20081130

Ribadeo, mundo adiante

Atópome con esta entrada adicada a Ribadeo no blog do 'El Ángel de Olavide'. Un refresco dun amigo para o Ribadeo de verán.

Pingar da auga dos tellados, bramar do mar alonxado


Son as dúas músicas básicas que constitúen a sinfonía deste domingo, abondo máis acordes co esprito que o tam-tam dos garitos de noite e os berros que continúan moitas das aperturas de portas.
Onte foi o concerto de Santa Cilla da BMMR no Hernán Naval. Deixo para outro momento a lista de músicos que leva o programa (que xa está no blog) e comento que Brasiliana, a última, foi como bis, despois do aplauso máis longo recibido pola formación para forzar esa derradeira interpretación. E é que a noite non deixou que as mans arrefriaran: ó agradecemento por cada obra sumouse a presentación dos novos músicos, recibidos do mesmo xeito, cun agasallo dunha clave de sol. Claro que quizais o segundo aplauso máis importante foi o adicado cando o director brindou unha obra ó público incondicional e ós seus pais, presentes. Asemade, tamén recibiu un agasallo o presidente da anterior directiva en nome de toda ela, e, aínda que non se dixo, todos os músicos anteriores, que non recibiran agasallo ó seren presentados, tiñan xa a mesma clave de sol na solapa ó sentárenser a tocar. Xunto cos aplausos, acompañaron á música os flashes de Miguel, que na semipenumbra do patio de butacas deixan a un unha e outra vez deslumbrado.
Foi unha velada no auditorio un pouco diferente nunha noite que se presentaba daquela como noite de cans.

Hoxe toca teatro, non no auditorio, senón en Cubelas, 'A Casa de Bernarda Alba, de Lorca (foto del acompañando), ás seis da tarde na escola, pola aula municipal de teatro.

20081129

11:37 corte de luz

Pois iso, hoxe a isa hora, un pequeno corte de luz que fixo que o ordenador se apagara. Un máis a incrementar á base da datos.

3ºC



Adxunto dúas fotos de agora mesmo, tras a granizada que remata de caer e unha temperatura externa de pouco máis de 3ºC

Promoción de Ribadeo

Vexo un par de promocións de Ribadeo. Unha, na revista do clube de lectura Biblos, na que se promociona 'Os mortos van á présa' cunha foto en Rinlo onde saen varios ribadenses, e outra, coa nova de que patrimonio autoriza 'melloras' en Porcillán, a maior groria do Clube Náutico e como primeira andanada de noticias ante a existencia de tres candidaturas para rexir o clube. Os días pasados era a páxina web, que como era de esperar, xa xerou controversia, baixo o meu punto de vista, nun dos aspectos menos interesantes, o uso da lingua. E é que é certo que polo momento hai menos contido en castelán que en galego, e non debera prolongarse, pero pero é peor que non teña contido, e debera ter máis.
Por certo que coa nova web, se funciona, supoño que pronto deixarei de cargar as novas no blog correspondente (aínda que eu incorpore os mp3 e a web do concello aínda non) ó chegárenme de xeito previsible con retraso en relación á web oficial.

Tras a construcción e okupación, toca concerto




Os estorniños teñen xa dende algún tempo, comezada a reocupación do parque, facéndose o seu niño na palmeira máis norte de todo o parque (esquina co cantón), pero agora vénse acompañados na súa ocupación pola nova carpa para o mercado do nadal, que compite en espazo co acotado para os 4x4 que actúan esta tarde na Devesa. Onte despois de caer o sol o parque presentaba o aspecto que aprece nas fotos, medio pantasmal e ocupado.
Cando se retiren os coches esta tarde, toca concerto. Primeiro, música na rúa para recoller ós novos músicos, e logo, no auditorio Hernán Naval. O programa, Miniaturas para banda de R. Defoort (1º e 2º mov.), Hércules, de Alan Menken, Boleros Medley de J. Molina, Banda Galega, de Felisindo Pérez Seara e Brasiliana de Jan Van der Roost (desta e dos boleros hai versións en youtube).

20081128

Pequenas novas


Hoxe, ás sete da tarde no pavillón do CEIP Gregorio Sanz, terá lugar un concerto contra a violencia de xénero.
Hora e media máis tarde, no auditorio Hernán Naval, a A.C Francisco Lanza presenta Recuperando a memoria, o nº 5 dos Cadernos Ribadenses, que recolle as conferencias ditadas por Lourenzo Fernández Prieto e Mª Xesús Souto Blanco nas Xornadas de Historia Local do ano 2006, ademais doutros traballos de Miguel Freire Sitjas e Dores Fernández Abel, todos eles referidos á represión sufrida en Ribadeo durante a Guerra Civil.
E mañá, ás 20:30, a Banda de Música Municipal de Ribadeo atúa no concerto de Santa Cilla tamén no auditorio. A foto, das últimas da agrupación.
Mañá tamén, con outro ruído completamente diferente, 4x4 no Ecotrack na canteira de Pizarras Vega de Os Castros.
Todo, mentras se prepara bicententario da morte tráxica do Marqués de Sargadelos.
... e mentras se van producindo pequenas novas en cantidade, dende a composición do terceiro grupo para lograr os mandos do clube náutico ás novidades do concerto, para o que se irán recollendo os 27 novos músicos polo pobo (co que sumarán 81 números) e tocando en cada incorporación, pasando porque as gasolineiras de Ribadeo son as máis baratas da provincia (na da beira ainda o son máis) ou pola nova esperada que o buque Emma Janneke non tivo problemas no desencallamento. Por certo, que na ligazón asociada ó nome do buque pódese seguir a súa posición actual, previo rexistro, igual que ver 10 fotos do mesmo. Na realidade, a posición actual está desactivada nestes momentos para Ribadeo.
... hai quen di que Ribadeo non ten actividade, pero coido que non hai queixa, tendo en conta que non a dou seguido.
Nota: as fotos están recollidas de correos electrónicos da Concellería de Cultura e de Amadores da Música.

Historias






Despois do paso das xornadas de historia medieval, sucédense as historias na comarca. As fotos de hoxe son da Veiga, tiradas dun correo electrónico da concellería de cultura, e responden á recollida de Carlos Xesús Varela Aenlle, da asociación cultural Abertal, e presentadas na Escola Fermín Penzol deste ano.
Aínda que, despois de ler a prensa, mesmo atrasada, vénse tamén historias a outro nivel:
"Cando vemos un exército de tractores na Amazonia arrincar o bosque, -onde se atopan centos de especies diferentes e unha enorme riqueza de biodiversidade-, para plantar unha única e exclusiva semente manipulada xenéticamente propiedade dunha multinacional da que dependerán os agricultores toda a súa vida, non existe a menor dúbida de que iso é auténtico terrorismo, porque nin máis nin menos é o control da alimentación e dos pobos"... e o mesmo pode trasladarse á xente que depende da multinacional para alimentarse con eses alimentos, pois os dous extremos da corda están atados pola mesma. Ou tamén: "O Citi xa recibiu 25.000 millóns de dólares do plan Paulson de rescate financeiro. Para analizar a súa situación abonde dicir que o que agora vale en Bolsa é menos que esa cantidade que lle chegou dos fondos públicos", é dicir, que o cidadán de a pé tirou cartos de xeito obrigado nun pozo sen fondo mentras que os xestores reciben soldos multimillonarios. Mentras, onte, na tele, en 'Cuéntame', soaba aquelo de "no dejes que nadie decida por ti", e pensaba na situación de hoxe, en España, en relación ó que di a canción.

20081127

120 m


Na anterior entrada do blog, "Nova páxiva do concello", deixo caer algo sobre os 120m do cargueiro encallado onte no tesón fronte a Mirasol. Lembraba ter escrito xa algo relacionado. Aquí está unha entrada, 'Novas de xente amiga' (11 de xuño 2008) na que aparece a imaxe que acompaño e que presenta ás claras e, se mal non me lembro, nun plano do PXOM en tramitación, que portos dispón dunha anchura de uso de lámina de auga do peirao para ó exterior cara á ría de 120m, contados dende unha liña hoxe xa no interior do peirao. Iso significa que o barco de 120m, de xeito obrigado, tiña que invadir zona disposta para otros usos (preservada medioambientalmente) e non para tráfico de mercadorías. O encalle, así só é a indicación de algo que é sabido: a invasión de portos en lugares que non lle corresponden. É algo curioso que aínda por riba Portos de Galicia quixera meter a estrutura uns 25 m fóra do peirao. E máis curioso aínda que se pretende seguir tirando cartos no peirao de Mirasol sen considerar unha alternativa de porto exterior.

Nova páxina do concello

A nova de hoxe é o varadeiro dun buque de 120 m no tesón fronte a Mirasol, cando maniobraba para xirar e atracar no peirao. A draga leva uns días funcionando precisamente na canle do porto. Coido que ambos datos xuntos deben facer pensar, e tomar una decisión sobre o peirao exterior. Mentras tanto, a lámina de auga prevista e asignada a portos, 120m, xa está limitada agora mesmo, como se pode ver. O tema xa o saquei a colación na loita contra a nave en Mirasol, pero parece que haberá que voltar tratalo.
Onte presentouse a nova páxina do concello. Resulta que tento entrar pola ligazón que tiña, http://ribadeo.org e sáeme a antiga. Decátome de que hai que teclear asemade as 3 w, e entro con http://www.ribadeo.org. Agora si. Pero paréceme unha confusión o deixar o lastre da vella páxina, supoño que para por se acaso... Non lle vou adicar moito tempo. Xa fixen varios comentarios para tentar mellorar o tema e vexo que polo momento seguen a ser válidos a maioría. Tomemos como mostra o apartado de e-administración, que se reduce a ... indicar trámites a facer no concello. Aínda así, representa un paso algo máis aló do que había ata o momento: aí están ambas web para comparar. Por 12 000 €.
Una nova sobre o PXOM de Mondoñedo lémbramo: en Ribadeo parece que seguimos en paro co tema. É certo que as mil alegacións dan de si, pero carecer de información sobre o proceso parece indicar que sinxelamente, non vai. Aínda que non sexa certo.
Atópome asemade cunha nova de que o PP reclama a reducción das listas. A 'Comisión de Participación cidadán da Área de Cervo Burela' de sanidade, con particpación veciñal etre a que está Pancho Campos, de O Teson, terá a súa primeira xuntanza o día 3 de decembro e coido que é unha das primeiras prioridades: reducción das listas por exercicio dun certo control sobre elas (tema que se enfrontará a dificultades por vía do segredo profesional) e o aumento do tempo adicado ó paciente para humanizar o trato. Coido que son as dúas prioridades básicas. Xa veremos se o 'plan quérote' vai en serio e lles deixan facer algo. Hai pouco tempo xurdiu o tema do 902. Outro día falaremos del, pero non como prioridade.

20081126

Xa non é nova


Non, xa non é nova que cheguen ás nosas costas especies que antes eran descoñecidas. Medusas ou peixes lúa vánse facendo un oco entre as especies habituais mentras o cambio climático segue a bater marcas de desxeo nos polos. Iso, a pesares do mal tempo que estes mesmos días está a deixar a súa tarxeta de visita (onte, ó longo do día mellorou abondo, dando a prensa novas sobre ondas de 5m no mar) mentras a construcción veigueña e a medra do Suarón fai temer por novas inundacións.
Hoxe chámanme a atención as declaracións do alcalde respecto a negativa de patrimonio para a construcción dun aparcadoiro subterráneo (ver o blog de notas de prensa). Resulta que non comparte a decisión porque se permitiu o ascensor da Atalaia. O razoamento pode ser invertido totalmente do mesmo xeito: por que se concedeu o permiso para a obra da Atalaia se non o da para o Subterráneo? Coido que por aí deberan ir os tiros, esixindo a rectificación no caso da Atalaia e non no do aparcadoiro. Ó fin, pode que o non ter aparcadoiro mesmo no centro obrigue a outras alternativas, como un sistema local de transporte, algo que non se considerou nunca e que coido que xa podería estar establecido a nivel de parroquias, cun autobús de ida e volta estrada do interior/estrada da costa que ben poidera ser rendible cos tempos que corren.
A imaxe, os raios de Sol sobre Mirasol.

20081125

Nomes das rúas de Ribadeo dados en 1895

Remato de recoller do blog da Atalaia unha cita das actas do concello de Ribadeo que considero moi interesante non só como historia do nomenclátor senón como indicaor histórico de datos xerais de Ribadeo. Póñoo en diferente formato para facelo máis lexible (alomenos na miña pantalla vese un pouco embarullado con formatos diferentes de letras) ó tempo que, polo mesmo motivo, faigo algunha corrección ortográfica, e substitucións de puntuación, pero deixando sen acentuar as maiúsculas:

"
Abierta bajo la presidencia del Sr. Alcalde D. Amando Pérez Martínez y asistencias de los Sres. diez concejales expresados al margen (D.Nicasio de Prado, D. Antonio González Murias, D. Francisco Martínez, D. Manuel Lage, D. José Pulpeiro López, D. Francisco Soto, D. Matías Losas, D. José Rodríguez, D. José Suárez y D. Benito Fernández), sin que hayan asistido los cinco restantes por hallarse indispuestos cuatro de ellos, según avisos pasados, y por hallarse ausente el otro que es el Sr Sela, se leyó y fue aprobada por hallarla conforme el acta de la ordinaria anterior.
También se leyeron los Boletines Oficiales de esta provincia recibidos desde entonces, quedando enterado el Ayuntamiento de las disposiciones en ellos publicadas.

Asuntos y Acuerdos

1º El Sr. Alcalde llamó la atención de la Corporación sobre el estado ruinoso en que se encuentran los rótulos de las calles y la numeración de las casas de esta población y la falta de rótulos en las travesías y barriadas y la confusión que reina en todas ellas y lo mismo de números en las casas edificadas desde que se colocó hace bastantes años la numeración. Expuso también las oportunas consideraciones encaminadas a encontrar la necesidad de variar los nombres de algunas calles en cuya variación deben preferirse, a su juicio, los nombres que conmemoran o recuerdan algún hecho importante en las ciencias o en las letras, o en las Armas e igualmente algún servicio especial hecho al pueblo. Por último encareció que se declare urgente este asunto, mandando proceder por de pronto a la nueva rotulación de las calles y a fin de facilitar el trabajo propuso lo siguiente:

Dar a la calle del Hospital el nombre de “Alvarez Cascos” en atención a los servicios prestados a esta Villa por el Ingeniero Jefe de Caminos de la Provincia D. Godofredo Alvarez Cascos; separar de la calle de las Angustias las casas que forman la plazuela conocida con el nombre vulgar de Quintana y llamarla plazuela de Alvarez Miranda honrando asi la memoria de este ilustre hijo de Ribadeo; dar a la calle del Alza, la denominación de barrio del Alza; conservar el nombre de calle de las Angustias, el de calle de la Atalaya y el de calle del Billar. Dar a la calle de Cabanela la denominación de barriada de Cabanela agregándole las casas de la calle de la Atalaya situadas más allá de la Capilla; dar el nombre de plaza del Campò a la actual Calle del Campo; el de Ronda de la Cárcel a la parte de la calle Pedreira que rodea este edificio; el de Carlos III a la Calle que comienza en la de San Roque y termina en las Picarolas, en atención a haberse establecido en el reinado de aquel monarca la antigua fábrica de cintas; el de plazuela de Concepción Arenal a la parte de la actual calle de la Pedreira que forma una plaza entre la Cárcel y la Carretera de la Vega. Conservar su nombre a la Calle de la Confitería y a la plaza de la Constitución. Dar el de Calle del Correo a la parte de la actual de Correo y Hornos que principia en la de la Trinidad y termina al final de la de Tras la Cerca; llamar travesia del Cuartel a la calle que cruza de la de San Miguel a la carretera del Muelle; dar el nombre de la Diputación a la actual calle del Postigo; el de bajada de la Escalerilla a las escaleras que conducen del final de la Calle de la Paz a Porcillán; el de rinconada de las Escuelas a lo que el vulgo llama el Patín y el de travesia de Fernando el Santo a la parte de la calle de la Paz que se conoce con del de Fuente de los Cuatro Caños: Conservar el nombre de calle de Figueirúa separando de ella el callejón sin salida donde se halla la fuente al que se llamará rinconada de la Fuentecavada. Conservar el nombre de Fuentenueva a las partes de esta calle que princiando en la de Tras la Cerca de Porcillan termina en la de San Miguel. Dar el de plazuela de la Fuentenueva a la plaza que forma la calle de San Miguel en donde está la fuente y el de barriada de Guimarán a la calle del mismo nombre. Conservar el suyo a la de Herradores al callejón sin salida que hay en la misma calle. Dar el de los Hornos a la parte de la del Correo y Hornos donde está el Matadero; el de Ronda del Hospital a la que rodea este edificio; el de Ibáñez a la de Tras la Cerca; el de Méndez Nuñez a la carretera de la Vega, el de Avenida del Muelle a la carretera que va al Muelle; el de la Muralla al de Tras la Cerca a Porcillan; el de Costanilla del Obispo Cebeira a la parte de la de San Miguel que principia en la de San Roque y termina en la plazuela de la Fuentenueva; el de Padre Feijoo a la parte de la Trinidad que principia en la de la Paz y a su prolongación con la de Correo y Hornos hasta la de Tras la Cerca; y el de la Costanilla de Padre Sarmiento a la parte de la Fuentenueva que principia en la de las Angustias y termina en la de Tras la Cerca a Porcillan. Conservar el suyo a la de la Paz, dando el de pasadizo de la Paz al callejón conocido como de Quintana, conservar el de Pedreira para la parte de esta Calle que no pasa a constituir otras; dar el de bajada de Peligros al callejón que va de la calle de la Atalaya a la de la Paz, conocido por el callejón de la Dichosa; conservar el de Porcillan dando el de bajada de Porcillan al callejón conocido por de Andrade; conservar el de la Ruanuela. Dar el de rincondada de San Antonio al callejón sin salida (conocido por callejón de San Antonio) que hay en la calle de Correo y Hornos, el de San Francisco a la de Tras San Francisco, y el e rinconada de San Francisco al callejón sin salida que hay detrás de la Iglesia Parroquial; conservar el de la calle San Miguel y el de la de San Roque; dar el de travesia de San Sebastián al Callejón llamado del Cura. Conservar el de la Trinidad y dar el de Travesia de la Trinidad al callejón llamado de la Cárcel; el de Villandrando a la calle que principia en la de Tras la Cerca y termina en la Plaza de la Constitución y a la de la Villavieja la denominación de barrio.

Enterado el Ayuntamiento y después de una larga disensión, vistas las disposiciones legales vigentes en la materia, acordó por unanimidad: 1º Aprobar en todas sus partes lo propuesto por el Sr. Alcalde para la nueva rotulación de calles y plazas

Sesión ordinaria del día veintitrés de junio de mil ochocientos noventa y cinco celebrada por el Excmo. Ayuntamiento de Ribadeo en su Casa Consistorial.
"

Fortes ventos



Están soando agora mesmo. Na web da Pedro Murias, con indicacións de hai unha hora, aparecen de só 63km/h as 6 men vinte, pero os refachos actuais teñen pinta de superar os 100, acompañados de choiva, que a isa velocidade parece granizo. De feito, onte foise a luz alomenos nun instante a eso das 4 e vinte da tarde, e aínda que pódese dicir que nunca é xustificado, onte pódese crer que había un motivo.
Mentras, o mundo anda movido. Coma sempre (parece algo crónico, de fiarse polos xornais). Volta a Tapia o tema da mina de ouro de Salave: de pronto o PsoE non declara espazo natural ós Lagos de Salave, o que indica que haberá de novo confrontación, 'Oro non II'.
Máis lonxe, o goberno, agora do PsoE, antes do PP, ten feito valer a REPSOL como unha especie de 'campeón nacional' despois de privatizalo, esquecendo que o capital, alomenos cando é moito, non ten patria. E o resultado estáse a ver: despois de comprometer o respaldo do estado, agora deixa que unha empresa rusa opte a unha quinta parte do capital ... con financiación nacional. De feito, parece que se fracasa a compra será porque ós bancos non lles ofrece abonda garantía, non porque sexa un 'campeón nacional'.
En Ribadeo parece que se cumpre no clube náutico aquelo de 'non hai dous sen tres': a parte da candidatura do presidente actual, Gervasio Cao, hai a do máis directo rival, Coto, coa que xa rematou camiño dos tribunais a vez pasada, e agora súmase Ramón Acuña. Onte mesmo me preguntaba alguén que que interese poderían ter en ocupar a presidencia do clube. Para min, está abondo claro que as relacións que se manexan sendo presidente do náutico favorecen a venda de vivendas ou a ocupación hostaleira dos negocios de quen as ten, aínda que naturalmente, os motivos últimos de presentar unha candidatura non teñen por que ser ises.
E, mentras que Os Irmandiños receben ó Conselleiro de Industria en pleno concurso eólico no que optan a conseguir un lugar, coido que por primeira vez non vexo nalgún dos xornais reflexada una nota de prensa do concello. Neste caso, a que trata do servizo de podoloxía, que espero colgar ó longo do día con outras atrasadas no blog correspondente.
Por certo, dirección do vento: lixeiramente variable, pero nordés, e xa sabemos o que pasa cando hai nordés en Ribadeo.
As fotos, o fondo na zona dos bloques, dende o peirao, e o fondo da ria, hai uns días.

20081124

Un pleno longo


Vexo no cargadoiro o relato do pleno ó que non puiden asistir o luns pasado. E quédome sorprendido de que se aprobe a homenaxe a Calvo Sotelo sen entrar en detalles; é dicir, algo así como 'váise facer algo'. Será que ata para eso hai discrepancias ou máis ben que se considera político o facer unha homenaxe pero realmente non se sabe moi ben que facer con el? O non estar alí impide que teña algún pequeno indicio para xulgar se é unha cousa, outra ou aínda algunha máis entre as posibles.
O plato forte parece que foi a suba de impostos. Despois dun pleno, o do pasado ano, que meteu unha forte suba, neste armonízase coa suba do custe da vida, sen igualalo, pero marcando unha liña desexable: que non haxa desaxustes para non seguir acumulando débeda, sin por elo pasar a ter superávit. Claro que como toda suba, implicou un longo debate, e entendo que alomenos un par de cuestións de fondo pasaron sen pena nin grória, sen mención, de puntillas: a xestión do rendemento do traballo no concello, asociada cos custes que temos que soportar os viciños, e tamén as cousas superfluas, que engaden gasto e non aportan máis que cousas como boato ós edís.
Polo demáis, o mesmo día no que se produce a aprobación do regulamento do asilo, (cobros, axudas, ... no e pode ser visto como un comezo de xestión 'ó privado') tamén se produce o acordo da expropición para o aparcamento de Auagas santas, sen tratar de procurar unha solución con menos impacto á beira do mar: ó fin, camiñar está moi ben para a saúde, mesmo prouce sede para que se poda consumir en establecementos próxmos, e pode dar lugar a que un tren panorámico funcione pola zona e evite esprazamentos á xente que se pode cansar máis, dando de paso algunha información que pode ser usada á volta á casa como reforzo argumental para novas visitas.
Acompañou ó pleno, para cerralo, un longo turno de peguntas.
A foto, a lembranza doutra homnaxe, ista ó Marqués de Sargadelos, Antonio Raimundo Ibáñez.

20081123

Noite, movida, ruído

De novo, antes de (espero) centrarme máis en Ribadeo a próxima semana, vexo apretuxadas case nos papeis novas soltas pero relacionadas: 'beber 5 copas en tres horas, unha vez al mes, grave factor de risco', mentres de xeito indireto segue a haber carta branca (ou mesmo facilitación) para o consumo de alcohol e son paradas leis para tentar a súa diminución, tanto no conxunto de España como en Galicia.
O beber así, enlazado, parece ter abonda relación con facelo de noite. Tamén, alomenos dun xeito inexplicable para min, parece que na nosa terra e en toda España teña que ir acompañado de ruído. Así, estánse a acumular novas sobre sentencias por ruído. A última, cárcere (catro anos) e indemnización a tres veciños con 15000€ para o dono dun bar por ruído e vulneración de horarios ... só durante sete meses! En Ribadeo, primeira denuncia, correspondente a xullo do 93...
E parece que a xente vai tentando defenderse cada vez máis. E procurando que varíe a cousa de 'educar para beber' a 'educar para non beber', potenciar as actividades de día e non de noite, desligar diversión e ruído obrigado, ...cousas para as que queda moito camiño por percorrer: aí queda, por exemplo a entrada segunda no blog da asociación Santiago sen Ruido.

20081121

De novo, o ruído

Parece que a cordura co ruído váise achegando. Agora é o peche de dous locais de Viveiro. A prensa póno claro: incumprimento de horario e de nivel sonoro. Decididamente, o concello de Ribadeo non está a facer todo o que debera dende hai abondo máis dunha década.

Robín dos bosques, á inversa

Contan que xente como Robín dos Bosques ou Guillermo Tell loitaban para equilibrar a sociedade, quitándolle cartos á xente que era rica (e ademáis seguía roubando no momento) para dárllelo ós pobres de solemnidade. Agora a cousa parece foncionar ó revés: en troques de redistribución, absorción ascendente. temos o exemplo de 'salvación' do sistema financieiro ó que estamos a asistir, pero vemos hoxe mesmo na prensa que a UE deixará fóra das axudas ás pequenas explotacións gandeiras, de menos de dúas hectáreas. Se a iso sumamos que xa se teñen dado casos (e parece que seguen a darse) nas axuda ó cereal ou ó olivo de que os que máis levan de subvención non só en termos absolutos, senón en termos relativos á explotación, son os grandes terratenentes, coido que a cousa está clara: viá regulamentacións e axudas está a haber unha discriminación negativa dos máis pobres, nun estilo anti-Robín.

20081118

Dragado

Entérome pola prensa dun novo dragado na ría nunha nova que da o dato de que o verquido de area do derradeiro ata agora dragado, feito na zona asturiana, foi verquido fronte a Penarronda. Está establecido que sexa varias millas adentro do mar (se mal non lembro, 8, pero ben pode ser que me equivoque), pero a nova non dia que distancia se fixo.
O dragado que comeza, polos datos, pode ser feito sobre unha lonxitude de 1km, unha anchura duns 70m e profundizando 1m.

20081117

Unha e mil vivendas


Mergullándome para buscar unha serie de fotos atopeime con esta xa vella (2005) foto do ascensor da Torre dos Moreno (algunha das citas e fotos en Ribadeando: 1, 2, 3, 4, 5, 6, ... hai moitas máis), unha das casas da serie de Casas de Indianos do blog, que aparece tamén recollida na Galipedia. O ascensor, se non lembro mal, é o máis antigo da provincia. E ven ó caso da nova aparecida onte na prensa: A Xunta 'deseña' áreas na zona para facer mil vivendas. Xa será algo menos, e non creo que o tipo e xeito se pareza moito a este monumento (aínda a pesares do seu estado por mor da area salgada que é a base da súa construción e que tantos problemas está a dar).
Claro que en Ribadeo ó mellor teñen que comezar a protestar os nenos como en Guitiriz para que se fagan algunhas cousas (A casa da xuventude para nenos?)
Por certo, e falando de nenos, estou totalmente de acordo coa unificación de calendarios de vacunación. En Ribadeo xa experimentei que pode crear problemas pola proximidade a Asturias.

20081116

Rio de Ribambo

A falta de que alguén dende algunha institución oficial o faga, despois de dar o aviso para que así se fixera, remato de reportar a variación de Rio de Ribambo por Ría de Ribadeo (ou aquí)en Google maps. ... é de esperar que pronto se vexa o cambio...para continuar con varios máis que son necesarios na zona (Obeso, sen ir máis lonxe)

Ja!

Recollo dous puntos visuais dun periódico de hoxe.
O primeiro, unha foto con Zapatero detrás de Bush.Unha primeira interpretación sería algo así como 'conseguino, estou aquí, no centro, xusto detrás do mandamáis', pero tamén pode interpretarse como 'gárdote as costas, xefe'. Unha volta vista a segunda imaxe, unha viñeta de Forges na que os líderes declinan facerse a foto con Bush, máis ben sería unha terceira interpretación a que prevalecería, e sería algo como 'estou no único lugar que me deixaron'.
Tres gustos para escoller; de calquera xeito, sempre máis achegado a Aznar nas Azores e sempre con máis débedas que pagar a 'amigos' estranxeiros que poden pedir a devolución de favor en calquera momento (si, como o antigo caciquismo galego)

20081115

Para a fin de semana e próximos días

Lémbrome (tarde) de que hoxe está habendo unha actuación do ciclo de músicas posíbeis, e poño a lembranza doutras actividades que me chegaron e que aínda serán:
A compañía ENTREMÁNS presenta Que pasa aquí?, 'Unha mestura de dramaturxia, coreografía e pedagoxía nunha peza para os nenos'. No Hernán Naval mañá domingo.

Paso asemade o díptico da convocatoria das xornadas de Estudos Medievais

Excavadora polos aires



Nunha obra, a da esquina da Avda. Asturias coa rúa do Alza, tomei a comezos da semana estas dúas fotos, sacando a excavadora da obra polos aires...

De Suso Peña á Atalaia

Suso Peña está de actualidade: resulta que non hai especialistas para levar adiante o arquivo do material xerado por el (hai pouco falaba da falta de persoal cualificado en Galicia e dos seus efectos sobre a crise/emprego). Mentras, non se podería poñer o proxecto en mans de voluntarios para ir comezando?
Onte recibiuse un novo camión de incendios no concello. Cara á noite xa o vin traballar na esquina de Casa Arango para limpar desaugues. É dicir, comezou con ímpetu...
...Mentras me atopo na prensa cunha das tipicas contadiccións políticas ribadenses: agora resulta que o ascensor da Atalaia vése coa opinión do PSOE local, non en contra, pero si con modificacións importantes en relación co seu popio proxecto, contestado duramente pola AVV O Tesón mesmo na actualidade (aínda hai pouco que cursou unha petición á Delegación de Cultura no sentido de desestimar a construccón do ascensor), en parte en base ós restos de muralla que ,mandando no concello, foron asemade desestimados alí en noutros lugares (por exemplo, fotos en 1, 2,).

Tamén, tiña pensado deixar a foto que acompaña para os 200 días do pasamento de Calvo Sotelo. Cuestións técnicas fixeron que se espuxera onte na rede durante un rato a foto do seu nicho no cemiterio, polo que a deixo aquí sen máis comentario.

20081114

Chega, pasase, é certo...?

"A igrexa católica, ó igual que moitos actores sociais, apuntáronse a criticar ó capitalismo e a globalización pero non cuestionan as verdadeiras causas da crise e das desigualdades sociais", cita de Klaus Peter Kisker en este artigo.
Unha nota: poño igrexa e non Igrexa, como ven no artigo, porque entendo que se refire á estrutura eclesial e non á comunidade de fieles... Por certo, na corrección colóuseme un rato 'grexa', e así estiven a piques de deixalo.

20081113

Nota de prensa. AVV O Tesón. Unha xuntanza retrasada

AVV O Tesón
Nota de Prensa
Unha xuntanza retrasada

Agosto de 2008. Isa era a data prevista para a xuntanza entre a Mesa de asociacións e o alcalde. Unha xuntanza que tiña que convocar o alcalde. Unha data que se lle lembrou. Pero diso xa pasaron varios meses. É dicir, temos unha promesa incumprida.
As asociacións xuntarémonos posiblemente o último venres deste mes, día 28. E teremos a nosa axenda. Mentras, as asociacións seguimos a nosa vida, vendo de axudar a facer un Ribadeo mellor. Por suposto, sen poder político: só co poder que da a xente que as apoia, e tentamos que tamén sexa con ideas, ánimo, interacción social, coñecemento do noso pobo.
Seguiremos a falar. Esperemos que todos. En Ribadeo e no seu concello hai moito traballo que facer.

A política das contas


No mesmo día leo: 'Ribadeo arrastra déficit' (ainda que parece haber unha lixeira mellora). Cinco multas por construcción excesiva que non se da cobrado. Unha multa a un hostaleiro por bebidas alcohólicas a menores que ... sae no boletín por dar localizado o hostaleiro...
Naturalmente, se miras atrás no tempo, as noticias poden dar moitas máis indicacións de relacións entre déficit e diversas causas (ás veces pequenas, ás veces, grandes, ás veces idiotas, ás veces, disimuladas). E polo tanto, apuntes para a solución dese déficit. Cos tempos que corren, quizáis non sexa mala idea dar un repaso ás novas para aplicar recortes.
Na foto, o cogollo principal da nova (polo momento futura, pois non comezou a funcionar) fonte no campo, cunha vista sobre o decorativo cadro de mandos tamén no mesmo parque.

... si, renunciamos

"Renunciamos ó noso poder con moita facilidade; entregámosllo ós políticos profesionais, ós grupos de presión, ó escepticismo. E a democracia sofre". José Manuel Calvo, 'La suerte de llamarse Barack', El País, 6/11/2008

20081112

O factor humano




Transcribo unha frase que collín onte de El Progreso, do artigo 'Farsa en Washington' de Abel B. Veiga. "Señores, o mercado non fallou, como tampouco o sistema financieiro e monetario mundial. Fallou a codicia, a vanidade, a soberbia..." vamos, o factor humano. Pero os sistemas políticos e economicos, as leis, están feitas para regular o factor humano: se todos fóramos máquinas rexisdas só por leis físicas, non faría fala lexislación e normativa complementaria. Non, o que falla é a adaptación da normativa para regular o factor humano, que se sabe imperfecto.
Econ isto retorno a algo que one quedou en forma de comentarios a unha entrada. O caso é que nas notas de prensa que onte me chegaron do concello, a facilitación dunha vivenda a unha familia xitana non coincide exactamente co que onte saía na prensa. Asemade, nos comentarios había un parágrafo enteiro tipografiado con maiúscula, que en netiqueta significa a berros. Coido que o berrar está de máis. Unha vez deixadas estas dúas apostillas para reflexionar con máis consciencia sobre que a unha familia xitana se lle proporcione unha vivenda, mentras que outros se podan sentir agraviados, lembro que os servizos sociais do concello dixeron hai non tanto que a dita familia tiña signos de riqueza (non o dixeron con estas verbas) que non cadraban co chabolismo. É dicir, de novo temos o factor humano, como no artigo de Abel Veiga, regulado por normas incompletas, que non poden coller toda a complexidade dese factor. E por iso pode que o primeiro fóra a educación, para poder balancear xeitos de vida (e gastos) de forma que haxa o que se estima en xeral como unha coherencia maior. É dicir, procurando a traverso da educación un achegamento a formas de conduta máis xeralizadas.
Son consciente de que non aportei 'moitas solucións' ó tema, tendo ademáis en conta que o xeito de vida levado por algunhas familias xitanas non favorece nin moito menos a educación dos vástagos. Pero quero deixar un último dato relacionado: o gasto por persoa e día que orixina un só recluso é superior ó aporte necesario para que unha familia dispoña de vivenda, aínda hoxe coa carestía dos inmobles. Voltarei sobre o tema.
As fotos, pombas enxauladas na feira de Castropol este fin de semana pasado.

20081111

Sentencia sobre o ruído

Unha nova sentencia. Parece que se achega o día no que poderei durmir na miña casa como é debido. O que si, parece que terei que acusar a xente para logralo: do alcalde a propietarios de locais. O por que? Parece que non querer facer dano á xente parece que non resulta neste caso, porque as persoas seguen a facer as cousas mal mentras non se presiona para que as fagan ben. De feito aínda hoxe viñeron a pedirme consello para unha denuncia, e é que en Ribadeo, o ruído segue, comezando polo concello (e se non, que se compare o ruído do camión do lixo co permitido, por poñer un exemplo).

Especialistas matapiollos

Hai xa máis de tres anos que, debido á oposición municipal, conseguiuse en Tapia que non se destrozaran os lagos de Salave para crear unha mina de ouro a favor dunha multinacional canadiana. Pois volta a comezar: outro proxecto, mnos intrusivo, iso si, está xa sobre a mesa. Esperarei a saber máis que o que hoxe trae a prensa e conectarei coa presentación que daquela fixera: coido que agora será a cousa diferente, pero o fondo por desgraza seguramente será parello. Unha ventaxa:unha volta sabido e se venceu unha vez, o enfrontamento preséntase dende unha óptica diferente, con máis moral e tamén con posibilidade de mellorar a estratexia.
Hoxe trae a prensa o resultado dunha sentecia do supremo: Segismundo García debe ser indemnizado. E, quen é? Por quen? Por que? É o propietario de varios negocios en Ribadeo, debe ser indemnizadopor un dos iconos da cultura galega, Isaac Díaz Pardo, e porque iste, a raíz de diferencias sobre como se debe de levar a dirección do grupo Sargadelos, comezou a insultalo. Resultado: intromisión na honra. 100€ de multa. Despois do tratamento mediático que tivo o caso, unha indemnización irrisoria. Mentras, como segue o grupo Sargadelos, unha das insignias da industria galega pola proxección que ten? Da a impresión de que podía ir mellor. O caso que trata a prensa é só unha as arestas que leva anos emponzoñando un grupo de empresas punteiro, que inclúe un grupo de comunicación. Isaac Díaz, mentras, vai de xulgado en xulgado, como se pode ver seguindo a prensa.
Para rematar doutro xeito, deixo algún dato estatístico sobre Ribadeo: o ano pasado había case un 3% de residentes estranxeiros en Ribadeo, e a idade media dos ribadenses censados pasaba de 45 anos, sendo máis lonxevas a mulleres que os homes. O saldo de mortos/nacementos é de 108 contra 63, co que, se non fora pola inmigración, Ribadeo tería 45 habitantes menos. Contando con ela, ten 157 máis. É dicir, Ribadeo medra, pero en certo xeito é cada vez menos Ribadeo. Mellor: está pasando a ser 'outro Ribadeo'. Mellor ou peor para vivir nel? Sinxelamente, diferente. O de mellor ou peor incide noutras características máis relevantes para o tema.

20081110

Lembranzas de curiosas contradiccións

Hai aínda poucos días que falaba da sobreproducción leiteira. Hoxe atopo no El País unha lembranza do tema. Parece unha contradiccion que España sexa afectada polas consecuencias, tendo un déficit ó producir só un 65% do que consume, pero non é contradictorio: política e economía si que ás veces contradín ó mundo real (quizais debera dicir minten sobre o mundo real).
Aparece tamén hoxe un artigo titulado 'A escola fracasa porque está obsoleta', cun manifesto ó que me apunto, dirixindo mellor que á nova de difusión, á propia asociación que promove ditas ideas. Curiosamente, os comentarios/críticas que aparecen tampouco van mal dirixidos, e coido que son compatibles (=que non son auténticas contradiccións), aínda que non o pareza.
Rastrexando en noticias, pódese ver que o paro está aumentando, aínda que en Galicia o faga menos porcentualmente que noutros lugares. Pode interpretarse como un triunfalismo de medidas económicas a nivel local galego (o que se fai dende o sistema político) ou ... como falta de man de obra cualificada, tendo un déficit de base (=previo) que está a servir de colchón amortiguador.
Remato cunha cita:"sempre soubemos que o interese egoísta e irresponsable era malo dende o punto de vista moral; agora sabemos que é malo dende o punto de vista económico". A atribución da cita, a Franklin Delano Rooselvet, presidente dos EEUU que sacou ó país da recesión (e con el, pode dicirse que ó mundo). A lembranza da cita e o razonamento con ela ó autor do artigo, Paul Krugman, premio Nobel de economía este mesmo ano, seguindo unha estela de ideas parella á de Amartya Sen (aínda que con diferencias de criterio). Mágoa: parece que calquera dos tres non fora moi escoitado (ver as actitudes políticas e económicas que polo mundo camparon estes anos e seguen a facelo, mentras rampan as desigualdades e unha política e economía maliciosas e perniciosas)

20081109

Pasando

Hai agún tempo comentei, falando dos catro pasos ('guardias durmidos', 'resaltes') que no paseo marítimo impiden o desenvolvemento de carreiras, que non me parecía ben que se construíran, tendo que sufrilos a xente que non nos adicamos ás carreiras nesa vía (non creo que sexa necsario austar que unha porcenaxe próxima ó 100%). Agora o Ministerio de Fomento remata de dar especificacións que necesariamente teñen que cumprir. Non sei se lles afectará en concreto ós do paseo marítimo (xa parece que a Ministra contradixo a propia norma nunha pregunta direita en Bilbao), pero parece que a partires de agora terán que ser máis racionais: ancho e alto límite, adaptados ó limite de velocidade estipulado, etc. E tamén parece que as organizacións de consumidores/conductores velarán pola aplicación da norma. Norma que tentei procurar durante uns 10 minutos e non din con ela, senón coa nota de prensa da asociación de condutores que a negociou co Ministerio, a que despois é pasada a diferentes novas (citada ou non).
actualización: xa teño un enderezo onde aparece a nova norma: http://www.iustel.com/v2/diario_del_derecho/noticia.asp?ref_iustel=1031644, e a propia norma: http://www.boe.es/boe/dias/2008/10/29/pdfs/A42794-42795.pdf

Xesta

Non puiden asistir a nada da IV Escola Fermín Penzol, en contra do que querería. Aínda así, fíxenme co libro de Suso Fernández Acevedo e tiven tempo de botarlle unha ollada, de ver a súa estrutura e bosquexar entre a morea de datos e citas. Dende a presentación externa en diante, o libro resúltame chamativo, interesante, aínda que o tema non pase para min de curiosidade: a xesta do galego en Asturias para seguir sendo galego, en Asturias. Non, non é un erro o de repetir galego e Asturias: vivino mesmo como unha pequena batalla na Galipedia hai xa varios anos. E está presente cando oímos en Ribadeo alguhas verbas que manifesta a orixe estremeira do falante, ou nos chegan ecos da lota d Principado por unificar a 'lingua' por eso de ser un 'país', a costa do galego, por poñer algún exemplo.
Pero o título non vai desa Xesta, senón da xesta derivada do Toxo: a empresa que de Vilaframil saíu hai un par de anos para construír en Aragón o Toxo, despois de desavenencias varias volta a Vilaframil e planea o Xesta, avoneta lixeira de velocidade punta e cruceiro 220km/h, procurado apoios (2M€) para o seu desenvolvemento. A saber en que quedará todo nestes tempos revoltos que corren e despois de ter dado Galicia as ostas ó anterior modelo e fracasar empresa amañada ad hoc para el. A min sempre me gustou a idea de ter unha industria punteira en tecnoloxía en Ribadeo, pero as dificultades e o proxecto están -ambos- por poñer. Haberá que estar atentos a Vilaframil, ó impetu e ideas dos empresarios.

20081107

G21 = G20 + 1

Entérome de que Zapatero vai á 'refundación do capitalismo' por 'gracia' de Sarkozy. Teño que aledarme?

Fotos no derrumbe de Mirasol

A caída do talud das naves en Mirasol non parece moita cousa, pero éo.
Deixo ademáis dúas fotos para limitar as naves: pola parte baixa (leste), un pasillo entre naves que sempre me pareceu curioso. Pola parte alta (oeste), unhas escaleiras talladas e abandoadas dende hai tempo.








Inauguración polémica


Non, non é a da IV Escola Fermín Penzol que hoxe se abre no Hernán Naval ás 17:30. É a do novo tramo da autovía que levará ata Barreiros e que se inaugurará hoxe. Un tramo curto (8km) que liberará a San Miguel e a San Cosme do paso de cantidade de vehículos, porque con el xa pagará a pena en tempo ir pola autovía e non pola estrada aínda que non esteña conxestionada, cousa que ata agora era dubidosa.

O caso é que as protestas van en cadea. A ministra verá a protesta de Barreiros en pleno pola supresión de pasos, cortes de caídas de auga, etc, moitos deles contemplados no proxecto inicial e despois non realizados, mentras o noso alcalde lle presentará unha serie de deficiencias no tramo xa inaugurado o pasado ano.

20081106

Presentación de libro


Dentro das IV Xornadas Fermín Penzol será presentado un libro. Aquí deixo a 'tarxeta de visita'

Paradoxos


Atopámonos con que, despois de construír onde non se debía (algo que segue a pedir moita xente) na Veiga durante moitos anos, agora van pedir declaración de zona catastrófica. Si, seraáo, pero, a ter claro que despois da distribución de construccións que se fixo, voltará a haber riadas de xeito natural.
Os gandeiros da UE que se reuniron nunhas xornadas en Ribadeo téñeno claro: en tódalas partes cocen fabas. é dicir,en tódalas partes perden cartos co leite. E é que se fomentou a súa producción de xeito indiscriminado, caendo na sobreproducción e o descontrol polos productores da mesma producción que os gandeiros proporcionan. Coa superproducción, quen manda son sos comercializadores. Os resultados, á vista. A auga pasada (mellor, presente) tampouco é un tema doado de solventar. Cambiera o sistema de relacións de producción-comercialización-consumo? Non parece que sexa para hoxe, e mentras os gandeiros venden o leite moito máis barato que o mercamos os consumidores.
Dous anos despois de 'Ribadeo Falls', resulta que xa se empezaron a esixir amaños nas casas ou o pago da actuación subsidiaria do concello. É paradoxal que sexa agora precisamente, a conta dunhas choivas copiosas pero non tanto, cando se vexa o deterioro do casco antigo e das medidas precautorias na construcción.
Paradóxico asemade que se esteña pensando o limitar as visitas a Augas santas cando se está tentando levar a cabo outra agresión máis en forma de aparcamento alí á beira.
As persoas moitas veces somos paradóxicas. Incoherentes. Moitas veces, serve sinxelamente para vivir. Pero todos sabemos qeu os paradoxos ou se limitan ou pasan a ser cousas como imposturas, cinismo ou mentiras. A secas.
A foto, ondas expandíndose na ría, á beira de Mirasol, como preparación de varias series. A notar que a auga ten dúas coloracións: en parte, pola sombra das naves, pero magnificada pola turbidez da auga da ría despois do arrastre de materiais polo caudal dos ríos.

Asumido

Máis ou menos, está asumido: un presidente negro escasas dúas xeracións despois da abolición da segregación racial nos EUA. aquí non hai segregación, pero, alguén imaxina un presidente xitano?

20081105

Allende e Pinochet


Hai pouco estiven nunha exposición fotográfica sobre Allende, "Allende. Imágenes de un líder", con material cedido pola Embaixada de Chile na Universidade de Salamanca. A foto era usada nunha tarxeta de propaganda da exposición. A min chocoume unha cousa. Non que Pinochet, xefe militar, fora escoltando a Allende, xefe político, senón que da xente representativa que sae na foto, el é o único que non saúda. Premonición de desacato e futuro golpe de estado?

.gal

Remato de enterarme que en breve teremos o dominio .gal en internet. Este sitio seguirá co .com gratuito, pero teráo no esprito, xa sen solapa na pantalla.

Reportaxe fotográfica









Mentres houbo un novo desprendemento en Mirasol, afectando a outra nave, e onte a Veiga quedou asolagada na zona do parque, o muro do frente da Costa de Juanita (é dicir, na rúa San Miguel) segue no mesmo estado que se pode ver.
A notar que a caída do muro deixou ó descuberto o que parece o uso da finca como escombreira, así como deixou máis patente que a casa da beira está asemade en estado ruinoso.
Mentres, parou de chover polo momento, e con 19,5mm onte, vai amainando o temporal (se ben en catro días xa pasou da media de novembro enteiro, e parece que vai entrar unha novo fronte).