20141231

3 vídeos da San Silvestre 2014 en Ribadeo, a clasificación...

A clasificación da San Silvestre Ribadeo 2014 (adultos). Páxina da competición. Un evento con máis de 600 inscritos entre todas as categorías.
Para a proba en xeral, incluídos outros anos, o blog.
O recorrido de maiores 2014:

O regulamento. E os vídeos:
*da confluencia entre S. Roque e Rosalía (a 5 min. do comezo)
*da confluencia entre Calvo Sotelo e Rdguez. Murias (a 12 min. do comezo)

*algo do final (polos postos 150-180 aprox)...


20141230

Publicación do PXOM


Non atopei a ligazón directa na web do concello. Vai aquí:
LUNES, 29 DE DICIEMBRE DE 2014
Nº 297
CONCELLOS
RIBADEO
Anuncio
Tendo en conta a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo mediante ORDE do 14 de novembro de 2014 da CMATI, DOG num 230 do 1 de decembro de 2014 e de conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, o concello procede á publicación da normativa e ordena n zas do mesmo .
En Ribadeo 19 de decembro de 2014. - O Alcalde, Fernando Suárez Barcia
http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_11278_1.pdf
As fichas están ó final
(por certo, chamoume a atención que a maquetación do BOP estivera en castelán)

20141229

Concerto Aquí como en Viena, Ribadeo 20141228




Como é tradicional en Ribadeo dende hai dúas décadas no entorno de Nadal, celebrouse en Ribadeo o concerto Aquí como en Viena 2014. Embaixo queda, con gravación de móbil e sen os sombreiros ó Sinatra para New York, New York, nin as perrucas para emular a Abba en Grazas pola música ou Abba ouro, nin os cascos de bici e a entrada en patinete/símil bici de Cris e Carme e a súa interpretación co patinete da man... e por suposto sen o público que abarrotaba o Cine Teatro tapizando os corredores internos.
1. Entrada de músicos e presentación de Farruco Graña

2.Primeira parte do concerto

3.Segunda parte

Segundo Valse:
4.Vídeo do bis (Marcha Radetzky)
E unha fotiño...

... rematou ata o próximo ano.

20141228

O mundo dende a terceira cetárea de Rinlo


Hoxe é 28 de decembro. Na nosa tradición, un día que pode ser chusco a conta dos inocentes. Neste caso non é unha inocentada. Só un vídeo tomado onte na terceira cetárea de Rinlo, enfocando segundo se me ían ocorrendo as ideas, á auga da cetárea, ás escaleiras, ás nubes, ó mar, ó Mondigo... co vento de fondo. Ás veces, as ideas adiantábanse á vista dende este lugar de Ribadeo co Cantábrico ós pés. Outras, era a vista a que se adiantaba ás ideas. Sinxelamente, que o desfrutes. E calo (abondo falan os villancicos, que neste momento narran por enésima vez repetida na mesma peza repetida moitas veces que os tres reis magos van para Belén, en castelán) para que podas sentir e pensar sen terme á beira.


20141226

O próximo Nadal, vémonos na residencia de Ribadeo

Coido que fixo ben o alcalde de Ribadeo en empregar as obras da residencia para felicitar o Nadal. Hoxe xa está a cuberta posta, e poderíase poñer o ramo que culmina a estrutura dun edificio. A ben seguro, poñerase dun ou outro xeito e haberá celebración. Ó próximo ano vai tocarlle o distribuíla, e logo, enchela para preparar a acollida de residentes e o seu uso.
Así estaba estes días:
 Foto tomada dende a segunda planta da parte nova do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo o día 18, comezando o cubrimento das augas cara ó surleste.
Foto tomada dende a Avda. de América o día 22, coa vista da caída de augas noroeste.
Agora os obreiros xa poden traballar a cuberto da choiva, poñer ladrillos, canalizacións...
Anteriores:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2014/12/mes-e-medio-de-historia-de-ribadeo.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/residencia

20141224

Boas festas

imaxe http://www.esa.int/spaceinimages/Images/2014/12/Multicoloured_view_of_supernova_remnant (con explicación)

Intelixencia cooperativa en Ribadeo

Onte foi o pleno no que se aprobaron os orzamentos para o 2015. Como estaba previsto por iso da maioría absoluta, a cousa foi adiante. Non facía falta estar no pleno. Tampouco saber se había algún punto máis na orde do día ou non: a nota de prensa non o especificaba e, ó non ir ó pleno, tampouco sei o resultado. Pero moito non había: ás menos cuarto (nove menos cuarto, o pleno tiña comezo ás oito da tarde, como normalmente), os edís estaban de celebración conxunta, interpartidista como corresponde a xente que loita cando hai que loitar, pero que logo é capaz de deixar as loitas a unha beira. Estamos no Nadal.
Mentres, nunha situación así, cos concelleiros de tódolos grupos celebrando tras un pleno sen moita alternativa, actuando como veciños que son, vense á cabeza se non podería usarse esa relación que evidentemente teñen e temos para facer as cousas mellor.
Do anterior a experimentar métodos que o podan permitir só hai un paso. Un paso que se está a dar. Con moitas diferenzas e alternativas, pero en todo o territorio a nivel España, están xurdindo plataformas colaborativas, nas que xente diversa, non máis intelixente ou traballadora que a que agora se adica á política, está traballando en conxunto. Colaborando para aprender a facer política, para que a xente da rúa, de onde ven a maioría da xente que participa nestes movementos, participe ó mesmo nivel que calquera outro e isto deixe de ser unha 'democracia asimétrica' no mellor dos casos para ser sinxelamente un exercicio democrático. Sen adxectivación, con acción.
Que se van a cometer erros? Por suposto. O sistema, o mecanismo elixido, ten que permitir unha aprendizaxe continua, e cada vez serán menos. E ise cada vez seguirá unha liña fortemente decrecente, como pasa noutras situacións nas que se usa a intelixencia colectiva (diche algo, por exemplo, a wikipedia?) Que haberá xente que se canse e que abandone? Trátase de que a xente poda cambiarse, estando a disposición do conxunto o facer o cambio, sen trauma, como algo natural: a organización leva un paso máis aló o individuo. Que non pode funcionar porque non hai líderes? Pensar nun líder para funcionar permite pensar de xeito doado nunha cadea de mando dende o líder, precisamente algo que se quere evitar. Evidentemente, haberá responsables de cousas, e responsabilidades (si, responsabilidade e responsable, dúas verbas na actualidade en desuso) dentro do colectivo. Haberá xente que estea máis implicada e xente que o estea menos. Que traballe máis e menos. Diferentes, e con diferenzas. Pero de aí a englobar todo nun líder-xefe...
En fin, non será un mundo perfecto: somos humanos e polo tanto a base non será perfecta, e a construción tampouco o será. Permitiranos soñar con achegar o noso gran de area para mellorar o que temos en conxunto. E permitiranos achegalo de xeito efectivo. A humanidade leva mellorando aspectos moito tempo. Este será un máis.

20141222

Unha nova entrada hoxe

Unha nova entrada curta para hoxe: vou ás estatísticas do sitio e onte, domingo, un día que tradicionalmente entra pouca xente no blog, e no que ademáis non solo publicar, atopo que se bateu a marca de accesos (550), que se mantiña (276) dende hai tempo a conta da análise dunhas eleccións [... ben, o 18 houbo 300 visitas, que bate a marca por pouco, a conta das rúas de Ribadeo]. Mágoa que neste caso a maioría das entradas foran dun robot de Google... parece que estiveramos no 28 de decembro: prefiro as visitas xeradas por xente.

Os nomes das rúas de Ribadeo (+ !)

Maio do 1997: un estudo realizado no daquela Instituto de Bacharelato de Ribadeo (con D.L. en Asturias, pois foi impreso por gráficas Ribazán, de Navia), daba ampla información sobre quenes levaron os nomes que agora teñen algunhas rúas do centro. A movida de placas que es está a producir en Ribadeo fixo que me lembrara do tema, e grazas a Suso Fernández Acevedo, recuperara para a web o traballo, que xa estivo colgado na web do instituto pero que agora era inatopable ó haber un novo IES e eliminar a Xunta a vella web. Así, o traballo por el coordinado, con fotos de Antonio Deaño e no que tamén participaron Manel Yañez e Carmela Besteiro, e n o que traballaron os daquela alumnos Carmen Fernández-Reinante Salvatierra, María José Fernández López, Begoña Rodríguez Raño, Iago Etxebarría Fernández e José María López Martínez, pode verse de novo en calquera parte á que chegue internet e mesmo imprimirse: Os nomes das rúas de Ribadeo
... hoxe, dezasete anos despois, podemos ver de paseo por Ribadeo que eses e outros nomes teñen unha placa máis artística, de Sargadelos ...

20141220

Coincidencia

Xoves 18, 20:00, a AVV O Tesón proxectaba os últimos documentais do ciclo de outono. O tema, a minería do ouro, baseábase en dous documentais sobre a mina de Corcoesto, 'Rosa de Corcoesto' e 'Mina de Corcoesto. Manipulación informativa'. Pero a visión estaba máis preto: a mina de ouro prevista en Salave, Tapia.
O xoves, presentación, documentais e un posterior xugoso intercambio de datos, razóns e opinións entre os asistentes deixaron un bo sabor de boca do conxunto de documentais. Venres, Asturgold, a última denominación/empresa que pretendía abrir a mina en Tapia, recibía o non definitivo do Principado. Algunha cousa a xustar: no medio da loita, promovéronse dez mil solicitudes de traballo e ata se chegou a cambiar o alcalde de Tapia baixo a presión da empresa. Ou fixéronse cousas tan pintorescas como ilegais como aprobar un impacto parcialmente (o que evitaba a empresa ter que comezar de novo o estudo, ganando tempo e cartos). Agora, a nova ligada antes está en inglés, pero non se pretenda a súa procura en castelán na web onde hai abundante información propagandística nesa lingua. En canto ó Principado, a pesar de toda a tramitación documental de empresa e ecoloxistas, o que dispón na web é máis ben escaso, sobre decisións anteriores secundarias, notas de prensa de xustificación (estradas aquí) e sen o soporte documental. A nova de de denegación da mina polo impacto ambiental non está presente agora mesmo por ningures.
A continuación, algún pequeno detalle. Por exemplo, os manexos políticos fixeron que a empresa puidera chegar moi lonxe e gastar cartos. Alguén se imaxina que non os reclamará? (a lembrar que é unha mepresa privada, que pretende ganar cartos, e cando os perde, procurar xeitos de non perdelos, como por exemplo, socializalos entre os cidadáns-súbditos dos políticos nos que andivo en tratos) Fala de 20 millóns de dólares. É dicir, uns 16 € por asturiano... xa veremos o que pasa.
Polo momento, celebracións e condolencias. Rematou? Non: a reclamación de cartos penderá polo momento sobre o tema, e, se o ouro sube, hai que contar cun novo proxecto, quizáis con outra empresa fachada como impulsora.
Algunhas cousas anteriores sobre a mina de ouro de Salave/Tapia:
http://ribadeando.blogspot.com/2006/04/non-mina-o-cheiro-de-ribadeo.html
http://ribadeando.blogspot.com/2008/11/especialistas-matapiollos.html
http://ribadeando.blogspot.com/2010/04/e-van-tres-propietarios-en-5-anos.html
http://ribadeando.blogspot.com/2010/10/tapia-y-la-comarca-no-son-lugares-de.html
http://ribadeando.blogspot.com/2011/06/recomezo.html
http://ribadeando.blogspot.com/2011/12/mina.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2010/02/novos-tempos-vellos-temas.html
http://ribadeando.blogspot.com/2012/03/asturgold-e-os-postod-de-traballo.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2012/05/artigo-de-evaristo-lombardero-sobre.html
http://ribadeando.blogspot.com/2012/11/a-plataforma-oro-no-fai-publico-o.html
http://ribadeando.blogspot.com/2012/11/a-quimera-do-ouro.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/06/non-e-ouro-todo-o-que-reloce.html
http://ribadeando.blogspot.com/2011/12/voltas-cun-dos-xacementos-de-ouro-mais.html
http://ribadeando.blogspot.com/2014/08/pensamentos-lixeiros-para-agosto-o.html


20141219

Un sorriso a conta dos Bolechas

A Mariña: Toda unha zona na que nos identificamos. Hai outras interpretacións. Por exemplo, as tres Mariñas nas que para contentar dividiu a Xunta comarcalmente a nosa Mariña. O a Mancomunidade, creada para amañar cousas en común, e que ás veces parece más para dividir que para unir. Hai varios anos que os impagos fixeron que Viveiro, o concello máis poboado, se desligara da Mancomunidade. Hoxe A Mariña volta ser nova por ese impago: resulta que Os Bolechas veñen facer das súas por estas terras no último libro infantil do que son protagonistas, pero non a Viveiro, porque paga 'a súa viaxe' de libro a Mancomunidade, e nela, remato de dicilo, non está incluída Viveiro.
Se se mira un pouco a web dos Bolechas veremos que os televisivos debuxos viven a conta de subvencións públicas, das que as últimas, por estas terras. E nese sentido, quen paga, vese recompensado, e quen non, non. É moi sinxelo: Viveiro non paga. As posturas do barreirense Fuente Parga como presidente da Mancomunidade dicindo máis ou menos o que remato de dicir eu, ou da viveirense María Loureiro lembrando que nin pasaba nada por incluír o concello nas aventuras animadas nin perxudicaría a promoción da comarca son comprensibles. O que salte unha mínima polémica pola non inclusión xa non o é tanto, senón motivo máis ben dun sorriso infantil, como corresponde ós protagonistas.
Por certo, segundo a prensa os libriños foron repartidos entre os pequenos mariñáns. Exceptuando os viveirenses, claro.
E ti, ves / les ós Bolechas? :)

20141218

Aproximación á imaxe do novo rueiro ribadense

Cerámicas de Sargadelos compiten con placas de metal pintado. Mármore decorativo con letreiros oxidados. Restos de promoción con placas do paquete. Cada unha, no seu entorno: ás veces, límpido, outras, decorado ou atravesado con cables. Algunha, fotografada sen rematar de poñer, mellorarán. Outras (Ing. Schultz) parece que van ser substituídas de xeito pouco comprensible. O certo é que mirando para as placas, Ribadeo merece atención, máis que a que fan ver as fotos desenfocadas a continuación. E quedan moitas máis.
Praciña José Mª López, antigamente Fonte Nova
 Praza de Abaixo (non de embaixo)
Restos do Ribadeo Indiano en S. Roque, preto de Virxe do Camiño
 Enxeñeiro Schultz,antigamente rúa do Vilar.
 Pasarón y Lastra, antigamente rúa da Confitaría.
 Idem, sen rematar de poñer aínda.
 Rodríguez Murias, cartel vello.
 San Miguel, sen máis.
 Viejo Pancho, antigamente rúa das Angustias.
Travesía de Álvarez Miranda, sen máis.
Rúa El Viejo Pancho, movida, moverase...




 Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo, estilosa. Substituirase?
 Calexón Bispo Cebeira, 'ocupou a sé episcopal en Ribadoe en xullo de 1199. Finou en 1218'
 Calle del Ingeniero Schultz. Tiña montado o andamio para ser substituída.
Costiña pai Sarmiento, 'erudito e ilustrado.
--
Posterior:
Sobre placas e nomes
Por Eduardo Gutiérrez
(escaneado de La Comarca de 20141227, textualizado co OCR Tesseract e repasado á man)
Como é sabido, o Concello decidiu proceder á elaboración e colocación de novas placas rotuladoras das rúas, particularmente as do casco histórico, como un complemento necesario e oportuno, do labor de adecentamento dos edificios por parte dos seus titulares, frecuentemente baixo a incitación municipal. Non ten nada que ver co novo nomenclator de vías e espazos públicos, que ou carecían del, ou estaban duplicados, que se levou a cabo hai xa un tempo por acordo unánime da Corporación. Nesta ocasión non é unha nova denominación, posto que non se alteran os actuais nomes. Certamente, durante o proceso aprezouse que pesie ás correccións e engadidos recentemente realizados, seguen existindo duplicidades e repeticións. Por citar un exemplo existen tres advocacións para o topónimo Guimarán: rúa, praza e baixada.
Mais agora a novidade consiste en facer constar, xunto co actual, os nomes antigos ou tradicionais, ainda que se desbotaron aqueles que remitían a alcumes, ou denominacións ambiguas ou mal soantes, e tamén os cambios máis recentes ou efémeros. Poñamos algún exemplo. A rúa Pasaron y Lastra rotulouse así no ano 1946, mais desde tempo imemorial era a rúa da Confitaría. Mais ocorre que once anos antes un acordo municipal, a instancias dun concelleiro, dedicoulla a Lope de Vega, como un máis dos actos comemorativos do terceiro centenario da morte do sonado escritor, coordenados por unha comisión constituida ao efecto e presidida polo director do Instituto de Segundo Ensino Desiderio Gutiérrez de Castro. Con todo, tivo moi pouco eco. Tampouco foi moito mais aló o acordo corporativo de agradecimento ao deputado por Lugo Manuel Becerra, consistente en darlle o seu nome ao peirao de Mirasol e á actual rúa de Buenos Aires. A decisión, de 15 de outubro de 1935, é adoptada “por aclamación" nun claro anticipo do que logo viría e nunha ousada mostra de afouteza, tendo en conta que sete dos concelleiros non foran elixidos, senón nomeados a dedo polo Gobernador Civil, incluído o Alcalde. O cambio denominativo foi breve, case tanto como a permanencia do Sr. Becerra como ministro de Instrucción Pública a finais de aquel ano: apenas quince dias, ainda que xa fora, entre outros cargos, subsecretario de Obras Públicas en 1934.
Os casos de acordos oportunistas, pero que logo non callaron en materia de rotulación de ruas, é certamente dilatado. Vinte anos despois da fuxidía homenaxe a Manuel Becerra, ou sexa en plena efervescencia do vello réxime, en 1955, a Corporación nun insólito alarde aperturista, fai constar en acta o seu pesar polo falecimento de Sir Alexander Fleming e, para perpetuar a sua memoria, dedicalle unha rúa das que está previsto abrir no novo grupo de vivendas de San Miguel e, mesmo, comunican o acordo á Embaixada da Sua Maxestade Británica en Madrid.
Finalmente, nesta sumaría nota divulgativa cómpre destacar que as novas placas proceden da factoría de Sargadelos, un proxecto na súa orixe tan vencellado a Ribadeo por medio da figura do seu fundador, Antonio Raimundo Ibáñez. Aparte de campar nelas as armas da vila, a greca ou reberete que as rodea está inspirado nunha ornamentación da Torre dos Moreno. Finalmente, as referencias aos antigos nomes asoleiran en fontes documentais, bibliográficas e arquivísticas. Algunhas proceden de nomes de oficios, profesións ou actividades, como Carnizaría, Fornos ou Confitaría, outras obedecen á ubicación de servizos fundamentais, como a do Correo, pola súa xerarquía urbana, como a Maior ou Grande, que tamén se chamou da Paz sobrefa que abría a Porta da Vila, derivadas de apelidos coma de Ares, ou pola situación, como Tras da Cerca, etc.
Hai algunha outra precisión, xa que resulta moi difícil, ás veces, condensar en poucas palabras a historia dunha rúa. Poñamos por caso, a de San Francisco: chamouse de Tras San Francisco e o tramo máis próximo á actual rúa da Deputación Provincial, do Pontigo e, por iso, se fai constar tendo en conta a raizame do topónimo.
En fin, unha plausible iniciativa, agora que a zona antiga está en proceso de revalorización, por medio da súa paulatina rehabilitación. Restan cousas por facer, ainda que non sexan doadas e que quizais se poidan abordar no futuro, como a recuperación de treitos da antiga muralla, así, como a correspondente sinalización.

20141217

De paseo por Ribadeo

Estes días Ribadeo estase amosando diferente. Un paseo fóra das zonas onde se concentra a xente ven sempre ben, pero máis aínda en xornadas como a de onte. Onte, nunha saída en coche, atopei tres rúas cortadas para voltar á casa, as que me fixeron alongar a volta.Obras diversas que en principio deberan animar, porque é de supoñer que redunden nunha mellora do pobo, no momento fan a un preguntarse (como vin nas redes sociais) se non sería cousas de aprender a moverse en helicóptero. A conto do tema, coido que ás veces, a propaganda do concello está desenfocada: non se trataría tanto de saír na foto 'cortando cintas' como especificar paseniñamente que se fai, por que se fai e como se fan as cousas (ó nn ter participado a xente previamente na definición das 'cousas' a facer), para que a xente, nós, xuntara as molestias coas melloras, e tivera máis claro o por que das molestias actuais en aras das melloras futuras.
Outra cousa observada nese paseo é a da posta dos nomes das rúas con placas de Sargadelos, como a que aparece na imaxe, colgada na nota de prensa do concello na súa web.
Di que son 50 placas da zona vella, todas levando algo máis que o mero nome actual da rúa, como se pode ver na imaxe, cunha descrición da persoa a quen se lle adica, ou noutros casos, con outras posibilidades, como o nome antigo da rúa. Coido que non queda nada mal, aínda que, ó meu entender, o anuncio das placas en parte como axuda a Sargadelos me fixo pensar no prezo no que sairían. Supoño que en próximo pleno o tema do custe das cincuenta placas sairá a relocer.
Onte tamén se viu embaixo outro pouco do cantil da Atalaia. Certamente, o búnker do ascensor sei indemne diso e de abondo máis que lle boten. Puido desestabilizar no seu momento o penedo, pero agora mesmo máis ben estabilizará o que queda del. Outra cousa é que unhas obras nunha casa, con martillo neumático segundo o xornal, fixeran posible vibracións que desestabilizaran a baixada. A zona renegrida do centro da foto foi a que se desestabilizou e caeu sobre a beira do paseo marítimo e do ascensor.
Paseando polo paseo marítimo pódese facer unha comparación entre a zona caída hai poucos anos, ó norte do ascensor, 'decorada' cunha verxa que protexe e evita ós turistas achegarse á zona de perigo, e a nova zona derruída. Como casualidade, onte mesmo reaparecía nunha rede social posta por A World to Travel a seguinte foto, onde se pode ver, á beira do ascensor, o vello deslizamento da Atalaia.:
-- Posterior: aproximación á imaxe do rueiro ribadense

20141216

Que a auga volve saber a raios? A culpa é dos raios por saber así!

Xa estamos afeitos, aquí non pasa nada. Os parámetros son normais. O sabor que sentimos, anormal. O cheiro, anormal. A pel lisa, anormal. Ó final, está claro, os anormais somos nós, que nos afecta.
Que hai un verquido que foi denunciado hai tempo, e volto a denunciar, e volto a denunciar, como din dos peixes no río por estas datas? Pois nada, como a maioría dos peixes, que non se poda dicir que beban auga continuamente, nós tampouco beberemos auga (da traída) cando nos decatemos. Ó fin, o tema da auga emprega a unha empresa famosa en Ribadeo, Aquagest (se prefires, chámalle Viaqua, que para algo cambiou o nome, aínda que nós sigamos a usar o vello) e outra non menos famosa e xeradora de riqueza, Os Irmandiños. Menos mal que non se ve afectada Alcoa, que se non ó mellor a lexislación cambiaba e permitía cagar lingotes (con pago de dereitos á empresa, claro!).
Poder público? O poder público está amosado que é o poder da xente, non o das institucións que poderían representalo. E a xente, onde está? Nestes casos a xente parecemos como o da agulla na palleira, ou, actualizado, como cando os nenos ou maiores van na procura de 'Wally', ese boneco co xersei a raias tan chamativo que non se da atopado entre outros personaxes dun debuxo ateigado de xente no que cada quen está ó seu.
Mentres, xa ten pasado 'de todo'. Dende as denuncias ata a inhibición, dende fotos publicadas neste mesmo blog ata o tema tratado pola Mesa de Asociacións de Veciños co alcalde sen resultado. Dende o 'non hai risco para a saúde' ata a case desaparición de auga embotellada dos supermercados nalgúns momentos. Dende mirar para o CAVI (Centro de alimentación de vacuno Irmandiños) ata culpar ás chuvias, por iso de ocorrérselle chover en cantidade e arrastrar terras. Dende ... ata ... e xa non importa o dende e o ata, que para algo a xente non protestamos moito e todo está normal segundo a lexislación, ou ó menos o normalizamos nós ó non protestar. Ó fin, o destes días pasados foi pouco fronte a outros. Ou non? Era ó revés? Que máis da!

20141215

Documentais comprometidos IV: A mina de Corcoesto

Este xoves ás 20:00 terá lugar no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo a proxección de 2 pequenos documentais (en total, 3/4 de hora escasa) sobre a mina de Corcoesto. Unha mina de ouro controvertida na nosa Terra, que se poñerá co fondo da mina que se pretende en Tapia.


20141212

Branco sobre negro

Hoxe escribo branco sobre negro. Hoxe o blog está de luto pola liberdade: onte foi votada a lei mordaza. O vello dito 'só lles queda o pataleo' xa non é certo, pois iso, 'o pataleo', está prohibido xa en España. A cousa únese a outras moitas anteriores, como a 'taxa Google', redactada non exactamente contra Google (máis ben para sacarlle pelas a unha empresa que xera moitos beneficios para darllas ós medios domesticados como propagandistas do poder político), e que, en vistas da súa inmediata aplicación, fixo que Google anunciara que desmonta xa a súa sección de novas española a partires de mediados de mes. A consecuencia, os diarios que presionaron para introducir a medida, ó quedarse entón sen a remuneración correspondente e sen o anuncio que significaba a nova en Google, piden ó goberno que presione a Google para que se quede. Por certo, a nós 'sempre nos queda Portugal', coa su versión de Google news en portugués. Non é o mesmo, claro, pero polo momento pode servir de sucedáneo. Por certo, a 'Taxa Google' fará que a partir de comezos de ano mire moito o poñer ligazóns a xornais do día: poderían chegar a esixirme moitos cartos se o fago.
Da lei mordaza xa se leva dito moito. Hoxe só facer mención dalgunha cousa de onte no Congreso en Madrid na súa aprobación. Cantouse  protesta, os deputados sentiron a mordaza ou calificouse a lei de vanguardista (así considera algunha xente o futuro disto que chama democracia)
Mentras, a corrupción segue desvelándose, segura na súa impunidade que leva, no peor dos casos, a que sexa máis penado o roubo dunha galiña que o roubo dos cartos equivalentes a abondo máis de 10 000 000 de galiñas. Que máis da, mesmo así os casos máis graves pérdese nas novas entre unha maraña de outros casos máis 'pequenos', e trivialízase a cousa. Non paga a pena nin dicir a quen lle tocou onte no sorteo de corruptelas publicadas.
De igual xeito, seguen aumentando en cantidade e idiotez as frases sabias e cargadas de ideoloxía de quenes nos desgobernan. Se onte era a graciosa idea dun ministro de enviar a comer ás casas da xente das ONG ós inmigrantes como alternativa ó criminal lanzarlles pelotas de goma cando están nadando ou a incumprir a lei tirándoos das vallas e devolvéndoos en quente, hoxe a frase pode estar referida a outro alto cargo, que anuncia que non abrirá os comedores escolares en vacacións pola obesidade infantil.
A lei mordaza, resumida en Diagonal: https://www.diagonalperiodico.net/libertades/25029-resumen-grafico-lo-viene-con-la-ley-mordaza.html
Parte do comentado, na visión de Im-pulso.

20141211

Un 'bo home' para o conflito de Conforto e algún comentario

Unha vez máis, corto e pego dende o blog de José María Rodríguez Díaz un artigo. Desta vai sobre actuación da igrexa (que non de relixión), e pódese acceder dende a ligazón do título embaixo.
Hoxe mesmo aparece no xornal unha continuación deste culebrón socioeclesial próximo a Ribadeo. Coido que para quen non esteña ó tanto é necesaria unha pequena introdución, aínda que sexa algo deslavazada, e algún comentario. 
A cousa remóntase ó ambiente enrarecido que deixou na zona rural a desaparición de diverso patrimonio do que dispoñían algunhas iglesias, a man dun cura peculiar que, vido de Valencia dunha familia pudiente, manexaba coche potente e facía ostentación da súa orixe e relacións no tempo que estivo por estas terras, afincado en Ribadeo, na casa veciña do Convento de Santa clara. A cousa segue no xulgado na actualidade. Nestas, outro cura da zona, que tamén pasou por Ribadeo, enfróntase en Conforto, A Pontenova, a un caso con movemento de figuras relixiosas polo medio. Inmediatamente a desconfianza dos veciños provoca un enfrontamento, e a xestión do enfrontamento, o conflito. Conflito que salta dunha parroquia a toda a Pontenova e a administración de tódalas parroquias que leva este cura, nun momento no que a escaseza de oferta de curas fai necesario que prodiguen a súa presencia en varias -abondas- parroquias para atender o culto relixioso (baixo o meu entender, máis que ós fieis). En ámbolos dous casos a actuación dos superiores eclesiásticos entendo que é cuestionable, e a iso se dirixe o artigo de José Mª.
De calquera xeito, e ó meu entender, máis aló do propio conflito limitado a este par de casos, está tanto a mentalidade da igrexa en relación á xente como da xente en relación á igrexa. Séxase ou non relixioso, entendo que se hoxe Xesús levantara a cabeza sería para xusto despois levantar as mans e levalas tamén elas á cabeza. Unha institución que soubo pervivir dous mil anos é lóxico pensar que non pode ser unha institución pura, senón que tería que adaptarse ó longo do tempo a diversas influencias. Si, pero, ata onde pode adaptarse unha institución así sen perder a esencia que a trouxo á vida? E de aí á visibilidade actual de conflitos puramente humanos que non se diferencian moito de calquera outra institución de pretende seguir vivindo nun mundo que non é para o que está programada, mesmo despois de acumular erros por reformas no programa inicial.
Ben, o artigo de José Mª:
 UN "BO HOME" PARA O CONFLITO DE CONFORTO
O recurso a figura do home bo, un mediador na procura de acordos en procesos conciliatorios, foi unha práctica habitual nos tempos dos nosos antergos. Un bo recurso para acadar hoxe, quizabes, a conciliación entre os fregueses de Conforto e mesmo doutras parroquias do concello de A Pontenova por unha parte e o bispado de Mondoñedo por outra co gallo dos conflitos xurdidos entre eles como é, entre outros, o rexeitamento do Crego responsable de esas comunidades cristiáns. Un longo conflito, fondamente enquistado, no que as posturas mantidas por cada unha das partes non se move das súas esixencias. E non so non se albiscan solucións axeitadas a curto prazo senón que semellan ir para largo.  Ámbalas dúas partes se manteñen en “sostella e non enmendalla”, intensificando por unha das partes as manifestacións contra a presencia do Crego nesas parroquias, e mantendo por parte do bispado e de certos cregos a súa intransixente e afastada postura.
¿Quen ten a razón neste preito? Moitas das esixencias que manteñen os manifestantes non parecen hoxe axeitadas. As limitacións humanas e as novas esixencias pastorais ás que se ve abocada a Igrexa nos tempos de hoxe, por circunstancias ben coñecidas por todos, discorre por outros camiños ben afastados das costumes do século pasado. Tradicións que hoxe non teñen cabida na pastoral dunha Igrexa condicionada polas limitacións que impón a falta de cregos. Costumes nas que os fregueses desas parroquias parecen aínda ancorados por falta da debida información relixiosa. Pero en descarga da postura dos fregueses desas parroquias, convén preguntarse quen son os responsables das súas extemporáneas demandas de esixir a volta do servizo relixioso ós vellos hábitos de antes. Alguén terá que responder desas pretensións anacrónicas. ¿Non serán, mais ben, os propios cregos, polas razóns que fosen, os que ata o de agora mantiveron a xente ancorada nas vellas costumes e non se preocuparon de adoutrinar ós seus fieis nas novas esixencias e liñas pastorais que se impoñen nos tempos de hoxe?
Pero, ¿é realmente necesaria a presencia dun “home bo” para solucionar este conflito tan enquistado? ¿Non teñen como tarefa fundamental o bispo e os cregos de  exercer esa tarefa, como bos pastores do seu rabaño, poñendo tódolos medios necesarios para acadar dunha vez a paz neste preito sobre todo no mes do Nadal? E, sen pretender influír nin condicionar as decisións de ninguén, cabe preguntarse por que non pode acudir o mesmo bispo a parroquia de Conforto para xuntarse alí cos fregueses desta e das parroquias veciñas nun encontro aberto e sincero para dialogar e acercar posicións, pedir perdón, tratar de entender as razóns alleas e expoñer as propias para acadar unha solución axeitada, tratando así de oler a ovella que lles demanda o papa Francisco?  En fin, explicarlles os novos camiños da pastoral actual, ben distinta da que se fixo ata o de agora e que hoxe non é sostible manter do mesmo xeito que a xente demanda? ¿Non é, acaso, misión da Igrexa levala paz e o perdón á xente, como nos recorda a liturxia coa frase “podeis ir en paz” coa que se despide ós fregueses na misa?

20141210

Comezan os premios ó consumo. Ribadeo capitanea A Mariña.

Unha, a principal, das características do Nadal actual é a comercial. Por iso os premios ó consumo (por exemplo, sorteos ligados co consumo, con papeletas repartidas en función da compra feita) compiten cos premios para o consumo (lotería tradicional que será empregada en incremento do consumo). Como é moi empregado nesta época na que nos toca vivir, 'como non podía ser doutra forma', Ribadeo apúntase á estimulación do consumo mediante papeletas para vales de compra. Asociada a ACIA (Asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Ribadeo, na que a palma a leva o primeiro sector e se completa con 'servizos' para completar ACISA) con outras da Mariña na Federación de Comercio de A Mariña (FCAM), 'repartiron' 25 000 € en premios. Deles, corresponden 5 290,21 € a Ribadeo, lugar coa maior cantidade asignada e onde se celebrou o sorteo, indicando a potencia da ACIA do noso pobo dentro do comercio mariñán.
O de embaixo non é un vale premiado, senón a mostra... o premio, foi asignado ó 69385, que non tiña e polo tanto co que non fun agraciado (quedaría a posibilidade de imitar din que a algún político ou mafioso coa lotería e facerme co boleto premiado, pero non é o caso)
 ACISA Ribadeo, por certo e como curiosidade, ten 199 asociados, por se queres consultar o establecementos. Iso sae a algo menos de 27 € de media por asociado no premio. Soa mellor un único premio de máis de 5 000 €, non? Pois por iso se fai, e se agrupa mesmo a nivel Mariña, falando de 25 000 € en premios como se os 25 000 € corresponderan a un só lugar.
Tamén, e non como curiosidade, senón como constatación, agora que volve a estar de moda antes as próximas eleccións locais que os partidos políticos volvan a consultar a poboación para construír un programa (outra cousa é a participación efectiva da propia cidadanía no conxunto do proceso da súa construción e posta en práctica), dicir que ACISA ten unha páxina de suxerencias, por se queres usala.

20141209

Tempo de descanso

O Nadal é o 25, din, co preludio da noiteboa. É dicir, as luces que van por Ribadeo (e moitos outros lugares) chegan con cousa dun mes de antelación, e vanse outro medio mes despois. Así sáltase a 'celebración' dun día (relixioso) a 1/8 de ano que pasa a ser 'comercial', pero tamén en boa parte, con outras connotacións. Que llo digan a Rajoy, que aproveita unha especie de 'pax relixiosa' en todo este tempo, concedida para si mesmo a traverso da tele, radio e xornais coa non exposición á corrupción, libración real de consecuencias xudiciais, etc, para asociar a Podemos a ETA e outras cousas semellantes.
Pasou a Inmaculada concepción e xa é oficial. Nesta época é de mal gusto falar do que non queira o goberno. Que tal as compras de Nadal? Alegría, alegría, alegría neste tempo no que a noite gana ó día!

20141205

Ribadeo e o paro

Esta semana que vai rematar foi a que se deu a coñecer o informe da Consellería sobre o paro en Galicia. Como resultado, os xornais fixéronse eco da nota da consellería e dixeron algunha cousa sobre o paro na zona, en xeral centrados no cambio de mes en cada concello, pois iso é o que se pode sacar de xeito directo dun dos últimos documentos a disposición en http://traballo.xunta.es/listaxe-estatisticas.
Onte, na procura doutra información, pasei polas web da Xunta e lembreime do tema, co que fun a completar algo máis unha listaxe de paro en Ribadeo que vou facendo. O resultado, as gráficas que aparecen embaixo e algunha reflexión/comentario.
O primeiro comentario é que seguindo a gráfica de emprego vese claramente a influenza periódica do verán, co traballo eventual, e o paso do paro dende cousa de 400 persoas antes da crise a 800 o inverno pasado. Dende aquela, pola influenza do verán, parecía baixar co mellor verán en paro rexistrado da serie, ata que chegou o o outono, magnífico en temperie pero peor que nunca en variación do paro, que se encamiña aparentemente a ter outro máximo semellante ó anterior arredor de marzo do 2015. A non ser que ocorra algo imprevisto, pouca será a variación, aínda que algo si parece que diminuirá. De calquera xeito, deixa patente a precariedade na temporalidade do traballo, e o aumento desa precariedade no 2014.
Unha segunda cousa non se deixa ver nas gráficas, feitas a traverso duns números xa recompilados por min. Pero se alguén se pon a recabar os datos da Consellería, verá que nos tres últimos meses teñen tres formatos diferentes, o que certamente non facilita o seu tratamento, senón que máis ben parece pensado para dificultalo. Aínda así, a evolución da facilidade de acceso para un tratamento informático dende o 2006 (ano no que comezan os datos colgados na web) é notable. Parece que se está a facer notar a influenza de organizacións como OKFN (que ten ramas para diversas administracións como no caso dos concellos).
Algo máis vai implícito na comparación das gráficas con outras que se prodigaron estes días a nivel galego ou estatal: con todo o aumento sufrido en Ribadeo, foi relativamente menor que a nivel galego ou estatal.
Faltaría nas gráficas algo moi importante, a porcentaxe de paro sobre a poboación activa, pero todo require o seu tempo e tal vez máis adiante... De calquera xeito, ou moito me engano ou é sensiblemente máis baixa que a nivel estatal, ó menos se nos referimos á tempada de verán.
Hai outras comparacións que non se soen facer e poden ser interesantes para unha visión menos académica pero máis ampla da situación social, como por exemplo a porcentaxe de paro en relación á poboación total. A nivel España pasa por enriba do 10%, mentras que a nivel Ribadeo o máis alto que representan as gráficas ven sendo do 8,6%, non chegando ó 8% na actualidade. É unha porcentaxe que pode ser enganosa, pois a textura da poboación varía dun lugar a outro, e por exemplo, a porcentaxe de maiores de 65 anos en Ribadeo é alta (aínda que non tanto como en Trabada, por comparar cun concello limítrofe) aínda que a de menores de 18 non sexa tan alta e compense en parte a efectos de traballo a influenza da anterior.
A primeira gráfica vai resinando a variación do paro en Ribadeo dende setembro de 2006, o primeiro mes do que atopei datos segregados, por trimestres ata decembro do ano pasado, e de xeito mensual dende entón. A gráfica pódese ampliar premendo dobre sobre ela, para distinguir mellor onde chegan as liñas de cada mes.
Como a gráfica anterior pode deixar algunha lagoa, a continuación vai a da variación do paro,  tendo en conta o mesmo que xa dixen sobre a perioricidade dos datos, polo que hai que fixarse que para comparar o 2014 cos anteriores, hai que agrupar de tres en tres os meses. Neste caso, as separacións verticais son cuadrimestrais e o primeiro dato que aparece é decembro de 2006 (variación en relación a setembro do mesmo ano). A segunda liña que debera aparecer, marzo de 2007, non aparece sinxelamente porque non houbo variación segundo a estatística (ver gráfica superior).

20141204

O goberno non te avisa: non terás trato de favor no prezo da enerxía

Parafraseo no título o título dunha nova de onte mesmo sobre que Alcoa foi avisda de que non terá trato de favor no prezo da enerxía elećtria, o xa ten producido, á súa vez, un comezo para un despido colectivo.
Por partes: a ponte dos Santos está sen iluminar dende hai xa abondos meses por un 'traspaso' de gastos do ministerio ós concellos. Coido que en ningún momento se prantexou unha necogiciaón sobre a 'rebaixa' eléctrica.
Nas casas, todos nós estamos a ver como pagamos máis e máis, e refórmannos as tarifas, e pagamos aínda máis. E reestruturan a factura, e non só pagamos máis, senón que atacan á natureza e a sostibilidade porque invalidan calquer aforro ó minimizar a parte da enerxía e maximizar o 'dereito' a que nos chegue ás casas.
E, cada ano, dende hai varios, as grandes empresas consumidoras teñen unha subasta anual que as relaciona de ti a ti coas compoñentes do oligopolio eléctrico. Iso se fai, a grandes rasgos, nun trato subvencionado por todos nós a traverso do goberno, sen preguntarnos. Da subvención rematan beneficiándose en parte as grandes empresas, se consideramos o prezo do seu consumo enerxético en relación co prezo do noso, pero sobre todo, as eléctricas, que subvencionamos mesmo para que evadan capital ó estranxeiro (caso de Endesa e a súa matriz italiana). Quen non resulta beneficiado somos nós, nin aínda para asegurar o subministro, como se manifesta cada pouco coas perdas correspondentes (de negocios, recoñecidas en pequena parte, e de particulares, non recoñecidas). Ó mellor hai quen di que nós resultamos beneficiados tamén, aplicando aquelo dos beneficios en cascada: cando rebosa a bolsa de quen ten moito, acaba caendo algo para quen ten menos, ou, neste caso, nunha versión subordinada do dito 'o que beneficia á General Motors beneficia a América', 'o que beneficia a Alcoa, beneficia ós mariñáns'.
Ben, mentras tanto, na comarca temos ese caso, o de Alcoa, que despunta a nivel estatal polo consumo necesario para as transformacións necesarias no proceso industrial de produción do aluminio. Tentarei non estenderme moito: as instalacións de S. Cibrao son relativamente competitivas pola súa tecnoloxía en relación a Avilés e A Coruña, que xa buscan restrinxir persoal, nun movemento inmediato de presión  para conseguir prezos máis baratos (da enerxía, si, pero tamén de gastos de persoal, ou non?) O persoal de S. Cibrao polo momento está a salvo: a empresa (cousa que se di con 'letra pequena' perdida no artigo) si conseguiu para S. Cibrao paquetes enerxéticos subvencionados (baixo o titular que achaca ó inmovilismo do ministro deixar no aire 800 empregos na Coru e Avilés).
A noticia que estou a comentar ten ramificacións: por unha beira avisa que Alcoa xa pechou nalgún outro lugar porque non conseguiu o que quería, e marchou; por outra, que Alcoa non é a única (pero claro, as outras non son tan grandes e polo tanto, con tanta potencia de protesta); por outra aínda, pide estabilidade no sistema de prezos para non ter que andar con lerias ano tras ano, pero iso si, unha estabilidade subvencionada sen atrancos.
Os que vivimos por aquí temos a solución tamén de pechar e marchar ó estranxeiro, e tamén sabemos que non somos os únicos que temos esa posibilidade, tamén pedimos estabilidade nos baixos prezos, pero non temos moi claro quen vai pagar a nosa subvención eléctrica...

20141203

Cambio de estación

Esta madrugada apreta o vento. Non tanto, ó fin. Outros días vai moito máis. De calquera o xeito, chama a atención ó espertar. Se onte ó comezar o día seguiramos ó vento, hoxe a estas horas poderiamos estar a catrocentos km de aquí...

O que leva a pensar que 'agora si' podémonos despedir da temperie suave da que viñemos gozando este ano (segue a ser o ano máis cálido do século en Ribadeo). Tanto que por fin comezaron a caer as follas como un outono normal, como se pode ver nestas fotos da entrada do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo:
 As camelias ós pés da árbore.
 As follas forman un tapiz mol e diverso baixo a protección das súas compaéiras aínda na árbore.
As cores contrastan co verde, co ceo, co fondo...

20141202

Estradas e Camiños. Artigo de José Salvatierra Rico


Despois de telo lido na Comarca, pedino para publicar, e aquí está:
O concello de Ribadeo anuncia , fai aproximadamente un mes , a través do Alcalde , o arranxo dunha serie de camiños nas parroquias, a executar en dúas fases. Na primeira, por un importe de 134 000 euros, para gastar antes de que finalice este ano 2014 e a segunda, por importe de 107 000 euros para invertir antes de finais de abril do 2015.
Ditas obras son moi necesarias para mellorar un pouco os distintos camiños do concello; pero o que sí non é acertado son as épocas de facer os asfaltados. En pleno outono-inverno a primeira fase, e principio da primaveira na segunda fase. Entendo que non é a época máis adecuada, para que os traballos queden ben feitos. Son precisamente as estacións máis chuviosas, e o mesmo tempo as temperaturas baixas
O calendario que anuncia o Alcade para a primeira fase, que recordamos ían do 15 de outubro ata o 30 de novembro, xa está transcurrido. Que eu coñeza ainda non se empezaron os traballos. Tampouco se poideron facer pola climatoloxia
É precisamente a climatoloxia, a que deberia marcar o calendario das inversions públicas , especialmente en asfaltados Este tipo de obras ainas que presupostar e asinar as empresas que as vaian a facer , no inverno (e dicir, a principios de ano) e executalas no verán, e non agora contra reloxio e facendo as cousas mal. Non se poden gastar 241 000 euros alegremente, sabendo xa de antemán que as cousas non van a quedar ben.Ainda que pare de chover unhos dias, a humidade está no chan, por capilaridade sube, se queda debaixo do asfalto recien aplicado, e este se levanta. Ë como pintar unha fachada ou unha terraza cando estiveran molladas. ¿ Farian isto na súa vivenda, ou llo deixarian facer a un mal profesional?. Que cada un saque as súas consecuencias.
Entendo perfectamente, o lentos que son os tramites administrativos para adxudicar as obras: conseguir o diñeiro, intervención, secretario, aprobación, etc. Para eso hai que empezar a tempo. O presuposto deste ano (134 000 euros) vai ser imposible executalo. A mellor solución seria pasolo para o ano 2015. Co que choveu este pasado fin de semana (máis de 100 litros en tan só dous dias) non permitirá facer ningún tipo de asfalto. Se se fixera , seria unha irresponsabilidade
Desgraciadamente non se aprende duns anos para outros. E moitos xa levades varios anos , varias lexislaturas no concello. Pasa esto, con todolos partidos e con casi todalas “Aministracións ”. Vexamos: A conselleira de Medio rural, da Xunta de Galicia, e o Presidente da Deputación de Lugo, firman un convenio para invertir casi 7 millóns de euros para 2 anos. A metade (3,5 millóns) este ano 2014, e a outra metade no 2015, para gastar en infraestruturas rurais nos concellos da provincia de Lugo. Como podemos deducir desa información, os erros se repiten.¿ Como se espera a firmar un acordo tan importante e tan elevado económicamente, a finais de ano? .E dicir, que a metade se quere executar este ano. Ou se pasa todo para o 2015, e se olvidan de que é ano electoral, ou será un diñeiro moi mal xestionado. Claro, é noso, de óodolos cidadáns , e non co seu diñeiro.
Quero aproveitar para comunicarlle o alcalde, que nas obras que nos corresponda na parroquia de Vilausende, non queremos ver na mesma a empresa do Chispa, para ningun tipo de obra, como así o decidimos na asociación de veciños. Tres obras que realizou para o concello na parroquia , foron un auténtico fracaso. Non queremos que se repita.

20141201

Unha nova xa vella sobre Ribadeo en Común, e outra máis

Téñenseme pasado un par de  notas de prensa de política local que axuto agora embaixo. Ambas afectan á plataforma ReC de xeito diferente. Na primeira, a plataforma da nova dos seus cargos para un período de tres meses, un paso máis dentro da súa rápida marcha na que está a traballar arreo para autoconstruírse como unha alternativa ó concello coa que haberá que contar no futuro. A segunda, do Círculo Podemos de Ribadeo, especificando a súa diferenza coa plataforma veciñal a traverso dun mecahisno sinxelo: polo momento non hai apoio de Podemos a ReC sinxelamente porque aínda nin foi pedido, e polo tanto, menos aínda, estudado. Outra cousa é que poda haber unha simpatía mutua, resultado de métodos e ideas que poden resultar confluíndo en moitas cousas.

Nota de prensa (ReC):
Nomeamento de responsables da Plataforma Ribadeo en Común
Ribadeo, 22 de novembro de 2014
Trala redacción e publicación do seu Manifesto, e o deseño da súa estrutura organizativa, na asemblea da Plataforma Cidadá Ribadeo en Común do pasado martes 18 de novembro tivo lugar a elección dos cargos da organización. 
A elección realizouse por voto secreto entre todos os asinantes do manifesto, sen que ninguén se propuxese a priori para ningún dos postos. O resultado foi o seguinte: 
Coordinador: Mario Penelo 
Secretario: Victor Villar 
Tesoureiro: Evaristo Lombardero
Portavocías: Maica López e Iván Rodríguez 
Comisión de garantías: Emilio García, Carmen Manzanal, Antonio Gregorio, Mavi Louro, Jon Urbieta. 
Os cargos teñen unha duración dun trimestre, repetíndose o proceso ao cabo dese período. 
Na mesma xuntanza se puxeron en marcha os grupos de traballo que se encargarán de deseñar a estratexia de comunicación, de artellar e promover o proceso participativo coa veciñanza e de debuxar o borrador de proposta programática que será presentado aos veciños para a súa modificación e enriquecemento.

NOTA DE PRENSA 20141121(Círculo Podemos Ribadeo)
O Círculo PODEMOS de Ribadeo, emite o presente comunicado para aclarar algúns comentarios e/ou rumores que poden confundir á opinión pública do concello de Ribadeo.
Ata a data de hoxe, o círculo PODEMOS de Ribadeo non apoia ningunha candidatura municipal nin lista electoral ó concello de Ribadeo, pois aínda ningunha plataforma cidadá nin de outro tipo se puxo en contacto co círculo PODEMOS de Ribadeo para explicar o seu programa nin solicitar o seu apoio.
Se nun futuro algunha candidatura ou plataforma así o fai, o círculo PODEMOS de Ribadeo estudará a proposta e tomará unha resolución ó respecto, comprometéndose a facer pública a súa decisión no menor tempo posible.
En Ribadeo, a 21 de Novembro de 2014
Prégase ós medios de comunicación que se queiran facer eco desta nota de prensa, a súa difusión literal, para evitar calquera tipo de dúbida ó respecto. Moitas grazas

Unha nota máis: o Manifesto de Ribadeo en Común é o primeiro comunicado do grupo, aínda que con anterioridade, escribiuse unha nota de chamada que está aquí, na que se expoñen algunhas cousas de xeito preliminar, xa superado polo proceso posterior.