20091204

Mirando preto

Foz está preto, a 25 km de Ribadeo. E onte sucedeu algo que ninguén esperaba: o cese nos cargos municipais dunha mersoa, Cancio, que levaba 14 anos traballando en política. Traballando quere dicir alomenos que era dos que se vía sempre dun xeito ou outro en cousas do concello, ou cargos visibles a nivel superior, na prensa diaria. Cesouno o alcalde, do seu partido e de quen ata hai pouco, moi pouco, era a súa man dereita. Parece ser que o alcalde flirteou con non presentarse ás eleccións, ó que Cancio respondeu co amago da súa candidatura. Vendo tan preto un opositor posible e con gancho, a resposta non se deixou esperar: adiós.
Hai non tanto tempo, en Ribadeo deuse un caso con certa semellanza, o de Paco Rivas no mandato de José Carlos. Daquela as cousas non estaban tan marcadas, tanto porque Paco non levaba tanto tempo visible en política como porque máis que unha reposición de xefe o que se buscaba era máis ben a posición de segundo. En calquera caso, o dicir que estaba alí de xeito independente, sen sobmeterse estreitamente ó xefe de filas costoulle o futuro político inmediato. Hoxe está claro que os votos que obtivo despois de formar unha candidatura independente podían ter servido para que o seu partido orixinal tivera a alguén (el ou outro) sentado na alcaldía. E iso que tardou en poñerse de novo na escea política (ou non o deu feito antes ou non quixo facelo antes). Mentras, con acerto ou desacerto, segue estando presente na política municipal con moito movemento e disposto a seguir adiante, ó que se ve. En Foz, verase o rumbo que toma o tema, pero en Ribadeo está claro o que foi e o que é; pode que non tanto o que será, despois de observar nas estatísticas o que lles pasa ós independentes tras presentarse ás eleccións municipais, aínda que teñan éxito de primeiras e resistan o tirón das segundas eleccións: o perigo de queimarse bregando é moito maior que cando se dispón dun equipo de partido detrás, e a perda de apoio de non conseguir un papel visible como cabeza de goberno municipal ou bisagra maniféstase mediante unha maior erosión de voto. Asemade, as tentancións que sofren os partidos para atraer ós independentes con éxito tamén son maiores, como valor seguro, que as fichaxes novas de descoñecidos políticos. Non obstante, a medida que se achegan as eleccións, o camiño vaise aclarando e non parece pasar pola fichaxe.
Parece unha contradicción con que sexa moi convinte, alomenos de cando en vez, a presencia de independentes para o mellor funcionamento das institucións. Pero manifestamente, non o é.

Ningún comentario: