20150928

29 non, 18 si

Si, xa sei que hoxe o tema son as eleccións catalanas, pero con toda a súa influencia en Ribadeo, que a teñen, os números do título non representan votos nin porcentaxes referentes a elas.  Son algo máis 'de aquí'.
Resulta que onte collín un 'Ágape', a revista da parroquia, onde aparecían certos números referidos a todo Ribadeo, ás parroquias do concello, durante os meses de abril a xuño, o segundo trimestre do ano. Números que indican os servizos prestados. Os do título, 29 non, 18 si, representan algo así como os que xa non están entre nós e os que xa están entre nós: a grande maioría da xente segue a requerir os servizos da igrexa para rematar a súa morte e para dar a benvida á vida. E, se facemos unha extrapolación ó ano, resultarían 116 non, 72 si: cifras aproximadas ás de defunción e nacementos do ano pasado, que seguramente tamén o serán ás deste. Case un déficit de 50 ribadenses ó ano, sen contar os movementos migratorios, e equivalente á capacidade da nova residencia de anciáns. Ou se se quere, unha taxa de reposición de xente dun 60%. Por suposto non é a primeira vez que se di, nin que o digo: algo así como un suicidio como pobo. Que nos invaden, din algúns. Coido que tamén (máis apropiado) se pode pensar que están a ocupar o terreo que deixamos.

Ningún comentario: