20141031

Ribadeo 0 - Malabo King(s) 1

Gran nova: Ribadeo acolle durante días ós Malabo kings, equipo de baloncesto que vin nalgueres publicitado por estas terras como campión de África. Logo, como campión de África Central. Como xa me choca, vou á páxina da FIBA Africa, e atopo que a cousa vai por zonas, e que si, que os Kings foron campións da zona IV, o que é algo menos, pero algo é algo.
Volto ás fotos e comentarios do alcalde co equipo e non me podo apartar dunha idea, que vou á Galipedia a repasar: "Nominalmente, Guinea Ecuatorial é unha democracia constitucional desde 1991. Con todo, a realidade política do país é a ditadura unipartidista e persoal de Teodoro Obiang Nguema, no poder desde o 3 de agosto de 1979, cando liderou un golpe de estado contra o seu tío, Francisco Macías Nguema, e que se perpetúa na presidencia falseando os resultados electorais." Se mal non me lembro, na conta do tema hai cleptocracia (ó mellor a aprenderon da súa antiga metrópole, pero son bos alumnos), arrase de dereitos humanos, e coido que mesmo lle foi achacado algún asasinato de opositores en Europa.
Así, non sei se aledarme polo alcalde e a foto correspondente ou anoxarme polo favor diplomático ó sistema que sofre Guinea Ecuatorial e ó auténtico 'Malabo King'. Non é cousa dos xogadores, o equipo non é malo. Ti decides.
Por certo, collo a puntuación futbolera para o título, é máis ilustrativa, coido.

Ningún comentario: