20140629

Non se pode ser os mellores en todo...

Antonte mesmo un par de novas facían brotar outro par de notas do concello: a hostalería ribadense estaría nunha web clasificada como o segundo destino de calidade a pé de praia en España, e ademais, o incremento de reservas hostaleiras implicaría que este ano farase o agosto. Prácticamente ó tempo, dúas novas recibían moita menor repercusión: unha delas, a aparición de peixes mortos, que me atopo no facebook cargados por un coñecido que vive ó pé do río Grande. A outra, o alonxamento de atención e servizos de Viaqua a outros lugares, que se está comezando a comentar e que se nota como outro movemento de saída de Ribadeo dun servizo, a pesares de que debe estar protexido por contrato (Por certo, non era Viaqua/Aquagest a involucrada no pago de viaxes a Barcelona para ver o fútbol polas datas de adxudicación das obras da travesía?).
E é que non se pode ser os mellores en todo, dirase. E, se non se pode ser os mellores en todo, ó mellor hai que elixir... Non creo que se teña que elixir entre as opcións destacadas, pero si que hai que actuar nelas.

20140627

Apaga segue!

Hai tempo que sei de APAGA. Álvaro Doural e o seu equipo levan xa tempo loitando por mellorar o ensino, en particular a formación dos técnicos de automoción. Cónstame ademáis que moitas veces con abondo esforzo. As súas actividades inclúen xornadas, pero tamén foros, mostras, cursos, proxectos en conxunto con outras institucións ou asociacións no resto de de España ou Europa... O seu último movemento polo momento sae hoxe na prensa: unha base de datos para poñer en contacto ofertas e demandas de emprego no sector da automoción. É unha asociación que poidera parecer que nin nos vai nin nos ven, pero que periódicamente atrae a Ribadeo un carrado de xente, a máis de aumentar a nosa cultura sobre a automoción, e incidir en que o funcionamento dos talleres e a atención que recibimos cando imos reparar un coche sexa mellor.
Ou sexa, unha desas típicas cousas que non consideramos, pero que levan traballo e que notamos aínda que non lles deamos importancia. Por certo, a próxima actividade será a "II MOSTRA DE COCHES CLÁSICOS", o 29, 30 e 31 de agosto de 2014. En Ribadeo, claro. No Cabazo.

20140626

Deixando constancia

Despois do acto inicial, as obras da residencia xa comezaron. Polo momento, facendo sitio. Fotos de hoxe mesmo.


Que sabemos do concello?

A cousa é que é no concello onde se toman decisións de xestión inmediata que nos afectan. Dende hai tempo veño pedindo unha apertura para ter a posibilidade de coñecer non só as decisións a auga pasada, senón a tempo, e os datos que as poden fundamentar, etc. Tempo significa xa cousa de dúas décadas. Nese tempo, desenvolveuse unha web, pódese dicir. Unha web unidirecional e escasa. As comunicacións co concello seguen a ser lentas. Mesmo, boa parte da xente non sabe ben nin que horario teñen as oficinas. Isto indícanos que a xente, nós, temos unha parte importante de culpa. Parece evidente que se reclamáramos, quixéramos saber, pediramos os nosos dereitos, nos involucráramos na xestión de nós mesmos, a cousa sería diferente, con ou sen web.
Imos ver. Antonte celebrouse o acto de inicio de obras da residencia. Houbo unha manifestación dunha mil persoas no seu momento, un apoio de dúas mil sinaturas, unha presión social importante, as novas incluían o número de prazas... e chegamos a hoxe, obras xa comezadas, fotos xa tomadas, comentarios xa feitos, ... canta xente viu os planos?
Pódese dicir que non é necesario. Vale. Que se vai facer co edificio que vai quedar en pé das antigas casas dos profesores? Tampouco é necesario. Vale. Cantas prazas vai ter? Iso é mais doado, saíu moito nos xornais. Abondo probable que case todo o mundo poda responder que menos de cen. Afinemos logo un pouco máis. Máis ou menos das que ten o actual hospital-asilo? Iso xa é para nota, claro, e tampouco é necesario. Ben, que vai facer falta para entrar? Iso dependerá dunha regulamentación futura, claro. Vale, pero chegado aquí, cabe preguntar: e cando te vas preocupar dela, cando xa non sexa necesario? E da súa aplicación, cando queiras entrar e andes na procura dalguén que mova o tema?
Mentres, o regulamento de participación cidadá segue sen marchar despois de que a AVV O Tesón alegara debido a que máis que un regulamento de participación cidadá parecía un regulamento de relegación cidadá ós intereses empresariais.
Seguirá, que a cousa non remata aquí.

20140624

Foi o acto de comezo de obras para a residencia de Ribadeo: audio e fotos

Foi o acto de comezo de obras para a residencia de Ribadeo. O audio, 22 minutos.

As fotos, testemuñas dun acto para a posterioridade no que se enterrou unha caixa con xornais actuais e recortes da historia da loita para conseguir a residencia: o cartel cos planos de construción, a baixada da caixa ó furado, un edificio que será derrubado, a primeira terra sobre a caixa, botada man a man entre José Mª Rodríguez Díaz e o alcalde, e a preparación do acto co fondo a única casa que quedará en pé no triángulo.
Atención: os alzados están mal nomeados na cartelería, e polo tanto, entendo que nos planos. O alzado oeste, por exemplo, é NO, algo máis 'norte' que 'oeste'.




Un par de cousas máis:
Declaracións en nome de O Tesón para o xornal El Progreso/a mariña: "Estamos no medio dun proceso, non é un traballo rematado. E hai que atender á fase na que estamos: agora hai que procurar que a residencia se faga ben. En relación a sitio, tamaño, etc, é unha fase xa pasada. Cremos que non é a residencia ideal, pero é a que se conseguiu, e asinaríamos para que noutros temas se seguira o mesmo camiño que se seguiu neste caso para conseguila. A unión veciñal de Ribadeo que conseguimos a traverso da plataforma pro-residencia que agrupou as asociacións veciñais, e dos representantes institucionais, misturados coa plataforma nunha comisión, fixo posible algo que se se entrevía como moi longo e difícil. Dende O Tesón agradecemos todos os apoios e a boa resposta dende que decidimos poñernos en marcha, e resaltamos a labor de quen foi elixido presidente da plataforma, José Mª Rodríguez, figura fundamental no feito ata o momento."
Os terreos que ocupará:
A maior das tres construcións, o edificio de pisos, o máis ó norleste, esquina superior; o que quedará en pé, adosados, esquina inferior, suroeste.

Audios de Ribadeo a Debate (I e II)

Comezo a colgar os audios das charlas 'Ribadeo a Debate'. Por unha razón ou outra, a calidade deixa que desexar e os minutos recollidos son moitos menos dos esperados. Deixo aquí os dous primeiros, correspondentes ós primeiros minutos da charla de Xosé Carlos Rodríguez Rañón (Ribadeo visto dende fóra por un de dentro, 17 min) e á charla de Chemi Lombardero Rico (Ribadeo, un porto, un hinterland, dúas comunidades, 1h e 23 min).


Non poño foto: sería propaganda

Hai poucas datas, comentei que apareceran uns escritos alusivos e ameazantes ó PP (cun tiro na nuca) e á igrexa (a igrexa que mellor aluma é a que arde) en muros de Ribadeo (unha valla e a parede dunha igrexa, ambas céntricas) A raíz diso, estableceuse unha polémica porque o concello non as retiraba (as cubría), defendendo primeiro o alcalde que non, que tiñan que retiralas os propietarios dos muros e que en caso de facelo o concello, crearíase un precedente, e logo, variando a súa idea e cubríndoas.
Ben, pois xa pode continuar. Nunha rúa peonil totalmente comercial e céntrica, na única finca sen construír, recentemente pintada para borrar unha das pintadas comentadas, aparece de novo un letreiro: matar fachas non é xenocidio. O certo é que nestes momentos xa non me lembro se o pon en galego ou en castelán (os dous citados antes eran en castelán), detalle sen importancia no fondo, pero que podería dar algunha pista sobre a orixe da pintada.
O caso é que a pintada foi da fin de semana, e a brigada municipal xa pode actuar. Coido que terá traballo. E, posto o primeiro traballo en marcha, xa haberá que preguntarse ata onde abranguerá a acción municipal: seguro que hai moita xente interesada en que lle limpen pintadas nas súas propiedades.
Sei que non é algo de solución inmediata, e que unha pintada ameazante non debera existir. Que é algo denunciable (espero que se teña denunciado nos dous casos), pero non doado de procurar o autor. Pero agora, unha volta establecido o xogo, trátase diso, de xogar ó rato e o gato, co que considero que foi peor o remedio que a enfermidade: máis pintadas mentras non haxa captura, que debera producirse pero que non está asegurada.
Outras solucións? A parte de coller a quen as fixo e facerllo pagar (literalmente, a restauración tanto como como o resultado xudicial das ameazas), no caso do escrito na igrexa, ténseme pasado aumentarlle coa mesma letra 'na fe': 'a igrexa que mellor ilumina é a que arde na fe', pero non coido que o resultado fora o adecuado...

20140622

Algo que avisara sobre a residencia

Venres adiantei con fotos que o terreo no que se asentará a residencia estaba a cambiar. Hoxe xa está en tódolos xornais  que hai día para unha cerimonia de comezo de obra: martes 24 de xuño ás oito da tarde. Corto e pego o aviso do concello no seu blog:
O vindeiro martes, 24 de xuño, ás oito da tarde terá lugar o acto de inicio das obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo. A veciñanza está convidada a asistir.
O alcalde, Fernando Suárez, convida á veciñanza a asistir a este día tan importante para Ribadeo. Ao acto, previsto para as 20 horas, asistirán o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; a concelleira de Saúde e Benestar, Mª Teresa González Piñeiroa; o rexedor, Fernando Suárez; así coma o resto da Corporación Municipal de Ribadeo. Tamén acudirán a esta cita os representantes da plataforma veciñal pro residencia de maiores.
Suárez Barcia subliña que "é un día grande para Ribadeo e para as súas xentes, porque despois de moitos meses de loita e de traballo, o martes veremos como da comezo a construción da nosa residencia de maiores, unha instalación da que estamos moi necesitados". E engade que "quero convidar a que asistan a este acto a todos os veciños e veciñas de Ribadeo, a todos eses que nos apoiaron cando nos mobilizamos e a todos eses que levan anos agardando por ver feito realidade este soño colectivo".

20140620

Ídeo mirando, que xa está cambiando

O aspecto da zona onde se ubicará a residencia de Ribadeo xa comezou a cambiar. Onte comezaron a podar as árbores da entrada das antigas casas de profesores, co que a próxima semana é previsible que comecen as obras efectivas de derrubamento dos edificios actuais. Xa existe unha sinalización primeira con estacas sobre o terreo.
O primeiro, a zona da residencia futura, no triángulo entre a r/Paco Lanza, a r/Alfredo Deaño e o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Na primeira foto, unha árbore ó frente das casas, na r/Paco lanza, xa totalmente pelada, e outra, á beira, cunha escada e ramas ó seu pé.
 Un aspecto do edificio de pisos das antigas casas de profesores, onte. As casas do fondo, na r/Paco Lanza.
 As casas adosadas e no medio, o montículo que quedou cando se fixo a presnetación do proxecto, momento no que despexaron un pouco o terreo.
 De novo o edificio de pisos. Neste caso, aprézase a decoración exnovo e post-habitación.
 A beira do edificio.
Podemos sentir nostalxia polas árbores: teñen cousa de medio século e unha porte abondante...

20140619

Día bonito con anticipo

De novo na tempada actual, clarexou un día bonito. Estamos tendo en Ribadeo un xuño ente neboado e radiante. E en toda Galicia, a tempada de praia comezou xa hai tempo.
O sorriso co albiscar tempo despexado continúa nas novas: A Xunta 'autoriza a adiantar' a contratación de socorristas. Ben, se se le o corpo da nova resulta algo diferente e (quizáis) un pouco máis lóxico. Recapitulando:
-O prazo de petición de axudas ós concellos para socorristas remata a fin de mes
-A Xunta resolveu onte as peticións presentadas
Eses dous puntos son os básicos, e sobre os que caben preguntas como o por que ata fin de mes cando aí están os datos meteorolóxicos que teño posto ou sinxelamente a astronomía indicando que o Sol está máis alto do ceo o 21 de xuño (se ben é certo que as temperaturas de fin de xuño son equivalentes ás de comezos de setembro). Ou por que, se se pode resolver a axuda antes do fin de prazo, non se teñen resolto antes coa temperie que estamos a ter este ano.
Hai máis:
-Quedan fóra do adianto Viveiro e Ribadeo
Parece lóxico que Viveiro quede fóra (non solicitou axuda, ó que parece), e algo menos que quede Ribadeo, ó que se acusa de non ter xustificado o pasado ano. Viveiro tampouco o ten, e parece que sexa casualidade que os dous sexan bastións de partidos na oposición no Hórreo, e que xa saibamos de que van os enfrontamentos políticos derivados en negativas administrativas (en Ribadeo temos nestes momentos o tema do retraso dos cartos comprometidos oralmente pola xunta para a Residencia de maiores porque, segundo a Xunta, o Concello non envía/reenvía/rereenvía papeis, datos, precisións ou o que sexa, que para algo a Xunta é a que pide).
Ben, o caso é que se se comunica isto ós concellos hoxe, 19 de xuño, e os concellos teñen que facer a selección e demáis (non poden facela sen saber cantos socorristas van poder ter), parece que a cousa chegará como pronto, xustiña para xullo. Alguén sabe por que non resolver antes? Chegará Ribadeo a ter vixiantes antes de xullo ou/e teremos o xa típico enfrontamento interadministrativo?
Por certo, isto vai ir con etiqueta de 'política', pois, aínda que sexa unha mala política, diso se trata. Segundo o dicionario da Real Academia Galega: "Teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade"; "Conxunto de asuntos públicos dun estado"; "Maneira de dirixir unha comunidade, de levar os asuntos públicos"

20140618

Comeza a tempada de incendios

Onte houbo un incendio en Noceda. Por esta parece que a cousa foi ben. Ademáis de actuar rápido e con medios (ás brigadas uníronse dous hidroavións que repostaron de auga na ría), a terra non sufriu coa mesma intensidade que o resto de Galicia o sol desta pasada semana. En xeral, as néboas da zona de Ribadeo manteñen máis húmido o monte que na maioría de Galicia e iso fai que o nivel de incendios sexa menor.
De calquera xeito, a estas horas non se sabe que puido causar o incendio de onte, e como noutras moitas problemáticas, quizais o tema dos incendios pase pola prevención: literalmente, todos os incendios son provocados por algo, pero ten sentido que o termo 'provocados' sexa aplicado só ós que son de orixe intencionada. Polas estatísticas, son maioría, e as causas da intencionalidade van dende o lucro económico á vinganza, pasando por moitas outras situacións. En case todas elas, non se considera o monte como algo vivo, senón como unha mera 'cousa'. E en ningunha se mira o impacto que pode causar no medio ambiente. De calquera xeito, parte das causas que inducen á xente á queima do monte poden ser evitadas mediante a lexislación, e estáse a facer, aplicar e facer efecto. As toleiradas que lle poden dar a algún desequilibrado mental xa son máis aleatrias...

20140617

Ven en tren ás catedrais!

O alcalde de Ribadeo desempolvou unha cuestión que leva tempo, moito tempo, con teas de araña: a variación lixeira da liña de FeVe para viaxeiros.
Que eu saiba, a última variación rematada na liña Ferrol-Xixón foi de abondo máis calado, a que se fixo para a planta de Alúmina-Aluminio. É dicir, aproveitamento industrial. E diso xa fai anos. Tamén o é a próxima está previsto que sexa para aproveitamento industrial: a desviación para ENCe en Navia.
A cousa é que a liña de FeVe ten, como lembrou na súa charla hai pouco Victor Moro, unha orixe 'estratéxica', para defensa da zona ante unha posible invasión, facilitando o movemento de tropas. Iso fixo que os pobos puideran quedar apartados das estacións, mermando a súa consideración para o transporte de viaxeiros unha volta que se desenvolveron as estradas.
Cabería discutir se, coa actual frecuencia de liñas de autobús, non é xa competitivo. Diría que si, pero o cordón umbilical que une a moita xente ó coche particular, por unha beira, e a restrición de viaxes por parte de FeVe, compañía deficitaria que así pretende ter menos gastos e de paso, ofrece menos posibilidades de uso dese medio de transporte, e polo tanto, o seu abandono paulatino, fan que na actualidade o uso da liña sexa menor do que noutras circunstancias lle correspondería.
Nestas, ben a proposta do alcalde de Ribadeo de crear un apeadeiro nas catedrais. Pouca inversión parece necesitar, e tamén pouca variación da infraestrutura ou esquema horario, e aumentaría o tráfico de viaxeiros, faría de Ribadeo base de desprazamentos (co que aumentaría a disposición turística da vila), faría máis visible a Rinlo...
Coido que se poderían derivar abondas avantaxes. É algo factible e non se me ocorren contraindicacións. A ti si?

20140616

Cambiar de lectura

Luns. A ver que dirección colle a nova semana. De pronto, a finais da anterior, o que da ganas é de cambiar a dirección ou o enderezo. Cambiar a dirección de España ou cambiar o enderezo a fóra de España. A última? Coido que xa non se pode dicir en singular ningún ou cáseque ningún día.
O día amanece claro, con promesas de continuar bo ó longo das horas. Estará xa en liberdade para velo o último indultado? A viñeta de Vergara carga as tintas no PP, pero na época socialista pasaba algo parello. Copio un parágrafo de 'hechos probados':
"Supuestamente es una medida de gracia excepcional pero hay tantos indultos como días tiene el año. El Gobierno de Mariano Rajoy lleva aprobados 806 en esta legislatura. Por comparar, el Reino Unido solo aprobó uno el año pasado y fue un indulto póstumo al matemático Alan Turing, que lleva muerto 60 años y fue condenado injustamente por ser homosexual."
As medidas de graza son graciosas: son discrecionais e por iso fan sorrir...
Visto así, o do sorriso, quizáis haxa que considerar outra alternativa á de cambio de direcciónou de enderezo: o cambio de letura, o pasar a ver fútbol (se non te gusta 'a roxa', cambias ó campeón de liga ou copa), pensar en beber e botarse uns risos (privados, iso si; os demáis, se queren rir, que rían, e se non, que se jodan) facer a vida sin preocuparse (do de todos, do público) máis que en acumular (un mesmo), e máis cousas que se te vaian ocorrendo. E ata podes ir a votar de cando en vez despois de botar un 'pito, pito, gorgorito' para elixir o partido que non te considerará para nada despois de alonxarte da urna.

20140611

De pasada: Ribadeo/Galicia e China

Hoxe, con pouco tempo, vin no xornal algún dato con relación ás PAAU en Galicia, e lembrei algo lido hai tamén poucas horas en relación á selectividade na China. Así, que, comparando...
Galicia: 10 000 estudantes fan as probas.
China: 9 000 000 (=900xGalicia)
Poboación:
Galicia: 2 865 000 habitantes
China: 1 340 000 000 h (=467xGalicia)
Relación de estudantes que se presentan ás probas de acceso á universidade en Galicia en relación á poboación: 0,35%
En China: 0,67%
É certo que a poboación de China e de Galicia teñen unha diferente estrutura da pirámide de poboación, pero é que case se presenta unha porcentaxe dobre en China!
Por estes lares aproban en xuño preto do 90%. Na China, cousa dun 70%.
En China chegan a cortar o tráfico para facilitar o acceso ás probas...
En Galicia estanse a preparar os locais nocturnos para a fin de semana posterior...
Falaramos nalgún momento de que o futuro está na economía do coñecemento e a relación? (e é que na China fabrícase boa parte dos 'aparellos de relación' -pc, móbiles, tabletas, etc- actuais)
O futuro parece estar xa sentíndose hoxe.
-- Unha nota: non puiden comprobar os datos sobre a selectividade na China que lembro ter visto nun medio --

20140610

Deliciosa mañá

Cantan os galos ó fondo mentres o sol sae tras dos tellados nun ceo de nubes altas, máis prometedoras de bo tempo que de cobertura branca nesta mañá calma.
Con pouco máis de vintecatro horas de por medio, outra imaxe tomada con coidado, con certa distancia para non molestar, presenta asemade a tranquilidade salvaxe da noite nun recuncho camiño do faro, cunha vagalume femia iluminando a noite.
Non sei que deparará o día de hoxe, pero ás veces, ter tempo por pouco que sexa para pararse e contemplar, disfrutando, eleva a calidade de vida. E iso fago esta mañá cedo.

20140609

O efecto Streisand na Mariña a conto/canto de Miro Casabella

Ben, na realidade nin transcorre en internet, polo que non é exactamente un 'efecto Streisand'. Pero o caso de Miro Casabella é algo semellante: o seu concello natal rexeita facerlle un recoñecemento e, de carambola, xorden na comarca actos de desagravio que entendo superan de longo o recoñecemento proposto de xeito inicial.
Foi en Ribadeo en data tan emblemática como o 25 de abril, logo en Viveiro, ... será tamén no Valadouro, onde o pleno rexeitou facerllo, desencadeando con elo o efecto, e é de esperar que noutros lugares tamén haberá.
'Olla meu irmán', de Miro Casabella, en Youtube:

Máis audios e vídeos de Miro.

20140607

Non hai risco para a saúde

    Seguimos a vivir na Terra. Nun lugar que cada vez temos máis poder para transformar, e transformamos cada volta máis rápido. Si temos tamén cada vez máis coñecemento do que facemos, pero cóstanos traballo enfialo, dispoñelo, aproveitalo, aplicalo, e por iso o perigo de destrución é cada vez maior. Máis aínda cando cada vez hai intereses particulares con maior poder.
    En Ribadeo non hai quen negue problemas 'puntuais' ca auga. E mira ti por onde, ós días de dicir o alcalde en pleno que a auga non tiña perigo ningún, que estaba ben, xorde a investigación no río Lexoso, xusto enriba da captación de augas para Ribadeo.No seu momento quedou claro que nos Irmandiños había un verquido continuado. Verquido que seguía despois do anuncio da investigación. Agora, unha nova no xornal indica que se abriu expediente, pero non a quen. Si especifica que se está investigando se o verquido é nocivo.
    Vale, xa sabemos que o verquido non ten perigo, díxoo o alcalde. Agora ben, como se pode acceder ós datos das análises diarias? Non debera haber problema: estamos implicados porque é a auga que consumimos. Os análises fánse. Non sei se hai auditorías externas ou inspeccións de que o servizo se está a cumprir como corresponde, encargadas polo concello, que é o responsable do submnistro. Cando estarán accesibles para todos na rede? trátase máis de amosar que de demostrar. A transparencia non da seguridade, pero axuda.
    Algo anterior: http://ribadeando.blogspot.com.es/2014/04/auga.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2014/04/o-dia-do-libro-con-actos-o-seu-arredor.html

20140606

Nota de AGE Ribadeo sobre os datos do caso Pokemon en Ribadeo


Pasa a publicar unha nota de prensa de AGE Ribadeo sobre os datos do caso Pokemon en Ribadeo:
"
O pasado xoves 29 de maio o suplemento A Mariña do Progreso publicou unha información sobre a que cómpre desfacer todas as dúbidas. Dise nela que técnicos implicados na adxudicación a Aquagest dunhas obras de urbanización foron invitados pola empresa meses despois a ver un partido da Champions League en Barcelona -entrada en zona VIP, viaxe e hotel pagos-. A información inclúe a transcrición de mensaxes internos de Aquagest tan significativos coma “El alcalde no irá al partido del Barcelona y en su lugar asistirán dos técnicos municipales” ou “nos interesa que puedan asistir, ya que se están portando muy bien con la empresa.

A resposta do alcalde de Ribadeo ante esta información non a que esperabamos desde a esquerda transformadora. Máis ben a que adoitan ofrecer os representantes doutras formacións da vella política, referindo que se enterou pola prensa, que polo de agora non hai ningún técnico imputado, que o concello non ten medios para investigalo e que vai esperar que remate o procedemento xudicial (que pode demorarse varios anos) para tomar medidas. Cómpre lembrar que o alcalde o xefe de persoal do concello, responsable polo tanto de que os traballadores cumpran as súas obrigas, e que aceptar agasallos en razón do cargo que se ostenta é ilegal.

A maiores, dado que a empresa Aquagest factura aos ribadenses preto de 1,5 millóns de euros ao ano por un servizo que é obxecto de queixas frecuentes pola mala calidade da auga e polos elevados mínimos de consumo das nosas facturas, un caso coma este pode achegar dúbidas sobre se o Concello esta defender axeitadamente os intereses da veciñanza fronte aos da concesionaria.

Desde Alternativa Galega de Esquerda en Ribadeo pedimos unha resposta nidia do grupo de Goberno, e principalmente do alcalde na súa calidade de xefe de persoal. Urxe aplicar a transparencia e deixar claro que as forzas da corporación municipal -polo de agora ao parecer calan todas-, non pechan os ollos ante estes asuntos. Nos consideramos preciso que:

- Se esixa aos responsables de Aquagest toda a información sobre agasallos e convites outorgados aos técnicos municipais e darlla a coñecer aos veciños.
- Se abra un expediente para aclarar por completo o asunto e sancionar as condutas inapropiadas se as houbese.
- Se auditen os custos de xestión do servizo e o prezo da auga acordado con Aquagest, incluído unha comparación cos doutros concellos da bisbarra e, se os houbera, con xestión directa do servizo.
- E máis abrir o debate das opcións cara a mellora da calidade da nosa traída e analizar esquemas de facturación máis xustos e que fomenten o aforro e a sostibilidade do sistema.

Alternativa Galega de Esquerda en Ribadeo"

Pero onte foi o día mundial do medio ambiente?

Pois si, onte foi o día mundial do medio ambiente. Teño que aceptar que me enterei na rede case ó final do día, a traverso do blog Ría de Ribadeo en facebook. E chamoume a atención. Parece como se este ano as europeas e o truncamento de efectos causado pola abdicación do rei se xuntara á xa tradicional falta de consideración do medio nos medios (máis que cando é necesario encher espazo).
O caso é que en Ribadeo, que eu saiba, o día pasou desapercibido en canto a esa función. Un día onde xa se comentaban os primeiros baños en Ribadeo ou no que nun cambio de decisión. No que o alcalde tomaba cartas no asunto de borrar imprecacións contra a igrexa e amezas contra a xente do PP (por certo, remato de lembrar que no instituto hai unha pintada conta alguén que me identificaron como da guardia civil dende hai varios anos). Ou no que se asinou o contrato para a residencia (pero diso enterámonos xa transcorrida boa parte del)
Celebración? Os días mundiais, teño mantido aquí, xa son demasiado numerosos para que se lles preste atención, pero foron instituídos para chamar a atención sobre algún problema. Este ano en Ribadeo, parece que o medio ambiente non foi problema.
Deixo a foto en lembranza de que existe algo que se chama así: nubes sobre o Mondigo.
A figura na parte superior dereita? Xa me gustaría saber de onde saiu, como outras moitas agresións ó medio...

20140604

Vai de diversión. Algo diferente.

A xente necesita divertirse. O dos xeitos de diversión xa non está tan claro, porque hai un amplo abano, e non a todos nos gusta o mesmo.
Ven a cousa a conto do 'legado do Tibu' que se ten expandido estes días pola zona a traverso do mundo dixital. Non é raro, se cada un que se mete no rollo 'nomea' a outros tres que tamén o fan, a progresión é tal que en dez 'nomeamentos' chégase a 59000 persoas, isto é, algo comparable á poboación mariñán. O que tampouco teño tan claro son tres cousas: unha, a dexeración que sufriu o motivo do 'nomeamento', dende o apoio a alguén con cancro a (hai variedade, de novo) provocar algo divertido ou fastidiar (de xeito divertido, si) a alguén. É unha mutación que me chama a atención.
Dúas, o propio nome que leva aquí, 'o legado do Tibu', que foi algo que pasou na importación a Galicia do xogo viral, levando o nome do 'importador' (quizais deberamos chamar 'exportador' por residir no estranxeiro) e co título de 'legado', herdanza no xeito de facer cumprir aquelo que herdas. Ben, nese caso, é algo que aquire tintes de normalidade, o que queiras cumprir coa vontade de quen che deixa a herdanza... ou pagar unha cea (segundo os casos, mariscada, cousa da importación a Galicia).
Con iso ven a terceira cousa que non teño tan clara: lembra aquelo de 'truco ou trato' do Halloween coa imposición externa do xogo. Pola miña parte, teño claro que podo bañarme auga fría, pero non entro no trato nin no truco, pero o corrente é collelo como unha obriga para poder pasar o testigo. Algo así como as estafas piramidais, nas que ti pagas para comprar a participación que te da 'dereito' a vender 'participacións' que te pagan a ti. E é que aínda que vaia de diversión, se é imposta... serve se ti o queres, e para comprobar que as toleadas colectivas existen.

20140603

Ribadeo, ano 0

Onte abdicou o Rei. Sobre as consecuencias, polo momento en canto a análises preventivos, o mellor que vin foi o que en facebook desgranou Ángel Alda nunha serie de puntos. Análises xerais comezarán a saír hoxe, os que vin non chegaban a tal nome. O que si vin, igual que todos, foi alegría -á que me sumei con certa prevención- exteriorizada por parte de grupos determinados e interior por unha grande cantidade de xente. No medio, a petición de referéndum, que entendo que máis que contra a coroa en si, illada, (que tamén) é contra a coroa como núcleo dun sistema visiblemente corrupto que se pasea como tal.
En Ribadeo, cousas laborais, non puiden asistir á concentración que se organizou. Roubo unha foto subida polo alcalde para facer un pequeno comentario:
Na concentración vénse dous tipos de bandeiras. Para boa parte de cousas, representan a aliados naturais, pero coma sempre que hai diferentes bandeirías, hai como mínimo matices que esperan o seu momento para manifestarse en contra do outro. Polas redes xa vin falar da sucesión real en catro repúblicas, e paréceme evidente que despois de observar en Galicia a deriva partidista dentro de AGE, entre a xente que puidera aparecer na foto habería diferenzas a estas alturas insalvables respecto do tema.
De calquera xeito, se na antigüidade os anos referíanse ó reinado correspondente, comenzando un novo período ou era co cambio de rei, nós agora estamos no ano 0 dunha nova era. Se será republicana, como se está a pedir, ou non, iso aínda verémolo e farémolo (a orde debera ser a inversa, pero coido que para a maioría da xente esa é a orde verdadeira). E, se é republicana, tamén veremos de que tipo de república estaremos a falar.

20140602

A última Cea de Xesús de Benito Prieto Coussent

Onte subín a Publicado en Ribadeo un novo traballo sobre Benito Prieto Coussent,de Celia Castro: A última Cea de Xesús de Benito Prieto Coussent, que foi publicado hai nada na Revista Lucensia, nº48, Lugo, Maio 2014, Pp 121 a128.
ampliable e descargable: