20100812

A ría de Ribadeo, dende outro punto de vista

Poucos días despois de queixarme da pouca influenza da ría como noticia, de novo é nova a ría. Esta volta, a conto da visita do mandamáis de portos a Ribadeo, o futuro dragado da ría (90 000 m3, ver anteriores citas dispersas en artigos: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, ...), a obriga de botar a area moito máis lonxe que ata o momento (non hai tanto tempo -marzo 2004, referido en Ribadeando, o libro- deixei reseñado nunha entrada que a area do dragado da canle das Figueiras se botaba a uns 700 m da punta da Cruz) e como fondo, a polémica pola colmatación da ría.
Moito cabería falar do tema da colmatación, que xurde de cando en vez e sempre asociado a temas económicos 'urxentes', esquecendo o longamente pedido plan integral para a ría. Por poñer un exemplo, fálase agora de 90 000 metros cúbicos. Se se ten en conta que o frente externo do peirao de Mirasol ten 500 m, e a anchura da canle asignada é de 120 m, sae que o dragado poderá afectar á profundidade no seu entorno nuns 1,5 m de media. Sen afectar nese caso á canle de desprazamento para a saída da ría... que se estreitou e está a colmatar máis rápido polas mesmas obras realizadas por portos, dende o recheo dos oitenta ata o espigón con saída xusto fronte ó embarcadoiro de Porcillán, ambos con pedras vistas á ría en troques, como mal menor, de superficie lisa, para deixar circular mellor a auga.
Por outra banda, non se difunde o estudo feito sobre a bondade do medio, reseñado varias voltas neste blog. Nin se fai un estudo serio, que eu saiba, sobre a dinámica na ría (está colgado o estudo de hidrodinámica da ría de Ribadeo de Silvia Piedracoba, que estuda a fondo unha parte fundamental da ría, pero non saca conclusións prácticas, necesita un adiamento, evita zonas puntuais pero claves de fenómenos costeiros e ignora a zona máis interna, de pouca importancia en principio pero directora do que sucede máis cara á saída), que é necesario para coñecer actuacións en profundidade (aínda que se despois non se lles fai caso, como ocorreu coa praia dos Bloques e as recomendacións de Isidoro Asensio...).
En fin, mentras, a visita do presidente de Portos serviu para avivar o enfrontamento Xunta - Ministerio de Fomento (se se quere, PP-PSOE), ou por outra banda, Ribadeo-Castropol, ou mesmo deixar a evidencia dos desencontros internos e desplantes en Ribadeo, dentro do concello.

Ningún comentario: