20130531

Acompasando o tempo

Parece que o tempo este ano vai parello ás malas novas económicas, políticas e de corrupción e comportamento de persoeiros públicos. Facendo bo o dito de 'ata o corenta de maio ...', na época na que estamos, o Sol sae tímidamente entre nubes e as mangas curtas non son numerosas. Hai dez días que deixei unha entrada dicindo que este ano é, con diferenza, o máis chuvioso ata o momento no século. Dende aquela, os meteorólogos franceses anuncian un verán malo, malo. E tamén hai poucos días que a temperatura media do que levamos de ano se situou por baixo de calquera outro dos anos deste século...
 Por se non abondara coa táboa, a gráfica das medias de temperaturas ata un día dado é esclarecedora
O ano non se leva caracterizado por días extremadamente fríos, senón por temperaturas baixas para a época en xeral: nótase na gráfica que non hai grandes baixadas de media, como outros anos, o que indica tempadas curtas moi frías, pero dende o comezo manténse entre os anos máis fríos, e dende hai pouco máis de dez días, a media, a liña azul máis grosa) pasou a ser a máis baixa de novo (xa o fora por breves periodos antes).E claro, coa cantidade de choiva caída, os xardíns colgantes están fermosos, como se pode ver nas mostras de embaixo, tomadas no entorno da rúa Pai Sarmiento.



20130530

Gaiás, Gaiás, ...

En Galiza, o mesmo que en Galicia, non se toma como referencia o aeroporto para aves de Castellón ou outras obras que pode haber polo mundo adiante, senón o Gaiás. símbolo de gasto superfluo ou desaproveitamento, de gasto desmesurado, certamente sobrepasa e pode servir de referenza para moitas outras obras, aínda que lle saian competidores como algún porto en construcción. En Ribadeo, pola contra, as obras son moito máis comedidas, ou mesmo a participación pública é pequena relativamente, ou ... moitos atenuantes que ó final non deixan de ser más que iso, algo que fai máis tenue á vista outro 'algo' que non debera ser. E exemplos hai ... quizáis algún dos tres que collo sexa dos suaves.
O primeiro, o colexio das monxas (grazas pola corrección, ver comentario) que ía para albergue de peregríns e tamén foi 'proposto' para residencia de anciáns. Privado segue sendo, ou público, non o teño moi seguro despois da multa ó bispado que non paga porque di que está cedido. A foto, do oco sen fachada, deixa ben ás claras a relación cos outros dous ocos con fachada, un das que xa ten producido varios anacos de granito capaces cada un de matar unha persoa. A grúa leva montada xa tempo, pero o movemento da mesma é, por dicilo dalgún xeito, escaso. Claro que nestes caso, a inversión tamén é ... escasa, e os xeus xardíns colgantres non deixan de aledar a vista...

O segundo caso, a área recreativa de Piñeira, vista así, ó lonxe, como a deixei con toda intención, pode parecer totalmente operativa e mantida, mesmo costa traballo ver os restos no tellado. Leva máis dun decenio sen rematar e abandoada, e coido que máis que unha atracción para a zona é un repelente, pois da unha sensación negativa ó achegarse. Fai a proba.
A Torre dos Moreno váise restaurando pouco a pouco, aínda que lle falta moito. Estes días, en Facebook aparecían máis dunha centea de fotos recentes dela por dentro, fóra, enrriba, ..., e hai que lembrar que na actualidade a maioría da propiedade é privada. Aínda así, o balcón sen balaustrada da dereita da foto, os soportes da rede oxidados, a mesma rede rota, fánse preguntar pola falta de actuación dende hai xa anos, actuación que foi pedida pero non desenvolta. As columnas restauradas que se ven na foto son unha esperanza, pero os ferros oxidados de soporte das vidrieiras, sen as vidrieiras que deberan ser soportados por eles, lembran cada vez que se mira ás vidrieiras da capela do cemiterio, para as que de xeito recente se conseguiron 21 000 € (contando intereses e demáis) cando serían necesarios alomenos dez veces máis.
Como se ve, en Ribadeo, nada comparable ó Gaiás en magnitude. Só pequenos Gaiás amigables ...

20130529

Ribadeo e os vascos

Artigo de Pancho Campos publicado na Comarca de 20130525
Facer unha breve historia sobre Ribadeo e os vascos, non é doado pois sempre quedarán algúns sin nomear, pois non se atopa información xeral o respecto.
Eu decidín guiarme polo nome dos vascos máis relevantes que viviron, traballaron e fixeron negocios no noso pobo, e que contribuíron o engrandecemento de Ribadeo tanto do comercio como da pequena industria á que eles impulsaron de forma notable sin ningunha duda. Por eso creo obrigado este artigo para que non caia no esquencemento da memoria esta contribución histórica de máis de dous séculos para o que foi e sigue sendo o transcurrir da nosa vila.
Os vascos máis relevantes aparecen como armadores de barcos, así o máis antigo antecesor en Ribadeo é D. Manuel Olabarrieta, armador do bergantín “Feliz” (Lista de embarcaciones del Puerto de Ribadeo de 16-Agosto-1787) Na terceira década do XIX, aparece a grandísima personalidade de D. Francisco Antonio Bengoechea, banqueiro, comerciante e liberal home de negocios, afincado en Ribadeo al menos desde 1839 (“Pláticas de Familia” p.17, D. Leopoldo Calvo-Sotelo). Construíu a “Casa de Abaixo” unha das máis grandes casas de Ribadeo, herdada en 1900 por D. Ramón Bustelo. Bengoechea, rexentaba unha banca de crédito e unha Casa de Navegación que tiña nada máis e nada menos que trinta e tres barcos mercantes: 17 bergantines; 2 bergantíns-goleta; 4 corbetas; 2 goletas; 3 quechemarines; 3 polacras-goleta; 1 pailebote e 1 patache. Con eles facía negocios na navegación de cabotaxe e cos máis grandes navegaba por tódolos mares e con líneas regulares o mar Báltico e o mar Caribe, especialmente. D. Joaquín Aurrecoechea aveciñado en Ribadeo en 1859. É armador do lugre “José Fermín”, construído en Pasajes en 1853 co nome de “José Manuel”. D. Mariano Sanjinés en 1863 contrata a corbeta mercante “Lima” de 332 TRB o constructor, D. Julián Unzueta de Deusto en Astilleros Olaveaga. Corbeta que pasa a ser propiedade de D.Carlos Casas, por escritura de venta o 2º Piloto D. Agustín Torrontegui, ambos veciños de Ribadeo. En 1865 D. José Benito Goldaracena de Bilbao, asenta na Comandancia Marítima de Ribadeo o bergantín barca “Tio y Sobrino” de 322 TRB. que construe en Viavelez con un costo de 25.000 pesos fuertes que paga D. Valentín Rentería de Mondaca, facultado no nome do Sr. Goldaracena. En 1866 D. Pedro Goicoechea de Lequeitio, asenta en Ribadeo a bricbarca “Carmencita” de 258 TRB. con un costo de 360.000 reales que constrúe en Viavelez D. José Ron. A prosperidade que os barcos dan o desenrolo industrial de Ribadeo é algo tan notorio, que o carón dos armadores vascos, outros como D. Antonio Casas, empeza tamén o negocio de armador con un pequeno quechemarín de 58 TRB, o “Ceferina”, e pronto chega a ter, a familia Casas, 22 barcos, entre eles a fragata de 652 TRB chamada “Antonio Casas”. Outros homes de negocios tamén se fan armadores, como: D.Antonio Couto; D. Patricio Gayol; D. Manuel Laje; D. Victorino Pérez Vizcaíno; D. Juan Díaz Acevedo; D. Manuel Reynante; D. Fco. González; D. José García Piedra. Pero un vasco ilustre por antonomasia en Ribadeo, foi D. Julio Lazúrtegui, creador e promotor da Sociedade Minera de Vilaodrid que funcionou a partires de 1903, e que deu lugar a construcción do ferrocarril Ribadeo-Vilaodrid de 50 km de percorrido. Gracias a esta explotación mineira e os antecedentes marítimos de Ribadeo como porto de relevancia, o que contribuiron en gran medida os vascos, toda a comarca vive décadas do século XX, con un gran progreso industrial. Nos corenta primeiros anos o capital aflúe a Ribadeo de forma continuada e créanse empresas de todolos tipos. Conta con duas bancas privadas, unha na Casa de Abaixo pechada en 1927, e outra na Casa de Arriba, a Banca de Casas, que se deu en bancarrota fraudulentamente en 1933. Constrúese a Torre dos Moreno Ulloa, as fábricas de conservas e salazón de pescado de Peláez, de Bravo Otero e a da Vilavella de Fidel Gayol, Luis Garcia e de Manuel Lens, con 130 traballadores. Ramón González dona a Praza de Abastos e a zona do Mercado, constrúese a Escola Agrícola de Pedro Murias, nos asteleiros da Vilavella non falta traballo, e a Caseta de Baños ten decenas de visitantes. Ribadeo é Partido Xudicial con Xuzgado de Primeira Instancia, Comandancia de Carabineros, Axundantía de Marina e edifícase a Aduana Nova pois o tráfico marítimo internacional está en aumento. As familias Nistal e do Ferrocarrilana, establecen líneas de autobuses a Lugo e Viveiro.
Nos anos trinta os talleres mecánicos de reparación de automóviles, empezan a ser rendibles e outro vasco D. Félix Larravide, Mecánico Naval Maior, monta un taller mecánico que ademais de reparar, enseña a moitos rapaces o oficio da mecánica e os diversos oficios que a reparación mecánica conleva. Entre eles estaba Pancho Campos Martínez, meu pai. Nos anos corenta e cincuenta síguenlle a zaga outros talleres mecánicos como o Garaxe Parga, para turismos e camións, que compiten cos de D. Manuel Lens na rúa de S. Francisco, para reparar o Saurer da Escomulgada, os de D. Manuel Luxen de Transportes o Comercio detrás da cárcel, cos de Jesús e cos de Seivane e o Carrelo no muelle de Figueirúa. Tamén monta Severiano López o seu primeiro taller eléctrico de reparación e rebobinado de motores.
A prosperidade é grande, incluso para o lecer. O Cine Teatro e o Cine Colón teñen duas sesións diarias, e tres os domingos e días de festa, o Baile do Rosa Lar ten orquesta tódolos domingos do verano e a Banda Municipal toca os xoves no parque, e o capital flue por Ribadeo e a súa comarca en regatos pequenos pero caudalosos. Os aserradeiros de Couso e Conde, non paran de traballar, e as carpinterías de Maseda, Cienfuegos e Ramos, teñen traballo continuado, abre a Fábrica de Alginatos da Vilavella do Sr. Puértolas, a fábrica de gabardinas da familia Llaú, as granxas de galiñas e de cemento de D. Manuel Lens, en 1958 inaugúrase o Instituto Laboral “Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel”... A inercia do crecemento industrial continúa ata mediados dos anos sesenta, do cal hoxe carecemos total e absolutamente, pois según a miña forma de ver, hoxe Ribadeo ten cerrado a cal e canto o seu verdadeiro motor e xerador industrial de riqueza, a Ría de Ribadeo.
Non ten o calado necesario para un desenrolo axeitado os tempos que vivimos, debido o mal diseño da Ponte dos Santos sobre pilastras e sin altura dabondo, ós recheos da escollera e das dársenas “asesinan” toda perspectiva de futuro, con carácter irreversible, pois incrementaron de forma alarmante a colmataxe de area sobre o fondo e o agrandamento incontrolable dos tesóns. Outros vascos-ribadenses que se asentaron en Ribadeo en épocas de antano, son as familias de D. Maximino Aramburo Mejeras, comerciante; D. Salvador Díaz Echevarría profesor de Física e Química do Sto. Tomás e do Instituto Laboral; seu irmán D. Cesar Díaz Echevarría que durante máis de 30 anos foi secretario do Pósito de Pescadores, contribuíndo en gran medida o desenrolo do porto pesqueiro de Ribadeo, que chegou a ter máis de 350 mariñeiros inscritos.
Polo ano 1958, aparecen os barcos dos Decanos, armadores de Burela: José, Eliseo, Benigno e Santiago, que dan traballo a cincuenta e un mariñeiros, e contratan vascos como patróns de pesca do arrastre para as dúas parexas: Tierra Vasca e Costa Vasca; Huerta e Decanos, e así avecíñanse: Pablo Mújica e Felicia, cos seus fillos Begoña, Pablo e Iñaki; Patxi Vidaurrázaga e Teresa Urbieta cos seus fillos Jaime e Anatere; e tamén Benancio Larrosea (Larrucea?). A finales dos sesenta, chega tamén a Ribadeo o Sr. Jaureguizar, profesor de matemáticas do Instituto Laboral. Hoxe volvemos a sentir o empuxe dos vascos no desenrolo das grandes superficies, EROSKI Center, foi pioneiro deste tipo de supermercados en Ribadeo, seguido por Brico-King, Día, Lidl... que cos supermercados montados nos baixos de edificios da propia vila, como: O Arbol, Gadis, Alimerca... están xerando o desenrolo do mercado e comercio en Ribadeo, con moitos postos de traballo estable, que boa falta fan.
É unha pena que non haxa todavía a día de hoxe aceras para poder transitar os peóns tranquilamente e sin medo a ser atropellados por un coche, hacia as aforas de Ribadeo, pois, creo eu, sería tan atractivo como rentable para os grandes e pequenos comerciantes do centro do pobo, unha fluida circulación dos miles de clientes “yentes e vinientes” as grandes superficies. Por todo esto, creo de obriga este artigo de recoñecemento os vascos e o traballo que tanto levan feito e compartido con nos. Saudiños e unha aperta.

De mulleres

Este fin de semana coñecíase a morte de catro mulleres máis a mans das súas parellas en catro días. Antonte tamén se coñecían en Ribadeo as notas de fin de ensino medio (2º bac) da promoción deste ano. O resultado máximo, 4 mulleres nos postos máis altos, matrículas de honor.
Sería incongruente dicir que teñen relación.
Para min, é chamativo que os catro mellores expedientes de 2º bac deste ano sexan precisamente mulleres. Entre outras cousas, cando menos fan poñer en dúbida calquera suposta superioridade masculina nesa bandeira que a raza humana orgullosos levamos como estandarte diferenciador, a intelixencia. Quizáis aínda máis, denotan unha cultura do esforzo diferenciada entre sexos, onde o feminino supera netamente ó seu compañeiro.
Ben, con números tan pequenos pode non ser máis que unha anomalía estatística.
Agora ben, tal como está a cousa, vénse a cabeza algo así como 'en mans de que homes caerán estas rapazas'? Só a concepción de tal pensamento pode resultar machista, pero aí están as outras estatísticas para confrontalo coa realidade aumentada pola crise e confrontada nas novas diarias. Unha realidade que deixa a impresión (e non só a min) dun retroceso evidente da concepción do papel da muller a tempos pasados, aínda que sexa dun xeito máis sofisticado e nun ambiente sexual máis relaxado.

20130528

Que son 10 €?

Si, que son 10 € para conseguir unha boa causa? Algo así debe pensar o Presidente Feijoo, cando leva invertido 10 € por cada galego en propaganda dende que accedeu ó cargo. Como a cita está en castelán, collo as definicións en galego da RAG e en castelán do DRAE:
"1. Actividade organizada para difundir as calidades, propiedades ou o valor de alguén, dunhas ideas ou dun produto comercial. Faille moita propaganda ao seu partido. sin. publicidade. 2. Material ou medio (anuncios, carteis etc.) utilizado para ese fin. No descanso da película, botaron propaganda. Durante as eleccións, repartiron propaganda polas casas. sin. publicidade . cf. reclamo . 3. Asociación que ten por finalidade a propagación de ideas ou doutrinas. Ocupou o cargo de xefe da propaganda durante os primeiros anos da ditadura. "
"
(Del lat. propaganda, que ha de ser propagada).
1. f. Acción o efecto de dar a conocer algo con el fin de atraer adeptos o compradores.
2. f. Textos, trabajos y medios empleados para este fin.
3. f. Congregación de cardenales nominada De propaganda fide, para difundir la religión católica.
4. f. Asociación cuyo fin es propagar doctrinas, opiniones, etc.
"
Vistas? A verdade, paréceme máis exemplificadora a definición do DRAE: atraer adeptos ou compradores, propagar doutrinas e opinións ... neste caso, a conta do erario común. Si, xa sei que iso pasa sempre: quen está no poder úsao no seu proveito. Debera pasar? Coido que non. Así polo groso, neste caso xa se poderían ter feito unhas dez residencias en Ribadeo. E non había que preocuparse: a xente íase enterar, mesmo sen propagación de doutrina nin difusión de calidade ou ter como fin atraer adeptos.
Collo un recorte que leva riba da miña mesa máis dunha semana, e deixo aquí un texto de Xaquín Marín no 'Lecer de Isolino': "Coido que se imputasen aos votantes nos delitos dos políticos, pensarían mellor a quen lle dan o voto'. Retruco ademáis, que pensarían que non é 'dar o voto', senón 'delegar temporalmente o poder de elector', cousa abondo diferente, e que a imputación dos votantes podería ser un remedo ó estar por riba da lei dos políticos.

20130527

Nota de prensa da Mesa de asociacións do concello de Ribadeo (20130524)

Nota de prensa
Mesa de asociacións do concello de Ribadeo
20130524
(referenza en http://o-teson.blogspot.com.es/)
Representantes de sete entidades (as asociacións de veciños de Remourelle, Rinlo, Santalla, Vilela, a Plataforma de defensa da ria de Ribadeo e a convocante AVV O Tesón, máis un representante da coordinadora pro residencia) reuníronse o pasado venres no ribadense local do lavadoiro dos fornos con varios puntos na orde do día.
En primeiro lugar, fíxose un breve resume da historia da mesa de asociacións, que tivo a última xuntanza en outubro do 2010 para tratar do regulamento de participación cidadá. A partires daquel momento, e dado que foron as asociacións as que puxeron en marcha o grupo pro residencia en Ribadeo, a mesa non se voltou reunir para non interferir. Con anterioridade,  a historia da mesa recolle a desconsideración dos alcaldes, reacios a ter interlocutores diferentes que os encadrados en partidos políticos, na liña de non considerar a implicación dos veciños na vida pública do concello.
Na xuntanza tratáronse diversos temas, en particular
- O estado actual do regulamento de participación cidadá, que non variou dende a última xuntanza da Mesa, e no que foi exposta a experiencia de Allariz, con plenos radiados ou preguntas de viva voz no pleno por parte dos veciños.
- A área médica da mariña, punto no que se acordou distribuír o manifesto para expresar a adhesión, e ter listo para a próxima xuntanza un informe, incluíndo o estado da cuestión nos temas da concentración, e as restriccións, tanto en atención primaria como en hospitalaria.
- A polémica sobre o nome da ría, tema sobre o que houbo unanimidade no apoio ó nome legal e no que xurdiron algunhas propostas.
- A integración na xestión da reserva da biosfera, tratada recentemente nos medios como unha necesidade para seguir desfrutando de axudas, pero sen vislumbrar unha querencia por unha participación real por parte das autoridades que están a levar o tema, acordando facer un escrito.
Asemade, tocáronse outros temas dos que se viu o interese e se decidiu manter por diversas razóns nun segundo plano, como o xulgado ribadense, o uso de herbicidas en autovías, estradas ou mesmo por parte de empregados municipais, ou o mesmo mantemento do local de asociacións, que foi necesario limpar e ordear en parte para comezar a xuntanza.
Conscientes da necesidade de reorganización da mesa, así como da conveniencia de aumentar a representación, mesmo da procura dos teléfonos ou correos electrónicos para contactar algunhas novas directivas de asociacións, os reunidos acordaron voltar a xuntarse o día 21 de xuño ás 21 horas no mesmo lugar, o lavadoiro da rúa dos Fornos.

Son terrorista? Si (iso din)

Un artigo, 'Yo, ciudadano terrorista' veu remachar un pouco máis algo que xa é sabido: a criminalización dos desposeídos.
Entendámonos. No conxunto social, coido que non estou en mala posición dentro do 99%. Pero vexo as cousas claras: somos máis do 99% en conxunto os que estamos en mala posición. Ademáis, imos a peor. E, ademáis, ou conxuntamente, ou en consecuencia relativa, estamos sendo culpados e criminalizados. Os antidisturbios aumentan o seu presuposto en época de restricción, e quen intenta informar ou parar os deshaucios enfróntase a penas de cárcere mentras xente que prevaricou está desfrutando da súa influenza.
Así chegamos a que non é necesario que nos declaremos terroristas: xa somos declarados terroristas por un estado que non é noso (e non me estou a referir á cuestión nacionalista), senón doutra xente, e do que nós somos súbditos.

20130525

Praias do concello de Ribadeo. Grazas, OKFN-SP!

OKFN-SP é a sección hispana da Open knowledge foundation, organización adicada a facilitar a apertura e liberdade do coñecemento. Unha das cousas que fan é tentar poñer os datos das administracións públicas a disposición das persoas dun xeito que sexa doado facerse con eles e usalos. Unha mostra a continuación.
O primeiro arquivo, o que obtiven das praias de Ribadeo,
https://docs.google.com/spreadsheet/ccc?key=0AlfwpUTquuVmdHUzbVJ0b1pnTS1xT3kzaFRSNXFKN1E&usp=sharing e o segundo, o lugar de onde foi obtido: https://dl.dropboxusercontent.com/u/7679620/playas_refined_export.csv
Os datos, unha volta vistos, coido que constitúen fichas non demasiado confiables, pero xa que son datos compartidos a nivel europeo por institucións oficiais (outra cousa é que foran lexibles por calquera de non participar os voluntarios de OKFN) implican a parte da información unha referenza de imaxe de cada unha das praias cara ó exterior.
É algo que están a facer voluntarios por ben de todos... Vamos, a típica cousa na que paga a pena participar se sabes como axudar (sempre hai algún nicho no que se pode facer) e hai algo de tempo para facelo.

20130524

Contrastes dentro de Ribadeo en catro fotos

Onte tomei a foto de abaixo. Enterárame polo xornal, e cría que coñecía á persoa implicada. Logo vin a a referenza a José Emilio Amor e si, coñézoo e algo sabía do tema, se ben so dunha parte, e non que chegara a ese extremo. A pancarta, moi diferente da que onte mesmo  locía diante de NGB pola tarde, léese mal. Traduzo:
'Indefensión.
Vivienda nº 6, 4º. Llevaron la titular en contra de su voluntad con calumnia e injuria[a nai, titular da vivenda, foi levada a un asilo a Foz hai varios anos]. Motivado a falsas acusaciones con referencias que no existieron, me considero privado de derechos [acusacións que nega pero parece que non se lle considera a negación e que por iso se ve privado de dereitos]. Los herederos escondidos en la legalidad buscan el daño físico [acusación ós irmáns, que viven en Foz]. En breve estaré en la calle [O dano físico que argumenta]. Pagué lo que faltaba de la hipoteca [enténdese, a súa parte, pero coido que hai máis complicacións, polo tema da herdanza]. ¿Por que no se juzgan las mentiras que hicieron daño?'
A foto anterior, de constrición de liberdades e denuncia, contrasta coa de embaixo, ó ár libre e quizáis demasiado libre, despois de que se retirara a baranda de madeira que adornaba e protexía no parque do mineral. Agora un cordonciño entre chantos de metal é a limitación, non sei se efectiva ou perigosa, que substitúe á que foi destruída polos vándalos e polo tempo (sen moito mantemento).

Das urbanas, ás máis naturais. Embaixo, unha foto de Noceda e a costa ata Burela dende o Mondigo non di o contraste que había e a sensación dende alí enrriba.

Compleméntase a anterior cunha vista cara a terra, con nubes sobre a masa forestal entre Arante e Cedofeita, adornada polas nubes de evaporación por algo de calor despois da chuvia. Nesta, o contraste é interno, entre a propia natureza e a morte das árbores de embaixo das nubes, vacías de follas, eucaliptus atacados pola enfermidade.


20130523

A consecuencias do pleno ...

Pasei polas casas dos profesores (comentado entre outros temas nesta nota do concello), e puiden completar a colección de fotos que lle teño adicada no blog ós 'xardíns colgantes' de Ribadeo, incluíndo ademáis algunha pintada das que teñen. Coido que si que lles facía falta algo de mantemento, a non ser que as vaian derribar xa para facer a residencia, pois foi iste o inmueble que deu para a pequena finta verbal da que falei ó comezo da relación do pleno.



20130522

Que hai do meu? (e III)

Anteriores:
Que hai do meu? (I)
Que hai do meu? (II)
A declaración institucional sobre as pintadas no Juanín foi aprobada de xeito unánime. Unha mexada fóra do testo así ...
Chegouse a rogos e preguntas, e houbo unha morea, dos que recollo só algúns que por algunha razón me chamaron máis a atención:
-O caso da multiplicación incontrolada de cartelería de todo tipo. Coido que non se lle deu unha resposta adecuada, pois foi do tipo de que 'hai que poñer orde, pero tamén tentamos favorecer a quen nos pide ...', e non se falou de cando a cartelería está relacionada co propio concello ou, xa que q pregunta partía do PP, a carteis de candidaturas de eleccións xa vellas que seguen colgando en varios puntos do pobo.
-O apoio a certos locales no grupo de FB realizado para Ribadeo de tapeo. Aí penso que quedou claro que había xente que sabía aproveitarse e que o fixera, mentras que outra, non, pero conforme a unhas normas mínimas e á igualdadede trato.
-Sobre os espazos publicitarios da piscina, para saber a quen corresponden, pois en principio é o concello o titular. A resposta quedou totalmente inconcreta por descoñecemento.
Outro asunto tratado corresponde ás vidrieiras, que entronco co final, as preguntas da AVV O Tesón.
Copio o enunciado das preguntas:
(...) facendo uso do acordado no pleno de 13 de setembro de 2004, formula ó sr. Alcalde e ós representantes dos grupos municipais as seguintes cuestións e solicitudes:
1.Tendo en conta que na actualidade, dous anos despois do expolio das vidrieiras, non hai novas sobre as causas, solicitamos saber o estado das xestións cara á súa recuperación, os pasos dados para evitar no futuro expolios semellantes e as pesquisas seguidas para determinar culpabilidades ou, ó menos, a trazabilidade do que pasou exactamente. Asemade, en relación ó mesmo tema, suxerimos como algo provisional a instalación xa das partes que non están destrozadas.
2.Visto a deriva que está tendo a nivel estatal o futuro dos distritos xudiciais e as súas sés, solicitamos coñecer as xestións realizadas polo concello e os grupos municipais a raíz da presentación das sinaturas da iniciativa cidadá para a recuperación do xulgado ribadense.
3.Dado o alonxamento crecente entre os servizo públicos e a cidadanía, solicitamos coñecer que medidas ten tomado o concello para evitalo; en particular, para manter viva en bó estado a que era área sanitaria da Mariña.
4.Dadas as facilidades crecentes de participación cidadá e xestión aberta que se están vendo no ámbito de internet, en particular da man dos programas libres, solicitamos coñecer as medidas tomaqdas polo concello para aproveitar ditas circunstancias e abrir o concello á participación cidadá, como xa se leva tempo facendo noutros lugares.
A resposta á primeira pregunta, sobre as vidrieiras da capela do cemiterio, foi contestada máis ben en rogos e preguntas a demanda do PP, aínda que non de xeito completo. Resulta que o 29/4 saiu a sentenza (provisional, pero polo que parece, non recurrida) do contencioso coa aseguradora, dándolle a razón á asociación Ponte dos Santos (en realidade Puente de los Santos) e reclamando á aseguradora 17164 € máis intereses e costas, o que ronda uns 21 000 €. Falouse de que había que colocar as que aínda están servibles e substituír as que están en mal estado por outras o máis emellantes posibles ó orixinal. Non se sabe onde se vai contratar, o que van valer ... e, dado que eu mesmo noutro lugar facía un cálculo unhas dez veces o previsto a pagar pola aseguradora (o reclamado polo concello en base a cálculos deles), quédanme serias dúbidas sobre o futuro das vidrieiras. En canto á culpabilidade/responsabilidade, a resposta foi que é difícil ... Si, éo. Pero se non se avanza nada nese sentido, non haberá máis garantías para a próxima (que pode ser agora mesmo, coas vidireiras da Torre dos Moreno, na actualidade retiradas).
A segunda pregunta coido que se pode esquematizar en que foi contestada en base a dúas cousas: a) 'ogallá poidera ter a chave das noces' e b) non se fixo nada porque non se podía facer máis aló de ser bandeira de tódolos grupos. Víuseme á cabeza aquelo de que quen non chora non mama, ou o de que se di que Mondoñedo non perderá xulgados (outra cousa é a dependencia administrativa, co que iso supón), senón máis ben pode aumentar un. E, non podería vir para Ribadeo?
En canto ó terceiro punto, quedou contestado coa moción.
Por último, e antes de rematar de xeito definitivo ás 23 horas (que conste que esta vez todo o mundo participante no pleno quedou ás respostas dadas polo alcalde), a base da resposta á participación cidadá foi un 'estamos nelo', como amosa a discusión previa do uso privado do facebook e web informativa Ribadeo de tapeo, e hai algunhas cousas máis que sería precipitado adiantar. Coido que a pregunta ía abondo máis aló, pois a participación por internet vai máis aló que a información, e hai outra gama de posibilidades de participación máis aló de internet, pero é o que houbo.
Por outra banda, estou seguro que pola mecánica á que están afeitos no pleno, o único que contestou foi o alcalde, a pesares de que esta volta se facían extensivas varias preguntas ós representantes dos diversos grupos municipais. Como non se pode intervir, a máis de ser contestadas fóra do pleno en si, a cousa quedou coa contestación do sr. alcalde e punto.

Que hai do meu? (II)

Pois iso: catro na sá. Xa se tratara o tema considerado 'de alta intensidade' porque afectaba direitamente ó peto dunhas cantas persoas (que procuraban solucionar 'o seu', aínda que fóra a conta do público, é dicir, a conta 'de todos'), e se pasaba a cousas 'de todos' e polo tanto, parece ser que 'de ninguén', que 'para iso están os políticos'. Ben, os entrecomillados anteriores son meus, igual que as frases entrecomilladas, e creo que representan unha realidade: a desafección do pobo polo común, que implica unha deixación de soberanía aproveitable por exemplo, para a instauración dunha ditadura mesmo a partires dunha democracia formal, algo do que non é a primeira nin a segunda volta que se fala no blog.
Case vacía a sá, comentouse unha moción de urxencia para facilitar a construción dunha depuradora en Reme, en terreo privado cedido ó concello, e outra en Porto, en terreo do estado, ambas tendentes a que a ría de Ribadeo sexa tratada como se merece, e ambas coa participación da Xunta e cesión posterior ó concello para o seu mantemento. Cun pequeno comentario a cargo do PP sobre a aposta da Xunta por Ribadeo, foi aprobado por unanimidade.
Outra moción de urxencia foi presentada polo PP para amaño e melloras na rúa S. Lázaro, correspondente á estrada LU5207, polo tanto, encamiñada a pedir á Deputación, a súa titular, o seu arranxo. Unha charla rematou incluíndo a estrada da Lodeira, LU5202, no paquete, así como a petición da transferencia das dúas, unha volta desligada a ponte do ferrocarril, por ser de titularidade máis complicada para o caso. A votación, unánime despois de varios cambios, non me deixou claro de calquera xeito a redacción final da moción.
Chegouse ó que considero fin da segunda parte do pleno, pois a partires de aquí sucederon tres cousas: o interventor cesou no manexo do móbil, houbo novas baixas no público, quedando reducido ó plural mínimo, e unha das persoas que marchou voltou a dirixirse ó pleno en relación a que 'marchaban pola presión', segundo fora citado en pleno por algún dos concelleiros, referíndose a que se sentían presionados pola audiencia, pero que a pesares de todo, farían a súa labor, o que deu lugar a un pequeno altercado con Tino (UPRi)
Tivo lugar despois a aprobación dunha declaración institucional sobre as pintadas do 'Juanín', que foi aprobada por unanimidade.
Deixo para a terceira parte o final do pleno.

Que hai do meu? (I)

Xa aviso que é unha primeira parte. O tema: o pleno de 21 de maio de 2013.
O título? Está relacionado co interese do pobo polos temas tratados, pero non adiantemos acontecementos... Por certo, que antes de rematar o pleno xa estaba colgado en facebook / La voz o primeiro comentario del.
Chego tarde, a eso das oito e media, e a xente enche os bancos e está de pé. Conto 50 de público. Nos escanos falta Xavi Campos, co que a relación de forzas está 6 (+primacía do alcalde)-BNG, 4-PP, 1-UPRi, 1-PSOE.
Ó pouco de entrar oio ó alcalder referirse o Instituto Gamallo Fierros por erro, cando debera dicir 'IES de Ribadeo', o seu nome. E pouco despois, a conta da defensa da residencia para Ribadeo, un pequeno duelo verbal entre alcalde e portavoz do PP, M. Valín.
Pásase despois ás mocións, comezando pola presentada polo PSOE para o mantemento das oficinas tributarias de Foz e Monforte. Quizáis foi a moción que máis se discutiu, marcando ademáis o comezo da marcha da xente que esperaba polo das preferentes. Os argumentos, a supresión ou non de servizos, a cercanía á xente, a dependencia de Lugo, a prevención ante as numerosas mentiras-promesa feitas con anterioridade, que non hai variación en concreto en Foz nin en Monforte respecto ó último cambio habido no 2004... Foi aprobada por 6+1 contra 4+1
A Moción do BNG pola Área Sanitaria de Xestión Integrada da Mariña, viu o despregue dunha pancarta de seis metros  que acompañou ás dúas xa presentes con anterioridade sobre as preferentes e subordinadas, máis pequenas. Os portadores puxeron esparadrapo na boca, e a discusión tamén se extendeu abondo, resultando 8 votos a favor e 4 abstencións. Por certo que, no fondo, os argumentos presentados foron parellos ós da moción anterior.
A terceira moción foi do BNG sobre preferentes e subordinadas. Falouse de estafa e roubo, de que en Ribadeo supoñían uns 10 M€, e da cancelación das contas do concello en NGB. Deuse a circunstancia de que o PP presentou unha moción alternativa e logo retirouna, acusando ó BNG do uso dun drama para propaganda. Por parte de case todos, entendo que non se incidiu abondo en culpabilidades, tentando facer máis fincapé na recuperación dos cartos (que, coa liña preferente, serían a conta do erario público, polo tanto, a conta de todos, na maioría de proporción). Saíron a relocer cousas como 'cada un ten o papel que lle toca', 'é unha mágoa que as caixas desapareceran' ou quen aprobou o real decreto, (da quita) que o desaprobe', todas do alcalde; ou ter conta do concello en varios bancos para rematar coa exclusiva, idea aportada por Lalo (PSOE), xunto co voltar a cobrar por ventanilla, pois hai xente que non é que non quera a NGB, senón que non quere ós bancos; ou anotar que algúns traballadores teñen culpa (foron varios os que interviron nese sentido) e a petición de Tino de que o concello entre como acusación particular. O resultado, ó retirar o PP a alternativa, foi de apoio unánime. As pancartas foron retiradas antes de rematar o punto, por cansanzo da xente, e nada máis rematar, a estampida completou as desercións de público anteriores e as mantidas ó longo da moción. Por certo, que ó saír, unha persoa dirixiuse ó pleno (en particular ó alcalde) e argumentou a favor de exercer a acusación particular xa.
A partir de aí, quedamos catro na sá...
Parte II
Parte III

20130521

Pleno en Ribadeo e xestión da nova

Antonte, algún medio daba como nova que onte habería pleno. Resulta que o pleno é hoxe, pero o concelo só publicou ontre na web (non sei a hora) a nova de que era hoxe, co que máis dun despistado (eu entre eles) non o chegou a saber antes do pleno. Antes deste mandato, os plenos facíanse os primeiros ou segundos luns de cada bimestre , por norma, pero agora, sen que saiba que cambiaara a norma, a realización efectiva variou: son raros os que se celebran un luns, ordinarios ou extraordinarios. Varias mocións e informes integran un pleno onde se prevé que asista xente afectada polas preferentes, porque unha das mocións trata diso. Coido que o punto no que pode haber algo de discusión, máis aló da retórica típica de cnado hai expectación, é o de aprobación da Ordenanza reguladora do uso do aproveitamento especial de vías públicas e espazos de titularidade municipal, da que intentei o que estaba exposto (como foi anunciado) e non puiden, porque non estaba exposto nos carteis nin o vin na web. Habería que pedilo dentro? Pode ser ... A comunicación institución - administrados coido que falla como tal, para canto máis a comunicación que debera ser institución - partícipes, que todos o somos da institución municipal. Haberá que seguir insistindo no tema.
Deixo un boceto dende o Mondigo nun claro dun día de choiva, con Noceda ós pés e a costa entre Reinante e Burela, con Foz case no medio da imaxe.

20130520

Unha petición recibida, unha petición liberada. Queres saír na tvg?

Copio e pego:
Bo día.
Gustaríanos que enviásedes á vosa lista de correo de asociad@s a convocatoria da gravación esta semana en Ribadeo do programa + GALEGO, que se emitirá no verán.
O aviso é para xuntar público este xoves día 23 de maio de 11.30 h a 14.30 h no Cantón, por suposto no período de tempo que se poida estar.
Sabemos que a maioría da xente traballa pero seguimos indicacións da produtora para difundir o acto.
Así mesmo búscanse dúas persoas para responder 3 preguntas, moi fáciles, sobre Ribadeo.
Se houber alguén interesado pode poñerse en contacto coa Delegación de Cultura.
Moitas grazas

Batendo marcas no tempo

140 días, contando hoxe. Quedan 215 para completar o ano. En Ribadeo leva chovido xa máis que en todo 2010, 2004 ou 2012. Segue sendo, con diferenza, o ano do século no que máis leva chovido ata un día como hoxe, no que por certo, loce o sol. E seco tería que ser o resto do ano para non acadar unha nova marca de choiva no conxunto anual. Veremos. De pronto, a liña correspondente a este ano na Pedro Murias destaca de xeito nídio sobre o resto, acumulando 1/3 máis sobre o ano máis chuvioso ata o momento.

20130518

No entorno da festa

17 de maio, día das letras galegas. 16 de maio, aparecen na rotonda no instituto as pintadas que se ven nas fotos (xa non están)

17 de maio, en Vilalba: "Ola. Entrei porque coido que había un acto aquí, non? -Si, acaba de terminar.
- Era unha actuación da banda?
- No, actuaba un grupo y leían poesía." Mellor, non continúo a cita.
As respostas corresponden á única persoa que había no auditorio despois do acto de celebración do día das letras galegas.
Onte recibín un comentario sobre o nome da ría de Ribadeo. Está na entrada anterior. Non contestei pero non deixou de chamarme a atención: comeza exhortando a non perder o tempo coa 'chorrada' do nome para pasar a chamarlle un nome concreto. E di que non xera riqueza nin da de comer. Facendo un pouco o bruto, algo que alguén poderá considerar un exabrupto: xera riqueza (económica, a que se refire) ou da de comer o coidar ós anciáns? Agora que tanto se fala da 'marca España', pódese considerar un cambio de nome? Non quero extenderme, pero os nomes, as denominacións, de sempre, foron algo máis que unha verba sen importancia.

20130517

7 de xaneiro de 2002, na Voz de Galicia ... sobre Hernán

«AQUÍ COMO EN VIENA»

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

Así se denomina, sen complexos, o concerto de Nadal que o primeiro director da Banda Sinfónica de Ribadeo instaurou hai uns anos nesa vila e que ven de celebrarse por primeira vez dende o seu pasamento. Hernán Naval non foi unha rara avis mais si un grande músico e, sobre todo, un galego europeu. Nos primeiros días deste euro que disque nos fai máis europeos lémbrome de quen nos deixou antes de usar a nova moeda pero deixou moita Europa construída entre nós. Dende a dirección da Banda e da Escola de Música artellou, con máis entusiasmo que facilidades, a cerna dunha cultura musical de calidade e, o que é máis importante, a infraestructura para que teña futuro; deixounos un feixe de fitos, obras, unha morea de arranxos e discos, o último, póstumo, recén presentado.
H. Naval foi un paradigama do galego europeu, quizabes por iso se considerou sempre unha caste de infiltrado que non un incomprendido, porque a maioría dos que o coñeceron entendérono ben e déronlle en vida a homenaxe que merecía. A ética social que forneceu o seu traballo foi a propia da Europa que, sen estar na pompa dos discursos, medra circunstancialmente entre nós e é socialmente apreciada. A engolada parafernalia destes días de moeda única contrasta cunha memoria que vive na obra e nos valores inmorrentes dun músico europeu e galego. Os máis importante deles a ambición e a ética profesional.
Unha ambición que pervive nas obras que deixou e que non se acomoda ao sentido pexorativo que habitualmente se lle atribúe a esta palabra. Trátase da ambición creadora de construir por riba das continxencias dos egos, desa que non ten expresión persoal senón colectiva. Por iso se aprecia precisamente en toda unha xeración educada por el no coñecemento musical. Neste país de cultura católica, Hernán militaba nos valores luteranos do traballo e, sobre todo, tiña un sentido do servizo público que contrasta coas mañas de curto alcance que adoitamos padecer.
Politica e socialmente activo, foi nacionalista convicto dende cativo, en parte por herdanza dun seu avó galeguista fusilado no 36, demostrando no seu facer e nos seus gostos a miseria dos tópicos. Como músico arrepiaba da gaita de fol ata extremos que nunca partillei, e facíao por gosto mais teño para mín que tamén para compensar... e, sobre todo, porque o seu alento adicábase a esoutra música nacida no berce das cortes europeas e dos salóns da burguesía que el se empeñaba en facer de todos. Adicou a súa vida á extensión popular da música e para iso sempre estivo disponible alí onde o chamaron, sen reparar na cor política do proxecto. Como intelectual debecía pola Éscola de Frankfurt e cimentaba nese pensamento a súa fortaleza intelectual. O seu poeta de referencia era J.A. Valente, de quen reivindicaba o seu nacionalismo cosmopolita. Os seus narradores, Camus, Tabucchi e Muñoz Molina. Pero, sobre todo, era puntual e rigoroso, solemne cando había que selo e amante das tazas e de parolar con amigos cando o traballo quedaba feito. Cal corresponde á cultura europea das virtudes públicas e os vicios privados.
El nunca o diría así pero antóllaseme que laborou para que fóramos máis normalmente europeos no que con el tiña que ver: na música e na cultura musical. ¡E logrouno, madia leva! Moitos temían que a súa obra desaparecera con el pero demostrou que non fora para iso que a construira. Ser europeo na segunda mitade do século XX podíase facer dende calquera vila galega e Hernán Naval, que naceu no 1962 e morreu no 2001, demostróunolo. Sen discursos.

20130516

Arteixo, Rianxo, ...

Facebook! E, o mesmo que 'Ribadeo' se convirte en 'preto de Castropol, Asturias', temos Arteijo, Rianjo, ...
Diante do día das letras galegas, chama a atención da Xunta como culpable de que siga a aparecer a ortografía errónea. Os que andivemos no allo sabemos o que costou que aparecera ría de Ribadeo ou Ove no Google maps, e sabemos tamén que estes cousas tenden a cristalizar e ser cada vez máis difíciles de cambiar. De aí a pensar que a culpa a ten Feijoo, como parece que fai a Mesa pola Normalización lingüística, hai un treito. Bastante posible que non se ocuparan do tema, e que haxa que poñelos a andar, pero a todos nos iría mellor se usaramos alternativas libres e con base máis achegada físicamente a nós que eses programas con sés centrais inalcanzables e dependentes dunha empresa á que lle imos cedendo dato tras dato de xeito acelerado.
Mentras, lembra un a polémica do selo do outro día, nomeada como agresión a Asturias, mentras miles de veces ó día aparece en Ribadeo o de 'preto de Castropol, Asturias'...

20130515

De novo, o galego

Achegámonos ó 17 de maio, e raro sería que non apareceran diversas novas sobre o galego, o seu estado, a súa consideración, medidas teóricamente de apoio, etc.
Onte en Ribadeo, transcrición o máis fidedigna do que son capaz: "Bueno, en que quereis que hable?". A maioría destacada da xente que responde, unha porcentaxe nada despreciable de preto de duascentas persoas: "En galego!". A resposta: "Bueno, como me tiene que entender todo el mundo, hablaré en castellano, que lo sabe todo el mundo."
Quen falaba, a todas luces era galego, como quedou amosado por algún desliz idiomático. Por certo, pon un curto e ... tradución do alemán ó castelán.
Que o galego perda falantes non é preocupante: é lóxico, e produto de centos de anos de ataque.
Máis? Pódense dicir unha morea de cousas, feitos, razoamentos ou sentementos...

20130514

In crescendo

Hai xa algún tempo que recibín por correo electrónico unha presentación, 'Los imanes, cómo viven!'. Tratábase sobre un imán polígamo e prolífico que estaría recibindo do estado francés (onde viviría) unha suma considerable a base de ser cotizado polos seus dezaseis fillos de dúas mulleres, unha legal segundo a lei francesa, outra acollida. Mentras, o imán estaría despotricando contra o noso occidente cristiano e capitalista, sancta sanctorum das esencias de altruísmo e demáis. A presentación remataba comparando o trato recibido polos cristiáns nalgúns países árabes, co fin obvio de rematar coa situación do imán francés na cabeza de tódolos musulmáns europeos tratándoos do mesmo xeito que reflectían as imaxes dos cristiáns en países musulmáns.
Hoxe recibín de novo un envío da presentación que cito, e coido que xa van tres veces, e iso que é sobre algo que ocorre teóricamente en Francias (aquí as prestacións sociais xa sabemos que pasaron por tempos mellores, e nunca chegaron á altura das deles para poder facer propaganda).
Coido que, mirada friamente, é para pensar algo así como na potenciciación do agnosticismo ou no ateísmo, ou ao menos, en tentar eliminar os privilexios das diferentes relixións nos diferentes lugares ou os abusos do sistema por algún particular. Máis, o vector para o que se está a usar, como dixen, é outro. E é que o racismo non é cousa só doutros países, senón tamén daquí. Non importa que onte mesmo se poideran escoitar os ecos dun estudo que anuncia que os nenos inmigrantes estánse axustando perfectamente, compartindo amigos, comportamentos ou mesmo nivel de notas con outros de pais 'nativos', pois sabemos que esas cousas, con campañas abondo longas, poden cambiar: non se desfixeron en Iugoslavia despois de anos de convivencia porta con porta? É certo que aquí, na zona, a inmigración árabe non é grande, pero é o mesmo: dos árabes pode pasarse ós rumanos, ós xudeos ou ós xitanos dun santiamén, por non falar da xente con aspecto sudamericano ou ós máis evidentes de pigmentación negra.
E ben, claro: mentras nos pelexemos contra o outro, o 'diferente', o de nivel socioeconómico semellante a nós ou un pouco máis baixo, os que son 'máis iguais entre si' por estar situados máis no alto do nivel que indica a socioeconomía, sexan da relixión ou aspecto que sexan, terán menos problemas connosco, máis tranquilidade para seguir mangoneando o que lles pete.

20130513

Lembrando un amigo

LETRAS GALEGAS 2013
Hai agora 25 anos, o músico HERNÁN NAVAL PARAPAR lanzou, sendo presidente da Agrupación Cultural SEMENTEIRA, “unha campaña nacional de propaganda e de estímulo da povoación”—así o deixou escrito—para lograr que o Teatro Pastor Diaz fose patrimonio público.
E así foi.
Mentras o edificio do Teatro estivo en obras, SEMENTEIRA programou representacións teatrais en varios locais, privados e públicos da vila. O café-bar Chipe ou os claustros de San Francisco acolleron representacións en pequeno formato nas que actuaron, entre outros, actores como Roberto Vidal Bolaño a quen este ano se lle dedica o Día das Letras.
Roberto morreu cando só tiña 52 anos e Hernán deixounos aínda sen cumpir os 40. Os dous estaban no mellor da súas vidas creativas.
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA quer celebrar o Día das Letras vinculando estes dous nomes co fermoso Teatro Pastor Diaz. É por iso que os convidamos ao acto de colocación dunha placa na fachada fo Teatro Pastor Diaz onde actuará o Grupo de Metais do Conservatorio o videiro martes día 14 de maio de 2013 ás 20 horas
Organiza:
-Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA
Colaboran:
-Grupo de Metais do Conservatorio Profesional de Música
- Concello de Viveiro

Ribadeo, 80% a favor

Varios días sen escribir ábrenme un amplo abano de temas. Collo un xa case lonxano, correspondente a xoves pasado, a folga do ensino. Coido que nono se pode falar da folga sen dicir o por que. E o por que, máis que a LOMCE en si, é a política de Wert en conxunto: o sr. ministro non só se adica a facer unha lei máis sen amañar o anterior, senón que avala a diminución de orzamento e o desmembramento e diminución do público fronte ó privado.
A pesares do anterior, na convocatoria de xoves, o IES de Ribadeo tivo unha incidencia de folga do 20% entre o profesorado. Significa iso que o 80% está a favor do ministro? Polo que observo, diría máis ben que o 90% (alomenos) está máis ben en contra, pero ... hai varios factores a ter en conta que aproveitan ó ministro. Un é, como non, o non cobrar o día de folga, que ven supoñendo 1/20 do do mes, unha volta botados prorrateos por días festivos. Cousa importante despois dunha baixada do soldo que suma en relación ó custe da vida, máis do 30% dende o 2007, pero que tamén representa unha das facetas da protesta, que se quixera ter e, ó tempo, supón un freo á protesta.
Outra cousa é a apatía: 'non se vai conseguir nada'. Está claro, xa o dí o refrán, que quen non chora, non mama. Está claro que para conceguir algo hai que loitar por el. E está claro (e aquí está o meollo) que é necesario que porteste moita xente para conseguir algo para todos. Así, uns por outros, a casa por barrer ... e feita un desastre. Este argumento solapa perfectamente con outro: 'os outros non apoian, que vas facer ti só' ... co que se reforza a postura anterior para ademáis, botarlle a culpa ós demáis da propia inacción: non vas á folga por culpa dos demáis, porque os demáis non van (e claro, os demáis non van porque ti non vas ...). Este razonamento, ademáis, remata sendo sendo un regodeo: 'se conseguen algo, tamén me vou beneficiar eu', pasando de ser un posible vector de folga a unha rémora social.
Poderiamos ver asemade a participación dos estudantes, por exemplo. Ou, dada a minoría de idade en xeral dos estudantes en Ribadeo, da postura dos pais. E decidiríamos que aparentemente a educación non debe ser moi importante.
Aínda así, parece que a nivel estatal a incidencia foi algo maior e que polo menos este consello de ministros pasado non se lle deu adiante. Algo se logrou.
Voltemos atrás ... e ben, de que trata? - De que trata, que? - Pois a LOMCE. - Ah! iso xa é máis complicado, e repito, entendo que non se pode tomar a lei dun xeito illado, pero, de claquera xeito, se non me vou poñer en folga por ela, que máis da? ... Isa é a postura que entendo maioritaria, o pasotismo que permete calquera atropello de dereitos sen sequera saber que se está a producir.

20130508

Quietude

Ribadeo ás sete da mañá dun día de diario é quietude. É só case hora e media máis tarde que o pobo comeza a moverse, coa xente máis nova, os estudantes, dirixidos ós institutos e colexios. Despois, serán substituídos aínda por nais (sobre todo, nais) que levan ós seus pícaros ó colexio porque son pequenos e aínda non van ben sós, e logo, polo 'público en xeral'.
Pero mentras vai evolucionando o día, un amencer de maio coma iste amosa unha mañá belida, con matices nas nubes cortados de cando en vez por algún ruido de gaivota ou outro paxaro, e moito máis ocasionalmente, por algún veículo a motor, moto ou coche, destacando o do lixo tanto pola súa intensidade como pola súa duración.
Despois de cada interrupción, en xeral mínima, volve a calma, e o tempo permete unha reflexión vital tranquila, desas que axudan a afrontar o día con optimismo, mesmo cun sorriso cómplice coa natureza.
O avance do tempo vai tornando a relación de forzas, ata que a calma pasa a ser cousa doutro momento, troceada unha e outra vez por interrupcións diversas. Pero, mentras, pode aproveitarse e desfrutarse, se se está descansado.
No día de hoxe, unha vez amencido, o reloxio da igrexa da as oito. É hora de incorporarse ó río dos pícaros camiño de tentar favorecer a súa educación.

20130507

Ribadeo contra o cancro

Onte tivo lugar a derradeira toma do vídeo que se está preparando na loita contra o cancro en Ribadeo, finalizando unha semana de tomas. A base, o mesmo que que no pasado se fixo cos 'guantes rosas', son os globos rosas, que, vendidos a 1 € sirven dun modesto xeito de recadación ó tempo que un visible reclamo de actuación na loita contra esta enfermidade. Deixo abaixo unha foto e un vídeo que anteceden á gravación que se fixo no Cantón o domingo como preparación para o vídeo que sairá unha volta montado, ó igual que se fixo co das 'luvas rosas'.

20130506

Sello da Ponte dos Santos sobre a ría de Ribadeo

Copio a nova de Correos.es sobre o selo presentado o sábado pola ministra en Ribadeo. Non dou detalles do acto (supoño que sairía nos xornais co listado de cargos presentes), pero si do selo, que coido máis importante, con 260 000 exemplares tirados:

== Puente de los Santos sobre
la Ría de Ribadeo ==
Data de Emisión 4/05/2013
Estampación Offset
Papel Estucado, engomado, fosforescente
Dentado 12 3/4 horizontal, 13 1/4 vertical
Tamaño do selo 74,64 x 28,8 mm (Horizontal)
Tamaño da folla bloque 105,6 x 79,2 mm (Horizontal)
Valor facial 2 €
Tirada 260.000 folla bloque

O selo dedicado á Ponte dos Santos sobre a Ría de Ribadeo, que une os concellos de Castropol (Asturias) e Ribadeo (Lugo), é unha das que responden á innovadora enxeñería civil.
Ficha e historia en http://www.correos.es/ss/Satellite/site/coleccion-1363182926562-galeria_sellos_filatelia/detalle_emision-sidioma=es_ES

Sobre a extensa ría de Ribadeo e para comunicar a comunidade galega e a asturiana construíuse, entre 1983 e 1987, a Ponte dos Santos. A nova ponte salvou a fenda que separaba a ría de Ribadeo, e facilitou as comunicacións entre ambas as ribeiras.
A Ponte dos Santos ten unha lonxitude de 600 metros e inicialmente construíuse cunha anchura de 12 metros para soportar unha estrada normal. Entre 2007 e 2008 procedeuse ao desdobramento da ponte, ampliándoa ata 24,60 metros de anchura, para permitir o paso da autovía do Cantábrico (A-8). Na actualidade conta con catro carrís e dúas beirarrúas. A ponte é de tipo alintelado, e está fabricada con vigas de formigón armado, aceiro e madeira. Soporta un peso superior ás 1.200 toneladas.
A ponte recibe o nome dos santos das dúas capelas que se encontran a cada lado da ría: San Román nas Figueiras, en Castropol, e San Miguel, en Ribadeo.
Antes da construción da ponte, as comunicacións establecíanse cruzando a ría en embarcacións ou dando un rodeo pola vella estrada que cruzaba entre Vegadeo e Porto.
A emisión consta dunha folla bloque que reproduce unha vista aérea da ría e da localidade de Ribadeo. No selo trepado insírese a moderna Ponte dos Santos.

Doutras residencias lonxe de Ribadeo

É ben sabido que en Ribadeo hai unha plataforma cidadá que tenta conseguir unha residencia. Leva xa tempo e esforzos, exerceu diversas accións, e se falas pola rúa con outra xente todo o mundo ve a cousa como algo con prazos dilatados.
Noutro lugar de Galicia, unha empresa privada quere facer unha 'macro'residencia (2 000 prazas) de alto 'standing', vamos, disas que se cobran perto dos 2 000 €/mes. O lugar, un monte perto de Guitiriz. Segundo o xornal, resulta que os veciños do monte comunal xa tiñan hai tempo apalabrado un alquiler cos promotores (ben, cunha pequena empresa pantalla, que os promotores non se coñecen), cando vai a Xunta e expropia 'o uso' (o traspaso de compraventa dos bienes comunais non é doado, non sabe aínda canto vai cobrar ela polo alquiler, e a empresa anuncia xa o proxecto e non está clara a promesa de que cousa dunha terceira parte das prazas sexa subvencionada... A expropiación, motivada por 'interese público' a favor dunha empresa privada. As cifras que se barallan marean, como os posibles beneficios.
Sobre a nova:
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/05/03/galicia/1367597997_669606.html
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/04/02/galicia/1364896553_648918.html
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/09/18/galicia/1347993554_714210.html
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/04/02/album/1364897295_568015.html#1364897295_568015_1364897501
Coido que os veciños seguiremos a loitar pola residencia en Ribadeo. Non 'de alto standing', senón digna. Non 'macro', senón axeitada ás necesidades. Non duns poucos, senón de todos.

20130503

Sanidade na costa e no interior ... é un dicir

O un de maio estiven falando cun médico do HULA a quen non vía hai moito tempo. A pesares de recoñecer a situación privilexiada de Lugo nestes momentos en relación a Monforte e Burela (que, segundo os comentarios, funciona mellor que Monforte), primou máis na conversa a destrución da asistencia pública. Un exemplo concreto centrouse na maquillaxe de números das listas de espera, na que segundo parece, algúns xestores son uns auténticos ases. Iso, repito, foi antonte.
Onte, tocoume unha comprobación práctica por medio dun paciente coñecido. A cousa é que tiña vez para un especialista aínda para o mes de xuño no Hospital da Costa, e o martes recibiu unha chamada para adiantar a cita a onte, xoves. É dicir, para o día seguinte de traballo. Sorpresa agradable, aló se foi (das conexións de transporte público con Burela podemos facer outro apartado). Ó chegar, no especialista dinlle 'non é aquí', e mándano para urxencias. En urxencias acláranlle que están botando unha man ó especialista, revisan o seu caso e comunícanlle 'isto non o podemos tratar nós, ten que ser o especialista'. Viaxe perdida, lista adiantada, nova petición de especialista, ... o paciente non importa. Importan os números, que queden máis bonitos e que se poda falar como se todo fora estupendamente, mellorando continuamente, vivindo no mellor dos mundos. Diría que os médicos non teñen culpa, senón a xerencia (por certo, nova despois dunha substitución por protesta pola eliminación da área sanitaria, e polo tanto, culpable de querer ganar méritos nos seus primeiros momentos), que é quen ten o poder para facer estes cambalaches, pero chegados a este punto, sempre queda a dúbida de se se prestan a este manexe de bo grado, obrigados, sen outra alternativa, sen dar coñecemento á opinión pública ou sen protestas, ... aí non podo opinar porque non sei nin aínda se neste caso os médicos implicados están na protesta que se ven mantendo de hai tempo ou non. Pero a xogada xeral está claro o que deixa ver: a realidade non se deixa tratar de calquera xeito polo meros números maquillados.

20130501

1 de maio. Falemos do tempo

Comezou o día chovendo en Ribadeo ... un día calquera, dun ano calquera, no que as persoas seguen a sufrir, a ver esmagado o seu futuro, mesmo nalgúns casos, a obnubilarse coas causas e os efecto, trastocando non só efectos e causas, senón tamén culpables e afectados, nun relativismo de areas movedizas. O tempo? frío para esta época, con neves recentes preto da costa, non anima. Os políticos (no poder) si animan os seus patéticos xestos de convicción mentras aplican medidas que noquean á xente, pero que fortalecen a eles e ós seus amigos, ó menos económicamente. Quizáis esteña aí a saída do túnel: a saída do seu túnel, non do noso, que para isto tamén hai túneles diferentes, a pesares de que 'non nos salvaremos se non nos salvamos todos' ...
Onte varios xornais publicaban de diversos xeitos, poñendo énfase en partes, que Autopistas do Atlántico baixou entre 2011/2012 as súas ganancias de 50 M€ a 30 M€. Poñían en letra máis difícil que en parte a baixa debérase a provisión especiais, e máis destacado, que a baixada de beneficio fora do 40%. En xeral non destacaban que entre eses anos caera o tráfico un 20%, nin que as ganancias representan case un 25% da cifra de ingresos, nin que o soldo dos directivos aumentou case un 10% mentras despedían a outro 5% de traballadores, ...
Día de choiva iste 1º de maio. A ministra de Fomento vai vir presentar unha serie de selos sobre a ría. O cadro do conxunto debe ser bonito. Procurarei poder publicalo. O traballo? Como os outros días: ou se reforma o sistema social ou pintan bastos, aínda que polo momento só sexa tema de bares.
Por certo, se aínda non sabes a historia do día do traballo, vai á ligazon: hai que celebrar, si, a morte de sindicalistas anarquistas que perderon a vida loitando polo que crían, algo que hoxe non se estila.