20141103

Un novo apunte sobre Ribadeo e o cambio climático

Hai pouco, menos dunha semana, que apuntei no blog que este ano vai camiño de ser o máis caloroso da historia lembrada en Ribadeo, e algo antes, que o cambio climático estaba a propiciar o aumento de días coas temperaturas máis altas.
Volvo hoxe sobre o tema con novos datos, os que vai recollendo pouco a pouco a Pedro Murias, para refacer e complementar os dous post sinalados.
As temperaturas dos últimos días fixeron que o ano actual lograra empatar con outros dous no número de días que Ribadeo ten superado os 25ºC, co que se encarama ó primeiro lugar en compañía de 2011 e 2012, subindo a inclinación da liña de relación de aumento de días >25ºC/ano a preto de 1 día +/ano no que vai de século. É dicir, por termo medio, case cada ano que pasa aumenta un día no que o termómetro sobrepasa os 25ºC en Ribadeo:
En canto á temperatura media no que vai de ano, diriase que se acadou o máixmo anual, se ben despois da tempada que levamos, mellor calar a boquiña por se volve a repuntar o termómetro. O caso é que a temperatura media, dende o gráfico que puxera a semana pasada, aumentou aínda e separouse do ano seguinte na clasificación, estando xa preto de 0,15ºC máis alto que calquera outro ano por estas datas.
Isto non é unha predición de se o inverno que se nos presenta será bo ou mano, cousas da estatística, senón unha constatación: no que vai de ano, iste é o máis caloroso do século.

Ningún comentario: