20110516

Entre o 16 e o 17 de maio



Iste ano o concerto das letras galegas foi o 14 de maio. O por que, non o sei. E sendo unha homenaxe a Hernán, que tivo o seu pasamento na noite entre o 16 e o 17, queda como algo raro. Participamos na última peza músicos que chegamos a tocar con Hernán. Convertiuse así no segundo acto das celebracións deste ano na súa lembranza, despois da inauguración da exposición de Chenchu que aínda continúa e á que corresponden as fotos de embaixo. Por certo, que respecto á foto do tam tam, o movemento ven dado en parte polo mal xeito de facer a foto, pero en parte da idea do propio 3D do cartel nunha exposición que coido que é a mellor disposta das que se fixo na vella oficina de turismo.
Embaixo deixo tamén unhas palabras que lin antes do comezo da música que queda reflectida no programa á beira.
En canto ó concerto, gustoume, e coido que en xeral ó público asistente, que non chegou a encher o auditorio Hernán Naval. Faltou a presentación de Suso, que non a súa voz mediante unha gravación (ligada embaixo), e foi complementado asemade coa voz de Toni Deaño en Os teus ollos.
Por ista volta, non hai gravación,

No X cabodano do pasamento de Hernán
No libro do 5º cabodano da banda aparece un artigo meu titulado 'sonríe para hacer felices a los demás'. Lémbrome a cara que puxo Hernán ó ler o título, crendo por un momento que estaba redactado en castelán. Parecéndolle moita celebración os actos daquela, dixo que a ver que se facía no X cabodano. Coido de que todos nos aledamos de ter feito tanto non só por convencemento que que sobraban méritos para a celebración, senón tamén, a posteriori, porque no X cabodano xa non estaba Hernán. Por certo, o título non era o lema de Hernán, pero cumpria con el ó seu xeito.
Como músico e ex presidente de Amadores, recibín o encargo de dicir unhas verbas neste acto. Teño claro que estamos aquí reunidos por Hernán. E pola música. Tamén que cada quen dos que o coñecimos ten unha experiencia diferente, unha visión propia, pero que Hernán foi, é, único, tanto no sentido de que esas visións diferentes recaen sobre a mesma persoa como no da singularidade que todos nós estimamos. A partir de aí, calquera verba non deixa de ser algo secundario, aínda que poda servir para centrar o conxunto deste cabodano nunha persoa a quen añoramos. En canto a quen non o coñeceu, é posible que lle custe entender o que sentimos.
Quizáis o mellor xeito de acometer este encargo sexa dar algunha pincelada arredor de aspectos de Hernán que aínda que esteñan relacionados coa súa música, son envolventes de aquela ou ó revés, son acubillados por ela, pero dalgún xeito separables. Iso tentarei, consciente de novo de que en calquera caso as verbas quedarán escasas tanto en número como en significado.
Coñecín a Hernán ... así podería comezar, referíndome a unha data determinada, cando andabamos facendo xestións para o nacemento da banda. Pero non, o certo é que fúmonos coñecendo mellor pouco a pouco, e cabe dicir que entre todos, pois é difícil separar moitas veces a persoa do conxunto da súa obra e das outras persoas que acompañaban, cos seus máis e os seus menos, pero sempre cun apoio no contraste que recoñecía a boa vontade e o traballo mutuo. Respecto a isto último, Hernán era esixente. Vía a esixencia como unha necesidade. E daba exemplo ó tempo que podía disculpar os erros, pero non a falta de esforzo. Os que estabamos dirixidos pola súa batuta sabíamos desa necesidade e do seu criterio. Aprendímolo no medrar dunha banda que tivo que comezar con pouco máis que lembranzas de música popular doutros tempos, daquela vistos como gloriosos.
Traballo e esforzo, a máis de condicións naturais, claro, fundamentaron pola súa parte unha obra que non foi só musical, senón, e coido que sobre todo, social, nun entronque da súa adicación vital á música con ideas políticas e filosóficas que configuraron a súa vida tanto como aquela. Entre os que o tratamos na época ribadense, perdura o ritmo musical a carón do marcado polos artigos no semanario e nos xornais, con mistura de ideas de acción e ideoloxía con sátira, historia ou pedagoxía. O libro que está a saír lembrará algúns puntos desta literatura que axuda a comprender a Hernán tanto como a música, e que lle era tan necesaria como aquela para facerse comprender entre xente que non vivenciaba a música como el.
Fixo da banda unha familia e unha institución que rendía resultados. Pero primeiro, unha familia. Hai que lembrar que como en calquera familia, tamén había broncas, pero como en toda familia ben avenida, pesaban máis os bós momentos. E iso tradúxose en que a banda fómola todos, e, ó tempo, con cariño e orgullo. Así, se se plantexa a alternativa se naquel tempo había discusión ou charla amistosa, a cousa estaría solucionada de antemán. De calquera xeito, dándose o caso, sería unha discusión amistosa. Non é unha contradicción o sinalar que non sempre era así, lembrando que para quen ten as cousas claras o falar e actuar leva a moitos roces, que aínda que se pretenda que non sexan cortantes, ás veces sóno.
Cunha tremenda ilusión levou á banda a comezar unha vida musical co Coro de peregrinos do Tannhäuser ou West Side Story, misturados cunha peza vencellada a Ribadeo como Katiuska e outras máis tradicionais de banda... Hernán fixo entrar a banda pola porta grande á vida musical, cunha visión ampla, e así a mantivo. Despois, esforzouse e mesmo, e como un detalle accesorio pero clarificador, cónstame que puxo cartos do seu peto. Era a súa banda, coa que compartía a música. Era un apéndice del. Director da academia de música e logo da escola? Hernán. Profesor? Hernán. Director da banda? Hernán. Tamén era quen suplía ou complementaba moitas veces o traballo da directiva da Amadores...
É obvio que non todas as pezas musicais eran iguais para el. Así, podemos observar como un corte interno respecto ó himno galego: como símbolo, non só era consciente da súa importancia e significado, senón que o asumía plenamente. Musicalmente, facía a vista gorda: era unha peza máis, en tódolos sentidos.
Un último comentario, a conto do cartel deste concerto. Lembroume que unha foto pode desencadear unha crise, alomenos en forma de faladurías. Mesmo cando non é dun. E por motivos ben diversos. Dous exemplos que lle tocaron a Hernán, amigo das imaxes e da imaxe -aí está a exposición de Chenchu para testemuña- son a foto do cu no piano e a do primeiro CD, reproducida no cartel actual. A vista dun vello Mirasol contemplado por un home de costas deu pé a que se falara que era el mesmo, que se proxectaba así na foto a modo de autopromoción. Aínda hoxe non sei quen pode ter sido, pero é evidente que non podía ser el, e, aínda no caso de ter podido ser, coido que o significado non sería o deixar a súa imaxe, senón algo máis achegado a que o interior, a música, é de Ribadeo e dirixido ó amplo mundo ó que a mercadoría pode chegar dende Mirasol. A outra, ilustrando o seu artigo para o libro do 5º cabodano da banda, suscitou naquel momento comentarios de indignación por amosar o traseiro. Hoxe, unha vez pasado o episodio, queda sinxelamente como unha mostra de que a música pode ser algo de disfrute familiar.
Poderíanse dicir moitas cousas máis, en relación á literatura, á política, á música, pero alomenos para os que aquí estamos non é necesario repetilas. Que conste únicamente que Hernán non estaba só, pero ó partir, deixounos máis sós ós que quedamos.
Antonio Gregorio Montes, Ribadeo 14 de maio de 2011




Ningún comentario: