20100930

Algunha reacción á folga de onte en Ribadeo

Vexo a nota de prensa do concello dicindo que o alcalde descontou o seu soldo, pero foi a traballar onte. O mercadonon se celebrou (houbo un posto), pero o comercio abriu con poucas excepcións. Pasou algún piquete e, naquel momento, algúns máis cerraron. Parece que non se produxeron incidentes, aínda que foi un día raro para o desenvolvemento no pobo, un mércores con xente (algo menos do normal, pero abonda máis que un día sen mercado) pero sen mercado, e logo, o pobo vacío.
Para unha análise xeral no estado, ver Im-pulso.

A quen beneficia o fracaso dunha folga?

Antes de mirar ningún medio informativo sobre a xornada de onte, a reflexión do título.
Para min, a resposta está crara e foi un motivo de folga: a quen non lle afecta por non vivir dun salario. A quenes si lles afecta, a parte da presión que se pode conseguir, pódeselles aplicar a frase de Homero que vin estes días nun xornal: 'Levadeira é a loita cando moitos comoarten a fatiga'.
En canto a relación éxito da folga-apoio ós sindicatos, o que se fixera onte foi máis ben a pesar dos sindicatos. Coido que non é cousa de extenderse aquí sobre o descreto sindical e a oportunidade dunha 'folga diferida' varios meses respecto ó momento adecuado da presión.

20100928

Volta á situación normal?

Rematando o mes de volta da tregua veraniega, o perfil das novas en Ribadeo segue en pendente. Hai preparativos para a folga, pero tamén comezan de xeito continuado os reproches oficiais, sexa por non ter o Xulgado ou polo estado da estrada. Era de esperar que, co gradual enfrontamento previo ás eleccións, comezaran a xurdir reproches en serie, non só da oposición, senón do equipo de goberno en resposta a aqueles e en tanto que forma parte da oposición respecto da Xunta ou do Estado. Está sucedendo, pero aínda que as notas de prensa manteñen o tono, parece que antes do previsto en relación ás eleccións. Este tipo de enfrontamentos ten un aquél de vérense abocadas as partes, pero tamén unha tristura polo mero feito de que sucedan, e un regusto a erro táctico...
Mentras, o Parque de bombeiros de Barreiros sofre un novo retraso na súa posta en marcha, vello xa antes de nacer.

20100926

O día 29 non se edita o blog

Só un aviso para dicir que non haberá entrada algunha o día 29. O día da folga xeral este blog sumarase a ela. Coido que as causas da folga están craras, polo que non ven a conto profundizar máis nelas. En canto a outras cousas relativas, como a bondade dos sindicatos, ou o facer folga en contra dunha política dun goberno ou contra dun partido, por poñer exemplos que se barallan estes días, non serei eu quen entre, alomenos polo momento, en divisións para aprofondalas.

20100925

Despois de 17 anos

A semana pasada apareceu na prensa a nova dun escrito relacionado co ruido en Ribadeo, que pode dicirse que xa foi contestado por once veciños de xeito anónimo e polo alcalde. Despois de 17 anos de aguantar ruído nocturno e ter acumulado unha morea de información e denuncias realizadas, ter sufrido artimañas diversas, imprecacións, ameazas, etc, decidín tomarme a cousa con calma para contestar tamén á miña vez.
Entendo ós veciños que asinaron e non queren darse a coñecer. Aínda que non teño constancia de que a situación sexa xeralizada, coido que se pode chamar mafia se un grupo ameaza para conseguir impor o que quere, e parece ser que nesa situación estamos. Algo alarmante.
Pasando ó escrito da chamada asociación de veciños Atalaia, que xa mentiu sobre min algunha vez como deixei claro, coido que defende os intereses dalgún dos seus membros, ó que non se pode sumar o valor dos argumentos, que non teñen. Por que penso iso? Baste dicir que a idea viuse afianzada despois de escoitar esta mesma semana no pleno unha pregunta sobre tres sancións 'leves' a dous locais da mesma propiedade.
Din querer evitar unha caza de bruxas, e falan de igualdade e liberdade. Quizáis sexa a liberdade dalgún local para incumprir as regras durante abondo máis dunha década, ampliando paulatinamente o negocio para seguir aumentando o incumprimento. Quizáis sexa a igualdade do dereito a facer ruído invitando a facelo a quen non quere escoitalo e sufrilo.
Din que está en xogo o modelo de Ribadeo que queren. Quizáis o modelo sexa o de ganar cartos cun facendo o que lle pete, e facendo sufrir a outros. Asemade, din que ¿quizáis o escrito presentado últimamente? é por afán de notoriedade dalgúns. Ó mellor mo aplican a min, que despois de tantos anos impórtame un bledo saír co meu nome na prensa (coidado, dicindo a verdade, non sendo pasto das mentiras doutros!), pero coido que neste caso están a dicilo polos once asinantes anónimos que presentaron un escrito que descoñezo. E non lle vexo moito sentido. Din que se se producen molestias son por falta de civismo e non debido á actividade hostaleira, e é evidente que o servir copas non ten por que producir molestia, pero a falta de civismo maniféstase tanto en sobrepasar unha, outra, e outra vez o horario de peche como en manter as portas abertas (tendo dúas, unha aberta 'por defecto') con música sobrepasando os decibelios, con illamento escaso ou nulo, ... e tamén e evidente que a xente borracha toma copas nalgures, motivo polo cal, na normativa -que non se cumpre e aínda así tanto se opuxo a asociación a cambiar- aparece o compromiso dos locais a manter orde nos seus clientes, tamén no relacionado coas entradas e saídas.
Por certo, e facendo un inciso, sempre me quedou a dúbida de se o principal motivo declarado contra o cambio de normativa, a instalación dun aparello, era polo custe (unha soa vez e menos do que costa unha fiestra) ou porque entón o ruído xa non tiña evasiva para que algúns locais tenten dicir que o que molesta é o ruído que producen os outros (locais ou clientes) e non eles.
Falan de potenciar os locais nouturnos establecendo zonas de ocio. As zonas de ocio, para aguantar o ruído, quizáis terían que ser ás aforas, mesmo nos espazos aínda libres do polígono industrial, o que se contradí cos seus propios intereses.
Piden exención de cumprimento de horarios cando a eles lles interese, pois 'o horario debe ser libre e non ten nada que ver co ruido'. Debe ser a mesma independecia horario-ruído que se produce cando a música segue a todo volume fóra do horario permitido. Falan de cumprir as medidas de insonorización ás 7 da tarde de igual xeito que ás 7 da mañá: entre outras cousas, a parte de que a normativa apoiada por eles non trata igual os ruídos a tódalas horas, tampouco é igual a transmisión de ruído con todo cerrado (incluíndo cortinas!) que 'en situación de funcionamento normal'.
Falan de poñer unha taxa por medición co sonómetro municipal. Claro que, se se sobrepasa o permitido, os locais serían os que terían que pagala de xeito subsidiario, a parte da multa correspondente, pero ó final, non sería o veciño quen tivera que facelo sempre que a medición sobrepasase o permitido. Ou non é así? E que as dependencias das casas deben cumprir a normativa. Vamos, que os culpables do ruído van rematar sendo os veciños, por iso hai que poñer impedimento e dificultar a comprobación ... sinxelamente, con medir na rúa (algo que ten os seus baremos na normativa actual) poden estar as dependencias como sexan, ou medir coa ventá aberta. Unha cousa é o posible non cumprimento dalgún código técnico por unha parte e outra moi diferente e sen relación algunha, o non incumplir a lei polo outro extremo.
E seguimos: piden non perseguir a locais determinados... cando se trata de sancionar ós que incumpren, non en xeral. Que só funcionen con ambientación musical os autorizados a tal efecto (aquí si, locais determinados) ... pero non din cales a teñen e non están autorizados, non vaia ser que se indispoñan cos donos.
Postos a arremeter e confundir, pasan a meterse con festas, concertos e demais ó tempo que piden decretar unha 'maior permisividade acústica'. Ribadeo treme. Non de medo, senón polas vibracións producidas... E citan un texto dun decreto dirixido precisamente a esas festas de días concretos (días, di a norma, 'excepcionais', non incontrolables) que queren meter no mesmo saco que os contínuos ruídos de locais.
Hai máis puntos, pero non quero alongarme: finalizan pedindo o mesmo trato para todos os ribadenses. Os mesmos dereitos, as mesmas obrigas. Sí, por favor!

20100924

Que tería pasado en Ribadeo con 17 concelleiros?

A conta da variación no padrón municipal, especúlase cunha certa posibilidade de que Ribadeo pase dos 10 000 habitantes de cara ás próximas eleccións. Iso podería cambiar algunhas cousas, din, baseándose no aumento de concelleiros que iso supoñería: o concello pasaría de ter 13 concelleiros a 17.
Collo os datos do blog deixados nunha táboa despois das eleccións pasadas, e fago algunha conta: o que teria pasado se tanto no 2003 como no 2007 houbera xa 17 concelleiros. Aplico o método d'Hondt, divido os votos por un, dous, ... e collo os resultados maiores. Quedan en negriña os resultados con asento no mandato correspondente, en vermello os novos asentos que serían ocupados e en negro sen resaltar os resultados que non terían chegado a conseguir escano. E atópome con que a correlación de forzas políticas non tería variado grande cousa.

No 2003, o PP pasaría de 6 a 8 concelleiros, o PSOE de 4 a 5 e o BNG de 3 a 4, co que as alianzas mantidas para a gobernación no período 2003-2007 poderian terse feito tal cal se fixeron. Iso si, o 'corte' sería máis craro, pois mentras que nesas eleccións estivo a punto de perder un escano o PSOE en favor do PP, co que cambiraría de mans o goberno municipal ó ter o PP maioría absoluta, na nova situación os números resultantes serían máis diferentes.
No 2007, o BNG tería pasado de 4 a 6 concelleiros, o PP de 4 a 5, o PSOE de 3 a 4 e UPRi non tería cambiado o número de concelleiros. É dicir, o BNG seguiría estando en minoría, e UPRi seguiría sen poder ser bisagra. Neste caso máis recente, a existencia de 6 persoas no equipo de goberno, de non ter coalición como ocorre na actualidade, podería dar abondo máis xogo de movemento e actividade interna dentro do goberno municipal polo aumento dun 50% de persoal.
Pero o que máis pode chamar a atención é unha cousa natural: quen se lembra dos nomes da xente que tería entrado no concello de ser 17 concelleiros en troques de 13? Como serían para Ribadeo?
De calquera xeito, un cambio viría por outro bando: o aumento relativo de recepción de fondos para o funcionamento do concello. O que se fixera con eses poucos fondos máis, iso xa é fariña doutro costal. Algo que agora mesmo deben (deberan?) estar baraxando os partidos de cara ás próximas eleccións, e que poderia aproveitarse para facer unha reestruturación económica da Casa do Concello con algo máis de liberdade.

20100923

Colgouse o cartel de non hai localidades

Onte déronse un par de curiosidades en Ribadeo. A primeira, que se pode titular, parafraseando a biblia, "o ordenador perdido e recuperado en Ribadeo", foi exactamente iso: un ordenador que se perdeu e se devolveu porque foi anunciado que se perdera. O beneficiado da volta, un viaxante que prenoctou en Ribadeo, e todo o pobo coa noticia. Por certo, que na prensa non sae quen o devolveu.
A segunda ten outro matiz: un can que solto nunha rúa principal e peonil, Pedro Murias, propiedade de xente que se gana a vida 'pasando o gorro' con actuacións de rúa, morde a unha muller que ía depositar moedas pola actuación. A nova non di se ó final, as moedas caeron ó sitio onde ían ou non, pero deixa claro que a muller rematou na Casa de Saúde e que a Policía Local tivo que enfrontarse á parella propietaria.
De calquera xeito, e aínda que non fora exactamente nova de onte, foi o día no que se fixo vox populi que ó 'último' dos candidatos á alcaldía, o do PP, só faltaría nomealo. Así, xa estaría completo o plantel de posiblidadades para o futuro do pazo de Ibáñez. O virtualmente elixido sería Manuel Valín, que xa foi primeiro tenente de alcalde en dous mandatos por esa formación, aínda que nos presentes catro anos non esteña na corporación municipal. De calquera xeito, e despois de un ano enteiro coleando a elección, por esperar uns días á confirmación non pasa nada.
Ben, en realidade quedaría outra posible lista, a parte de BNG, PP, PSOE e UPRi. É unha que está sendo promocionada por Ángel 'Araña' como alternativa graciosa e protesta fronte á política actual no concello, pero que non se sabe aínda se se materializará, segundo di o promotor, polas dificultades para cubrir os postos da lista.

20100921

20100920, pleno (II)

Despois da entrada anterior e a nota de prensa do concello sobre o pleno, continúo co pleno propiamente dito.
No apartado de rogos e preguntas, entre outras moitas, apareceu unha resposta que está relacionada cunha pregunta do Tesón de hai algún tempo: a posibilidade de sacar o cadro do Viejo Pancho que está na antiga biblioteca para ter un mellor mantemento e poñelo en valor. Parece que vai destinarse á actual oficina de turismo, cunha parede que é do tamaño requerido, e de onde se sacarán os cocos para outro lugar, non estando claro (polo menos eu non o entendín) o destino do barco a escala alí tamén aloxado.
Tamén, por parte do PSOE, foron varias as preguntas sobre as condicións de contratación e subcontratación das obras do tramo de estrada cedido por Fomento, que deu lugar a momentos de desaire e que en xeral foron contestadas polo alcalde remitindo a súa contestación ó próximo pleno por non estar ó día do preguntado.
Seguindo cara atrás no pleno, o punto anterior foi unha moción do BNG en contra dos recortes sociais do goberno do estado e do autónomo, resumible como unha proposta de múltiples accións a favor do común a costa dos fondos do capital. En resposta, a UPRi anunciou o seu voto negativo e pideu dar exemplo, e deixar a supresión das deputacións (pedida dentro das medidas) 'para despois de que pague o pavillón', así como diminuír impostos, non aumentalos (non dixo 'ós ricos', pero ese era o sentido da proposta). O PSOE descolgouse co anuncio do seu voto en cotra e unha loa das virtudes do partido no goberno do estado. O PP argumentou a súa abstención. Nese momento, o BNG propuxo separar en dúas a votación referíndose á parte da moción en relación ó estado e en relación á Xunta. Nunha segunda rolda, o único a destacar en algún sentido é a negativa dos grupos, que deu lugar a unha votación na que se aprobou a moción contra o estado (6 de BNG e PP, nos que faltaban Horacio Cupeiro e JC Andina respectivamente, contra 5) e denegou contra a Xunta (3 do BNG contra 8 do resto). a disc usión deu lugar a unha increpación de F. Rivas ó alcalde: 'vostede é unha ruína para este concello'. A cousa viu a raíz de mencionar de novo o soldo do alcalde, resposta deste e argumento de Rivas de que o caso non é o que se cobra, senón o que se trae para Ribadeo por cada euro invertido no cargo.
A moción anterior a ista foi do PP, pedindo un aprazamento da devolución de orzamento de Galicia ó estado, ata que a economía medre ó 2%. UPRi anunciou a súa abstención e argumentou que se se pagara todo dunha soa vez (o prantexamento actual é pagalo en dúas anualidades) non chegaría para os gastos de funcionamento. O PSOE anunciou a súa abstención. O BNG reclamou outromodelo de finaciamento e lembrou que os concellos están nunha situación semellante (ribadeo ten unha liquidación negativa de perto de 200 000€, a devolver nun ano). O PP non aceptou a enmenda, e o BNG anunciou a súa abstención. Na votación, a moción aprobouse con só os 3 votos do PP. Neste punto, entre outras cousas, collín ó vóo o prantexamento da reducción do noitebús (a lembrar que Ribadeo ten varias liñas de noitebús subvencionadas, favorecendo o auxe do ocio nouturno), coido que polo PP, pero nestes momentos non podo aseguralo.
O punto anterior foron as licenzas de nova ocupación, nas que houbo unanimidade.
O punto 4º foi en relación ó 'POLGA', o antigo 'POL' ou plan de ordenamento litoral. Razoouse que en Santiago houbera bóas palabras, pero non aceptación das propostas enviadas, agás en relación ós ríos e corredores. E da sombra que ese plan proxecta sobre o xa dado por morto PXOM, plan xeral de ordenamento municipal, que se debe adaptar ó POLGA e en relación ó que se tramitaron diversas documentacións para ter un ditame claro (o que deu orixe a discusións sobre se se trataba de unha sinxela dilación para ganar tempo ou dunha necesidade de seguridade no veredicto). A cousa plantexouse no envío como alegacións das antigas suxerencias, en base ós informes dos técnicos municipais. O resultado, 8 votos a favor e tres abstencións do PP.
O punto 3, os festivos locais, que quedaron o 16 de agosto, San Roque, e o día da patroa, 8 de setembro.
O punto segundo foi a discusión sobre diversos decretos da alcaldía, entendo que en xeral sen relevancia, e dos que me quedei cun só detalle, a primeira vez que lembro que sae nun pleno algo polo estilo: a pregunta de UPRi sobre unha sanción ó Pub Pasillo e dúas ó Buga (se non entendín mal, respectivamente 200, 200 e 300€). Pregunta que non entendín moi ben a conto de que se facía, entendo que en defensa dos locais argumentando que istos podían levar o asunto por vía xudicial, ó non saber de ónde ven o son. O alcalde contestou no sentido de que el non era quen instruía os expedientes, e que en todo caso, si se identificou son dos locais, aínda que non esteña totalmente cuantificado. Eu engadiría que segundo a normativa actual do concello, que os partidos en xaneiro non quixeron anovar, son os locais os que teñen que coidar do ruído que producen os clientes ó entrar e saír. Os outros grupos, quizáis dadas as novas de prensa recentes (aquí, Voz)e a percepción de que a cidadanía non está pola labor de permitir o ruído, non moveron un dedo, en contra do que pasou en marzo, cando botaron abaixo unha nova normativa contra o ruído proposta polo goberno municipal (comentario sobre a normativa e o pleno da aprobación inicial da mesma).

20100920 pleno. As preguntas de O Tesón

Como outras veces, comezo polo final dun pleno no que non houbo moito que resaltar.
A contestación ás preguntas realizadas po1a AVV O Tesón foi realizada fóra xa do pleno propiamente dito, como está establecido.
1.Tendo preguntado xa anteriormente polos cadros posesión do concello en función dos depósitos a realizar polos expositores, e téndosenos dito xa hai tempo que se estaba a realizar un listado que sería difundido, pero non dispoñendo aínda do mesmo, lembramos de novo dita solicitude.
R:O listado de obras pódese consultar xa no despacho de Cultura.
2.Tendo observado que hai tempo que non se fala oficialmente da liña de subministro elećtrico a Ribadeo nin da subestación segundo parece necesarias ambas para o comezo de funcionamento do polígono industrial, solicitamos coñecer a actualidade de ambos temas.
R: Posiblemente haberá que facer outro protocolo por incumprimento de prazos. A cousa está en que previo á declaración de utilidade pública é a exposición pública, que aínda non se fixo. Hai unha modificación pedida pola Comisión dos Camiños de Santiago, o sotorreamento á beira do Camiño. É previsible ademáis que a execución das 13 reservas do polígono se poda facer sen a realización da subestación, pero non se pode manter a situación así indefinidamente.
3.Tendo pendente de consecución a realización unha saída cara a Ribadeo dende a Autovía vindo de Galicia e un entronque coa circunvalación para conectar coa chamada estrada do monte, solicitamos coñecer o estado da cuestión.
R: En realidade son dúas preguntas, con respostas semellantes. en concreto, en relación á A8, está aprobado, pero non hai nin idea de cando se vai facer.
4.Tendo noticia da existencia dun canón lanzacabos doado pola Armada norteamericana para o salvamento de náufragos ribadense, que foi visto ultimamente na Cruz Vermella de Lugo, solicitamos coñecer se se está a facer algún tipo de xestión para o seu retorno a Ribadeo, xunto coa lancha de salvamento marítimo no Forte de San Damián.
R: O alcalde respostou que descoñecía o tema, pero que fará xestións para ver que se pode facer (en relación a isto, un asistente comentoume posteriormente que en época de Lalo como alcalde estaba no seu despacho sobre catro pilares). O alcalde aproveitou para comentar que a lancha de salvamento foi recentemente pintada e encargouse unha placa de metacrilato para ilustrar a súa historia.
Deixo de pronto a ligazón ó comentario do concello sobre o pleno. E a referencia na prensa (Voz)
Continuará...

20100919

Provisional

Deixo aquí, ata unha análise particular, a ligazón á nota de prensa do concello sobre o ruído nouturno: esta semana houbo movemento e será reflexado. Da prensa de hoxe: o que di Atalaia, e unha especie de 'visión xeral'

Preparando a semana

A fin de semana trouxo unha cea de protesta pola construcción desordeada en Barreiros, organizada polo grupo 'Máis talento, menos cemento'. O motivo é vario: recoller fondos, intercambiar ideas, trabar o comezo de novas actividades, ... porque a loita contra o cemento continúa, igual que contra o ruído, ou outras moitas cousas que grupos pequenos pero con moito interese queren impor contra o común (é dicir, o de todos, o 'ben común'). En relación á edificación, tamén unha nota do concello sobre a recuperación da Torre dos Moreno: algo que avanza, aínda que sexa a paso de cosco.
E o ciclo daniel Cortezón. A primeira obra, con actores de 1º e 2º de ESO de Viveivo fixo rir a algo máis de media centea de presoas, explotando con ilusión as debilidades humanas na adaptación de
'AVENTURAS E DESVENTURAS NO CAMIÑO DE SANTIAGO'.
Mañá, pleno (non vin nada na prensa, pero coido que é así), co que se certificará o remate das 'vacacións políticas'.

20100916

De contas e novas

A nivel estatal, o retorno do verán está traendo os primeiros conflitos económicos á actualidade. e máis que a propia economía, as relacións laborais, que se ven discutidas en diversos termos.
Onte en dous xornais que tiven a man vin expresións como o chamara exército sindical ós delegados, e unha afirmación: 'os 4 127 liberados supoñen un custe de 250 millóns ó ano'. Boto contas e sae que o soldo medio dun delegado acada os 60 000€. Hai algo que non cadra. Non parece que sexa certo que un liberado sindical medio ten abondo máis soldo que unha persoa media, sexa asalariado de base ou presidente de empresa, ou teña unha profesión liberal, pero se o fora, é evidente que algo fallaría nos sindicatos. Cal é a opción real? Coido que está craro, aínda que haxa que reformar outras cousas no comportamento sindical.
Outro titular: A Comunidade de Madrid 'solta lastre sindical'. É dicir, como se a organización sindical fora unha rémora e non un dereito e unha opción de equilibrio fronte a outras organizacións económicas máis poderosas (o que é evidente nestes momentos), e máis tramposas.
En fin, outro día falaremos de trampas noticiadas a nivel máis próximo.

20100915

Enquisas pre presentación de candidatura

Tomo como curiosidade que hoxe saia na prensa que o popular máis valorado en Ribadeo, dentro do propio partido tanto valoradores como valorados, sexa JC Rdguez. Andina. Non sei cal é a misión dunha enquisa interna antes de anunciar as candidaturas ás alcaldías, pero coido que algunha relación deberan ter, por moito que a prensa destaque que iso non quere dicir que vaia ser o candidato (cousa negada en repetidas ocasións por el mesmo). O contrario sería algo así como xogar ó despiste, e, redundando, a estas alturas coido que o despiste máis ben sería do partido que prantexase así as cousas.
De calquera xeito, como me teño amosado a min mesmo que de estratexia política seguida polos partidos sei pouco, verase.

20100914

En todas partes y en todas épocas los conductores de hombres son prometedores de paraísos.

O título é unha cita do final da sección catro do apartado catro de 'El árbol de la ciencia', de Pío Baroja. Non me vou meter coa novela, que coido interesante, por certo, senón co seu significado.
Poderiamos meter ós políticos na clase de 'condutores de homes'? Consulto en internet o diccionario da Real Academia Española da lingua, e atópome con dous conxuntos de acepcións en pugna: aquelas que indica ó político como xestor e aqueloutras que o denotan como rexidor (mesmo con 'arte'). Pode parecer o mesmo, pero non o é: no segundo caso, os políticos aspirarían a ser 'condutores de homes' (por suposto, tamén de mulleres, poño a aclaración innecesaria) mentras que no primeiro 'só' aspirarían a ordear as cousas ben. Iso lévame a facer unha distinción: os políticos deixarían de ter aspiración única de 'facer as cousas ben' cando aspiraran a ser 'condutores de homes'. Un problema difícil de resolver en democracia, e máis difícil aínda de controlar sen ela, unha especie de contradicción política.
E en contradiccións dese tipo ímonos metendo no curso político ribadense. O último do actual mandato, que estivo a piques de non ter a estrutura que ten debido a unha moción que ó final non foi presentada na primavera. Non se fala do tema, pero está presente nas consideracións sobre o concello para estes próximos meses. Mentras, son nova o xa vello pero inacabado e inacabable PXOM, debido á súa adaptación á nova lei do solo e non aprobación 'cantada' neste mandato, e o 'retorno' de UPRi, coa súa saída nalgún medio anunciando que se volve a presentar, despois de todo o dito sobre oferta de praza nun posto da Xunta (e logo doutro) a Rivas. Con isto, xa estaría normalizada a situación despois dos primeiros días posteriores ás festas... De todo? Non o creo: queda o candidato do PP ás municipais por determinar, e chama a atención que sexa neste comezo de curso de novo Andina quen siga acaparando titulares dentro das novas do partido: lóxico se se considera o seu posto actual, non tan lóxico se se mira cara á visibilidade dun candidato diferente a el cara ó futuro.

Mentras, todos somos conscientes que o período actual é de aspiracións ó goberno por uns e por outros, logo, aspiracións a 'condutores', como sinala o título, e polo tanto, a promesas de paraísos. Será difícil en moitos casos, pero necesario en todos, separar o grao da palla, se queremos ter unha próxima corporación mellor.
Mentras queda unha foto dunha curiosidade que notei estes días, subindo dende a biblioteca: a figura dun lector en galego a modo de grafitti na biera dunha casa. a portada o que le representa a Galicia cunha franza como a da bandeira, e a persoaxe está ensimismada, como querendo ler a Galicia ata o fondo, mesmo entre liñas.

20100912

Medio ambiente

Coido que é unha cousa a ter en conta en Ribadeo. Deixo en 'publicado en Ribadeo' o tríptico das xornadas de medio ambiente que comezan mañá.

A Xunta ... e os demáis

Collo unha nova xa algo vella: A Xunta convoca a mesa do leite. Sigo a ler. E resulta que é tras presión gandeira. Antes, reunírase coas empresas en diversas ocasións, sen tanta cousa mediática, dixou marchar o poder das empresas fóra de Galicia, non se preocupou moito do prezo do leite (nin o subvencionou como cos coches), ... Eta fin de semana pasada, os gandeiros fixeron boicot e sinalaron marcas de empresas que tiran co prezo do leite que lles subministran. O vello dito de quen non chora, non mama, pero a outro nivel.

20100910

Para unha valoración das festas, feiras ou a invasión okupa



Onte en Onda cero participei nunha tertulia con dous temas principais: a avaliación das festas e a pre campaña electoral.
Coido que, mellor que poñer só a miña opinión, é facer un resume de cousas que alí se dixeron (ainda que, en lóxica, lembrareime máis das cousas que eu mesmo dixen, e aproveito para poñer algunha que non dixen alí).
Deixouse craro que non se estaba a tirar pedras no tellado da comisión, que como voluntaria e traballadora, merece respeto, senón que coas críticas tratábase de colaborar para mellorar as festas.
O tema de fondo foi o dilema, cos cartos dispoñibles (falouse de 47 000 €), primar a cantidade ou a calidade. Non estivemos de acordo no sentido de que había quen preferiría un só día, de calidade, mentras que outros diciamos que, a parte do que pensaramos os que alí estabamos (José Mª Rodríguez, Santiago Fernández-Reinante Salvatierra e e eu), se a comisión facía algo polo estilo, botábaselle inmediatamente a xente sobre ela. E é que hoxe non ha a esixencia de festas grandes do mesmo estilo que antes; máis ben hai esixencias diversas, que non sempre cadran para solapar.
Alabouse as actividades para os pequenos. Na realidade, aínda que alí non se dixo, son os pequenos os que agora máis desfrutan das festas.
Tamén se falou, como non, do que puxeron os xornais: que o Mago Antón non actou porque non estaba contratado e que Bimba Bosé actou tarde, pouco e quedou sen xente. Esto último non mereceu tanta atención, pero todos estivemos de acordo en que o do Mago ten que ser explicado doutro xeito.
Falous de tipos de xente: xente que as desfruta, e xente que as sofre. E dicir, da existencia de xente que as vive despreocupadamente doutra para a que o oito é un día máis, dos que as viven pensando que ó día seguinte teñen que traballar ou dos que sinxelamente son emigrantes festeiro, que fuxen delas ben pola acumulación de xente, ben polo ruído (comprobado que hai xente que se vai de viaxe de xeito sistemático por ter cerca o pulpo, por exemplo), etc.

Falouse asemade da necesidade dunha estrutura dos postos, dun control: cantos pagaron por estar? Porque os manteiros non, aínda cando estaba ocupando 2/3 do ancho da rúa, e algunha tenda que se voltou a ver esta no na herba, tampouco. En canto ás falsificacións, había nalgún sitio desplegada abonda máis extensión de bolsos (non digo que todos foron aflasificacións) que nas tendas ribadenses clásicas, e alí seguiu tranquilamente ata o final das festas.
Comentouse o concerto da banda, correspondendo máis ou menos ó concerto do ano pasado, se ben este, polo cambio de orientación do palco, houbo menos público e os músicos tiveron que sofrer o Sol de fronte.
En canto ó ruído, sei que a algunha se lle dixo que baixara a música, pero non sei que se fixeran medidas para levala a niveis aceptables. De xeito equivalente, tamén houbo locais que sen permiso algún puxeron música cando lles petou... pero esto último xa é máis normal en Ribadeo.
En fin, un comentario deslavazado só para lembrar cousas...
Das festas do ano pasado. O 5 de setembro de 2009. A iluminación das festas de Ribadeo 2009.

20100908

Hoxe é festa en Ribadeo

Para moitos, sen máis, é día de desfrute. Pódesenlle poñer algunhas condicións acompañantes, como o facer o paseíño e atoparse a máis xente desa que se ve de cento en vento, pero, sinxelamente, día de desfrute. Para algúns, será o día do síndrome da volta a normalidade (xa sexa polas vacacións, polo despexe do parque, polo ruído do campo, pola viciñanza das controversias políticas que se barruntan, ...). Para algúns máis, un día como calquera outro, quizáis máis parello a un domingo, pero nada máis. Aínda para outros, será o día de volta despois de pasar uns días fóra do barullo festeiro.
Sexa como sexa que se considere o que no seu tempo era o culmen das festas do oito, dende hai anos, xa abondos, as festas están cambiando. 'Non son o que eran', dirán algúns de xeito pexorativo, con tendencia a atoparse entre os máis vellos, que lembran a súa propia imaxe das festas de tempos lonxanos e a comparan co que interpretan da actualidade. Certo, varían. Teñen variado moito, e en importancia relativa en relación a outras diversións, teñen baixado moitos puntos: teñen moita máis competencia que hai anos.
En troques, as persoas deberamos seguir a ser máis ou menos, as mesmas: naturalmente, variamos ó longo da vida, pero somos substituídos en franxa de idade, en franxa de vitalidade, por outros, e é como se fora un contínuo. Continuo que está a cambiar. E ise é o principal cambio das festas, en Ribadeo e por onde se mire: Se a xente cambia, se cambiamos, se temos diferentes oportunidades, tamén cambia non só o que facemos realmente, senón tamén a percepción que temos do que facemos, nós e os demáis.
Pero, lector ou lectora, chegado xa a hora de que a banda comece a interpretar os primieros compases na procesión, como preludio de deixar os santos nos lugares de culto e da actuación central do día na praza da música, esquece ata outro momento o anterior e sinxelamente, desfruta.

20100906

Ribadeo ten necesidades adultas

1992: Ribadeo perde a rama sanitaria de FP... un feito, como outros moitos de perdas que leva Ribadeo. Eficiencia na xestión, alégase unhas veces. Aforro de cartos, outras. Non hai xente abonda (conxunto das dúas anteriores, dando un rodeo), aínda outras. Mentres, segue a derrama. Agora tocoulle o turno ó 'Bacepa', nome abondo malsoante que tras de si ten unha realidade: a do bacharelato (Bac) no ensino permanente de adultos (Epa).
Polo momento, 'non o levan'. Simplesmente, desarman o que hai, deixándoo no chasis, sen dar unha alternativa funcional. Na retórica oficial, substitúen a educación presencial pola semipresencial.
As razóns? O certo é que non o teño craro: Poucos alumnos, dixeron. A resposta do centro, contundente: aí están as listas e os asistentes. Eficiencia dos cartos (non o dixeron así ás craras, que eu saiba). Resulta que hai profesorado no centro que o imparte, o IES Dionisio Gamallo Fierros, con horas abondas para cubrir horario. Non se lles ocorreu dicir tampouco o de 'un maior rendemento educativo': sen preparación previa do centro, do profesorado e dos propios alumnos, dificilmente podería manterse máis aló de dez segundos unha afirmación semellante. Podíase ter dito tamén 'é o futuro', e quizáis por aí non irían moi errados... se o contemplaran como algo complementario, que pode facilitar as cousas a algunha xente, en troques de suplementario, dificultando o acceso á educación a xente que se está a beneficiar del nestes momentos.
En canto á técnica seguida para o cambio, a cousa está crara: ordeo, mando e faigo saber, e queda o verán por medio, dificultando as protestas de alumnos e tamén dos profesores. Tamén está a técnica política: se temos un grupo de man no concello, non hai apoio unánime á postura contraria ós nosos quereres, e nese sentido, vaise capeando o temporal. O tempo, de parte de quen manda: non é a primeira vez que sucede, a historia está chea de casos semellantes, e as cousas vanse esquecendo.
Polo medio, acusacións e medias verdades ou mentiras contra datos obxectivos. E desmobilización, facendo esquecer e esquecendo aquelo de se debe defender o que cremos xusto, nos afecte ou non: pois en caso contrario, ademáis de propiciar a inxustiza, córrese o perigo de non ter quen nos defenda cando sinxelamente defendamos un dereito que esteñamos a usar nós: eso tamén é educación.
En fin, aproveito o mandato da diretiva de O Tesón para, ó tempo que deixo constancia do apoio desta AVV á permanencia en Ribadeo do bacharelato presencial de adultos no actual formato presencial, tentar de que a sociedade ribadense non esqueza un problema máis e chamar a atención sobre algún aspecto da actualidade educativa ribadense. A educación pode ser un xogo, hai xogos educativos, pódese xogar ... pero sabendo que é un xogo, e que Ribadeo ten necesidades adultas, como pobo adulto que é.

20100905

Festas patronais de Ribadeo, 2ª parte: pregón de Ángel de la Cruz


Deixo colgado o pregón de Ángel de la Cruz, (o director de 'os mortos va á presa') cedido por el o orixinal de lectura (e escaneado... pode ter algún erro...). Foi presentado por Alberto Moledo.
Por certo, que voltará a rodar en Ribadeo, cun filme baseado na banda deseñada 'Arrugas' (outras ligazóns: 1, 2, 3, ...)
Algunha ligazón relacionada: (1, 2,e en xeral)

20100904

Dentellada en Ribadeo

Unha empresa de fóra, Dentellada, executará o derribo dos rochos ribadenses que levan 12 anos con orde de desaparición. O corporativismo non é só cousa de algún grupo de traballadores: tamén se da nas empresas.
Algunha entrada máis sobre o mesmo: Titulares sobre Ribadeo;31 de marzo,data límite.html; Nun pleno; noutro pleno, ...

20100903

Os vínculos culturais Galicia-Uruguay

Onte foi a presentación do libro de actas do congreso celebrado entre Vilanova de Lourenzá e Ribadeo hai xa tres anos para afondar nos vínculos entre Galicia e o Uruguai, en particular a traverso das figuras de José Mª Alonso de Trelles y Jarén, o 'Viejo Pancho' (na wikipedia en español, abondo máis extenso), e Juana de Ibarbourou, Juana de América (tamén cun artigo abondo máis extenso na wikipedia española). Asistiron, como dixo o coordinador académico, Gustavo San Román, 'autoridades galegas e uruguaias', incluíndo a cónsul xeral do Uruguai en Galicia.
O libro, ollada por diante, pode resultar interesante. Está colgado en 'Publicado en Ribadeo': Os vínculos culturais Galicia-Uruguay.
En canto ó acto, protocolo con calor humana, e algunha cousa con sabor a anécdota, como cando se nomeou or parte do coordinador académico a Galicia e o Uruguai como dúas nacións sen diferencia de estatus e sen que ninguén pestañeara, ou cando o mesmo dixo dos altibaixos de economía e sociedade no Uruguai e en Galicia, con emigración nun ou noutro sentido segundo corresponda, sendo apoiado despois polo alcalde ribadense no mesmo sentido. Alcalde que por certo lembra nunha das lecturas introductorias o seu nacemento no Uruguai.
Ademáis, soou na sala a voz de Juana Ibarbourou (unha lectura que se pode facer no libro nas súas p. 135/135) cun texto enviado en cinta magnética ás autoridades laurentinas.
En fin, vínculos que son de ultramar e que lembran non só a emigración, senón que existen outras posibilidades máis que as que aquí se podan presentar.
(será engadida unha foto hoxe mesmo)

20100902

Publicado o libro da Seman Santa 2006 en Ribadeo

Deixo a ligazón a este libro, xa vello, en Publicado en Ribadeo.
Nota posterior: Por necesidade, estase a cambiar o lugar de 'publicado en Ribadeo'. Irase poñendo nota do material e o novo lugar de publicación en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/publicado%20en%20Ribadeo

Un transporte especial

Chegou o transformador ó porto. Xa hai un par de días que leva cargado. Non obstante, non se movera onte pola tarde dalí. Nunha conversa casual pillada ó paso pareceume entender que se tiveran problemas na desestiba, pero, tivérannos ou non, o caso é que se puido ver (quizáis aínda se pode) no porto un xigante de transporte articulado, que non deixa de ser unha curiosidade tanto para lembrar en charlas como para ter conta dela históricamente cando se refiran á potencialidade do porto de Ribadeo e ó seu funcionamento.

Remítome polo demáis, ó xa dito a pasada semana sobre o transporte do transformador chegado a Mirasol.

20100901

Rematou un agosto caluroso en Ribadeo



Rematouagosto, un bo agosto en canto a tempo e sol, tildado quizáis de demaisado caluroso. Á beira deixo os rexistros das temperaturas medias diarias (é dicir, tomando día e noite, cada 10 minutos a temperatura) da estación automática da Pedro Murias durante todos os agostos do século XXI, onde se ve que a temperatura media máis alta dos agostos do século foi acadada o 25. Aínda así, a media mensual da máis alta para o ano 2003. Os outros dous anos que poderían competir con este en temperatura media de agosto, o 2004 (lixeiramente por baixo) e o 2006 (lixeiramente por riba) non son fiables por faltar algún dato.
É dicir, este agosto tivo temperaturas altas, pero non marcou un fito, se exceptuamos a temperatura do día 25.

só unha cita sobre ruído

A hipocresía do ruído, do sonido e da música en Ribadeo.