20140228

Aplausos no concello: unha perspectiva

Antonte, 26 de febreiro, foi o pleno que deu o pistoletazo de saída ó que se podería chamar 'segunda fase para a nova residencia de maiores de Ribadeo'.
As tres votacións (gasto plurianual das obras de construción, proxecto técnico e licitación) que permitirán ó concello dispor da cartos ou requerir ofertas para a construción foron unánimes (faltaba un concelleiro do BNG, Xavier Campos). E ó remate, houbo un aplauso encabezado polos membros da plataforma presentes.
Cartel anunciando a manifestación de apoio á petición da residencia
Agora, podemos ver as cousas en perspectiva, ollando o cartel, por exemplo, acudindo ós post do entón da manifestación convocada para apoiar a petición, (entre outros, I, II, III ou IV) ou á historia/resume de todo o proceso que emitiu a Comisión veciñal. E enfrontar todo ese decorrer de feitos no tempo, o apoio cidadán que permitiu ós representantes políticos ter a forza necesaria para manexar on respaldo abondo (e coa tranquilidade que da) á situación.
É por iso que me chamou a atención non o aplauso ó remate do curto pleno de voto unánime, senón que pouca máis xente houbera no salón que os comisionados veciñais que alí estabamos. O concello emitiu un comunicado sobre o pleno con algo de anterioridade, quizás con moi pouca antelación, pero o feito é que parece que unha volta que se intúe que o obxectivo pode estar conseguido, a percepción de actividade necesaria, de participación do conxunto da cidadanía, parece cambiar de novo a modo pasivo, charla nos bares e en todo caso, felicitacións por ter conseguido o obxectivo.
Falta moito para ver a residencia para Ribadeo. Mentras, a comisión seguirá observando o desenvolvemento. E os cidadáns, neste momento de celebración, coido que deberan ser conscientes. Non porque se prevean atrancos ou porque a concepción da residencia tivera variacións dende a formulación inicial da petición, senón porque foi esa consciencia didadá a que permitiu a realidade actual, e debera continuar facilitando a forza necesaria para facer un Ribadeo mellor.

20140226

Marabilloso inverno

Este inverno estanos a deixar vento, vento, e vento, coas súas consecuencias. Pero non só. Os ceos tamén presentan paz moitas outras veces, mesmo algunha, estrelas. O amencer de antonte e o arco da vella xa a semana pasada ilustran o que digo. Por certo, o inverno non só trouxo marabillas meteorolóxicas; houbo máis que corrupción e ladróns no poder, e así chegamos hoxe ó pleno que testemuñará os avances sobre o tema da residencia, aprobando a subsidariedade do concello en relación coa promesa de medio millón de euros por parte da Xunta para poder aprobar a continuación as bases de contratación e poder ir adiante para comezar en breve a residencia. Hoxe, ás 20 horas, na Casa do Concello.


20140225

Antes de despois da tormenta: comparando os cantís das illas

Comparemos as dúas fotos:
A primeira, unha foto actual, cunha frecha sinalando a zona derruída.
A segunda, unha foto do cartel que hai no acceso á praia, onde aínda se ve a disposición antes de que o temporal botara embaixo o arco...

Ámbalas vistas, á túa disposición na praia de illas. Unha advertenza: os bloques de rocha non se aprezan na súa magnitude se non se achega un a eles. é entón cando reflectimos sobre a forza do mar.

20140221

E a suba do gas, para cando?

Hoxe, esta tarde ás 8 na casa do mar de Ribadeo, estou invitado a unha charla sobre a reforma das pensións, ó igual que toda a cidadanía que o desexe. Procurarei ir, promete ser interesante o que se presenta como unha presentación do libro 'A batalla das pensións', que no seu subtítulo alude á privatización dos bens comúns. Eu máis ben diría o saqueo dos bens comúns e non comúns da xente que non exercemos poder.
É un tema razoado dende o poder en dúas vías. Unha, como 'reforma', de cara a que non trasluza o 'recorte', é máis cosmética, propagandística. A outra, mantida ó tempo nunha evidente contradición, é a insostibilidade das pensións.
Ó mesmo tempo que se mantén esta insostibilidade, que serve asimesmo para xustificar diversos outros recortes e recaudacións asimétricas de impostos, asistimosa feitos como o que saltou ós medios estes días, a contratación dunha tacada de 5 'políticos' excargos con carnet partidario (neste caso, do PP) por unha empresa de gas. De aí a proxectar un novo trato de favor para as empresas de gas na relación cos seus clientes -nós-, un paso.
O anterior é só un máis, entre a enorme cantidade de feitos que manifestan o saqueo do estado acompañado polo vaciado dos nosos bolsillos e a privatización do común. Onte mesmo tamén eran nova outros feitos que testemuñan as outras dúas partes da frase, a transferencia de cartos de todos a mans dalgúns -o anuncio de que é 'preferible' 'rescatar' a Sacyr despois do de Panamá- e as cortapisas a que haxa cousas que son de todos, o común: aí queda a lei de permite entre outras cousas que unha creación sen ánimo de lucro, con licenza libre, como esta, poda servir para recadar fondos a unha entidade de xestión que os repartirá como lle veña ben, pero non ó seu creador, que non está afiliado, e aínda que o estivera, teríao moi difícil para ver algo de remuneración mesmo en caso de cambio de licenza da publicación e aumento de lectores.
Poñamos que máis enrriba do gris diario hai un ceo luminoso, despexado, agardano...

20140220

Ribadeo, autovía A-8, km 520, unha curiosidade

Hai anos xa que sucedeu. A 'primeira pedra' ante electoral do tramo da A-8 que Atravesa a N-634 á altura do alto dos pinos. Cerimonia informativa no que sería o propio cruce entre ambas estruturas, obviando que habería retraso no comezo en si. E logo, nada, no que respecta ó espazo empregado para a cerimonia. Unhas fotiños de onde como se atopa e como se atopa na actualidade:
 A foto inclúe varias referenzas para posicionalo: na parte inferior esquerda, a zona do centro comercial Eroski, na inferior esquerda, o camping Ribadeo. Cara á esquerda na parte superior, o aeródromo de Vilaframil. Na autovía do Cantábrico A-8/E-70, destaca a sinalización en amarelo da saída a Ribadeo, km 508.
A primeira das fotos, un cobertizo abandoado. Non se crea que foi onde se celebraron os 'pinchos', pois había unha carpiña para celebración.
 Á súa beira hai un espazo abondo amplo (uns 2000 m2), totalmente inutilizado. O que se ve na imaxe anterior é unha parte pequena, coa N-634 ó fondo. A pequena plataforma de cemento á beira da construción é a que recolle a foto seguinte, e un pouco máis aló hai amontoados uns sacos coa inscrición Sovitec Echostar, que deberan corresponder a pintura para estradas.
 O fito da celebración, o fito-fonte co km 620 da Autovía, vemos que quedou arrumbado pola realidade, no que se podería interpretar como unha mostra da falta de cálculo da autovía enteira: o fito ven coincidindo na actualidade preto da saída a Ribadeo, a única dende Galicia, no km 508. 12 km de diferenza con testemuña documental, algo así como un erro só do 2,4%, menor que outros erros mantidos, como a data da súa finalización.
 O estado actual dun dos montóns de sacos de pintura, totalmente solidificada unha volta ida a superficie do saco.
E un sorriso: o adorno dun fito do Camiño Norte como dato curioso, pintoresco nun lugar no que, xa daquela, o trazado do Camiño Norte estaba establecido por lugares a unha distancia duns 2 km no punto máis próximo.
Por certo, ó lugar, en parte valado, pero separado da autovía por outro valado, pódese acceder tranquilamente por baixo da ponte da autovía sobre a N634, pois en parte está totalmente aberto e a nivel.

20140219

Un adianto á residencia de Ribadeo

Iso, un adianto, foi o anunciado polo alcalde de Ribadeo en relación á residencia: comezarase o trámite para a licitación aínda sen asinar a aportación de 500 000 € por parte da Xunta. Para elo, unha manobra: o concello poñerá esa cantidade de ser necesario adiantala porque a aportación se retrase (esa é a proposta de cara ó próximo pleno, que sairá adiante porque ten os votos necesarios).
Entendo que é ó tempo unha boa cousa (evita retrasos que poderían facer perder a subvención xa asegurada, ganando un tempo fundamental) e unha manobra que deixa, de novo, á Xunta en pública exposición en Ribadeo como non colaboradora. Manobra que o goberno xunteiro ten ganada a pulso despois de ser unha rémora ó proxecto durante longo tempo. Agora segue a selo, pero xa non ten a posibilidade de paralo por medios 'normais', polo que é de esperar que a manobra do alcalde surta efecto pronto e se materialice a promesa.
Por iso, aínda que como teño dito fixo que a residencia dará aínda abondo que falar cos seus avatares antes da finalización, xa está en marcha un pequeno resume da historia da consecución. Un resume que estimo é de manual, guía para actuacións futuras de interese comunitario, sobre unha petición que aproveitou as posibilidades que da o poder dos veciños. Como din ó anunciar unha película nunha sala, 'pronto aquí'.

20140218

Ceuta, como exemplo

Estamos vendo nas novas sobre Ceuta e a inmigración un exemplo da pauta xeral que se mantén dede hai xa tempo por parte do estado para case calqueira cousa. Case nos podemos preguntar se é por convencemento, necesidade estimada ou sinxelamente costume.
A cousa é que 'a morte' (así, estimada polos medios como tal, descartando o asasinato, qe soa moi feo) de 15 inmigrantes é tratada, en síntese do seguinte xeito.
Primeiro, negación. Negación de todo. Ata que cada negación concreta non se pode manter porque chega algunha cantrastación a ter unha ampla difusión. Entón, pásase a outra negación diferente, rebaixando o nivel, retrasando, como murallas de contención que foran caendo. Esta estratexia necesita dun complemento necesario: apagón de información, tentar cerrar toda posibilidade de que a xente coñeza a verdade nin por aproximación.
Despois (a orde pode variar, ou mesmo sobremontarse actuacións), pásase a minimizar o ocorrido. O mesmo subordinado que daquela apiou os 'hilillos de plastilina' do Prestige agora tenta pasar que por ser foráneos o que lles poda pasar non ten tanta importancia.
É nesta segunda fase cando toma máis importancia a 'colaboración' dos medios, pois xa se ve a necesidade de crear opinión favorable ós responsables do sucedido, despois de caer as primeiras barreiras da mentira. E así, atopámonos co Informe Semanal da tele pública (por iso de que é de titularidade pública) da fin de semana dicindo que, a partir da testemuña de xente que o presenciou, se vai montar no propio programa unha reconstrución. A xente que o presenciou era un garda civil. E por suposto, limitouse a falar, e non houbo ningún tipo de escenificación. Ou ca presentación de resultados dunha enquisa onte mesmo pola COPE: 54% 'a favor da GC', 46% 'en contra da GC', e dous exemplos de intervencións na enquisa, os dous 'a favor da GC'...
A enquisa da COPE introdúcenos de cheo na que sería a seguinte fase: a de distracción. Distracción externa, tanxencial e interna. Externa, procurando outra nova que salte á palestra e que tape e relegue a que nos ocupa a un plano secundario, de 'déjà vu', extemporáneo, de tempo pasado... Ou tanxencial, levando á palestra os dereitos dos inmigrantes ben tratados noutros casos (mira ti, en Melilla pasaron centos esta mesma semana e agora temos un problema, o alcalde pide axuda), ou botando balóns fóra: a culpa tena a UE (non era o estado español cando a 'traxedia' de Lampedusa o ano pasado o que dicía que algo así non podía pasar en España?), ou contrapoñendo a suposta groria da GC a quen lle quere achacar un fallo para atacala (no mellor dos casos destsa versión, quen non lembra aquelo da velocidade e o touciño?) Ou mesmo interna, a máis difícil, pois implica dalgún xeito, botarlle a culpa a alguén secundario ou que conveña no momento, abrindo unha brecha nas propias filas que sempre leva asociado un custe que haberá que asumir.
Por suposto, sempre haberá quen de esta mesma explicación moito mellor, con exemplos más apropiados, con moito máis detalle... e tamén esa interpretación será usada para dicir que non é valida por ter faltas, o mesmo que ocorrirá con calquera outra máis completa, que nunca será perfecta.

20140217

Arándanos en Ribadeo: unha pequena reportaxe fotográfica

Por unha casualidade, vou poder corrixir a posición que asignei como posible á finca alugada á Cooperativa os Irmandiños polo concello de Ribadeo para a plantación de froitos silvestres, auspiciada pola Asociación 'Puente de los Santos'. Coido que queda claro na foto, atravesada pola N634: na parte superior, a rotonda que liga a N634 coa A8 á altura da praia das Catedrais. Na esquerda, a liña de separación do concello de Ribadeo e o de Barreiros. Vese tamén o complexo dos Irmandiños no centro-dereita, e o 'Campamento da Devesa' no superior esquerda. A finca está sinalada en negro.
Ben, ata aí a posición. A lembrar que xa non hai cartos. A lembrar o dito na última asamblea: íase plantar. Ben, embaixo está o cartel da 'plantación': parece que non arándanos, senón framboesas, amoras e grosellas.
E embaixo, o estado actual da 'plantación' ribadense. Vese que se construiu o cercado 'ex novo'. Non sae na foto, pero tamén se levou alí a electricidade dende a estrada pola linde do camiño que sae case fronte á entrada do campamento de A Devesa. Os contedores (son 2) están vacíos, e vese o que debera valer para obrar, pero sen obrar (algo si, a ver xusto o bloque a pé de foto nou o valado)
 E tamén se ve o medradas que están as plantacións. Embaixo. Vai que si?
Claro que tamén queda por aproveitar as lindes, abondo amplas no fondo, que se ve menos, lugar tamén elixido para amontoar as pedras de limpeza do campo, que iso si, quedou limpo polo momento como se pode ver na foto anterior.
A lembrar asemade os problemas na plantación asturiana...
Por certo, de canto era a inversión? (mirar ligazóns):
Unha ponte á nada
Asamblea 2012 
Un artigo de E. Lombardero

20140216

Artigo de E. Lombardero sobre o cancro de mama: unha mirada desinteresada

A MAMOGRAFIA COMO METODO DE CRIBADO PARA O CANCRO DE MAMA British Medical Journal é unha revista médica das mais prestixiosas e leídas por todolos médicos do mundo. No último número (11.Feb.14) ven de publicar un traballo realizado en Canadá ao longo de 25 anos que cuestiona a eficacia do cribado con mamografía para o diagnóstico precoz do Cancro de Mama. Nos próximos días o tema vai estar nos titulares de toda a prensa e a polémica está servida. Dsgraciadamente, engadimos, porque estes temas deberan tratarse con acougo, argumentos sólidos e bibliografía contrastada, preferentemente independente de intereses particulares, cousa que non é doada de atopar nos tempos que corren e fora dos circuitos demagoxicos nin a favor nin en contra. O editor de Br Med Jour e o consello de redacción saben perfectamente o impacto do tema que agora publicitan. Centos de millóns de mulleres do mundo desenvolvido están recibindo mamografias co gallo da prevención precoz do Cancro de Mama. A cousa sería moi distinta se afectara a centos de millóns de mulleres do terceiro mundo. Daquela tería un pequeño oco en páxinas interiores. O debate nos medios científicos non é precisamente da semana pasada. A fundación COCHRANE (www.cochrane.dk) xa ven publicando informes, polo menos dende 2004, con serias dúbidas sobre o binomio vantaxes/inconvintes do cribado masivo con mamografía periódica. A última edición é de 2012 e nela manifestase abertamente contraria a esta práctica. Mesmo no 2013 vense de publicar o libro “Sano y Salvo (y libre de intervenciones médicas innecesarias”) (Los libros del Lince, Barcelona 2013;pax 255-268). Os autores son a parella de médicos Juan Gérvas e Mercedes Pérez que aportan abondosa información sobre este asunto. Basicamente o que se está a prantexar é que todalas actuacións médicas, mesmo as denominadas “preventivas” poden ter algúns efectos saudabeis e outros prexudiciais, malia as boas intencións e a literatura que as xustifica; que os programas que postulan estas actividades deben ser sometidos a unha avaliación periódica e rigorosa e que as persoas que van recibir estas intervencións deben ser informadas polo miudo dos pros e contras de todalas actividades e do conxunto do programa dende o comezo. Resulta obvio que o paso do tempo e a análise das experiencias engade coñecementos que non existían previamente e o caso dos cribados para a detección precoz de Cancro de Mama non se libra desta circunstancia. De feito o informe Cochrane de 2004 é mais “neutral” e o de 2012 xa se manifesta abertamente en contra destes programas. Non nos imos extender en aportar “probas” nun senso ou noutro, pero hai cousas que están fora de toda discusión. Por exemplo os efectos acumulativos das radiacións emitidas na mamografía deben ser avaliados e as mulleres deben ser informadas dos efectos prexudiciais e non pasar do tema como soen facer os programas “preventivos”. Mesmo a incidencia global da mortalidade e mais importante que a incidencia específica por unha causa concreta, neste caso o Cancro de Mama. ¿De que vale reducir a mortalidade por Cancro de Mama nunha edade determinada se non se reduce a mortalidade global? Ou dito doutro xeito: se eu teño unha probabilidade X de falecer nos próximos 10 anos ¿importa moito cal sexa a causa concreta?. Despois están os danos “colaterais”. ¿Cantas mulleres van recibir unha amputación dunha mama que non era necesaria, por exemplo por un erro diagnóstico ou por ter un tumor pouco agresivo que podería reverter espontáneamente? ¿Cantas biopsias, puncions, análises, consultas, gastos etc. se van facer sen ser necesarios?. ¿Cantas mulleres e as suas familias van percorrer o longo camiño dunha enfermedade inexistente?. En resumen despois de coarenta anos dos primeiros programas de cribado do Cancro de Mama por mamografía persisten serias dúbidas de que o balance entre beneficios e prexuicios sexa claramente favorable aos primeiros. As autoridades sanitarias e as sociedades científicas, que dispoñen dos medios e xestionan a información epidemiolóxica están obligadas a facilitar informes e avaliacions periódicas e informar ás usuarias das eventuais vantaxes e inconvintes destas actividades. En última instancia debe ser unha decisión persoal de cada muller, debidamente informada, se elixe someterse ao cribado periódico con mamografía ou prefire non prescindir dos eventuais riscos destas prácticas “preventivas”. Evaristo Lombardero Rico

20140214

Suso Peña

Dun amigo chégame unha ligazón que non me resisto a poñer en común. Trátase dun vídeo curto sobre Suso Peña, e quizáis deba dicir que non aporta moito novo a quen o coñecera, pero non por iso deixa de ser un documento a conservar e ollar:

Que o desfrutedes!

20140213

Un paseo pola costa de Ribadeo

Está a poñerse en marcha a rota da costa. Ben, a rota xa estaba feita con  sendeiros, que logo se foron ampliando en xeral a camiño, e logo aínda, sinalados como rota. Agora estase a facer un paso máis, acondicionar e meter grixo.
O outro día recorrín un bo treito, parte del en obras, e xa me atopei algunha xente de paseo. As meteduras (digo meteduras porque retorna varias veces a ela) dende a estrada das praias comezan pouco despois da estación depuradora de augas residuais (EDAR), que por certo, segue a ter unha cañería de aliviadeiro á vista dende o camiño que vai á antiga praia de Vilaselán.
Embaixo queda a sinalización dunha das entradas, a medida que nos imos alonxando de Ribadeo: a que está próxima á área recreativa de Piñeira (ó que queda dela), sinalada en vermello, e máis próxima aínda a un chalet. A volta que fai a estrada parece propiciada polo campo de aterraxe (sinalado en azul). A dirección de Rinlo está referida por unha frecha amarela. O camiño está visible na foto do sigpac, próximo á liña de costa.
As variacións sobre o terreo pónas cada persoa; ten saídas abondas como para poder escoller máis ou menos camiño, unha zona ou outra.
A sinalización é para quen se alonxa de Ribadeo, o que entendo que cando menos, é algo incompleto, pois se ben o camiño pode comezarse en Ribadeo, tamén podería finalizarse, traendo xente cara ó pobo en troques de alonxala del. Por certo, este detalle ocorre tamén na rota que vai polo cordal ata Remourelle, deseñada para alonxarse do pobo, non para achegarse.
Xa digo, está inacabado. Pero había xa xente desfrutando del, o mesmo que a houbo na rota das aceas ben antes de que se rematara.
Adxunto algún vídeo que tomei facendo a rota:

20140212

Terremoto (din)

Anteonte, dez de febreiro, houbo un terremoto. Así quedou rexistrado. Alguén o sentiu? Os datos poden recabarse na páxina http://www.ign.es/ign/layoutIn/sismoDetalleTerremotos.do?evid=1257566&zona=1 segundo a seguinte captura de pantalla:
Collendo os datos, sitúase a preto de 60 km ó NNO da vila de Ribadeo. A súa magnitude e distancia, así como a súa profundidade, (9 km) fan que en Ribadeo non se sentira na práctica. Instálase, como se ve no mapa, na plataforma continental, xusto antes de caer a profundidade mariña ás chairas abisais, nunha zona onde non hai grande cantidade de movementos de terra. Con esa magnitude, tampouco hai perigo algún de maremoto/tsunami ou cousa polo estilo.
O lugar onde se produxo, máis en detalle, sinalado pola frecha:

20140211

a meteoroloxía de agora mesmo nas dúas estacións de Ribadeo

Chama a atención o vento (refacho superior a 100 km/h ás 5 da mañá hora oficial local) e a variación de presión nas últimas horas observada na estación metorolóxica do IES (gráficas, á dereita). A Pedro Murias (táboa, á esquerda) pinta unha situación algo máis tranquila, como é de esperar pola situación de ambas.

20140210

Seguindo cunha boa nova

A nova residencia, obxetivo cumprido
Logrado o financiamento suficiente para facer realidade a construción dun xeriátrico para Ribadeo e a súa bisbarra e recibida en data de hoxe a preceptiva autorización para a súa construción, parece chegado o momento de facer unhas breves reflexións sobre o longo percorrido realizado, tres anos, ata acadar o logro deste obxectivo.
Dende a posta en marcha desta demanda cidadá en febreiro do ano 2011 foise percorrendo un longo camiño ata ver cumprida a estratexia deseñada para acadar o obxectivo final. Un longo percorrido adicado a espertar as conciencias dos ribadenses sobre a sangrante realidade do abandono dos nosos maiores, acadar un consenso total das forzas políticas do noso concello para apoiar este obxectivo, e finalmente lograr que o alcalde convertese esta demanda veciñal no obxectivo prioritario da súa xestión municipal. E toda esta campaña e esforzo dirixido a estimular e mobilizar as vontades das Administracións Públicas con competencia e capacidade nesta materia para poder converter este obxectivo nunha realidade.
Os veciños do concello de Ribadeo, representados por un pequeno grupo de persoas previamente elixidas por eles, percorreron un arduo e longo camiño de persuasión e animación para facer pública a súa demanda nunha inxente manifestación. Os voceiros dos catro grupos políticos con representación municipal, BNG, PP, PSOE Y UPRI, comprometeron a súa colaboración e apoio total a esta demanda, empeño que mantiveron ata o final, aparcando todo intento de rivalidade partidaria sobre este tema. O alcalde, superadas as dúbidas iniciais sobre a posibilidade de acometer esta demanda, non tardou en asumir esta grave necesidade e o mesmo alcance da demanda vecinal, facendo súa a vontade irrenunciable do pobo de loitar ata a consecución deste obxectivo. Apoiado polos demais voceiros dos grupos políticos e pola Plataforma de Veciños púxose mans á obra de seguido, esgotando todos os medios e recursos nunha actuación modélica e nun alarde de cintura política para tratar de concienciar e convencer ás Administracións, tanto á Xunta de Galicia en canto responsable destas competencias, como á mesma Deputación Provincial, na súa condición de ente
Escritos diversos e entrevistas persoais varias sucedéronse durante este longo tempo, tanto coa Conselleira de Traballo da Xunta coma cos órganos directivos da Deputación, especialmente coa Vicepresidencia na persoa de D. Antonio Veiga, quen sempre manifestou o seu total apoio ás nosas demandas, e que finalmente se concretou nunha substancial achega económica. Moitas e arduas reunións que produciron o seu froito, óptimo coa Deputación e non tan xeneroso como cabía agardar coa Consellería de Benestar da Xunta, e que fixeron posible que, por fin, os ribadenses poidamos contar cos recursos económicos necesarios para a construción da Residencia.
Cabe, pois, felicitarse entre todos polo éxito acadado do noso obxectivo e agradecer moi cordialmente a sacrificada colaboración de todos cantos contribuíron a alcanzar este logro. Aos veciños, que estiveron prestos a mobilizarse para demandar a cobertura desta grave necesidade. Aos membros da Plataforma, que sacrificaron o seu tempo para organizar o percorrido que nos conduciu ata aquí. Aos voceiros dos grupos políticos municipais, que dende o primeiro momento apoiaron con todas as súas forzas este obxectivo esquivando anteponer a éste calquera prioridade partidista. Aos mesmos medios informativos que souberon esmerarse en transmitir fielmente e apoiar o desenrolo dos acontecementos desta longa loita. E finalmente o noso máis profundo agradecemento á persoa do alcalde, Fernando Suárez, que con tesón, prudencia e paciencia, soubo guiarnos e manter unha loita constante con todos os elementos adversos e vencer con paciencia cantas dificultades se interpuxeron no noso camiño, que non foron poucas.
E agora fagamos votos para que a sorte acompañe estes esforzos para ver pronto convertido esta utopía en realidade e poder incorporar á nova residencia o máis pronto posible a todos os anciáns ribadenses que están a sufrir en residencias afastadas un amargo e involuntario desterro lonxe da súa terra e dos seus familiares e amigos.
José María Rodríguez

Revisando un artigo de hai máis de dous anos sobre a crise

Crise financieira, ambiental, social, política... Mirando este artigo de hai máis de dous anos, reseñaría dúas ideas:
"Al contrario de cualquier otro empresario o profesional, la élite financiera sabe que hay escasa probabilidad de que tengan que pagar por sus errores. Y donde no hay castigo, no hay aprendizaje."
"(...) es necesario aprender la lección de que, además de una mayor y mejor regulación técnica, se necesitan reglas e instituciones sociales y políticas que ejerzan una labor de contención de la codicia privada y de control democrático de los propios supervisores."
E dous días despois da declaración por primeira vez dunha membro da casa real imputada nun caso xudicial, pregúntome, cambiou algo dende aquela?

20140208

Post asociación cara a un furado

Coido que non é a primeira nin a segunda vez (por darlle números, a última foi 'unha ponte á nada') que falo da Asociación Ponte dos Santos, constituída para aproveitar cartos europeos para a zona de Ribadeo e Castropol. Nas últimas, alertaba sobre o seu final e un proxecto de plantación de froitos silvestres en Castropol e Ribadeo, abandeirado polos propios concellos. Viña a dicir que ante a fin da actividade asociativa por falta de novos fondos, non vía claro o futuro dunha inversión abondo cuantiosa.
O tempo trouxo ademáis, inconvintes, en forma de retrasos na plantación da zona de Ribadeo, nunha finca alugada a Os Irmandiños que hai un ano estaba sen plantar (o recorrido dos froitos esixe varios anos para ter a primeira colleita) ou temas legais (a balsa da finca de Castropol debe retirarse por orde xudicial por estar en terreo protexido), sempre pagando asesores e demáis, tendo en conta que non se constituiu unha empresa como tal para levar a cabo os traballos, e sempre se dependeu de consello externo, aínda que algunha vez houbera algún empregado pagado dreitamente polos concellos.
Agora vexo en La nueva España esta nova: "Castropol sacará a concurso la polémica plantación de arándanos de Arnao. El Consistorio asumirá el traslado de la balsa de agua de la finca que invade terreno de Costas, ordenado por el juez". O certo é que, para min, é máis interesante o que pon a nova por dentro que no titular, algo que vai dende a desaparición típica de Ribadeo no xornal asturiano, esta vez con fundamento xa que a pesar de ser un proxecto conxunto parece que a coordinación foi nula, ata a confirmación de que o recorrido da plantación en Castropol (ó fin, o concello que ía, con diferenza, máis adiantado) vai dar máis gastos ó concello sen unha saída clara.
O futuro da post asociación, máis que á nada, preséntase como cara a un furado.

20140207

O vento, en Ribadeo, estes días

Polo pronto, só con datos da Pedro Murias e do refacho (golpe de vento máis veloz):
Distínguese claramente  unha zona de algo máis de catro de horas de forte vento despois de mediodía o martes, sobrepasando a maioría de tempo os 80 km/h, e o pico acadado de máis de 100 km/h (100,4) a mañá de onte, xoves 6 de febreiro de 2014, con vento forte case todo o día.
A outra estación meteorolóxica de Ribadeo en funcionamento, a do IES de Ribadeo, marcou un máximo de 104,6 km/h á mesma hora, 12:40 hora oficial. (O martes marcou 107,8 km/h, ás 16:15)

20140206

Micromachismos

Chamoume a atención. Entrei, vin, e ten boa pinta. Chámase micromachismos. Curiosidades do machismo que parecen só iso, curiosidades, sendo sinxelamente unha expresión de machismo.
Non, non tomo partido de antemán de oídas. Como home, ás veces tento poñerme no lugar dunha muller para comprender. E coido que, co tempo, vou facéndoo mellor, fixándome en máis detalles. E polo tanto, véndome a min mesmo actuando a partir doutro contexto, 'con outros ollos'.
Non digo que o logre totalmente, non: ó fin, son home, vivindo nas circunstancias de home e asumindo o rol que teño integrado en min. Pero tentar ver o mundo cos ollos dos demáis é algo que deberamos facer a propio intento moitas veces ó día: cultivar a empatía. No contexto que comecei o artigo, a empatía entre sexos. Algo que... está retrocedendo? O seu retroceso parécme evidente, pero que xulgue cada quen que poda ter unha perspectiva dende, digamos, hai 30 ou 40 anos. E logo, que tente ver os por que.
Micromachismos, machismos pequenos incrustados. Non, non se trata de seguir un feminismo sen empatía. Trátase de vivir como humanos, coas nosas diferenzas e igualdades asumidas, non coas diferenzas como armas para negar as igualdades.

20140205

Un soldo manipulable

Onte vendo unha nova en La Voz de Galicia decidín cambiar a impresión que daba: "La congelación del salario mínimo ensancha la brecha con Europa". Si, o titular é certo. A ilustración que acompañaba, en cambio, pareceume moi suave:
O primeiro, cos datos, fixen unha táboa, e calculei o custe de cada cousa poñendo o valor de 1 ó lugar máis caro:
E fixen a representación gráfica, agrupada por cidades ou ben conxunta:

O certo é que no gráfico de barras (enrriba) non se distingue a información. No de embaixo a cousa comeza a cambiar, distinguindo máis claramente entre as cidades 'ricas' e 'pobres'.
Pero coido que o que interesa é máis ben a relación custe/salario, e para facelo visible saquei, cos datos de custe, unha especie de índice de prezos reducido: 40%, vivenda, 40%, alimentación, repartido por igual entre comida obrigada fóra e pan, e o resto, 20%, repartido entre transporte e outros, exemplificado neste caso co caé. Ben, entendo que con só cinco elementos de custe as lagoas serán grandes (por exemplo, se metemos os libros, Madrid sería máis caro que calquera das outras vilas), pero quería facelo precisamente coa mesma información. E queda o seguinte:
Ou, de xeito gráfico:
Onde se aprecia que para os cidadáns das cidades ricas, para saír ó extranxeiro, teñen máis oportunidades debido ó seu soldo base, pero non só iso, senón que o soldo base dálles para máis (barra de salario máis alta que barra de gastos), mentras que Madrid (e Lisboa de xeito semellante), teñen a relación salario/custes (é dicir, o seu poder adquisitivo interno) máis baixa, dálles o soldo para menos, algo do que se libra Atenas.
Iso, claro, no caso de ter emprego.

20140203

A mesa de asociacións e o alcalde de Ribadeo

Nota de Prensa
AVV O Tesón
Xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións do Concello de Ribadeo co alcalde
Venres, 31de xaneiro de 2014


Diversos representantes de asociacións do concello reuníronse o pasado venres 31 á noite co alcalde e co concelleiro de Medio Ambiente no Salón de Plenos. A xuntanza foi preparada cunha previa mantida cun grupo máis amplo de representantes asociativos que responderon á convocatoria de O Tesón, que se encargou asemade da coordinación para a xuntanza coa alcaldía.
Co alcalde foron considerados temas diversos, incluíndo en primeiro lugar o parón que sofre dende hai xa varios anos o regulamento de participación cidadá. En relación a isto, o alcalde prometeu que retomaría o desenvolvemento, tendo mesmo en conta algún documento complementario que lle foi entregado, se ben non adiantou datas para levalo a cabo.
Foi tratado o tema da residencia, pero só a mero nivel de comentario das últimas informacións dispoñibles, e no marco da falta de competencias actual do concello.
Foi tratado despois a oferta de apoio das asociacións ó mantemento de servizos sanitarios na Mariña, se ben coñecendo ambas partes que o concello non ten competencias no tema e polo tanto non pode recoller a oferta como tal.
Pasouse despois a outros temas. Así, e relacionados co funcionamento da participación cidadá, presentouse a queixa sobre a falta de contestación por parte do concello a moitos escritos enviados, e o que estimamos unha falta de comunicación adecuada de xuntas e plenos que favoreza a participación cidadá.
Tratouse asemade a proposta de exposición das vidrieiras da capela do cemiterio, xa instaladas. E, se ben non é igual de aproveitable de cara ó coñecemento e difusión da importancia das vidrieiras, quedouse en remedar en parte a falta de exposición previa con unhas xornadas de portas abertas da capela.
En canto ó pobo, falouse do problema das cagadas caninas e do uso dos aparcamentos, problemas ambos que se espera ir erradicando paulatinamente. De igual xeito, tratáronse outros temas xerais como a inexistencia dunha ordenanza de ruídos ou o depósito de fianzas para amaño dos destrozos causados nos camiños pola extracción de madeira ou obras.
A segunda parte da xuntanza recaeu en revisión de diversas obras en todo o concello, dende o finalizado das rúas peonís no pobo, con charcos patentes dende o primeiro momento, ó rebacheo de diversas pistas ou invasión de terreo público no rural.
Fíxose fincapé de xeito especial nalgúns puntos, como as roturas frecuentes da tubería de traída de augas, realizada en materiais con mala vellez e que serán cada vez máis notorias. Respecto a isto, a solución pasaría pola renovación integral da traída, algo inasumible nestes momentos.
De mellor solución se estimou a o evitar que queden estrados vasos de plástico nas festas das diversas parroquias, que se estima que a curto prazo estará solucionado.
De xeito parello, foron tratados outros moitos puntos que se fai difícil tratar nun resume.
A xuntanza, que durou perto de tres horas, puxo de manifesto que é convinte unha maior relación entre alcaldía e asociacións. Na procura dunha relación fluída entre a alcaldía e a mesa de asociacións, acordouse que a próxima xuntanza sería o día un de agosto.