20140216

Artigo de E. Lombardero sobre o cancro de mama: unha mirada desinteresada

A MAMOGRAFIA COMO METODO DE CRIBADO PARA O CANCRO DE MAMA British Medical Journal é unha revista médica das mais prestixiosas e leídas por todolos médicos do mundo. No último número (11.Feb.14) ven de publicar un traballo realizado en Canadá ao longo de 25 anos que cuestiona a eficacia do cribado con mamografía para o diagnóstico precoz do Cancro de Mama. Nos próximos días o tema vai estar nos titulares de toda a prensa e a polémica está servida. Dsgraciadamente, engadimos, porque estes temas deberan tratarse con acougo, argumentos sólidos e bibliografía contrastada, preferentemente independente de intereses particulares, cousa que non é doada de atopar nos tempos que corren e fora dos circuitos demagoxicos nin a favor nin en contra. O editor de Br Med Jour e o consello de redacción saben perfectamente o impacto do tema que agora publicitan. Centos de millóns de mulleres do mundo desenvolvido están recibindo mamografias co gallo da prevención precoz do Cancro de Mama. A cousa sería moi distinta se afectara a centos de millóns de mulleres do terceiro mundo. Daquela tería un pequeño oco en páxinas interiores. O debate nos medios científicos non é precisamente da semana pasada. A fundación COCHRANE (www.cochrane.dk) xa ven publicando informes, polo menos dende 2004, con serias dúbidas sobre o binomio vantaxes/inconvintes do cribado masivo con mamografía periódica. A última edición é de 2012 e nela manifestase abertamente contraria a esta práctica. Mesmo no 2013 vense de publicar o libro “Sano y Salvo (y libre de intervenciones médicas innecesarias”) (Los libros del Lince, Barcelona 2013;pax 255-268). Os autores son a parella de médicos Juan Gérvas e Mercedes Pérez que aportan abondosa información sobre este asunto. Basicamente o que se está a prantexar é que todalas actuacións médicas, mesmo as denominadas “preventivas” poden ter algúns efectos saudabeis e outros prexudiciais, malia as boas intencións e a literatura que as xustifica; que os programas que postulan estas actividades deben ser sometidos a unha avaliación periódica e rigorosa e que as persoas que van recibir estas intervencións deben ser informadas polo miudo dos pros e contras de todalas actividades e do conxunto do programa dende o comezo. Resulta obvio que o paso do tempo e a análise das experiencias engade coñecementos que non existían previamente e o caso dos cribados para a detección precoz de Cancro de Mama non se libra desta circunstancia. De feito o informe Cochrane de 2004 é mais “neutral” e o de 2012 xa se manifesta abertamente en contra destes programas. Non nos imos extender en aportar “probas” nun senso ou noutro, pero hai cousas que están fora de toda discusión. Por exemplo os efectos acumulativos das radiacións emitidas na mamografía deben ser avaliados e as mulleres deben ser informadas dos efectos prexudiciais e non pasar do tema como soen facer os programas “preventivos”. Mesmo a incidencia global da mortalidade e mais importante que a incidencia específica por unha causa concreta, neste caso o Cancro de Mama. ¿De que vale reducir a mortalidade por Cancro de Mama nunha edade determinada se non se reduce a mortalidade global? Ou dito doutro xeito: se eu teño unha probabilidade X de falecer nos próximos 10 anos ¿importa moito cal sexa a causa concreta?. Despois están os danos “colaterais”. ¿Cantas mulleres van recibir unha amputación dunha mama que non era necesaria, por exemplo por un erro diagnóstico ou por ter un tumor pouco agresivo que podería reverter espontáneamente? ¿Cantas biopsias, puncions, análises, consultas, gastos etc. se van facer sen ser necesarios?. ¿Cantas mulleres e as suas familias van percorrer o longo camiño dunha enfermedade inexistente?. En resumen despois de coarenta anos dos primeiros programas de cribado do Cancro de Mama por mamografía persisten serias dúbidas de que o balance entre beneficios e prexuicios sexa claramente favorable aos primeiros. As autoridades sanitarias e as sociedades científicas, que dispoñen dos medios e xestionan a información epidemiolóxica están obligadas a facilitar informes e avaliacions periódicas e informar ás usuarias das eventuais vantaxes e inconvintes destas actividades. En última instancia debe ser unha decisión persoal de cada muller, debidamente informada, se elixe someterse ao cribado periódico con mamografía ou prefire non prescindir dos eventuais riscos destas prácticas “preventivas”. Evaristo Lombardero Rico

Ningún comentario: