20110929

Patrimonio Municipal I -Artigo de Evaristo Lombardero-

PATRIMONIO MUNICIPAL I

No pleno municipal de Ribadeo do pasado 19 de setembro, entre outros asuntos, tratouse a solicitud da Comunidade do Monte Cordal de As Anzas que pretende a devolución dunha parcela onde se atopa a antiga escola, pechada dende hai moitos anos, que actualmente presta algúns servicios sociais e culturais aos veciños de As Anzas e mais a outros colectivos do concello (grupos musicais). O Sr. Alcalde e mais os grupos da oposición xa deron conta deste asunto aos medios de comunicación, pero, dende o meu punto de vista, expuxérono dun xeito excesivamente sinxelo e coido que exixe un análisis mais amplio.
Véxamos, xa que logo, os antecedentes da cuestión.
1º Dende tempo inmemorial os veciños de As Anzas utilizaron o seu monte comunal para rozas, leña, pastos etc. A partir do ano 1.948 a dictadura do Generalísimo Franco prohibiu o uso do monte aos veciños e o Patrimonio Forestal prantouno de piñeiros. O rexime de Franco expoliou miles de hectáreas de monte veciñal e deu a sua xestión aos concellos, diputacións e Patrimonio Forestal. A política do réximen consistía en prantar especies de crecemento rápido (piñeiro, eucalipto) sen recoñecer os dereitos dos veciños, cuxa propiedade se negaba en base á falla de entidade xurídica da parroquia, barrio, lugar etc. Ao longo de toda Galicia houbo infinidade de protestas, “resoltas” a culatazos, multas e alguna vez a tiro limpio. Un rapaz foi baleado e morto en Mazaricos no 1.962. A cotío as brigadas da forestal eran reforzadas polas “brigadillas” da garda civil para plantar os montes a punta de metralleta. Folga suliñar que os alcaldes, concellais, funcionarios, deputados provinciais, etc. tiñan clarísimo que o monte era “patrimonio” dos concellos, deputacións ou da forestal.
2º Neste contexto, nos anos 1.958-59 construiuse a escola de As Anzas nun anaco do monte comunal, que funcionou ate a apertura de Grupo Escolar de Ribadeo, nos anos setenta. Recentemente fíxose algunha pequena obra de conservación e presta algúns servicios que xa comentamos mais adiante.
3º No ano 1.975 o concello de Ribadeo inscribiu no Rexistro da Propiedade a parcela ao remate da concentración parcelaria. Compre suliñar, para os mais desinformados, que Franco finou precisamente no mes de novembro do 75. As primeiras eleccions municipais democráticas foron no 1.979. Polo tanto o concello non comprou, nin herdou, nin adquiriu por troco a parcela devandita. Simplemente inscribiuna e dende enton pertence ao patrimonio municipal.
4º No ano 1.968 publicouse a Lei de Montes Veciñais en Man Común. Esta norma creaba a figura do monte veciñal en man común, “indivisible, intransferible, inembargable, inalienable”, recoñecia á comunidade de veciños como propietarios e creaba o Xurado Provincial de Montes como organismo encargado de avaliar a propiedade comunal da veciñanza. O regulamento de aplicación desta lei é do ano 1.970, pero non empezou a “funcionar” ata comezos dos oitenta, cando a situación sociopolítica comezou a mellorar. Miles de hectáreas de monte pasaron ás mans dos veciños en toda Galicia e Asturias. Pero os concellos e deputacións raramente colaboraron na tramitación dos expedientes. Os veciños tiveron que contratar abogados, gastar os cartiños, viaxes, etc. A democracia nacía moi coxa e moitos dos que defendían os montes comunais na oposición ao franquismo, cando tocaron poder esqueceron os proxectos de xuventude. Había que ser “realistas”, era patrimonio do concello.
De feito os montes veciñais nunca volveron a ser o que eran. Moitos particulares aproveitaron as circunstancias para inscribir predios ao seu favor e moitas comunidades veciñais, ben por non ter líderes, pola urbanización, polo envecellemento e despoboación e por non enfrontarse ao caciquismo, sempre dominante, renunciaron a recuperar o uso de moitos miles de hectáreas de monte comunal.
5.- Esta é unha historia nunca rematada, que chega ata os nosos días. Anacos de monte veciñal seguen sendo motivo de demandas, aquí e acolá. No pleno municipal do 19 de setembro de 2.011 o Sr. alcalde de Ribadeo e o seu grupo votaron en contra da solicitude dos veciños porque é “patrimonio municipal”.
En Ribadeo e perto de Ribadeo hai polos menos tres casos de restos de monte comunal que deron pe a pleitos ganados polas comunidades veciñais nos últimos anos, sempre ca oposición da Xunta e os concellos. Pero eso queda para o próximo número.
Polo de agora que lle quede claro ao Sr. alcalde e ao seu clon, patrimonio municipal si, pero herdado do franquismo.

Evaristo Lombardero Rico
Nota: Esta parte do pleno foi tratada moi brevemente no blog.
Continuación: Patrimonio Municipal II

Ningún comentario: