20110930

Sobre o verán en setembro

Levamos un verán raro, e un mes raro. A Pedro Murias ten un rexistro de temperatura máxima de onte de 29,8ºC na súa estación automática. Isto fai que o mes actual sexa xa o setembro con temperaturas máximas máis altas do século, se ben a media máis alta lévaa polo momento o 2006. En canto ás temperaturas dentro do ano, vese que a lectura de onte é a máis alta, ainda que a media queda polo momento unha décima máis baixa que a do mes pasado (xa veremos que ocorre coa temperatura de hoxe)
Relación de temperaturas medias e máximas do mes, nos meses de 2011 ata o momento

Temperaturas máximas dos días de setembro do século

Temperaturas medias dos días de setembro do século

Temperaturas máximas dos días de setembro do século e media das máximas

Temperaturas medias dos días de setembro do século e media xeral

20110929

Patrimonio Municipal I -Artigo de Evaristo Lombardero-

PATRIMONIO MUNICIPAL I

No pleno municipal de Ribadeo do pasado 19 de setembro, entre outros asuntos, tratouse a solicitud da Comunidade do Monte Cordal de As Anzas que pretende a devolución dunha parcela onde se atopa a antiga escola, pechada dende hai moitos anos, que actualmente presta algúns servicios sociais e culturais aos veciños de As Anzas e mais a outros colectivos do concello (grupos musicais). O Sr. Alcalde e mais os grupos da oposición xa deron conta deste asunto aos medios de comunicación, pero, dende o meu punto de vista, expuxérono dun xeito excesivamente sinxelo e coido que exixe un análisis mais amplio.
Véxamos, xa que logo, os antecedentes da cuestión.
1º Dende tempo inmemorial os veciños de As Anzas utilizaron o seu monte comunal para rozas, leña, pastos etc. A partir do ano 1.948 a dictadura do Generalísimo Franco prohibiu o uso do monte aos veciños e o Patrimonio Forestal prantouno de piñeiros. O rexime de Franco expoliou miles de hectáreas de monte veciñal e deu a sua xestión aos concellos, diputacións e Patrimonio Forestal. A política do réximen consistía en prantar especies de crecemento rápido (piñeiro, eucalipto) sen recoñecer os dereitos dos veciños, cuxa propiedade se negaba en base á falla de entidade xurídica da parroquia, barrio, lugar etc. Ao longo de toda Galicia houbo infinidade de protestas, “resoltas” a culatazos, multas e alguna vez a tiro limpio. Un rapaz foi baleado e morto en Mazaricos no 1.962. A cotío as brigadas da forestal eran reforzadas polas “brigadillas” da garda civil para plantar os montes a punta de metralleta. Folga suliñar que os alcaldes, concellais, funcionarios, deputados provinciais, etc. tiñan clarísimo que o monte era “patrimonio” dos concellos, deputacións ou da forestal.
2º Neste contexto, nos anos 1.958-59 construiuse a escola de As Anzas nun anaco do monte comunal, que funcionou ate a apertura de Grupo Escolar de Ribadeo, nos anos setenta. Recentemente fíxose algunha pequena obra de conservación e presta algúns servicios que xa comentamos mais adiante.
3º No ano 1.975 o concello de Ribadeo inscribiu no Rexistro da Propiedade a parcela ao remate da concentración parcelaria. Compre suliñar, para os mais desinformados, que Franco finou precisamente no mes de novembro do 75. As primeiras eleccions municipais democráticas foron no 1.979. Polo tanto o concello non comprou, nin herdou, nin adquiriu por troco a parcela devandita. Simplemente inscribiuna e dende enton pertence ao patrimonio municipal.
4º No ano 1.968 publicouse a Lei de Montes Veciñais en Man Común. Esta norma creaba a figura do monte veciñal en man común, “indivisible, intransferible, inembargable, inalienable”, recoñecia á comunidade de veciños como propietarios e creaba o Xurado Provincial de Montes como organismo encargado de avaliar a propiedade comunal da veciñanza. O regulamento de aplicación desta lei é do ano 1.970, pero non empezou a “funcionar” ata comezos dos oitenta, cando a situación sociopolítica comezou a mellorar. Miles de hectáreas de monte pasaron ás mans dos veciños en toda Galicia e Asturias. Pero os concellos e deputacións raramente colaboraron na tramitación dos expedientes. Os veciños tiveron que contratar abogados, gastar os cartiños, viaxes, etc. A democracia nacía moi coxa e moitos dos que defendían os montes comunais na oposición ao franquismo, cando tocaron poder esqueceron os proxectos de xuventude. Había que ser “realistas”, era patrimonio do concello.
De feito os montes veciñais nunca volveron a ser o que eran. Moitos particulares aproveitaron as circunstancias para inscribir predios ao seu favor e moitas comunidades veciñais, ben por non ter líderes, pola urbanización, polo envecellemento e despoboación e por non enfrontarse ao caciquismo, sempre dominante, renunciaron a recuperar o uso de moitos miles de hectáreas de monte comunal.
5.- Esta é unha historia nunca rematada, que chega ata os nosos días. Anacos de monte veciñal seguen sendo motivo de demandas, aquí e acolá. No pleno municipal do 19 de setembro de 2.011 o Sr. alcalde de Ribadeo e o seu grupo votaron en contra da solicitude dos veciños porque é “patrimonio municipal”.
En Ribadeo e perto de Ribadeo hai polos menos tres casos de restos de monte comunal que deron pe a pleitos ganados polas comunidades veciñais nos últimos anos, sempre ca oposición da Xunta e os concellos. Pero eso queda para o próximo número.
Polo de agora que lle quede claro ao Sr. alcalde e ao seu clon, patrimonio municipal si, pero herdado do franquismo.

Evaristo Lombardero Rico
Nota: Esta parte do pleno foi tratada moi brevemente no blog.
Continuación: Patrimonio Municipal II

20110928

Terrorismo

Tentar clasificar o terrorismo en diferentes tipos pode vir ben para o seu recoñecemento e identificación. Pero segue a ser terrorismo, a menos que se lle asigne un tipo concreto a algunha acción esaxerando a súa substancia para impresionar coa nova.
Hoxe por hoxe, de novo, parece que ETA está de capa caída e polo tanto, para cubrir a dose correspondente de terrorismo, a prensa estaría asignando a etiqueta de terrorismo 'financieiro' a outras accións de guante branco. E, certamente, moitas veces ocorre que é unha esaxeración. Pero non todas. O aviso or un auténtico descoñecido da próxima perda de aforros por parte de millóns de pequenos aforadores, ocorrido hai un par de días e comentado onte nos medios escritos, tenta de influenciar o mesmo que predí con motivo de ganar cartos a mesma persoa que o predí (que ó fin, é un tabeirón moi pequeno fronte a outros), traendo como consecuencias, entre outras, o aumento da fame no mundo. É dicir, miles de mortes máis ó ano. E iso é terrorismo.
Non nos rasguemos as vestiduras, pois vénse facendo dende hai tempo, se ben de xeito máis anodino, menos mediático, máis ás agachadas. O caso é que a imaxe pódese representar como un foraxido que, ante un rabaño de ovellas nun cercado, asústaas para levalas cara a unha saída onde poder roubalas mellor. Nos casos normais, os foraxidos sinxelamente as asustan; ó seu xeito, fan un traballo. Pero sempre hai algún chulo que as asusta con algo equivalente á alevosía reforzada de matonismo. A nova deu a volta ó mundo e o matón de televisión convertiuse en famoso, co que elevou o seu estatus e compensoulle o seu matonismo.
O fenómeno chega a tal punto que ata se comenta en algún foro se non será sinxelamente iso: unha especie de autopromoción. Na miña opinión, como están os tempos, non lle fai falta a compoñente de autopromoción, pois 'viña de fábrica', pero non como produto principal, senón como acompañamento.
Mentras, as ovellas, nós, prestaremos máis orellas a tipos como estes, que se convirten do día á noite en mediáticos, que ós case desaparecidos en combate medios serios: seguindo coa imaxe do foraxido, unha vez comezada a estampida das ovellas cara á saída indicada do recinto, se alguén ven opoñerse ó roubo, poderá facer que algunha ovella non saia, pero o resto rodearánno e continuarán o seu camiño cara á saída errónea, pero indicada con espanto.
Por certo, que dicir que o mundo é gobernado por Goldman Sachs, como fai iste home, non é novidade, todo o máis é unha inexactitude (pois necesita de complicidades para ese goberno), e algo que dun ou outro xeito tense visto nos xornais (dende os de papel salmón ós de papel branco) de moitas formas diferentes. O que non quita que a impresión sexa causada pola crudeza con que se di e o ampuloso desprezo (e menosprezo) dos teóricos representantes da xente, os políticos.
No medio, outras novas axudan á espantá, aínda que pretendan o contrario. Así, en Espaa onte os medios daban tamén a nova da adxudicación de letras do tesouro sen poblemas por aumento da demanda, pero a costa dun maior interese que haberá que pagar cun maior esforzo... Non, se dende que hai que coller número e facer colas nos bancos ...

20110927

Fotos de curiosidades ribadenses destes días

Obras en Mirasol para ampliación da fronte á ría de ribadeo
Ribadeo está cheo cada dous por tres, de 'últimas fotos' ou ó revés, 'primeiras lembranzas', porque para ben ou para mal, está en movemento contínuo aínda que poda parecer que non. As seis fotos de hoxe testemúñano, despois de seren tomadas todas onte.
A primeira é do comezo das obras para aliñamento da fornte de Mirasol cara á ría de Ribadeo. Á beira, unha draga destemuña que a ampliación de ancho do espolón non está soa na andanza, senón que ás obras en terra correspóndenlle tamén obras na ría.
Barreira no porto de Ribadeo
A segunda foto pode chamar a atención porque é algo que poucas veces se ten visto por aquí, unha barreira. Coido que o motivo pode verse se se fixa un na cor da auga dentro e fóra da barreira (hai unha lingua da cor de dentro da rada, onde está a draga, xurdindo á saída da dársena, aínda que o conraste na foto é pequeno)
Bloques para a ampliación de Mirasol
 Os bloques para empregar en Mirasol están facéndose  no antigo recheo dos noventa, a carón da lonxa. Por que non están en Mirasol? Pode que parte da resposta esteña dúas fotos máis abaixo. Por certo, a caixa de camión que se ve ó fondo corresponde á loita contra incendios. O que fai alí, non o sei.
O polígono, comezando a desenvoltarse
Fóra da zona do porto, o polígono industrial vai lento, peo esperemos que seguro. A primeira nave xa ten a estrutura metálica como pode verse. A que empresa corresponde, non o sei.
Mirasol como almacén de madeira
 Esta foto tamén é do porto, pero podería ser tido tomada hai un par de semanas con pouca diferenza. O último recheo de Mirasol, almacén de madeira.
A ponte, iluminada
E isto é, claro, a ponte dos Santos iluminada. Unha imaxe que coa controversia destes derradeiros tempos entre Ribadeo e Castropol polo pago da luz, pode deixar de ser habitual por un tempo.

20110925

Xelís de Toro

Xelís, nun momento dos seus movementos e expresións.
Xelís de Toro non é novo en Ribadeo. Ten participado máis dunha volta nas xornadas Mar por Medio. Onte ofreceu un anunciado como recital poético na Casa das Letras. O salón estaba ocupado por xente que escoitamos primeiro a presentación por parte de Manel, director do IES Gamallo Fierros e concelleiro polo PP. A presentación xa non foi ó uso, ambos de pé diante da mesa e relembrando non unha biografía esquemática senón un salpique biográfico entre varios puntos concretos ilustrativos de diversos momentos vitais do protagonista. Logo pasou a cousa a Xelís. O movemento ou sinxelamnte, os complementos, deixan de ser tales para converterse en parte integrante de algo que eu non chamaría poesía, senón sinxelamente actuación, sen aplicarlle dun 'de' detrás (non de teatro, no de ...). En un par de tempos foron os xestos de complemento os que levaron a pauta das verbas. Noutro, foi precisamente a falta deses xestos que deixou á palabra núa, Nutro en fin, o uso dun reprodutor que ía acumulando repeticións creou unha atmosfera agobiante que se desfixo co seu apagado. Unha actuación curta, pero curiosa que recomendaría se non tivera pasado xa.

20110923

Pasándose

Unha máis de políticos. O de onte e antonte no consello da tve é unha pasada. Agora resulta que os políticos queren intervir 'direitamente' (indireitamente, levan tempo facéndoo) nos telediarios. E non só iso, senón que, ó seren descobertos, aparece un mar de contradiccións. A pesar diso, a volta atrás aínda non se ve. Tampouco se ven os políticos de recambio ...
Algunhas ligazóns:
No blog de E. Dans
Resposta dos traballadores
Un detalle, entre outros rocambolescos
Nota do 20110923: marcha atrás

20110922

20110919 pleno (III)

Despois da acta, os 15 asistentes (no momento de máxima audiencia), aceptaron a renuncia de Francisco Rivas Álvarez, a quen se lle desexou o mellor, pero quen non estaba para escoitar o desexo. Si estaba entre o público o segundo da lista, que o substituirá e que estivo tomando notas, supoño que para o artigo correspondente na Comarca.
A imposición e ordenación do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana deu lugar a discusións, pero non demasiado agrias. Trátae dun imposto municipal sobre plusvalía. Destacouse polo representante do PSOE que non houbo unha imposición tal en Ribadeo dende hai moito, e que mellor era diminuír gastos, liñas ás que se sumou o PP. O BNG destacou que xa se gasta menos, pero que se reciben menos cartos e as cousas costan máis, que foi contestado á súa volta dicindo que ós veciños non se lles ocorre contratar servizos sociais subindo a luz, ou preguntando por que se deben facturas se o concello está tan ben, ou mesmo que pagas pouco, pero pagas polo que xa é teu. Foi aprobado por 7 votos contra 5.
A resolución de alegación e aprobación definitiva de ordenanza reguladora de apertura de establecementos para o exercizo de actividades non sometidas a avaliación de incidencia ambiental e a resolución de alegación e aprobación definitiva de ordenanza fiscal reguladora da taxa pola realización de actividades administrativas de inspección, control e verificación de actividades en réxime de declaración responsable foron tratadas xuntas, aínda que con resultados diferentes: 8 a favor contra 4 abstencións no primeiro, e 7 a favor contra 5 en contra no segundo caso. En ambos se desestimaron alegacións dende a aprobación inicial. No segundo caso, trátase da trasposición dunha directiva europea.
Os festivos locais para o 2012 non causaron incordio: 16 de agosto e 8 de setembro.
A representación titular e suplente como representantes do Concello na rede galega de Concellos pola sostibilidade recaeu en Horacio Cupeiro e o alcalde non tivo inconvinte en renunciar á suplencia en favor de Campo Braña (PP). Foi aquí cando Eduardo Gutiérrez cualificou de idilio a relación entre PP e BNG, sendo contestado por M. Valín no sentido de que non insista no pacto, que abondo mal xa lle foi nestas eleccións. Resultado: 11 a favor, 1 abstención.
O punto 8º, designación de representantes titular e suplente no Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria, onde os representantes son concellos, foi fariña doutro costal. Quedaron propostos 3 representantes con participación do BNG, Monforte, Mondoñedo e Ribadeo, nunha votación con 7 a favor, 4 en contra e 1 abstención. Evito máis referencias á discusión de defensa/ataque á proposta, mantida dun xeito asimétrico en supostas bondades e alusións ideolóxicas, respectivamente.
A reclamación previa da comunidade de montes en man común Monte Cordal, en relación a finca de titularidade municipal foir rexeitada (7 contra 5 abstencións) tras informe pericial. Houbo chamamentos á negociación, pero parece que pasou o tempo de negociacións, tendo en conta que no 2001 concedéuselles parte do monte ós veciños e ademáis, xa que houbo unha reclamación por vía administrativa, ten que ser respostada do mesmo xeito.
O punto 10º foi o batiburrillo previsto (control dos órganos da Corporación; dación de contas, decretos da alcaldía, rogos, preguntas), con varias roldas  e división do punto en tramos. Destacou algunha cousa, como a petición de máis control na concesión de licenzas por parte do concello, ou a cita do alcalde (para lembrarllo algunha vez, e provocar ou tentar provocar a súa aplicación) de que 'é mellor parar as cousas cando están quentes'. O PP preguntou se, como o gabinete de prensa se paga con cartos públicos, o podían usar tamén eles, sendo respostados que estaba para o equipo de goberno. Aludiu asemade pola traída a pleno da decisión sobre uso do edificio de alxinatos, e preguntou sobre o problema cos traballadores, se  se tiñan esgotado os medios, así como pregou evitar os medios de comunicación, aludindo ademáis ó descoñecemento da importancia do caso, sendo respondido que son moitos os casos. Preguntouse sobre o(s) novo(s) aparcamento(s) [nos alredores da piscina, das monxa e da nova glorieta], incluíndo a resposta unha alusión a que agora dase o fenómeno de oferta de terreos ás veces mesmo para non ter que desbrozalos. Asemade, fixo a suxerencia de declarar ben municipal ós cocos, facendo pé en que non saíron no último libro das festas (algo que foi tratado xa no blog) e asignar nha axuda para a xente que se encarga -voluntariamente- da súa conservación, sendo contestados que xa se fai o pago de materiais na actualidade.
Preguntouse tamén polo tema da limpeza do cantón, incluíndo a resposta unha alusión a unha próxima ordeanza de terraza (que sería repetida despois nas preguntas de O Tesón), e fíxose a suxerencia de atopar un lugar público para amosar obras doada de artistas ribadenses.
11.Moción do PP sobre o catálogo priorizado de productos farmacéuticos. Moción tipo, igual que a que lle sucedu. Votou en contra o representante do PSOE, rexistrándose 10 votos a favor por falta dunha concellala do BNG. A defensa da moción aludiu ós principios de principio activo, medicamento xenérico e racionalización do gasto, mentras Eduardo Gutiérrez aludiu a que, segundo el, a Xunta aforrara máis cando estivo suspendido o catálogo que cando non.
12.Moción do BNG sobre devolución correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos ingresos do Estado. Foi de discusión algo máis longa, e nel o BNG aludiu a un maior aprazamento da devolución da débeda dos concellos, á necesidade de garantir o gasto corrente, e  reforma de cotas de participación para incluír a dispersión de poboación que se da nos concellos galegos. Asemade, mentou á Xunta na proposta,o que deu lugar á negativa do PP, cunha votación final de 6 a favor e 5 en contra. Un dato: na actualidade o caso de Ribadeo implica 84 000 €/ano durante 4 anos de devolución. Tamén, os poulares aludiron a unha moción do seu grupo redactada de xeito diferente que,como o BNG ten maioría, xa non presentan.

20110921

20110919 pleno (II)

Ben, atrancos impídenme a primeira hora de hoxe seguir comentando o pleno. Deixo entón como substituto provisional e contrapunto do resto do meu comentario a ligazón ó comentario do equipo de goberno na web do concello.

Comunicado pola educación

Esta carta pretende informalos da situación pola que atravesa neste momento o ensino público despois dos recortes feitos pola Consellería de Educación. A nosa intención é buscar a implicación de pais e nais na educación dos seus fillos, cando menos o seu apoio moral e a súa comprensión cara algo que nos afecta a todos: profesores, alumnos e familias.

¿Que é o que esta a pasar?

Despois de, por exemplo, suprimir a gratuidade dos libros de texto no curso pasado, neste diminuíu drasticamente o número de profesores, aumentouse o horario lectivo, imposibilitando o desempeño doutros labores, e encárgaselles por primeira vez a estes tarefas que non lles corresponden (gardas de transporte escolar).

Nos centros de ensino, e no noso en particular, os recortes están tendo como consecuencia que:

-Non hai profesorado suficiente para cubrir as gardas lectivas, e poder así substituír aos que, por calquera motivo, non poden impartir a clase.

-Non hai profesores para atender a biblioteca, o cal repercutirá no servizo de préstamo e demais actividades desenvolvidas nela.

-Non se poden atender todas as necesidades educativas existentes, como proxectos educativos, atención a alumnos con dificultades, etc.

-Existe profesorado que ten que impartir materias das que non é especialista.

Mentres nos explican que o motivo dos recortes é a necesidade de aforro pola crise, as axudas ó Ensino concertado e privado van en aumento.

O ensino é un dereito que temos e non un privilexio; nas nosas mans está defendelo. A súa participación é importantísima: pidan explicacións, infórmense de cómo afectan os recortes aos seus fillos, protesten ante as autoridades pertinentes. Vostedes son destinatarios deste servizo público, por iso lles pedimos comprensión, solidaridade e IMPLICACIÓN.

Asinado: Profesorado do IES Porta da Auga.

20110920

E a luz fíxose... para as compañías eléctricas

Iso parece en Ribadeo. Hoxe, un novo corte de luz duns 3/4 de hora asolou a vila. A min fastidioume unha tarde de traballo. Supoño que ó comercio lle fastidiaría dun xeito proporcionalmente superior.
Reclamar? Sendo un particular? Xa hai dificultades cando se estropean aparellos (cando rematan de estropearse, non as veces que os van desfacendo ata esa última ...), e máis cando o que se estropea é o traballo dun e non pode dicir que deixou de gañar, porque o traballo na casa non conta, non se ve, non se considera ...

20110919

20110919 pleno (I)

Comezando polo final, as preguntas de O Tesón, que foi o último contestado, xa fóra do pleno, coma sempre:
As de novembro pasado ...
1.Tendo xa inaugurado o ascensor, e vendo a súa necesidade de coidados, solicitamos coñecer o estudo económico para o seu mantemento e funcionamento, ou, no seu defecto, o custe de mantemento dende a inauguración ata a actualidade.
A resposta foi taquigráfica:  No 2011, 2012 € de diversas facturas, 812 € de electricidade e falta algún cargo de limpeza esporádica. Proxectando o resultado ó ano, saen uns 4 000 € (o alcalde citou 'arredor de 3 000', pero non me saen as contas). Entendo ademais que o mantemento é algo máis que luz, limpeza e contrato coa compañía do ascensor.
2.Vendo que segundo art. 38.1 do “Regulamento Xeral de Circulación”, está especificado que “os condutores de bicicletas maiores de 14 anos poderán circular polos arcenes das autovías, salvo que por razóns xustificadas de seguridade vial se prohíba mediante a sinalización correspondente. Dita prohibición complementarase cun panel que informe do itinerario alternativo”, notamos que no caso da autovía en Ribadeo aparentemente se cumpre isto. Por elo, solicitamos saber por que non hai itinerario alternativo ou por que non se elimina a prohibición expresa que aparece na entrada da autovía, ou alternativamente, as xestións realizadas para a normalización da situación.
A resposta: está feita unha reclamación verbal, pero farase unha reclamación escrita por non ter tido tempo antes (ao ter 'perdido' as preguntas: son as de novembro...)
E as deste mes ...
Tendo medido este verán só no eixo parque - xardín, sen rúas adxacentes, só terrazas (cubertas, descubertas, con mesas, con bocois, cerradas, abertas, con pantalla, sen ela, a unha beira, a ambas, ...), máis de 1 000 m², e xa que pode ter aspectos positivos o aumento de terrazas, pero seguramente deba marcarse algún tipo de límite ou condición, solicitamos coñecer as condicións de concesión e a recadación efectuada por este concepto.
Depende dunha vella normativa que está a revisarse para ser presentada ó pleno en breve. Non saben canto importa, pero a tarifa está en 5,88 €/m2.Máis resposta, non houbo.
Habéndose recibido polo concello unha nova partida de bicicletas dun comercio recentemente instalado en Ribadeo, e descoñecendo o paradeiro das anteriores, solicitamos coñecer que se fixo coas bicicletas anteriores e por que, así como os resultados da súa instauración.
O resultado, positivo ... e as vellas? a bo recaudo en dependencias municipais para chatarra. Antigüidade? 6-7 anos ...
Por certo, ó anunciar o alcalde a contestación das preguntas, Eduardo Gutiérrez levantouse. Ó velo, o alcalde dixo algo así como que claro, o pleno estaba levantado, por se quería irse alguén, ó que houbo respostas negando coa cabeza. Contrastes.

Por fin, os plenos na web do concello

Coido que sirva para aumentar a participación. Polo momento, un intento máis. Corto e pego dende a web do concello:
"

SESIÓN ORDINARIA ÁS 20 HORAS

Pleno o vindeiro luns

O vindeiro luns, 19 de setembro, haberá pleno no Concello de Ribadeo. A sesión ordinaria dará comezo ás 20 horas. Entre os puntos que se abordarán figuran: a aprobación, si procede, da acta anterior correspondente á sesión ordinaria de 11 de xullo de 2011; renuncia do concelleiro de Unión do Pobo Ribadense -UPRI- D.Francisco Rivas Álvarez ao posto de concelleiro; imposición e ordenación do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana; resolución de alegación e aprobación definitiva de ordenanza reguladora de apertura de establecementos para o exercizo de actividades non sometidas a avaliación de incidencia ambiental; resolución de alegación e aprobación definitiva de ordenanza fiscal reguladora da taxa pola realización de actividades administrativas de inspección, control e verificación de actividades en réxime de declaración responsable; festivos locais para o 2012, de conformidade co disposto no Decreto 128/2011, de 30 de xuño; designación de vocal titular e suplente como representantes do Concello na rede galega de Concellos pola sostibilidade; designación de representantes titular e suplente no Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria; reclamación previa da comunidade de montes en man común Monte Cordal, en relación a finca de titularidade municipal; control dos órganos da Corporación; dación de conta, decretos da alcaldía, rogo, preguntas e mocións (unha do PP sobre catálongo priorizado de productos farmacéuticos e outra do BNG sobre devolución correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos ingresos do Estado.
"

20110915

1M€ ou a desaparición da clase media

Remato, por casualidade, de ver un telediario da 1 case enteiro (refírome á parte que corresponde a España), a verdade é que non sei moi ben que coller, porque que comentar, hai.
Collo o imposto do patrimonio. Resulta que se quitou hai un par de anos e agora pónse (provisional!) de novo, máis debilitado do que estaba. Iso indica craramente unha política asemade crara ... E os comentarios son sabrosos. Por exemplo, unha política (enténdese de profesión, que non de actuación) que di que o límite (1M€, sen entrar en detalles de deduccións e cousas polo estilo) é moi baixo porque afectará á xente de clase media baixa. Tíñame considerado (sen pensalo moito,é certo) de clase media, pero está visto que me equivocaba en alomenos un orde de magnitude ... Pero é que desapareceu a clase media, pois afectará a 160 000 familias, segundo previsións, co que a 'clase media' (incluíndo a clase alta) queda reducia a unha élite do orde do 1% do país... Ou outro político que di , a conta do imposto, que é hora de pedirlle un esforzo ás rendas maiores (despois de enterármonos que sas rendas maiores contrbúen aquí cun tipo inferior ata o inglés, nada sospeitosos de redistribución, e mesmo sen contar coas posibilidades tipo sicav ou aproveitamento de paraísos fiscais, ampliamente difundidas ó que parece)
E mentras Rubalcaba lembra de novo que a medida é provisional, e que durará, espera, menos dous anos (nunha toma de imaxe na que está sobreimpresa o lema da súa candidatura, lembremos, nun telediario) unha representante do PP apúntase ó 'nós máis', dicindo que o PP retirará antes  imposto, porque van facer unha política que permitirá retiralo ... 'mesmo antes do 1 de decembro de 2013'. Pregúntome se os recortes en educación xa afectaron á formación desa señora no momento no que aprendía a manexar (sumar, restar) datas ... E é unha soa das novas ...

20110914

Valoración das festas da patroa Ribadeo 2011

En fin, as festas chegaron ó seu fin. E xa comezaron a aparecer nalgún medio queixas, como a que apareceu na Comarca queixándose do sitio, ou no Progreso coa queixa do ruído.
Por iso, tentando contribuír a mellorar as festas, ocorréuseme lanzar unha enquisa sobre o seu desenvolvemento. Fixen un esquema que espero que axudedes a mellorar para outra ocasión, escollín unha páxina que permite ata 100 contestacións por enquisa, por iso poño abaixo xa un par de copias; segundo como vexa a cousa, á noite ampliarei a outras copias a posibilidade. Algunha nota: non se pode contestar máis que unha vez dende cada ordenador, e hai preguntas que son de resposta obrigada ...
As respostas serán recollidas e pasaránselles a organización e concello polo menos. Estarán abertas uns 10 días. Máis? Vos diredes.
Satisfacción coas festas da patroa - Ribadeo//enquisa pechada 20110923
Copia de Satisfacción coas festas da patroa - Ribadeo 2011 copia 1//enquisa pechada 20110923
Copia de Satisfacción coas festas da patroa - Ribadeo 2011 copia 2//enquisa pechada 20111107
Post relacionados

20110913

... e a luz fíxose

Comezan de novo (mellor, continúan) os cortes de luz que tanto tipifican a zona, vila incluída. Haberá que protestar á compañía de distribución de novo? A vez pasada non fixo caso nin a cia, nin a xunta, nin o concello, nin ...

20110912

Comentando o día da patroa en Ribadeo. 4 Outros

Queda sempre moito que dicir das festas, comezando por aquelo de que cada un fala da feira por como lle foi nela, pero hoxe só algún pequeno apunte máis.
Grupo (Voodoo Crow) tocando despois das festas - ou durante- (20110909)
As festas foron ampliadas 1 día!. Ían finalizar o oito, pero finalizaron o nove. Por? Nin idea. Coméntase que para facer mais caixa os establecementos do feiral. Foi sobre a marcha, do mesmo xeito que non se avisaron outras cousas, como a actuación da banda. Ou como a actuación de varios grupos de xente nova de Ribadeo (foto enrriba e cachiño de gravación do mesmo grupo abaixo), que foron engadidos á festa pero por fóra da comisión. Ou como dúas actividades organizadas polo Club Ciclista Pedaleo, o circuíto urbano de ciclismo (enésima edición) e o paseo en bici ata o faro, que tivo que cambiar o seu recorrido polo vento de onte

En fin, que foron unhas festas algo raras para o que levan sido, que non quitaron, pero non puxeron, xente á zona centro, que serán lembradas pola falta de iluminación no pobo (a excepción das solitarias lámpadas na praza do mercado) ou polo novo espazo onde a festa pode medrar, ou pola polémica da situación (non do feiral, senón dos fogos, da banda, ...). Cal predominará, iso saberémolo dentro dalgún tempo.
Queda a enquisa, que estou a preparar...

20110911

Comentando o día da patroa en Ribadeo. 3 Feiral

O extremo da zona de ambulantes, en tempo de descanso (mércores ás 10 da mañá)
O recinto feiral moveuse ó aparcamento, razón pola que se habilitou outro aparcamento na nova glorieta do xardín. Non estivo a cousa exenta de controversia, pero coido que en xeral non sentou mal. A pesares de todo, é unha das cousas a preguntar na enquisa de avaliación das festas que colgarei próximamente (por certo, fáltanme preguntas adecuadas, agradécese colaboración)
Arriba aparece un día de diario pola mañá, unha parte da zona de ambulantes (r/Luz Pozo Garza)
Abaixo, a entrada ó recinto feiral dende a Avda. de Galicia (R. Daniel Cortezón)
Entrada ó recinto feiral dende Avda. de Galicia (R. Daniel Cortezón)
A zona central estaba gardada para escoitar a orquestra e bailar, flanqueada por bares. Detrás do observador quedarían as letrinas habilitadas.
Zona central: á beira, os bares, ó fondo o esceario. No medio, espazo para baile e observación.
O aspecto dunha rúa varía moito dun momento a outro: a continuación, a r. Luz Pozo, nun momento de actividade (non moita)
Zona de ambulantes, entre avda. Galicia e Xardín (Luz Pozo Garza)
Distribución aproximada no feiral e zona de ambulantes:
Esquema xeral aproximado de distribución do feiral. En vermello, os escearios das orquestras.
O aparcamento e o feiral:
Aparcamento, con entrada dende r. Alfredo Deaño; na parte inferior esquerda, o feiral.
Un detalle dun posto.
Detalle dun posto de ambulantes, con figuras de lá representando A Panteira Rosa, Songoku, Mazinger Z, Super Mario, ...

Houbo moita xente? Resultou mellor este lugar? Son cousas que se tratarán na enquisa.

20110909

Comentando o día da patroa en Ribadeo. 2 A banda


A banda, preparándose
A actuación da banda non estaba no programa. Aínda que si estaba programada. Tocou coma sempre, despois da procesión, pero no parque, no chan (non lembro de que tivera tocado en situación semellante antes). As cintas resultaban curiosas, pero non evitaron que algunha xente pisara a herba.
Programa do concerto. Nel non aparece Brasiliana, que foi un agasallo.
Case todas as bandas, salvo a terceira (que saiu moi ben, de feito levantou o director a toda a banda, pero non a collín ...)






20110908

Comentando o día da patroa en Ribadeo. 1 A procesión

A patroa saiu en procesión como tódolos anos. Con xente, pero, se collemos a 'cabeza', diante da imaxe, a propia imaxe, as autoriadades e a banda, sobrepasan, como se pode ver abaixo, a xente que vai detrás, que se confunde en parte coa que pasaba no momento polas catro calles, pero só a primeira vista.
Cabeza da procesión

Parafernalia procesional

A procesión e o xentío, separados: procesión por Reinante e xentío por Villafranca-R.Murias

Os fogos do sete, en youtube

En realidade, cousa dos 4/5 iniciais, ou así ...

Collidos dende a beira do matadoiro.

20110907

A ría como depósito de lixo e un contrapunto

Neste agradable, mesmo caluroso ás veces, verán setembrino que estamos a vivir, apetece meterse na ría e nadar un pouco. Se hoxe te vas cara ó tesón da Vila Vella e te das un paseo en marea máis ben baixa, atoparás cunha pequena escultura como a que amoso abaixo
A 'escultura' é un depósito deixado no tesón, coa zona de vaciado e as patas cara enrriba, cunhas dimensións que estimo en 80 cm de beira, ou algo menos. como está preto da zona marisqueira podíase pensar que é un artiluxio deixado alí  ser usado. As patas arriba indican que non é así. Como chegou ó medio da ría (pódese apreciar abaixo nunha imaxe tomada do sigpac que é literalmente 'o medio'), un misterio para min. Aparte diso, simple lixo que representa ademáis un perigo para a navegación.
En vermello, lugar aproximado do depósito. Nos extremos , o espolón dos bloques e a liña de costa do Costal na zona galega, e o peirao de Castropol, na asturiana.
Por certo que no interior da rada dos bloques leva xa moito tempo (dende comezos do verán 2010, creo lembrar) unha rama chantada tamén a modo decorativo que se ve perfectamente a partires de media marea. Se unha rama é algo natural, o depósito non o é, e manifesta unha vez máis, que a ría debera coidarse máis.
Quería ofrecer un contrapunto hoxe, día de festa en Ribadeo aínda que non haxa iluminación especial como outros anos (faría falta?), no que terán lugar esta noite os fogos do sete. Dame a posibilidade unha exposición que está próxima a rematar na Oficina de Turismo, con imaxes tenras e un catálogo publicado que se pode usar para mirar de cando en vez e dar lugar a pensar un pouco sobre a beleza da vida.
Da exposición que hai estes días na Oficina de Turismo, Fraternidade

20110905

é sostible Ribadeo?

Coido que o primeiro sería especificar o sentido de sostibilidade. Coa crise ás costas, mentras hai xente que opina que 'coa crise é razoable pedirlle un esforzo á xente rica de verdade' (como se de esmolas se tratara, en troques de procurar a xustiza social), quizáis non esteña de todo craro. Para min, sostible, mantible, sería o xeito de desenvolvemento, o cálculo da pegada ecolóxica en relación ó territorio dispoñible. Pero, repito, nun momento no que se está pensando na reducción de concellos, aglutinando estruturas pequenas que non se poden manter económicamente dando uns servizos mínimos, podemos comezar por aí, polo aspecto económico.
Ribadeo ó lonxe, dende o pico S. Fernando (Trabada), un dos dous 'tetós' que se usaban para marcar a entrada da ría.

Onte, el Progreso traía na súa segunda páxina unha táboa de gastos e entradas de cartos nos concellos de Lugo o pasado exercicio 2010 (datos do Ministerio de Economía). Se consideramos algún dato máis, collido do INE e facemos algún cálculo, quédanos para Ribadeo e os dous concellos veciños:
Concello .. ... ingresos (€) / gastos2010 _ poboac./extensión (km2)
Ribadeo ... ... 9 031 792 / 8 766 687 _ 9 988 / 108,94
Barreiros . ... 3 055 059 / 3 697 718 _ 3 203 / 72,42
Trabada .. ... 1 231 603 / 1 252 724 _ 1 346 / 82,71
O que nos leva nunha primeira visión a:
- O único concello dos tres que se capitalizou o pasado ano foi Ribadeo
- Aínda que Trabada tivo un orzamento case equilibrado, o conxunto dos tres arroxa un maior endebedamento ó longo do ano
- En ingresos per cápita, o de Ribadeo sería máis pobre dos tres: 904 € fronte a 953 e de Barreiros e 915 € de Trabada.
- En gastos per cápita, a orde é a mesma, pero agravada. Significa isto que Ribadeo ten menos servizos?
- A densidade de poboación é dobre en Ribadeo que en Barreiros e cino veces maior que en Trabada: non só conta para racionalizar os gastos o total da poboación, senón otras cousas, como a dispersión, moi superior relativamente en Trabada respecto a Ribadeo.
Son poucos números, pero aínda obviando outro coñecemento que temos por vivir aquí, dende o tipo de política que poda facer cada concello ó mantemento económico da xente, só con catro número podemos tirar algunhas conclusións, como que a Ribadeo fánlle falla menos cartos relativamente. É dicir, é maís sostible que os dous concellos veciños.
... si, pero, é sostible Ribadeo? Habería que entrar noutras cousas, a parte de un par de fríos números ...

20110903

Seguridade

Os fogos do sete seguirán facéndose na ría. O motivo, a seguridade. A comisión, lamentándoo, despois de recurrir á Subdelegación do Goberno en Lugo.
Coido que os veciños da ría agradeceráno, e aquí non se notará diferenza por ser o que se fixo dende hai anos. Sería mellor preto do recinto da festa? Particularmente, dubídoo polo ángulo de visión e fondo en relación ós que se poden obter na ría, pero tamén descoñezo o lugar exacto no que se pretendía facelos.
Máis aló das estimacións sobre o seu desenrolo, quedan as manobras políticas de fondo, que polo que se deixa ver pola nova, hóuboas, lembrándome outras anteriores nas que tamén participou o Subdelegado do Goberno, cun resultado semellante.
Por certo, a comisión de festas: José Gutiérrez, presidente, Borja Cociña, Luis Martínez, Juan Valle, Jacobo Río, Carlos de la Cuétara, Rafa Moya, Victoria Feito, Roberto Rivas, Javier Gutiérrez y Juan Edrosa.
E un acompañamento diferente: na foto, un complemento novo no porto que aínda non poderá ser usado para estes fogos do sete: a nova pasarela que está preparando Portos de Galicia/CN de Ribadeo e que anunciou onte o Presidente do CN, Mario Coto.
Estado da pasarela antonte, xoves 1 de setembro de 2011
En vermello, situación da nova pasarela, ó sur de Porcillán, á bei do recheo dos 90.

20110902

Somos ricos

Publico isto o mesmo día que sae na prensa a nova da reforma da constitución que di algo parello a que non nos fai falla endebedarnos ... en Ribadeo, había un pavillón vello, e haberá un novo (non outro máis, senón sinxelamente, outro). Un cambio, no que hai montóns de cascallos para aproveitar, e varios millóns de euros, de paso. Á súa beira, un edificio que ía para máis pisos e quedou recortado despois de estar abandoado por motivos xudiciais. Somos ou non ricos?
O que era zona de vestiarios do vello pavillón, que ó que parece, consérvase ¿?

A beirarúa coido que non tiña 1 ano (hai fotos no blog), pero irá metida no mesmo bloque de obra ...

Comentábase que o parqué estaba posto 'como non se fai agora'. Estes montóns de parqué si son de agora.

O edificio comezouse hai tempo, parouse, tomouse outra decisión para a sé do ies, e, recén retomada a obra, este mesmo ano, cortóuselle a parte de enrriba (tamén hai fotos no blog).

20110901

festas da patroa 2011

Co 1 de setembro, poño o díptico de festas que saíu xa á rúa hai uns días.
Patronais, cara externa, con publicidade incluída.

Patronais, listado de actividades
Para comparación con outros anos, xa que este hai modificación de comisión, a parte de modificación de lugar, un par de ligazóns ó publicado o ano pasado: Para unha avaliación das festas
Comeza a semana de comezo das festas