20110322

E onte, pleno

Con pouca asistencia, e menos despois do ecuador, tivo lugar onte un pleno longo en puntos, de duración 2h e media ó que faltou Horacio Cupeiro, contando pois o BNG con só tres edís no mesmo. O pleno non foi polémico, senón máis ben de acordos xerais e outros de xeometría variada respecto a anteriores ocasións, e nel tampouco se presentou unha moción conxunta sobre a petión de retorno do xulgado a Ribadeo.
A relación de asuntos foi:
1.Aprobación da acta anterior
2.Decretos da alcaldía
3.Cambio de representante do PP nunha comisión
4.Representantes na mesa local de comercio
5.Adhesión ó convenio Xunta-Fegamp sobre administración electrónica
6.Aprobación inicial da ordenanza de administración electrónica.
7.Modificación da taxa de servizo do mercado
8.Cambio de nome da concesionaria do matadoiro municipal
9.Convenio con Coniproma
10.Convenio con Coniproma e Anselmo
11.Aprobación inicial de convenio con Isabel Arias
12.Escrito de recoñecemento de dominio na parte posterior do colexio Sagrado Corazón
13.Aprobación de novo trazado de camiño en Arante
14.Moción do BNG polo plan de emprego feminino e apoio das mulleres
15.Proposta da alcaldía da representación do concello na xestora mixta Concello-CCA
16.Moción de UPRi para facilitar a instalación de empresas no polígono
17.Rogos e preguntas
Asemade, ó final, deuse contestaciónás tres últimas preguntas de O Tesón, esquecendo as anteriores, de hai xa catro meses, que esperemos sexan contestadas no seguinte ordinario...
En canto ás preguntas contestadas neste, fórono ausentándose primeiro Balbino Pérez e logo outra representante do PSOE:
Do xulgado e as sinaturas presentadas, non se sabe nin se fixo nada, nin se recibiu acuse de recibo. Tampouco sobre o actual edificio adicado ó xulgado, e non se espera facer nada pois quedan dous meses para as eleccións e poderíase comprometer un futuro equipo de goberno.
No relativo ó mercado, o alcalde entende que a pregunta é referente a manteiros actuando nel, e di que a policía Local e o encargado do cobro teñen orde de levantar inmediatamente os postos que non paguen.
En canto ás dúas comisións, aclara que non é responsable o que digan os representantes, pero que lle consta que a nova comisión está ben constituída, aínda que non ten todos os detalles. A subvención de 2010 serálle pagada á anterior comisión, e aclara asemade que non quere entrar en polémica sobre o tema.
O desenvolvemento dos puntos, despois de aprobada a acta, pasou polo detalle de varios decretos da alcaldía preguntados polos diversos grupos, quedándome con dúas facturas por un total de 1 400 € para o mantemento do ascensor da Atalaia (que sairía despois tamén a conto de cartos), 6 000 € para o aluguer da carpa (só) para o mercado do Nadal, 6 189 € para a Mancomunidade de concellos da Mariña, da que se preguntou se seguía a funcionar e se era a cantidade correspondente a un pago ou a varios (resultou ser de varios anos, pero sen especificar), os 10 000 € de custe do novo vestiario (completo, incluíndo por exemplo, botas) da Policía Local e a devolución de varias cantidades, a maior, de 500 € a varios mercaderes dos mércores a raíz da sentenza do contencioso administrativo que lle deu a razón ó concello sobre o sistema de cobro pero axustou que algún cálculo estaba mal feito.
O cambio de representante do PP nunha comisión non tivo discusión.
Os representantes na mesa local de comercio son necesarios para a constitución da mesma. Son 'representantes natos' na mesa o alcalde e o secretario, e está estipulado que haxa un representante da Unión de Consumidores de Ribadeo e outro de ACISA, así como 1 representante da administración autonómica e dous do concello. Foi proposto polo alcalde que foran representantes dos dous grupos maioritarios, e por UPRi que foran un do goberno e outro da oposición, retirándose da votación para este segundo o propio goberno. Comentario de Andina a conto de repetidas acusacións de pacto PP-BNG: 'entendo que tenten aunar esforzos, ainda que non teñen pacto'. O PSOE tenta meter a proposta de que cada grupo presente o seu candidatos, pero non é aceptado por secretaría ó contravir a normativa de funcionamento a presentación no momento. é aprada a proposta da alcaldía por 7 (BNG-PP) contra 5 (PSOE-UPRi), o mesmo resultado que na elección de candidatos: Vicente Castro e Jesús López. Unha nota: neste punto e noutro posterior non pode deixarse pasar a súa relación co regulamento de participación cidadá, pois trátase de comisións participativas, pero a nivel de participación empresarial
A adhesión ó convenio Xunta-Fegamp sobre administración electrónica e a aprobación inicial da ordenanza de administración electrónica foron por unanimidade.
A modificación da taxa de servizo do mercado foi aprobada cos votos en contra de UPRi, quedando o pago mensual os primeiros mércores e non establecendo pago para os domingos. Houbo algunha discusión por discrepancias, aportando UPRi, por exemplo, que así non se pagaría tódolos meses igual.
O cambio de nome da concesionaria do matadoiro municipal deu lugar a algunha intervención para aclarar que houbera unha compra societaria.
Os convenios foron aprobados sen discusión, o que deu lugar a unha felicitación do alcalde ós grupos por conseguir obxectivos dun xeito común.
O escrito de recoñecemento de dominio na parte posterior do colexio Sagrado Corazón solicitado por Mª Dolores Quelle Rivas a conta de Ramón Bustelo desestimouse por ver que en todo caso, correspondía o recoñecemento ó xulgado.
A aprobación de novo trazado de camiño en Arante non tivo dificultades. Unha observación: a obra será realizada polos veciños.
A moción do BNG polo plan de emprego feminino e apoio das mulleres (e contra o anteproxecto de lei da familia, considerado regresivo polo BNG) recibiu o apoio de tódolos grupos a excepción do PP, dando lugar a unha longa discusión J.Carlos-M. Luz. Recollo dúas citas: J.C. Andina: 'Este país ten un parlamento e nese parlamento fánse as leis' (en relación ó Parlamento galego). F. Suárez: 'O noso fracaso tal vez sexa o despertar de moita xente' (en relación ó fracaso do bipartito, que Andina puxera como proba de que a xente non quería a liña proposta pola moción do BNG). Foi aprobada por 8 (BNG, PSOE, UPRi) a 4 (PP)
A proposta da alcaldía da representación do concello na xestora mixta Concello-CCA, sendo proposta Begoña Sanjurjo a parte da correspondente ó grupo de goberno, por 7 (BNG-PP) a 5 (PSOE-UPRi)
A moción de UPRi para facilitar a instalación de empresas no polígono, incluíndo unha rebaixa do prezo das parcelas e o 50% de bonificación nas licenzas de obra foi rexeitada na súa urxencia polo resto dos grupos, alegando que para comezar necesita de informes técnicos e xurídicos, podendo ser nula de pleno dereito en caso contrario. Foi acusado tamén UPRi de ter sacado antes a proposta nos medios que dilixenciado a tempo no concello para que non fora por vía de urxencia, podendo seguir unha vía normal, respondendo Rivas que mañá (por hoxe) a presentarían para o próximo pleno, e a ver que facían entón.
En rogos e preguntas, menos extenso que outras veces, diversas cousas sobre farolas, espellos en puntos sen visibilidade, conservación de rúas e semellantes, incluída tamén unha pregunta sobre as visitas do ascensor da Atalaia, á vista de que de luz e teléfono foron 2 300€ en decembro e xaneiro, e tamén a formulación como pregunta por parte de Balbino da proposta de Eduardo Gutiérrez sobre a retirada dos 60 €, citando mesmo o refrán usado anteriormente por E.Gutiérrez: 'Morto o can, acabouse a rabia', o que foi contestado polo alcalde no sentido de que estaba en consultas, pero que a sentencia non dicía o que pretendía Balbino.
Nogtas de prensa do concello sobre temas do pleno:
Mercado
Administración electrónica

Ningún comentario: