20101231

De O Tesón a Ribadeo

-Publicado hoxe na Comarca como resume das actividades da estación-
Xa chegou o fin de ano. Momentos para proxectar despois de facer revisión da memoria. Neste 2010 O Tesón ten realizado diversas actividades, comezando coas dúas asembleas realizadas e finalizando polo desvelado e presión para que as vidreiras da capela do cemiterio non sexa unha cousa máis que caia en saco roto.
Centrándonos no outono, sen querer ser exhaustivos, para a asociación comezou coa xuntanza da Mesa de Asociacións de Veciños de Ribadeo, na que foi revisada unha proposta para o regulamento de participación veciñal e a petición de xuntanza co alcalde para dar unha explicación da mesma. Como se ve, que haxa actividades non significa que as actividades den froito inmediato, pois aínda non se celebrou a xuntanza co alcalde nin tampouco se sabe nada da proposta feita, asemade deixada no seu momento no concello. Non obstante, a relación entre asociacións é algo necesario, como tamén consideramos que o é a o dispor dun canle permanente de relación co concello, unha base que non estea suxeita ós avatares das boas ou malas relacións do momento e que permita unha actuación a longo prazo. Por iso, seguiremos insistindo.
Dentro das relacións co concello atópanse tamén as preguntas ó pleno, nas que a asociación vai presentando, en practicamente tódolos plenos ordinarios, diversos temas que considera de interese. Non sempre se ten resposta, nin cando se ten sempre corresponde ó que se pretendía, pero á falta dun regulamento de participación, úsase e aprovéitase o que hai, ben escaso nos dous sentidos de ben. E así, atopamos preguntas diversas, como a realizada sobre o canón lanzacabos doado a Ribadeo pola armada norteamericana e actualmente na Cruz Vermella de Lugo. Estamos esperando o resultado da indagación do concello, como foi dito no momento correspondente, hai xa tres meses longos.
A asociación segue moi de preto os pasos dados pola plataforma se seguimento sanitario, primeiro da costa, e logo, da sanidade pública. É certo que se mantén nun segundo plano, pois é un tema que afecta a toda Galicia e quédanos moi amplo, pero alí estamos tentando que o interese de Ribadeo estea presente tamén nese foro. E Ribadeo ten intereses en que a sanidade funcione.
Fomos chamados a consultas para a realización de programas electorais. Alí estivemos, procurando non saír na foto porque temos claro que debemos ser independentes como asociación, por moito que cada persoa que estea integrada en O Tesón teña as súas ideas particulares e políticas. A parte do documento 'Base para un diálogo' que lle foi remitido ós interlocutores con posterioridade a cada xuntanza, nas entrevistas tentamos deixar claro que, a parte dun plan de redución de débeda do concello, as principais reivindicacións que propoñemos son inmateriais: trátase de que o concello funcione, políticos electos e funcionarios, cada quen dentro das súas posibilidades e responsabilidade, co cumprimento das propias normativas do concello, así como consideramos necesaria a mellora da credibilidade que candidatos e electos teñen por parte dos electores. Polo demais, o documento entregado tiña os apartados de Transparencia e participación, Sanidade, Recuperación de cousas e causas perdidas, Promoción (turística e outras), Ría e mar, Comunicacións, Obras públicas, Servizos e Industria, a parte doutros temas máis difíiciles de encadrar nun apartado concreto e dispostos baixo o epígrafe de 'outros'.
Un tema que foi escaparate da asociación durante o mes de outubro foi a realización das charlas 'Ribadeo e ...', que abrangueron os temas de o mar, o medio ambiente, a pintura de Dionisio Fierros e o tempo, en colaboración coa Casa das Letras, e impartidas respectivamente por Pancho Campos, Iván Rodríguez, Celia Castro e Luciano Zubillaga, todas persoas relacionadas con Ribadeo. Deixou un bo sabor de boca ó ver que a asistencia se mantivo e aumentou ó longo do ciclo, e mesmo que foron pedidas máis, pero sobre todo, deixou unha boa impresión que as charlas se aproveitaran. En resposta, xa se anunciou un segundo ciclo para o mes de marzo.
A principal actividade social do período levou a un grupo de xente a Meira, onde puidemos desfrutar dunha visita guiada por José Mª Rodríguez á Colexiata de Santa María, resto do antigo mosteiro, así como da man de Carlota Eiros á casa máis representativa do século XIX na vila, ir ós dous presuntos nacementos do Miño, O Pedregal de Irimia e Fonmiñá, para poder xulgar a súa preeminencia, e participar dunha comida de irmandade. Polo camiño, visitamos asemade o lugar onde antigamente se atopaba o Mosteiro de Esperautano e a reprodución do tren mineiro realizado e explicado por Luis Sanjurjo. Un verdadeiro desfrute de tempo e compañía.
Para non alongar máis, pasaremos de longo os dous principais temas que caracterizaron a actividade no último mes: as vidrieiras, tema que continuará, e a recollida de sinaturas tentando a recuperación do xulgado para Ribadeo, no que somos conscientes que o paso seguinte debe ser dado por tódalas forzas políticas de xeito unido, sen fisuras. Lograrémolo?
Estamos no Nadal, tempo que se emprega para felicitacións e bos desexos cara ó novo ano. A directiva de O Tesón fai extensivos a todo Ribadeo, non só ós socios do colectivo, estes bos desexos, pero sen perder de vista aquel vello refrán que di 'a Deus rogando, e co mazo dando'... O futuro está en boa parte nas nosas mans, e se queremos que Ribadeo sexa un mellor lugar para vivir, é algo no que todos debemos participar.

20101230

Aquí como en Viena, 20101230



Unha boa actuación.
O Hernán Naval, prácticamente cheo, os músicos como en xeral nos 'Aquí como en Viena', con semblanzas particulares, por exemplo, con moitos gorros de San Nicolás/Papá Noel, en versión vermello/CocaCola. Na 'Pasarela do adeus' os músicos foron escapando da escea, deixando só ó final ó director saíndo detrás do único instrumento aínda tocando, unha frauta. Antes do ciclista ledo, presentación de Suso facendo historia dos 'aquí como en Viena' para que a xente que non coñeceu os comezos da banda teña unha certa perspectiva. E despois, antes da actuación, un ciclista polo patio de butacas, disfrazado do Papá Noel. Despois de entrar na zona de actuación, a bici pasou a ser estática e o persoaxe, Chema, tivo unha actuación paralela á da Banda.
De agasallo, unha selección de cachos de Nino Bravo, 'Nino Bravo en concerto', con interpretación de letras por parte do público, e como colofón, a Marcha Radetzky. Embaixo, a gravación dalgunha das pezas (coma sempre, no dominio público). Á beira, a portada do díptico e o interior, co programa e unha introducción de Suso López.
O Segundo Vals

Danza Húngara nº 5

Marcha Radetzky. Quen fala antes da Radetzky é o director, David Ballester:

Non foi en 28 de decembro (aínda que o pareza)

A nova foi do día 17. Nela tentábase facer eco das débedas de Galicia: "Galicia debe 5.800 millóns e xa é a quinta autonomía máis endebedada". Pero ... os gráficos presentados (non aparecen na ligazón web) tentan facer o detalle dos últimos tempos respecto dos anteriores, co que hai unha manifesta variación da información: a débeda sinalada para Galicia no periodo de Feijóo fáise medrar no gráfico menos da metade de rápido que corresponde sen variar de escala (aproximadamente, o sinalado con vermello representa a gráfica na mesma escala temporal ano tras ano), e no caso de Zapatero, a cousa é peor, pois corresponde a unha cuarta parte da inclinación que debería se a escala fora a mesma que o resto do gráfico.
Ademáis, a gráfica correspondente a Galicia no comeza no '0', co que a procentaxe de variación queda oculto en relación coa variación de débeda en todo o estado. En fin, que aínda que ás veces pareza o contrario, cada vez son máis necesarias as matemáticas de diversos tipos para tentar comprende algo da información que nos chega ... Claro que, para saber que a cousa está peor do que tratan de facernos ver, xa estamos afeitos, o mesmo que para ver por nós as causas do mal e asombrarnos polo tratamento que reciben.

20101228

Asamblea Amadores da Música 2010 (II)

Despois da 1ª parte, a non renovación da directiva, anunciada para a asamblea extraordinaria, e a conexión que fixen entre esa non renovación e o conflito a conta da actuación en Muxía, pola Virxe da Barca, fíxome preguntar por máis detalles sobre o tema, a partir de onde interviu máis da metade dos presentes, dende anteriores diretivos a músicos, pasando por xente que coido que era a primeira vez que interviña. En calquera caso, renunciando a recoller as intervencións unha por unha (saiuse de alí despois das 11 da noite, e a grande maioría do tempo foi de intervención múltiple, tranquila, construtiva e ó tempo sen que quedaran cousas no tinteiro), cabe dicir que tras a pregunta por máis detalles, Cecilia interviu para explicar que en Muxía estaba previsto un pasarúas, acompañamento da virxe ó pobo e retorno, pero non concerto; que lles fora ofertado un concerto sábado pero para que os músicos poideran ter un fin de semana, elixiran actuar o domingo, que xa tiñan todo previsto, ... Quizáis non sexa quen de recoller todos os matices que saíron nunha reunión onde prácticamente a totalidade da xente eramos vellos coñecidos de asambleas anteriores, e sen dar cousas por sobreentendidas, en realidade todos máis ou menos dispoñíamos de moitas vivencias conxuntas. A cousa é que as intervencións multiplicáronse, con opinións / feitos ditos por unha ou outra parte como:
Os músicos terán que recibir ordes, non selles pode consultar todo.
E o director quen ten que decidir. O de Muxía non se consultou, impúxose.
O director deu o seu visto bó
Eu negueime pola condición do que se ía facer en Muxía
En Vilamartín tampouco houbo un respecto á banda: actuamos á beira do bar coa xente tomando os viños
Habería que poñer as cousas claras
...
É dicir, a xente falou en moitos sentidos, cunha certa unidade de acción a pesares das diferentes opinións e propostas. Ó final da serie tentei facer un resume, cerrando o ciclo. A continuación dixo unha verbas o director, máis que nada enfocando o novo ano, pero tamén falando sobre o anterior e a falta de compromiso dos músicos e o compromiso da banda cos socios. Apostillei sobre que o fundamental dunha banda son os musicos, non os socios da sociedade que a mantén, e houbo asemade unha serie de intervencións, por exemplo pedindo a recuperación do festival de música de cine, a procura de ampliación de plantilla (habida conta que este ano non se quixo incorporar ninguén, despois de que o director fixera a proposta a oito rapaces e rapazas), a posibilidade de rescatar antigos músicos (a lembrar que a parte da cantidade de xente que pasou pola formación, a banda chegou a ter 103 músicos), a petición de máis ensaios á semana (máis ben de cara ó verán, pola dificultade de facelo dun xeito sistemático no inverno), a posición de que son os pais dos pequenos que veñen ó ensaio os que se sacrifican, a petición de semiprofesionalizar a banda motivando ós músicos con cartos, a constatación de que a banda vai amenos, de novo que non se comunica abondo cos músicos, que a diretiva está a botar balóns fora (é dicir, tentando botar a culpa ós demáis ou sinxelamente, esquivando a propia culpa), a observación de que o problema no ensaio non son os menores, outra en resposta apuntando que hai xente que traballa e ten polo tanto condicionantes, mesmo avisando que non se conte con eles por non poder ensaiar, que sempre pasou querer ter unha recompensa económica, a petición de criterios para premiar, coñecidos e recoñecidos polos músicos, ou a petición de que, como a banda está nunha encrucillada, se faga un plan xeral, un proxecto artístico a longo prazo.
Rematou esta primeira xuntanza lembrando Teresa algo que se esquecera, o ter retomado contacto coa Soc. Filantrópico Dramática para colaboración.
En rogos e preguntas solicito que se colguen na web os estatutos pois a xente non os coñece, non está á man en ningures, e pasouse á segunda asamblea, esta extraordinaria, para renovación da diretiva.
A asamblea constituiuse básicamente arredor da pregunta inicial: Hai algunha candidatura?
Como era de esperar, non había ningunha.
Si houbo diversas intervencións, e quedou a directiva en funcións, de xeito que haberá outra asamblea posteriormente (poden apuntarse uns tres meses, ata a proximidade de S. Santa). A concelleira de cultura falou para agradecer e apoiar á directiva, pero tamén ós músicos, pais e á sociedade a súa labor, e outras intervencións foron dirixidas a tentar alongar o período que se autoda a directiva en funcións (Marcos falou 'ata setembro, para ir co curso'), a explicar que a diretiva considera que se necesita unha renovación (Teresa), que a renovación si, pero non debera ser total para que quedara un poso de xestión, ...
É dicir, temos uns meses de Directiva en funcións.

Deixando o 28 para outro día: Asamblea de Amadores da Música de onte (parte I)

Onte, día 27, celebrouse a asamblea anual de Amadores da Música. en segunda convocatoria, ás 21:30, no salón da Casa do Mar, cunha asistencia de algo máis de 30 socios e uns cantos músicos (parte deles, incluídos xa como socios)
Na mesa, 7 diretivos máis o director.
En canto a lectura da acta anterior, lembrouse a asistencia de 33 socios, o lixeiro superavit do campamento musical 2009 ou os 20 000 € de superavit existentes daquela, na xuntanza do 19 de decembro de 2009. Algunha curiosidade máis, como a recollida en acta de que despois de ser enumeradas as actividades pola presidenta, a asamblea aplaudiu. desfilaron pola acta asemade a páxina web e a discusión sobre se dar cartos ou non ós músicos ou polo contrario, facer algunha excursión con eles.
Respecto a este ano, as contasforon presentadas tamén de xeito independente campamento e o resto. Respecto do campamento, e se non me falla a memoria, as matrículas importaron 6 660 €, puxo 2 700 a Deputación, 1 800 amadores e 2 460 sacáronse da rifas. No capitulo de gastos, entre outros, os profesores levaron 3 020, a limpeza algo máis de 300, os monitores 3 800, a comida 6 048, a asesoría, 189, ... ata 13 903 €, resultado así case equilibrado o tema, e contando ademáis que Const. Coto pagou as camisetas e a serigrafía púxoa o concello.
As contas de Amadores inclúen 1 677 € de teléfono (incluída p. web), 4 800 de comidas, 1 246 de viaxes, 142 de vestiario, 1 810 da federación (coido que aquí van asemade seguros), 13 135,04 de materiais diversos (incluídas as novas tarimas, que quen as viu sabe que representan unha mellora importante), 720 de carpintería, 1 705 destinados ó festival de xoves 'Hernán Naval' (onde se aboaron só 1 195,75 polas facturas presentadas), 1 249,85 de comisións bancarias (por exemplo, dos recibos devoltos), ... ata un total de 30 309 €.
En canto ás entradas, o concello contribuiu con 4 500 €, a Deputación con 13 381 (inclúe subvención de tarimas, pago de concertos, festival de bandas, ...), 6 700€ dos socios, 500 enviados pola banda de Mirandela para pago de autobús, cun total algo superior ó de gastos, co que queda un saldo, redondeando de 21 000 €. Están pendentes algún ingreso do concello, lotería, Deputación, ... e lémbrase que o concello paga serigrafía e ó director.
Actividades:
Concerto Aquí como en Viena
Concerto por Haití
Romería de San Marcos
Procesións de Venres Santo
Vilaselán
Procesión do Corpus
Concerto de Semana Santa
Concerto das Letras Galegas
Certame de intérpretes Mozos Hernán Naval
Festival de Bandas de Betanzos
Festival de Bandas de Ribadeo (con asistencia de bandas de Agolada e Pola de Siero)
San Roque
A Patroa
Vilamartín Pequeno
San tirso de Abres
A Caridá (que se suspendeu á metade por mor do mal tempo)
Campamento musical (no que houbo unha baixa matrícula, cuestionando o seu futuro)
Romería da Virxe da Barca (Non se foi porque os músicos non quixeron; máis adiante fálase ampliamente do tema)
Concerto de Sta. Cilla
... non houbo novas incorporacións á banda
Cea, lotería do Nadal, construcción das tarimas, ... e o día 30, concerto aquí como en Viena 2010.
Remata a exposición a presidenta, Teresa, aludindo a que teñen un certo desencanto na directiva porque creen que non teñen o apoio dos músicos, e anunciando que na asamblea extraordinaria que está convocada a continuación non se presentarán á reelección.
Coido que a partires de aquí cabe facer unha distinción dunha segunda parte, na que entra asemade a asamblea extraordinaria, polo que fago unha diferenciación de entradas.
-Segunda parte sobre a Asamblea de Amadores-

20101227

A Torre dos Moreno: fin do preludio e algún dato

O día 23 unha nota de prensa do concello levou a que mirara o DOG dese mesmo día, nun apartado referente a Ribadeo, que reproduzo embaixo. A cousa vai da Torre dos Moreno, Ben de Interese Cultural de Ribadeo (ver listado ó final), e o que se anuncia significa que a vía que máis ou menos se seguiu dende o 1996 queda arrumbada e polo tanto o que se vai a facer de agora en diante, representa unha novidade. Hora era. O grupo de Facebook para salvar a Torre foi e aínda é necesario, aínda que só sexa para non deixar morrer o tema.
Por que non se fixo antes? Por que non se aplicou a mesma disposición que xa ten obrigado a reparar outros edificios? Pasaron dende o 96 alcaldes do PP, PSOE e agora, xa finalizando o mandato dun do BNG é cando se decide cambiar de rumbo. Polo que se pode ler abaixo, serían necesarios algúns trámites, non é unha cousa inmediata. Pero dese pouco tempo administrativo a máis de 14 anos, vai unha distancia que se podería ter cuberto antes. O caso é que dende entón o concello pouco conseguiu, ata facerse co 21% de propiedade que ten na actualidade. E o cambio de corporación está á volta da esquina. As novidades que se produzan rematarán coa próxima corporación, pero comezaron xa con esta, nun período preelectoral.
Un titular, "El Concello de Ribadeo renuncia a reparar la Torre dos Moreno de acordo con los propietarios" paréceme que pode dar lugar a engano: non é que o concello renuncie á reparación, senón que renuncia a facelo dun xeito coordinado cos propietarios.
Por varias vías teño recibido mensaxes relativos ó publicado no DOG. O tema principal é o por que non se fixo antes. Eu engadiría que tamén hai que procurar o por que se fai agora, nun momento de crise, algo que vai ter un custe moi alto. O tema das vidreiras do cemiterio, con toda a súa gravidade, representa en custe económico só unha pequena parte do que pode representar unha solución definitiva para a Torre. O financiamento? Valería de algo apuntar cara a unha solución público-privada na que a parte pública conserve o control? Máis que nada porque a Torre para ser un éxito tras a reforma, necesitará moitas sinerxias e iniciativas. A ter en conta ademais que despois de décadas de ter a cousa parada ou aínda máis, mareada, o primeiro é recuperar a confianza de que se pode facer algo ben feito. Quizais para eso non sexa a mellor época unha preelectoral, e facelo sen anuncio de consenso nun tema onde xa se debera presupor entre todos os partidos, na procura dunha continuidade e unidade de acción.
En fin, como me din por correo electrónico: "Han estado mareando la perdiz entre unos y otros para al final tener que tirar por una calle que ya estaba abierta de siempre y que todos, y digo todos, los ayuntamientos de España están utilizando desde siempre. "
---
CONCELLO DE RIBADEO
Anuncio da proposta de resolución en expediente de declaración de caducidade ou perención do convenio de compromiso entre o Concello de Ribadeo e os propietarios do edificio Torre de los Moreno.
Por resolución da Alcaldía Presidencia do 19 de outubro de 2010 ditada no expediente citado, en relación co convenio asinado entre esta entidade e diversos propietarios do edificio Torre de los Moreno, do 20 de agosto de 1996, e actos subseguintes.
Vistas as obrigas impostas ao Concello e aos particulares polo carácter de ben pertencente ao patrimonio Cultural de Galicia, como BIC, en virtude do Decreto 104/1997, e considerando o disposto nos artigos 4º, 25º e concordantes da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, incorporados ao expediente os informes técnicos e xurídico, de conformidade co artigo 89º.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, formulouse a proposta de resolución que se transcribe na súa parte dispositiva:
1º A desestimación das alegacións formuladas no trámite de audiencia previo á proposta de resolución, na súa totalidade.
2º A declaración de caducidade ou perención do convenio referido ao non se ter podido levar a cabo o fin previsto.
O que se fai público para xeral coñecemento, de conformidade co disposto no artigo 59º da Lei 30/1992 citada e 194º do Real decreto 2568/1986.
Ribadeo, 22 de outubro de 2010.
Fernando Suárez Barcia - Manuel J.Díaz Sánchez
Alcalde - Secretario xeralBase de datos do Patrimonio histórico: datos da Torre dos Moreno na lista de bens de interese cultural de Ribadeo:

Bien: Torre de los Moreno
Comunidad Autónoma: C.A. Galicia
Provincia: Lugo
Municipio: Ribadeo
Categoría: Monumento
Código: (R.I.) - 51 - 0009117 - 00000
Registro: (R.I.) REGISTRO BIC INMUEBLES: Código definitivo
Fecha de Incoación: 07-08-1995
Fecha de Declaración: 17-04-1997
Fecha Boletín Incoación: 18-09-1995
Fecha Boletín Declaración: 08-05-1997
Disposición: DECRETO
Matiz: CASTILLOS
BIC de Ribadeo segundo a base de datos do MCU, con ligazóns ás fichas (usar na ligazón http://www.mcu.es/bienes/cargarFiltroBienesInmuebles.do?layout=bienesInmuebles&cache=init&language=es ou poñendo na mesma 'Ribadeo' en "municipio"):

Un escrito de Víctor Moro: Ribadeo sigue abandonado

Hai xa un par de anos que lle pedín permiso a Víctor Moro para publicar no blog os escritos seus na Comarca. Aproveito a súa resposta positiva, brindando a colaboración posible, para transcribir aquí o seu escrito aparecido na Comarca de 20101225, aparecida o 24. A dicir que non comparto totalmente o que di, pero si a base, e prefiro deixalo sen comentario previo e na súa lingua orixinal.
Ribadeo sigue abandonado
Por Víctor Moro
En más de una ocasión he escrito y también pregonado en alguno de los actos en los que me invitan a participar, sobre el lamentable abandono y la injusta dejación que viene padeciendo Ribadeo en los últimos cincuenta años. Se ha perdido importancia administrativa, cultural y empresarial. Se ha difuminado el sano orgullo de todo lo ribadense que siempre nos ha distinguido. En mi adolescencia nos sentíamos halagados por nuestra condicion de ribadenses alentada por sus manifestaciones culturales, por sus dotaciones sanitarias, por su importancia deportiva, por su destacado nivel socio-cultural, por su importancia administrativa y comercial. Hoy todo se ha perdido o está en camino de desaparición ante la pasividad de nuestros responsables y la agresividad del Principado de Asturias que tanto promueve, apoya y estimula sus tierras de Occidente, mientras que nuestra Xunta sigue ignorando la situacion fronteriza de Ribadeo, necesitado de atención y apoyo en su escandalosa orfandad, ignorancia que alcanzó su máximo nivel durante la etapa del presidente Touriño con Pachi Vazquez como conselleiro, actuando vergonzosamente de teloneros de Álvarez Areces en su escenificación cómplice de la Reserva de la Biosfera, aceptando que el río Eo desembocaba en el Camtábrico, tras su contumaz objetivo de eliminar el topónimo “ría de Ribadeo” que la Comisión de Nombres Geográficos del Instituto Geográfico Nacional, máxima instancia en España a efectos toponírnícos, declaró como único. A partir de ahí, todo lo demás son localismos espúreos, políticas irrelevantes, afanes de supremacía que se basan en negar y apropiarse de lo ajeno sin recato alguno ante nuestra pasividad.
He tenido alguna participación en el reconocimiento legal de nuestra toponimia y me consta que desde nuestro Concello se ha reiterado y solicitado atención a intereses ribadenses sin obtener respuesta alguna. Por mi parte, en mi condición de ribadense, que siempre he proclamado, también me dirigí a las distintas autoridades autonómicas denunciando esta situación. Recibí respuestas positivas pero lo cierto es que no cristalizaron en actuaciones concretas. Hasta ahora para la nueva Xunta Ribadeo no existe y nuestras demandas sobre el Juzgado, sobre el puerto, sobre la mejora de la atención sanitaria, sobre presencia activa en el gobierno de la Reserva de la Biosfera, sobre la Estación Ornitológica de entre tantas otras actuaciones que no relato por innecesarias, siguen sin considerarse. En este punto y a estas alturas sugiero, bajo la rectoría del Concello, interesar ala sociedad civil ribadense en las actuaciones necesarias, con participación de las distintas asociaciones locales y constituir una plataforma ciudadana en defensa de Ribadeo seriamente amenazado.
Escribo después de leer “La Comarca" del 11 de este mes sobre la gran superficie comercial del Occidente que el Principado planea construir “para competir con Ribadeo". Se intensifica así la actitud positiva del gobierno asturiano para promover el desarrollo de sus tierras del Occidente sobre lo que nada cabe argüir salvo, por nuestra parte, arbitrar desde la Xunta y poner en práctica cuanto antes las medidas necesarias para relanzar Ribadeo y su comarca ante las amenazas anunciadas con los estímulos e ínversiones necesarias
No se trata de enfrentar territorios, pues son mas las razones que nos unen que las diferencias que nos separan, alentando controversias por lo general de raíz política siempre destructoras. El Principado acaba de arrebatar a Santiago de Compostela la clausura cultural del Año Jubilar Compostelano. Es un serio aviso al gobierno de Galicia, ausente ante las ingerencias asturianas que exigen respuesta urgente y eficaz con proyectos de desarrollo económico en todos los campos y en defensa de nuestro patrimonio histórico y cultural. Ribadeo está solo y Santiago también. ¿Donde está el gobierno gallego?

20101226

Algo xeral, sobre unha broma editorial

En torno ó Nadal déronse moitas novas, tanto en Ribadeo como fóra. É de supoñer que de aquí a fin de ano haxa un pouco máis de calma para falar dalgunha delas. De varias hai inflacción de comentarios, o que non priva de que se poda facer algún máis, por curto que sexa. Por exemplo, sobre a lei Sinde e a maraña de cobros e pseudoimpostos relacionados coa idea base da lei proposta, de xeito direito ou retorto, dende o (re-)cobro polo préstamo en bibliotecas ó (pre-)canon dixital que pretende un pago pola presunción de que no soporte sometido a el se van almacenar obras sometidas a propiedade intelectual e pirateadas.
Hai menos dun mes que me atopo nunha librería española un libro de referencia para un tema determinado, "Surely you're joking, Mr. Feynman!", 13,95 $ en orixe (EEUU) se se prefire ler en papel en rústica na casa en troques de por medios dixitais, libremente e de xeito gratuíto na ligazón de Google que puxen, ou 10,95 € na librería, en España, onde a súa traducción ó castelán, "Está usted de broma, sr. Feynman?", vale na súa última edición, deste mesmo ano, tamén en rústica 20,69 € (despois de pasar por preto de 30 € a anterior). É dicir, un libro feito en norteamérica (impresión e edición), con supostos custes máis altos que aquí, que houbo que traer cruzando o Atlántico, sae a metade de prezo que a edición máis barata que corresponde aquí. A que se debe? Será á 'potencia económica' dos españois fronte ós norteamericanos, por exemplo?
En fin, sei que a 'Lei Sinde' non regula os prezos de venda dos libros en España, nin dos dixitais, pero a comercialización da cultura ten moitas ramas diferentes.

20101223

ISBN?

O ISBN é o numeriño que levan os libros como identificación. Segue unha normativa internacional, e todo libro que se precie un pouco pídeo e lévao posto. Non é necesario, pero si convinte de cara á difusión. Ata este mes, viña sendo concedido en españa pola 'Axencia española do ISBN', un organismo público dependente do Ministerio de Cultura, que facilitaba nun buscador a localización de todo libro que seguira o sistema, e co que se tiñan que poñer en contacto as editoriais para obter o numeriño da publicación e pasar así a estar indexada en calquera sitio, comezando pola propia base de datos da axencia. Falo en pasado, e o certo é que polo momento todo segue en apariencia igual. Pero non, resulta que nestes momentos, está xa en mans da Federación do Gremio de Editores de España (FGEE), en condición de ser a asociación profesional con maior implantación no ámbeto estatal representando e defendendo os intereses xerais do sector editorial. Iso, a parte de significar que a partir de ahora, a FGEE cobrará tres euros por ISBN que otorgue -antes era gratuíto-, e será esa entidade privada quen se encargará de distribuír os números e xestionar os arquivos de consulta, empleados como fonte bibliográfica fundamental por bibliotecas e librerías. Arquivos que polo momento (1 ano) seguirán dependendo de Cultura. Despois? Non se sabe.
Ata aquí, unha privatización máis, encuberta polo feito de tratarse dunha asociación e non unha empresa quen se fai cargo. Esta vez, no ámbito de cultura, onde antonte aínda se logrou que a chamada 'lei Sinde' non pasara a maiores pola porta de atrás, polo momento. Iso de 'pola porta de atrás' significa sen ser votada polas cámaras como é en xeral preceptivo, pero en España se escamotea con farta frecuencia, vía procedementos abreviados que se procuran 'ad hoc' ou sinxelamente mediante decreto. Por certo, aínda non me logrei enterar nin do por que esgrimido para esta privatización (será só por cobrar 3€ por cada número pedido? - non o creo, nin que eu saiba foi posto como tal) nin que se vai facer coa xente que había na oficina (teño pasado por alí e aínda é unha oficina grandiña), que presumo funcionarios que pasarían a engrosar as filas de xente funcionaria polo momento con pouca tarefa a realizar, e a xustificar ese ataque ante o grosor do estado a adelgazar por calquera medio, mentras as funcións correspondentes pasan a outras entidades ás que se lle asigna a labor, xa privatizada e con aínda menos control público.
Coido que chegados aquí, hai que distinguir entre rendemento do traballo e necesidade dese traballo: que o rendemento funcionarial en España non sexa alto, por exemplo, por duplicidade administrativa, non quere dicir que haxa que reducir persoal onde si fai falta: racionalidade si, trasvase a mans particulares do que debera ser de todos, non.
Retomando o tema, aínda que xa non direitamente o do ISBN, alguén se lembra que en Ribadeo pasouse hai algún tempo a xestión dalgún servizo á Deputación coa desculpa de que tiñan máis medios, mentras o persoal do concello seguía sendo o mesmo?
Coido que a xestión pública pódese facer doutro xeito. Quedando en mans de todos.

20101222

Liña habemus!

Despois de moitas reviravoltas, aquí está a "Resolución de 2 de diciembre de 2010, de la Secretaría de Estado de Cambio Climático, por la que se formula declaración de impacto ambiental del proyecto Línea eléctrica a 400 kV, doble circuito denominada Boimente-Pesoz, Lugo y Asturias." (descargable como pdf aquí)
Entre Pesoz e Viveiro hai uns cantos km, 81 terá a liña segundo a resolución, e 400 000 V implica unha liña de moi alta tensión, superior ás existentes pola zona. Respecto a Ribadeo, implica que hai que pensar xa máis de preto no ramal que se ten pensado para subministrar enerxía á zona, que está necesitada del polo aumento do consumo, e imperiosamente impelida á súa construcción pensando na posta en marcha do polígono ribadense (e quizáis tamén da piscifactoría de Pescanova da que falaba onte mesmo)
Quizáis sexa bo para todo o mundo botarlle unha ollada curiosa e comprobar os pequenos fallos na resolución que fan sorrir e pensar 'como todo vaia igual...'. Refírome a cousas como que a liña, segundo o documento pase por "(...) Alfoz, Lourenzá, Barreiros, Lorenzana, A Pontenova (...)". E tamén para facerse unha idea do aspecto da liña: a separación das torres será de 500 m.
Polo mesmo documento nos podemos enterar da ampliación prevista do LIC do Eo ó Carballido para converterse no LIC "cunca do Eo", ou a relación de institucións e entidades consulgtadas e as que responderon que non deixa de ser menos curiosa, comezando pola falta de resposta da Secretaria Xeral da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e continuando pola resposta de só dous concellos dos numerosos que atravesa (a Pastoriza e Viveiro, de diferente categoría poboaciónal, como se pode ver)...

Algo máis: http://www.ree.es/sites/default/files/04_SOSTENIBILIDAD/Documentos/tramitacion_ambiental/DIA/DIA%20L.%20220%20kV%20Boimente-Pesoz.pdf

20101221

Toda empresa colectiva require confianza

Recollo unha frase do libro 'Algo va mal' de Tony Judt (na p.70, 3ª ed) para voltar sobre unha insistencia de O Tesón cando é preguntado sobre o que facer cara ós programas electroais das próximas municipais. Porque o primeiro é facer que os candidatos sexan cribles cando fan unha afirmación, unha promesa. Se eso non ocorre, a percepción de calquera propaganda electoral é que estará feita para non cumprirse. E que o candidato correspondente (por esta parece que non hai candidatas) é irrelevante na votación, non merece tampouco consideración.
Dese xeito, ó tempo que se perde creto na democracia, os primeiros perxudicados son os propios candidatos, concebidos como tramposos mentireiros aproveitados, ás veces mesmo antes de que se teña algún acto de exmplo dese comportamento.
Continúo con outras dúas frases separadas só un par de páxinas no mesmo libro: 'a falta de confianza é claramente incompatible co bo funcionamento dunha sociedade'. Se non confiamos nos candidatos, non esperaremos nada (bo) deles, e non estaremos moi dispostos a arrimar o ombreiro a unha empresa, a de levar adiante o concello, que debe ser común (a vella aspiración de 'gobernante de todos', que o é o político electo e se lle enche a boca ó dicilo como senon viñera dado polo cargo, fronte a outras posibilidades como 'gobernante con todos' que estaría máis na liña do que é democracia, ou mesmo 'gobernante para todos', na liña do despotismo ilustrado)
Remato coa terceira: 'canto máis igualitaria é unha sociedade, máis confianza reina nela'. A sociedade con cidadáns de primeira e segunda categoría, non só no económico, senón no social, que se está a instaurar en Ribadeo via o desprezo de opcións -mesmo ás veces, maioritarias- e imposición directa ou vía presión, será permitido no chamado xogo democrático, pero non contribúe en absoluto a sentirse parte dun equipo, senón territorio conquistado.
En absoluto teño na cabeza ó escribir isto só a un candidato, equipo ou goberno actual ou pasado. Máis ben estou recollendo moitas novas nos xornais, declaracións na radio, e claro, tamén sucesos do pasado. E sacando conclusións ou inferindo posibilidades ou recollendo dúbidas a raíz deles. Por exemplo, por citar algo que pode resultar secundario nestes momentos, é posible que a alguén se lle escape que a pregunta do PSOE sobre a piscifactoría é facilmente relacionable coa falta de información (retraso de máis dun ano) sobre o resultado das escavacións co Castro das Grobas?

20101220

sobre unha piscifactoría

A finais da semana pasada atopeime nos xornais cunha nova sobre a piscifactoría de Pescanova na costa de Piñeira. Facendo un pouco de lembranza para todo o mundo, despois das reviravoltas diversas, xulgados incluídos, da piscifactoría que quedou na lagoa Cascos, cando estaba dando este tema os últimos coletazos, saíu á luz a pretensión de Pescanova de facer unha nova piscifactoría na nosa costa. Estaría ubicada ó oeste do Castro das Grobas, como mínimo limitando coa zona LIC, e dende a súa proposta, xa variou o seu emprazamento previsto para alonxar un pouco máis as instalacións, tanto da costa como do castro. Despois, nada.
Agora é o PSOE quen pregunta que pasa coa piscifactoría á Xunta, acusándoa de non querer dar para adiante ó proxecto. Tomando as cousas con cautela, pregúntome se non sería á empresa a quen lle correspondería dar o primeiro paso da reclamación, en troques de ser o PSOE quen o faga en primeiro lugar, polo menos a nivel de prensa. E non parece que sexa a empresa quen lle pedira ó partido que presentara a iniciativa no parlamento galego como se fixo, pois non aparece a cousa así por ningures.
En canto á situación actual da proposta empresarial, descoñezo se houbo algún cambio dende a última vez, na que se ben se podía acceder a algunha información tendo ido a Celeiro a procurala (sempre que un non tivera amiguetes ben situados, claro), o descoñecemento era xeral, e o coñecemento, puco anunciado. se a cousa segue adiante, haberá que facer un seguimento.
De calquera xeito, o que máis me chamou a atención da nova foron, por unha beira, o parágrafo no que o xornalista di que houbo unha 'suave oposición' á piscifactoría no su momento. Parece evidente que se volta a haber oposición, non será tan tímida. Pola outra, que se volve a repetir o dos '80 postos de traballo'. Algo que lembra cando quen se postula na actualidade a alcalde polo PSOE fixo apoio do recheo 'vello' e houbo quen me dixo que se xerase un só posto de traballo, xa pagaría a pena. O destrozo na ría quedou aí, coa variación de tamaño dos tesóns ou a redución da canle de acceso a Mirasol, o posto de traballo que se creou durante moito tempo foi por traslado da rula/Confraría de pescadores, e non exnovo, pero si, creouse un aparcamento e agora hai unha empresa instalada aí, que como había espazo, preferiu facelo antes que nos antigos locais dos pescadores... Neste caso, os 80 postos poden ser algo polo estilo: mallar a costa a cambio de nada. Por iso, o que falaba do seguimento da proposta.

20101218

Máis porto

A expresión 'máis porto' pódese entender de varios xeitos. Ocórreseme que en particular, de dous.
O primeiro, ter un porto con maiores dimensións en calquera das súas facetas, por exemplo, naves maiores, ou máis superficie de maniobra en terra. O último é o que se procuraba cando se fixo a ampliación de 8 000 m2 de recheo, a costa desa mesma cantidade de superficie de lamela de auga tranquila máis 100 m lineares de atraques. As naves maiores, o que se pretendía en parte cando se estaba tramitando a macronave con piares na auga.
O segundo, que o porto funcione mellor, sexa en rendemento, movemento de mercadorías, ... E atopo de novo un recorte de La Voz de Galicia: "Este ano aumentou o tráfico de mercadorías no porto de Ribadeo (...)", no que, baixo o epígrafe de 'Líder' (de movemento dos portos mariñanos), temos:
(...) "Durante o 2009 rexistrou un movemento de 204 862,39 toneladas (...) fronte ás 328 897,54" ... só entre xaneiro e outubro de 2010.
Aclárase por cantidades:
Pasta de papel, 252 124 toneladas (154 528 no 2009)
Areas naturais, 26 411 toneladas, e Carbonato de magnesio, 16 912 toneladas, (conxunto que non pon datos, pero que se mantén aproximadamente dende o pasado ano, contando que son menos meses)
Abonos 9 279 toneladas (0 no 2009)
Flejes de madeira, 5 278 (0 no 2009)
Minerais de ferro, 2 046 toneladas (0 no 2009)
Pasta química de madeira, 9 794 toneladas (0 no 2009).
+ operación del transporte de transformadores eléctricos (ou aquí) para unha subestación do Occidente asturiano.
É dicir, parece que se está optando por rendibilizar o que hai no porto ribadense en troques de procurar un porto que difiultaría máis unha ría sustentable. Quizáis veña dado en grande parte polas circunstancias, pero de calquera xeito, hai que celebrar que sexa esta a opción que sae adiante.
Ligazóns relacionadas:
Referencias varias sobre a macronave. Sobre a nave do porto. Máis sobre a nave. Opinión do alcalde. Unha ligazón externa sobre o tema. Unha ría con problemas. Nota de prensa de O Tesón sobre a nave. Fotos para visualizar a nave. ...
Datos sobre o porto (+ comentario sobre a rendabilidade do porto en 2010...). Volandera de protesta nave/recheos. Movemento de O Tesón en torno á conservación da ría. O medio ambiente, considerado en relación ó porto. De rías e xentes.

20101217

Estratexias comerciais

Aínda non se puxeron as luces de Nadal, pero este ano van ser de campanillas: un aumento do orzamento correspondente do 50% así parece presaxialo. Pola nova de prensa que uso, non me queda moi claro se o concello paga todo, os 9 000 € que costa, en troques de dúas terceiras partes que entendo que o xornal di que as pon direitamente, a parte da subvención a ACISA, que sería a que pagara de xeito indirecto o outro tercio. Das cantidades relativas poderemos falar en canto poda aclarar esta cuestión. En calqueira caso, este ano non haberá abetos a pé de tenda por mor do traballo que dan para os comerciantes e o manexo inicial e final: o medio ambiente coido que sairá beneficiado. Nada di a nova se este ano tamén haberá a todas horas os villancicos e, no seu caso, que criterio se seguirá para regular a potencia e horario de actuación dos altofalantes.
A estratexia de potenciación de vendas polo Nadal é usada dende hai moito, pero non entendo moi ben que se lle adique tal cantidade relativa de promoción en troques de tentar desestacionalizalas, como se di que se trata de facer no turismo. Tampouco entendo que non se faga unha avaliación do rendemento dunha estratexia comercial que se usa ano tras ano nun momento de pico de vendas e que ó final máis ou menos se di sempre que foi un éxito, precisamente porque hai o antedito pico, ou ben en todo caso se matiza considerando só a relación de vendas entre un ano e outro, en función das circunstancias económicas xerais. Val dicir que a música anima a xente a mercar? A música, as luces, poden animar. Que se traduza en vendas, ou a porcentaxe na que se faga, xa é outra. E será casualidade se o rendemento aflora, despois de ver o descontrol que caracterizou este tema outros anos, nos que non se utilizou ningún criterio para luces, música ou abetos, aparte de que noutros sitios fan algo polo estilo.

20101216

Comeza a propaganda eleitoral. Crítica doada

O dicir que comeza a propaganda é un xeito de falar, pois na actualidade as novas son propaganda de xeito continuado. De calquera forma, o recibir o primeiro folleto propagandístico dos partidos, enfocado xa de cara ás próximas eleccións, marca outro novo paso no ciclo de propaganda eleitoral. Neste, o adianto ven da man do 'Parladoiro', o 'Voceiro do BNG de Ribadeo'. Coido que é doado de criticar. Non porque exprese poucas verdades, senón porque se pode opinar dalgunhas presentadas como tales. O que ten estar no goberno municipal é o que ten: permite dicir o que fixeches, pero tamén permite comparar co que está feito.
A parte quedan cuestións de tipo técnico - propagandístico. Diso podería dicir abondo máis Ángel Alda, pero sinxelamente ver como unha publicación de calidade de imprenta remata no chan con abonda frecuencia nuns tempos nos que medir os cartos para que cheguen a fin de mes é un arte incita a pensar na efectividade dun gasto considerable. E desata a comparación do gasto nunha web que non existe (na realidade si, pero a información que presenta nestes momentos é correspondente ás anteriores municipais, candidatos incluídos). Web que sería dinámica, encadrando por exemplo cousas como a presentación da exposición sobre toponimia do concello, realizada onte (ver webs de referencia aquí), ou o comezo das sinaturas de adquisición de parcelas do polígono industrial, das que hai unha nota de prensa municipal, ou a apertura da rúa Villandrando despois das obras, xa realizada, e que en certo xeito se contrapón en imaxe á a rúa en obras que aparece na mesma progaganda impresa. Pero iso sería comparativa de estratexias propagandísticas, á que se podería replicar con máis ou menos razón dicindo que gran parte dos e das votantes ribadenses (cada vez menos) non acceden á web, por exemplo.
É moito máis doado coller as fotos da publicación e comezar a procurar defectos, algo que supoño que antes de que saia este artigo xa terá feito moita xente. Así, na contraportada sae una foto do antigo lavadoiro dos fornos no que aparece 'local de reunión', e no que se ve aínda en obras, pegada con outra do alcalde 'reunido doas asociacións ribadenses' cando a xuntanza correspondente leva un tercio de ano de retraso.
Na polémica orzamentaria, insistindo algún sector da oposición nun aumento das débedas e poñendo o énfase en que é posible unha suspensión de pagos, mentras que o goberno di que hai unha diminución de débedas, aparece unha cabeceira de páxina anunciando 'e todo o que fixemos logramos sacalo adiante sen pedir un préstamo bancario'. Mentras que o goberno non faga percibir á cidadanía a realidade das súas afirmacións, coido que a afirmación pode ser contraproducente.
Repito que é o máis doado. Meterse no que di que se fixo máis en profundidade require máis traballo, aínda que poida ser máis gratificante o paseo polas fotos nas que se ve que Ribadeo mellora, pero ... iso xa se ve como propaganda, e coido que para ser boa propagada, non ha de verse como tal.

20101214

Os Beléns de Ribadeo

Este ano, ó xa tradicional belén da Terceira Orde, sumaránselle outros moitos debido ó concurso de beléns organizado pola Agrupación Belenista de Ribadeo xunto co CCA, a máis do propio belén montado por aquela na antiga Casa Maseda (entrada por r/Villafranca del Bierzo). Non nos deixemos enganar polo título do seu blog, lembrando a película de Paco Martínez Soria "Y se armó el Belén", pois non ten nada de comedia e si moito de esforzo e ilusión.
A agrupación belenista xurde a partir dun grupo de xente arredor dos amigos da Semana Santa, constituíndo un núcleo de persoas activas que xa se involucrou o pasado verán no Curso de verán Luis de Trelles. Nunha nova iniciativa, xa está constituída a agrupación, e non só iso, senón que están transformados os locais da antiga Casa Maseda nun conxunto de espazos que teñen unha sección de recepción, administrativa, almacén, taller e agora, belén, que se pode ver direitamente dende a rúa a traverso dos escaparates da antiga tenda ou internamente. Aconsello entrar, para aprezar mellor os detalles de algo que se montou de xeito artesanal fixándose neles, como se pode ver nas imaxes do seu blog, pero tamén nunha presentación correndo á beira do propio belén, nas explicacións dos membros da agrupación ou nas reproduccións de documentos usados para facer o Herodión ou o pazo e a cidade de Xerusalén, por poñer dous exemplos. As figuras humanas, de varios tamaños, contribuíndo á perspectiva, son de autor.
A idea é non facer un belén repetitivo, senón pensar a construcción do próximo cando remate esta edición, que como os beléns máis tradicionais será exposta durante dous meses, dende o oito (este ano non puido ser mesmo dende ese día) ó mes de febreiro, coincidindo coa celebración relixiosa do tempo. É dicir, o próximo ano armarase un belén diferente.
Para esta primeira edición, recibiu a visita e bendición do Bispo da diócese o domingo a raíz de outorgar a confirmación a un grupo na igrexa parroquial de Santa María do Campo, como consta nas fotos que tamén hai no local. E consta a oferta do grupo para formar máis xente que sexa capaz de levar a bo fin a construcción doutros beléns, aspirando a que Ribadeo se integre de pleno na ruta de visita belenística.
En breve verase locer en diversos escaparates de Ribadeo o froito do concurso de beléns, pero, mentras, o tradicional da Terceira Orde xa leva tamén montado dende a fin de semana, atendido e explicado, cunha amplitude que o fai candidato á súa visita mesmo por grupos de xente, e con artificio de luces e a 'aparición' do anxo aproveitando as leis da óptica.
En Ribadeo, se ata o momento había só destacable para o público o belén da Terceira Orde, hai xa unha pequena ruta blenista que tenderá a aumentar e mellorar, pois está a crear escola.
As fotos? Algunha deixarei, pero mellor, in situ.

20101212

Ría de Ribadeo, non estuario

Coido que de novo este fin de semana pasou polas miñas mans unha nova periodística que identificaba a ría de Ribadeo como estuario do río Eo. Aproveito para aclarar algún punto que hai tempo tiña ganas de clarificar. Collo primeiro dúas definicións do DRAE (en castelán, claro):
"estuario. (Del lat. aestuarĭum). 1. m. Desembocadura de un río caudaloso en el mar, caracterizada por tener una forma semejante al corte longitudinal de un embudo, cuyos lados van apartándose en el sentido de la corriente, y por la influencia de las mareas en la unión de las aguas fluviales con las marítimas."
"ría. (De río). 1. f. Penetración que forma el mar en la costa, debida a la sumersión de la parte litoral de una cuenca fluvial de laderas más o menos abruptas. 2. f. Ensenada amplia en la que vierten al mar aguas profundas. 3. f. Dep. En ciertas competiciones deportivas, balsa de agua que, tras una valla, se pone como obstáculo."
De ambas definicións, coido que queda claro que o estuario sería a parte chamada 'ría de Abres', que se vai abrindo claramente e ten influenza mareal. O resto sería ría, a ría de Ribadeo: unha penetración do mar na costa onde houbo unha baixada do nivel da terra e entrou o mar, onde hai un claro predominio da auga salgada, polo que é un entrante do mar na costa. Hai estudos que indican que a renovación da auga da ría faríase cada tres mareas (de media, pois non todas as mareas son iguais), mentras que por termo medio, necesitaría abondo máis tempo para que os ríos (Eo e os pequenos, deso falo logo) fixeran esa renovación.
Sobre os ríos, collendo datos sobre a cunca (uns 820 km2 para o Eo, 70 km2 para a cunca do Río Grande e os regatos da zona entre Porto e Illa Pancha, e 120 km2 para os da zona Asturiana, dende o Suarón e Monjardín recollendo os regatos ata a Punta da Cruz, nos dous casos a partir de medicións feitas con planos e ferramentas do sigpac), en relación ó caudal dan un total de 25 m3 de caudal medio verquendo á ría , dos que 20 corresponderían ó Eo. É dicir, o aporte fundamental da rede fluvial sería o do Eo (pero cunha compoñente importante doutros cauces), e aínda así, os 2 160 000 m3 de media diaria quedan en ridículo fronte ó volume que representa a ría dende a Veiga a onde perde o seu nome: máis de 10 000 m de longo por unha anchura de máis de 500 m e máis de 3 m de profundidade, que fan que o tempo necesario para renovar a auga da ría con aporte fluvial (máis de 7 días de media) sexa varias veces superior ó necesario para facer o mesmo coa marea (día e medio).
... outra cousa sería se só consideramos a zona da 'ría de Abres'. Pero non se trata de eso. Así pois, ría, non estuario. Ría de Ribadeo, non estuario, nin do Eo.

20101211

Freewikileaks.eu


Hoxe non farei unha manifestación: Ribadeo está lonxe das grandes vilas e non haberá (polo momento) unha manifestación ribadense en favor de Wikileaks. Sirva ista entrada, visible ás seis da tarde, hora das manifestacións previstas, como un certo substituto.
Hai varios días que quería escribir sobre o tema, pero entre onte e esta mañá houbo varias cousas que me decidiron a facelo, despois da entrada minimalista de onte, que pode servir como introducción.
En principio, alédome de que a persecución a Julián Assange se fora diferenciando respectuosamente e coidadosamente na rede da persecución a wikileaks. A parte de que os cargos contra Assange e os métodos empregados den ganas de sorrir ó establecer comparacións con outros casos, ou o que eu pense sobre a súa falta de culpabilidade, está claro o por que da súa relevancia, como se se quixera personificar na figura do lider/portavoz de Wikileaks (ata onte mesmo) unha presunta ignominia do propio Wikileaks. Agora que a organización xa ten outro lider, é de supoñer que pouco a pouco os medios terán menos interese nel, e en tentar inferir unha culpabilidade en Wikileaks a partir da previamente inferida nel.
En canto a Wikileaks, (wikifiltracións ou wikifugas, como di a páxina da Galipedia) polo momento, pódese atopar na rede aquí (mentras non lle cerren de novo o sitio ou lle borren o enderezo url) nestes momentos coido que todo o mundo sabe que é: unha entidade que tenta facer o mundo máis transparente. Que haxa xente que a ataque dicindo que a transparencia é mala é outra cousa (coa que pode estar de acordo quen ten moito que ocultar/quere ocultar moitas cousas, por exemplo). Eu considero que é algo así como unha bendición laica... Perfecta? Perfecto non creo que haxa nada real...
O caso é que a Wikileaks intentana calar por diversos medios, e na actualidade está na loita pola supervivencia pública, isto é, por non perder o contacto co mundo, tanto para recibir novas que seguir difundindo como para poder achegalas á xente. De aí a importancia de accións como a da web Freewikileaks.eu ou de asinar para frear o asalto en Avaaz (supoño que haberá outros sitios).
Esto pasa ó día seguinte da imposible entrega dun Nobel da Paz a Liu Xaobo, un chino encarcelado como activista dos dereitos humanos ó que non deixaron ir a recoller o premio as autoridades do seu país. Unha persoa que devolve ó Nobel unha presencia que restou a concesión do Nobel anterior ás boas intencións declaradas por un político cara ó futuro.
Este é o mundo no que estamos a vivir, e no que ou tentamos participar ou lograrán que non podamos facelo.
Por certo, que vos insinúa o logo de Wikileaks?

20101210

Orwell

Atopo unha cita de George Orwell que visualiza unha faceta deste blog (polo menos, inténtoo): En tempos de engano universal, dicir a verdade convértese nun acto revolucionario. Así seguiremos.
(collido de aquí)

A luz, o seu servizo e o seu custe

Leo na revista da OCU un editorial deste mes sobre unha sentencia en Barcelona (aquí, un artigo sobre o tema da propia OCU). O motivo? a esixencia de compensación ás eléctricas polo apagón que sufriu Barcelona no 2007. O xulgado estima culpabilidade por carencia de inversión en infrastruturas. Responsabilidade? A cargo de REE e FECSA-Endesa.
Mentras, en Ribadeo, a posta en común de 12 asociacións de veciños hai dous anos ten servido para pouco. Algunha resposta indicando que se pasaban a pelota duns ós outros, unha resposta final dicindo que estaban dentro dos límites pactados para o servizo ... e aquí non pasou nada. Agora xa hai un precedente. Haberá que insistir para a próxima...
Por certo, a factura eléctrica aumentará a comezos de ano...
Unha referencia ós cortes de luz hai non moito en Ribadeando. E a carta das asociacións enviada a empresas entidades diversas, incluídas administracións públicas.

Liberación bookcrossing

O próximo sábado 18 unirémonos (quenqueira, eu penso facelo) á liberación de libros organizada pola xente de bookcrossing. Está previsto que sexa ás 12 da mañá, e en Ribadeo, como referencia, na 'zona de intercambio' da Oficina de Turismo. Así pois, esto non é só un anuncio, senón tamén unha invitación: a ceder ó común libros para ser aproveitados por calquera. Se están rexistrados en bookcrossing, mellor, pero se non o están, xa o estarán: día 18, ás 12 na Of. de Turismo de Ribadeo.

20101209

Idas e vidas do mercado e Ribadeo

Hoxe a prensa recolle dúas actuacións sobre mercados que afectan a Ribadeo. Nun primeiro momento tal parece que unha fora positiva e outra negativa. Logo ... pode ser que ó final a cousa sexa diferente. Aí van:
Unha: O principado impulsa unha área comercial preto de Navia. Máis ben cabe dicir que impulsará, pois a cousa aínda está moi verde. O obxectivo si está maduro: evitar un fluxo de asturianos cara a Ribadeo a deixar cartos na área comercial, e de paso, no centro comercial. E tamén están xa quedando claras filias e fobias: Os comerciantes de Navia recelan dunha competencia que lles pode comer clientes... En calquera caso, cousa de dous anos non hai quen llos quite (a lembrar o tema do ramal ferroviario a ENCE-Navia) e mentras poñeranse alomenos dous comercios máis na área comercial Eroski-Lidl en Ribadeo.
Dúas: O mercado de Castropol anda revolto: os comerciantes piden números clausus para evitar máis competencia da que consideran necesaria. Asemade, piden adecuar o lugar, ir ó Parque Loriente. Non é boa cousa que procuren restrinxir competencia para tentar seguir... Leva algo máis dun ano. A pregunta é: chegará a outro?
Outros anteriores relacionados: A salto de ría, o mercado son mercados. Saneamento nas beiras da ría de Ribadeo. A voltas co mercado. 11 mércores ás 11. Actualidade. Mércores, mercado. Aposta forte. Pasou o mércores. Electricidade, custo e distribución. De novo, a voltas co mercado. Unión/desunión. Tamén de política, esta volta no mercado.

20101208

Mercado dos mércores e choiva neste mércores



Cae auga a mazo. Este mércores anunciose mercado a pesares de ser festivo, o que en xeral faría que non o houbera, para aproveitar a afluencia de visitantes destes días. O que chove vai propiciar que non se aproveite moito. Non sei quen estará agora no mercado, pero estará enchoupado. E, pola previsión, a cousa parece que continuará, con tendencia a empeorar algo.
Á beira, o primeiro conxunto de datos corresponde á Pedro Murias (10:00 h), onde se pode ver que se ben non estaba chovendo moito naquel momento, o acumulado é unha cantidade importante: 24,8 L·m-2.
As gráficas máis abaixo corresponden a estación meteorolóxica do IES Porta da Auga, e dan conta de 24 horas, podendo ver que esta mañá houbo algún momento no que pasou de 20L·m-2 e hora, pero non se mantivo.
- confirmado. o mercado, hoxe, non batiu marcas de compradores ...

20101207

Luns no mercado do Nadal

Pleno de xente. Parece que na fin de semana non houbo moita, pero onte á tardiña houbo momento que non se cabía. Aproveitamos para ter 238 sinaturas máis a prol da recuperación do xulgado en Ribadeo (a falta de máis follas...)
Aquí, sobre o xulgado en ribadeando.

20101206

Nun día especial

Achegándonos ó que proclaban os 'carteis do Caudillo', contando os anos de paz, a Constitución polo momento segue adiante. Non considero a nosa consitución nin moito mellor nin moito peor que moitas outras. Hai quen a alaba e quen pide o seu cambio nalgún artigo xa, e quen ambas cosas ó tempo. Hoxe estamos de celebración, e por mal que despois se teña desenvolto o articulado legal, a amplitude de interpretacións que permite fai que sexa a nós, ós electores, co noso voto e a nosa vixiancia posterior (ou a falta dela), a quen se teña que achacar en primeiro lugar unha ou outra política, no sentido do dito moitas veces repetido de que cada pobo ten o goberno que merece. Quizáis o de merecer non sexa a palabra máis adecuada, pero ó cabo, é máis resultón que dicir que cada pobo ten o goberno que fai posible e permite.
Neste día, non obstante, lembrar a Haití, con unhas recentes eleccións de pacotilla despois do terremoto, a cólera, o ciclón, ... pode dar un alicerce máis para tentar arrimar todos o ombreiro en troques de tirarnos o trastos uns ós outros. Arrimar non significa esquecer a orixe dos males, ou non tratar de procurala. Non, signifca simplesmente tentar colaborar.
Ou lembrar Costa de Marfil, onde a semana pasada se proclamaron dous presidentes, e claro, dado que non pode haber dous ...
Agora ben, que nos podamos situar en posición netamente ventaxosa respecto dalgúns estados non significa que isto sexa jauja: por se non abondara o día a día para amosalo, aí están os 250 000 papeis de Wikileaks, onde se da boa conta de que a independencia xudicial pasa de ser sospeitosa a ter que demostrar que é realmente independencia, ou a actitude desleal respecto dos cidadáns dalgúns políticos, ou o sucursalismo en relación a nortamérica, rampante por riba do mandato do pobo, ou...
Por certo, deixo a continuación algo sobre Wikileaks, collido de twitter, para distribuír unha información que se quere escamotear:
"We will not be censored: WikiLeaks now running in over 208 locations
http://wikileaks.ch/mirrors.html"
Coido que non nin a primeira nin a segunda vez que cito no blog a transparencia como algo bo. Parece que a cousa non vai así 'so' por Ribadeo...

20101205

...Houbera/haberá unhas vidrieiras...? Ideas para a recuperación

Despois da saír á palestra coa denuncia do que pasou coas vidrieiras do cemiterio, tal parece que o tema quixera pasar desapercibido: un único artigo na Comarca, de Pancho Campos, despois da fin de semana no que saía a nota de O Tesón e o artigo no meu blog. As fotos (públicas, en flickr ou aquí, en facebook, tomadas por Pancho e etiquetadas en facebook como 'Vidrieiras da capela do Cemiterio'), como complemento, sen máis. Pancho Campos é o Presidente de O Tesón, e eu, o secretario. É dicir, ata o momento, fora da avv, alguha cousa nos xornais pola que parece que se vai abrir/que se abriu unha investigación por parte do concello, e punto. Oito vidrieiras cun valor que non se cuantificou polo momento, pero que é grande, e que pasaron a mellor vida no camposanto. Camiño que parece ser o que se pretende coa mesma historia da denuncia.
Pois non.
Supoño que dúas semanas aínda é pouco, e por iso non se voltou a saber nada oficial do tema. Supoño asemade que as institucións de diverso tipo necesitan para reaccionar tamén un tempo, e aínda non deron reaccionado, pero que o farán. Mentras, as vidrieiras foron substituídas por vidros e plásticos. E seguen, calquera sabe onde, pero de calquera xeito fixo que amontoadas por cachos, en moitos casos separados, en moitos rotos, en moitos con outros tipos de feridas, en todos, en mal estado.
A recuperación, como di Pancho no seu artigo, non se ve nada clara. Así, quizáis fora cousa de abrir un debade sobre o mellor xeito de facelo. Apúntome. As respostas poden ser dadas en moito ssitios. Aquí, no blog de O Tesón, direitamente no concello, nos medios de comunicación, nun dos varios sitios que en internet tentan facer de Ribadeo un lugar mellor, ...
Ideas para a recuperación das vidrieiras. Son necesarias. E para evitar que isto pase como auga de maio. A recuperación do debuxo que facían, o rescate de fotos que podan axudar a ver como eran, os detalles de como estaba o chumbo de suxección, ou mesmo da estrutura de soporte que estaba algo deteriorada e que poidera ser o detonante da situación, un protocolo de actuación para a conservación de bens de Ribadeo, ... Cousas a facer de xeito paralelo á denuncia. Non se trata de procurar culpas onde non as hai nin de escamotear onde as poidera haber. Trátase de facer as cousas o mellor posible, de gardar o noso patrimonio, de procurar facer un Ribadeo mellor.

20101203

A importancia dos símbolos


Pódese ver en moitos lugares. Aí están as bandeiras, por exemplo, e a súa imaxe de punta de lanza nacional ou borreguismo, segundo casos. Ou a barreira psicolóxica dos 10 000 en Ribadeo, que despois de ser alimentada para tentar facer dela un límite a superar, agora resulta algo a borrar, a desfacer... despois de non ser conseguidos os 17 concelleiros para o próximo mandato.
Ven a conto do novo logotipo de Caixa Galicia, perdón, da NovaCaixaGalicia, que viu a ser presentado polo flamante novo xefe da tamén nova empresa como correspondendo a dúas velas empuxadas polo vento a traverso do noso mar e a nosa terra. Algo así. Leveime unha desilusión pola primeira percepción quetiven, sen saber a interpretación que quería a empresa que se tivera. Así como a correspondencia coa forma de Galicia na actualidade é evidente, vin nela a división da terra galega nunha fachada atlántica e un interior verde, separados, marcando unha profunda separación que non é a primeira vez que se deixa ver, pero que así queda cristalizada nun símbolo. No logo, supónse que para moitos anos, a flamante e potente fachada atlántica vivirá simbólicamente separada dun interior/oriente minorizado (coméuselle extensión relativa ás provincias de Lugo e Ourense na representación, invertindo as porcentaxes Correspondentes á Coruña e Pontevedra), verde, e máis atrasado. Pode dicirse que é cousa de misturar as cores das caixas fusionadas, ou o das velas con vento en popa alegado na interpretación oficial. Que os feitos se correspondan a isa realidade, e poderase virar para isa interpretación. Mentras, lamento a outra, a que está exposta máis enrriba.

20101202

De mulleres

Non puxen aínda nada de moitas cousas que o merecen. Entre elas, o acto celebrado hai pouco con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nel, entre outros, leuse iste poema que poño a continuación(a raíz de atopalo xa publicado aquí), así como noutro momento, nun cursiño, visionouse o vídeo 'A princesa que quería ser muller' (ver abaixo):
Sextina de mulleres mortas - MARICA CAMPO

Apenas hai palabras e unha é morte.
Calella sen saída é outra: medo.
Chamámoslles muller, mais tiñan nome,
como falar de espiña a dicir rosa.
Todo foi un camiño cara ao sangue,
o voitre e mais a pomba nunha casa.

Eu quero acubillalas nunha casa,
vestilas de memoria contra a morte,
recoller como pétalas o sangue,
armalas, guerrilleiras, fronte ao medo,
alzar como bandeira libre a rosa,
berrar aos catro ventos cada nome.

No hai sitio no eco, tanto nome
non atopa apousento nunha casa.
A palabra será non máis a rosa
a constatar fatal que veu a morte
e amordazou o grito e mais o medo
que quizais aínda garda, frío, o sangue.

Nada pode esquecerse, berra o sangue,
regresan días cegos, din o nome,
din a dor, din a rabia, din o medo.
As pantasmas saloucan pola casa
e algún tremor oculto move á morte
cando a cinsa implacable alcanza á rosa.

Así morreu o amor, tal como a rosa.
A paixón que cantara polo sangue
deveu río letal, hedra de morte.
Boca que vos bicou comeuvos nome
e fostes unha peza máis da casa
posuída da couza, cor do medo.

El: sempre te amarei, non teñas medo,
ti es a miña estrela, a miña rosa,
a raíña do mundo, a luz da casa...
non me tires do xenio, haberá sangue!
Maldita a túa estampa e o teu nome!
Fuches ti quen buscou tan mala morte!

Se escribir tanto medo, dicir rosa,
trouxese a carne ao nome dende a morte,
volvese o sangue as veas, paz á casa.

20101201

A música fai ruído

Aínda está recente o concerto de Sta. Cilla cando sae na prensa unha vista contra o concello por unha querella presentada polo ex-director da escola (á que resulta que chegou tarde, fastidiando toda posible argumentación pola súa parte) e agora transcende que alguén entrou na escola, sen forzar a porta, e fastidiou o instrumental dun profesor, e só iso. Dende Hernán Naval coido que imos polo 7º director da escola ou da banda en menos de 10 anos (o próximo ano estánse prantexando unha serie de actividades precisamente para levar adiante unha lembranza de Hernán) e parece que a música ribadense -sección banda, que a estabilidade da coral é envidiable-esteña de gafe: cando se vai encamiñando o traballo e véndose resultados, pasa algo que enturbia a labor precendente. Non podo dicir o que, pero algo pasa para que se xunten sorte, mala leche, ... Polo momento, este último episodio non ten por que enturbiar o futuro da banda, pero supoño que terá algo que ver con cousas anteriores que poden seguir a actuar...

20101130

Marquesado renovado: Ría de Ribadeo

Unha nota que parece só atinguir ós ribadenses: o marquesado de Ribadeo xa pasou, vía BOE, ó fillo maior de Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo, Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín, novo Marqueś de 'la ría de Ribadeo'. Así temos un título nobiliario que fai honra ó nome oficial da ría, denostado en moitos lugares. O irmán do novo Marqués, Juan, é político en Castropol, e é certo que non tiña lembrado escoitarlle ou lerlle outro nome para a ría, pero tampouco o de ría de Ribadeo. Por iso fixen unha procura en internet, e atopo que hai veces que bordea o tema, pero hai algunha que vai ás claras, como nesta entrevista, onde non pode escorrer unha pregunta direita ainda que o intenta:
"-¿Ría del Eo o de Ribadeo?
-Otro asunto que no debería ser un conflicto, pero lo es. Es una polémica inventada, artificial. Cuando era alcalde y como portavoz del PP siempre he dicho ría del Eo, por respeto a mis vecinos. La abuela de mi mujer, que es asturiana y tiene 95 años, siempre dice ría del Eo. Soy consciente de que en el lado asturiano de la ría se ha dicho desde hace muchísimo tiempo ría del Eo. Al final el conflicto lo zanjó una comisión geográfica en Madrid. Naturalmente hay que reconocer un derecho a los habitantes de esta zona a llamar a la ría como ría del Eo, lo que ya es más discutible es que esa denominación deba ir en las cartas náuticas. Esa batalla no salió bien, pero eso no impide que coexistan ambas denominaciones. " (La Nueva España)
Así pois, será pola clara postura de La Nueva España en contra do nome oficial de ría de Ribadeo, pero o caso é que na nota o irmán do Marqués da ría de Ribadeo opta por algo que poderiamos chamar 'cooficialidade matizada', con repetición do topónimo rexeitado oficialmente. Así, segue a aclarar a renglón seguido:
"-¿A qué atribuye la polémica?
-El problema se sacó políticamente de su contexto porque a veces se pretende buscar la identidad en el conflicto. Asturias se ha sentido en la necesidad de hacerse más asturiana reivindicando una denominación en la que se quitara el nombre de Ribadeo. Como portavoz del PP, hablo de la ría del Eo, pero a mí me sale ría de Ribadeo, aunque en muy pocas ocasiones, porque aquí, normalmente, no ponemos apellido cuando se habla de la ría.
-El debate se reavivó con el título nobiliario a su padre.
-Sí, aunque fue una polémica razonablemente menor. Evidentemente, mi padre, que nació en Madrid y vivió aquí, no había dicho en su vida ría del Eo, como el 95 por ciento de los ribadenses."
Pode chegarse a diversas conclusións, (Juan Calvo Sotelo, postura mantendo a súa postura a parte deixa ben ás claras "Asturias se ha sentido en la necesidad de hacerse más asturiana reivindicando una denominación en la que se quitara el nombre de Ribadeo") pero ocórreseme unha delas, agora que moitas cousas s emiden por internet: o número de veces que sae nas procuras o nome o Eo asociado á ría multiplícase en cada artigo nesa prensa asturiana.
En fin, algo que seguirá. Mentras, xa temos ascensor á ría (Ribadeo) ou nave verde sobre o peirao (porto 'da Veiga', Castropol), no que toca á beira, e recheos nunha e outra zona da ría. Seguirá isto tamén?

20101129

Brutalidades ... por Pancho Campos

(Publicado na comarca del Eo o 20101127 (en conexión coa nota de prensa de O Tesón e con "Un momento, pero ... non había vidrieiras aí?")

BRUTALIDADES PATRIMONIALES
Ribadeo, un pobo sensato, eminentemente liberal... arrastra desde séculos os errores dos gobernos municipales, producto de un tino pouco táctico no manexo dos negocios públicos. De ningunha das maneiras, todo hai que decilo, nacido das pasións punibles do enriquecemento propio. A cuestión sempre é liviana sobre a conciencia, non ofrece grave consideración, nada se sale da órbita do autorizado.
Os individuos, adoptan medidas en circunstancias de poder decisorio... e entón, algunhas veces, xurden as brutalidades sobre o patrimonio histórico, medidas propias do bruto, do necio, do incapaz, do bobo, do estúpido, do lerdo, do insensato, do que se fai de maneira torpe e sin razón. Si se obrara de mala fé, utilizaríase a maldade, a saña e a crueldade para destruir. Pero non, sempre se obra de boa fe, e entón, entra en xogo a torpeza e a insensatez, que son pais da sin razón, acunada pola falta de cultura e da deficiente preparación práctica e teórica dos individuos que teñen que levar adiante as ideas.
Os que somos afectos as “antiguallas ribadenses”, vemos que hai claros exemplos das brutalidades que históricamente se cometeron contra do patrimonio veciñal. Escollendo entre os máis sangrantes exemplos deste tipo de brutalidade sin razón e de incapacidade, relemos datos próximos da memoria do século XIX:
1) Cando se decide non rematar a obra da Colexiata, a cantería dos sillares esculpidos das columnatas, as lápidas blasonadas que eran testimonio vivo da heráldica rexional, pezas únicas, dignas de figurar en calquera museo argueolóxico provincial ou nacional, pasan a ser escombro, e a facer parte do relleno da rampa do muelle de Figueirua, e outros sillares, que aínda había acumulados a finales do XIX, son utilizados para paredar por dentro os túneles da vía do tren de Vilaudriz. En “La Comarca del Eo” hai varios artigos de Juan Carlos Paraje Manso e de Cándido Sanjurjo nos que se fala desta barbarie.
2) Cando se quer facer a Torre dos Moreno, destrúese a Torre Julia e todos os restos de escudos e pendóns de armas dos Condes de Ribadeo, restos de cousas curiosas de “armerías”: picas, cuchillos en forma de escramasajón, lanzas, ballestas, plumadas, dagas, partesanas, mazas, etc. (Bibl. Miguel G. Teijeiro, Ribadeo Histórico Monumental y Diplomático, 1914)
3) Cando se repara o tellado da Casa do Concello, século XX, anos oitenta, no medio dos escombros da obra, vanse centos de páxinas do arquivo histórico municipal: actas de plenos, de goberno, de cédulas de sangre, etc.
Pois ben, con moita tristura, sin ningunha esperanza e de moi mala gana de decir esto, vamos espoñer os nosos veciños o seguinte resumen:
O día 16 de novembro pola tarde, chega a directiva do Tesón, a denuncia de un ribadense, que nos manda ir mirar, para que vexamos de primeira man, que se destruiron as vidrieras emplomadas da capela do Cementerio Municipal, que está en obras de “restauración”.
Salimos inmediatamente investigar o que pasa, e unha vez visto que non queda nada das vidrieiras nos ventanales, tratamos de poñer en coñecemento do caso, os membros competentes do Concello, esto é, o alcalde, co que non puidemos contactar por estar en Barcelona, na presentación do libro “Leopoldo Calvo-Sotelo Un retrato intelectual”, e dado que xa era moi tarde, contactamos o día seguinte con Horacio Cupeiro, na Casa do Concello. Este non se deixou esperar, e con premura, investiga, e encontra que as vidrieras. Desapareceran entre o escombro das obras. Están tiradas nun contenedor de lixo na parte de atrás do cementerio, entre flores marchitas, restos de coroas de difuntos, trozos de maceteiros de barro, de plásticos e porcelanas diversas. Sete vidrieras desfeitas, desfietas no lixo, menos unha enteira, “milagrosamente” coa que unha persoa culta se había quedado, por que lle dera pena velas destruir. ¡Que pena que non fora o maestro de obras esta persoa precisamente culta!!! ¿como puido, un individuo con dito cargo, e para máis inri jefe de unha Escola Taller, mandar facer tal desfeita? Seguramente, porque nin é maestro, nin por suposto de obras... quizais de demolicións... e con posto de mando que... ¡a saber!
Por outra banda ¿donde está o informe do arquitecto do Concello, que ten que supervisar ditas obras de remodelación? ¿está en este informe do arquitecto, previo a obra, que as vidrieras teñen que ser sustituidas por marcos de angular de alumnio e paneles de cristal transparente, como están na actualidade? ¡Pois é o que nos faltaba... que puxera esto o informe!
As vidrieiras “eran emplomadas”, de arte decorativa vanguardista, posmodernista, cuxa fonte de inspiración posiblemente foi o art Noveau nacido a partires da Exposición de 1867, pola influencia oriental, especialmente da arte xaponesa para pezas de interior, son vidrieiras cuasi Art Deccó que rompe co pasado xeométrico clásico, que por aqueles tempos se fai patente en obras de incrustacións de nacar en taracea de madeira, esmaltes de formas e consecucións variadísimas, en cristales opalescentes que cada un por si mesmo é unha obra de arte, unha xoia, ese tipo de obra que destaca precisamente desde 1925 a 1935.
As vidrieras feitas en cristales de colores, elaborados a mao, presentan ondulacións nas caras, ou sexa, nos son de cristal laminado como os de uso corriente, estan teñidos de forma esquisita coa técnica “gris-humo” coa que se fan as plantillas das flores, das follas de acantos, das figuras da iconografía. Posiblemente estaban elaboradas polos mesmos artesanos que lograron as decoracións relevantes das cristaleras do palacio dos Moreno, o edificio maís emblemático de Ribadeo, obra a punto de ser destruída, encargada tamén polos irmans Moreno Ulloa, que tiñan un gusto refinado e cartos dabondo como para facer as cousas ben, moi ben, e a decoración da súa capela no cimenterio de Ribadeo, data de 1932, con iconografía distinta en cada vidrieira, coa pasión de Cristo, posiblemente firmada (non apreciamos este detalle, de momento, nos restos que puidemos revisar no carretillo do escombro)
E nos preguntámonos si alguén se estará a dar conta, que de ningunha das maneiras que sexan, se poderá recuperar o destruido... ¿como é posible que fosen a totalidade das oito vidrieiras, mandadas tirar o lixo...? ¡nin unha... nin dúas... que estiveran mal, non, as oito...! ¡que barbaridade.. que brutalidade! ¡como pode haber xente con tan pouca cabeciña en postos relevantes!
Este é o derradeiro caso, triste é sangrante contra do noso patrimonio, un feito máis, da malfunción administrativa, co que se perde outro anaco de patrimonio doado por Señores Veciños, por Señores de Ribadeo que tiveron que emigrar para traernos un raio de luz o pobo, un patrimonio que queda destruído para sempre.... só nos quedan mostras da grandeza das doazóns, nos libros, e nalgún vestixio orixinal, como son, neste caso, as vidrieiras emplomadas dos “rosetóns-crismóns” da capela... ¡que pena... que pena, que despilfarro!!! Pero algúen ten que responsabilizarse de todo esto, alguén ten pagar este despropósito, non se poden marchar todos os actores de rositas, e facer como que que aquí non pasou nada... non....aquí pasou moito, e hai que depurar responsabilidades, sin lugar a dudas: maestro de obras, arquitecto municipal, o alcalde, a corporación municipal en pleno, etc. todos son responsables, ou sinon que nos expliquen ¿quén é o responsable?
É imprescindible e urxente, o meu entender, que debe crearse unha Oficina Municipal de Inventario Patrimonial, con reportaxes fotográficos, de todo canto é de dominio e patrimonio público (sin excepción), para que cada vez que alguen toque algo, haxa constancia do orixinal, para en caso de necesidade, podelo reconstruir ou pedir contas do que se fixo.... non podemos seguir en maos de unha administración patrimonional irrelevante, impersonal e de sentimentos de plástico, sin ningun sentido ribadense... de caracter nacional, supramunicipal, que deixa hormigonar os cimentos da capela da Atalia, unha capela do século XII de Ribadeo; que deixa construir un ascensor sobre unha das mellores vistas panorámicas da Ría de Ribadeo, e que da órdes para facer recheos de escombro para construir unha escollera sobre o maior xacemento arqueolóxico submarino de toda a Ría e de valor inapreciado, de unha administración extraña a nosa terra, que xa no seu día deixou escombrar as entradas da Cova da Vella e da Cova dos Sete Encantos, a praia de Cabanela, a das Arenas e a de Lino, etc. etc.
Quero terminar con unha reflexión de esperanza, esto é, que aquela carretilla que eu fotografiei, chea de esqueletos de plomo e cachiños de cristales tallados e decorados das vidrieiras, sexa conservada impoluta, e a bon recaudo, ata ver quen será o encargado, maestro en arte de vidrieiras, que se faga cargo de tamaño puzzle e da remodelación das mesmas. O costo da obra, seguramente será moi alto... veremos de onde se saca agora a “subvención” para pagar o estropicio... ¡porque amañar hai que amañalo...!
pancho campos

20101128

Concerto Sta. Cilla 2010 da BMR


Deixo a carón o folleto de información do concerto de Sta. Cilla de onte (pódese ampliar a imaxe premendo co rato), e abaixo dous fragmentos de son.
O concerto, no auditorio Hernán Naval, compensou o non chegar a media entrada coa calidade, que o público recompensou en xeito de aplausos.












Churumbelerías, de Emilio. Cebrián Ruiz, pola banda, hoxe (atención, hai anuncio antes e a música comeza no segundo 9 despois deles):Enlace

E como non, os aplausos do público ó final:

20101127

De novo, o ruído

En Burela, esta vez, con petición de cárcere e forte compensación económica. Mentras, en Ribado, a pesares da crise, a pesares da condena ó concello hai máis dun lustro, a cousa segue. Con menos intensidade, si, pero segue. Incumpríndose a insonorización, a obriga de manter portas pechadas ou o horario de peche. Incumpríndose o sacar os vasos á rúa. E sen chegar a nada moitas denuncias porque ... como hai moito ruído, non se pode distinguir exactamente de onde provén cada parte. Así, o haber diversos ruídos é unha salvagarda para que siga habéndoos. E outras denuncias, sen tratar. Din que é un motor económico de Ribadeo. Seráo. Tamén as drogas sen control o son noutros lugares.

20101126

Ribadeo virtualizado (II)

Como coido que máis dun e/ou unha se quedou sen ver o correspondente á ponte dos Santos, fago unha entrada sobre o tema:
(pinchade na imaxe e arrastrade de dereita a esquerda)

É abondo menos impresionante na imaxe que a Torre, pero ... De calquera xeito, velo sobre o mapa da ría da un efecto moito mellor.