20090520

E onte, pleno ordinario (e III)

Quedaba onte facendo a exposición de preguntas do PSOE en canto ás dúas versións sobre o libro da ría. No entanto, o concello sacou varias notas de prensa sobre algo do que xa levo dito, o libro sobre a ría e a rehabilitación de vivendas para aluguer en Cabanela, e tamén sobre algo que, se teño tempo, meterei nesta entrada de pasada, a reposición dos tamarindos do paseo marítimo. Deste xeito xa se pode ir comparando en espera da acta do pleno.
Continuaron as preguntas do PSOE en relación a obras desexables na estrada de Carlos III á rotonda de Vilaselán, estrada á Illa Pancha ou Irmáns Moreno Ulloa, algunhas das que xa entran no Plan E. Ademáis, pediron a petición de limpeza do río de Vilaselán á Confederación Hidrográfica (xa está recén limpo de hai pouco unha parte, pero sobre o cacho que queda hai que dirimir primeiro as competencias), a actuación en Rochas Brancas (que fará Costas), para continuar coa terra que deixa o movemento dos dumpers entre a obra da peonil Rodriguez Murias e o final de Rosalía de Castro, usado como depósito de escombros e mencionada polo PP.
Sabido é que os edís renunciaron ó cobro do último pleno, adicado ó apoio ó sector leiteiro. Pois o PSOE pediu que a partida correspondente ós seus representantes fora para o Hospital Asilo.
Pasou logo UPRi a preguntar, comezando polos detalles da festa de Primavera (da que xa se leva falado varias veces aquí), á que parece que o concello non aportou nada económicamente falando, pois só puxo a disposición o servizo de protección civil. Houbo petición formal, autorizouse segundo un modelo tipo e púxose a condición de sere ata as dúas da mañá. E cobrouse, cousa da que tampouco houbo notificación previa. Quedou claro de que nesas condicións non ía autorizar outro festival semellante, e quedei pensando que, polo que di, tampouco autorizara iste, pero fíxose. Tamén se dixo que tiñan autorización do propietario dos terreos un seguro de responsabilidade civil...
Houbo unha pequena discusión sobre os tamarindos do paseo marítimo, mortos hai tempo e que foi quizáis o momento de máis tensión do pleno, xa rematando, que non pensaba mencionar de non ter saído xa a nota á que me referín antes.
Houbo algunha pregunta máis e a petición de respostas por escrito en relación ás que non se contestaron no pleno, pero aquí, xa pasadas as dez e con catro concelleiros menos, pode darse por rematado.

1 comentario:

agremon dixo...

Coido que unha entrada complementaria para ver de outro punto de vista está aquí: http://cargadoiro.blogcindario.com/2009/05/00233-un-pleno-distinto.html