20091229

Os 10 000

Na Anábase, Xenofonte narra a epopeia dos 10 000 guerreiros gregos que tivero que retornar á súa terra despois de loitar entre os persas. Voltaron sen caudillos previos (ver a Galipedia ou mellor, ler a Anábase) e sen perder xente, en malas condicións, rodeados de inimigos. Certamente, unha epopeia.
Ribadeo quédase á porta dos 10 000 habitantes este ano, como estaba previsto, e a pesares dun aumento de poboación recente de case o 2%. A análise máis detallada sobre a evolución do censo fíxena xa hai uns meses, e xa tiña outras anteriores (1, 2, ...) . O caso é que polo momento, non terá máis concellais no concello, o que implica que os razonamentos electorais non cambiarán en canto a proxeccións. Pero tamén que non entrará dentro das cotas presupostarias correspondentes ós municipios de máis de 10 000 habitantes, co que o recibido per cápita non se incrementará no esperado se pasara dos 10 000, e polo tanto, non hai tampouco respiro para as contas municipais. É dicir, continúa a 'volta á casa' nas contas do concello, no medio dunha travesía difícil, ó 'estilo Anábase'. Faría falla en todo caso, precisar ata que punto hai a dificultade da volta e a semellanza das condicións que especifiquei antes.

En canto á provincia, forma parte dos 7 concellos (só 7) que están entre os 5 000 e os 10 000 habitantes, que entre todos teñen unha poboación pouco maior que a metade da capital provincial.
Coido de todos os xeitos que o debate pola cantidade está ocultando outras cousas, que non por menos sabidas ou sospeitadas deixan de ser máis relevantes para a textura da poboación. A gráfica á beira, construída a partires de datos do INE, amósao á claras. A pesares da acollida de inmigrantes estes derradeiros anos, que incrementa en particular a poboación en idade de traballo, a coñecida como 'pirámide poboacional' no caso de Ribadeo máis ben se parece a un bocoi que tan só no último quinquenio vai tomando algo de pé e voltando a superar a poboación de "<5" á ">85". Por certo, que se non me equivoco, aínda se nota a baixada de nacementos / emigración despois da guerra ...

Ningún comentario: