20100430

Co transporte de papel na mirada

Moito se leva falado do transporte de papel, o tren, o porto receptor, ... por eso me extraña que non se publicara nos xornais galegos unha nova sobre a restricción de tráfico a camións por Navia. Pois, ó cabo, parece outra medida máis que está dirixida a orientar o tráfico cara a Xixón (e xa hai algún comentario que relaciona ambas cousas) noutra volta máis para marear a perdiz papelera.
Ver 'Carta al sr. alcalde de Navia', por exemplo.

Dende pequeniños

A educación dende pequenos é algo lóxico. Antes facíase na familia, agora aínda nese nivel vai pasando ás mans de institucións, debido a diversos factores, dende o traballo das nais á necesidade de socialización dos pequenos entre iguais, nunha sociedade que non da moito pé a facelo doutro xeito.
En Ribadeo hai unha guardería dende que eu lembro, é dicir, alomenos dende comezo dos oitenta. Guardería que salvo pequenas novas, non xerou polémica debido ó seu funcionamento. Na actualidade, con 107 prazas e extendendo a súa labor dende os poucos meses, sendo bebés, ata a entrada nos colexios, atende á maioría de pequenos da vila. A extensión de prazas, un aumento de 30 hai tres anos, variou a situación, de tal xeito que agora hai unha queixa colectiva. A nova non da pé a saber se a protesta é unánime, pero si o da para saber as causas: persoal (3 postos creados por dito incremento de capacidade) contratado por 9 meses cando o período de funcionamento anual se extende por 11. Iso implica como mínimo a posibilidade dun cambio 'gratuíto' nas persoas contratadas pola Xunta que cuidan dos pequenos. O resultado, en calquera empresa adicada a outra cousa, sería un menor rendemento. Aquí ese 'rendemento' pasa asemade por un desacougue dos pequenos un ano si e outro tamén, como pode dicir calquera psicólogo ou pai. Ou sexa que a razón é sinxela e abordable: un contrato de 11 meses en troques de un de 9 e outro de 2, diferente do anterior. A cousa sería un pouquiño máis doada se non fora porque eses dous contratos diferentes e consecutivos para un mesmo posto se fan por razóns administrativas de precariedade para os empregado: se se fan de máis de nove meses, non poden ser contrato por servizos, e os dereitos do traballador (neste caso, en xeral, traballadoras) increméntanse. Por exemplo, os contratos por servizo non dan dereito á liquidación.
A imaxe, a zona entre o cantón e a ría, coa guardería sinalada cunha cruz, no sitio onde antigamente estaba a praza de touros.

20100429

Pensando en ti, Lola


Esta mañá ó abrir o correo atópome un agasallo: un poema inédito do Viejo Pancho, ó que me teño referido algunha vez. Chegou a min via Paco Trelles, neto do Viejo Pancho, quen cando visitou Ribadeo en setembro de 2007, con motivo do 150 aniversario do nacemento do seu avó (7 de maio de 1857 - Ver comentario do 'El Angel de Olavide' nesta entrada) agasallou con el a Lucía Gutierrez, a muller de Pablo Vivín. Este último déulle permiso a Pancho Campos para pasarmo e facer o que estou a facer. Foi realizado Por José Mª Alonso de Trelles y Jarén o 29 de Abril de 1880 para a súa moza Lola, que logo sería a súa muller (Dolores Ricetto Asuaga).
Transcipción en 'poema cedido'.

20100428

Agora si, urbanismo?

Deixo isto para ser publicado ás 11 da mañá. A esa hora, reúnese a comisión de urbanismo segundo unha nota do concello. O obxectivo declarado, seguir a avanzar no PXOM.
Algunhas ligazóns a artigos anteriores:
Para o pxom, do anterior blog
As primeiras páxinas do pxom
Da música ó PXOM
O pxom de Ribadeo, revisitado
PXOM de Ribadeo
Contémplao o PXOM?
Para meditar sobre o PXOM de Ribadeo
Sobre o PXOM de Ribadeo
A páxina do PXOM do concello
Plans e información
Informe da Dir. Xeral de Patrimonio sobre o PXOM
... E moitas máis, pois o PXOM ribadense foi citado parece ser en 190 ocasións no blog (Google dixit), a parte de noutros sitios relacionados.

Hoxe, día internacional de concienciación sobre o ruído

Non sabía que existira, pero si. O último mércores de abril, neste ano o 28 de abril, é o Día Internacional de Conciencia sobre o Ruíido, establecido dende 1976 pola Liga para o Deficiente Auditivo, con sé en Nova York.
E unhas cantas ligazóns a modo de lembranza: http://ruidos.org/; http://ruido.pbworks.com/, ou mellor (aínda que haxa moita mescolanza), en google.

Republicado o libro da Semana Santa

Por fin foi. Xa está na rede o libro desta Semana Santa (polo momento sen tapas), en Publicado en Ribadeo, por xentileza dos Amigos da Semana Santa, David e Gráficas Ribadeo. (na realidade, no grupo de 'Ecos de la Parroquia')

Mil nais en Ribadeo?

O domingo o CCA repartirá mil caraveis en Ribadeo ás nais, para celebrar ese día como corresponde á súa institución comercial como día da nai. En Ribadeo, 10 000 habitantes, entre nais e nais de nais (ó fin, nais) duplican esa cifra. E como centro comercial, virá algunha máis á mercar. Quedarán sen fror? Como día comercial, as vendas serán promocionadas, e é o que importa da iniciativa. Ou non?

20100427

Música, maestro

Hoxe a nova de prensa en Ribadeo é a resolución do expediente ó director da EMMR e tamén por convenio da banda, Lourenço Cruz, algo esperado para desatrancar unha situación anómala na escola de música dende hai xa 8 meses, e que se complicou coa incorporación (e baixa nuns poucos días) de Lourenço tras o antroido. A parte de que sexa lóxico que primeiro llo comuniquen a el antes de dar unha nota de prensa (non o vexo tan lóxico no caso do alcalde, que segundo pon a nova non o sabía), ou que haxa que lamentar que se esteñan preparando armas políticas (sempre segundo a nova) ou a posible declaración do representante sindical unha vez a nalizado o tema (non abondo antes, como se ten feito), a nova terá un efecto de estar perto da solución nunha situación que se alongaba de máis, por boa solución que se teña tomado. A banda seguía funcionando, a escola tamén, pero estaba o desasosego de que a cousa poderia cambiar en calquera momento, como sucedeu tras o antroido. Agora, aínda que quedan trámites por facer, o futuro parece estar máis claro.
Algunhas anteriores sobre o tema: 1, 2.

20100426

De importancia para Ribadeo? Bronca segura

Despois de finalizar o prazo para presentar candidaturas á presidencia da Asociación de Comerciantes (ACISA) / Centro Comercial Aberto (CCA) de Ribadeo, só unha lista:
Francisco Iriarte (Gráficas Ribadeo) - presidente
Ramón Leivas (Garaxe San Andrés) - vicepresidente
Roberto Rivas (Restaurante Marinero) - secretario
Mar Torviso Verdeal (Opticalia) - tesoureira
Vogais, Manuela Torviso (Lencería Torviso), José Luis Botana (Calzados Botana) e Manuel Sanjurjo (Bar A Ribeira)
E parecería que xa está: unha soa lista, non se presenta o presidente actual á reelección, asamblea o 10 de maio, e todo transcorre sen sobresaltos.
Pois non. A transición en ACISA tampouco é suave. Se se mira un pouco as verbas de Gervasio Cao, non deixa de ter razón en parte do que di. Fai falta contrastar para ver que non ten razón en todo, mais, sobre todo, que debera matizar. Aí está, por exemplo, o caso do cambio de chaqueta do PSOE no tema da ordenanza de Protección acústica: di que é frivolizar. E estou medio de acordo (o adxectivo coido que debera ser máis duro), porque non especifica se frivoliza agora, se frivolizou no momento de presentación inicial da normativa, se o fixo en ambos, ... e a postura de Cao respecto deste tema nos anos que leva na presidencia foi moito máis linear, pero tampouco unívoca. Ou o tema da peonalización: coido que que tivera unha parte importante nela ACISA, na súa promoción, non implica que haxa que deixar fóra da mesma ó goberno municipal, aínda que ó mellor ACISA pretendera, e mesmo lograra nalgún momento, erguerse como goberno na sombra. Non obstante, a súa labor deu pulo a ACISA, abríndoa a diversos campos, como ó trato de igual a igual cos equipos de goberno municipal, e investigando noutros, como no tema dos Proxectos Europeos, e procurando sempre relacións e influencias.
Na súa marcha, ten unha postura 'igualitaria', reparte estopa a tódolos partidos. Máis ou menos: fala de 11 anos de presidencia e adícase ós últimos gobernos locais, pero non ó que correspondería ós seus primeiros catro anos á fronte da asociación. Por certo, o nome de Cao leva soado máis dunha volta como candidato á alcaldía de Ribadeo, algo que ata agora non sucedeu. As eleccións están xa á volta da esquina, e como persoa que leva ocupando un espazo mediático e de poder en Ribadeo durante máis dunha década, sempre pode haber sorpresas.
Os últimos actos de Gervasio parece que foron a súa intercesión por Juan Edrosa e Andrés Tojal para que recibiran o recoñecemento da federación de autónomos. Pensaba que ningún dos dous o era, pero parece que me equivocaba e pode ser autónomo un cabeza de empresa. Alomenos en certo xeito, Cao tamén é autónomo.

20100425

24 e 25 de abril

Parece unha casualidade que onte, 24 de abril houbera manifestacións en todas as principais cidades españolas a favor de Garzón (perdón, da súa actuación) e hoxe, 25 de abril, sexa o cabodano da Revolución dos caraveis.
Hoxe a Banda Municipal de Ribadeo vai tocar á Cadeira na festa do San Marcos. Tocará Grândola, vila morena? Non, non o fará: a situación en España está (a)normalizada (en parte).
A letra de Grândola.
Outra versión de Grândola, en video.
Outras entradas no blog sobre o 25 de abril: aquí ou aquí.

20100423

No auditorio Hernán Naval, coa memoria


Despois da entrada anterior sobre o tema da memoria dos oficios, e co previo do pasado ano de Memoria de muller, algunha foto da presentación onte do vídeo resultante.
A primeira, do cartel que se puido ver polo pobo, dúas sinxelas follas impresas, das que unha era unha atractiva imaxe sobre os oficios presentados.

Outra, unha imaxe xeral do auditorio cheo a 1/3 nas verbas previas, nas que participaron o alcalde, o representante provincial de cultura (JC Rodríguez Andina) e quen levou o tema no día a día no telecentro, Maika. Igualmente houbo unhas verbas ó final para rematar o acto e unha entrega do DVD ós participantes. Unha delas, Mª Antonia Rodríguez, subiu para ter unha lembranza doutra compañeira fenecida e unhas palabras de agradecemento.
En canto ó vídeo, sobre un fondo de fotografías familiares ou xerais sobre o tema (de onde están tomadas o resto das presentadas nesta entrada), fóronse desgranando as catro historias persoais, historias que sempre dan idea doutro tipo de vida e dun pasado que hoxe se ve como moi distante.

Violencia de xénero versión 2010



Hoxe dan comezo as xornadas de violencia de xénero. xerán hoxe pola tarde e mañá no Parador de turismo, e a diferencia doutros anos, máis institucionais, no presente parecen estar máis dirixidas ás persoas que poden actuar máis direitamente sobre o tema é á poboación que pode resultar máis direitamente afectada.

20100422

Mirando cara fóra: as multas dúctis

Comeza (quizáis máis ben continúa) a ser frecuente que aparezan novas nas que un sector produtivo pide menos severidade na aplicación da lei para o seu beneficio. O último caso na viciñanza é o de Navia, hoxe nova porque o comercio critica á policía local polo celo nas multas. O motivo da queixa ó fin vése que non é que se poñan moitas ou poucas multas, senón que as multas poden facer fuxir clientes. É dicir, a mentalidade é a de que as multas deben adecuarse ad-hoc, que deben poñerse á conveniencia do comercio.
O corporativismo é algo moi visto, a defensa dos intereses dun conxunto definido como se fora un só ser, asumindo que unha parte pode facer mal as cousas pero 'é a nosa parte'. Algo así como se unha persoa estivera enferma do corazón pero o resto do corpo asumira que como o corazón é parte integrante do corpo, habería que defender a maldade do corazón. Coido que é ilóxico, pero é algo corrente, que a nivel empresarial vai un pouco máis aló, algo así como se para garantir que alguén esteña mellor relativamente, outra persoa debe ser obrigada a enfermar.
Para iso non coñezo un nome parello ó de 'corporativismo', pero non por iso deixa de estar tanto ou máis desenvolta unha tradición nese sentido, dende a contaminación (tentando de rebaixar niveis para permitir excesos, ou rendibilidade para algúns a conta de enfermidade do que é de todos) á nova de hoxe, onde o que se pretende é modelar a aplicación da lei para beneficio dun colectivo.
Para rematar, unha cousa a ter en conta: dase a tódolos niveis con diferentes temas. Exemplos? Dende 'América para os (norte)americanos' ou 'o que é bo para a General Motors é bo para América' para abaixo, os que se queiran.

20100421

Concerto en Burela

Pásanme un aviso de música que interesará a abonda xente:
Tras varios anos de vida e sobre todo, unha gran madurez musical, a Burela Blues Band ofrecerá o próximo venres 23 de Abril ás 21:30 o concierto do 5º Cabodano da súa fundación en Xaneiro de 2005. O evento, un traballo que comenzou en verán do 2009, terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura de Burela, co lema "A Historia do Jazz nun Concerto", pois o programa de concerto é un divertido e apaixoate percorrido didático dende o nacemento do jazz, tocando os seus subxéneros, asta os nosos días.
2005-BURELA BLUES BAND-2010
CONCERTO 5º ANIVERSARIO
"A Historia do Jazz nun Concerto"
Director: ISRAEL ARRANZ
Subdirector: ROBERTO BOUÇA
ARTISTAS INVITADOS
Percusión: GRUPO DE PERCUSIÓN DA ESMU MUNICIPAL DE BURELA
Saxofón Tenor: JOSÉ NINE
Trompeta: ABRAHAM CUPEIRO
Escenografía: Israel Arranz
Arranxos: Israel Arranz
Fotografía: Carlos Andrade
Vídeo: Manolo Núñez e Miguel Ángel Rubio
Deseño Gráfico: Nieves Medina
CONCELLO DE BURELA
ESTUDIO escola de música
información sobre programa e outros detalles en: www.burelabluesband.blogspot.com ; www.israelarranz.blogspot.com

Vía preferente

Despois de que o ex alcalde de Ribadeo fora quen levara á radio un documento acusatorio da AVV Atalaia contra min e O Tesón, acusados de información privilexiada por poñer no blog o que viña na prensa, a cousa non para. A pasada semana o Subdelegado do Goberno en Lugo facía unha visita a Ribadeo para supervisión de obras do Cuartel. En dita visita estivo unha representación da Atalaia, non sendo invitada ningunha outra AVV de Ribadeo. Os criterios para tal distinción? Dende logo, non a antigüidade ou número de socios. Despois da nota de prensa base dunha nova de hoxe, (ou aquí)a cousa está clara: o Delegado de Goberno, co PSOE no poder en Madrid, lóxicamente ten contactos co xefe do PSOE local, encausado por prevaricación polo tema do ruído e que trata de embrollalo todo para ver se se pode librar dunha sentenza adversa, nun momento, o actual, no que o PSOE aínda non ten claro quen vai ser o seu candidato á alcaldía ribadense.
Na mesma nova parece quedar claro que algún pub ten problemas por estar aberto ata as nove da mañá, algo que por outra banda era visible cada mañá de domingo ó ver xente camiñando despaciño e máis ben con curvas polo centro do pobo, así como polos comentarios efectuados antes e tras a xuntanza entre o presidente da ACIA e o alcalde hai non moito tempo (ver http://www.lavozdegalicia.com/amarina/2010/03/25/0003_8377752.htm e http://elprogreso.galiciae.com/pdf_files/18032010am_2.pdf).

20100420

Plans e información

En Ribadeo hai censadas unhas 10 000 persoas, das que son maiores de idade unhas 8 000. Canta xente sabe que é o POL en Ribadeo? E canta lle botou unha ollada?
Quen lembra a estas alturas que o PXOM está en trámite de revisión de alegacións? Coido que máis ou menos todo o mundo sabe que é e que o Plan Xeral de Ordenación Municipal, tratando cuestións relacionadas co urbanismo, segue en tramitación. Pero a falta de novas sobre o tema fan que desapareza da memoria. No seu momento, moveuse abondo porque afecta a propiedades e prácticamente á totalidade de familias do municipio, e todo o mundo quería saber aquelo de 'que hai do meu?'. Unha vez máis ou menos fixada ou alegado o que sexa que corresponda á parcela particular, parece que remata o tema. Pero non é así: o 'tema' afecta a todos en conxunto, a parte das propiedades particulares de cada quen: a ordeación xeral non se fai, non se pode facer, de xeito independente unha parecela da outra. E non só está por rematar, senón que parece que o seu remate se alonga no tempo cada vez máis, e tamén se complica o camiño. Unha mostra do primeiro, o alonxamento no tempo, é que aparentemente falta tanto para dar carpetazo ó PXOM como faltaba hai un ano. En canto ó segundo, a complicación que conleva, pódese dicir 'nestas estabamos cando chegou o POL'. Aínda con todo eso, o PXOM segue desaparecido, e mesmo tendo en parte esa desaparición a protección legal do segredo que leva consigo a tramitación, para que non haxa privilexios informativos.
O POL, Plan de Ordeamento Litoral, foi presentado pola Xunta a comezos de ano e pódese acceder a diversa información sobre o mesmo (por exemplo, en http://www.ilux.es/es/POL, http://www.xunta.es/litoral/web/index.php/descargables, http://www.xunta.es/litoral/web/index.php/cartografia), ó tempo que o periodo inicial de contestación e presentación de alegacións ou propostas dos concellos foi ampliado de dous a tres meses. Nese tempo, en Ribadeo un ('1') partido con representación no concello fixo varias charlas para difundir esa mesma información. E ... e máis nada. As propostas? Nos días xusto de saída, críticas a traverso da prensa, pero que lembre, non propostas de variación en firme, apoiadas por datos e con xuízo. Dende aquela, e xa en datas de remate de prazos para resposta dos concellos, nada ... e o POL ven con algúns cadros (espazos para obxectivos, accións, etc) que só especifican 'A completar tras a fase de participación pública e consultas'. Por algo será.
Así as cousas, parecería que o POL non afecta moito a Ribadeo. Mais con só ver que ten catro unidades paisaxísticas separadas para a ría de Ribadeo e outras tres na costa cantábrica, todas elas en terreo administrado polo concello de Ribadeo, e abranguendo polo interior as zonas tratadas en planos ata puntos como o Comado, é difícil dubidar da súa importancia para o municipio e da conveniencia de prestarlle un pouco máis de atención e de informar á xente de se hai ou non propostas dende o concello para a súa modificación.
Por certo, o POL, de sere rematado antes que o PXOM (cousa moi probable), obrigará a redibuxar aspectos do plan xeral, pois terá que aterse ás normas deste, o que aínda alongará máis a data na que podamos ter un PXOM do século XXI en troques dun vetusto PXOM con 33 anos e facéndose máis vello. Anos nos que Ribadeo cambiou abondo e outros Ribadeo foron posibles.

20100419

Memoria dos oficios de Ribadeo


O próximo xoves 22, ás 19:30, con entrada libre, terá lugar no auditorio Hernán Naval de Ribadeo a presentación da 'Memoria dos oficios': catro vidas, catro oficios ribadenses. Os oficios do mar, un ebanista, unha modista e un xastre, nunha montaxe audiovisual.


A nota recibida mércores 21 de abril:
O Centro de Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galiza en colaboración co Concello de Ribadeo, presentará a iniciativa Memoria dos Oficios o xoves 22 de abril ás 19:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval. O acceso é libre e de balde.

Este proxecto foi levado a cabo o ano pasado no Telecentro e nel participaron dúas mulleres e dous homes do municipio, entre os 65 e 80 anos, que nos quixeron contar algo dos oficios tradicionais e das súas vidas.

Memoria dos Oficios nace cun dobre obxectivo: por un lado facer uso das novas tecnoloxías e, por outro, recuperar as lembranzas sobre os oficios tradicionais do pobo ribadense.

Os catro protagonistas, (unha muller de mar, un ebanista, unha modista e un xastre) foron capaces de elaborar un video conxunto no que se narra unha historia con imaxes, música e voz en off para relatar as súas experiencias e coñecementos sobre os oficios tradicionais.

*A imaxe das leiteiras é de Ruth Matilda Anderson. Nos anos 20 fotografou Galiza para a Hispanic Society of America

Non só o leite

O problema do leite a nivel Galicia segue sen resolverse dende hai tempo, por non dicir que segue empeorando. pero non é único, nin polo nivel, nin poloproduto. 'Un mundo sen transnacionais' (Público 17/4/2010, p.9) pode dar unha visión un pouco máis ampla, sen a perspectiva galega, ganando en xeralidade aínda que se perda un pouco en particularidade e traslade a visión do problema a outras terras, outros campos.
Ver sobre o tema no blog: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10 ...

20100418

Unha cita de Cicerón

Atópome unha cita de Cicerón (aquí, citas) no 'Público': A lei suprema é o ben do pobo.
O malo é que pretenden existir 'lexisladores supremos' que interpretan o ben do pobo ó seu xeito, e atopámonos con dictadores e corruptos.

Actividades con éxito


Onte sábado tivo lugar parte dun segundo pulo de actividades concertadas entre o Concello e o CCA. Os pintores na rúa soaban a curiosidade, e había xente que se paraba con eles, en particular se eran de Ribadeo. Asemade, no frontal do B. Popular tivo lugar un concerto, esta vez de diversas agrupacións da escola e banda. Concerto que foi moi concorrido, rexistrando un cheo na rúa e dificultando o paso da xente que non se paraba. A iso ía: o concerto, OK, cheo de xente que se podía observar como familiares e amigos dos músicos. Forasteiros, non se observaban escoitando, aínda que si de paso ou indo ó ou manifestándose algún indo ó caixeiro da sucursal bancaria (co retraso do comezo de obras incluído). Ó fondo da peonil, un coche cun altofalante anunciando un partido de baloncesto para a tarde poñía un contrapunto ó concerto co seu paso. (Por certo, comparar co que di o punto 1 do art. 30 da ordenanza tipo de protección contra a contaminación acústica).
Así as cousas, se definimos o éxito do concerto como axuda para os comerciantes, é dubidoso que o teña sido. Se o definimos de xeito artístico, ou mesmo de público, a cousa cambia.

20100417

De urbanismo, nas proximidades

Na imaxe, un cachiño de 'Costa Barreiros' en vista do sigpac.
Un par de días despois de ver a entrada de Vida Político-Social sobre urbanismo en Barreiros, e apreciar en diversos medios unha derivación da polémica das autorizacións das construccións no concello viciño (aquí ou aquí se consideramos só 'El País' de antonte), coido que debo polo menos, facer a cita da guerra sobre un problema que afecta a moita xente. Neste caso, podo adoitar a primeira entrada que refiro; ademáis, no blog teñen aparecido diversas referencias (0,1,2,3,4,5,6,7, ou outra na que dou nota dunha foto sobre a costa Barreiros exposta en Foto Miguel) ó tema ó longo do tempo.

De obras


Estes días as novas en Ribadeo van de obras. Comezou a visita ó Cuartel do Subdelegado do Goberno para supervisar as obras realizadas, visita que sae contestada na prensa de hoxe pola Unión de G.C., aludindo a diversos problemas que teñen. Despois foi o amaño do tramo da N-642 ata Porto (ata a glorieta que da desviación para a Veiga), coa petición feita polo concello. Incorporouse outra petición (na realidade, re-petición) do concello para que Ribadeo teña outro acceso dende a A-8 vindo dende Galicia e non se colle a xente ata Asturias cando querería entrar no noso pobo (ver en relación a isto pequenas cousas sobre o tema, pois o acceso está sen construír: 0, 1, 2, 3) E hoxe a prensa incorpora a Torre dos Moreno, cunha foto na que sae o alcalde vendo unha pequena excavación (unha 'cata') ó pé dun dos piares da torre, e onde se di que son necesarios amaños nunha ducía deles para asegurar a torre. A lembrar sobre este punto que a dispersión da propiedade fai que a Torre non se poda amañar de xeito directo polo concello ou a Xunta ó ter só unha quinta parte da propiedade. Pero hai normativa no concello pola que, se que se está en estado ruinoso, e parece estalo, se pode amañar e logo pasar ó cobro, o que quizais da o xogo abondo como para facer unha intervención entre a Xunta e o Concello, e así salvar o símbolo ribadense asociado con indianos (algunhas ligazóns referentes á Torre dos Moreno: 0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, ... e un libro do que é portada a torre) que literalmente se cae a cachiños.

20100415

E van tres propietarios ... en 5 anos

A prensa segue a falar da 'mina de ouro de Tapia' para referirse ós lagos de Salave onde si, estaba pretendida unha mina de ouro despois de séculos de inactividade mineira. Despois de conseguir unha negativa do Principado a unha explotación mineira totalmente invasiva, pero sen lograr unha protección ambiental da zona, un novo cambio de donos, por venda de Lundin Mining a Dagilev Capital Corp, volve a poñer o comezo dun novo intento sobre a mesa. Porque, se non é para tentar sacarlle o zume aurífero, para que unha compra? Coido que a este paso sería boa unha disciplina de algo así como 'socioloxía empresarial' (coido que existe algo parello, pero que non está abondo difundido) que estudara o compoartamento da sociedade das empresas (non dentro de, senón entre elas) para que as persoas poideramos estar algo preparadas para o funcionamento destas entidades que parece moitas veces que escapan a un control humano.

20100414

Portos en Ribadeo


Aparecía onte a nova de que a reconstrucción das naves do porto está próxima. A necesidade de facer algo é evidente para quen pase á beira. E, nun porto dinámico, o lóxico é unha construcción. Reconstrucción segundo parece neste caso, á que se adicarán 549 000 €, que ademáis servirán para unha nova nave duns 900 m2 nun espazo "acondicionado inicialmente para a estiba das mercadorías de carga e descarga". O úlimo recheo, rematando de igualar en altura de chan na actualidade, ten 8 000 m2 e ía destinado a non ser cuberto en principio, senón precisamente para cousas accesorias á estiba e desestiba, pero a prensa non aclara onde se vai facer, e vendo a imaxe, parece que o lóxico é que vaia a carón das anteriores.
A foto, de Mirasol no Sigpac, nunha versión onde se nota aínda a falta da nave no pequeno triángulo ó sur da estrada de acceso, a falta doa estrada de circunvalación das instalacións ou a igualación dea nivel na zona norte do porto. Para facerse unha idea, a nave máis ó onrte (na imaxe, a 'máis arriba e á dereita', teito branco) das situadas no fronte de carga, non chega ben ós 900 m2

20100413

Unha obra de 1M€

Hai xa uns días que via a páxina web do concello se pode ver o prego de condicións para a realización da travesía ribadense, o tramo cedido por fomento. Xa está fóra de prazo para presentación de documentación (26 días que remataron antes de velo eu na web do concello), despois de axuste e tratamento do tema no pleno de xaneiro. Pero non deixa de ser unha curiosidade a follear, tanto en conxunto como en apartados particulares, como o da solvencia (técnica e financieira), os criterios de adxudicación (70 puntos para a mellora da proposta de fomento, indicadas noutro punto, e só 2 para a mellora no prezo) ou o método para a súa valoración, ou a constitución dunha garantía provisional de 30 000 € antes de o envío da documentación ó concurso para optar ó contrato.

XVI Feira da Ciencia

Hoxe será inaugurada ás seis da tarde a XVI Feira da Ciencia de Ribadeo no IES Porta da Auga. Desenvoltarase ata venres ó mediodía, con entrada pública e gratuíta. Están concertadas visitas de centros educativos.
Máis información en As feiras de ciencia na Galiza ou na web do IES Porta da Auga.

20100411

Procesión en Vilaselán



As festas da Virxen en Vilaselán acadaron esta fin de semana o punto clave do 2010. Novas como esta daban o punto de actividades, e o apartar o campo da festa da beira da igrexa, de paso que alonxaba a gallaroufa do núcleo máis próximo de Vilaselán, tamén permitiía recibir a más festeiros, ou escoitar a música da outra beira da autovía, atraendo a xente cara alí.
De calquera xeito, a quizáis o punto forte anual é a procesión coa virxe, que aglutina máis xente que as procesións ribadenses, cunha poboación parroquial abondo maior no núcleo urbano que en Vilaselán. Un fenómeno social quizáis a investigar polo que representa de diferencia, e que se ben indica unha maior participación de parroquianos por estar máis aglutinados que no pobo, onde se produce unha dispersión, na miña opinión sobrepasa este feito para aglutinar outros como a devoción á virxe, de carácter supraparroquial. Pero o feito está ahí: mentras que no pobo as procesións esmorecen, a de onte non sofre polo momento o mesmo fenómeno.
As dúas imaxes, cedidas, indican da orde da metade da asistencia.

20 000 funcionarios

Ás veces, é necesario reconvertir as cifras para facerse unha idea. Iso pasoume hoxe cunha nova en Público, que non di nada novo, senón que aglutina e cifra en 48 M€ os cartos públicos 'trasvasados' polo PP na trama Gürtel. Pódese pasar a pesetas, por exemplo, pero os cidadáns que vivimos dun soldo ou os desempregados non temos referencias para facernos unha idea. Por eso liguei a cantidade coas novas repetidas nestes tempos de desemprego, reducción de funcionarios e/ou oposicións, etc. E, calculando os ingresos medios por traballador en España o ano pasado (renda per cápita), uns 32 000 $, cunha sinxela conversión de moeda e unha división, queda que eses 48 M€ corresponderían ó soldo anual de 'só' uns 20 000 traballadores; tratándose de cartos públicos, funcionarios. Ben, na realidade, sería algo menos desa cantidade, polo tema de gastos de seguridade social e demáis. Cos redondeos que haxa que facer, coido que pode dar unha idea dunha cantidade manexable para os comúns. Claro que á cifra pódeselle dar máis voltas, pero con esta idea, chega para espantar.

20100410

Wikiencontro en Galicia

Só unha ligazón para quen queira seguir a vida da wikipedia na nosa terra: http://wikimedia-es.blogspot.com/2010/04/wikiencuentro-en-galicia.html

13/55

Esa é a relación actual: 13 fronte a 55. Refírome ás parcelas pedidas no polígono despois do primeiro prazo, o que estaba publicitado como máis ventaxoso, fronte ó total de aprcelas dispoñibles.
Lévase dicindo moito tempo que en Galicia falta solo industrial. Aquí haino. E polo que parece a non moi mal prezo e axudas de financiamento. Cunhas lixeiras condicións para evitar a especulación. Pero as peticións polo momento non parecen ir ó ritmo prometido.
Por que? A crise? Coido que haberá que profundizar un pouco máis. A ver no seguinte prazo... Mentras, segue a historia.

20100409

Responsabilidades

Segundo a prensa de onte, o fiscal imputa por prevaricación ó Director Xeral de calidade Ambiental da época en que foi aprobado o plan correspondente á piscifactoría que se pretendía facer en Meirengos. Hai que lembrar que o tema da piscifactoría xa pasou polo xulgado a conto da responsabilidade de Adega no paro dos traballos, e agora mesmo está o tema da responsabilidade da Xunta polas perdas da compañía. E ademais, está aí a 'lagoa Cascos' (entre outras citas, 0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, ...) para lembrar o tema.
O caso é que un feito así, un imputado por responsabilidade como cargo público, implica que noutro caso máis, as cousas estanse a redirixir: quen a fai, a paga, ou debera pagala, porque é responsable. E na política ata agora en boa parte dos casos parece que as cousas malas estiveran aí, para repartir entre todos, sen ter ninguén unha responsabilidade ó final: o pobo como pagano e elector cada catro anos. A contraparte sería a casta política correspondente como usuaria do poder e prebendas, que como único castigo tería o dicir no próximo período electoral 'ou me elixides a min ou a este outro parello'. Ó final, o efecto era que os cidadáns cada vez nos desentendiamos máis da política, do rexir os nosos propios destinos. Estará isto a cambiar?

20100408

Os cans de Ribadeo


Remata de facerse público un bando sobre as obrigas dos propietarios de cans en relación ás deposicións na vía pública dos animais compañía.
En relación co tema, lembrei un posto de aviso en Porto ó que hai algún tempo lle fixen unha foto, que adxunto. No seu momento, chamoume a atención o lema no seu letreiro, “non deixe no noso chan o que é só do seu can”. E é que o can é do seu dono, pero o pobo é de todos.
Aquí lévase falado varias veces, e tomado medidas en teoría outras tantas, para evitar que as beirarúas e os parques sexan un perigo para os zapatos ou para os nenos. Quizáis sexa lembrando esas iniciativas previas que na nota de prensa se fale de 'este novo aviso' e que se indique que a Policía Local “fará o seu traballo e sancionará” ós propietarios que leven o can sen bozal ou non recollan as deposicións correspondentes. Posiblemente se a poboación estivera afeita (é dicir, todos nós estiveramos afeitos) a que despois dun período prudencial de adaptación as normas hai que cumprilas, non faría falta o 'novo aviso', a advertencia de sanción, etc.
O feito é que en Ribadeo hai xa dende algún tempo atrás postos para subministrar bolsas e recoller as cagadas, e xente que o fai. A primeira vez que o vin, mirei entre asombro e curiosidade: coller unha cagada do chan, e dun can... Hoxe, aínda que a experiencia siga a ser limitada, xa non é raro ver que alguén recolle as feces do seu can ou cadela. E hai algo que non podemos esquecer: a merda que se recolle ó momento non se ve; a que se deixa, vese ata que se recolle. E segundo o horario, sitio e demáis, pode ser vista por moita xente. Se se recolle, en certo xeito é como se o can deixara o espazo libre, mentras que se queda a cagada, o espazo está ocupado, fáis visble a súa ocupación, e de mal xeito. É dicir, é moito máis doado ver a merda que estimar a limpeza. Por iso tamén, e para compensar, debera haber algún medio de facer visibles as persoas que cumpren coa recollida
Quédome con parte da cita final do alcalde: "vivimos nun mundo no que tratamos de ser o máis civilizados posible, tentamos ter unha cordialidade entre todos para compartir o medio que nos rodea”. Para iso soe ser necesario un pouco de vontade e de bondade.

20100407

Xogos de guerra

As novas moitas veces son esaxeradas para procurar titulares ou determinada reacción. Atopámonos con elas a diario, e normalmente descontamos xa o efecto por anticipado. Non sempre ocorre así, nin moito menos. Nin no desconto do efecto, nin na esaxeración dos titulares. É máis, ás veces quédanse moi cortos por unha ou outra razón.
Onte en Ribadeo ocorreu un feito deses que da que pensar xa non sobre a limitación da información, senón sobre a idea con que foi realizado. Unha muller foi queimada nun establecemento de chucherías fronte ó colexio das monxas, ó entrar unha pelota de pin-pon ardendo no local mentras un grupo de cativos estaba a mercar. Os escolares axudaron a apagar o lume que estaba abrasando á muller, pero as medias de material plástico arden con facilidade, e a muller saiu de comezo para Burela.
A idea primeira mesmo pode tratarse dunha broma a uns escolares. Pero xa se sabe do que se di de xogar con lume. E as consecuencias da acción están á vista. A parte da impresión de ser testemuñas dun queimado que se vía que non era accidental, senón provocado por algo externo. Xogos que parecen derivados das accións nalgunha guerra, non son xogos, senón un perigo na propia acción, e un aviso para o futuro.

20100406

Fiscal de medio ambiente

Denuncia unha "sensación de impunidade e corrupción mantida e histórica" e culpa a "uns poucos empresarios sen escrúpulos", á "convivencia dalgúns concellos" e a unha xestión "cuestionable e descoidada" por parte da Administración autónoma.
... pódese ver na páxina 7 do 'El País de los estudiantes', de 8/3/2010... sobre a perforación de pozos no Parque de Doñana

20100405

Felices vacacións




Así comezaba o correo no que recibín as fotos que adxunto (entre outras moitas do mesmo sitio que me enviou Pancho Campos) da destrucción da Mámoa das Pallaregas. O tema é unha limpeza que permite ver como está a zona, citando ó autor do envío, "na que se ve un montículo común con outras protuberancias máis ou menos relevantes (supoño que tumbas varias) e derriba as pedras chantadas, aínda que a máis grande vese que está tirada e arrastrada do seu sitio, debido o paso dos tractores que recollen e plantan a madeira. Vense tocóns de pinos cortados xa fai tempo e agora ó poñer os eucalitos en fila, tampouco respetaron o xacemento, pois hai varios (como seis) plantados derriba do asentamento. Esto, que xa ocurre noutros castros e que denunciaba José María, está a ocurrir tamén no xacemento da Cadeira en San Marcos de Trabada."
Se as fotos non están abondo claras, unha visitiña pode aclarar as cousas.
Algunha cousa máis sobre as mámoas nas Pallaregas: http://digital.csic.es/bitstream/10261/5711/1/CAPA4.pdf, na p. 81 (89 do pdf), ou mellor, http://www-gtarpa.usc.es/descarga/CapaTapa/Tapa/TAPA8.pdf en p.37 (43 do pdf)

Informes sobre o ruido a nivel Galicia e queixas en Ribadeo

Este fin de semana foi recollido pola prensa o informe do valedor do pobo correspondente a 2009 (1, 2 e o propio informe do valedor en particular nos apartados que comezan nas súas páxinas 99, 112, 117 ou 125) de xeito que saen a relocer os temas de ruído e botellón.
En Ribadeo (atendido polo mesmo informe hai máis dunha década, antes de pasar a nivel xudicial), aparece na Comarca a referencia a unha xuntanza mantida entre alcalde e hostalería. Destácase alí a queixa de donos de locais que reclaman que a vixiancia de horarios de cierre se faga dun xeito igual de estrito a última hora que cos locais que teñen licencia para facelo antes, de xeito que se incremente a vixiancia sobre estes últimos. Chámame a atención na redacción do artigo (só unha referencia pequena) en particular unha fase: "Estiman que esto non sucede, permíteselles abrir ata máis tarde e iso crea un efecto dominó que fai que eles teñan que traballar máis horas, cerrar máis tarde, e a consecuencia delo, moitas veces ser multados por esta circunstancia".
Deixei todo o parágrafo, porque se collo ata só a segunda coma desvirtuaría a información. Comentar que me parece ben e lóxica a reclamación (non a argumentación como eximente de culpa); de feito, é algo que deixei por escrito hai anos (e máis recentemente). Eu faría a distinción de diferenzas entre locais máis que entre horarios, tendo ademáis en conta cousas como que os bares non teñen (alomenos, non deberan ter) música amplificada e polo tanto a media hora última non teñen que quitala, algo que en locais de máis amplitude de horario si que teñen que facer. Por outra banda, aí está aínda recente o cambio de horario inverno/verán e tarde ou cedo sairá á luz o número de locais multados e a presión relativa feita sobre os locais para o peche, co que se verá que non é tan fero o león. Ou aínda máis, resulta que é o mesmo sector hostaleiro o que fai distincións entre locais ó pedir ampliación de horario para os seus asociados e non para os non asociados e non dar publicidade, nin a asociación, nin a Xunta, nin outras autoridades, de horarios permitidos e diferencias horarias, por exemplo nas pasadas festas de Nadal.

Pasou a Semana Santa

Pasou a Semana Santa, as procesións, pero de seguro seguirá algunha cousa relacionada. Por suposto, a relación da igrexa con diversos temas, pero tamén en Ribadeo, onde o tema do aparcamento comeza a resultar recurrente para algún partido. A asistencia de xente, seguindo a aquelo de que cada quen fala da feira segundo como lle vai nela, será tamén tema. Ou o tempo, que parece ter esperado a que remate a semana para presentar unha cara limpa e sen nubes no horizonte.
Pero, unha vez pasada, constátase sobre todo, e unha vez máis, a diferencia de mentalidade respecto á semana en relación a outros anos; vese a disculpa da Semana Santa en troques da propia Semana. En Ribadeo e abondo máis aló.

20100403

Antiga e Barbuda e Ribadeo

Pouca relación se pode atopar entre Antiga e Barbuda e Ribadeo. Non sabía de ningunha ata este martes, no que vin que un dos buques cargando pasta de papel no porto tiña a súa bandeira. Unha bandeira dun país considerado como paraíso fiscal nun mundo cosmopolita.

20100402

En relación ós emigrantes

Relendo partes dun libro que vai para catro anos, atopo algo que aínda serve para cavilar moito hoxe.
"(...) teño visto os emigrantes, famentos, pálidos, tristes, esconsolados, coas mans callosas de tanto traballo ... que xa sabedes que desta terra fuxen os que traballan, pero non os zamezugas da política que teñen as mans suaves e levan os callos na ialma."
(Manuel Lugrís Freire. O compromiso. por Xosé Ramón Barreiro - Xosé Luis Axeitos. La Voz de Galicia 2006, p.53 "Discurso - mitin de Betanzos, 1907")

20100401

Sobre a xustiza, ligazón a un artigo

Chamoume a atención un artigo con varios videos sobre a xustiza, no que destacar diversas frases. Por exemplo, falando sobre a limitación da xustiza universal en España (feita hai pouco): "O verdadeiro detonante do cambio foi a presión china. Foi a máis convincente de todas porque dependía que Telefónica pasara a ser a segunda operadora en China". A lembrar que se falou moito da presión israelí a conta da posibilidade de xulgar en España a membros do seu gabinete.