20150325

Maduro, escoitando, foto... achéganse as municipais

Son cambios imperceptibles, pero haber, hainos. dende que pouco a pouco as campañas electorais deixaron de estar reducidas ás datas previas ós comicios para ir pouco a pouco estendéndose a todo o período interelectoral, cada vez se distinguen menos as fases, pero segue a habelas. E estamos xa nunha das fases finais.
En Ribadeo, o sábado presentouse a candidatura do BNG, e durante os días anteriores foran divulgados outros movementos, como o candidato á alcaldía do PSOE, ou, no PP, desenvolvendo a madexa pouco a pouco, o segundo posto da lista e o terceiro mentres nunha implosión/explosión UPRi pasaba a ser reconvertido como Cidadáns en Ribadeo, e a plataforma veciñal Ribadeo en Común mergullábase na cidadanía para prepararse para ter avais para ser unha agrupación de electores, pero tamén candidatos.
A candidatura cidadá de ReC pídeo todo a cidadanía: ideas, apoio, programa, candidatos... pretendendo ser sinxelamente participación cidadá. A máis de novas sobre a presentación que se vai desenvolvendo en diversos lugares, o seu blog vai enchéndose co manifesto, faro da súa andaina, a súa organización interna, ou coas normas das primarias que xa están en marcha para que quenqueira se sume. Queda moito camiño e pouco tempo.
Cidadáns, despois do trasvase de siglas, está desaparecido, case nun desvaecemento semellante ó que está a sufrir a idea da propia cidadanía nos seus dereitos.
O PSOE parece ter outra estratexia: onte mesmo remata de lanzar unha campaña, 'queremos escoitarte' que da unha visión como de esperar sentado a que veñan as ofertas de compra en horario de oficina. Tamén hai algunha proposta nos medios coa foto correspondente.
O PP, na súa longa andaina de desbarate contra o partido de goberno, vai deixando caer de xeito oficial ou extraoficial máis ataques, disparando contra todo o que se mova. A día de hoxe iso é a novidade, o seguir na mesma liña.
E o BNG, unha volta presentada a candidatura ao completo cunha renovación parcial, coa fortaleza que da unha óptima posición de saída, xa ten na rúa o seu 'Parladoiro', publicación básicamente de ensalzamento preelectoral, que certamente é vistosa e está chea de actividade relacionada con estes anos de mandato. O seu equipo vai ademais pillando espazo nos medios a toda cor guiado polas novas de ribadeo.org: non lin os xornais hoxe, pero aposto a que hai unha foto de alguén do equipo de goberno.
Do título, queda por aclarar o comezo: Maduro. Foi o 'paxariño' que me impulsou a escribir dun xeito deslabazado sobre as próximas municipais. Para entendelo, hai que ler (sen gran aquel, pero cun sorriso) 'El pajarito de Nicolás Maduro me habló ayer'...
Mentres, pregúntome que pasaría no pleno de onte. Fuches? Enterácheste? Participaches? A ver se ó longo do día...

Ningún comentario: