20141031

Ribadeo 0 - Malabo King(s) 1

Gran nova: Ribadeo acolle durante días ós Malabo kings, equipo de baloncesto que vin nalgueres publicitado por estas terras como campión de África. Logo, como campión de África Central. Como xa me choca, vou á páxina da FIBA Africa, e atopo que a cousa vai por zonas, e que si, que os Kings foron campións da zona IV, o que é algo menos, pero algo é algo.
Volto ás fotos e comentarios do alcalde co equipo e non me podo apartar dunha idea, que vou á Galipedia a repasar: "Nominalmente, Guinea Ecuatorial é unha democracia constitucional desde 1991. Con todo, a realidade política do país é a ditadura unipartidista e persoal de Teodoro Obiang Nguema, no poder desde o 3 de agosto de 1979, cando liderou un golpe de estado contra o seu tío, Francisco Macías Nguema, e que se perpetúa na presidencia falseando os resultados electorais." Se mal non me lembro, na conta do tema hai cleptocracia (ó mellor a aprenderon da súa antiga metrópole, pero son bos alumnos), arrase de dereitos humanos, e coido que mesmo lle foi achacado algún asasinato de opositores en Europa.
Así, non sei se aledarme polo alcalde e a foto correspondente ou anoxarme polo favor diplomático ó sistema que sofre Guinea Ecuatorial e ó auténtico 'Malabo King'. Non é cousa dos xogadores, o equipo non é malo. Ti decides.
Por certo, collo a puntuación futbolera para o título, é máis ilustrativa, coido.

20141030

Un mes de residencia en construción

As obras da residencia de anciáns de Ribadeo avanzan. As fotos amósano. Dende a entrada anterior adicada ó avance das obras da residencia, que deixo para comparación, velaeiquí fotos dos días 6, 9, 10, 20, 27 e 29 deste mes de outubro:
Dende o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, coa vista da r/Paco Lanza, as primeiras columnas da planta de rúa.

Máis avanzado, comeza o entramado do teito:

Preparando para cubrir o teito da planta de rúa. Vista con Alfredo Deaño e C.P. Gregorio Sanz á esquerda da Foto e Paco Lanza á dereita.

Pouco falta para que o piso da primeira planta esteña listo.

Con Santa Cruz ó fondo.

Levantando columnas un nivel por riba da rúa.

Poñendo o teito do nivel 1, visto dende Alfredo Deaño.

O mesmo, co IES á dereita.


20141028

Falando do tempo excepcional: o cambio climático segue a ser iso, cambio climático

Estamos tendo un tempo que diriamos excepcional. Indo ós rexistros, confírmase que é moi bo para a época, pero tampouco tan excepcional.
Estes días pasados rematou nos xornais a nova de que este ano está sendo o de temperatura media máis elevada que se ten rexistrado. E a iso ía: tamén en Ribadeo.
Collendo os datos da Estación Meteorolóxica automática da Granxa Pedro Murias, podemos chega ó seguinte gráfico:
Representa a temperatura media dos días transcorridos ata a data sinalada no eixe inferior en cada ano dos que levamos do século. O actual, 2014, ten sinalada a mesma temperatura dende hoxe ata fin de ano, e vemos que a media actual supera en máis dunha décima de grao o ano seguinte en temperatura media por estas datas, 2001, que queda outras dúas décimas por riba dos dous seguintes, 2011 e 2006, e moi apartado da raia grosa que representa ó ano pasado, 2013, que a estas alturas de ano ía coa media máis baixa do século.
En poucos días as medias comezarán a baixar, pero polo momento, coa previsión que poño embaixo, subministrada por meteogalicia, a media aínda seguirá aumentando ata domingo, e diferenciándose de anos pasados. E así, tamén en Ribadeo, como no resto do mundo, este ano leva todas as de ser o máis caloroso rexistrado.


20141027

Araña

Ante unha nova semana na que seguramente seguirán morrendo animais mariños e aves co estómago cheo de plástico ou outro lixo producido por nós, unha pequena lembranza dende Ribadeo de que a vida está aquí, rodeándonos moitas veces sen que sexamos capaces de percibila. Unha sinxela raña no seto fronte o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
Nota recollida dun apunte de Luis Laria: "restos de nylon y alambre acerada que generó serios problemas en el estomago principal..como erosiones, ulceras y daños hemorragicos diversos.
También se localizaron cuatro costillas facturadas supuestamente antemortem al advertir tambien hematomas en los traumatismos. Tales daños aún estan por
determinar si pudo causar el varamiento y posterior muerte, pero podría ser."
As fotos que acompañan a cita pode 'ferir a sensibilidade'.

20141025

Situando a Ribadeo no mapa: meridiano e paralelo

A conta do estudo dos meridianos e paralelos, procurei unha imaxe do meridiano que pasa pola Coruña, marcado na praza de María Pita.
E a cousa derivou... por que non dicirlle ó alcalde que trace o meridiano de Ribadeo, á imaxe do que hai marcados no chan noutros lugares, comezando por Greenwich? Atracción turística complementaria, referencia,...
Mentres a cousa non vai adiante, deixo o meu grao de area pola causa, coa imaxe seguinte, que se explica por si soa, a partir dunha vista aérea do sigpac, e tomando como referencias as dúas columnas de dan entrada ás escaleiras do concello:

20141024

Sen novidade na política ribadense (e V). Sen novidade?

Despois de comentar algunhas cousas sobre UPRi, PP e PSOE, nunha primeira parte, e logo sobre o BNG, na segunda, coido que hai que engadir unha última parte sobre o que xa se chama Ribadeo en común.
Unha nota antes de nada: coido que debo advertir que polo momento me atopo entre a xente que pretende sacar adiante a iniciativa, por se alguén cre que isto pode desvirtuar a miña opinión.
Ben, a cousa é que en Ribadeo, como noutras tantas partes, hai un desencanto non xa en relación ós partidos políticos en si, senón ó xeito en que se están a facer as cousas, sexa que sexa quen esteña no poder. Coido que coa premisa anterior, a casuística inicial pode ser totalmente diferente entre dous lugares diferentes. E Ribadeo, cun partido forte no concello pero minoritario tanto a nivel estatal como gallego, entre outras características, é evidente que non presenta rasgos moi comúns. Rasgos entre os que se inclúe unha dificultade engadida para chegar a unha posición importante no consistorio, unha traxectoria do equipo de goberno que coido se pode cualificar por riba do nivel medio dos equipos da democracia.
Entón, a primeira cousa sería o por que un conxunto de xente quere crear unha nova plataforma comunitaria e xa leva un manifesto constitutivo e avanza con seguridade cara á súa propia definición programática, metodolóxica ou comunicativa con vistas á presentación dun equipo ás eleccións. A resposta é polo alonxamento da política, políticos e partidos tradicionais da participación xeral efectiva. Quizais se debera engadir que despois de todo, a percepción dunha traxectoria mellor que a media da democracia tampouco significa moito no sentido de que é superable. Pero iso é aínda de cara ó futuro, como aspiración, mentres o xeito de facer política no sistema actual é algo palpable, no que as peticións da definición dun Ribadeo que queremos ou do sistema de participación cidadá quedan en dique seco ou desviadas sen máis.
Ribadeo en común ten ante si desafíos grandes antes de poder facer a presentación dunha candidatura, un camiño que recorrer con traballo. Se logra chegar á fase final co mesmo esprito que leva demostrado ata o momento, o mapa municipal quedará fortemente variado.
Ben, trátase do futuro, e máis aínda que nas catro entradas anteriores, dunha visión persoal onde se podería completar de xeito moito máis longo con outros datos e comentarios, e por definición, como calquera previsión, sen contar cos imprevistos. Ó fin, Ribadeo, tanto en xeral como en política en particular, construirémolo entre todos.
-
Outras: UPRi, PP, PSOE, BNG, Ribadeo en común.

20141023

Sen novidade na política ribadense (IV)

A política no concello de Ribadeo nestes momentos está controlada polo BNG. Coido que coa frase anterior está trazada a realidade, que abrangue non só unha maioría absoluta, senón tamén un desfrute e manexo de actividades e tempos.
Cando xa vai para catro anos resultou das votacións unha maioría absoluta, coido que foi un superar as expectativas mesmo para o partido ganador. Dende aquela, a actividade desenvolta non minguou, senón que quizáis houbo un fluxo e refluxo que a levou na actualidade a uns niveis inferiores ós de comezo de mandato, pero non ós do mandato anterior. O alcalde continúa nos xornais con regularidade, as notas de prensa do concello, filtracións e contactos administran os tempos, e a propaganda dos intereses vese equilibrada co esquecemento do que non conviría.
Non é pois que Ribadeo non teña problemas, senón sinxelamente que o BNG e o alcalde non afrontan, polo momento, desafíos externos que comprometan a súa continuidade. E coido que para esa 'sen  novidade' do título, debemos ser conscientes de dous limitantes: 'externos' e 'polo momento'.
En canto ó primeiro, aínda que da partición do antigo BNG xa van catro anos, non hai que esquecer que a opción final escollida polo alcalde non correspondeu coa do grupo co que mantivo un certo tempo afinidade, quedando nunha situación algo comprometida nun partido que ó fin, ten unha estrutura 'tradicional'. É certo que en Ribadeo, hoxe, non hai quen se lle poda poñer en fronte dentro do partido e recadar o mesmo número de votos, pero tamén o é que sen o partido o alcalde tampouco o podería facer. E que dicir sobre o desenvolvemento das diferentes concellerías? Non creo que se poda marcar unha división de apoio a non ser que cambiaran as circunstancias, pero cabe lembrar que hai catro postos que veñen do mandato pasado ou aínda de máis atrás, e tres novos que comezaron nunha posición totalmente diferente do grupo en canto ó concello.
Internas en certo xeito tamén se poden considerar, xa que é o grupo de goberno, as relacións co propio persoal do concello e o seu funcionamento, e se ben non parece haber un nivel de enfrontamento como chegou a haber, tampouco parece unha situación totalmente relaxada en canto a trato nin controlada en canto a funcionamento, e detalles como o reparto dos complementos de produtividade seguen sen ser comprendidos dende fóra da institución, e non sei ata que punto integrados (aceptados é outra cousa) dende dentro.
En canto ó 'polo momento', as novas formas de facer política pouco a pouco van facendo xurdir grupos en Ribadeo que poden facer variar a visión de futuro, pero iso quizais requira outra entrada.
Así pois, polo momento, coido que o BNG enfrontaríase a si mesmo se as eleccións foran esta fin de semana, e cando un se enfronta a si mesmo, ou está tolo, ou leva as de ganar.
-
Outras: UPRi, PP, PSOE, BNG, Ribadeo en común.

20141021

Apelando sobre as Catedrais

Dende hai uns días, o concello ten colgada a súa apelación ó Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais - Augasantas (Ribadeo), e tamén que quería facer un pequeno comentario.
Pequeno, porque para quen teña lido o Plan, debera ser todo o máis unha liña introdutoria, e quen non o teña lido, posiblemente non sexa quen de encadrar un comentario máis longo. Vaia por diante que considero un bo exercicio sobre o funcionamento administrativo a lectura de ambos, sen que en ningún dos dous casos crea que son literatura destacable.
A apelación do concello ten dúas partes nidiamente separadas e de lonxitude semellante. A primeira, que preténdese valoración xeral, manifesta de novo a idea do equipo de goberno municipal de que debe dárselle outro tipo de protección, e nese sentido é case un mini plan, artellado de xeito abondo formal e que se ve completado con dous anexos, con datos xeomorfolóxicos e castrexos (5 páxinas das 16) que entendo deberan axudar a completar os que apoian o plan da Xunta. A segunda parte fai a crítica en si, a modo de valoración concreta, facendo fincapé non só en cousas que considera favorables do plan (algunha hai), ou faltas/erros/lagoas, senón tamén en que non desenvolve polo momento os aspectos económicos nin sociais. A continuación dos puntos que servirían de índice, e sen mediar cambio de estrutura, vai desenvolvéndoos, comezando pola cifra de visitantes, na que non di nada máis que o documento non se molla demasiado nin especifica unha carga diferencia segundo circunstancias (marea, por exemplo), e pasa a queixarse de que o traballo de campo foi escaso, dous días, para poder determinar nada.
O rexistro telemático de visitantes é atacado, pero non tanto por ser telemático, como por ter a base de resposta en Santiago, con todo o que iso pode implicar de ocntrol. E a dotación de infraestruturas da que está a falar o plan considérase insuficiente.
Para rematar, unha folla escasa de 'parte propositiva' que fai resume da primeira parte propoñendo a creación dun Parque Natural.

20141020

Ler o xornal, exercicio mental

Moitasveces, encarados ó xornal, sortear os titulares, meterse no meollo da nova, filtrar convencións e intereses... representa un bo exercicio de criterio, aínda que tamén poda resultar extenuante. Collo titulares en só unha páxina (a segunda) dun xornal de hoxe:
'Podemos é incapaz de acadar o consenso na súa primeira asemblea' achaca unha incapacidade sobre algo que, que eu saiba, non se puxo como obxectivo nun conxunto que se sabe heteroxéneo e que propuxo dende o comezo, votación para decisión, sen pretensión de facer un bloque monolítico.
'A decisión de ocultar a marca nas eleccións municipais recibe críticas'. Ocultar a marca? supoñendo que se acepte o de 'marca' polo nome (que ten implicacións diferentes), non se trata de ocultar nada, senón diluírse en opcións que en cada lugar terán as súas diferenzas. Aí está por exemplo, Ribadeo, con 'Ribadeo en común', onde non se fala de partidos porque quen participa son persoas, algunha encadrada nalgún partido, outras noutro, e a maioría, en ningún. Así pois, que marca se decidiu ocultar?
'O "macho alfa" non é capaz de sacudirse a súa propia personaxe', referido a quen prcisamente rexeitou explícitamente que se tratara de algo parello a 'iso', non deixa de ser unha simple argucia para chamar a atención. O subtítulo ten máis aquel: 'Iglesias ten máis problemas para enfrontarse ós seus propios compañeiros que ós tertulianos' implica enfrontamento por riba de colaboración, cousa máis que dubidosa nun congreso no que se tentou construír, ó tempo que a comparación cos tertulianos pon como base unha visión de batalla para facer fincapé no enfrontamento.
... e non hai máis novas na páxina.
Cabe dicir, como se di agora, o 'disclaimer': vexo con simpatía a Podemos, motivo único da páxina, e unha razón das que fixeron que esa páxina fora a miña elección. Pero ti mesmo podes coller outras páxinas, e facer a proba.

20141018

O Pequeno Nicolás en Ribadeo

O Pequeno Nicolás é o neno protagonista dunha serie de historias de René Goscinny. Divertido e doce ó tempo, pode ser hilarante.
Dende este verán, e mais dende este xoves, o pequeno Nicolás pasa a ser o apodo dun caradura que tivo unha actuación estelar en Ribadeo. Francisco Nicolás Gómez Iglesias, mozo novo, estivo dando o pego con aproveitamento das corruptelas do sistema político, adulacións e demais. E aí entra o caso Ribadeo, onde o individuo se presentou este verán, mesmo con escolta, e o alcalde baixou ó restaurante polo que parece para ir saudar a alguén da Casa Real que alí estaría, atopándose cun mozo novo con moita labia. Coa detención do individuo nesta semana, retornou ós medios a baixada do alcalde, mesmo con algunha entrevista pola tele, e nota de prensa do concello, algo que ocorre agora, na detención, pero non ocorreu cando á metade de agosto, sucedeu o caso Ribadeo. Así como no seu momento me chamou a atención á baixada do alcalde, agora chámama o aproveitamento mediático para descarga da posible culpa. E é que, aínda que a intención fora boa, o guión é típico, e básico para o mantemento dun sistema corrupto.
--
Actualización, de tarde
Despois de ver a trivialización do tema que se tenta facer no Facebook en base a fotos trucadas do Nicolás, ratifícome e incido máis no aproveitamento mediático que se está a facer como desviación de culpa e atención.

20141017

Sen novidade na política ribadense (III)

Hoxe tampouco houbo novidade sobre o PSOE. Nas últimas eleccións municipais acadou a súa propia marca - chan de votos en Ribadeo, situándose ademáis na cola de entre as candidaturas, despois de ter ocupado a alcaldía dous mandatos antes. O logro foi debido a circunstancias que inclúen o liderazgo anterior e unha lista nova na que ía de cabeza un ex alcalde por outro partido. Eduardo Gutiérrez, o único que obtivo a acta de concelleiro, coido que tiña claro que se enfrontaba a unha situación atípica, pasando a facer no pleno de experto con certas ideas propias máis que de partido. E coido que, asumido que nada podía facer, e mesmo con algunha saída de tono puntual, mantivo unha liña así: propia, sen partido. Partido que non tiña detrás, en cambio con encontronazos, con novo líder en Ribadeo, en caída libre a nivel estatal, e sen resalte posterior e ata o momento, sen nada que faga supoñer un futuro moi diferente para a candidatura que virá para as próximas eleccións.
Os tres partidos vistos nesta serie 'sen novidade ata o momento' esixen unha separación e unha parada. Separación porque os outros grupos (plural) a analizar teñen unhas liñas básicas moi diferentes, con eles e entre si. E parada, para lembrar a situación de hai case catro anos e algo do desenvolvemento dende entón.
Sobre o tema de hai case catro anos, arredor das eleccións no blog deixei unha lista nutrida de artigos, dos que sinalo o grupo principal, ordeando as entradas de máis nova a máis vella:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/unha-idea-de-o-teson-comunicado.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/15m-o-deportivo-mina-ria.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/pospolitica-como-politica-postelectoral.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/distribucion-de-votos-nas-parroquias.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/flecos-electorais-e-lista-de.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/non-sei-o-que-fixeches-pero-sei-o-que.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/resume-de-datos-e-algunha-cousa-mais-6.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/1045-maiorias-absoluta-do-bng.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/unha-tonteria-captura-dos-primeiros.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/para-ler-mentras-4-de-hoxe.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/previsions.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/unha-colaboracion-para-interpretar-os.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/05/unha-reflexion-para-xornada.html
-
Outras: UPRi, PP, PSOE, BNG, Ribadeo en común.

20141015

Sen novidade na política ribadense (II)

Onte tocoulle a quenda a UPRi. Hoxe vai o PP. O partido que dende hai tempo estivo en primeira ou segunda posición en tódalas votacións ó concello (cousa que non lograron BNG e PSOE), tivera controvertidas primarias antes das eleccións pasadas. Nelas sobresaíra Manuel Valín claramente nunha ampla cesta de nomes (7) e tamén claramente en contra do aparello provincial do partido. Diríase que na lista presentada tentou facer amalgama, ou máis ben, que a presión da estrutura non permitiu un equipo cohesionado. Uns resultados decentes, pero con maioría absoluta dun BNG que superou as súas mellores previsións serviron en bandexa o desquite contra o cabeza de lista, e os catro anos de mandato que rematarán o próximo maio veñen sendo os de votos particulares cando non partidos do partido condimentados con estrañeza vista a situación dende fóra fronte ó comportamento do que debera ser un equipo ó servizo de Ribadeo. Cantado-anunciado é dende hai tempo que o cabeza de lista non repetirá. Falado polo baixo-por todos sabido é que o actual presidente do partido en Ribadeo está facendo campaña (acertada ou non, iso xa é outra cousa) dende hai tempo, tentando unha visibilidade que non ten, mesmo fronte ó seu grupo municipal.
E, nestas estamos cando o aparello de partido anuncia dende Lugo que esta volta non haberá primarias en Ribadeo, que será imposto o candidato dende Lugo. Despois do transcurso destes anos, alguén dubidaba de cal será a 'aposta forte' do PP para Ribadeo? E, a non ser sorpresas por imponderables externos, alguén aposta polo resultado?
-
Outras: UPRi, PP, PSOE, BNG, Ribadeo en común.

20141014

Sen novidade na política ribadense

Hoxe saltou a nova: o representante de UPRi no concello, Agustín Reymóndez, non será candidato para as próximas eleccións. O certo é que, sen que el o dixera precisamente, o futuro de UPRi estaba comprometido, de xeito que, presentándose ou non (outra persoa no seu lugar) UPRi seguía un desgaste na rúa que facía difícil que houbera un representante na próxima formación do pleno. Lembro no pleno ordinario pasado, un pequeno comentario de Tino que deixo recollido así: "Foi neste punto onde tivo lugar unha anécdota pequena pero da que coido debe quedar constancia. Na intervención do representante de UPRi, e en relación coa duración do convenio, fixo unha pequena digresión apuntando que no próximo período de sesións podería haber un alcalde de UPRi, xa que había un movemento asembleario que estaba a tomar forza para facer algo que xa había, encarnado por UPRi. Ben, coido que é unha falta de información, pero non deixa de ser unha curiosidade expresiva dunha certa mentalidade."
Agora parece evidente que o alcalde ó que se refería non era el, nin tampouco do 'UPRi oficial' que el encarna aínda.
Así pois, coido que sen novidade de cara ó futuro.
-
Outras: UPRi, PP, PSOE, BNG, Ribadeo en común.

20141013

Loitas ou pasas?

A loita estase a achegar. En Viveiro, dous pais (dúas nais) foron denunciadas por defender que no IES Vilar Ponte deberan repoñer a praza que suprimiron. No medio, claro, voltas e reviravoltas de acusacións e outras manobras. Resulta agora que cunha nova dirección sinalada a dedo despois da dimisión da anterior, o centro pode funcionar perfectamente sen tanto profesorado. Ben, na realidade non din iso, senón que lles deixen comprobalo. E como protestan, denuncia. Está a piques de meterse no embrollo o concello, apoiando no pleno (por separado xa o fixeron os grupos municipais), co que o conflito será tildado de 'politizado' despois de ter unha orixe social de defensa de servizo público. E mentres noutros centros xa levamos catro semanas de curso, en Viveiro están a aprender da vida.
Con estas cousas, pregúntome por exemplo, se podía funcionar perfectamente con menos persoal, non había entón unha mala xestión punible anteriormente?
--
Engadido:
Vexo que o xornal pon que había 43 profesores, que quedaron en 42, e que o 86% cuestiona a redución, é dicir, 36 profesores e profesoras. Coido que habería que fiar máis fino. Non teño datos exactos, pero coido que se poden facer as seguintes contas: son 4 no equipo directivo, co que quedan 38 profesores, e 36 opositores sobre 38 son o 95% de oposición á medida. O 95%, non o 86%, que xa sería abondo.

20141012

a asemblea de O Tesón

Copiado de http://o-teson.blogspot.com.es/2014/10/borrador-da-acta-da-asemblea-xeral.html:

Borrador da acta da asemblea xeral mantida o 20141011

 Asamblea Xeral ordinaria da Asociación de Veciños O Tesón
Alto do Cantón Bar, 20141011, 20:00, con asistencia de 5 socios.

Antes de comezar decídese trasladar a asemblea ó alto do Cantón bar.
1.Lectura e aprobación se procede, da acta anterior
Dáse por lida a acta anterior e é aprobada por unanimidade.
2.Memoria de actividades e balance económico do ano ata o presente
Pásase revista ás actividades relacionadas coa asociación e realizadas dende a última asemblea, entre outras:
A denuncia pública da terraza do xardín, as alegacións ó Peprich, a petición de exposición das vidreiras da capela do cemiterio antes da súa exposición, a polo momento fallida viaxe a Burela, o estado das obras da residencia de maiores, as xornadas Ribadeo a Debate, as dúas xuntanzas da mesa de asociacións, o destino das preguntas realizadas ó pleno do concello, a rectificación da inclusión de O Tesón como participante na plataforma Ribadeo en Común, a nota resume do pasado ano e o noso xuízo sobre o plan preliminar para As Catedrais.
Faise un resume xeral, incidindo en que o concello non da unha resposta real ás numerosas interpelacións que levamos feito, non tendo avanzado no Regulamento de Participación Cidadá.
No mesmo punto pásase revista ó balance económico, que se expón a falta de solucionar unha factura de Eocar de 198 € que está aparentemente duplicada. A falta dese detalle, o punto é aprobado por unanimidade.
A 31/12/12 había un saldo de 6 909,68 €
Saídas: 4 066,69 €
Entradas: 3 742,80 €
Saldo a 31/12/13: 6585,79
A raíz da exposición das contas comentouse o fracaso económico da publicación das cartas da ría de Ribadeo, que se tentará dinamizar mediante a súa venda noutros lugares, como a oficina de turismo e Biblos.
3.Próximas actividades e previsións de ingresos e gastos
Decídese de xeito unánime manter o orzamento de cara ó próximo ano, e tamén continuar coa sucesión de actividades de anos pasados, incluíndo dúas actividades culturais, unha no outono e outra na primavera.
4.Rogos e preguntas
Coméntase sobre o estado das vidreiras do cemiterio e o cambio contractual das sepulnturas no cemiterio.
Ás 20:40 dáse por concluída a Asemblea.

20141010

Sorpresa!

Recollo dunha rede social (comunidade 'Ribadeo' en Facebook) unha dunha serie de fotos do efecto a última baixamar en marea viva na rada do porto pesqueiro. O barco é o Villaselán, sobre as 11:34, marea baixa moi viva (coef. 104), pero como especifica o apunte da foto, o vento era de compoñente sur, o que evitou un calado aínda menor.
https://fbcdn-sphotos-b-a.akamaihd.net/hphotos-ak-xfp1/v/t1.0-9/s720x720/1969261_10152744314481217_6284396682583936677_n.jpg?oh=6151d85cb4a95d277946800d3d284e03&oe=54C5D335&__gda__=1422427620_a7fceb587fad2dcb16b83e5ee2984c76
Non fan falta moitos comentarios porque a foto é abondo ilustrativa. O barco estaba na dársena pesqueira, ó fondo dela, e fronte a unha infraestrutura de construción como o peirao, salienta a falta de complemento do calado no porto. A circulación de auga na ría pode variar de xeito relativamente rápido os fondo, as profundidades, os calados de atraques e pasos na zona aberta. Na rada de pesca, a cousa xa é outra, e o rendemento en tempo dun dragado é moito maior. Claro que para que haxa ese rendemento, hai que facelo antes.
Claro, o barco foi movido despois para evitar a seguinte baixamar nese lugar. Iso ven a significar que unha infraestrutura deixa de ser usada dun determinado xeito, ou en parte, por non ser adecuada. Evidentemente, non é algo tan flagrante como pode selo o caso do alto do Fiouco na A8, e ademáis ten moito mellor amaño. Quizáis vexamos pronto rebaixar o fondo na enseada do porto? Ou decidirase que como o resto dos barcos que atracan alí teñen menor calado, este que se sitúe algo máis preto da saída (como fixo en canto aumentou o nivel da auga), e listo? O tratamento pode indicar algo sobre a consideración que ten o porto de Ribadeo.

20141009

Catedrais, Ribadeo, futuro

Hai algún tempo saltou ós medios que o plan preliminar para As catedrais estaba listo. Pouco despois recollín nunha entrada as ligazóns e algún pequeno comentario. Dez días despois volto ó tema.
Dende a entrada no blog, pouco ou nada se sabe dos anunciados encontros do alcalde con empresarios e veciños da parroquia, de comentarios sobre os detalles do plan ou de alegacións. De novo, a participación parece ausente dun proceso que a necesita.
Pasei a vista por un dos documentos que liguei na entrada sobre o plan das Catedrais. O que corresponde á 'literatura', e certamente, está feito segundo unha estrutura máis ou menos tipificada que entendo fai difícil que se podan facer aportacións máis aló de apreciacións nun sentido ou noutro. é dicir, dificulta a participación veciñal se non se ten un apoio extra á documentación.
Non obstante, a precaución debe ser un método tamén fronte a documentos deste tipo. A maior parte do documento (54 p en total, portada incluída) pásase coa descrición de características, é dicir, tentando centrar o tema. Pero, fixándome nalgunha cousa que coñezo máis ou menos, a tenor do que levo recollido sobre a temperie da zona, diría que as temperaturas e outros datos meteorolóxicos, por exemplo, son collidas dun ano só, polo que non son representativas. En canto á xeoloxía, fala de cantís duns 10 m, e punto, sobre unha zona que abrangue dende o límite con Barreiros ó entrante de Esteiro, pasando polo arcos das catedrais, o que entendo que é abondo reduccionista. O documento fai un listado de empresas, incluídos os café-bares (non fala de cafeterías ou tablernas, que é de entender que irían no mesmo grupo), e atopa que en Ribadeo hai 17. E non me saen os números (conta ti que estás a ler, a ver se te saen). Entre as páxinas 18 e 20 aparecen diversas estatísticas sobre os sectores de traballo nos que está empregada a xente. E de novo hai contradicións entre números e porcentaxes. Pequenos detalles que ben é certo que non marcan cousas graves, pero que en conxunto fan caer a dúbida sobre os resultados que os empregan como xustificación.
Máis adiante, unha sorpresa: hai listaxe de actividades permitidas, permisibles e prohibidas. O bar instalado alí non está prohibido.
Permítese o fondeo e amarre de embarcacións, o uso deportivo, o aeromodelismo (que pintará esa actividade no entorno?)... mentras as actividades científicas necesitarán unha autorización previa.
O documento remata dun apartado adicado ó seguemento e avaliación, recoñecidas como ferramentas básicas, e ás que se adica media páxina das 54.
Ben, non son comerciante nin da Devesa. Por suposto, o alcalde non se reunirá comigo igual que coa grande maioría da xente de Ribadeo. Tampouco se establecerá un servizo de atención por exemplo mediante a web (para pedir a entrada no futuro si será mediante a web). E seguramente non alegarei: tempo, técnicas de documentación, etc farano difícil. Así, quedará ó final escoller entre un dos tres niveis de protección (non vou entrar en detalles) que levan a:
Criterio de ocupación intensivo: 11 444 persoas/día
Criterio de ocupación medio: 5 722 persoas/día
Criterio de ocupación baixo: 2 289 persoas/día
Criterios de onde saen os números que manexaban os medios días pasados. Parece que, por conservar a cara, o criterio de ocupación intensivo queda descartado a priori. Entre os outros dous criterios, tamén parece que a elección estará subrogada a outros 'criterios' diferentes do da protección que ensalza dende o primeiro momento e durante varias páxinas o documento presentado.
-
Nota posterior: parece que os actos anunciados pola alcalde serán precisamente hoxe, e que serán 'informativos'. É dicir, máis ben tentarán de suplir a lectura do documento que outra cousa, polo tanto, non participativos...

20141008

Nós e vós, uns

A cousa preséntase así: preséntase unha lista de xente plana, ordeada por orde alfabética de apelidos, e sae nalgún medio con persoas destacadas e o resto da lista como xente complementaria.
Resulta que o destaque é por motivos alleos ó da creación da lista. Algo así como por ter cara máis coñecida con anterioridade, equivalente quizáis a ter máis historia pretendidamente pública detrás. Mesmo algúns dos destacados, con foto.
O caso é que un destaque rompe a uniformidade, a igualdade á vista externa, e a partir desa rotura, pode actuar contra a fraternidade interna, e con ela, contribuír a fracturar unha estrutura.
Na sociedade na que nos toca vivir (ou na sociedade que imos construíndo día a día, que é a mesma) aínda estamos afeitos a poñer caras para identificar iniciativas, poñerlle a esas iniciativas unha historia anterior aínda que partan de novas conxuncións.
'Vinte no xornal' me di un alumno, e quedo preguntándome a conto de que. Logo entérome de que esa iniciativa na que participo como os demáis comezando a construír dende unha base común, cunhas dúas ducías de persoas máis, algunhas con máis actividade, máis antigüidade no traballo e máis rendemento ca min, ten posta a miña cara como referencia.
Quizáis unha cara sirva para dar algo máis de difusión a algo que polo momento se está a configurar como idea, pero habería que pensar que ó tempo, está a trastocar a transmisión da mesma idea que se tenta difundir.
Por certo, estoume a referir ó manifesto de 'Ribadeo en Común' e ás ideas e actividade que se desenvolven dende hai xa abondo máis dun mes. Seguimos para diante, como dirían os franceses co seu lema republicano, en liberdade, igualdade e fraternidade. Con conciencia e vontade, cooperando cada quen co seu veciño e desenvolvendo si, unha fraternidade no traballo conxunto.

20141007

A reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón

Ben conservada está a reserva da biosfera... Sete anos despois da súa creación constitúese o órgano que ten que rexila. Reserva da biosfera do Eo, Oscos e Terras de Burón. Se un pasa cara a Madrid, por exemplo, recorre pola reserva uns oitenta km dende Ribadeo, con paisaxes e terras que pouco teñen que ver, amalgamados na protección dunha mesma figura.
Unha curiosidade na wikipedia española: La reserva sigue el curso del río Eo hasta su desembocadura. Tiene más de 97 familias de plantas y 219 taxones de aves. Algunas empresas han mostrado el interés en explotar los yacimientos de metales preciosos que parece contiene la Reserva.
A mesma wikipedia, na mesma páxina, establece un pouquiño máis enrriba: (Elemento de la futura Reserva de la Biosfera Gran Cantábrica).
Sumémoslle a esa amplitude tanto en extensión como en diversidade a ambición de xerme nunha reserva aínda maior, xunto coa diversidade de intereses dos concellos que a integran, encadrados en dúas comunidades autónomas que compiten máis que colaboran, e teremos un elemento difícil de controlar.
A extensión é comparable á dalgunha provincia, e a diversidade que presenta, maior tamén que algunha provincia. Un rasgo máis fai que se poda dividir en zonas comerciais diferentes (e polo tanto de influencias diverxentes).
E ben, constituiuse o órgano rector hai uns poucos días. Agora, a traballar... que non hai previsto unha folla de ruta de traballo? Esperemos que se faga pronto. Hai algún tipo de proxecto xeral, a máis de exprimir a reserva? Esperemos que se faga pronto. Algún tipo de acehgamento das tres zonas? Ejm. Hai información á cidadanía, intento de implicación da xente na xestión, recabado de ideas, algo? Mellor, remato a entrada.

20141006

Mercado en Ribadeo

Dende hai varios anos o mercado Ribadeo está no tapete. Superficie ocupada, cotas a pagar, e agora, limpeza.
A superficie foi a primeira das polémicas, ligada á das cotas asociadas para dispoñer dela. Dunha medida linear, mal feita e incumprida, pasouse a outra medida baseada nos metros cadrados ocupados, delimitando con marcas no chan un espazo. Coido que representou unha diminución de superficie indicada para cada posto, e tamén unha distribución algo máis adecuada. Xunto con iso, a variación do pago de cotas, asociando superficie realmente ocupada e a cantidade a pagar, representou un enfrontamento de vendedores e concello, polo aumento das cantidades a pagar. Foi asemade a época na que Castropol instaurou o mercado, o mesmo que Barreiros, a máis da mella da crise. Houbo plantes de vendedores, requerimento de pago de cotas anteriores... Pouco a pouco as augas voltaron ó seu leito, se ben as relacións vendedores concello variaron lóxicamente e as regras establecidas foron cumpríndose máis.
Agora, algo que tamén estaba posto nas regras, pretende cumprirse despois de ter recibido queixas: a limpeza do mercado polos propios vendedores. Quizais o anterior non estea ben expresado: a limpeza da superficie do propio posto despois de desmontar. A brigada de limpeza pasará, pero debe atoparse a zona de tal xeito que sexa só un repaso. De novo queixas por parte dos mercaderes pola obriga de cumprir algo que non se estaba a cumprir, coa mira posta en que a suba efectiva de cotas de hai algún tempo leva tamén asociados uns deberes para o concello, entre os que se atoparía a limpeza.
Sinxelamente, parece que -nalgúns casos- o uso do común vai tomando a idea de que non debe ser un abuso, e tratándose como tal, cambiando a mentalidade. E axustando, un pouco máis acó, un pouco máis aló, tentando atopar o límite adecuado entre público e uso privado. Nalgúns casos.

20141004

Ribadeo en Común: manifesto

Ribadeo en Común
MANIFESTO
   Un grupo de veciños e veciñas de Ribadeo plantexámonos -como fan tamén noutros lugares de Galicia e de España- a necesidade de que a cidadanía participe e controle de xeito real a xestión dos asuntos públicos.
   A nosa iniciativa non vai dirixida contra ninguén, non responde ao interese de ningún partido ou grupo político político concreto, nin é excluínte. Está aberta a todas as persoas que comparten as nosas preocupacións pola situación actual.
   Vivimos unha crise non só económica senón de todo o sistema, causada pola cobiza e desexo de poder de institucións financeiras e multinacionais, que está a servir como desculpa para a aplicación de políticas de recortes de dereitos e liberdades, e para a privatización de bens públicos (pensións, saúde, servizos sociais, educación). Mentres tanto, a corrupción empreña o funcionamento das institucións políticas.
   Os beneficios da especulación rematan en mans privadas, mentres que a débeda -dunha crise provocada- acaba socializada. Os gobernos, controlados polas entidades financeiras, promoven leis en favor delasmentres que unha parte cada vez maior da poboación é vítima do desemprego, da pobreza e da exclusión social.
   Ante esta situación, pretendemos que a veciñanza deixe de ser un suxeito pasivo que se limite a entregar cada catro anos un cheque en branco a un partido político -controlado por un grupo de profesionais da política-. Son necesarias novas formas democráticas, transparentes e participativas, dirixidas realmente á procura do ben común.
   Por iso, o noso primeiro e principal obxectivo é impulsar o proceso de construción colectiva dunha nova estrutura de goberno local na que calquera asociación, veciño e veciña (organizad@s en grupos de traballo sectoriais ou territoriais) poda participar na toma de decisións e ser informado cumpridamente da xestión que está a ser executada.
   Con este fin estamos a constituír unha Plataforma Cídadá que integre e mobilice a aqueles que consideren que os intereses das persoas deben estar por diante dos intereses de grupos económicos ou partidarios, e queiran construír de xeito cooperativo un modelo coherente e sostible para o noso concello.
   Esta plataforma pretende concretarse nunha Candidatura Cidadá cara a participar nas eleccións municipais de 2015, que promova:
   1. A total e efectiva transparencia informativa na xestión do goberno local.
   2. A participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas.
   3. A erradicación de calquera sinal de clientelismo ou nepotismo da Casa do Concello.
   Chamamos a participar nela a quen compartan, ademais, estes principios básicos comúns:
   • Loitar por unha sociedade máis xusta e solidaria, dando prioridade ao     ben común sobre o interese privado ou partidario.
   • Traballar pola efectiva igualdade de dereitos para tod@s e a    eliminación de privilexios para algúns.
   • Defender as liberdades individuais e colectivas.
   • Defender o carácter universal, gratuíto e de calidade dos servizos      públicos.
   • Salvagardar o noso patrimonio natural e cultural.
Asinantes do Manifesto:
Rocío Botana García
Jesús Javier Chao Lolo
Manuel Ramón Díaz Teijeira
Emilio García Garcia
Julio César González García
Matilde González Gómez
Antonio Gregorio Montes
Arturo Linares Martínez
Chemi Lombardero Rico
Evaristo Lombardero Rico
Francisca López de Prado Nistal
Carmen Manzanal Gómez
María Novo Fernández
Mario Penelo Riva
Eduardo Piñeiro Rouco
Elvira Posada García
David Regueiro Rama
Iván Rodríguez Lombardero
Jon Urbieta Igual
Victor Villar Caamaño
Antonio Villarino Rego
CONTACTO:
Podes informarte ou sumarte á nosa iniciativa escribindo ao enderezo ribadeoencomun@gmail.com ou achegándote á Praza de España no25 (El Bosque Animado, Cantón dos Moreno).

20141003

Orzamentos? Elixe...

Mentras en Ribadeo o PP tenta enzarzarse nunha liorta co equipo de goberno a conto de que Ribadeo tivera un superavit de 800 000 € no 2013, a Mariña cae en presuposto da Xunta e do goberno Central, dando ademais cun canto nos dentes por ter adicado, segundo as institucións, cantidades como dous millóns de euros para o hospital nestes últimos cinco anos (se mal non lembro, falarase e prometérase cousa de oito millóns para hai eses cinco anos).
Francamente, é comprensible o fastío cidadán fronte ós chamados 'grandes partidos', sumidoiros de esforzos de comprensión benintencionada por parte da cidadanía que tenta, ó tempo, atraer en momentos puntuais e afastar para que non moleste, mesmo neses momentos puntuais.
Dese xeito prodúcese unha situación kafkiana da que a non tan longo prazo pode resultar calquera cousa. E é asi, porque xa está resultando que fan calquera cousa no que se da en chamar altas esferas. Un día si, e ao outro, máis, é o que nos está a deparar a historia do estado español nestes tempos. Si á corrupción e ó saqueo, á gobernación para persoas particulares, e á explotación, á crise e ó ninguneo para a grande maioría. Millóns de euros gastados con tarxetas por supostos conselleiros ou dirixentes (supostos, porque quen fai iso non fai máis que mentir no posto que ocupa) en entidades que rescatamos con cartos de todos retiran das portadas á última porta xiratoria que concede a xente que retiran da política mensualidades equivalentes ás anualidades doutros por traballos tamén mensuais que non chegan ós horarios diarios deses outros. E sen paro! Quizais sería bo que Gallardón dera cursiños a parados sobre técnicas de atopar emprego ben remunerado e doado de facer.
A verdade, é doado despotricar contra esa xente que tenta sacar as cores uns ós outros mentras esquece os 'valores espirituais' dos que presume para meterse na lama corrupta mentes enche a boca con palabras cabronas que insultan e engatusan.
Non, á maioría, desta non nos vai sacar ningún pelotazo nin o pasar de todo, senón o traballo e a loita, porque imos ter que construír as nosas saídas ó tempo que procuramos con que facelo e temos que defender tanto a materia prima como os útis que empregaremos no traballo para que non arrampen con todo. Ou iso ou algo que dun xeito ou outro, pódese chamar escravitude. Eleximos nós día a día.

20141002

Sobre a depuradora de Ribadeo

Marzo de 2011: inauguración da estación depuradora de augas residuais de Ribadeo. Setembro 2014: asinado o contrato para comezar o replanteo para construír o emisario. No medio, tres anos longos.
Na imaxe, embaixo no centro esquerda, a xa non tan nova depuradora. Á súa beira dereita, a moito máis pequena antiga EDAR. Na parte superior esquerada, o castro das Grobas. Na superior esquerda, a praia de rochas. E no medio, a enseada de Vilaselán, que por fin parece que será liberada da carga do vello emisario da antiga EDAR, entroncado a partir da posta en funcionamento da nova planta. Coido que unha imaxe ás veces vale máis que mil palabras:

20141001

Levantando a historia da residencia de maiores de Ribadeo

Pouco a pouco a residencia de anciáns de Ribadeo vai levantándose. tres fotos, unha do día 15 de setembro e dúas de onte 30 de setembro así o poñen de manifesto.
O día 15 de setembro aínda se estaba acondicionando o chan para botar o cemento correspondente ó soto, e aínd anon se rematara de facer a beira baixo nivel, aínda que xa se tiñan as columnas para soportar a planta baixa.
Onte pola tarde estaban rematando de botar a placa, quedando así listo o nivel do chan, aínda sen encher de terrao oco da parte inferior.