20150512

Presentación curiosa: Apuntes sobre Ribadeo


Cortopego e comento embaixo unha nota da sección de novas da web do concello [Para quen non queira esperar, as primeiras páxinas de Apuntes sobre Ribadeo de Méndez San Julián (e as segundas) en versión fotocopiada de man en man, e polo tanto, baixa calidade]:
"A PRIMEIRA EDICIÓN DATA DE 1884
Apuntes sobre Ribadeo
11/05/2015
O salón de plenos acolleu esta tarde a presentación da edición facsimilar do libro "Apuntes sobre Ribadeo", unha compilación de actas do Concello dos séculos XVI ao XIX, que realizou o que fora alcalde, Fernando Méndez San Julián. O servizo de publicacións da Deputación de Lugo foi o encargado de reeditar este libro, do que se porán á venda 500 exemplares, que recollen un anaco da historia de Ribadeo. Ao acto asistiron o alcalde, Fernando Suárez; a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; e os voceiros municipais.
Na súa intervención Suárez Barcia sinalou que "desde hai un tempo levabamos pedíndolle á Deputación de Lugo, para que a través do seu servizo de publicacións, puidera axudarnos a non perder esta historia, porque Ribadeo é un concello con moita historia, non se creou como outros de cerca no século XVIII ou no XIX. E este era un cachiño da historia que estaba en moi poucas mans e queríamos socializalo”. E lembrou que “nos últimos tempos estivemos a colocar novas placas das rúas con pequenos datos históricos, para que a xente que nos visita e os que somos de aquí saibamos exactamente o que agochan eses nomes e a historia dos anos. O vicepresidente da Deputación prestouse e traballou activamente para que puideramos ter esta edición facsimilar de Apuntes sobre Ribadeo".
O rexedor engadiu que "como é algo institucional e histórico quixemos que estivesen aquí os voceiros da Corporación Municipal actual para que asistan á presentación deste anaquiño da historia local".
Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, dixo que "este libro permite ter un compendio de datos interesantes para os estudosos e investigadores que queiran coñecer a historia de Ribadeo ou que queiran trasladar isto ás xeracións vindeiras". E tivo palabras de agradecemento para o xefe de publicacións da institución, Xan Ramiro Cuba, "porque se volcou moito para que a día de hoxe este libro estivese listo. Sobre Ribadeo non é o primeiro libro que publicamos, porque fixemos moitos máis nestes catro anos". E manifestou que vai ler este libro "porque me gusta furgar na historia".
Por último, Eduardo Gutiérrez, voceiro do PSOE, como coñecedor da historia de Ribadeo e da figura do alcalde Fernando Méndez San Julián, indicou que "é unha persoa curiosa. Naceu en 1835, foi profesor da Escola de Náutica de Ribadeo en 1872 con 37 anos. Nesa época xa estaba aquí, estudou leis en Oviedo, etc. En 1873 foi presidente do Círculo de Recreo, o famoso Casino, situado no que foi logo o colexio das monxas, na rúa Trinidade. Era unha das sociedades máis poderosas da época en toda a provincia. En 1877 con 42 anos foi alcalde, non foi o rexedor máis novo, a el gañeille eu e a min Fernando Suárez Barcia. No ano 1878 dimite porque foi nomeado promotor fiscal, unha especie de axudante do fiscal. É un termo que hoxe non se emprega".
Gutiérrez subliñou que "era unha persoa moi preparada, moi culta e moi ilustrada. En 1879 hai unha serie de artigos publicados na Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Murguía. No 1880 asina o seu testamento con 45 anos, no 83 asina o prólogo dos Apuntes sobre Ribadeo e no 84 edítase o libro. E falece en 1902 aos 67 anos. Está enterrado no cemiterio municipal de Ribadeo".
Hai que lembrar que en xaneiro de 2014 o alcalde ribadense, Fernando Suárez, recolleu no Arquivo do Reino de Galicia uns 40 libros que o Concello lles enviara había trinta anos para a súa restauración. Neses libros había actas municipais, exemplares relacionados co porto comercial e diversas documentación histórica de Ribadeo. "
Saúdo a edición dun libro histórico para Ribadeo, que marca un resumo de actas equivalente a tres séculos longos da vida do pobo. Chama a atención a presentación en petit comité, moi democrático a nivel pleno municipal actual, que se podería considerar de perfil baixo cara ás próximas eleccións. A cousa cambia cando se ve que o único dos presentes non pertencentes ó BNG e que se volve presentar ás eleccións non é mencionado na nova, o que acompaña a que o alcalde actual é citado máis veces que Fernando Méndez San Julián, ou que, para querer ser mantido de perfil baixo, é das novas máis longas da web.
Como apuntei ó comezo, o libro levaba xa tempo sendo fotocopiado dunhas a outras mans por Ribadeo adiante, chegando a estar en parte incluído no xa inexistente 'Publicado en Ribadeo' mercede a unha copia que conseguín, dunha calidade que me aconsellou non seguir escaneándoo a partires dunha determinada páxina. Ese é o motivo de que o teña colgado xa.

Ningún comentario: