20141107

Pasou a tormenta

Pasou a tormenta e deixou a algunha zona do pobo varias horas sen luz, a máis dun regueiro de avarías e aparellos queimados por toda a poboación. Certo que foi o conxunto seguido de tormentas con aparello eléctrico máis longo que lembro en Ribadeo, pero sigo sen comprender moi ben por que non se evitan moitos dos posibles perxuízos causados. en Ribadeo xa estamos afeitos a cortes e microcortes e macrocortes de luz, adxudicables directamente a algún motivo visible pola cidadanía ou non. Todos afectan ós aparellos e ó desenvolvemento da vida arredor deles. Uns máis, e outros menos. En calquera caso, aquí non se lembra ningún 'gran apagón de Ribadeo' precisamente porque son comúns, ó tempo que os cables polas fachadas e polo medio das rúas segue a ser tan común que xa nin se pide que se retiren, e séguense a pagar os sucesivos aumentos de tarifas (precisamente soportados na parte fixa de 'dereitos de subministro' porque comeza a ser efectivo o aforro no consumo) mentres na práctica é inviable calquera reclamación por perxuízos ó ser vulnerado ese dereito polo que se paga cuns cartos que, por certo, en parte rematan saíndo desta colonia que é España.
Solucións? Pensar e actuar en conxunto pode dar moito de si. Tardaremos en facelo, pero non queda outra se queremos sobrevivir.

Ningún comentario: