20100831

Os cocos tamén emigraron

(publicado no libro 'Os cocos de Ribadeo')

Os cocos tamén emigraron
De onde veñen os cocos? Os bonecos non teñen un nacemento como as persoas, pero si naceron nalgún lugar, da imaxinación das persoas.
Se nos fiamos da Gran Enciclopedia Galega, Coco só sería a referencia dun monte na serra do Candán, en Pontevedra, e A Coca unha aldea da parroquia de Mañón, en A Coruña. En Ribadeo sabemos que son algo máis.
Apareceu hai xa tempo unha referencia en La Comarca (1), que cita un acta da Confraría do Carme de 1870 que da pistas sobre a súa orixe: (...) “se acordó en dicha sesión el hacer unos gigantes nuevos, para los cuales y la misa, dio Dª Concepción López Cancelos en nombre de su hijo D. José Mª Iglesias, ausente en La Habana, 960 Rs. Vn”. Así aparece o certificado de nacemento dos cocos, en data de 1870, cun gasto de 917 Rs. en esqueletes e traxes. Nese mesmo escrito queda claro que non son os primeiros 'xigantes' que houbo en Ribadeo, senón só 'uns novos', do mesmo xeito que se desloce unha pista para buscar a súa orixe anterior: o nome que aparece é o de 'xigantes', non o de 'cocos'. Se nos fiamos do nome de 'cocos', parece que poderían estar emparentados coas figuras das festas do Corpus en Redondela (ou algunha das súas derivacións posteriores), onde, segundo a web do concello (2), representan a lenda de que “todo os anos un dragón (a "Coca") chegaba a Redondela para capturar virxes que despois devoraba. Os mozos mariñeiros de Redondela uniron as súas forzas para loitar coas súas espadas contra a Coca, á que venceron”.
Unha referencia sobre o valor das imaxes daa que 15 anos despois (1885) se pagaran 30 Rs. a un veciño por bailar os cocos.
A procura de datos de familiares anteriores dos cocos é menos claro. A tradición redondelana estaría na liña de tradicións norte-portuguesas, anteriores no tempo, “Cabezudos, xigantóns, Zés Pereiras-donos-das trovadas, a Coca, esas innumerabeis figuras do imaxinario e das festas do Norte, son fillos dun tempo de festa que xa non usamos, que por veces non entendemos.” dos que falan Francisco Sampaio e Mª do Carmo Serén (de quen está tomada a cita, dun artigo titulado 'Velhos heróis do mito, Gigantones, Cabeçudos & Cª'(3)).
Para un mellor entendemento desa tradición, dende Bélxica, de gran tradición e extensión de xigantes nas festas, fala Jean-Pierre Ducastelle nun artigo, 'Tradition festive en Europe', redactado con motivo dun proxecto educativo europeo: 'polo tanto, son as procesións organizadas para a festa local ou comunal as que deron os xigantes que teñen sobrevivido ata hoxe'. No mesmo escrito aparece, referido a España e a Portugal, o nacemento de xigantes asociado ó Corpus (como en Redondela). Tradición pois, que apartaría o nacemento dos xigantes estilo cocos dunha relación direita co antroido, se ben nunca se nega unha certa relación.
Outro estudioso belga do tema, René Meurant (4), tercia nas citas anteriores, e, despois de atribuír unha 'baixa densidade' de xigantes en España (exceptuada Cataluña, lugar primeiro no que aparece unha cita sobre xigantes en España), fai retroceder a 1265 o primeiro xigante rexistrado en Portugal, e o primeiro tamén en Europa, dos que hai máis documentos a partires de dous séculos despois (xa posteriores ó 'nacemento' noutros lugares) e que se reproducirían polo norte do país veciño, dando lugar á introducción dos xigantes nas festas de Galicia. Tradición festiva en Portugal que daría lugar a varios elementos relacionados cos nosos cocos: o acompañamento de gaiteiros, os cabezudos como corte dos xigantes, os fogos de artificio, a asociación posterior ó seu nacemento dos xigantes coas festas patronais, etc, incluíndo a existencia do dragón nalgúns lugares, caracterizado co nome de 'coca' para esta parte da fronteira, en Baiona ou Redondela, e posible orixe do nome dos xigantes ribadenses. Este autor tamén refire varios elementos máis que explicarían outras características: non só a Coca compostelá, posterior ós xigantes redondelanos, senón tamén a prohibición en España de diversas imaxes xigantes pola igrexa a partires do s. XVI, o que daría lugar a un certo atraso das ideas sobre xigantes na nosa terra en relación a outros lugares, e tamén á copia e reaparición posterior.
Así pois, cal é a orixe? Aínda está por atopar algún documento máis antigo que refira os ancestros dos cocos ribadenses, pero parece claro que os avós, emigrantes, hai que procuralos no sur de Galicia e norte de Portugal.

1.Singladura dunha cofraría ribadense (e II), Rua, Antonio. La Comarca del Eo, 20/7/2002, p. 8
2. http://redondela.isum.centromultimedia.net/ilive/grp.serviciosXerais.culturaTurismoOcio consultada en 9/07/2009
3.Referido en Gigantones & companhia. Ferreira, Virgilio e Serén, Mª do Carmo. Marca AG. Porto 2005
4.Géants processionnels et de cortège. En Europe, en Belgique, en Wallonie. Meurant, René. Commision Royale Belgue de Floklore, Bruxelles 1979, pp. 319, ss e artigos ss.

Educación, si

Este fin de agosto presenta novidades educativas. Son informais, e pode que por iso mesmo esteñan en condicións de ofrecer un maior rendemento en actuacións de curto recorrido, ó sentirse máis vividas que aprendidas, sen necesitar doutra estrutura amplia que lles dea acubillo.
Unha delas é a que protagoniza 'Máis talento, menos cemento', grupo novo con base en Barreiros que pretende facer unha oposición lúdica e didáctica ó cementón que se instalou hai xa algúns anos por ese concello, pero que segue loitando por medrar. Haberá quen diga que de educativo, pouco, pois non se dan clases... pero non, ó revés, moito: é educación vivida o promover un grupo autofinanciarse con simpatizantes nunha actividade lúdica (cea o día 4, apuntarse en diversos lugares de Barreiros, ou no 881 979 080), ter promovido xa e tentar promover manifestacións en defensa da natureza e a beleza, ... Mellor que contalo, achegarse con eles e sentir que por aí deben de ir os tiros, sendo un mesmo.
A outra actividade, un campamento urbano para rapaces pequenos (8-14 anos) que está a ter lugar do 30 de agosto ao 3 de setembro polas mañáns con base no CEIP Gregorio Sanz. Da ecoloxía 'como tal' ó troco (ó fin, coidado do meido ambiente aplicado) serán materia deste campamento 'axenda 21', pensado como un aglutinante formativo en participación ambiental, participación cidadá e educación para o consumo. Cun final participativo: a entrega na alcaldía das súas suxerencias para a mellora de Ribadeo. A ver se nesa xeración chega unha auténtica participación popular nos asuntos de todos. Para saber máis do tema, pasar por alí... e desfrutar do que hai, como nenos.

20100830

Comeza a semana (de comezo) das festas en Ribadeo



O sábado, segundo di o programa, e descontando o San Roque (incluído no programa que se repartiu para este fin de semana), comezan as festas da patroa.
O sábado 4, pregón por Ángel de la Cruz.
Domingo 5, Cocos a mediodía e pola tarde, atraccións para os nenos. Pola noite, o Mago Antón.
Luns 6, festa e verbena: Madison e bimba Bosé.
Martes 7, Cocos a mediodía, verbena e fogos de artificio a medianoite.
Mércores 8, misa coa coral, procesión e verbena.
E tódolos días, dende xa, o Campo (o paruqe de San francisco e a praza de España), convertido en campo da festa.

Os Cocos, pasado e proxección de futuro.

O 16 de agosto de 2010 non foi un día calquera en Ribadeo. Houbo festa e saíron os Cocos, pero a festa sentiuse tamén doutro xeito máis profundo, nun lugar menos festeiro que San Roque, na oficina de turismo. Foi o día de presentación do libro 'Os Cocos de Ribadeo', festa esperada con motivo da que non saíron os cocos, senón que quizáis por primeira vez foron visitados nos seus actuais aposentos, a oficina de turismo construída no que eles viron durante moito tempo como 'a horta de Boado'.
O libro é unha homenaxe a esta familia ribadense, a máis alta e divertida con diferencia. A súa aparición marcou unha festa polo esperado. Pero non só por iso. Para os cocos foi algo máis, foi o recoller a súa historia, que en parte xa ampliamente coñecida antes do libro, pero que en xeral estaba desperdigada, e gardada en anacos nas cabezas de moita xente, agrupando nelas Cocos e a propia historia de cada persoa depositaria de lembranzas. Foi esa parte máis entranable a que viu a luz, agora xa para sempre.
O libro deixa marcado o pasado dos Cocos, fíxao, evita que se esquezan moitas vivencias. Pero tamén, e sobre todo, proxecta o seu futuro, mesmo sen intención de facelo. E é que en conxunto son moitas cousas, a historia dunha longa vida enteira, a que queda plasmada. E coa súa difusión, queda unha impronta de responsabilidade no pobo de Ribadeo respecto do futuro da familia que forma parte dende xeracións do imaxinario ribadense. Cóntase no libro que os Cocos teñen pasado por vicisitudes diversas, dende longos anos sen aparecer ata a morte de parte da súa prole. Cóntase que para construílos e para mantelos se necesitaron cartos, e quenes os deron. Cóntase que a súa percepción en Ribadeo ten cambiado ó longo da súa existencia. E agora, o ver por escrito toda esta información, ou as fotos que os sitúan e unen a Ribadeo en conxunto, pero tamén a moitas familias en particular, o pobo de Ribadeo vese impelido a tentar que os Cocos non volten a sufrir de novo vicisitudes. Atrancos como os que hai pouco máis dunha década facían que Gilberto, un dos artífices do libro, dixera na 'Comarca del Eo' por varias veces que ou se mantiñan os coidados á familia coqueira ou había que temer pola súa desaparición.
O libro xa propiciou un recoñecemento a algunhas das persoas que doaron cartos ou tempo e traballo. Dalgún xeito, foi o recoñecemento da dignificación desas persoas colaboradoras, e abriu a porta tamén á posibilidade de que as novas accións xerosas levarán ás persoas que as realicen a un estatus semellante, acadando o prestixio xeral en Ribadeo e o recoñecemento da súa labor.
Que o como se ven os Cocos vai variando co tempo é un feito, pero o libro ven a ser algo así como o documento de identidade que lles facía falta para pasar de ser insignes ribadenses, marqueses da Atalaia, a xente do pobo, uns máis, coas sús costumes e manías, a súa vida apartada e ó tempo, bullangueira nas súas saídas. Pola homenaxe ó seu pasado que é o libro, os Cocos teñen así un recoñecemento do seu dereito a unha existencia íntima con Ribadeo e esplendorosa no seu futuro.

20100829

Ribadeo era unha feira

Antes de pasar a 'Ribadeo era unha festa', a 11 días da patroa, e co parque xa ocupado dende hai días por algunhas atraccións festeiras madrugadoras, obsérvase polas rúas do pobo aunha pequena diferencia con outros fins de semana: a feira de stocks. É un dos xeitos do comercio de Ribadeo de innovar na venda, o facer unha 'feira de stocks delocalizada', diante de cada comercio, levando á rúa os obxectos de 'inventario descatalogado'. O obxecto, vender máis, e o medio, dar máis visibilidade ós produtos, tanto por estar colocados na rúa, á antiga usanza ou a modo de feira, como pola propaganda de realizar unha acción máis que é publicitada por ser feita en conxunto. Significa iso que vai a saír máis barata a compra? Supoño que haberá de todo, se ben a modo de 'últimas rebaixas', os prezos serían semellantes con ou sen feira.

20100827

Preparando os programas electorais


Remata o verán e co inicio do 'curso político' espéranse movemento diversos, a comezar por completar as candidaturas dos diferentes partidos e propor os programas para presentarse ás eleccións. Así, chegados a este punto, convén repasar algunhas das propostas anteriores, o seu fundamento, os seus resultados, etc. O motivo, o xulgar se as novas presentacións se fan pensando na súa realización, pensando só nos votos, con fundamento ou sen el, na procura de anular propostas doutros partidos, etc.
A primeira que me veu á cabeza estes días foi a proposta dun grupo para as pasadas municipais. A cousa era facer un segundo grupo de pantaláns (un segundo clube náutico) na enseada da Vila vella. Despois das eleccións, e ata o momento, non voltei a escoitar nada do tema, nin unha proposta, nin falar del no pleno, nin un estudo, ... nada. Coido que, despois da foto que deixo arriba, está crara unha das razóns que impediría a súa credibilidade en momentos non electorais: o calado. Craro que hai máis: está nunha zona protexida. Ou tamén: dende aquela, houbo un aumento substancial de atraques no clube náutico ribadense, invalidando alomenos en parte a súa necesidade. Si, é certo que tamén na outra beira da ría houbo aumento de atraques, pero coido que se trata de aproveitar mellor os recursos, non de competir 'porque si' e contra outra xente por uns atraques. O caso é que serviu como un tema máis de proposta electoral. E que polo que parece, ninguén se voltou a lembrar del, co que saiu gratis a proposta. Como noutros moitos casos.
En fin, deixo tamén unha foto do espolón dos bloques, viciño do suposto conxunto futuro de atraques da Vila vella. Está escorado á dereita? Ou é á esquerda? Segundo como se mire... O certo é que está escorado, que lle fallan as bases. E que cada vez está peor, ata que se lle poña remedio.

18 000 € por pasarse do tempo de ruído (en Barcelona)

Sucedeu en Barcelona, e aínda que o El Progreso trae a nova na última páxina do xornal de onte, foi xa o pasado ano: un grupo (U2) pasouse no tempo de ensaio, e polo tanto na producción de ruído pertinente, que tamén era superior ó que lle permitiron. Os organizadores pagaron a tocateja. Fin do conto. Certo que os decibelios debían ser abondos, así como que durante o tempo que lles permitiron no ensaio e no concerto, o ruído sería semellante. Certo tamén que quen informou foi o mesmo concello.
Paralelismos con Ribadeo? 17 anos de ruído, recoñecemento de que existe, pago dunha pequena cota equivalente a un café diario a quen esto escribe denda hai máis de dez anos (o que vai sumando) e acabouse. Posta de multas? Non, como hai moito ruído, non se pode determinar quen produce canto: deixar pasar o tempo e carpetazo. Amañalo? Non debe estar nos plans, mellor incumprir a mesma normativa dende o concello. Mellor aínda, nalgún caso pasado, ampliación de licenza. E cando por casualidade se produce un feito extraordinario e non queda outra que poñer multa, o mínimo e non se sabe se é pagada. Información? Mellor, non. Cambiar a normativa? Para que, se non se cumpre a que hai? Mentras, algún responsable (político) imputado xáctase da súa actuación (votos mandan, despois de facer os pertinentes cálculos, que poden estar mal feitos)

20100825

Pequenas cousiñas, un feixe de novidades...


No verán, as actividades e a actividade acumúlase en Ribadeo. Tamén ocorre de cando en vez noutras épocas, pero por excelencia, o tempo que lle corresponde á acumulación é ista época do ano. Unha época na que non se para nin de noite nin de día, como remata de querer certificar nun comunicado a asociación de comerciantes felicitándose pola cantidade de público, como se os ollos non abondasen para ver que de novo se batiron índices de visitas en Ribadeo, en plena crise (e despois de varios comunicados do concello dando cifras de visitas da oficina de Turismo). Craro que os comunicados sempre teñen unha función.


Non se para de noite, como pode certificar o anuncio xa onte en coche con altofalante (iso que está prohibido, si, polo mesmo regulamento de ruídos que di que está moi ben e non hai por que cambiar mentras se poda seguir a incumprir) dunhas novas xornadas festeiras nouturnas, neste caso no tamén novo lounge bar do náutico, con queimada e churrascada, outro establecemento máis que está agrupado nunha das cadeas que domina o sector en Ribadeo. Unha concentración que se vai facendo pouco a pouco dende hai tempo no sector de ocio nouturno en Ribadeo.
Sen esquecer, respecto á actividade nouturna, mesmo cousas que non saen na prensa, como a última gresca do xoves noite (venres de madrugada, algo despois das 5, polas rúas Pasarón y Lastra, Viejo Pancho, ...) que se extendeu cousa de media hora e que non sei como rematou, pero craro, como todas estas cousas, rematou rematando.
Eso, pola noite, que polo día pódense apreciar, a partre da cantidade de xente, por exemplo a existencia de novos comercios, como un kebap na zona vella, ou unha tenda naturista, baixando do Cantón ó porto deportivo, ou unha tenda de ocio (incluídas bicis con motor auxiliar ou clases de kite surf) na zona de San Roque, por poñer algúns exemplos e sabendo que hai outra morea de negocios de contido máis reservado, menos difundido por ser servicios máis puntuais á industria, ó comercio ou ós particulares, pero non menos activo.
Despois están as iniciativas diversas. Como exemplo, as dúas exposicións que se están a poder ver estes días. Unha na oficina de turismo vella, da asociación de viúvas e simpatizantes (por certo, sempre digo que iso de simpatizantes parece como se houbera mulleres que simpatizaran con quedarse viúvas), que expoñen traballos manuais sobre telas despois dunha exposición parella de Gloria Lorenzo.

A outra, na casa natal do Viejo Pancho, que agora serve para a Delegación de Cultura do concello e oficina da Asociación de comerciantes, pero tamén para sacarse algunha foto no patio traseiro (xa apareceu algunha na prensa estes días tomada alí) e para exposicións como a do Castro da Atalaia, en San Cibrao, da que deixo unha foto e acompaño outra tomada no mesmo castro. Por certo, se alguén se lembra de que sobre un castro máis próximo, o das Grobas, estaba previsto difundir hai xa un ano diversa documentación sobre as catas realizadas, que o esqueza, pois a información aínda non está difundida (máis ben está 'difusa').
De calquera xeito, a exposición é tamén unha excusa para a visita desta casa, que despois de tempo restaurada, polo momento estivo sen uso, pero a partires deste mesmo verán, pouco a pouco se lle vai dando. Deixo dúas fotos, unha parcial da biblioteca (futura polo momento, pois non ten libros, pero aproveitable como sá de estudo) e outra dos libros embalados da biblioteca de Daniel Cortezón, á espera de ser clasificados, ó mesmo que boa parte aínda dos de Dionisio Gamallo Fierros, e que pouco a pouco se irán incorporando ás estanterías. A casa, ademáis da sá que se está a usar para exposicións, ten un lugar para charlas, que é previsible teña un bo desenvolvemento futuro, aínda que a súa comunicación por medio de só unha barandiña sobre un lugar que debera ser silencioso como a biblioteca fai un pouco chocante o seu uso.
Pódese seguir con actividades co anuncio do espectáculo Etheria, do Centro Coreográfico Galego, que terá lugar mañá no Cantón, ou os campamentos de verán urbanos e medioambientais que están a ter lugar, ou o anuncio xa feito das novas xornadas de medio ambiente, ... por actividade que non quede.
Mesmo se pode engadir outro tipo de actividades, estas non para participar, senón para presenciar e desfrutar unha vez rematadas, como o adecentamento da rúa da Muralla grazas ós hortos que se cederán para cultivo dos maiores (xa se falou outra volta no blog sobre o tema), ou a finalización das obras na rua Deputación (ver foto final).
Tamén, se pode ver estes días o resultado do comezo de obras doutro tipo, as que levarán nun próximo futuro ás Aceas dende a zona dos Bloques, visibles xa na desaparición dos cobertizos da fábrica de alxinatos, como aparece na foto penúltima. Tamén tardará en verse o resultado do comezo de novas rehabilitacións de casas, como a que onte mesmo se iniciou na r/Pasarón y Lastra.
Asemade, unha actividade que dará que falar no final desta semana é a que ilustra a foto do peirao, con enormes estruturas que se están a montar (terán case 80 m de longo) e que servirán para levar un transformador ó comezo da liña de Pesoz. Transformador e liña que fan rememorar que en Ribadeo estamos á espera do trazado da liña eléctrica que alimentará ó polígono, xunto coa subestación transformadora correspondente, cousas ambas envoltas na polémica e das que non se sabe nada dende hai tempo. De calquera xeito, quen pase da altura de Santa Cruz polo Camiño de Santiago, camiño de O Valín, verá alí un pequeno centro transformador que xuraría que non había hai algún tempo.
Voltando ó tema, costa traballo imaxinar como sairán esas estruturas do porto pola Vila vella. Pero sairán, estará calculado. Será un espectáculo. E tamén dará que pensar: vaia, o porto de Ribadeo serve para cargas especiais...
No paseo por Ribadeo poderase ver tamén o ascensor recentemente inaugurado, que unha vez pasado o boom inicial serve e úsase para baixar as cestas de comida ós barquiños nos que se vai pasar o día (ou o medio día) na auga. E, polémica sobre gustos a parte, e mesmo deixando á beira que o mirador da Atalaia xa non o é tanto debido á estrutura, ou os cartos invertidos nela, pódese ver como as primeira choivas dende a súa inauguración deixaron charcos no chan, tanto na parte infeior como na superior (fotos nesta orde), o que volve a lembrar o tema do seu mantemento.
En fin, no recorrido longo de hoxe quedan moitas cousas fora, mesmo curiosidades. Así, hoxe é mércores. Pasando polo mercado, lembrarase alguén do 'mercado alternativo' de Castropol?
Unha soa, couas máis, por iso de que de mostra serve un botón: onte mesmo, na capilla lateral da igrexa de Santa María do Campo, que soe estar aberta moito tempo que a nave principal está pechada, deuse un caso curioso, un novo uso, a súa utilización como comedor infantil. Polo que parece, a cousa comezou cunha nai e un pequeno sentados 'tranquilamente'. Ó pouco, a nai saca as cousas e comeza a querer darlle de comer. O pequeno non para quedo, e cuchara en ristre, hai unha persecución pola nave. A persecución rematou detrás do altar, sentados ambos no chan. Está craro: Ribadeo 'is different'.


20100824

Un pregón e un libro

Paso a dar o aviso de que xa está dispoñible en Publicado en Ribadeo o discurso do pregón da festa das Cruces de A Ponte, en Arante, deste ano (primeiro que se fixo pregón) e o libro sobre o Megalitismo en Trabada, ambos de Emilio Piñeiroa Lozano.

20100823

Unha cita multiaplicación, un xogo.

Sabido é que en Ribadeo hai algún documento de aplicación que se votou no wseu momento sen quitar os puntos suspensivos do documento tipo. Por exemplo, o regulamento do ruído. aplicando o mesmo tipo de acción, deixo unha cita á que lle saquei certas verbas. a súao orixe, máis tarde en comentario:
"Cando ... foi elixido ... houbo un certo espazo para a esperanza. Non obstante, se ben parece craro que ... quixera avanzar sobre o tema, ata agora ten seguido unha estratexia fallida de negociar con ... e sectores clave da industria para tentar xerar un acordo. Pero os grupos de intereses creados teñen dominado o proceso e ... non puido dar pasos na dirección necesaria"
Eu aplicaríao ó tema do ruído en Ribadeo, ainda que a orixe é lonxana. Pero seguro que cada lector terá aplicacións diversas, substituíndo nos primeiros (e terceiros, e últimos) puntos supensivos o nome, nos segundos o cargo, e nos cuartos, o conglomerado de intereses correspondentes.

20100821

Ribadeo non é Asturias, un paso máis de cesión.

Remato de unirme a un grupo en Facebook, invitado por Fátima: "Ribadeo no es Asturias". E é que resulta que, en Facebook, polo menos nalgunha situación, é asignado de xeito automático en Facebook a Asturias. Quizáis quedaría crear o mesmo grupo en galego, pero déixollo a outra xente.
Se a algúen lle fai falta algunha invitación para entrar no grupo...

Unha carga no verán, diversificando actividades

Deixo unha pequena nota para dicir que xa están en unha sección de publicado en Ribadeo os pregóns de diversas festas, entre eles, doce cargados onte da xira, incluído o último, de M. Carmen Rodríguez Cancelo.

20100819

Á beira da ponte dos Santos e á súa sombra

Á beira, un esquema da parte máis externa da ponte dos Santos sobre a ría de Ribadeo. De esquerda a dereita vese a calzada dos vehículos, a protección que a limita, unha farola, o valado de separación co paso de peóns, o espazo do paso e a baranda.
Cando se fixo a ponte, había unha preocupación: que non impedira a comunicación veciñal, facendo posible o uso da ponte para peóns e bicicletas. Os tractores, que tamén pasaban, quedaron xa dende o principio arrumbandos, descartados para o seu futuro paso. E si, logrouse unha beira para peóns, e en teoría para bicicletas. Digo en teoría porque xa hai dificultades para cruzarse dúas persoas para canto máis as bicis. Pero, se deixo á beira o esquema, é para aportar unha solución que coido factible. O esquema erra o tipo de protección para a saída dos vehículos da calzada: é doutro tipo. Pero, por qu enon poñer o valado de separación xusto á beira da protección? a nivel de mailla, para as bicis, ou do corpo, para as persoas, ganaríase un espazo de unha cuarta que faría abondo máis cómodo o paso de peóns e practicable para todos os ciclistas.
Enfocando a cousa doutro xeito, como me fixo notar Mariano Grueiro, hai pouco variaron a lexislación (regulamento xeral de circulación) sobre o permiso para que as bicicletas podan meterse nas autovías:
"
ARTÍCULO 38. Circulación en autopistas y autovías.
1. Se prohíbe circular por autopistas y autovías con vehículos de tracción animal, bicicletas, ciclomotores y vehículos para personas de movilidad reducida (artículo 18.1, del texto articulado).
No obstante lo dispuesto en el párrafo anterior, los conductores de bicicletas mayores de 14 años podrán circular por los arcenes de las autovías, salvo que por razones justificadas de seguridad vial se prohíba mediante la señalización correspondiente. Dicha prohibición se complementará con un panel que informe del itinerario alternativo."
O sinal de prohibición está na rotonda de Vilaselán. O informe de itinerario alternativo brila pola súa ausencia.
... por outra banda, a cousa lembra o intento de poñer peaxe nas autovías cando non existen liñas alternativas. No caso de Ribadeo, cara a Barreiros si existe estrada nacional alternativa. Cara a Asturias, a ponte, As Figueiras, Barres, quedarían sen itinerario realmente alternativo, implicando un retroceso a máis de vinte anos atrás.

20100818

Son forte

Son forte. Sonrío. Estaba lendo a prensa e atopeime cunha cita, atribuída a Alphonse Daudet: “O odio é a cólera dos débiles”. Noutros sitios aparece traducido como furia, en troques de cólera.
Non odio. Teño forza abonda como para estar seguro. Entendámonos: non se trata dunha seguridade material, ou mesmo de imposición de ideas. Non, trátase de estar seguro como persoa. Tampouco vexo unha saída alternativa ó desbalance forza/debilidade un trato, unha relación de condescendencia caritativa. Non. Non só teño forza, senón conciencia de que competindo dun xeito colaborativo todos seremos máis fortes. É dicir, todos viviremos mellor, en conxunto, e achegarémonos un pouco máis a ser felices.
Non, non. Non estou a falar de hipotéticos inimigos. Nin daquela persoa que cravou a puñalada trapera.Estou a falar de media humanidade, da humanidade enteira, pois non se pode falar de 'media humanidade' sen falar da outra media. Das mulleres, e con elas, dos homes.
Odio? Non. Condescendencia? Non. Igualdade na diferencia. Non identidade, que non somos idénticos, senón diferentes. Igualdade entre as persoas diferentes.
Diferenza para disfrute, non para segregación. Diferenza para aproveitamento, non para negación. Diferenza que se diría en certos ambientes 'sinérxica'.
Está craro que a cousa non é así, as consideracións non son así, en tódolos ambientes, en tódalas sociedades, en todo o mundo. En tódalas persoas, con tódalas persoas. Nin moito menos. A bota masculina aínda aplasta a moitas mulleres, mesmo ás veces con bota de seda. Ó revés, moito menos, pero tamén. Predomina o que se da en chamar a guerra de sexos. Unha guerra de imperio, e en contrapartida, de submisión. Hai que decatarse: para submeter a alguén baixo unha bota, o submetedor en parte ten que estar quedo, non pode avanzar, está tenso, está ... non desfrutando da vida. Se é consciente de que existe submisión.
E, se non ten o convencemento ético, debera ter o convencemento económico, da economía da felicidade.
Por certo que convivir en igualdade pode resultar ás veces máis complicado que obrigar a outros a acatar o que nós queremos. Pero, a parte de facernos máis humanos, complétanos como individuos e obríganos no camiño das persoas.

20100817

Os grandes son os que van dentro



Onte foi a presentación do libro 'Os Cocos de Ribadeo'.
Coa Oficina de Turismo ateigada de xente, con algún destacado como Chole, porteador durante longos anos (un dos 'grandes que van dentro' aludidos na portada do libro) e facedor dun dos cabezudos -Mortadelo ou filemón, non me lembro agora-, Gilberto e Benjamín foron acompañados da concelleira de Cultura e o alcalde. Abriu o acto Mari Luz facendo lembranza da persoa que ne todo momento se botou en falta, Pepe, José Antonio González Iglesias, recentemente fenecido, ideador e impulsor do libro xunto a Gilberto e Benjamín, e a quen asemade se lle adica unha lembranza nas primeiras páxinas.
Tomou logo a palabra Gilberto en nome dos dous autores coordinadores presentes, lendo as seguintes verbas:

"Buenas tardes, señoras y señores, amigos todos:
Queremos dedicar esta sencilla presentación del no menos sencillo libro 'Os Cocos de Ribadeo', a nuestro entrañable amigo recientemente fallecido, José Antonio González Iglesias (Pepín), el hombre de la idea, de la fotografía y del entusiasmo por hacerlo realidad.
Agradecer la finaciación al ayuntamiento y Dipùtación Provincial, a través de sus respectivas Delegaciones de Cultura.
Reconocemos y valoramos la colaboración de amigos y simpatizantes, por la labor que nos brindaron, sus archivos y bibliotecas para hacerlo posible, los que nos prestaron fotos, escribieron artículos, a todos muchas gracias.
Y de un modo especial a los hermanos Pico de Coaña y de Valicourt, Alfonso Carlos, José Roberto y Yago, descendientes directos de aquellos pioneros, que tanto hicieron por nuestros Gigantes y Cabezudos, a lo largo de los siglos XIX y XX.
Gracias a todos, que disfruteis de esta publicación y de unas fiestas Patronales y de San Roque, con Salud.
"

O acto rematou rápido, e ó final foron repartidos libros (un será escaneado en breve e colgado en 'publicado en Ribadeo') e asinados polos autores-coordinadores. O libro, no que a parte do groso do traballo participamos varias persoas con pequenas colaboracións, era longamente esperado en Ribadeo e, despois de botarlle unha ollada, coido que non decepcionará.
Nas fotos, a portada, os cocos e a súa prole, gardados na oficina de turismo, o conxunto de presentadores, e os dous autores-coordinadores, Gilberto e Benjamín, respectivamente.

20100816

Xullagosto

En Ribadeo, máis que falar do verán habería que falar do xullagosto: unha época que comeza con xullo e exténdese algo máis aló do fin de agosto, abranguendo en certo xeito todo o que duren as festas patroais.

Así, hoxe, 16 de agosto, marcaría un difuso comezo do último cuarto extendido do xullagosto ribadense. Aquel que marca, en canto chegue a primeira choiva, o fin do sol de praia, e que se caracteriza pola progresiva perda de visitantes ata rematar co fluxo de xente normal no outono, o 'curso ribadense'.
Esta data ven marcada polo San Roque, o copatrón, anunciado por Cocos e gaiteiros, musicado pola BMR, ... e este ano, cun acto especial: a presentación do libro 'Os cocos de Ribadeo'.
Pola noite, ó son da orquestra incorpórase en punto distante e protexido o Festival de Música Clásica, internacional e xa prestixiado.

20100815

O centro da ría de Ribadeo


Dicir cal é o centro dunha ría non é doado. Non só porque pode haber diferentes criterios de definilo, que levan a puntos tamén diferentes, senón porque a marea fai que o centro se poda considerar variable, viaxeiro dentro dunha zona. Así, o 'centro' convírtese tanto nunha especie de elección persoal como nunha referencia. No meu caso, atoparíase máis ou menos centrado na imaxe, non lonxe de onde está marcada a cruz: xustifícoo en que a ría ten maís profundidade cara ó norte, máis lonxitude cara ó sur e un pouco ó oeste, e un gran brazo, a Lieira, cara ó leste, que compensaría esa pequena derivación oeste do fondo da ría. Ademáis, cadra entre os tres núcleos de poboación enfrontados dos catro que baña.
Día 14 de agosto, a eso das dúas da tarde, hora legal: marea baixa grande, pero non especial, acompañada de presión alta, pero brisa compoñente sur, é dicir, compensando na práctica a influenza unha da outra. A cruz sinala na foto do sigpac un lugar onde comprobei que se podía estar de pé, sen mollarse. Está na liña entre a punta norte de Mirasol (a 300 m) e a de Castropol (a 450 m), fronte ás Figueiras xusto ó oeste de Gondán (1 km). Xa a foto indica abondo ben que aí hai un banco de area, pero que momento en que se tomou estaría mergullado. Pois ben, o 'centro', o corazón da ría, non sería ría, senón tesón.
Entre algo antes das dúas e case as tres puiden comprobar varias cousas. Obsérvanse no fondo, perto da rada que forma o espolón dos Bloques co peirao de Mirasol, pero fora dela, colonias de algas ben asentadas, mentras a rada queda o ár, quitado un pequeno triángulo que limita ca punta do peirao.
Nunca me costou tan pouco esforzo pasar a Castropol nadando. Na realidade, máis camiñando polos tesóns que flotando na auga. De feito, puiden medir que a lingua de area descoberta entre o tesón de Mirasol e o da Vilavella acadou máis de 50 m de ancho pola parte máis estreita. E que se podía pasar camiñando entre este último e as primeiras escaleiras dos bloques: do tesón na súa parte noroeste sae unha lingua de area que vai cara á punta do peirao, e que fronte ás escaleiras está xa prácticamente no chan da rada. Craro é que é preferible nadar un pouco ata a punta do espolón a enlamarse ó andar sobre o fondo .
Sinxelamente, ese era onte o estado da ría.
Entradas anteriores sobre o tema: Un recuncho da ría. A ría de Ribadeo, dende outro punto de vista.
Asemade, facía moito tempo que non o lograba con tanta calma de barcos, fuxidos ó non poder calibrar os baixos que se podían atopar.
--
Unha versión posterior:

A ría de Ribadeo, como un todo ou en relación a partes, leva sido tema conversas e novas. Polo nome e a polémica arredor del, pero de xeito primario pola propia ría, as súas características, conservación, etc. E visto o visto, coido que continuará así.

Dicir cal é o centro dunha ría non é doado. Non só porque pode haber diferentes criterios de definilo, que levan a puntos tamén diferentes, senón porque a marea fai que o centro se poda considerar variable, viaxeiro dentro dunha zona. Así, o 'centro' convírtese tanto nunha especie de elección persoal como nunha referencia. No meu caso, atoparíase máis ou menos centrado entre Ribadeo e Castropol, un pouco cara ás Figueiras: xustifícoo en que a ría ten maís profundidade cara ó norte, máis lonxitude cara ó sur e un pouco ó oeste, e un gran brazo, a Lieira, cara ó leste, que compensaría esa pequena derivación oeste do fondo da ría. Ademáis, cadra entre os tres núcleos de poboación enfrontados dos catro que baña.
Día 14 de agosto, a eso das dúas da tarde, hora legal: marea baixa grande, pero non especial, acompañada de presión alta, pero brisa compoñente sur, é dicir, compensando na práctica a influenza unha da outra. Busco un lugar aproximado ó centro (de volta á casa, comprobo no ordenador: está na liña entre a punta norte do peirao ribadense de Mirasol -300 m- e a de Castropol -450 m-, fronte ás Figueiras xusto ó oeste dos asteleiros Gondán -1 km-. E comprobo que se podía estar de pé, sen mollarse. Nas fotos aéreas indícase abondo ben que aí hai un banco de area, pero tómanse con ese punto mergullado. Pois ben, o 'centro', o corazón da ría, non sería ría, senón tesón.
Entre algo antes das dúas e case as tres puiden comprobar varias cousas:

- A ría, como é sabido e como corresponde a calquera outra, tende a colmatarse, é dicir, a encher o seu fondo con aportes tanto terrestres como marinos, facendo que o calado diminúa e parezan bancos de area e humedais. O proceso, que tantas veces se nomea para facer os dragados periódicos e case contínuos, segue a avanzar e maniféstase en pequenas cousas, como na colonización por algas do baixío do fondo da enseada dos bloques. Obsérvanse xa no fondo, perto da rada que forma o espolón dos Bloques co peirao de Mirasol, pero fora dela, colonias de algas ben asentadas, mentras a rada queda o ár, quitado un pequeno triángulo que limita ca punta do peirao.

- Entre o pasado ano e iste, púidose observar que a colonización algal achegouse abondo máis á beira do peirao de Mirasol, aumentando no resto a potencia da lama que o ocupa. No tesón de Mirasol ocorre algo parello, pois se o pasado ano as colonias de algas eran minúsculas, este xa medraron e forman montículos más acusados, aínda que continúen a ser pequenas colonias. E nos fondos entre o tesón de Mirasol e da Vila vella, tamén se apreza o fondo con limo máis que con area que constituía ata agora o chan formado e a masa que quedaba debaixo. É dicir, na zona estanse dando dous fenómenos complementarios: o aumento de algas e de lama nos lugares libres destas. A lama deposítase nos fondos ó ter a auga pouco movemento relativo e ser incapaz de arrastras xa abondas partículas microscópicas, indicando un réxime de circulación de auga menor, como corresponde neste caso ó peche en marea baixa do paso da auga entre os tesóns da Vila vella e de Mirasol. O que á vez, manifesta a evidencia da continuación da colmatación da ría, a pesares dos dragados. As algas colonizan un 'chan fértil', subministrado pola lama: non hai algas en abundancia en fondos de area, que non é fértil. Mágoa que, ademáis de a lama non ter un aspecto limpo en xeral, na zona dos bloques de unha impresión peor ó verse de cando en vez algún resto no fondo; algo que por outra parte, está facendo da praia dos bloques (abondo concorrida dende a construcción das casas que a dominan) un solario máis que un lugar de baño

- Este ano tamén viuse un velero francés, que coido que non é o primeiro ano que recala fronte as primeiras escaleiras dos bloques, na continuación do canal do porto, tumbado totalmente ó desviarse un pouco da posición idónea e quedar en marea baixa sen auga. A escea non se repetiu, pois inmediatamente despois abandoou o lugar.

  • Son curiosos os remuiños e correntes na zona, en particular as diferencias baixada/subida na punta E do peirao de Mirasol e na punta do espolón dos Bloques. Asemade, é curioso que, comezando a subir a marea, perto da cara norleste do tesón de Mirasol, exista unha corrente en sentido contrario.

  • Nunca costou tan pouco esforzo pasar a Castropol nadando. Na realidade, máis camiñando polos tesóns que flotando na auga. De feito, puiden medir que a lingua de area descoberta entre o tesón de Mirasol e o da Vilavella acadou máis de 50 m de ancho pola parte máis estreita. E que se podía pasar camiñando entre este último e as primeiras escaleiras dos bloques: do tesón na súa parte noroeste sae unha lingua de area que vai cara á punta do peirao, e que fronte ás escaleiras está xa prácticamente no chan da rada. Craro é que é preferible nadar un pouco ata a punta do espolón a enlamarse ó andar sobre o fondo. Tamén, facía moito tempo que non o lograba con tanta calma de barcos, fuxidos ó non poder calibrar os baixos que se podían atopar.

Centrando noutro aspecto o tema, o pasado ano, unha vez reamtado o verán, amosaba fotos que indican que a ría non está tan a salvo da contaminación como poidera parecer, referidas á parte asturiana. Dende aquela, que eu saiba, non se produxeron melloras nese sentido, nin noutros aspecto relativos á conservación do esteiro. E iso, a pesares de que aprece que xa vai funcionando o mecanismo da Reserva de la Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón, que con nome tan complexo pode que se debera a el o retardo na súa posta en marcha. Reserva que algún carto vai dando para os concellos que a engloban, entre os que están os que molla a ría. No medio deste tempo si que apareceu a primeira parte dun estudo sobre as rías galegas que incluía a de Ribadeo (na parte galega, e pregúntome como se pode dividir un estudo ambiental dunha ría en conxunto), que, deixándoa ben parada en relación a outras, non a deixaba inmune.

Tampouco se fai un estudo serio, que eu saiba, sobre a dinámica na ría (está colgado o estudo de hidrodinámica da ría de Ribadeo de Silvia Piedracoba, que estuda a fondo unha parte fundamental da ría, pero non saca conclusións prácticas, necesita un adiamento, evita zonas puntuais pero claves de fenómenos costeiros e ignora a zona máis interna, de pouca importancia en principio pero directora do que sucede máis cara á saída), que é necesario para coñecer actuacións en profundidade (aínda que se despois non se lles fai caso, como ocorreu coa praia dos Bloques e as recomendacións de Isidoro Asensio...).

En fin, mentras, a visita do presidente de Portos hai poucos días serviu para avivar o enfrontamento Xunta - Ministerio de Fomento (se se quere, PP-PSOE), ou por outra banda, Ribadeo-Castropol, ou mesmo deixar a evidencia dos desencontros internos e desplantes en Ribadeo, dentro do concello. Desta, o tema foi o novo dragado da ría (90 000 m3, din), coa obriga de botar a area moito máis lonxe que ata o momento (deceas de millas marinas para a area sacada na parte galega da ría, cando en marzo de 2004, referín en Ribadeando, o libro, que daquela a area do dragado da canle das Figueiras se botaba a uns 700 m da punta da Cruz). Moito cabería falar do tema da colmatación, que xurde de cando en vez nos papeis e sempre asociado a temas económicos 'urxentes', con grandes verbas, esquecendo o longamente pedido plan integral para a ría. Por poñer un exemplo, fálase agora de 90 000 metros cúbicos. Se se ten en conta que o frente externo do peirao de Mirasol ten 500 m, e a anchura da canle asignada é de 120 m, sae que o dragado poderá afectar á profundidade no seu entorno nuns 1,5 m de media. Sen afectar nese caso á canle de desprazamento para a saída da ría... que se estreitou e está a colmatar máis rápido polas mesmas obras realizadas por portos, dende o recheo dos oitenta ata o espigón con saída xusto fronte ó embarcadoiro de Porcillán, ambos con pedras vistas á ría en troques, como mal menor, de superficie lisa, para deixar circular mellor a auga.

20100813

Segundo candidato á alcaldía de Ribadeo

O primeiro, supónse dereitamente que polo BNG é o alcalde. O segundo xurdiu como confirmado antonte pola tarde, polo PSOE, o xa exalcalde polo BNG, Eduardo Gutiérrez, 'Lalo', que levará nas eleccións 16 anos sen presencia no concello. Pode que moito tempo, se lle sumamos ademáis o cambio de formación política encabezada. De calquera xeito, meses de rumores e mesmo algún escrito seu lembrando que estaba liberado de anteriores ataduras tiveron este desemboque que marca outro paso máis para o endurecemento da precampaña. O por que da sua volta? El saberá, que é quen o ten que saber en primeiro lugar. A priori, non parecería unha boa opción para un político do que o pobo non garda tan mal lembranza, despois de levar tanto tempo fóra da política minucipal. Unha nota biográfica comentada.
Xunto á súa confirmación, o segundo da lista, que encabeza a agrupación en Ribadeo, Víctor López, irmán do actual edil tamén polo PSOE Ramón López. Terceiro, o exalcalde Balbino Pérez, nun posto que entendo que será o límite de asentos que poda conseguir a formación hoxe por hoxe. Pero aínda falta moito tempo e poden ocorrer moitas cousas. Isto das eleccións só está a comezar, aínda que leve facéndoo xa tempo.

20100812

A ría de Ribadeo, dende outro punto de vista

Poucos días despois de queixarme da pouca influenza da ría como noticia, de novo é nova a ría. Esta volta, a conto da visita do mandamáis de portos a Ribadeo, o futuro dragado da ría (90 000 m3, ver anteriores citas dispersas en artigos: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, ...), a obriga de botar a area moito máis lonxe que ata o momento (non hai tanto tempo -marzo 2004, referido en Ribadeando, o libro- deixei reseñado nunha entrada que a area do dragado da canle das Figueiras se botaba a uns 700 m da punta da Cruz) e como fondo, a polémica pola colmatación da ría.
Moito cabería falar do tema da colmatación, que xurde de cando en vez e sempre asociado a temas económicos 'urxentes', esquecendo o longamente pedido plan integral para a ría. Por poñer un exemplo, fálase agora de 90 000 metros cúbicos. Se se ten en conta que o frente externo do peirao de Mirasol ten 500 m, e a anchura da canle asignada é de 120 m, sae que o dragado poderá afectar á profundidade no seu entorno nuns 1,5 m de media. Sen afectar nese caso á canle de desprazamento para a saída da ría... que se estreitou e está a colmatar máis rápido polas mesmas obras realizadas por portos, dende o recheo dos oitenta ata o espigón con saída xusto fronte ó embarcadoiro de Porcillán, ambos con pedras vistas á ría en troques, como mal menor, de superficie lisa, para deixar circular mellor a auga.
Por outra banda, non se difunde o estudo feito sobre a bondade do medio, reseñado varias voltas neste blog. Nin se fai un estudo serio, que eu saiba, sobre a dinámica na ría (está colgado o estudo de hidrodinámica da ría de Ribadeo de Silvia Piedracoba, que estuda a fondo unha parte fundamental da ría, pero non saca conclusións prácticas, necesita un adiamento, evita zonas puntuais pero claves de fenómenos costeiros e ignora a zona máis interna, de pouca importancia en principio pero directora do que sucede máis cara á saída), que é necesario para coñecer actuacións en profundidade (aínda que se despois non se lles fai caso, como ocorreu coa praia dos Bloques e as recomendacións de Isidoro Asensio...).
En fin, mentras, a visita do presidente de Portos serviu para avivar o enfrontamento Xunta - Ministerio de Fomento (se se quere, PP-PSOE), ou por outra banda, Ribadeo-Castropol, ou mesmo deixar a evidencia dos desencontros internos e desplantes en Ribadeo, dentro do concello.

20100811

Unha nota sobre 'O ceo de noite, o ceo de día'

Entre onte, 10 de agosto, e hoxe, 11, tiveron lugar as xornadas 'O ceo de noite, o ceo de día'. Onte a partires das 22:00, na Casa da ría de Ribadeo en Santa Cruz, tivo lugar a primeira sesión, na que se estudou o crepúsculo e a aparición das estrelas, comezando polas de maior magnitude ata completarse a noite. Despois de Venus, foi descrito a ollo nú boa parte do ceo nouturno, comezando polas máis brilantes achegadas a Venus (Arturo) e o triángulo de verán (Vega, Altair, Deneb), para pasar logo a outras zonas do ceo, como a estrela Polar e a orientación cara a ela dende a Osa Maior, ou a Vía Láctea. Xa no telescopio, os asistentes poideron botar unha ollada a variso obxectivos, entre eles, un cúmulo na constelación de Escorpión e, finalizando a sesión, a un magnífico Xúpiter no que se lle distinguían as franxas e os catro satélites galileanos; en particular, Ío, que se puido ver como se separaba do planeta dende case rozalo visulamente. A sesión rematou máis aló da unha da madrugada, longo tempo despois de sobrepasar a sesentena de asistentes.
Pola mañá, comezando con tempo cuberto, foia a sesión correspondente ó ceo de día. No reloxio de Sol do cargadoiro houbo un primeiro conxunto de explicacións sobre a súa estrutura e funcionamento, pero ó estar cuberto, despois de cousa de media hora pasouse ó Forte de San Damián para realizar unha presentación do tema do ceo de día (colgada xa en internet), abranguendo un somero estudo dos elementos do ceo diurno, os movementos relativos do Sol e da Terra e as liñas básicas para a construcción dos reloxios de Sol. E ... ó saír, luciu o Sol ...

20100810

O camiño de Santiago no entorno de Ribadeo, un par de comentarios

Hai anos que posteei noutro blog unha entrada relativa ó camiño de Santiago, que a mellorei con gráficos en pdf, ou que puxen na Mariña/El Progreso unha serie de tres artigos sobre o camiño. Retorno sobre o tema a conto dunha pequena escapada que fixen o outro día ata Lourenzá en bicicleta e volta, polo Camiño de Santiago.
Poucas cousas novas a dicir ... relativamente. Dende o ano santo pasado, variou que sáese de Ribadeo atravesando unha nova ponte, sobre a circunvalación. E pouco máis. De calquera xeito, puiden anotar algunha cousa a comentar.
En primeiro termo, as fontes no camiño chaman a atención, sobre todo se o día permete que o Sol esteña pro riba todo o rato. Pois ben, as fontes que hai no tramo ribadense do camiño distínguense ben das dos outros tramos ata Vilanova: por unha veira, están en lugares apropiados para o descanso, pequenos parques ad-hoc, ó contrario que as fontes sitas nos outros concellos; pero pola outra, mentras que as de Barreiros por exemplo especifican auga potable conectada á rede, etc, as de Ribadeo locen un cartel onde se especifica que non se sabe da potabilidade da auga (nunha, dominando Arante) ou indicando mediante un símbolo que non é potable (en Vilela).
Tamén me chamou a atención a falta de letreiriño cos quilómetros de distancia a Santiago en cáseque todolos fitos ata máis aló da metade do camiño a Vilanova. Sería cousa de repoñelos, pero chama máis a atención o feito de que supónse que quenes transitan por alí son peregrinos camiño de Santiago, cun certo esprito relixioso, crete ou non, e cunha noción axeitada do que está ben facer e do que non.
Unha terceira cousa é a conservación do camiño, que se apreza diferente por tramos e por concellos. Diría que a proporción de tramos en bo estado é inferior no que abrangue o concello de Ribadeo, que ten o conxunto de dous tramos peor de toda a travesía: un, antes de chegar a San Vicente de Covelas e outro despois de pasara A Ponte de Arante. Neles, o camiño está destrozado. En conxunto, non obstante, o camiño en Ribadeo manifesta unha atención de tempo, tendo os regos de escorrentía máis antigos. Tanto máis, que os que son feitos con terra sobresaíndo do nivel do camiño, xa case con se aprezan.


En canto a información, supónse que os peregrinos veñen da capital do concello, e na oficina de Turismo hai información abonda. En Barreiros teñen que optar por un cartelón enumerando gráficamente as cousas interesantes a visitar. Por certo, que chama a atención nese cartel, e máis adiante, que unha das dúas ramas 'oficiais' do camiño non aparece: fáise propaganda da rota por San Xusto, que maximiza o paso polo concello de Barreiros, en lonxitude, fitos de interese ou comercialmente, mentras non se ve indicación algunha para a variante do San Marcos da Cadeira, que inclúe a Trabada no reparto de zonas de paso.
Por certo, no San Marcos notei que aínda queban as estruturas provisionais montadas para o San Marcos, hai un par de meses, o que me lembrou que este luns a xente do GRUMIR estaba desarmando tenderetes que quedaran armados o día anterior en Santa Cruz.
As fotos, dous detalles da Ponte de Arante, cruce do Camiño de Santiago sobre o Río Grande.
Por certo, entre camiñantes adiantados e xa chegados a Vilanova, os números perdéronseme ó pasar de 50...

20100809

Un recuncho da ría

A ría de Ribadeo, como un todo ou en relación a partes, leva sido tema en moitos post no blog. Polo nome e a polémica arredor del, pero de xeito primario pola propia ría, as súas características, conservación, etc. E visto o visto, coido que continuará así.
O pasado ano, unha vez pasado o verán, amosaba fotos que indican que a ría non está tan a salvo da contaminación como poidera parecer. Dende aquela, que eu saiba, non se produxeron melloras nese sentido, nin noutros aspecto relativos á conservación do esteiro. E iso, a pesares de que aprece que xa vai funcionando o mecanismo da Reserva de la Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón, que con nome tan complexo pode que se debera a el o retardo na súa posta en marcha. Reserva que algún carto vai dando para os concellos que a engloban, entre os que están os que abrangue a ría. No medio si que apareceu a primeira parte dun estudo sobre as rías que incluía a de Ribadeo (na parte galega, e pregúntome como se pode dividir un estudo ambiental dunha ría en conxunto), que, deixándoa ben parada en relación a outras, non a deixaba inmune.
A ría, como é sabido e como corresponde a calquera outra, tende a colmatarse, é dicir, a encher o seu fondo con aportes tanto terrestres como marinos, facendo que o calado diminúa e parezan bancos de area e humedais. O proceso, que tantas veces se nomea para facer os dragados periódicos e case contínuos, segue a avanzar e maniféstase en pequenas cousas, como na colonización por algas de baixío do fondo da enseada dos bloques. Entre o pasado ano e iste, púidose observar que a colonización algal achegouse abondo máis á beira do peirao de Mirasol, aumentando no resto a potencia da lama que o ocupa. No tesón de Mirasol ocorre algo parello, pois se o pasado ano as colonias de algas eran minúsculas, este xa medraron aínda que continúen a ser pequenas. E nos fondos entre o tesón de Mirasol e da Vila vella, tamén se apreza o fondo con limo máis que con area que constituía ata agora o chan formado e a masa que quedaba debaixo. É dicir, na zona estanse dando dous fenómenos complementarios: o aumento de algas e de lama nos lugares libres destas. A lama deposítase nos fondos ó ter a auga pouco movemento relativo e ser incapaz de arrastras xa abondas partículas microscópicas, indicando un réxime de circulación de auga menor, como corresponde neste caso ó peche en marea baixa da circulación de auga entre os tesóns da Vila vella e de Mirasol. o que á vez, manifesta a evidencia da continuación da colmatación da ría, a pesares dos dragados. As algas colonizan un 'chan fértil', subministrado pola lama: non hai algas en abundancia en fondos de area, que non é fértil. Mágoa que, ademáis de a lama non ter un aspecto limpo en xeral, na zona dos bloques de unha impresión peor ó verse de cando en vez algún resto no fondo; algo que por outra parte, está facendo da praia dos bloques (abondo concorrida dende a construcción das casas que a dominan) un solario máis que un lugar de baño
Este ano tamén viuse un velero francés, que coido que non é o primeiro ano que recala fronte as primeiras escaleiras dos bloques, na continuación do canal do porto, tumbado totalmente ó desviarse un pouco da posición idónea e quedar en marea baixa sen auga. A escea non se repetiu, pois inmediatamente despois abandoou o lugar.
Dos remuiños e correntes na zona, en particular nas diferencias baixada/subida na punta E do peirao de Mirasol e na punta do espolón dos Bloques falaremos algún outro día con máis datos.

20100808

Unha nota sobre autocaravanas e tendas de campaña

Esta noite, alomenos catro autocaravanas e dúas tendas de campaña foron prantadas no parque do Faro da Illa Pancha para os seus propietarias poder ver o mar ó espertar. Supoño que non será un sitio 'novo', ó igual que non o é o paseo Alfonso Rodríguez Castelao, o aparcamento do recheo vello ou da praia das Catedrais (para aparcamento, Catedrais, que as Augas Santas nunca o tiveron). Se ben non me decatara antes porque non soo ir moito entre lusco e fusco polo faro, e antes as caravanas están de visita e as tendas sen montar.
O certo é que non é doado meter hoxe por hoxe as autocaravanas nalgures dun xeito libre. E que, se se comportan (é dicir, se responden ó civismo das regras sociasi básicas de non emporcar), non debera haber moito problema en que aparcaran como outros coches. O de aparcar a tenda nun lugar protexido de miradas onde os toxos foron varridos para deixar espazo a un parque que os integra, iso xa é outra cousa, e máis se se emprega o mesmo verde tamén como acubillo das motos que son acompañadas polas tendas.
Un caso máis de solución difícil, pero a tratar, se non se quere que apareza unha tenda en pleno Campo de San Francisco... Que xa teño posto unha foto cun tema así nunha entrada ben anterior no blog? Entón quizáis non haxa tema que tratar porque esteña todo tratado.

20100806

O ceo de noite, o ceo de día. Xornadas sobre astronomía en Ribadeo

O ceo de noite, o ceo de día.
Celebraránse dúas sesións, de duración estimada 2h cada unha, en colaboración coa A.C. Xerfa.
10/08/2010 ás 22:00 horas, na Casa da ría de Ribadeo
O ceo de estrelas en agosto. A cargo de Alfonso Piñeiro
Material: Poden traerse prismáticos, telescopios ou planisferios celestes.
11/08/2010 ás 10:00 horas, no reloxio de Sol do cargadoiro
Os movementos de sol de Terra. Reloxios de sol. A cargo de Antonio Gregorio
Poden traerse filtros de soldadura, espellos, ...
Nota: se o tempo está nuboso, a sesión correspondente será reducida.
Recollido do blog Física e Química en Ribadeo

Ir de xira

Pasou a Xira 2010. Xira en portugués aplícaselles ás rapazas bonitas, pero aquí o significado é moi outro: a xira de Santa Cruz ten o seu nacemento nunha romaría ad-hoc, na que a música de gaita galega, impulsada pola sociedade Amigos da Gaita, tiña a súa pedra angular. É dicir, a diferenza doutras romarías, coido que o seu nacemento xa foi festeiro de xeito independente a unha cuestión relixiosa, baseado nun movemento no ano 1955 e fortificado no 62 coa sociedade Amigos da Gaita e a inauguración no 1965 do monumento ó gaiteiro, do escultor Faílde, e dende aquela, na celebración do 'día da gaita'. Nese sentido,foi unha celebración das adiantadas ás festas de novo cruño, independentes de cuestións relixiosas ou históricas, que se foron extentendo por toda Europa ben por motivos económicos últimamente, ben de xeito máis sinxelo, pola eclosión dun espacio máis de diversión, algo antes.
Así, chegamos á tradición ribadense de xa hai medio século de subir de xira a Santa Cruz. E como tal tradición parece inmutable. Pero non.
Para comezar, a xira ... era en Santa Cruz. Nas últimas edicións a cousa fóise desprazando, coa substitución de monte por vila. O aumento de xente e a proximidade entre o espazo tradicional da xira e o centro de Ribadeo fan posible que pouco a pouco o número de xente en celebración festeira na vila aumente e retrase a súa subida. O que se ve aumentado pola afluenza de turistas que, máis alleos á tradición e máis urbanitas que os ribadenses, nunha certa volta a unha orixe romeira diferente, trocan a idea popular en Ribadeo da festa pola súa propia idea festeira, retrasando cada ano máis a subida e convertindo a romaría en festa urbanita. E isto non moitos anos despois de que o trofeo de fútbol 'Enma Cuervo' tivera que cambiar de día, despois da súa coinciendenca por longo tempo co da xira, na procura de algo máis de público que lle permitira unha oportunidade para tentar sobrevivir. A festa cada vez máis, fáise no pobo, de noite e de día, retrasando a subida á Santa Cruz ata horas tardías para comer, e retornando ó pobo en canto a xente se sinte con folgos.
Unha testemuña correspondente a un video feito con motivo da Xira de 2004 e colgado en internet que apoia o comezo do que remato de dicir: "(...) Ahora cada año va a más y los jovenes se emborrachan desde horas muy tempranas o días anteriores, van de vinos y despues suben a santa cruz donde siguen con la fiesta (...)"
Así, o que é 'festa' nun sentido que podemos dicir antigo, e o que é 'diversión' nun sentido 'moderno' tenden a confundirse na organización dos festeiros, e a romaría, a cambiar co mesmo sentido. Este ano fixo furor o barco vikingo, vistoso, que convertiu a xira nun antroido de verán para o grupo de participantes no mesmo. É previsible que dado o éxito, xurdan novas iniciativas de disfraz que rematen por incorporar, en breve, a xira ó antroido, despois de unha primeira intentona de realizar antroidos de verán aló a finais do século pasado como parentes do 'verdadeiro' antroido organizados pola mesma comisión, e como subsidiarios daquel. O precedente na organización de grupos está de xeito craro nas camisetas que comezaron a facerse hai uns anos identificando ás pandillas que subían, e ás que rápidamente se lle foron incorporando diversos aditamentos a gusto da xente, dende un logotipo distintivoós nomes dos participantes, pasando craro está, por lemas alusivos, case indefectiblemente, á animación á bebida.
Un cambio que tamén se deu no que vai de década ou pouco máis foi o identificar gallaroufa e ruido con música e cancións, facendo a substitución entre ambos. Xurdiu así o que se podería chamar tema grupal máis que coral, onde o sentido pérdese en favor do sentemento do momento, que se enfatiza.
Así están as cousas estes anos. En diante, diría que polo momento seguirán a mesma tendencia, e despois Deus (e a xente) dirán.

20100805

Un detalle de cine

Sabido é que os cines están en retroceso: a televisión primeiro e internet despois, están desviando a súa clientela de xeito que levan máis de medio século en retroceso. Hoxe unha nova de prensa da un dato que, nese contexto, apuntala o pulo ribadense na comarca: entre Avilés e Viveiro, só Ribadeo ten cine en funcionamento. Iso non significa que Ribadeo vaia por detrás no apuntarse ás novas tecnoloxías, senón que a atracción de Ribadeo polo momento é abondo para manter aberto o cine que noutras partes xa cerrou por falta de público. E é independente do festival de curtas celebrado ano tras ano e que remata de finalizar.

20100804

Ribadeo en feminino

Ribadeo muller naceu como papel, agora propágase ós bits. A publicación tentou dende o seu nacemento de dar unha pulo ó sentemento feminino en Ribadeo, para evitar unha desigualdade efectiva entre sexos. Dende o comezo, apoiei no que puiden a súa saída, sendo consciente de que unha cousa é desigualdade e outra diferenza, unha un apoio en positivo e outra unha discriminación en negativo, de que un baixo rendemento efectivo dunha publicación non ten por que (non debería) significar a súa desaparición se a causa é boa e pode render máis no futuro... agora da este paso.
Por partes. A desigualdade muller/home segue a existir, e coido que hai tempo que non se basea na diferenza efectiva entre sexos, nas características físicas e fisiolóxicas asociadas a cada un, senón na asignación de papeis sociais e encadre en estereotipos. Papeis e estereotipos non son dados de variar, pero a traverso da historia vese branco sobre negro que non son inmutables, e a iso vai a publicación.
O apoio en positivo dun cambio, neste caso o papel da muller, pode asociarse insconscientemente cunha discriminación, que resultaría a outra cara da moeda, a do home. Coido que cando hai un desequilibrio, é cousa de corrixilo, e é mellor con accións positivas, de desenvolvemento e comunicación de pulo, que con accións negativas, de recorte e machaque pola beira dos beneficiados no desequilibrio. Aínda que pareza que cada acción positiva leva asociada unha discriminación, coido que non é así, polas posibilidades que ten cada sexo. Outra cousa é que fora desexable un maior desenvovemento conxunto ou individual nunha sociedade que se aboca a xeitos de relación ós que non estabamos afeitos hai non moito tempo, e que en moitos aspectos, empobrécese conscientemente (noutros, naturalmente, enriquécese).
Un baixo frendemento efectivo: coido que por desgraza foi a tónica de Ribadeo Muller ata o momento: moito papel 'tirado'. Nembargantes, o dito machadiano de que se fai camiño ó andar, golpe a golpe, é certo, tamén aquí: o mesmo que costou ter un mínimo de audiencia no teatro (máis de 10 anos de diferentes protagonistas en cultura) pero pouco a pouco váise conseguindo (quizáis haberá quen opine que con moitos cartos de máis tirados ...) o espallamento de ideas igualitarias entre sexos na sociedade é necesario e aínda que non se vexa polo momento o final, debemos ser conscientes de que o camiño recorrido é xa inmenso. En Ribadeo, a publicación aportou sinxelamente o seu grao de area.
Agora, o salto a internet. Internet é a plataforma necesaria para continuar, pero está a amosar que polo momento non é en moitos aspectos a substituta, aínda que tenda a selo, dalgunhas publicacións en papel dirixidas a un determinado público.
E aí está o quid da cuestión, tal como eu o vexo: que público obxectivo ten Ribadeo Muller? Está adaptada a el? Pode que indagando un pouco máis no tema nos levaramos unha sorpresa de onde está hoxe a necesidade de igualdade entre sexos en Ribadeo, despois dun continuado martilleo de esterotipos sexistas nos medios de comunicación e un retroceso do significado social da muller en máis dun aspecto, ó tempo que leva asociado un florecemento noutros.

20100803

Sen obras

Pouco a pouco non, senón ás presas, fóronse paralizando as obras da autovía en diversos tramos, de xeito que agora parece que só quedan en marcha as correspondentes a Barreiros-Lourenzá. Hai alcaldes que protestan, e non debe causar extrañeza: representa un pao en diversos aspectos.
En primeiro lugar, de xeito inmediato, o emprego. O efecto do emprego non é desprezable, aínda que sexa de xeito transitorio, e máis se se considera a época de crise. Pero a pesares da importancia do tema, as obras non deberan ter como obxectivo primario as mesmas obras, dicir, ter como fundamento para realizalas o emprego, senón un resultado posterior, en este caso, a mellora das comunicacións.
Ise sería o segundo punto: o que representan de retraso das comunicacións cara ó futuro. Nunha zona que tradicionalmente non estivo moi ben comunicada co centro da provincia, de galicia ou da penínusula, e tampouco gozou de moi boas comunicacións internas, este retraso supón unha desventaxa comparativa na economía da zona respecto doutras.
En terceiro lugar, algo non menos importante aínda que hai que esperar que sexa circunstancial: mentras se realizan as obras as infrastruturas están en precario. Prodúcense inconvintes diversos, dende as riadas (neste caso, está visto que o inconvinte é máis que temporalmente circunscrito ó tempo de obra) ata os atrancos nas vías de comunicación xa existentes, que a parte de non ser 'tradicionalmente boas' como dixen arriba, últimamente estaban sendo descoidadas nalgúns tramos, quizáis á espera do remate das obras da autovía. E os impedimentos nos tramos xa existentes na actualidade non son desprezables.
A parte, hai cousas que se poden considerar máis pequenas, pero que tamén deberan ser xulgadas. Poñamos por caso, o balance das relacións económicas. Hai xa tempo que falei do efecto 'sal no zapato' (ou aquí) e isto váino incrementar: se Ribadeo xa cadraba dende hai moito, por mor das comunicacións, na órbita económica ovetense, o deixar autovía feita cara ó centro de Asturias, e máis impedimentos cara a Galicia, vai incrementar evidentemente as relacións cara ó leste en relación coas mantidas cara ó oeste, mesmo podendo implicar cambios sociopolíticos. A Ribadeo aféctalle ademáis o tema de que o esperado acceso por Vilaselán dende Galicia será con toda seguridade esperado durante máis tempo. E iso tamén é economía.
Máis? Pois si. O anterior é un comentario cinguido a unha actuación en marcha na nosa zona, o completar a autovía. Pero está demostrado que a potenciación de autovías en España foi unha medida na que interviu un lobby de empresas de producción de coches para a promoción de vías de comunicación rodada a nivel europeo. Que ben que grazas ós produtores de coches deuse un impulso ó transporte por automóbil... en detrimento da potenciación doutros tipos de transporte alternativo, como o ferrocarril, ou mesmo das comunicacións en xeral, incluída a banda ancha de internet. E da alternativa do ferrocarril na zona, sabemos algo, nas circunstancias nas que está e a alternativa realque representa na actualidade, co corte da via no mesmo termo de Ribadeo hai pouco. Pero é moito meterse agora a tratar esta comparación (incluíndo custes finais, ecoloxía, etc) polo que curto a entrada cunha coincidencia: o anuncio dos recortes da inversión en estradas e a case inmediata paralización de obras produciuse con poucos días de antelación ó anuncio de que as vendas do sector do automóbil voltaron a caer en período mensual máis dun 40% despois dunha tímida recuperación mes tras mes durante aproximadamente un ano. Pensaría o goberno algo como para que estradas sen coches ou estaría pensando nalgo 'máis profundo'?

Nota de prensa sobre a mesa de asociacións 20100703

Recollo o publicado en http://o-teson.blogspot.com/2010/08/nota-de-prensa-mesa-de-asociacions.html:
Nota de prensa
Xuntanza da Mesa de Asociacións xullo 2010

Como estaba previsto dende xaneiro, o primeiro fin de semanda do pasado mes de xullo tivo lugar a xuntanza da Mesa de asociacións do concello de Ribadeo. A xuntanza foi convocada, a modo de lembranza, pola AVV O Tesón, sendo chamadas as AVV de veciños así como algunha asociación máis de tipo social.
Asistiron asociacións de Remourelle, As Anzas, Vilaosende e Vilela, a parte da xa citada.
Foron tratados diversos puntos, a partires dunha orde do día aberta. En primeiro lugar, tratouse sobre o hospital da costa e zona sanitaria, sendo comentado o estado actual da cuestión, os argumentos de cada parte e temas relacionados coa manifestación.
Pasouse despois ás reparacións polo temporal, onde se comentou a concesión de 4,8 M€ en concepto de reparacións para 14 concellos, mentras qaue por outra parte, só as perdas xerais en Ribadeo están cifradas 0,8 M€. Xurdiu a oferta de que, para poder facer máis rendibles os cartos, as asociacións poden facer obras contando con voluntarios.
Pasouse logo ó estatuto de participación cidadá e relacións co concello. Comentouse que na próxima xuntanza co alcalde, se a hai, debérase levantar acta dun xeito oficial, que podería ser feita por algunha persoa do concello, como o axente de sostibilidade, despois de ter falado a conveniencia da súa asistencia a algunha xuntanza, plantearse o ser invitado e no seu caso, aceptar. A destacar que, segundo se quedou na xuntanza de xaneiro, debera ser o alcalde quen convocara e asistir a xuntanza. Despois de pasar o tempo convido, foi avisado e mesmo esta nota de prensa foi retrasada á espera dunha convocatoria que non chegou polo momento.
Dentro das relacións co concello e a participación cidadá, lembrouse a posibilidade de aproveitamento das reducidas canles actuais, por exemplo a posibilidade de facer preguntas ó pleno.
Dado que foi presentado xa hai dous anos por parte da mesa de asocicións a proposta de O Tesón un borrador de estatuto de participación cidadá, e sen ser contestada, foi presentado un borrador por parte do concello na xuntanza pasada, quédase o venres 10 de setembro, ás 19h, no mesmo lugar, para facer unha xuntanza monográfica e a partir dela, dar unha resposta común ó concello sobre o regulamento de participación cidadá.
Rematouse con temas varios. Así, comentouse que o acordo cos madeiristas para o mantemento das pistas está sen asinar, aínda que parece que se lle está a esixir fianza sen desenvoltar máis regulación que a que hai a nivel supramunicipal. Asemade, tamén se reiterou a oferta de limpeza de ríos por parte das asociacións do rural, e tratáronse os temas das obras da estrada de circunvalación e as súas deficiencias actuais, e o as que están por comezar do paseo das Aceñas.
A xuntanza durou dúas horas e media.

20100802

50 s ou ascensor habemus

Por fin os 'de a pé' podemos usar o ascensor da Atalaia. 16 persoas de cabida e 50 s entre entrada e saída, distribuídos de xeito aproximado en 7 de cerre de portas e outro tanto de apertura, co que quedan uns 36 de viaxe propiamente dita; deles, uns 25 son 'con vistas á ría', se ben abondo reducidas. é dicir, a ría pódese ver durante a metade da viaxe por menos da cuarta parte da superfieice lateral do ascensor. Como estaba previsto, sen ascensorista, pero con non o estaba, sen servizo de turismo nin tenda no baixo.
As escaleiras adxuntas, practicables, desertas e sen uso, un lugar máis para esconderse de miradas. O chan do baixo, a media tarde, xa cocho. Con follas que se colan por entre as barreiras que fan de portas e de adornos, pero non só. Por certo, non escoitei nada sobre o servizo de limpeza que terá.
As fotos, abaixo.
Primeiro retrasado, logo tiroteado.
Descoberto o pastel do ascensor.
O ascensor da Atalaia, onte.
Derrumbe da Atalaia.
Ascensor da Atalaia.
Cogomelos.
Natureza e home, fotos e outras imaxes.
Guirilanda.
De improperios a patadas e sorrisos.
Máis sobre o ascensor en ribadeando.
O ascensor, na prensa hoxe: Voz.

A primeira imaxe, o portal inferior, o que da á Avenida Castelao. Déixanse ver na parte soperior esquerda os buracos inferiores do oco do ascensor. O portal deixa paso non só ó ascensor, senón ó que sería a billetería (caso de ser de pago nalgún momento a viaxe) ou a oficina de información (que asemade se pretendía nalgún momento). As portas seguen o mesmo estilo do ascensor e do resto de enrexados do conxunto (a excepción do valado para non poñer cemento para evitar máis desprendementos da Atalaia)
A segunda foto é unha vista do lateral norte do ascensor, que da internamente ás escaleiras, e polo tanto, evita as vistas cara esa zona dende a caixa de transporte, escamoteando a saída á ría dende o interior.
Veñen despois unha vista das escaleiras alternativas ó ascensor pola parte de dentro; corresponde ó tramo máis baixo, sen nada especial que reseñar.
Logo, unha vista da parte das escaleiras co valado visto dende a parte interna asemade. Aquí é onde se ven os restos que xa hai no chan o primiero día de uso.
Dúas imaxes subindo no ascensor, as dúas máis altas, podendo desfrutar a plena vista pola amplitude do oco só da máis alta de todas, enfocada cara ó sur.
As seguintes son dos ocos da plataforma superior, que serven de fiestras socorridas para paliar a atalaia que representa(ba) o mirador da Atalaia. Este caso representa a única parte da estrutura que enfoca ó norte.
As dúas últimas vistas son do conxsunto do caixón superior da estrutura, dende dentro e dende a parte superior do (antigo) mirador da Atalaia.

20100801

A nova do día, o tempo


Hoxe, 1 de agosto, a nova do día do ía é o tempo. Non porque haxa temporal, que non o hai, senón porque chove a cántaros no día que sería o da Xira de Santa Cruz. Non parece que vaia parar pero aínda que parara, o chan está enchoupado para as merendendas e as actividades en xeral. de pouco serviu que a xente tivera limitado dende xa hai tempo o seu espazo no monte. Algo que non era previsto, pois val como indicación o que hai á beria no blog, ou ista lenda de meteogalicia para hoxe: "Ceos moi anubrados ou cubertos, con algún orballo feble e ocasional, máis probable durante a tarde. Temperaturas sen cambios significativos. Vento frouxo e variable pola mañá e frouxo do norte o resto da xornada." En Aemet tampouco predín choiva.
Quizáis nos enfrontamos de novo ás inxerencias das empresas e os seus intereses nas prediccións meteorolóxcas? É un tema que non é a primeira volta que se trata no blog, e que, vendo que non houbo variacións bruscas dende onte ou antonte, resultaría lóxico pensar. De claquera xeito, o gráfica, obtida dos datos da Granxa escola Pedro Murias mantén alto o barómetro ata onte á noite (23:50, última toma de datos), o que, aíllado, non indicaría mal tempo e choiva para hoxe.
a cousa é que con este tempo, a Xira verase cando menos deslocida.