20130930

Nota de prensa de O Tesón: charlas de economía e crise

-->
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
Crise, economía e falsos dogmas”

Ribadeo, 20130929

Preocupada pola crise, a AVV O Tesón ten organizado para o mes de outubro un ciclo de charlas sobre 'crise, economía e falsos dogmas', no que colaboran persoas do noso entrono que poden ampliar as nosas miras e aumentar o noso coñecemento e a nosa conciencia do que está a pasar na economía actual, a súa relación coas finanzas e os efectos que sentimos como sociedade.

O días venres 4, xoves 10, venres 18 e venres 25 de outubro ás 20:30 terán lugar no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo as charlas e posterior coloquio, dirixida cada unha delas por unha persoa diferente, coordinados dende o comezo para facilitar un mellor aproveitamento.

O fío condutor ó longo das charlas serán os puntos do 'Manifesto de economistas indignados', documento que foi dado a coñecer por un nutrido grupo de economistas que non deixaron de recibir adhesións dende entón, e que trata de debuxar un esquema claro que facilite a comprensión da crise, porqués, consecuencias e alternativas.

A estrutura de cada charla consistirá nunha moi breve presentación, a exposición de cada poñente e posterior debate sobre os temas tratados, en particular, e sobre a situación de crise, en xeral.

O ciclo vai dirixido a persoas que teñan interese en saber máis e compartir coñecementos, sen importar que ó inicio das mesmas o nivel de coñecementos socioeconómicos sexa máis alto ou máis baixo: preténdese igualar os niveis por enriba explicando os conceptos necesarios.

Adxúntase o cartel correspondente á primeira charla.

No blog de O Tesón

20130927

20130926: concentración e pleno (III)

Anteriores:
concentración e pleno
concentración e pleno (II)
O punto 5º foi a ordenanza de axuda no fogar, tratada por obriga legal, imposta pola xunta. Foi aprobada por unanimidade, despois de diversos comentarios que valoraron a obriga e mencionaron algunha cousa que poidera mellorarse, como as sancións, para as que Tino pediu 'man esquerda' por parecerlle fortes, comentando despois o alcalde que de todos os xeitos non se vira polo momento necesidade de aplicar un regulamento para sancións por falta de faltas.
6º.A ordenanza sobre o prezo público do servizo, cun prantexamento de principio semellante ó anterior, aprobado con 11 votos e a abstención de Lalo, que comenta que é para que quede patente o seu desacordo contra as medidas do goberno autonómico.
O punto 7º foi sobre a proposta de Serviocio, que incluía a instalación dun novo sistema de depuración na piscina, e que por dito motivo foi contestada por Tino, que, sen querer causar atrancos, expuxo que cría que había métodos mellores e máis baratos. Aprobouse por unanimidade, despois dun pequeno intercambio Tino-Fernando sobre a oportunidade de presentar ditos comentarios na Comisión informativa e o descoñecemento dos datos pertinentes naquel momento.
Punto 8º, expediente de elección do Xuíz de Paz titular, que recaeu en Mª Irene Díaz Martínez, entre sete persoas que quererían selo, en contra do sucedido da vez pasada, que só se presentou unha en segunda instancia. Houbo comentarios sobre a baremación, pois segundo parece había algunha persoa co título de avogado que pretendía selo. Aprobouse por 11 votos a favor e unha abstención.
O 9º, sobre a modificación de crédito para o pavillón, recibiu a unanimidade, segundo algún concelleiro 'porque non queda outro remedio' despois da desafortunada adxudicación a unha empresa que tivo dificultades.
Deixando para o final do comentario o 10º, o 11º foi metido de urxencia na orde do día para facilitar o pago a proveedores, que foi comentado como cousa técnica e, por parte de Azucena (PP), cun comentario sobre que estaba leda pola valoración do plan de proveedores do goberno.
Nese momento había no público, a parte de min e unha reporteira, outras dúas persoas, que aguantaron ata as mocións xa comentadas na primeira parte, de apoio á sanidade ribadense e mariñán. O resto, foron caendo pouco a pouco, as últimas ó rematar o punto 10º, sobre a proposta do goberno municipal de declaración de Parque Natural As Catedrais.
Neste punto, foi esgrimido o motivo da degradación dunha xoia: melloran as visitas, empeora a conservación O certo é que a defensa inicial, por parte do alcalde, implicou unha pequena confusión entre o aumento de visitas e o aumento de protección, que sería despois aproveitado pola oposición. O espazo superpónse ó LIC, que como as outras figuras de protección que lle afectan, están sen desenvolver, incumprindo prazos, sendo aínda algo máis limitado que aquel.
-Unha nota que se ocorreu no momento é como queda algunha cousa como o Castro das Grobas. Que significa para este sitio?-
PSOE e UPRi xúntanse a BNG insistindo en que non pasa nada por pedilo. Intervén Braña (PP) que en novembro de 2011, só uns meses despois da constitución do actual consistorio, o PP pediu un plan de uso e xestión nunha moción que segue sen debatirse en pleno dende aquela. Apunta a que hai un efecto chamada, pero non hai servizos, e esíxelle ó concello que sauma responsabilidades, e que non pida un parque natural só para traer máis visitantes e non para protexer: 'é certo que a Xunta está durmida, pero, que fixo o concello?. E, se se aproba, oito anos de tramitación. E mentras?'. A máis, hai que informar do que supón, polo que Campo fixo a proposta dunha petición á Xutna para que desenvolva de xeito urxente os regulamentos correspondentes (na parte que lle corresponde) ás figuras de Monumento Natural, ZEPA, Rede Natura e LIC. Mentras, que o concello aplique medidas.
Fala a continuación Fernando, o alcalde, que comenta que a proposta ten 26 folios, e incorpora moitas medidas das ditas por Campo Braña: incorporación de ISO, plan de calidade ... o que significa servizos, auditoría, ... sen que o concello posea nin 1 m2 alí. Mentras, xa se creou unha liña de transporte público que pouco a pouco se vai consolidando, quérense retranquear os servizos ... e aínda van terse que devolver cartos á Deputación por non ter aínda permiso do Ministerio para facelo, despois de abondo tempo e idas e vidas de documentación, e a Policía Local foi 'botada' pola policía de tráfico. Non se puido acceder ás axudas da Xunta a Parques Naturais, co 100% de custe subvencionado.
Foi aquí onde se deu un dos puntos reseñables da noite. Máis ou menos:
C. Braña: Alédome de que recoñeza que a Xunta da subvencións.
Fernando: (en voz baixa) Migallas.
C. Braña: Ó Concello de Ribadeo, nin iso.
Animo a pensar no significado do anterior, dende os dous puntos de vista, lembrando ademáis o punto de partida antes do intercambio.
-certamente, a longa discusión foi do máis ilustrativo en diferentes sentidos, tando sobre datos como sobre fintas verbais ou encadre político-
Foi aquí ademáis onde unha persoa do público quixo intervir, sendo explicado polo alcalde que non era posible. -certamente, non coa actual normativa sobre aprticipación cidadá en Ribadeo-
Falou a continuación Horacio Pulpeiro (BNG) para facer algunha precisión co documento de proposta na man.
Antes da votación, outra intervención, de Tino (UPRi): 'Vou votar si porque coido que necesitamos dar un puñetazo na mesa todos xuntos'
O resultado da votación, 9 a favor e 3 en contra.
... e fin.

20130926: concentración e pleno en Ribadeo (II)

Anterior: 20130926: concentración e pleno en Ribadeo
Recollo a conta do pleno, comezando agora polo inicio.
Como xa dixen, a xente foi subindo despois da concentración cara ó salón de plenos, comezando coa aprobación de actas.
O punto segundo foi a aprobación de contas de 2012. Comezou Lalo (PSOE) anunciando a súa abstención polos mesmos motivos que os dous anos anteriores. Na súa intervención, Tino (UPRi) aludiu a un informe de intervención de sete páxinas, con numerosos reparos ás contas (segundo el), que repite deficiencias que xa sinalara a anterior interventora, a máis de cargar contra as notas de prensa triunfalistas pola mellora das contas do concello. Asemade, afirmou que non todo o mundo (referíndose a entidades) paga as taxas. Azucena (PP) tamén aludiu ás declaracións nos medios do alcalde, á desviación do orzamento do pavillón e ó esquecemento da, segundo ela, parte que lle corresponde ó estado na mellora de ditas contas pola concesión de crédito.
Vicente, concelleiro de economía e facenda (BNG), fixo mención da tradicional oposición dos membros doutros partidos, e recalca que xa se pagaron facturas de data 31 de xullo, mentras que os impagos de taxas van por vía executiva, necesitando trámites, pero non están parados. Para rematar, interviu o alcalde, dicindo básicamente que queda por mellorar, pero que se está a facer mellor que nunca dende que el se lembra, estando ademáis nunha situación de crise xeral
A votación quedou e 7 votos a favor e 5 abstencións.
O punto 3 foi sobre obrigas pendentes de pago, unha dación de contas.
O catro foi a declaración de festivos locais para 2014, que por unanimidade quedaron o martes 4 de marzo, de antroido, e o luns oito de setembro, a patroa.
A falta de abondos puntos que continuarei máis adiante, como nun pleno destes queda tempo ós que estamos de espectadores, aí deixo un debuxo rápido da mesa de concelleiros, máis ou menos a estas alturas de pleno.

Continúa aquí.

20130926: concentración e pleno en Ribadeo

Onte houbo, ás oito, previo ó pleno porque se sumou a corporación (máis ou menos, todos, aínda que non estou seguro de que non faltara ninguén do pleno), houbo unha concentración en defensa da sanidade na Mariña, neste caso, facendo fincapé na perda dun médico en Ribadeo, onde se leu un manifesto. O pleno tivo que esperar á finalización, ben pasadas as oito e cuarto.
No pleno, por fin coñecín pouco a pouco os puntos que se ían a tratar, cando se foi facendo. A sá estaba abondo chea de público, sen rebosar coma outras veces, pero pasadas as 11 da noite, sen rematar o pleno, cando me fun, quedaba só un espectador e unha periodista. Certamente, foi dos plenos que, horario aparte, prestoume ver por ser entretido e didáctico en diferentes facetas.
Claro, a súa lonxitude fará que non reflicta todo nunha soa entrada, e aínda así, resuma abondo. Por iso vou comezar cara ó final, punto 12, coas mocións, tras aclarar a falta do pleno dun dos concelleiros do PP, Manel Yáñez, fóra de Ribadeo por motivos laborais, co que a relación de forzas estaba 7-3-1-1/BNG-PP-UPRi-PSOE.
A primeira presentada foi a correspondente á concentración, é dicir, pola praza médica que se está a perder no servizo de atención primaria en Ribadeo. A votación foi de apoio unánime, pero houbo algún comentario a reseñar. Así, Tino (UPRi), indicou que tamén debera incluírse de xeito específico na moción, e non dalo por incluído de xeito xenérico, a perda dunha enfermeira hai uns meses e a flata de substitucións, que pode xeral problemas graves, en particular no verán. Despois dunha breve discusión, foi incluído. Valín (PP) Deixou dito que non tremía o pulso por ir en contra do que se decidía no seu partido en outros niveis, que estaban a favor da moción, pero iso non significaba coincidencia total de criterio con que se dixo ambaixo, na concentración, por exemplo.
A segunda moción foi do PP, pedindo a atención a pacientes oncolóxicos no Hospital da Costa. Antes de ser tratada, ó ser anunciada polo alcalde, o BNG fixo a proposta dun engádego, que distribuiu entre os concelleiros. O PP mantivo a proposta. Nos comentarios posteriores, Tino lembrou que xa estaba todo o mundo de acordo, incluída a Conselleira. O alcalde, Fernando, fixo unha defensa do engádego, aínda unha vez negado polo PP, enterándonos o público de que se trataba dunha extensión que pedía o tratamento integral deses enfermos en Burela, a activación en Lugo e o non ter que trasladarse a outra provincia para o tratamento e coidado. O portavoz de UPRi apuntou 'presentade outra moción'. E xusto, unha volta votada por unanimidade, o BNG presentou outra moción por vía de urxencia, polo procedemento 'in voce', pedindo o hospital de día oncolóxico en Burela, a atención no HULA e o non desprazamento a outra provincia. Nestes casos, primeiro hai que votar a urxencia, que saiu a favor con 9 votos, tendo en contra os tres dos concelleiros do PP presentes. O debate foi curto e a votación, unánime, algo que diría que non se esperaba a corporación mesma despois da discusión sobre o engádego na moción anterior.
E ben, continuará ó longo do día.

20130926

Hoxe hai pleno e máis

Non ven de máis lembralo. Hoxe hai pleno en Ribadeo, por se alguén se quere achegar. Hoxe, ademáis, a convocatoria do pleno difundiuse non só por parte deste blog, senón, despois, por parte do concello, e tamén pola plataforma de defensa da Sanidade Pública da Mariña, que emitiu un comunicado que se pode ver nos xornais para convocar unha concentración en contra dos recortes na área sanitaria, que se poñen de manifesto en Ribadeo pola perda dun médico, a do que se manifesta en xeral para toda Galicia ou España, como o copago. A lembrar que a plataforma xa convocou unha concentración o mércores da pasada semana diante do Centro de saúde de Ribadeo.
Outras cousas a tratar no pleno segundo a nota do concello, o peche de contas do ano pasado do Concello (no que se elimina débeda por 377 000 €, din), a autorización a Serviocio para obras na piscina pola súa conta e a xa avanzada petición de Parque Natural para o tramo de costa as Catedrais-illa Pancha, que deu lugar xa tamén a algún debate (máis ben discusión) nos medios. Por outra beira, un medio anuncia que ademáis dos anteriores, se tratará do apoio á petición da plataforma sanitaria.
Máis aínda? Quizáis ...

20130923

Unha pregunta ós analistas políticos: en que liga xoga España?

Máis aló da importancia que se lle está a dar ás eleccións alemanas, o mesmo día que hai dous importantes ataques islamistas, un contra unha igrexa e outro contra un centro comercial e outras novasa nivel estatal, vai o propio significado de dita importancia concedida: as eleccións alemanas son importantes para nós. Mesmo de aí xurdiu unha iniciativa que pretendía que os europeos afogados pola crise tiveran participación nas eleccións alemanas cun voto delegado, cun alcance moi limitado, por suposto.
Pero é que xa descubrimos no seu momento que as eleccións norteamericanas eran asemade 'moi importantes para nós'. E moito me temo que en breve, na seguinte xuntanza decisiva do Partido Comunista Chino descubramos algo polo estilo.
Ben, nun mundo interconectado, é lóxico que haxa dependencias mutuas. Mutuas, interdependencias, non o que estou a comentar, dependencia sen contrapartida. A traverso das novas e dos feitos, fumos descubrindo que España non xogaba na primeira división internacional. Logo, unha das cousas que se dixo ó entrar na UE foi que iso nos ía permitir xogar nesa liga de primeira. Hoxe, despois da subordinación de Europa en multitude de ocasións, a última, permitindo ser espiada (quizáis para desculpar que os porpios países espíen ós seus cidadáns), aínda que antes poidéramos ter dúbida, atopámonos con que esa división non é tal, e que mesmo en Europa, xogamos noutra liga. Iso envía ó estado español a unha terceira división nunha liga onde xogan un total de 200 equipos. Se alguén dubida do posto, que se vaia fixando no que vai pasando ...
Bandeira da ONU, collida da gl.wikipedia.org

20130922

O xoves, pleno en Ribadeo. Si?

Si, o xoves hai pleno en Ribadeo. Entérome pola prensa, porque chegoulles que hay unha cousa que pode resultar de interese para a venda de xornais: o alcalde pretende pedir co máximo apoio un parque natural para Ribadeo, da Illa Pancha ás Catedrais. Por certo, nin a nova nin o pleno están aínda reseñados na web do concello. E digo, se saen as cousas antes en papel que na web do organismo que as emite, é de supoñer que non teña moitas visitas isa web, porque o máis interesante sairá antes noutros medios.
Un pleno máis do que nos enteramos por casualidade. Sen saber os outros puntos. Un pleno que ademáis, segue rompendo coa tradición máis ou menos establecida máis ou menos de que os plenos ordinarios eran luns (en xeral, o segundo, pero iso podía variar) dos meses impares. O caso é que a información sobre o concello, no que a posibilidade de participación se refire, segue chegando 'daquela maneira'.
Por certo, se alguén pode atopar en 'ribadeo.org' o escudo de Ribadeo, que me diga onde ...
Por certo, o escudo que poño, procedente da Galipedia, ten unha notiña na web: "Este escudo non é oficial, en caso de empregarse esta imaxe debe expresarse na lenda tal circunstancia" cousa que en xeral non fan as web que o poñen, que son a maioría das que aparecen cando se procura en internet "escudo de Ribadeo".
Remato sen analizar aínda a propia petición de Parque Natural mentras comezan a concentrarse os ciclistas que hoxe participan na bicicletada ribadense.

20130921

2,3 M€ para Ribadeo

Vexo hoxe na Comarca unha nova que debeu saír nas edicións locais esta semana: Educación invirtió 2,3 millones en tres centros de la villa. E comecei a sorrir.
Polo corpo da nova, daba xa outra impresión: a cifra incluía por exemplo, o impulso á lectura, que, se queren, pode meterse en calquera partida, ou aínda, en partidas diferentes segundo interese ó longo do tempo. E é que eses 2,3 M€ foron publicitados en diversas ocasións, e ista é sinxelamente unha máis.
Resulta que o Conselleiro de Educación tomou posesión en abril do 2009, é dicir, hai catro anos e medio, co que lle deu tempo abondo de anunciar e voltar a anunciar cousas e cousas, remataran por facerse ou non, e a citra mentada é a que di que gastou no seu mandato. Por exemplo, en Ribadeo, deses 2,3 M€, habería que dicir a máis de que parte son para o funcionamento, ou de que a Consellería é só a xestora duns cartos que son de tódolos galegos (e que polo tanto, en puridade non 'investiu' ela) que as obras do actual edificio do IES de Ribadeo finalizaron hai máis dun ano, e están incluídas neses 2,3, ou que ese remate de obras pechou en falso pois non entrou a renovación da caldeira (para a que o presuposto pedido despois non chegaba para unha caldeira eficiente)
Ben, Educación invirtió 2,3 millones en tres centros de la villa...

20130918

Nota de prensa despois da concentración diante do Centro de Saúde ribadense

(Anterior sobre o mesmo tema: Sen protesta non hai futuro)
A Plataforma anuncia que continuará coas medidas de presión para recuperar as prazas de persoal sanitario eliminadas polo SERGAS en Ribadeo e no resto da comarca.

Cualifican de exemplar a resposta cidadá de hoxe en Ribadeo onde arredor de 300 persoas, incluíndo persoal sanitario, esixiron por freo aos recortes en sanidade pública.





A Mariña, 18 de setembro de 2013. A Plataforma Na Defensa Da Sanidade Pública da Mariña, colectivo que aglutina a colectivos veciñais, de doentes, forzas sindicais e políticas, que convocou hoxe a concentración para reclamar unha vez mais a paralización e reversión das políticas que o goberno da Xunta, nomeadamente o SERGAS, por ser a antítese do que debe ser unha boa xestión da sanidade pública. A Plataforma cualificou de exemplar a resposta da cidadanía ribadense ante a perda de persoal sanitario no Servizo de Atención primaria da localidade que devolve, despois dos recortes perpetrados polo SERGAS, a fai trinta anos a dotación do centro de saúde despois de perder unha praza de enfermaría, outra de PSX e agora unha médica. Anuncian que levaran a cabo mais medidas de presión e asistiran ao pleno do próximo martes onde se debaterá este asunto.

Mais de 300 persoas reclamando o fin dos recortes sanitarios deberían retumbar na Consellaría de Sanidade para parar esta desfeita.

A Plataforma valorou como exemplar a resposta ofrecida hoxe pola cidadanía ribadense aos recortes no seu Centro de Atención Primaria  que suma á actual perda dunha praza médica, outra de enfermaría e unha PSX. Dende a Plataforma conclúen que mais de 300 persoas reclamando o fin dos recortes na calidade asistencial deberon retumbar nas conciencias dos dirixentes do SERGAS de quen se agarda un cambio de actitude coa reposición do persoal sanitario suficiente para atender en condicións óptimas a carteira de usuari@s do centro.

Seguirá habendo presión social para impedir o deterioro da sanidade pública porque a xente está farta de recortes no que é esencial.

A Plataforma anunciou que estará presente no pleno do próximo martes onde se debate a reclamación para recuperar o persoal médico perdido no CAP de Ribadeo, non descartándose a convocatoria de novas mobilizacións, “hoxe viuse con claridade en Ribadeo que a preocupación polo deterioro da calidade asistencial é colectivo e esténdese por toda a comarca". Lóxico, afirman,  cando a xente vé como a xestión sanitaria da Xerencia de Xestión Integrada con sede en Lugo aplica a tesoura cebándose cos centros de atención primaria - tres prazas médicas perdidas en tres meses na comarca - sen explicacións, nin motivos convincentes mais que o do recorte ou a propaganda adormecedora. cando na realidade é negro. “O recorte sistemático nun servizo básico como a sanidade chámase deterioro, degradación ou desmantelamento pero nunca optimización de recursos como eufemisticamente o denominan dende o SERGAS” e con isto  a xente xa non traga.

Hai quen se empeña en vender como melloras o que simplemente é un ataque constante e planificado contra o sistema sanitario público.
Dende a Plataforma certificaron hoxe en Ribadeo, como nas concentracións polo mesmo motivo en Cervo ou en calquera das que ten convocado ou participado que a xente non traga coas campañas de propaganda que pretenden convencer de que algo é branco cando, seguindo a costume deste goberno, adoita ser negro. Nesta lña advertiron sobre os intentos de confundir con anuncios de posta en marcha de servizos como o oncolóxico no Hospital da Costa, ou outros en carteira,  que xa nacen en precario.

Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña  


20130917

Do Castro das Grobas ó Castro de Coaña. Actividade da AVV O Tesón

AVV O Tesón
Nota de prensa

Do Castro das Grobas ó Castro de Coaña

Ribadeo, 20130917

Dentro das actividades da AVV O Tesón, anualmenter vese celebrando unha viaxe social, á que se invita á poboación en xeral. As viaxes teñen un obxectivo doble: o coñecemento de circunstancias do noso entorno coas que se poda establecer unha relación con Ribadeo e o ser un aglutinante social.

No presente ano, dita viaxe terá lugar o próximo 28 de setembro tendo como destino o Castro de Coaña e Navia, onde se fará un pequeno circuíto de visita. Asemade, estánse a preparar outras actividades dentro da viaxe, como o contacto coa asociación 'La Casa Azul' para a presentación das súas actividades e os seus locais.

A visita está motivada de novo por o ter caído o Castro das Grobas na falta de mantemento do pouco que se levaba feito, aproveitando a viaxe a isa zona para entrar en contacto e dar a coñecer unha agrupación que está a organizar moitas actividades no occidente asturiano.

A viaxe está subvencionada para os asociados, resultando o prezo do autobús en 6 € para socios e 12 € para non socios. A saída terá lugar o sábado 28 da Praza do Mercado en Ribadeo, ás 10 da mañá, e o retorno espérase para media tarde.

Para inscribirse, poñerse en contacto con algún directivo de O Tesón ou chamar ós teléfonos 629806592 ou 663749442.

Adxúntase embaixo o cartel.

Sobre a versión galega da vía catalana

Coido que, pola viciñanza, todos lembramos as portadas dos xornais estatais e galegos dando novas da vía catalana. Unha semana despois, manifestación en Santiago, a que non se celebrou o 25 de xullo polo desastre de Angrois. Certo que había múltiples diferenzas, de xeito de convocatoria, de formato, por suposto de lugar, ... o que deu tamén nunha diferenza de xente que acudiu, e tamén de tratamento nos xornais. Ou isto foi debido tamén a outras causas? Olla e xulga segundo as portadas tomadas onte de http://kiosko.net/ (a definición está buscada para non considerar xa o que di a nova, senón só a súa extensión):
1.Portadas de cinco diarios relevantes a nivel estatal (os que considera en portada a páxina de onde os tomei)
 2.Portada de nove diarios galegos (idem)
3.Portadas con novas sobre a manifestación:



... resulta que nin tódolos galegos poñen a nova en portada.
4.Recortes, xuntados nunha soa portada, da nova en total nos diarios galegos:
... a portada, medio vacía.
5.Recortes, xuntandos nunha soa portada, da nova en total nos diarios a nivel estatal:
conste que entre isto e o anterior, hai unha imaxe ... vacía.
As causas pódense pensar. Os feitos, están aí. As corrección para que os feitos cambien, tamén se poden pensar. Séxase ou non nazonalista ou nacionalista.

20130916

Que, mercas a ría? Lembrando o nome da ría de Ribadeo

Non puiden menos que lembrar o nome da ría de Ribadeo hoxe, a conta da xente que di que que importa o nome, que hai que coidala máis, e logo, que se chame como se chame.
É certo que hai que coidala máis, pero iso é aparte do nome: pódese facer teña o nome que teña, e non é necesario cambialo para coidar máis a ría). E algo diso é a postura que se albisca niste artigo a conta da venda de nomes (que en Madrid xa ten comenzado en Vodafone-Sol)
...
Diríase que polo menos alí, en Barna en Madrí, teñen algo a cambio de deixar que o nome se deite cunha empresa (e coidado, deixar que se engada provisionalmente , non que se varíe de xeito definitivo). Parece que alí si viron que o nome ten un valor (máis aló do sentimental, ou se se quere, máis contante e sonante)
O carteliño da foto alude ó que falo: Cándo compraron a ría de Ribadeo? Claro que a intención ó poñer o gravado a man e con faltas coido que era outra.

20130915

Sen protesta non hai futuro: convocada unha concentración pola perda dun médico en Ribadeo

Poñía hai un par de días a frase como comentario nunha páxina de apoio nunha restrición de persoal. Hoxe úsoa como título, despois de ter xa falado do tema da perda dun médico no servizo público de Ribadeo e tendo unha idea na cabeza: a protesta non asegura o futuro (que depende do tipo de protesta, a súa influenza, ... e de factores externos) pero achéganos á súa posibilidade e á nosa propia consistencia e consciencia.
Deixo embaixo a nota da convocatoria dunha concentración de protesta para a mañá do mércores, ás 11 e media no Centro de Saúde de Ribadeo. Na nota hai razóns, o mesmo que na miña entrada do outro día, pero o que vai contar na túa decisión, sobre todo, vai ser o sentemento. Por iso, anímote a que revises os teus sentementos, se crees que debes facer algo ante este arrase permanente de dereitos, servizos, vontades, ... e se crees que unha protesta aquí está xustificada. Pénsao, e se o ves, actúa. Se non o ves, segue como se non pasara nada: para ti, o que pasa no importa.

-->
O SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA DE RIBADEO RETROCEDEU EN DOTACIÓN DE PERSOAL SANITARIO AO ANO 1985 A PESAR DO INCREMENTO DE POBOACIÓN.
A PLATAFORMA CONVIDA Á POBOACIÓN RIBADENSE A CONCENTRARSE O PRÓXIMO MÉRCORES CONTRA OS RECORTES DE PERSOAL NO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADEO.
A Mariña, 13 de setembro de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denuncia que os recortes orzamentarios no Servizo de Atención Primaria de Ribadeo en dotación de persoal sanitario fan retroceder ao ano 1985 o cadro de persoal despois de perder unha praza en enfermería, unha de Persoal de Servizos Xerais e agora unha praza médica. A Plataforma considerou inadmisíbel esta redución do persoal que contrasta co medre poboacional- mil habitantes mais que en 1985 - , cos incrementos de poboación estacional ou coa dispersión, polo que non admite a retórica da Xerencia de Xestión Integrada de Lugo que xustifica estes recortes como se foran melloras cando os recortes nunca son melloras.
A Plataforma chama á poboación ribadense a concentrarse o mércores 18 ás 11:30 nas inmediacións do Centro de Saúde.
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha concentración nas inmediacións do Centro de Atención Primaria de Ribadeo o próximo mércores 18 ás 11:30 como protesta pola eliminación dunha praza médica neste centro que xunto con outros recortes de persoal como unha praza de enfermaría e outra de Servizos Xerais devolven o cadro de persoal do centro ao ano 1985.
Dende a Plataforma consideran que a cidadanía ten que rebelarse e saír á rúa para defender os seus dereitos como usuarios e usuarias da sanidade pública e non permitir que a Xerencia de Xestión Integrada continúe co seu programa de recortes de persoal que degradan de forma constante a calidade asistencial.
O SERGAS cos seus recortes devolve o cadro de persoal do Centro de Saúde Ribadense ao ano 1985 cando a poboación censada medrou en mais de 1000 habitantes.
Segundo informan, o censo de poboación en Ribadeo medrou dende 1985 en mais de 1000 habitantes, pasando de 8.973 en 1985 a 10.061 segundo o último padrón publicado, boa parte dela reside en zonas dispersas, recebe poboación visitante non só en determinadas épocas do ano senón de xeito permanente; á vista das últimas medidas adoptadas ningún destes factores parecen ter relevancia para o SERGAS que aplica constantes recortes de persoal que levaron ao centro de asistencia primaria de Ribadeo a unha situación comparábel ao ano 1985 tras perder unha praza de enfermaría, unha de Persoal de Servizos Xerais e agora unha praza médica.

20130914

Botando algunhas contas sobre a perda do poder adquisitivo dos funcionarios galegos

No xornal de onte viña unha nova sobre a perda do poder adquisitivo dos funcionarios da Xunta. Polo título, parecería que un 4%. Na edición en papel aparecían diversos conceptos que aumentan abondo dita cifra. Collendo só ós máis doados de contabilizar, e descartando outros como o que representa a reducción de días 'Moscosos' (concedidos no seu momento a cambio de soldo), a reducción de pensións, a reducción de soldo en estado de enfermidade, a reducción de plantilla ou o alongamento da vida laboral, dende finais do 2008 teríamos:
-No que respecta ó ipc, dende o fin de 2007 a comezos deste ano (datos ine.es), a inflacción representou o 15,6%, xerando un gráfico como o que segue:
É dicir, a comezos do 2013 115,6€ tiñan o mesmo poder de compra, segundo cifras oficiais, que 100€ a finais do 2007
-En relación ás diminucións de emolumentos, son sempre aproximadas de xeito xenérico, representando dende o 2007, e cando o soldo non foi conxelado, unha diminución mínima sucesiva de 5%, 7% (supresión de paga extra) e 4%, representando en importe bruto que por cada 100€ de finais do 2007, só se recibiron 84,8€ a comezos do 2013.
É dicir, xuntando os dous factores, o pode de compra do soldo a comezos do 2013 é o 73,4% do que se tiña a finais do 2007, unha perda do 26,6%. Repito, factores extra de reducción a parte, que levan a cousa a máis dun 30% de perda.

20130913

A ría de Ribadeo da Ponte dos Santos, en marea baixa

Hai unha semana voltou ser marea viva. Dende as primeiras columnas da ponte podíase obter estas vistas:
 A base das columnas abrangue abondo aló do que parece. A altura de base que sobresae da auga, cousa de algo máis de 1,5 m
 Bo momento para que a draga rinda. O malo, como puiden observar despois, é que a seguen a descargar demasiado preto da punta da Cruz, calculo que a menos de 1 km e na vertical metida cara a bocana, co que o arrastre de novo cara ó interior coido é abondo probable.
 O San Miguel da unha referenza para o estado da marea.
 Aquí, parece unha continuidade entre a base da columna e o saínte do restaurante.
 Vese o cambio no estado da base a diferentes profundidades.
 Unha perspectiva diferente das Figueiras.
 O cargadoiro, dende a base das primeiras columnas.
O paso entre a base da columna e 'terra firme', algo esvaradizo.

20130912

A residencia de maiores, pasiño a pasiño

Comentaba hai tres días a (pen)última postura da Consellería fronte á petición dunha residencia de anciáns para Ribadeo. Hoxe xa está na web do concello a pre-resposta á última polo momento.
Adiantaba daquela que era previsible unha resposta roma da Consellería e que fora cal fora, a comisión tería feito un traballo que tería que continuar. E nesas estamos. A 'nova' proposta é fundamentalmente igual que a anterior sabida luns, presentada doutro xeito, e coido que non é difícil ver que a necesidade pasa por outro camiño de compromiso, aínda que non sexa pouco o conseguido ata o momento, dende o terreo a boa parte do financiamento. Máis aló de quen poda ver manobras políticas no que polo momento é unha acción de Ribadeo en conxunto, resulta doado aliñarse completamente coa postura que representa agora mesmo o alcalde como cabeza visible.
Digo o de 'máis aló' consciente de que nun tema calquera sempre pode haber posturas encontradas, que aquí polo momento foron adaptándose en aras dun ben común aínda que non sexa o ideal de todos e cada un.
O caso é que tras un ano de traballo, o avance é substancial, pero pode irse ó carallo en calquera momento para ter que comezar de novo sobre uns plantexamentos diferentes. E coido que é iso o que ten que quedar claro ós responsables políticos: que a cousa, de calquera xeito, cunha ou outra orientación, continuará ata que se consiga un mínimo aceptable. E que polo tanto, o movemento pro-residencia fará de memoria provisional de Ribadeo na que constarán os pasos dados e tamén as actuacións de cada parte, dos responsables e dos irresponsables.

20130911

Unha curiosidade en Santa Cruz

Coido que todo o mundo sabe que a Casa da Ría de Ribadeo ten pouco uso. Iso da lugar a algunha situación curiosa, como a que representa o vídeo a continuación: O niño de avésperas está entre fiestra e contra, cunha actividade relativamente alta, na parte da Casa da ría que da cara ó pobo. É curioso que as avespas só entren por unha zona por enriba, e non por outros lugares con máis facilidades.

20130910

A Torre dos Moreno, dende outro punto de vista

A Torre dos Moreno, edificio emblemático de Ribadeo, ten múltiples faces, moitas delas descoñecidas pola maioría de nós. Esta entrada é só unha pequena aportación máis á súa actualidade, contrastando partes xa tratadas con outras totalmente danadas, aínda en penoso estado.





Hoxe é mañá: Sobre a residencia de maiores

Corto e pego o publicado na web do concello, espedcificando que o 'mañá' do que fala xa é o 'hoxe' no que publico:
"Residencia de maiores
09/09/2013
Mañá será cando se coñeza a proposta económica final da Consellería de Benestar para a construción dunha residencia de maiores en Ribadeo. As cifras ofrecidas esta tarde en Santiago "quedan moi lonxe do que cabería esperar e serían inferiores ás que está disposto a poñer o Concello", segundo o alcalde, Fernando Suárez Barcia. O Concello xa redactou o proxecto e entregoullo á Xunta.
O rexedor explicou que "despois de manter esta terceira xuntanza da comisión pro residencia da terceira idade en Ribadeo coa conselleira de Benestar e despois de terlle indicado que a posibilidade que nos ofertou no seu momento de concertar prazas non é algo que vexamos axeitado, porque en Ribadeo pensamos que as prazas teñen que ser preferentemente para a xente de Ribadeo e coa opción de concerto non sería posible garantir isto". Suárez Barcia dixo que "o que necesitamos primeiramente é ter o edificio e para ter o edificio hai que ter o diñeiro enriba da mesa. Temos parte dos cartos comprometidos da Deputación Provincial de Lugo e desde o Concello estamos dispostos a poñer outra parte a través do endebedamento público, pero falta unha parte importante que é a que debe poñer a Xunta de Galicia".
O alcalde de Ribadeo indicou que "as cifras que nos daban no día de hoxe quedan moi lonxe do que cabería esperar e serían inferiores ás que está disposto a poñer o Concello, polo tanto non o veríamos viable. A conselleira pediunos tempo ata mañá para mandarnos a última proposta de financiamento plurianual para os anos 2014 e 2015 e esperemos a mañá para coñecer e estudar a proposta económica final que a Consellería de Traballo e Benestar estaría disposta a aportar para que a residencia de Ribadeo puidese unha realidade. Pero sempre, desde logo, entendendo que en quen residen as competencias realmente, que é a Xunta, deberá poñer unha cantidade certamente importante e non ser soamente un fleco da cantidade que poida poñer o Concello de Ribadeo". Fernando Suárez pide prudencia "e unha vez que mañá saibamos a cifra final poderemos facer unha valoración máis global do futuro da residencia en Ribadeo".
O rexedor engadiu que "para que se vexa a determinación que temos toda a Corporación Municipal en crear unha nova residencia en Ribadeo foi que o compromiso de redacción do proxecto témolo feito, os técnicos municipais redactaron dito proxecto que no día de hoxe xa se enviou á Xunta para a súa autorización previa". Suárez Barcia subliñou que "a Xunta debe autorizar unha residencia independentemente de si pon diñeiro ou non para a súa construción, pero obrigatoriamente teno que autorizar. O proxecto enviado hoxe ascende a 2.300.000 euros, edificio e equipamento. E sobre esa cifra é sobre a que estamos a traballar para  ver cómo se financia. Evidentemente deben ser tres partes: Deputación, Concello e Xunta. E Deputación e Xunta teñen que ser as que asuman a maior cantidade porque sería paradóxico que fose o Concello o que acabase sufragando unha maior parte, porque a Xunta é a que ten as competencias en materia de residencias e servizos sociais"."
Que significa isto? Que a falla dunha sorpresa hoxe, o que falta é o compromiso de quen pode para que Ribadeo teña unha residencia de anciáns que lle fai falta.
En principio, podería pensarse que de non mover peza a consellería aquí remata a historia do impulso dunha residencia, pero asumilo así significaría o mesmo ou peor que non ter comezado as movilizacións para conseguila. Movilizacións que non consistiron só nunha manifestación, senón na concienciación popular do dereito e a posibilidade de ter un novo espazo para os nosos anciáns.
Por outra banda, o conseguir a residencia non pasa por un só modelo, aínda que se viu dende o comezo como máis axeitado na situación actual, o que case pon contra a parede ó movemento da plataforma cidadá, sendo ardua a procura doutras alternativas, a recapitulación de todo o movemento, etc. Mentras, a política segue o seu propio movemento, ó que se ve, cada vez máis independente do cidadán, neste caso, tentando un retraso dun ano nunha decisión e tentando asemade desgastar un movemento para facer menos dano á hora do reconto electoral.
Ben, a bo seguro a cousa pódese contar doutro xeito: hai especialistas en facelo, á vista de como se presentan algunhas cousas, pero a realidade contrastada pasa ata hoxe alomenos pola negativa da Xunta a aportar unha parte substancial e necesaria dos cartos para a residencia.

20130909

Rendindo tributo dende Ribadeo ó software libre

O software libre como idea (antes xa se practicaba) naceu hai 30 anos como gnu e está de celebración. Isto é só unha lembranza dende o blog do que lle debemos. Deixo o logo da celebración, a ligazón a unha das páxinas principais do movemento e un lugar con varios vídeos e explicacións sobre o tema:
[ Celebrate 30 years of GNU! ]

Despedindo as festas da Patroa de Ribadeo 2013

As festas despídense pouco a pouco, porque sábese que se van. Ás veces, máis rápido, ás veces, máis longo, perso sempre con dúas ideas: que se sabe cando rematan para un e que se espera que volten o próximo ano.
Á saída de Ribadeo cara á Vila Vella hai un cartel de benvida, que ó revés, pode dar a despedida cando comezou a escurecer:
 Aínda que co mezo da despedida son case sempre os fogos do sete. As fotos non son moi boas, pero tomadas dende un coche en marcha na autovía, algunha forma figuras curiosas:




A noite xa pasou e viu o novo día: xa non é festa.

20130908

+ tapas pintadas

Hoxe pintáronse máis tapas da zona da rúa peonil. Aí van as que vin, acompañando ás do ano pasado (aquí e aquí):






20130907

Vendo xirar o Sol

Hai xa tempo, en Castilla, ó ver os campos de xirasois, ocorreuseme que era unha imaxe que non vería nunca en Galicia. Mira ti por onde, agora hai un en Ove, na estrada de Vilela, fronte á saída da fonte do Valín. Fíxome en que estes non xiran moito, coa súa orientación entre leste e sur, pero non deixan de ser unha curiosidade estas grandes flores nese terreo. Por agora. Co cambio climático, quen sabe ...


20130906

De tempos e ratios: un médico para Ribadeo

Hai preto dun ano comezou a rumorearse. Ninguén fixo caso. A cousa foi en aumento, a Plataforma Sanitaria da Mariña advertiu ... chega este setembro e parece que chegou o momento de estoupar como nova: Ribadeo, se non o remediamos, quedará sen un médico dos que tiña.
No medio, no que parece unha estratexia ben deseñada e coido que é só un xeito de ir tentando poñer parches ante unha realidade imposta dende fóra do Centro de Saúde: a xente foise derivando a outros médicos, as cartillas comezaron a cambiar de titular pouco a pouco, e por último, de xeito definitivo, vaciando de 'contido de pacientes' a cartilla do médico non substituído.
Por parte da resposta pública, a Plataforma sanitaria da Mariña clama de novo no deserto: a sociedade ou ben non se entera ou ben pasa, ou ben tilda de alarmista a quen advirte, retrucando máis ou menos que 'hai que esperar a ver o que pasa', ou ben se resigna porque 'os tempos son malos' (e hai que salvar a banca con preferenza, pero iso dise menos).
O poder político, que se saiba, reacciona en plena volta despois das vacacións e cun retraso considerable. Polo momento, cunhas declaracións e co anuncio de que será tratada unha moción no próximo pleno (eso que existe, é público e non se publicita para que se entere a cidadanía a menos que se queran aplausos, e menos se lle permite unha participación efectiva), quedando no aire a pregunta de se a moción será secundada unánimemente ou se será un motivo máis de trifulca política (aínda que poda haber voto unánime!)
Mentras, o servizo de saúde deteriórase pouco a pouco, obviando Ribadeo, en Burela, ou Lugo, ou ...
E a xustificación pretende cáseque así haberá mellor servizo, que se fai para ben dos cidadáns, como non! Na realidade, esta volta, a xustificación atópase en que Ribadeo está moi por baixo do límite da ratio de 1500 cartillas ou habitantes por facultativo (os xornais recollen unha ou outra opción). Na anterior supresión na Mariña, creo lembrar que se falaba (que a Consellería falaba) cun argumento semellante, pero cun número diferente: 1200. Ó final é o mesmo, porque a ratio establécea a Consellería e ó que se ve, de xeito arbitrario, co que sempre poderá usar iste argumento de igual xeito, aínda que non signifique nada. Por certo, e voltando ó tema dos números e Ribadeo, os 10000 habitantes de Ribadeo entre 1500 significan 6 + un resto, é dicir, sete médicos. Se o criterio é de 1200, entón temos 8 + un resto, o que fai unha diferenza de dous médicos.
O tempo, 'en diferido', como nos teñen afeitos dende o goberno. A ratio, axustable ás necesidades de xustificación. A resposta, ... que resposta?

20130905

Pxoms: Burela 2050

Mentres Ribadeo ten na páxina web o seu pxom en exposición, xorde a nova da aprob ación en pleno de Burela do seu PXOM (que deberá seguir trámite). Os periodistas elixiron como cousa relevante unha cifra: a poboación que quen realizou o plan espera ter no concello no 2050: 18004 persoas. E iso collo.
Resulta que o PXOM serve para tentar ordear a poboación, pero tamén para facer unha proxección de ingresos por construción, por exemplo.
E se collemos a poboación 2012 de Burela, 9631 persoas, e facemos contas? Pois entón sáenos que o que esperan os cabezas pensantes que medre Burela no período é o 86,9%, ou, posto en cantidade anualizada, o 1,69% anual. Unha cifra que, solta, non di moito. É necesario poñela en perspectiva.
Para a perspectiva, collamos por exemplo a cifra de poboación do 95 e comparémola coa do 2012: 7834 persoas fronte ás 9631 anteditas. Da unha suba no período de 22,9%, anualizada, de 1,22%.
Agora ben, entre 1995 e 2012 a poboación de España subiu menos relativamente, en pleno boom económico. Agora a poboación está en retroceso, e mesmo a esperanza de vida o está. Non obstante, Burela prevé medrar anualmente un 35,8% máis ca na época anterior. Máis de cen vivendas anuais, cando hai stock.
Resultado: Plan para que Burela teña con que medrar? Descoñecido. Crecemento? Moi optimista.
Para finalizar, lembrar que ó ser un plan a tantos anos vista, debe ter abonda manga ancha ...
Mentras, lembro de novo que que o PXOM de Ribadeo segue exposto e mesmo a Xunta retira un médico para 'adecuar servizos' a pesares de que a poboación segue a medrar na última estatística realizada. A Consellería non debe contemplar o PXOM de Ribadeo.

20130904

Os 31 da fama

Esto si que é cachondeo e non o da miña entrada de onte sobre a creación de chourizos! 31 parados menos nun mes dan para querer ocultar as novas de Bárcenas-PP e compañía, o préstamo sen interese, sen pasar por Facenda e con escasa devolución Rei-Infanta, a diminución de emprego, a contribución da emigración á España pretendidamente ben, grazas, os espolios legais, a fame ... Claro que se acompañan con cousas como a explotación da visualización gráfica ou a sinxela calada sobre o que non interesa, por non sinalar tamén as manobras sobre unha Siria que o imperio quixera invadir sabendo que a invasión non vai solucionar nada.
Segundo Galeano, Voltaire ten escrito que 'a boa política coñece este segredo: cómo facer morrer de fame ós que permiten vivir ós demáis'. Hoxe a adaptación sería 'a boa política coñece este segredo: cómo como escorrentar ós que permiten vivir ós demáis'. Escorrentalos para que marchen, para que deixen de contar no paro, para que paren de protestar, para que só sexan invisibles contribuíntes a ben visibles dependentes deles (aínda que pareza algo raro aplicar aquí a verba 'dependente').
Non sei como poden triunfar programas como os reality show con esta realidade que unha e outra vez supera ó imaxinado na ficción.

20130903

Como facer chourizos e curalos (liñas xerais)

Cóllese o magro do porco ou substancia adornada por moitos cartos, e pícase. O do picado é para evitar transparencia e que non se saiba ben de onde ven a substancia, podendo así misturar con facilidade a partir de diferentes lugares do porco. É algo fundamental para que pase por chourizo e non por, poñamos por caso, lombo, doado de localizar e rastrear ata o mismísimo porco vivo. Non se tritura, que se non pérdese a textura e teremos outro embutido de menor cualidade, igual que os cartos triturados resultan pura calderilla. O picadillo hai que aliñalo, cunha especia por eiquí e outra por aló, do mesmo xeito que hai amiguetes que non fan moito pero que son necesarios para unha boa, e chámaselles para que esteñan en todas. O picadillo aliñado resulta en zorza, a auténtica substancia do chourizo, no que xa non se distingue de onde ven, quen participa ou o método de extracción, e ten xa cor e sabor propios debido ás especias. De calquera xeito, e aínda sendo a zorza saborosa unha volta fritida, aínda non é chourizo, que é algo que ten máis elaboración. A zorza debe embutirse: pasa por algún tipo de embudo, e mesmo apretado a man, remata na tripa, do mesmo xeito que os partidos políticos meten a quen lles chega, e se poden obter rendementos, tentan por todos os medios unha adaptación formal para que quede todo no mesmo interior. Dentro da tripa aínda non é chourizo: falta o atar cada anaco por separado, facendo compartimentos estancos que permiten saborear de xeito independente un e outro, agora si, chourizo. Esa independencia parece que libera cada parte do resto, que o illa, aínda que non se podan escapar da mesma tripa contedora e protectora por moito que máis tarde se corte cada chourizo de xeito individual. Ben, aínda separados, os chourizos están ternos. Si, xa se poden comer, pero nese caso, aínda necesitan ser cociñados. Para comelos sós, fai falta curalos. Entendámos, non curalos de espando, que diso xa o están despois de coller substancia, picala, aderezala, embutila ... Non, trátase de curalos con tempo e fume. O do fume é moi convinte: isa cortina de novo varía o sabor e produce un sentido de indefinición que xa convirte o resultado noutro produto do que case nin se sospeita a súa procedencia, substancia ou relacións. Entón xa está listo para ser consumido e aprezado. Tanto, que se comes chourizo, quédate un bo sabor de boca e pides por máis: a quen non lle gusta o chourizo? Receita creative commons realizada con coñecementos de dominio público; podes mellorala e ata tentar facer cartos con ela de xeito comercial (nese caso, lémbrate do autor primeiro...)