20100630

Un pequeno comentario a auga pasada


Deixo á beira o banderín dunha actividade do IES Porta da Auga a semana pasada, e a ligazón á nova dun xornal. As dúas cousas se refiren ó mesmo. Supoño que a cousa sería que dende o IES non lle pasaron ningunha nota e dende a autoridade portuaria, si: formas de ver as cousas...

20100629

Unha referencia estatutaria

Onte saiu a sentencia do Tribunal Constitucional sobre o estatuto de Cataluña. Polo momento, só referirme a unha entrada do blog Ángel de Olavide que da nova puntual do feito, a parte de opinións.

Dúas actividades próximas



a) Mañá dara comezo o XXI curso de verán da Fundación Trelles. Está prevista unha incidencia en Ribadeo dunhas 200 persoas ata o domingo. Deixo o listado e horario de actividades e o díptico definitivo ampliable, a falta -din- dunha sorpresa.

Miércoles, 30.VI.10
Llegada a Ribadeo en el transcurso de la tarde
21.00: Eucaristía de bienvenida, Iglesia parroquial de Santa María del campo

Jueves, 1.VII.10
09.30: Laudes, Iglesia parroquial de Santa María del Campo
10.00: Inauguración del curso (Excmo. Sr. D. José Ramón Gomez Besteiro, presidente de la diputación provincial de Lugo)
10.30: Presentación del curso por el director (D. Manuel Abón-Brasol Álvarez-Tamargo).
Conferencia, La virtud de la Cortesía en el pensamiento de Luis de Trelles (Dña. Milagros Otero Parga). Coloquio
13.15: Visita a la playa de As Catedrais
18.00: Visita al monte de Sta. Cruz y a la capilla de Nosa Señora das Virtudes
Eucaristía presidida por Excmo y Rvdmo Sr. D. Manuel Sánchez Monge, obispo de Mondoñedo-Ferrol
20.00: Recepción por parte del Concello de Ribadeo

Viernes, 2.VII.10
10.00: Eucaristía en la capilla de la OFS (Capilla de la tercera orden)
11.00: Conferencia, Hoy con el espíritu de Luis de Trelles en la adoración Eucaristíca (D. Santiago Arellano Hernández). Coloquio
15.30: Visita turística a Viveiro. Mesa redonda, Don Luis de Trelles y su pueblo (D. Francisco Puy Muñoz - Presidente -; D. Antonio Troncoso de Castro, D. Carlos Nuevo Cal, D. Francisco Javier Martínez Prieto)

Sábado, 3.VII.10
10.00: Eucaristía, Iglesia conventual de las RRMM Clarisas
11.00: Conferencia, Luis de Trelles y la realeza social de Cristo (D. Manuel Abol-Brasón Álvarez-Tamargo). Coloquio
15.30: Visita turística a Ribadeo.
22.00: Concierto de música popular, Coral polifónica de Ribadeo

Domingo, 4.VII.10 (Peregrinación a Santiago de Compostela)
09.00: Salida hacia Santiago de Compostela
12.00: Misa del peregrino, SIBC de Compostela
14.30: Comida de despedida. Clausura del XXI curso de verano de la Fundación Luis de Trelles

b) remate da exposición

'Elas ensinan'

Exposición na Oficina de Turismo. Unha homenaxe ás mestras galegas

Esta mostra recolle as historias de vida de dezaoito mestras galegas que compartiron o interese pola educación das xeracións máis novas, ás que serviron de modelo profesional e vital. Pero a mostra tamén apela ás lembranzas, aos sentimentos desa etapa na que se forxa a personalidade, na que se aprende todo o que as mestras nos transmiten, ciencias, letras, música, arte... na procura dunha formación humanista e integral.
Unha homenaxe ás educadoras e pedagogas que lle impuxeron as condicións sociais, económicas, xeográficas e históricas de Galicia entre finais do XIX e o XX. Unha etapa que reflicte a longa dedicación histórica das mulleres ao campo do ensino, especialmente no eido das primeiras letras, o ensino infantil e o primario, para paulatinamente irse achegando aos demais niveis educativos ata acadar a situación de feminización docente que se está a vivir na actualidade. Mulleres innovadoras e decididas, sempre na procura de novos métodos pedagóxicos para mellorar a educación do seu alumnado por difícil que fose a situación e as características particulares de cada grupo, proporcionando a cerna para unha participación feminina máis ampla na educación superior e no mercado laboral. Un panel transformador da sociedade, a través da transmisión do coñecemento e da profunda pegada do seu traballo en todos e todas nós.
Esta exposición cedida pola Secretaria Xeral de Igualdade, estará na Oficina de Turismo do Concello de Ribadeo desde o martes 15 de xuño até o 30 de xuño.
Os horarios para poder visitar a exposíción son os seguintes:
- Luns a Venres: Mañás: 09:30h -14:00h.
Tardes : 16:00h- 19:00h.
-Sábados e Domingos : Mañás : 10:30h- 14:00h.
Tardes: 17:00h- 19:00.

e, a longo prazo, Musikeo 2010,

20100628

Sobre o tren mineiro Vilaodrid - Ribadeo

Por concesión de Javier Ramalleira Fernández remato de colgar en 'Publicado en Ribadeo' o traballo 'Análise do tren mineiro Vilaodrid - Ribadeo',pequeno estudo de trinta páxinas que non deixa de amosar cousas que poden resultar novedosas, como a solicitude de cesión da estación polo concello de Ribadeo ó patrimonio do estado (denegada), ou planos das minas de Vilaodrid.
--
Posta ó día: novo lugar de publicación, en ausencia do anterior: http://issuu.com/agremon/docs/an__lise_do_tren_mineiro_vilaodrid_

O 2% da poboación, á manifestación.

26 de xuño de 2010, Burela. A manifestación a favor da área sanitaria de A Mariña e o hospital da costa xuntou máis do 2% da poboación afectada direitamente por estar integrada na área que se prentende defender segundo a convocatoria. O 2% duns 72 000 significa 1 440 ... De calquera xeito, as cifras varían moito segundo quen as presente. Os números anteriores son estimación persoal dun mínimo dunha estimación que polo máximo habería que achegar arriba do 3% (2 160), pero dende (ou ata) as 8 000 – 10 000 reivindicadas polos organizadores ata (ou dende) as cifras abondo menores, da orde dos 1 500, dadas polos opositores, queda un intervalo grande. No medio, un dato obxectivo: o reparto de 2 000 pegatinas, das que se ben nalgún caso se vían varias nunha persoa, eran máis aquelas que non levaban, o que parece indicar que se superou netamente a cifra dos 2 000 asistentes.
Xunto cos mariñáns, acudiron á manifestación con pancarta representantes de Monforte e o Barco, en situacións ambas áreas cunha semellanza coa de Burela. De fóra da zona sanitaria ou como entidade suprazonal só logrei identificar outra pancarta, a de Alcer, levada por dúas persoas, aínda que segundo a prensa había representación da zona do Ferrol.
Despois da manifestación cómpre avaliar o seu éxito. E, por se non foran poucas as discrepancias entre organizadores e opositores sobre a cantidade de asistentes, as diferencias aumentan ante a ponderación de resultados: mentras hai quen para considerala un éxito tería que achegarse a cifras triples que as vistas, para outros chegaría coa terceira parte para que tivera relevancia. Pero coido que non só son os números os que contan. A presencia ou ausencia de cámaras de tv é un dato a ter en conta sobre a repercusión dunha manifestación e algo do que non se soe falar moito por estar controlado en boa parte polo poder de turno, aínda que hoxe se vexa compensado en parte co que se vai colgando nas redes sociais. Tampouco se fala sobre a contrainformación / desinformación, algo que está tomando uns caracteres alarmantes eque estimo que, en parte, contribúe sempre ó éxito da difusión das ideas que propaga a manifestación, ó darlle máis pulo previo. Nin soen saír á luz pública con carácter de relevancia de feitos puntuais como o de que houbera xente que se adicou a parar autobuses e dicirlles que a manifestación estaba desconvocada, algo que poido moi ben ter variado o carácter pacífico da manifestación. A avaliación non soe recorrer a comparacións: en raros casos aparecen nos medios comentarios nos que se poña a asistencia en relación coa cantidade de xente que está a seguir o mundial, que pertence a outra esfera de eventos, do mesmo que produce moita máis influenza mediática a situación da moza dun futbolista nun estadio de fútbol que 'a morte' de cen persoas que protestan en Bangla Besh por cousas como o baixo salario ó coser as pelotas do mundial.
Moitas cousas a considerar, pois a parte do anterior, para avaliar o éxito dunha manifestación é diferente que haxa oportunidade de que veña xente de fóra ou non, que sexa unha protesta con múltiples sés ou non, que se dispoña de transporte fletado para a mesma ou non, ... e que se considere o éxito do resultado: a concorrencia, o ver cumpridas as reivindicacións, o lograr facer ruído mediático, ... Moitas cousas que no caso da manifestación que nos ocupa habería que especificar: veu xente representando outros lugares, pero como testemuña,non para incrementar a asistencia con de lugares que non se ven afectados pola área sanitaria (aínda que si pola xestión xeral da sanidade pública, que tamén era motivo da manifestación); houbo unha única sé, co que o impacto é único e a xente tivo que facer de media máis quilómetros para acoder; dispúxose de autobuses, pero á vista de como se foi enchendo de coches Burela e en concreto o aparcamento do hospital, foi unha minoría non moi grande a que se desprazou nos autobuses. En canto ó resultado, hai en xeral que esperar para poder sopesalo, se se exceptúa a propia concorrencia. O cumprimento das reivindicacións pasa neste caso dende a presión polo cumprimento á 'xa está todo feito de antes', pero verase a efectividade de ambas opcións aínda no futuro. En canto ó ruído mediático, neste caso está conseguido a nivel zonal. A nivel galego, a cousa xa non está tan crara, e a sinxela constatación da posible diferenza de visión de dúas persoas diferentes que consulten habitualmente diferentes medios pode facer pensar, máis aló do éxito ou fracaso na difusión deste acto concreto, na esquizofrenia que se está a instaurar na sociedade, con compartimentos estancos en moitos sentidos.
En canto ó impacto do número, e a pesares das diferentes estimacións, quizáis o máis práctico sexa o facer comparacións con outras manifestacións na zona ou a niveis galego ou estatal. Para elo, necesítase unha función de relación. Así, pode considerarse a propocionalidade linear entre número de afectados afectados / base da posible participación, e asistentes, o que considera por unha beira que todas as persoas somos iguais en canto ó cómputo... pero fai caso omiso de que para ir a manifestarse a Madrid fai falta máis tempo e medios, por exemplo, que se a manifestación é ó pé da casa, ou que o poder de convocatoria dunha espectativa de masa maior é tamén maior. Quizáis podería ser considerada máis xusta unha relación como a empregada en estatística para estimar a confianza dunha mostra, isto é, o número de asistentes en relación coa raíz cadrada da poboación afectada, que considera factores matemáticos, máis obxectivos, pero por iso mesmo menos humanizables. No primeiro caso, a nivel estatal, unha manifestación debera ter un número de asistentes entre uns 6 000 000 segundo os organizadores e 1 000 000 segundo quen estivera en contra. Se collemos o segundo, serían uns 250 000 segundo os organizadores e 40 000 segundo a oposición. Números moi diferentes, pero que dan unha idea da situación. No caso de ser unha manifestación con interese centrado no concello de Ribadeo, as cifras variaría entre pouco menos de 1 500 e 200, no caso de relación linear, e entre 3 500 e 600 se consideramos a relación da raíz cadrada.
Así, podemos darlle a volta tanto ós números como ás estimacións noutros sentidos,e quizáis esteñamos esquecendo o xuntar ou achegar esas estimacións ó que son os intereses económicos e políticos, porque ó final, somos humanos e aínda que se consideren o éxito ou fracaso apoiados en estimacións ou feitos que consideramos obxectivos, pode máis a percepción (aínda irracional moitas veces) e os sentementos. Quizáis, o máis elocuente deste xogo de percepcións e engano foi, para min, despois de considerar internamente eu a marcha como un éxito de asistencia, xa despois da manifestación, e ó atravesar un paso de peóns, ver un coche que pasa por diante, sen parar e escupindo máis que comentando o condutor pola ventanilla aberta: 'a manifestación é un pufo'. Estariamos pensando na mesma manifestación? Iria el ou vería a marcha? Interpretamos o mesmo con esa frase? Coido que non en ningunha das tres preguntas.
E chega o final, os comentarios que poden dar máis información que os fríos números, pero tamén dirixir a atención. Neste caso, e xa que levo a falar todo o tempo do resultado da manifestación pero non da idea que se defendía, continúo na liña de non tratala.
Que se notou en falta? Para min, faltou xente nova, non vin moita máis da que levaba a pancarta dunha asociación xuvenil. Barrunto que quizáis porque usan menos os servizos sanitarios, pode que porque dada a estrutura poboacional actual da Mariña non teñan a relevancia demográfica que no pasado e a que eu lles atribúo, ou quizáis, sinxelamente, pola apatía que se lles asigna moitas veces na actualidade. Asemade, pode dicirse que faltou difusión previa: a modo de exemplo, un coñecido que estaba no hospital cunha paciente que leva xa algún tempo non se enterara do tema... nin sabía do problema, pero isa 'desinformación' é difícil de combater. O que non faltou foi a calma: algún coreo de consignas, case sempre limitado á primeira parte da marcha, algunha palma, e punto: nada de saídas de tono. Quizáis calma de máis.
Sobras? Pode que se poda dicir sinxelamente que non sobrou nada nin ninguén, pero un despistado podía saber por onde ía comezar a manifestación se se fixaba por onde se ían agrupando persoas máis coñecidas como os alcaldes, concelleiros e demáis participantes. Algo tamén difícil de evitar, se se quixera facelo.

20100626

As novas estratexias

Calumnia, que algo queda. Poderia ser o lema que se está a instautrar na política a tódolos niveis, pero que se nota máis a nivel municipal. Tendo sido vítima de calumnisa non só unha vez, aprecio a importancia do que pode significar unha calumnia, e dou acuse de diversas calumnias que se fan notar e que serven para enrarecer a convivencia municipal antes de servir para clarificala como denuncias.
Calquera que revise a prensa deste periodo no concello atopará de xeito doado ataques sen fundamento a carón de críticas fundadas. Non é novo baixo do ceo, pero si que o é a frecuencia das actuacións que se están a dar. Actuacións de ataque por ataque, ou mesmo achacando desgoberno a conta de vandalismo. Dun xeito no que o caso non é chamar a atención a favor de Ribadeo, senón contra algo ou alguén.

20100625

1 000 libros

Así, 'grosso modo' son os que un particular de Ribadeo pretende doar dun xeito rápido por necesidade urxente de espazo. Enterado do tema, fágome eco, aínda que pola premura que necesita dubido da acollida. Sei que sacarei algún, pero só algún, ben para min, ben para o bookcrossing ou para puntos, persoas ou entidades concretos. A grande maioría non sei que farán con eles...

20100624

Non son restos prehistóricos



Non son restos prehistóricos senón os restos de dúas cociñas en Santa Cruz que pasaron a formar parte do vandalismo, a xulgar polas apariencias, hai non moito tempo. A desaparición das papeleiras daquela zona tamén coido que ten que ver co mesmo tema do vandalismo, ó que polo momento, apúntanse solucións que van máis contra o resto da sociedade que contra os propios vándalos (véxase por exemplo, o caso da instalación de pasos elevados no paseo marítimo Rodríguez Castelao), sen que pareza que en consecuencia vaia a aminorar, senón máis ben apunta ó contrario, a un empeoramento dende unha situación de relativa calma (en relación a outros lugares)


Contrastan as fotos con paisaxes á vista de paxaro como no caso das outras ilustracións da entrada, a Pena Furada contra a ría de Ribadeo e a costa asturiana, a casa faro da illa Pancha vista dende o outro faro, máis externo, e onde se observa no medio da ría, un pouco á súa esquerda, o novo faro das Carrallas, e onte tamén, a zona da ría de Ribadeo entre a Vila Vella e Castropol co fume das fogueiras de San Xoán, ás que alegando motivos técnicos cada vez se lles poñen máis limitacións en xeral.
Coido que paga a pena conservar as cousas para poder disfrutar delas. Algo que pode ser ata certo punto potestativo cando son propias de xeito exclusivo, e que pasa a ser inexcusable cando son de todos.

20100623

Para dicir non ó ambulatorio de Burela

Xa levan varios días por Ribadeo os carteis correspondentes á manifestación a favor do hospital da Costa. Reproduzo a convocatoria que me chegou da plataforma de Defensa da Sanidade Pública na Mariña, na que está integrada a AVV O Tesón, e para a que sairán autobuses dende Ribadeo (para elo, contactar co 982129161):

MANIFESTACIÓN 26 DE XUÑO ÁS 12 DA MAÑÁ

SALVEMOS O HOSPITAL DA COSTA

DEFENDAMOS A SANIDADE PÚBLICA NA MARIÑA

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña convoca unha manifestación o vindeiro sábado 26 de xuño ás 12 da mañá con saída do Hospital da costa e remate na Praza da Mariña en Burela.

Pregamos encarecidamente a presenza dos veciños da Mariña, así como o voso compromiso en convidar amigos e veciños para que participen na mesma.

Neste sentido queremos lembrarche que o que nos estamos xogando é que o Hospital da Costa siga a manter os servizos que hoxe ten ou a maioría deles se trasladen ao novo hospital de Lugo, o que significaría un retroceso máis de 25 anos na calidade asistencial dos mariñáns.

Na mesma manifestación imos esixir da Xunta de Galiza que cumpra os seus compromisos coa Atención Primaria e que se remate co estado de abandono na que está asumido a mesma o que a coloca ás portas do colapso.

Sen outro particular unha aperta

20100622

Tódolos camiños conducen a Roma ... e a Santiago

Xa hai un novo camiño a Santiago. Si, xa sei o de que tódolos camiños conducen a Roma, e a calquera sitio, e que sempre se poden atopar documentos históricos de que polo sitio que se queira pasaba un camiño, que a humanidade comezou sendo nómade. Xuntar as dúas cousas, a existencia dun camiño e o final previsto, xa é algo máis dificultoso, pero cando hai motivos económicos, fáise pola labor e malo será...
Hai anos escribín unha serie de tres artigos (con motivo do penúltimo xacobeo, aínda sen pasar á web) sobre o significado do que era antigamente a peregrinación a Xantiago, pero na actualidade. e é que o camiño variou na cabeza de quenes o fan, e por eso non é estrano que poda variar e diversificarse asemade tamén no plano físico. Pode resultar chamativo, verse máis, a apertura de novos 'vellos camiños', pero coido que de maior impacto é o cambio de mentalidade na súa realización. Que se faga por un lugar ou outro, eso xa é irrelevante aínda por canto sexa o que sae nas novas. Disfrutemos pois dos novos camiños a Santiago, mesmoaínda que haxa que desviarse abondo dos camiños máis tradicionais para facer a rota.
Sobre o Camiño de Santiago no entorno de Ribadeo.

20100621

Para que dereitas, con esta esquerda?

Despois do 'despide ti, que pagamos entre todos', quizáis lle quede unha misión á existencia da dereita, debido á oposición de adxectivos nas súas etiquetas políticas: o lembrarnos, coa súa existencia, coa semellanza cada volta maior esquerda/dereita, que outra esquerda é posible.
Con outra visión, esta volta de Saramago (2007), "antes gustábanos dicir que a dereita era estúpida, pero hoxe en día non coñezo nada máis estúpido que a esquerda"

20100620

José Saramago

Morreu José Saramago. Lonxe quedan os días nos que unha ministra de España, de Cultura, ante a concesión posible do Nobel ó autor, declaraba que que non coñecía a ningunha Sara Mago. Se xa foi curioso no seu día, hoxe sería inconcebible unha contestación así, aínda que non fora ministra de Cultura quen falara.
Retrasei un pouco a entrada no blog como unha homenaxe de silencio tamén meu a unha persoa que non coñecín máis que polas súas obras (e hai que lembrar e valorar aquelo que di a biblia de 'polas súas obras os coñeceredes', Mt 7,16).
Recomendo unha e outra vez o seu ensaio sobre a lucidez, lexible en portugués, e que leva a outras obras súas que se intúen como unha referencia noutros aspectos vitais da sociedade hoxe.
Sobre Saramago en si, os 'Cadernos de Lanzarote' ofrecen unha visión do seu filtro vital persoal, unha persoa que dubidaba do que facía, como aparece nalgún comentario dos que lin estes días, polo que procuraba achegarse a facer as cousas o mellor posible, sabendo que era persoa e integrando o seu ser na súa vida.
Estes días hai montóns de referencias a Saramago por calquera lugar que se mire. Deixo só dúas referencias relacionadas con el que se poden seguir na web:
http://www.josesaramago.org/
http://cuaderno.josesaramago.org/
E dúas ligazóns a un blog amigos e a Youtube (da man da cita doutro amigo), nas que as verbas de Saramago vóltanse son:
http://elangeldeolavide.blogspot.com/2010/06/saramago-alza-una-rosa-y-nos-abandona.html
http://www.youtube.com/watch?v=-KTL94Rl7CI

20100619

Unha vista do pasado


Unha foto do Castro de Viladonga, pensando no Castro das Grobas.
Onde vai toda a documentación que xeraron as catas do pasado ano?
(a lembrar que afoto amplíase premendo dúas veces co rato)

20100617

Collendo unha entrada de Im-pulso e engadindo algo

A entrada de Im-pulso onde amosa como pode influír o 'capitalismo salvaxe' na xestión económica podería ser continuado: A cousa é que cada subcontrata queda con parte do pastel, e hai para todos. quen non se lembra dos razoamentos sobre intermediarios que se deron en España tantas veces? Pois aquí, ó besta, co engadido de que á hora de procurar responsabilidades sobre o tema, a responsabilidade dilúese, e cada un por separado terá diversas vías de escape... aínda que BP teña asegurado a Obama un fondo de deceas de miles de millóns de dólares (aínda segue a botar, os cálculos non están rematados), para o que BP xa asegurou que non ía repartir dividendos este ano (e supónse que polo menos tampouco o próximo), aínda que non di nada sobre a rebaixa de soldo dos directivos, por exemplo.
En fin, que o tema da para moito máis que o sinxelo seguir o rastro a quen fixo que e a dilución de responsabilidades (e extensión de petróleo no Golfo de México)

20100616

Un pouco máis

Só unhas verbas para dar referencia da nova nota de prensa do concello sobre a petición de cartos á Xunta para paliar os danos da auga, e con referencia a algunha cousa que se podería facer, aquí.

20100615

13 pontes





Segundo parece, os que foron danados, segundo a penúltima nota do concello (anteriores 1, 2, 3, 4, 5, 6)ascendendo a uns 650 000 € os danos da riada nas estruturas municipais.
Darse unha volta por algunhas parroquias nos puntos próximos ás correntes de auga denota máis danos. Deixo algunha foto ó caron, da situación actual da ponte de Arante, un socavón deixado preto do cauce no río Grande en Cedofeita, a situación dunha ponte en Cedofeita e ría tinguida de marrónneses días (hoxe xa ten volto á normalidade)
[Entrada anterior sobre a riada].

20100614

Puro teatro

"Os españois teñen perdido a súa confianza nos políticos, o gran problema é a ausencia de ideas". As verbas, que corresponden a Luis de Guindos, ex Secretario de Estado de Economía, puidéronse ver este fin de semana en varios xornais.
Non estou de acordo. Mellor dito, si o estou na primeira parte, en que temos perdida boa parte da confianza nos políticos, pero non na segunda. Coido que a política a nivel estatal da abondantes exemplos, pero se non o cree así, tiña que vir o sr. Guindos a Ribadeo. De seguro que, como mínimo, especificaría un pouco máis. O gran teatro do mundo non esquece ós politicos ribadenses, a quen non se lles pode tildar de non ter ideas, e estes días tivemos unha representación que o amosa e que non sei ben se cualificar de comedia ou traxedia, en plena crise tanto estatal como autonómica ou local. Crise que polo menos a nivel local ten paralizadas as respectivas finanzas pero non as ideas. Que se axusten istas á gobernanza ou non, esa xa é fariña doutro costal.
A representación declarada polo propio partido en Ribadeo consistiu nunha obra de teatro do PSOE local (foi difundido así, do PSOE, aínda que dubido que participara todo o partido nin aínda unha maioría) segundo dixeron, para desenmascarar o pacto entre PP e BNG. A cousa ten máis entidade que o sinxelo comentario na rúa, e coido que debera ser estudado con algo de profundidade e deixado en papel, porque a parte da actualidade presente do tema, tamén forma parte xa da historia de Ribadeo. Refírome ó transcorrido en e dende a moción de confianza a raíz de non seren aprobados os presupostos: foi negada, o que desembocou na posibilidade dunha moción de censura, para o que había que presentar un candidato á alcaldía apoiado por máis da metade da corporación ou de xeito alternativo, todo seguiría igual e cos presupostos aprobados. Dende aquela, UPRi declarouse disposto a votar calquera alternativa (pero en principio, non terían por que ser necesarios os seus votos, abondando con PP e PSOE). O PSOE primeiro dixo que o estudaría, despois escenificou a separación rebelde dun concelleiro contra o partido e os seus compromisos a nivel galego (co que a moción sairía adiante cos votos de UPRi), e logo rematou dicindo que todo fora unha farsa para poñer branco sobre negro o pacto PP-BNG e rehabilitando como íntegro ó concelleiro que supostamente ía por libre e a votar en conciencia. O PP pode dicirse que non moveu un dedo dende a significativa negativa na moción de confianza, tendo en conta que é o partido, xunto co BNG, que máis concelleiros ten. O BNG, unha vez negada a confianza, seguiu a gobernar deixando que os demáis fixeran o que quixeran, e unha vez autodescuberta a trama do PSOE, o alcalde dixo que naquel momento tiña moito que facer como para comentar a xogada. Total, vinte días.
Non se sabe se o narrado polo PSOE é mentira ou feito. Debemos supoñer que é feito, pois así o din eles, pero cabe dubidalo na procura dunha saída que dane o menos posible non á credibilidade do partido, senón á credibidilidade da política ribadense en conxunto, porque afecta a todos. Se é un feito, mal: ter enganada á poboación xogando nun momento de crise institucional en Ribadeo (inmerso noutra crise a outros niveis) non parece o mellor xeito de facer política, a non ser que se poña de exemplo o de 'panem et circenses', e mesmo así, sen o pan e con circo moi lento. Se é unha mentira, trátase de querer disimular moitas cousas, demasiadas. De calquera xeito, en troques de políticos, convírtense en actores, como se se estivera postulando para as eleccións un modelo basado nas votacións en televisión nas que as posibilidades redúcense a votar comediantes en troques de intérpretes musicais. Entre outras cousas, onde foi a falta de respecto ós votantes?
A política no sistema actual escápaseme no máis profundo a tódolos niveis, dende a estatal á galega ou a local, coido que como a outra moita xente que se move entre a incredulidade do que está a pasar e o escepticismo pasota, equivalente a deixar a gobernanza á ditadura dos políticos. Aínda así, por iso de que o concello é veciño de tódolos ribadenses, paréceme que no seu caso debera ser algo máis comprensible. E non me estou a referir ó que se chama tirar réditos políticos da postura dun partido por parte doutro, senón sinxelamente, máis comprensible na aspiración de que a política se achegue á realidade e tente dar posibilidades á vida dos administrados.
Unha cita de Albert Camus indícanos que 'a verdadeira xenerosidade para o futuro consiste en entregalo todo ó presente'. Coido que neste caso foi mal entendida. Non se trata de entregar as capacidades dos políticos como actores, nin facer que se fai unha entrega e logo dicir que era teatro, senón dunha entrega real, algo ó que os políticos últimamente non nos teñen moi afeitos.

20100612

Recortes cunha man (a dereita), agasallos coa outra (a esquerda)

Recortes cunha man, agasallos coa outra. Non se trata daquelo de qu enon saiba a miña man dereita do que fai a esquerda, senón todo o contrario. É algo moi sinxelo: transferencia do que se colle cunha para dalo coa outra. Coido que por estas terras estamos faltos dun mito como Guillelme Tell ou Robin Hood, que, aínda apoiando en xeral o sistema, corrixían as falcatruadas que esaxeraban a súa maldade. Aquí, a falta deses emblemas humanos, temos na actualidade unha correa de transmisión de signo contrario, e un funcionamento e ideas a nivel social que inclúen a resignación para aceptar recortes porque a economía vai mal mentras hai quen está a ganar cifras que marcan rećords. O pasotismo de aceptar falta de servizos porque os cartos foron malgastados, de xeito manirroto, en auténticas tracas en tempos de bonanza. O baixar a cabeza mentras que se cortan as ánzas ó restablecemento económico baixando os ingresos de quenes podían contribuír a mover a economía. O sorriso porque se estaba baixando o soldo ós vagos e favorecidos funcionarios, como se igualar á baixa a un sector que se aproveita para desprestixiar fora o ideal. O mirar como un teatro a escenificación dunha mediación gubernamental que se sabía parcial ...
E agora, o anuncio semi definitivo. Despois das medidas de axuste, o cambio lexislativo. Xa non son os funcionarios. Xa veñen os traballadores mesmo temporais. E os futuros. E entón, e cousa de lembrar aquelo de foron vindo polos outros, e non me movín, e cando viñeron por min, non había ninguén para defenderme. E nesta costa abaixo, alguén está a facer caixa.
Ligazóns? Non son necesarias. Mirando arredor xa se liga abondo deste tema.

20100611

Como chove miudiño!


Na realidade, antonte, non foi tanto... Foi, con diferenza ata aquel momento, o momento, o día que máis choiva caeu en Ribadeo no 2010, 61,2 L/m2, segundo a estación automática da Pedro Murias.
Onte xa foi algo máis. Pódese aplicar de novo que foi con diferenza o día que máis choveu no 2010 ata o momento, 84,5 L/m2. Entre ambos, 145,7 L/m2.
Esta noite a cousa seguiu implicando choiva, pero en cantidade menor. Craro que, coas augas medradas e a terra sen capacidade de absorción dunha gota máis, nalgures aínda poido causar problemas.
Aínda así, o 2 de outubro de 2006 están rexistrado 136,2 L/m2, o que constitúe a marca da década na estación para un día (ver o salto brusco da liña azul craro ó comezo do outono, día 275 de 2006). E o 22 de setembro de 2001 acadáronse os 90 L/m2 (salto da liña azul obscura, día 265). Houbo outros día de choivas importantes, pero o 3º e o 4º da década foron onte e antonte, a liña inconclusa laranxa que se pode ver sinalada na gráfica.
É dicir, os datos indican as dificultades que se viviron onte (sobre todo) e antonte en toda a comarca. Aínda así, os danos causados son proporcionalmente maiores que no 2006. As notas do concello (1 e 2) aclaran algo, pero estimo que non todo o por que, achacado en particular á contención de augas por parte da autovía. Non obstante, houbo noutros sitios sen autovía importantes danos. Aí está a Ponte de Arante, por exemplo. Nestes momentos había terras recén prantadas ou roturadas (o que non sucede no outono), e a choiva levou terra toda a que quixo, enlodando máis que outras veces e facendo que terreos quedaran débiles para manter das árbores. Ademáis as beiras dalgúns ríos e regatos con necesidade de limpeza acumuladas (non é a única vez) aumentaron o impacto, etc.
Que destrozo houbo? Coido que é cedo para cuantificar os danos, pero os destrozos son importantes nalgúns lugares. A Veiga sofre inundacións periódicas; as de onte foron maiores tamén da media. Rescates de xente, algún animal morto, ... prodigáronse pola comarca. Algunha ponte levada pola riada, pode que empequenezan ante a anegación de 275 cubas de Alcoa en Avilés.

20100610

Ence que ven e vai

A nova de hoxe, dende a prensa ó concello, é que Ence quédase. A nota do concello non deixa claro moitas cousas, como por exemplo, se ese más de millón de toneladas é para un tempo maior que un ano, cousa que parece que é así, e que pode significar un tráfico menor que o actual. Resulta moito máis ilustrativo o artigo de La Voz, onde se ve claro que Ence ganou a partida das dúas opcións manexándose con diplomacia entre dúas ofertas de dous conxuntos de administracións e axencias, unha de tipo máis político e outra máis económico, pero ambas coas dúas compoñentes.
E, no medio, Ribadeo de rehén. Quizáis se vexa como algo esaxerado, pero a ameaza de pechar o porto se se ía toda a carga de Ence fóra non parece de recibo por parte de Portos de Galicia, igual que non parece por parte do concello que sexa para botar as campás ó voo o acordo acadado, aínda que certamente é un alivio que confirma o que se matinaba xa dende hai tempo. De calquera xeito, a continuación de Ence está ahí, igual que se desvela un pouco máis a trama na que levo insistido moito, e que se negou dende diversos lugares, da raíz política do asunto, manexada por intereses non exactamente económicos.
Anteriores sobre o tema: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9 ... e moitos máis; algún pódese ver no tag 'ria si, nave non' á beira.

20100609

Benito Prieto Coussent



Non é primeira entrada que titulo así. Xa hai tempo, nove meses, que puxen ista outra: http://ribadeando.blogspot.com/2009/09/benito-prieto-coussent.html
Agora, por a Paco Lanza, ven un ha homenaxe ó pintor, que deixo reseñada:
A Asociación Levada Libre de Tui ten prevista unha homenaxe a Prieto Coussent (Ribadeo,1906 – Granada,2001) o vindeiro 26 de xuño.
Como limiar a este acto o Concello de Ribadeo e a Asociación Francisco Lanza fan un convite aberto para un acto que quere servir de recoñecemento e divulgación da figura do artista.
Agardámosvos este venres ás 20.30 h no salón de plenos da casa do concello.
Outras referencias:
Arquivo de Benito Prieto Coussent (e biografía)
Outra entrada anterior

Os vándalos, unha familia dos godos

En tempos estudábase aquelo de Vándalos, Alanos, Visigodos, ... e aínda que o nome quedou ben diferenciado en significado para os vándalos, había un sentemento de que eran todos familia, todos grupos dunha certa comunidade xeral.
Onte apareceu en diversos medios a denuncia por parte do concello do vandalismo nas xardineiras da praza de abaixo e sobre todo no muíño de Ignacia.
No primeiro caso, se se toman as declaracións que aparecen na Voz sobre as frores, "non duraban nin un día, porque as roubaban. Para ter xardineiras sen flores, decidimos quitalas", ocorre igual que noutros moitos casos (véxase as tiras elevadas no paseo marítimo para evitar carreiras), que por alguén que anda a fastidiar, a parte de pagar o fastidio, a xeralidade da xente sofre o non dispoñer das cousas.
En canto ó muíño de Ignacia, o facer unha fogueira na porta, a parte dos destrozos internos, supón unha merma maior na integridade de algo público. Quizáis deba citarse, non a modo de atenuante nin de disculpante, senón como mera aclaración, que o estar restaurado pero non utilizado, incrementa as posibilidades de actuación vandálica, pero aí entramos noutro tema: os recursos para facer cousas e os adicados a mantelas, a dificultade para conseguir uns e outros, o rendemento relativo dos mesmos, o rendemento mediático, etc.
En canto á comunidade dos vándalos, non se debe esquecer que se ben cada acto ten o/a/os/as seus responsables, a repetición de actividades semellantes implica un xerme, que vai pasando dun a outro lugar, dunha a outra actuación, e incrementando adeptos e posibilidades pouco a pouco. A saber se o do muíño ten relación por exemplo co contedor queimado hai non moito no centro de Ribadeo e que puido producir moi ben un incendio dun edificio enteiro. Pero é máis probable que teña relación con outros moitos actos vandálicos a menor escala, do estilo dos mexos fóra de lugar, na rúa, ou ruídos fóra de hora, pintadas nas paredes (primeiro, nas abandoadas, e logo, nas que non o están), etc, xerme dun vandalismo que pouco a pouco vai medrando ó estilo de 'a rúa é miña/nosa' e sobre todo, a modo de corolario, 'faigo o que me peta', e que continúa, de non poñérselle coto. Así pois, os vándalos serían unha familia dos godos. E é previndo o que os godos podan facer como mellor se pode previr ós vándalos.
Na foto do sigpac, a zona de bosque onde se topa o muíño da Ignacia, en Ove (o muíño estaría aproximadamente onde a cruz, a 1/3 da beira esquerda).

20100608

75 minutos para algo xa decidido

Cinco cuartos de hora foron empregados nos prolegómenos, de algo que xa estaba decidido.
Comezou a cousa con 16 persoas nas filas do público e unha longa, moi longa, lectura da acta da comisión informativa por parte do Secretario (o que, facendo dous incisos, me lembra a diferencia de tratamento de temas segundo intereses diversos e que hoxe os funcionarios do concello teñen pensado facer folga de brazos caídos, seguindo ó seu xeito a convocatoria funcionarial, o mesmo que outros colectivos). Alí saíron moitos detalles, máis dos que daría collido ó voo, dende as obrigas previas de Aquagest sobre o mantemento da rede de augas ás intervencións do sr. Moreda Gil, arquitecto municipal, pasando polo detalle de ser avalada a decisión por tres arquitectos (un técnico) e deixada sen respaldo, pero sen negativa, por secretario e interventora. Saíron tamén cousas que ían voltar saír despois, que o PP fixera outros cálculos pero obtivera o mesmo resultado de orden, a sombra de prevaricación, o declinar de responsabilidades do secretario, ... A votación na comisión foi 4 (BNG, PP) contra 3 (PSOE, UPRi)
Comezou despois a deliberaciónda obra de 1 025 000 €, polos escanos de UPRi, cun son pésimo que impediu que collera os razoamentos.
O PSOE acusou de dilacción ó BNG, en contra do que di estoutro partido, debido ós dous retrasos sufridos, acusou de que parece que lle estiveran facendo o traxe a medida á empresa adxudicataria, fixo amago de anunciar un recurso victorioso das empresas non adxudicatarias, segundo Ramón López, debido a que non se respetan as normas de adxudicación, e preguntou ó secretario polo feito de que Aquagest xa tivera que facer o mantemento. A resposta versou sobre que calquera empresa adxudicataria estaría facendo cousas para Aquagest, non para o concello, e que iso debería valorarse para as compensacións pertinentes (algo que xa saíra tamén na lectura correspondente do dito na comisión)
O PP, por boca de Andina acusou ó PSOE de meter medo coa xudicialización, animando así a que as empresas tenten facelo, e non ter en conta o método seguido, senón perseguir á empresa adxudicataria. Analizaron e decidiron, pois aínda que na súa análise os números non coinciden, si que o fai o orde co resultado da baremación do concello. O que si se apuntan é ó retraso producido polo BNG. En canto ás subcontratas que se di que haberá, aseguran que calquera outra empresa están seguros de que tamén subcontrataría. Como comentario, queda o punto de por que non tiñan logo estudado xa o tema no pleno no que se tratou a adxudicación (aquí, ligazóns sobre os plenos nos que se tratou).
A intervención do alcalde recorreu varios puntos, apoiando que a cousa era técnica e polo tanto na realidade pouca discusión posible había, e sorprendeume cunha frase na que indicaba que ogallá fora licitada a obra direitamente por Fomento para quitarse problemas de enrriba. Algo que coido que vai contra os principios que defenden os grupos de autonomía municipal (se ben de cando en vez xurden ideas semellantes sobre as bondades da centralización por parte dun ou outro grupo)
Unha segunda rolda foi moito máis rápida: UPRi dixo que lle quedaba un detalle, o saber quen ía inaugurar a obra, o PSOE preguntoulle ó secretario, por boca de Ramón, un sorprendente 'Vde. leeu as bases?' (naturalmente, con resposta positiva), nun intento de provocar algún tipo de posicionamento negativo daquel, e o PP remarcou que son conscientes de que os seus votos non son necesarios, pero que van votar a favor. O alcalde, na última intervención, e a conta da pregunta de Paco Rivas, propuxo que, caso de ser rematada estando el de alcalde neste periodo (matización que estimo dobre) foran os 13 edís da corporación a inaugurala.
A votación, segundo o previsto, si BNG e PP, e abstención de PSOE e UPRi.
A parte do pleno, e a raíz de varias dúbidas expresadas nel, pregúntome por que non se fai nas condicións un apartado puntuable que esixa un sistema de avaliación da obra realizada, verificable pola propia empresa e polos técnicos municipais ou calquera outra persoa técnica na materia. Sería algo así como incorporar á puntuación unha 'proba do algodón', algo que no sistema educativo se fai (aínda que sexa moitas veces de xeito deficiente) pero nestes casos, parece que non.

20100607

Hoxe hai pleno, e Aquagest será a elixida

Hoxe hai pleno extraordinario, para conceder a Aquagest a obra da travesía.
E a moción de censura? Atopei unha peza gustosa en relación ás mocións de censura e de confianza a nivel estatal, 'Las tres en raya'. A cousa está no sexto parágrafo, e aínda que o parecido entre a política estatal e local de ribadeo nestes momentos tende a nada, o que é mecanismo político en si ten a mesma filosofía de fondo..

20100605

Alternativa política

Temos en Foz un elemento que considero novidoso de posibilidade de alternativa política e que poidera ser adaitado por outros lugares. Trátase da 'alternativa Cancio', destituído polo alcalde hai xa abondos meses e que non é que esteña presentando batalla, senón que está construíndo o seu propio futuro a base de traballo de diverso tipo.
Non teño idea de se as razóns que levaron á súa destitución de tódolos cargos no concello eran fundadas ou non; o que me chama a atención é que, a partado xa do partido ó que pertencía (e coido pertence, o PSOE) dun xeito oficioso, segue no candeleiro das novas con tanto espazo como o alcalde foceño, a base de diversas iniciativas manténdose ben relacionado co seu eleitorado, sen dar lugar a que o podan esquecer ou pensar algo así como 'cando volte a levantar cabeza...', porque séguea a ter levantada.
Non sei tampouco se a saída de Cancio en Foz pasa por unha lista independente ou por desbancar da cabeza de lista ó actual alcalde. Coido que máis ben a primeira, ó ter logrado apartalo dos cargos foceños, pero o mantemento da participación cidadá no seu entorno ben poidera dar unha sorpresa ó final. En todo caso, de seguir así ata as aleccións, parece que estariamos claramente ante unha división do PSOE que lle quitaría da orde a metade do seu espazo eleitoral, e polo tanto, un goberno desta formación pasaría de novo por Cancio, en caso de que a división non perxudicara demasiado o número total de cadeiras obtidas polo conxunto.
En Ribadeo tivemos, temos, un caso de independentes no concello, UPRi, pero o caso antóxaseme ben diferenciado, xa que a presencia nos medios foi máis escasa e durou máis tempo, o que se notou na proporción de votos final obtida polo PP, partido 'matriz' e UPRi, partido 'segregado'. Aínda así, os dous escanos obtidos por UPRi evitaron que o PP fóra o partido maís votado en Ribado, quitándolle con toda probabilidade a alcaldía (aínda que non tería conseguido o sétimo representante de sumar votos PP+UPRi, e habería que xogar cos votos ganados pola falta de división do partido e perdidos precisamente por isa división). O que pasará dentro dun ano, aínda está por ver, e máis cando luns hai un pleno no que parece que o PP apoiará a contratación da empresa Aquagest para as obras da travesía, o que entendo dificulta máis a moción de censura.

20100604

Loitando doutro xeito


Onte unha, e outra hoxe, dúas iniciativas en Ribadeo para loitar contra afeccións humanas: as drogas e o cancro.
Presentouse a nova 'komikea', revista pensada para actuar contra a drogadicción. Iso foi onte.
E hoxe, o festival contra o cancro, no Hernán Naval ás 20:30, cunha entrada de 5€ e a proxección do video gravado en Ribadeo hai varias semanas co baile da luva rosa.
A loita conxunta a humanidade acádaa con abonda facilidade nas primeiras fases, pero a medida que progresa contra os obxectivos, vóltase máis e máis dificultosa, aínda que beneficie a todos. En ambos casos, iniciativas loables, cadran nesa primeira parte de colaboración. Se fora posible levar ese impulso máis aló, dende a propaganda ou a recadación de cartos ata o ataque ás lacras, iría moito mellor. Estase a tentar o facelo, e somos todos os chamados a participar e a beneficiarnos.

20100603

O prometido é débeda

... pero ás veces, para cobrar as débedas, hai que facer algo máis que lembralas.
Está pasando coa segunda gardería de Ribadeo. Prometida, pero agora, aínda sen esquecer, adiada.
Non se sabe se tamén co hospital da costa: neste caso, marcha adiante e atrás se suceden, e seguen as verbas mentras os actos da consellería non as acompañan polo momento.
E non se trata sobre todo da crise (que tamén), senón da xestión das relacións. En ambos casos, a contraréplica son verbas. No caso da gardería, do alcalde ribadense. No caso do hospital, da plataforma constituída. E se son verbas duns contra verbas doutros, quen mantén o poder máis alto terá as verbas máis decisivas. Así van ambos asuntos. Collamos por caso o de máis entidade, o tema do hospital: se só se apuntan a metade dos alcaldes, mentras que a outra metade está en contra, e os empresarios fuxen de problemas, a plataforma está soa, e poderá dicir misa, que por iso non vai consagrar. Aínda que teña razón.
Como exemplo de 'boas prácticas' neste tema, aí está o da asociación veciñal das Figueiras, Cristo del Buen Viaje, que despois de organizar un referéndum e de lograr un proxecto de aparcamento máis axeitado no parque do Pelamio, continúa na brecha co seguemento do proxecto, e remata de facer a petición do estudo de impacto ambiental correspondente.
No xornal de onte vin unha cita de Borges, célebre, pero que non sabía que era del: Nadie es la patria, pero todos lo somos. Se non hai unha manifestación contundente dese 'todos', será o 'ninguén' quen gane na toma de decisións (ó fin, está craro que é a patria, e todos, para poder ter oportunidade de selo, leva o 'pero' diante), sexa quen sexa o seu patrocinador.

20100602

Cabodano sen pena nin groria dalgo que tamén ten afectado a Ribadeo

Ribadeo dista algo máis de 150 km do de A Coruña. Dentro de Galicia, quitado zonas de Ourense, é dos puntos máis alonxados desa cidade. No que vai de século, cada curso académico, polo menos tres dos catro centros de educación xeral de Ribadeo teñen feito unha viaxe didáctica á Casa das Ciencias. Difícil será atopar alguén menor de 30 anos na vila que non teña ido pola institución, e polo contrario, non será dificultoso atopar xente maior desa idade que teña pasado por alí a abrir a boca ante un mundo que non imaxinaba. Podemos á nosa volta imaxinar tamén nós e extrapolar o que ocorre no resto de Galicia.
A Casa das Ciencias cumpriu onte 25 anos aberta, as súas vodas de prata, despois de constituír quizáis, fóra da Universidade, o maior mobilizador a nivel científico de Galicia en toda a historia, acompañada das institucións irmáns, a Domus e a Casa dos Peixes, e particularmente, da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, dinamizadora do conxunto co seu pulo e coas súas actividades complementarias, como o día da Ciencia na Rúa.
De todo esto, na prensa, un só escrito, asinado polo actual director da institución. E punto, para unha institución que despois dos seus vintecinco anos, segue a ver albergar o paso de milleiros de persoas tódolos días e que pode que constitúa o conglomerado que mobiliza a máis xente de xeito voluntario en toda Galicia dende hai 25 anos, ademáis da súa importancia para o desenvolvemento da formación dos galegos.
Di no seu artigo o director que continúan con ilusión. Falta fai, porque polo visto, e a pesares da labor desenvolta, queda moita tarefa por facer.

20100601

Unha referencia con motivo dos sete anos da Galipedia

http://taboleirodocolmeiro.blogspot.com/2010/03/galipedia.html

Noxo

Día a día váise facendo camiño, faise camiño ó andar, como dicía Machado. E día a día, con ilusión, vamos cara ó futuro. Menos mal que o ser humano (tamén) é así.
Aquí fálase e quéixase un moito da política ou a sociedade local, pero non extraña, a tenor do que ten ocorrido e ocorre noutros lugares ou a nivel xeral. Non fai falta irse ó engano de Hitler de provocar un conflito para comezar a invasión de Polonia ou o referirse á sua 'solución final'. Aí está, dende hai cousa dunha semana, demostrado que alguén minte no afundimento do 'Cheonan' entre as dúas Corea, ou o ametrallamento polo exército israelí da flotilla con axuda a Gaza, acusada de provocación. E elixo cousas de fóra, non a nivel España, sabendo que por estes lares hai de sobra exemplos, de hoxe, do século pasado e dos anteriores.
En tódolos casos haberá defensores que xustifiquen os ataques ou as mentiras; máis aínda, que tenten dicir que os años atacaron ós lobos dun xeito despiadado. O que as cousas non sexan en xeral brancas ou negras, senón algún gris intermedio, facilita a cerimonia da confusión. Confusión da que se tenta sacar proveito. A famosa propaganda de Goebbels non foi a única, atopándose entre os países belixerando na súa contra casos semellantes de xustificación. Ou é que o célebre bombardeo de Dresde foi feito polos alemáns? Os intereses hai moito que se apropiaron daquelo de 'o fin xustifica os medios', e se en tempos idos os medios dos poderosos resultaban redundantemente poderosos, son chegados outros nos que os medios a disposición dilúense, fánse lixeiros, suaves, mesmo invisibles, pero non menos poderosos.
Ligazóns para apoiar o que digo? Centos de miles. Tantas que non son necesarias aquí. E tamén para xustificar posturas contrarias. Non tantas quizáis, pero abondas para crear confusión.