20101101

Facendo historia: sobre' Vilaselán, aproximación histórica'

A semana pasada, falando cunha persoa allea en principio a Ribadeo pero que xa vai coñecendo moitas cousas da nosa vila, dicíame que a historia de Ribadeo está por contar. Era un parecer, visto a partir dunha perspectiva foránea, pero compartido por moita xente e contrastable coa realidade ribadense.
Unha parte de ese Ribadeo que está por lembrar é Vilaselán, en contraste e ó mesmo tempo acordo con que en parte o pobo de Ribadeo sexa tamén pertencente á parroquia de Vilaselán. Para cubrir a base da historia desa parroquia remata de saír do prelo o último (polo momento) libro de José María Rodríguez.
José Mª xa nos ten aberto varios campos, relacionados coa historia das persoas e lugares ou coa das palabras, con varios libros a parte das súas colaboracións en revistas especializadas e os seus puntuais artigos na Comarca del Eo. Como mostra, aí están “Estudio sobre toponimia de Ribadeo”, do 2007, no que relaciona historia e actualidade a traverso dos nomes, ''Sobre os castros de Ribadeo", obra editada no 2008, identificando as raíces lonxanas dos poboamentos da bisbarra e dirixida a un pasado que aínda pode ser fecundo para o noso pobo, ou a súa participación en 'Ribadeo no tempo, a través das imaxes: outro Ribadeo foi posible', no que colaboramos ambos con Gilberto Suárez, aproveitando as fotos de que nos conseguiu Pepe, no 2006. Para artigos especializados, valla de exemplo o seu recente 'El monasterio de Esperautano, un problema resuelto' publicado en Estudios Mindonienses no ano 2008.
Coido que non é necesario, por coñecido, deixar un esbozo biográfico dunha persoa que leva participado en postos directivos en varias asociacións veciñais e ten amosado de diversos xeitos o seu interese polo pobo, mesmo unha e outra vez nos seus escritos, que non todos son de tema histórico, senón máis ben preferentemente de interese social.
Así, centrándonos no libro, chama primeiramente a atención a portada e a contraportada. A primeira, un documento antigo (escrito correspondente á 'Fundación de la cofradía de Nuestra señora del Rosario', de 1607), feito polo tanto non só cun tipo de letra que hoxe costa traballo recoñecer, senón cun estilo de expresión ó que lle ocorre o mesmo, e aínda máis, que se pode facer difícil de interpretar pola mentalidade que daquela se tiña. Un documento típico para o traballo sobre o tema do libro, que simboliza a porta á información que hai detrás dos meros datos e que hai que recopilar para escribir un libro como este. Na contraportada, un plano da parroquia para o catastro do Marqués de la Ensenada (1752), que, doutro xeito, ven representar algo parello á portada, e, ó mesmo tempo, ofrece unha saída do libro, delimitante, que contrasta coa introducción daquela, un dos moitos documentos contrastados que se podería atopar ó chou de dispoñelos todos en conxunto. Así, obsérvase neste documento que o termo parroquial de Vilaselán vese limitado en parte con 'La Villa', 'Sra. De Obe' e na meirande parte terrestre, con 'Fra de San Juan de Piñeyra' (feligresía de ...), seguindo liñas rectas. E cunha costa na que non se fai distingos entre mar e ría, ou á inexistencia da Illa Pancha no descrito (neste caso, queda a dúbida de que sexa por corte dos límites no pliego), ou ós meandros que forma o río de Vilaselán, que polo contrario, si aparece, sen ser nomeado.
E, no medio, o libro. Son os detalles de documentos como os anteriores os que dan as claves para estruturar a historia de xeito unívoco, minimizando as dúbidas. Supón así unha interpretación de documentos para convertilos en información, procura de datos, análise do territorio, ... algo que é exposto en dúas partes ben diferenciadas. A primeira, o que ten representado a agrupación territorial e os seus avatares. A segunda, a estrutura orgánica propia, diríamos intemporal, que subministra o fondo a esa agrupación, a súa relación coa igrexa. Ambas partes, sinaladas cunha mirada actual e ilustradas non só coas fotos que fan de encadre a aspectos da obra, senón tamén coa transcrición de moitos documentos, partes deles ou sinxelas citas, que nos permiten, ó tempo que vemos a interpretación de José Mª, introducirnos na nosa propia interpretación e representación, e, con elas, na historia que nos ven dada e á que pertencemos.

 Obras de José Mª Rodríguez

 

Ningún comentario: