo por aquel entón Instituto Rodríguez de Valcarcel), se ben dende aquel momento opino que se tomaron diversas solucións erráticas e desencamiñadas, con perda de tempo, cartos, recursos e paciencia, a parte de rendemento educativo. Pola contra, parecería lóxico que, aínda que se dera un cambio político, se manteña a decisión actual por diversas razóns.
De calquera xeito, non houbo consulta ós implicados nin comunicación informativa ata ter tomada a decisión ó detalle por aprte da administración.

20080416

Movida

Despois da visita a Lugo onte das direccións completas dos dous IES de Ribadeo, o Porta da Auga e o Dionisio Gamallo, hai espectación sobre que o que pasou (e, sobre todo, o que pasará). É a primeira volta que lembre alomenos dende o ano 1982 na que se presentan en Lugo as direccións completas de dous centros educativos públicos de Ribadeo. As noticias pertinentes saberanse pronto, pois hoxe os dous centros teñen convocado reunións onde a dirección comunicará informes. Algo tamén inusualmente rápido, se temos en conta de que os claustros hai que convocalos por escrito e cun periodo mínimo de tempo.
Mentras, en Ribadeo estamos aínda coa resaca da división do CEI Porta da Auga (que pasou por Centro de FP de 1º grao, Centro de FP de 1º e 2º grao, IFP, IES e CIFP), en IES Porta da Auga (estudos de ESO, Bacharelato e FP Administrativa) e CIFP Porta da Auga (estudos de FP de Automocón, Construcción e Electricidade), nun espazo que xa antes era limitante para un só centro educativo. Asemade, aínda que o PXOM non o recoñeza, hai un edificio parado por razóns de licenza e outro comezado a construír e tamén parado por razóns empresariais, e o pretendido muro entre os dous novos centros aínda non comezou a construírse. Asemade, aí está xa para o próximo curso a reforma do bacharelato, que comezará no 2008/2009 co 1º para finalizar o curso seguinte completando o ciclo bienal. E, en canto a reformas, tampouco está de máis citar que a Escola Oficial de Idiomas, EOI, xa comezou este curso a notar unha reforma que non permite ós alumnos de inglés como primeira lingua estranxeira na ESO estar matriculados de inglés na EOI, desbaratando unha duplicidade que en moitos casos era sinxelamente unha complementareidade da que se beneficiarán os centros de ensino privado de inglés (en Ribadeo non hai alumnos que en medias teñan como primeira lingua estranxeira outro idioma).
Por outra banda, o actual IES Dionisio Gamallo Fierros só pasou de Instituto de Ribadeo a Instituto Laboral, Instituto e a IES, cambiando mentras o nome de 'Rodríguez de Valcárcel' polo actual, sen transicion que eu lembre sen nome.
En total, moitos cambios enpouco tempo, tendo ademáis que ter en vista que o Porta da Auga acolleu a reforma como experimental, que variou de ensinanzas diversas ó longo do tempo (por exemplo, a década pasada perdeu FP de Sanitaria a pesares de ser apreciada e ter cantidade de alumnado), e que hai quince anos iniciou un movemento para tentar unir os dous centros de medias da localidade de entón, algo ó que o outro centro se opuxo.
En fin, a nova está servida hoxe.

20080415

Web

Hai xa varias semanas que no blog adiantaba que posiblemente teriamos unha renovación, totalmente necesaria, da web do concello. Hoxe sae na prensa un adianto da súa estrutura, na que haberá información, promoción e colaboración. No de información non entendo moi ben se irá tamén toda a xestión que hoxe pode dar de si unha páxina web dunha administración, pero coido que así debera ser. E a de colaboración, de entender ben, será unha ferramenta básica de desenvolvemento do concello no futuro, canalizando parte das opinións e contribucións veciñais dun xeito máis áxil, menos mediatizado polo clientelismo, gardando máis a historia e a difuxión desas contribucións, etc. De tódolos xeitos, e pola miña experiencia de varios anos de uso de internet como medio de comunicación e cooperación cos meus alumnos, a cousa necesitará unha pequena rodaxe e seguirá a manter diferencias de comunicación entre o rural e a vila mentras non se normalice a situación do internet rural (algo que, por outra banda, se está tentando paliar por medio do funcionamento de internet nas ex-escolas rurais).
Referente ó eido tecnolóxico, onte atopeime en Ribadeo nas antípodas, cun sentemento que, se ben me atopara antes, non sentira con tanta intensidade. Trátase de algo ó que a tecnoloxía polo momento élle accesorio, trátase do ambiente agobiante que unha vila aínda non moi grande pode ter sobre algúns veciños. Non é cuestión de ter poucos actos culturais (o nivel de Ribadeo en actos culturais en relación á poboación que ten coido que é moi bo) ou en xeral, 'cousas que facer' (sempre hai un montón). Non, trátase da relación entre persoas que observei en diversos medios e da que quero dar nota pero tampouco concreto polo momento nun estudo. A sociedade ribadense é moitas veces a dunha pequena aldea que se estende moito máis aló, pero que hai preguiza, ou medo, ou envidia autolimitante, (entre algunhas posibilidades) para chegar a ela, e polo tanto, é como se non existira. Son consciente de que non o estou a contar moi ben, polo que haberá que voltar sobre elo noutro momento con máis tempo para contribuír tanto a un profundizamento sociolóxico de Ribadeo como sobre todo, a poñer patente a necesidade dun cambio de ambiente nalgúns aspectos do día a día ribadense.
... E saíu o medio ambiente non só na liña a nterior, senón no novo ministerio de agricultura de medio ambiente. O orden de alusión non prognostica moito bo para a independencia da xestión do medio en relación co interese económico doutras actividades. Pero non tería dito nada se hoxe mesmo non tivera visto nos medios un titular que conecta de xeito lateral coa xestión do entorno por parte dun ente público, contribuíndo a facelo menos público (o entorno, que o ente xa sabemos por experiencia que ten pouco de público e transparente), que me chamou a atención e que me resisto a ver tal cual e non unha esaxeración: "Portos autorizará un párking en el puerto de Burela si una empresa lo gestiona". É dicir, se hai unha xestión poñamos, por parte do municipio, entón, xa non vale? No interior da nova tampouco da moitos apoios para interpretar outra cousa.

20080414

Falando


Vexo na prensa un titular: Marrocos plantéxase baixar o volumen dos muecíns por ser perxudicial para o turismo. Nótase que aquí somos 'máis civilizados': aproveitamos as procesións para o turismo e deixamos que os bispos cada vez falen máis alto.
Non era deso do que ía falar en principio, polo que cambio de tema. Antonte estiven falando cun amigo sobre o estudo encargado á Universidade de Santiago sobre as necesidades de persoal do Concello de Ribadeo. Para centrar a situación ós despistados, dicir que o alcalde ten encargado dito estudo e a nova negociación colectiva está á espera do resultado. Mentras, xa recibiu críticas do ex alcalde por estarse a retrasar na nova negociación. A lembrar que a volta pasada (no mandato pasado) que se produxo a negociación, un dos resultados foi o comezo de varios casos xudiciais. Visto o visto, non parece en absoluto mala idea facer un encargo externo para analizar a situación. Ata aí, estabamos de acordo. No que diferiamos era nas consecuencias prácticas. E é que un ditame técnico como o encargado é eso, técnico, e quen vai ordenar na práctica son os políticos. Por suposto, sempre é un arma a empregar para quen o coñece, e ó ser unha orientación para quen decide, supónse que será beneficioso. É dicir, é algo así como unha condición necesaria, pero non abonda. De calquera xeito, tamén pode levar a encarrilar de novo algo esquecido moitas veces nos concellos: o empregador é o pobo, e os postos deben axeitarse á demanda dos clientes, que tamén son o pobo, que é asemade quen paga. Todo, aínda que quen decida sexa o alcalde. Así as cousas, que pense o lector que variaría no organigrama de postos de traballo do concello: ó mellor era cousa de pasarllo á Universidade de Santiago como un xeito de participación popular no goberno, e mesmo un xeito suplementario de asegurarse os estudosos da universidade de que o que están a facer responde á realidade.

20080413

107 dálmatas

Onte á noite 7 persoas no escenario do Hernán Naval fixeron música para elas e as cen (pode que algunha máis) que enchiamos o salón de butacas, unha música variada que chegou ó tamén variado público que se achegou. Moondogs blues party viñan avalados por certos éxitos; coido que en Ribadeo colleitaron outro. O seu futuro depende non só da súa música, senón doutras cousas como a posta en escea (na que coido que tamén estiveron ben en Ribadeo) e a mercadotecnia. Neste último sentido, agradécese un disco barato, pero pode que iso vaia contra as reglas coas que os técnicos procuran 'posicionar una marca' no mercado. Por certo que hai corenta anos os de Liverpool cando aínda non eran famosos, como facían as actuacións?

20080412

98 euros


Ese será o prezo das fins de semana subvencionadas en Ribadeo, viaxe en Feve incluído. O concello, de novo favorecendo á hostalería ribadense. Como debe ser.
Pero, postos a favorecer, tamén debería lembrar de favorecer á xente que se ve afectada por parte desa hostalería, esixindo dunha volta que cumpra a lei. E ten unhas cantas que cumprir, dende ruído a horarios, pasando por condicións de seguridade, cousas todas polas que sucesivos alcaldes teñen feito a vista gorda, aumentando aínda as licenzas, co engorde dos hostaleiros afectados, extensión das malas actitudes a outros hostaleiros que ven que non pasa nada e por que eles non se van aproveitar tamén, etc.
Despois doutra noite afectada polo ruído (de venres, con menos vixiancia que os sábados, eso tamén o sabe o alcalde), outros temas.
Por moito menos dos 98 euros, esta noite haberá actuación no auditorio Hernán Naval. Adxunto o díptico. E reenvío ó blog 'Lonxe do mar' (por certo, título de obra de Hernán Naval) para máis información
E onte, tamén no Hernán Naval, houbo un ensaio do concerto didáctico que terá lugar luns no mesmo sitio para ilustrar sobre a música de orquestra ós alumnos do Gregorio Sanz (coido que é o único colexio que participa escoitando). Uns 375 escoitadores e uns 75 tocadores (estes si, de todos os centros educativos de Ribadeo e de algún de fóra) terán unha función ilustrativa que gustaría a quen se achegara case con seguridade. O malo é que o 'auditorio de playmóbil' (Hernán Naval dixit) vai ver sobrepasada a súa capacidade só cos escolares, polo que é previsible que, aínda que algúns se podan acomodar 2x1, non quede moito sitio dispoñible. Polo menos, queda a cousa de que hai xa un par de semanas se amañou á entrada na azotea do Hernán Naval a porta que conducía ó espazo de caldeiras e demáis, e só hai hoxe un toldo sobre o tellado adxunto (terá goteiras?)
Collo un libro que tiña apartado para citar antes de retiralo de xeito definitivo e efectivamente cito algunha frase solta:
'Quenes non len bós libros non teñen ventaxa sobre quenes non poden ler'
'Ninguén fixera o esforzo de sentarse con estas persoas e axudarlles a trazar un plan'
'A verdadeira pobreza é a pobreza de oportunidades'
'Calquera cousa que vostedes fagan, sentiránse mellor consigo mesmos e coa vida se a fan ben'
O libro? "El gerente de sueños", de Matthew Kelly. Nada excepcional, pero se fai pensar para mellorar... As citas son só catro frases, coido que ningunha dificultosa, e cunha fin de semana por diante, poden quedar así, sen comentario.

20080411

Novas curiosas: addenda






Despois de Novas curiosas, queda a aprte prometida: fotos e medidas.
Segundo as miñas medidas, cando se faga a outra beirarúa (só ten unha), a rúa entre xardín e Avda. de Galicia terá un máximo duns 7 m, e non 12 como está no plano e foto adxuntada na entrada anterior. Por outra banda, as fotos non minten: está claro o 'remache' da estrada na zona de derrumbe da avda. de Galicia, e a zona verde é máis ben gris, a máis das meidas citadas antes. Complemento tamén cunha foto do edificio parado por cuestións contractuais (non de urbanismo) no pedazo de PXOM comentado onte.

Novas curiosas


Onte choveu, pero menos. Con elo conseguiuse que a nova non fora a auga, senón a visita de autoridades en relación coa cantidade de auga caída días anteriores...
O Principado esa a difundir o da reserva da biosfera, a xunta a ignoralo. Mentras, o do nome parece que segue ans mesmas, con ou sen ditame da Comisión de Nomes do Instituo Xeográfico. E unha cousa é difundir e outra aplicar e facer valer...
Adheríronse só sete concellos ó programa de absentismo escolar, taxado no 2%. Non sei a que se lle chamará absentismo, pero podo asegurar que se defino absentismo a partir daqueles alumnos que faltan máis do 10% das horas sen causa xustificada, vexo un absentismo polo menos doble. E coido que non é demasiado grande en relación con outros lugares.
A Mancomunidade esmorece: os concellos deciden independizarse uns doutros como nos reinos de Taifas, nos que a coordinación deixaba que desexar... Aí están os pagos á mesma Mancomunidade ou o tirar para adiante do parque de bombeiros para dar algún exemplo.
En Viveiro chaman ós veciños a participar na comisión de seguemento do PXOM mentras en Ribadeo se insiste que o proceso seguido foi modélico e se están a fixar nel. Pero... aqui non sei de ningunha comisión semellante con participación de veciños, sindicatos, ... si houbo algunha xuntanza con empresarios, que tamén participan en Viveiro.
O PSOE volta á carga para tentar enrarecer o clima político. O meu ver quere facer algo daquelo que se interpreta como 'a río revolto, ganancia de pescadores', e que se está a ver como 'tarde piaches'. Os temas? O pacto e a balaustrada da aduana vella.
O plano de hoxe, para ver algunha zona verde. A clasificació da zona de O Xardín de sela / Parque de Indianos é a mesma que do pequeno retazo verde que aparece na zona inferior, e que corresponde á baixada ó garaxe o establecemento comercial que hai no edificio, que por certo, ten asignadas sete alturas e foi o causante do pegote que coido lembrar que se segue a ver na calzada despois do derrumbe da mesma. A anchura de 12 m que aparece no vial que estivo cerrado varios anos por mor da mesma obra, quen a mediría? atoparase de fronte coa baixada ó aparcamento. Ou é que non existe legalmente? A ver se comprobo todo iso hoxe ó pasar...

20080410

... e chove


Hoxe volta a ser nova a choiva. Inundacións e ... os Grumir actuando, eses que Ribadeo tiña e quedaron reducidos, repartidos por outros concellos limítrofes, e aínda así, diminuídos. Medran as novas relacionadas co 'mal tempo' por riba das críticas do PSOE en relación a que non se atende a súa proposta de alianza, botadas de lado ó insinuar que o alcalde ten falado coa policía municipal no sentido de que non culpe ós coches mal aparcados (a lembrar o que pasou no seu momento, con alcaldía do PSOE, cunha forte presión sobre as multas que se 'descomprimiu' tal como chegou). E xa non digamos, medran as novas do temporal sobre outras menores como a composición da nova diretiva da ACIA (provisional por dous anos, segundo dí Gervasio Cao), o próximo fin do plan LEADER ou o resultado da Olimpíada matemática convocada polo IES Porta da Auga. De calquera xeito, de forma colateral, o tempo fai xurdir non só novas diversas de inundacións e cousas polo estilo, senón tamén críticas onde se misturan cousas tan diversas como que agora a autovía non deixa desaugue abondo ou que os ríos están sen limpar. É dicir, queixas sobre infrastruturas como esas que deben ser previstas no PXOM. PXOM que por certo, a falta de tempo para un estudo en profundidade, ségueme a sorprender: adxunto unha vista do plano 1007 do núcleo urbano de Ribadeo. Nel non vexo de xeito adecuado dúas construccións agora mesmo paradas no CIFP Porta da Auga: unha non aparece (e non está parada por cuestóns de urbanismo, que eu saiba), e a outra si está, pero resulta que está parada por cuestións de urbanismo... (algo que se non se soluciona terá secuelas en certo xeito parellas ó das cumbreiras) nin o camiño que conduce dende a piscina ó polideportivo semipúblico do IES Porta da Auga. Nin a 'U' (coido que agora se lles chama algo así como 'skate parking') á beira do vello polideportivo.

20080409

Chove, chove, chove ... e chove


Ese é o resultado de agora mesmo desta noite, onte, a noite de onte, ... sería iso o que fixo que pasara cáseque desapercibido o día da árbore este ano? Albíscase unha nova fronte de conflitos en relación co medio ambiente. E non me estou a referir no recente caso de Mahía contra o concello de Ribadeo pola urbanización do Costal, nin co contencioso de Viveiro Aja/Roel/Caride, ou outros moitos casos urbanístico, senón dunha polémica achegada por outra banda, polos Oscos, onde se vaia construír un parqe eólico en procura de cartos (en Villanueva) en contra dun pacto para non aceptar eólicos que defende Santalla. E voltamos á conta da vella: dous modelos de desenvolvemento diferentes que se enfrontan, un de desenvolvemento turístico, netamente terciario. Outro, que quere combinar turismo con algo máis ó non dar potenciado a primeira vía de xeito adecuado (...algo que é subxectivo). Mentres, o PXOM de Ribadeo segue sen identificar o modelo de desenvolvemento que se pretende para o concello, algo que se pediu alomenos polo Tesón no seu momento. Algo tamén difícil para poñer de acordo á xente, pero que evitaría moitas incongruencias ó poñer en claro os criterios básicos (non só os legais, que ademáis clarificaría) de ordenación.
Non creo que o anterior teña algo que ver coa proposta de onte dun pacto por parte do PSOE ó BNG, no que, din, non entraría o soldo de Balbino. Sorprendeume a proposta, pois aparentemente a cousa vai ben sen pactos de goberno entre ambas formacións, que máis ben están máis enfrontadas últimamente que outras parellas que pode formar o BNG.
Por certo que lembrando a dous dos extras de 'Os mortos van ás présas', na rodaxe van realmente ás presas, pois xa só quedan segundo din os xornais tres días.
Mentras, cambiando de tema, achéganse tamén outro tipo de preocupacións ambientais, da man das vacas tolas, que están máis unidas do que parece ás outras que algúns tildan só de 'estéticas', cando són máis ben éticas e de sostenibilidade.
A foto, típica duna parte do porto deportivo en marea baixa, con unha das casas rodantes tamén case típicas na zona.

20080408

Begasa, galego e estrutura

Onte participei no debate de Onda Cero na Mariña. Había máis temas, pero quedámonos parados no do corte de luz. Comezamos por sentimento e opinión, e logo pasamos a unha parte máis técnica, na que entraron non só a infrastrutura (non só deficiente, senón tamén pequena xa en Ribadeo), senón a legalidade (a distribución de responsabilidade en produtores, transportadores e subministradores deixa desorientados ós consumidores para reclamar) e a observación de indefensión cidadá (se o alcalde, representante popular, emite unha queixa máis que unha protesta, que lle queda ó cidadán de a pé?). Unha frase miña desta segunda parte, 'Un ten dereito se ten man esquerda', pode ilustrar os derroteiros que tomou a discusión.
O caso é que, horas máis tarde, atópome unha letura de Xosé Manuel Sarille que me lembra o tema da estruturación social en Galicia dende outro tema, o da normalización lingüística (no seu libro 'A impostura e a desorientación na normalización lingüística'). Máis ben, a desestruturación social, o clientelismo asociativo, e un certo esquecer o pasado, esquecer quen somos, en aras dun futuro que non sabemos onde está nin se imos cara el (atención, non o digo en plan nacionalista, senón persoa). Sarille non o di exactamente así, mentras pinta un panorama no que espera que o galego caia en pouco tempo, cousa dunha xeración, ata un uso de entre o 10-15% da poboación. Non hai espazo nin tempo para meterme aquí a comentar o libro enteiro, pero si cito algunha frase, todas dun mesmo parágrafo, que me fixo facer a conexión entre a resposta a Begasa e o tratamento que di Sarille do galego, amén de en relación con outros temas que saen máis a miúdo no blog:
'Hai capacidade económica, pero as secuelas do atraso permanecen enquistadas na deficiente estruturación da sociedade galega'... 'Ademais a pouca conciencia do que significan a lei e as normas é un verdadeiro atranco'...'Estes son os principais problemas (...) despois da falta de compromiso (...)'.

20080407

Un descanso en Ribadeo


Onte domingo véume de novo a lembranza da rodaxe da película 'Os mortos van ás présas', pola que levan pasado alcalde, ex-alcalde (ambos de curas), pícaros de Ribadeo (non só de Rinlo) como monaguillos, a banda (parte dela), etc. Por? Resulta que lendo a prensa entereime de que martes pasado foi o día mundial da diversión no traballo. Ise día precisamente foi a inauguración da XIV Feira da Ciencia e Tecnoloxía, que non é exactamente unha diversión, pero contribúe a facer agradable un esforzo extra no meu traballo, achegándome ó sentido da cita 'un traballo que non dá alicerces para pasar un rato divertido remata por converterse nunha escravitude'.
Voltando ó tema da película, está claro que os dous munícipes tentan aplicar varias citas do artigo reseñado, para gañar creatividade, reducir estrés e ansiedade, eliminar enerxía negativa, etc. De pronto, é certo que na actualidade o estrés da cidadanía ribadense é menor que no pasado mandato, ó ver ós políticos menos crispados. E iso tamén conta positivamente como labor de mandatario, o contribuír á felicidade dos mandados...
A foto, unha vista de onte, recollendo por baixo da Ponte dos Santos en obras o relax de moitos pescadores na ría de Ribadeo exercendo dende os seus botes na zona das carrallas: en marea baixa, as múltiples rochas deben misturar as augas e facer a zona apetecible para comer os peixes, e para comer ós peixes.

20080406

Unha interpretación da xuntanza da mesa de asociacións

A nota que poño básicamente foi redactada por Soledad Rodríguez, (aquí, a versión 'orixinal')
Ás 20 horas do 5 de abril, foi convocada pola AVV O Tesón unha xuntanza da Mesa de Asociacións no Parador de Turismo de Ribadeo.
Estaban presentes O Teson, a Plataforma pola Defensa da Ría, a AVV de Vilaselán, a AVV de Ove, a AVV de Rinlo e a AVV Atalaia.
Actualizáronse os dados de contacto dos distintos representantes.
Comezou o representante de O Tesón explicando os motivos polos que se convocaba agora a Mesa e explicando un pouco da súa historia recente.
Un dos motivos da convocatoria foi o corte de luz que sufriu Ribadeo fai uns días, o que motivou unha queixa do Alcalde a BEGASA.
Despois de barallar varias posibilidades, da recollida de firmas, a unha manifestación, quédase en que un dos representantes da Plataforma pola Defensa da Ría redactará unha carta de protesta que asinaremos as Asociacións presentes e intentarase que sexa asinada por outras, que estando convocadas non se presentaron. A carta dirixirase ao Concello, ao Instituto Galego de Consumo, á Consellería de Industria, ó Ministerio e daráse a coñecer á prensa.
Pola Atalaia pídese que á próxima reunión sexa convocada a Asociación Mariña-COGAMI.
Pola Atalaia pídese tratar o tema da accesibilidade. Que se están reconstruíndo varias rúas e que entendemos estase facendo con subvención por este motivo. Que se construirá un ascensor para permitir a diversofuncionales un acceso que agora lles é negado ás oficinas sitas na casa Consistorial . Que as recentes obras fronte ao Concello han eliminado zona de aparcamentos reservada a persoas con minusvalía e as ramplas que permitian pasar ao Centro de Servizos Sociais, é dicir eliminouse a accesibilidade da zona. Como se pretende chegar ao ascensor cando se constrúa? Como chegar á oficina da Mariña-COGAMI? AO Centro de Servizos Sociais? Urxe buscar solución inmediata.
Quédase en pedir cita ao Alcalde para Mesa de Asociacións. Encargarase dese tema O Tesón
Xa que acaba de comezar o período de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Ribadeo, trátase deste instrumento de vital importancia para o futuro da vila, sendo citado que o Concello informa en vez de deliberar.
O Tesón sacará escritos sobre o tema e que non se tiveron en conta as súas alegacións ao Plan.
Estase de acordo en organizar unha Mesa Redonda para debater o tema e definir o Ribadeo que queremos. Na Mesa Redonda participarian un construtor, un arquitecto, un representante do Concello, un das Asociacións e un moderador, podendo facelo tamén un quinto compoñente máis, a determinar.
Tamén se fala de crear un grupo de traballo que se reunirá por vez primeira o próximo mércores as 8 da tarde en Ove. Atalaia, en principio, declina asistir.
Pola Atalaia sácase o tema da limpeza dos contedores. Que consideramos que nos que se adoita botar lixo orgánica deberían ser adxudicados directamente aos veciños implicados: bares, restaurantes, supermercados, concesionarios praza abastos e que se encargasen da súa limpeza directa xa que son fonte de malos cheiros.
Contéstase que non é posible facelo asi xa que a limpeza corresponde ao Concello, outra cousa son as sancións que se poidan impoñer.
Un dos representantes de Atalaia encargarase de facer un resumo do tratado e de envialo aos demais participantes.
Péchase a reunión ás 21:30 horas da tarde.

Ribadeo diverso





Comezo a escribir xa ó mediodía baixo unha música amplificada na rúa, moi concurrida, polo que entendo permitida polo concello, despois dunha noite típica de sábado, tamén con música amplificada de fondo, quizáis con máis boureo que outras noites semellantes, a conta de locais tamén permitidos polo concello, neste caso en particular destacando La Noche despois das cinco da mañá.
Onte pola tarde, por casualidade, vin parte do percorrido en caiac de mar, saíndo dende os Bloques. Déume unha impresión positiva que non sei transmitir moi ben nunha entrada coma esta.
Esta mañá atopeime xa coas motos dunha concentración aparcadas á beira do parque, diante dun dos locais típicos dos moteiros, o Breogán.
E, no medio, onte tivo lugar a xuntanza da Mesa de asociacións. 6 asociacións achegáronse ó Parador para falar en primeiro lugar dos apagóns de Begasa. Ó final non haberá, alomenos de momento, manifestación, senón protesta escrita diante de diversos organismos e institucións. Se se repite, está previsto que a resposta sexa outra. E, respecto ó PXOM, artellouse algunha idea como a constitución dun grupo de traballo e a realización dunha mesa redonda. Espérase ter unha xuntanza co alcalde próximamente, previa petición escrita. En resume, lento pero seguro.
E, para rematar, fotos da ría, hoxe, en marea baixa, cos tesóns estendéndose e concectando uns cos outros. Este conxunto de fotos están tomadas dendo o parque do mineral.

20080405

De O Tesón e máis


Dende o Tesón estamos a impulsar algún tipo de protesta polos cortes de luz, e ise é o motivo primeiro de convocar a xuntanza da Mesa de Asociacións que terá lugar ista tarde. Como outro tema que a bo seguro se tocará, está o PXOM, xa en prazo de alegación.
Ó que a case seguro non se aludirá será ós comentarios de Balbino P.Vacas sobre a parálise, ó su ver, do goberno municipal. Algo que segundo as súas verbas aprece contrastar coa descabezada actividade do goberno anterior, que el presidía.
Non embargantes, parece que algo si se move: no pouco conflitivo lixo, depositado por algúns fóra do contedor adecuado, aplicáronse as primeiras multas das moitas que habería que poñer. Pola prensa, parece que os culpables ós que se lle puxeron multas son veciños e non locais comerciais/hostaleiros. Se foi así, non debería de verse compensado o tema con multas asemade a algúns locais, ós que mesmo ten aludido o concelleiro de Medio Ambiente nos xornais. E compensado tamén noutros temas denunciados ata a saciedade e que parece dispostos a alimentar a corrupción municipal.
Estase a preparar pola concellería de Cultura unha homenaxe a Ana Ferradás, algo que tamén se comentou no Tesón e ó que se une a asociación.
... por certo, alguén ve rastros do pretendido paseo pola beira litoral dende Bloques ás Aceas? Aí está o plano para consultar...

20080404

Programación cultural do concello de Ribadeo para o segundo semestre do ano




Un pouco de cultura


Está avisada para esta fin de semana a Exposición Terras do Miño, reserva da Biosfera, na OMIC. O paseo da Paco Lanza en Fazouro dende o Castro de Fazouro ata o Castro dos Condes de Fontao. Ubú Rei, representado o domingo ás 20:30 no Hernán Naval. E o traslado da proxección de curtos en Tattoo de venres a sábado (probablemente signifique un trasvase de jaleo dun día no que se nota a outro no que quedará difuminado)
Hoxe remata tamén a XIV Feira da Ciencia e Tecnoloxía, exponente doutro tipo de cultura, a científica, despois de que pasen por ela do orden de 1000 persoas. A galería de fotos correspondente calculo que estará disposta na súa totalidade despois da fin de semana.
E cultura doutra natureza de historia, ou máis local, tamén é o resultado do interese por cousas como a xénese do nome da ría, cun documento da Comisión de Nomes Xeográficos que esperemos que as autoridades subministren (ou direitamente a Comisión).
Cultura tamén chamaría eu ó coñecemento do plantexamento da nave que se di a facer sobre Mirasol para facilitar a carga de papel. Algo que despois de ser comentado, segue a parecer secreto. Vamos, que ¿existe a pretensión pero non existe un proxecto? Coido que é cousa de falar claro ó pobo de Ribadeo. Os ribadenses xa temos experiencia de que Portos non clarifica as cousas ata que ten todo ben atado. E, non noso caso, iso significa invariablemente un ataque á ría perpetrado coa excusa logo incumprida de novos postos de traballo. Non fai falta bucear moito nos arquivos de hemeroteca para comprobalo.
E, afectando ó concello, tamén significa cultura ver o desenvolvemento do plan, botarlle unha ollada e poder descubrir en que se repite cos anteriores plantexados, cousas que parece indicar que a empresa, sempre a mesma, cobra unha e outra volta por modificacións insuficientes nun plantexamento sen visión de conxunto. Difícil va ser a aprobación final, o que redundaría nunha nova merma para Ribadeo. Unha pregunta: alguén me podería indicar de que serviría a ampliación do peirao comercial cara ós Bloques que está plantexada na folla 1014 do PXOM e que se inclúe como gráfico aquí?

20080403

Pistoletazo de saída para o PXOM


Xa, xa dende onte se poden presentar alegacións en prazo para o PXOM despois da publicación nos medios oficiais. Tamén xa está prevista a distribución de charlas polas parroquias. E funcionando a atención na oficina vella de turismo (previa cita). E as asociacións citadas para sumarse á participación a traverso da Mesa de asociacións. O movemento está en marcha. O resultado final depende del, da participación dos veciños. Evidentemente, non só, pero polo demáis, o plan xa está aí.
E enterámonos de que Barras voltou facer das súas, esta volta en Vilalba, con outra avaría grave, pero de abondo menos tempo que a da semana pasada en Ribadeo. aínda así, naquel caso, o alcalde aludiu na prensa a que estaba disposto a canalizar queixas dos veciños, algo que aquí pode chocar despois dos múltiples cortes desta tempada.
Pero aquí os veciños vemos en troques como os aprtidos adícanse a rifirrafes como os do xulgado (onte, outra volta de rosca, que xa non comento)
E, despois de escoitalo na radio, agora aarece na prensa que se disporá dun sistema de recollida de vidro para os hostalerios. Non comprendo moi ben por que se os veciños levamos separando vidro uns cantos anos os hostaleiros, con producción moito maior e menos variada non o fan tamén, aínda que comprendo en parte: tampouco todos os veciños o fan. En fin, o caso é que o sistema inclúe depósitos provisionais con rodas nos locais, cando hai madrugadas que nalgúns locais non creo que chegue un depósito. E precisamente para iso está unha enquisa previa, para o cálculo de vidro xerado. Ben, despois deste sistema, a cousa está en que se falla, pensarase en recoller porta a porta dos locais, o que é unha tentación pois supón menos traballo para os hostaleiros (creo), aínda que haxa que estar co lixo disposto á hora especificada: pódese deixar á porta.
A foto, dunha árbore en flor co cine teatro ó fondo.