20120613

Calma

Mañá de sol, pían os paxaros na calma matutina. Os xornais non traen novas de parques queimados e as cinzas do último xa están retiradas. O rebumbio de alegacións ó PXOM alónxase despois da campaña, esperando a renovación total do documento e a súa pronta aprobación ó mesmo tempo. Novas iniciativas como o café de idiomas brindan a oportunidade dun Ribadeo máis dinámico aínda que o dinamismo poda quedarse en potencialidade. Achégase a tempada estival e Ribadeo está preparado ... Hoxe pode ser un bo día, di unha canción.
Pero Ribadeo, por bonita e idílica que queramos pintar a situación, cara a galería ou crendo totalmente as bondades, está inmerso no mundo. Nun mundo do que se fala de novas cotas de primas de risco, as mesmas que entraron no panorama de novas hai ben pouco tempo. De empobrecemento e enganos, ambos do pobo, e enrequecemento e ocultacións, por parte do poder, que se segue acumulando a base do resto. De xuventude sen futuro á que se lle di que a culpa téñenna os pais por gastar de máis e o estado por ser moi xeneroso cos cidadáns, esquecendo a defraudación fiscal de quen tentou a eses pais dicíndolles que podían gastar de máis porque estaban en jauja e a corrupción de quen desviaba cartos e máis cartos do público ó privado dun xeito acelerado ...
Hoxe tamén pode ser un mal día. De feito, se sinxelamente esperamos a ver, case seguro que o será.

Na foto, a imaxe dunha boa nova: madeira almacenada en Mirasol (podería almacenarse así se se tivera construído a macronave proxectada?) á noitiña para o seu traslado, que lembra que hai ben pouco deuse a nova de que o tráfico de Ence en Mirasol medrara outro 15% no comezo deste ano. (outra cousa é o uso de Mirasol para almacenamento, do que se podería falar con algo máis detalle)


Ningún comentario: