20100923

Colgouse o cartel de non hai localidades

Onte déronse un par de curiosidades en Ribadeo. A primeira, que se pode titular, parafraseando a biblia, "o ordenador perdido e recuperado en Ribadeo", foi exactamente iso: un ordenador que se perdeu e se devolveu porque foi anunciado que se perdera. O beneficiado da volta, un viaxante que prenoctou en Ribadeo, e todo o pobo coa noticia. Por certo, que na prensa non sae quen o devolveu.
A segunda ten outro matiz: un can que solto nunha rúa principal e peonil, Pedro Murias, propiedade de xente que se gana a vida 'pasando o gorro' con actuacións de rúa, morde a unha muller que ía depositar moedas pola actuación. A nova non di se ó final, as moedas caeron ó sitio onde ían ou non, pero deixa claro que a muller rematou na Casa de Saúde e que a Policía Local tivo que enfrontarse á parella propietaria.
De calquera xeito, e aínda que non fora exactamente nova de onte, foi o día no que se fixo vox populi que ó 'último' dos candidatos á alcaldía, o do PP, só faltaría nomealo. Así, xa estaría completo o plantel de posiblidadades para o futuro do pazo de Ibáñez. O virtualmente elixido sería Manuel Valín, que xa foi primeiro tenente de alcalde en dous mandatos por esa formación, aínda que nos presentes catro anos non esteña na corporación municipal. De calquera xeito, e despois de un ano enteiro coleando a elección, por esperar uns días á confirmación non pasa nada.
Ben, en realidade quedaría outra posible lista, a parte de BNG, PP, PSOE e UPRi. É unha que está sendo promocionada por Ángel 'Araña' como alternativa graciosa e protesta fronte á política actual no concello, pero que non se sabe aínda se se materializará, segundo di o promotor, polas dificultades para cubrir os postos da lista.

Ningún comentario: